Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta eoditorial. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta eoditorial. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20240412

Presentación de 'A temperie ribadense no século XXI (ate 2023)'

     Onte, Sábado 13 de abril, ás oito da tarde, na Biblioteca pública municipal de Ribadeo 'Viejo Pancho' tivo lugar a presentación de 'A temperie ribadense no século XXI (ate 2023)', a primeira presentación dun libro nese espazo. Despois dun pequeno comentario deixo o cartel, varias fotos, o audio e o borrador da intervención e as diapositivas amosadas no acto.

    Comezou falando Mónica Martínez, bibliotecaria do lugar, sintetizando nas súas palabras unha evocación do acto. Continuou Daniel Vega, alcalde de Ribadeo, que se puxo ó servizo da cultura do pobo e gabou ó autor. Logo foi a quenda de Antonio Andina, representante de Eoditorial, quen xa enfocou o tema cara o libro, e finalmente do autor, eu mesmo, dividindo a presentación en dúas partes, unha, sobre as circunstancias do libro, e a segunda, con apoio das diapositivas, unha explicación sucinta dalgúns feitos tratados no libro. Rematou o acto tras algunhas preguntas realizadas.

    O libro, para mercar en Eoditorial.


Vista xeral do acto (G. Gómez)
Intervención de Mónica Martínez (M.J. Besteiro)

Falando da presión (M.J. Besteiro)
Coa temperatura (M.J. Besteiro)

Primeiro plano (C. Castro)
Vista dende atrás (Diego C.)

Intervención de Mónica M. (Diego C.)
Momento da intervención (D. Fernández)

Asinando (D. Fernández)

20240127

Da presentación de 'Universo Aurora Sampedro Piñeiro'

    Onte (20240126) tivo lugar en Ribadeo a presentación do libro Universo Aurora Sampedro Piñeiro. Deixo xunto a estas verbas unha foto cedida por Eoditorial, a gravación sonora do acto (a falta de un minuto inicial) e o texto lido por min.


    Sobre o audio: Casa do Viejo Pancho, 26 de xaneiro de 2024. Na mesa, por orde de intervención, Begoña Sanjurjo (Concelleira de cultura), Antonio Gregorio, Antonio Andina (Eoditorial), Manuel Rivero (autor)

    A obra presentarase en diversos lugares de Galicia, esperando a súa tradución ó castelán. Asemade, proximamente, será transmitida unha presentación a nivel estatal  mediante a canle da UNED.

20240619

Presentación de 'El Viejo Pancho. de Ribadeo a El Tala pasando por Navia'

     Deixo a invitación, a portada do libro e algúns axustes:


    O texto da invitación é claro:

'

INVITACIÓN
Antonio Andina Penabad EOditorial
Valentín de Torres Solanot Del Pino, E2 IN2
Pablo Rodríguez Fernández “Vivín”


Comprácense en invitar a vostede ó acto de presentación do libro:

El Viejo Pancho. de Ribadeo a El Tala pasando por Navia


onde diversas personalidades do mundo académico e cultural de Galicia e Uruguai
presentaranos as 744 páxinas coordenadas por Pablo Rodríguez Fernández “Vivín”, que inclúen traballos inéditos, novidades e estudos sobre a vida e obra deste ribadense universal.
Data: venres, 21 de xuño de 2024
Hora: 20 horas
Lugar: Teatro de Ribadeo 

'


Na presentación participarán:

Como presentador, o periodista e especialista en temas migratorios, además de ser un dos colaboradores da publicación, MARTÍN FERNÁNDEZ VIZOSO.

Mais 

- RAMIRO RODRÍGUEZ BAUSERO, Cónsul General de la República Oriental del Uruguay. 

- PABLO RODRÍGUEZ FERNANDEZ “VIVIN”. Autor do libro. 

- VALENTÍN DE TORRES SOLANOT DEL PINO, responsable de “E2 IN2” (patrocinadora do premio de Poesía 'El Viejo Pancho'). 

- ANTONIO ANDINA PENABAD, da editorial “EODITORIAL”. 

- EDUARDO GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ, Cronista Oficial de Ribadeo. 

- MARCELINO FERNÁNDEZ SANTIAGO, Consello da Cultura Galega. 

- DANIEL GARCÍA FERNÁNDEZ, Deputación de Lugo. 

- ANA ISABEL FERNÁNDEZ GARCÍA, Alcaldesa de Navia (Asturias).

E por por videoconferencia, dende a casa de “El Viejo Pancho” en El Tala (Uruguai), responsables da Comisión de Cultura.

    O libro ten 744 páxinas, contido inédito e estudos diversos. Case cen colaboracións danlle corpo. Indica o autor que pretende deixar constancia para futuras xeneracións de quen era Alonso Trelles a ambas beiras do océano, e valoralo.

20241018

Masóns en Ribadeo. Unha cita para este sábado

    Adxunto os datos da presentación dun novo libro, non na biblioteca, senón no salón dos alcaldes.


COMUNICADO DE PRENSA
 PRESENTACIÓN ESTE SÁBADO NO PAZO MUNICIPAL DE RIBADEO DO LIBRO DO PROFESOR ALBERTO VALÍN: “GALICIA Y LA MASONERÍA EN EL SIGLO XIX”.
Este sábado 19 de setembro ás 19:00 horas no Salón dos Alcaldes do Pazo do Concello de Ribadeo, Alberto Valín, profesor da Universidade de Vigo, presentará coa compaña de coñecidos mariñáns, o exalcalde e cronista oficial de Ribadeo Eduardo. Gutiérrez Fernández, o xornalista Martín Fernández Vizoso, a historiadora e doutora en Historia da Arte Celia Castro Fernandez, e o editor de EOditorial Publicaciones Antonio Andina Penabad, o libro titulado Galicia e a masonería no século XIX. Conspiración liberal, laicismo, galeguismo rexionalista e protofeminismo. 
Obra que, entre outras moitas cousas relevantes para a historia de España, así como para a de Galicia, representa un excelente exemplo de como foi a historia da masonería española desde os seus inicios ata a crise colonial de 1898. O descubrimento máis relevante desta obra foi a nova técnica de golpe de estado liberal que, en febreiro de 1820, e empregando a loxia masónica coruñesa como célula revolucionaria conspiradora, integrada por tres soldados da Mariña (dous de Viveiro, e outro de Ribadeo e, por certo , con familia con residencia este último no antigo pazo que hoxe serve de pazo municipal e onde se presentará este libro), dous asturianos e dous coruñeses, estes masóns conseguiron, coa revolución que provocaron, outorgar á historia de España a chegada do Trienio Constitucional (1820-1823), copiando esta nova técnica de golpe de estado do resto das burguesías subversivas de Europa e América do Sur. Despois deste acontecemento, este libro fálanos, por exemplo, das loitas laicistas, tanto no ámbito escolar como no ámbito político, levadas a cabo polos masóns galegos, a participación dentro da masonería dos primeiros masóns galegos como Losada Astray, Curros Enríquez, Leiras Pulpeiro, Moreno Barcia, etc. Ademais de amosar un exemplo ata agora descoñecido da masonería rural e a masonería galega tamén sendo a primeira, a nivel universal, en levar a cabo o feminismo masónico igualitario.
 https://www.eoditorial.com/profile/alberto-valin-fernandez/

 

20250125

Recuncho da lectura: A mancha na parede e outros relatos

 


 Recuncho da lectura: A mancha na parede e outros relatos

     A mancha na parede e outros relatos. Chemi Lombardero Rico. ISBN - . Eoditorial. Ribadeo 2024. 56 px.

    Libro que me foi agasallado, non está (ao menos, aínda) distribuído comercialmente.
    Non, non é unha continuación de 'A morte de Colasón' nin por suposto dun ensaio de Chemi, senón un conxunto heteroxéneo nas historias, homoxéneo no estilo, e autónomo en cada unha das breves historias que o constitúen. Lectura agradable, que podendo tomarse de corrido dunha sentada, aconsello ir desgranando unha a unha para adentrármonos nunha realidade que poida que sexa imaxinada e imaxinativa, si, pero tamén se sinte próxima e real.
    -- Nota posterior:
    O 15 de febreiro, Carlos Álvarez Lebredo saca na Comarca del Eo (nº 5472, p.4) o completo artigo que reproduzo a continuación sobre o libro:

Segundo libro de relatos de Chemi Lombardero

Un exercicio de estilo

Carlos Álvarez Lebredo

    Acaba de aparecer o libro ‘A mancha na parede e outros relatos’, segunda entrega de Chemi Lombardero neste subxénero narrativo que é o relato breve. Moi breve, neste caso concreto. Estes son doce contos aínda máis breves que os dez que conformaron en 2020 o libro ‘A morte de Colasón e outros relatos’. Flutúan entre as dúas e as tres páxinas e media de extensión.

    Para lograr tal concisión ―nuns relatos en prosa que necesariamente teñen que ter un desenvolvemento antes de conducir ao lector a un remate― Chemi Lombardero fai un esforzo de depuración léxica moi na liña do que postula, por exemplo, Augusto Monterroso no seu célebre Decálogo do escritor: “O que poidas dicir con cen palabras, dío con cen palabras; o que só con unha, con unha”: cuarto mandamento de Monterroso, case concomitante co destoutro mestre do conto Julio Ramón Ribeyro: “O conto debe ser directo, sen ornamentos nin digresións. Deixemos isto para a poesía”.

    Esta depuración léxica, orfebrería que traballa ben Lombardero, obrígao a “non contalo todo” nos seus brevísimos relatos. Falta neles unha información narrativa que el escamotea a mantenta e que debe encher cada lector coa súa actitude, madurez e experiencia lectora: velaí o interese destes relatos. Dan marxe, danlle un papel ao lector para que participe activamente como instancia imprescindible no “acto de lectura” para encher “os espazos de indeterminación do texto” (tecnicismos crítico-literarios ambos, acuñados polo crítico Wolfgang Iser), e non se limite a ser un mero lector pasivo. Este seu papel activo, que involucra moito máis aos lectores na proposta narrativa do autor, é o que tamén reclamou hai tempo Umberto Eco definíndoo como unha “cooperación interpretativa do texto narrativo”; sintetizouno nunha expresión que contén o título dunha das súas obras máis famosas: introducir o “Lector in fabula” (obra de 1979). Xa na súa anterior obra ‘Opera aperta’ (1962) postulaba que “se deixe ao lector a iniciativa interpretativa dos textos”. E este é un dos xogos que propón Chemi Lombardero nos seus relatos: suxerir pero non contar, deixar entrever interlocutores ocultos nos diálogos e tamén sobreentendidos varios que o lector se ve obrigado a encher para darlle sentido completo ao conto. Por poñer uns exemplos, os relatos “O final” ou sobre todo “A miña tía”, no que non lle queda outra ao lector que activarse porque o texto, en menos de dúas páxinas, di o que di. E máis nada.

    Contrasta o estilo breve e depurado destes relatos coa outra prosa pragmática ―case didáctica― á que nos ten acostumados este escritor nos seus libros de investigación e divulgación histórica: sobre a sociedade ribadense, os indianos, o porto comercial de Ribadeo, os fornos de cal, etc.

    A solución de brevidade pola que opta Lombardero nestes contos que comentamos non son senón o froito dun calculado traballo de depuración técnica e estilística. Un exercicio de estilo. Creo lembrar que hai bastantes anos este autor (e amigo) deixoume ver un relato del que, ao cabo do tempo, noto que era unha primeira versión do que agora é o conto titulado “A arribada”. Daquela primeira escritura, que creo que situaba o conto no porto de Luarca, queda agora un relato reelaborado, moito máis estilizado, sen localización concreta, reducido ao esencial e moito máis logrado. Chemi Lombardero, lector e admirador desde mozo ―cónstame― de mestres do relato curto como Dieste, Castelao ou Marcial Suárez, bebe nestas fontes ambientais e estilísticas (quen non, xaora) á hora de idear as súas historias ―literaria e inequivocamente orixinais― e transformalas nestes relatos tan breves. E apréciase nalgúns destes contos de Lombardero o mesmo gusto que o primeiro deles por rematar o relato cun final incerto, en certa medida misterioso, aberto (de novo, o papel activo do lector): “O furado”, “O recolledor de pecios”.

    A son destas consideracións técnicas cómpre engadir o coidada que está a lingua que emprega Lombardero, algo non moi habitual en moitos outros relatos contemporáneos que se publican a cotío e nos que parece máis importante chegar á meta como sexa (publicar) que coidar o vehículo que se conduce (a lingua).

    En canto ao substrato argumental, cómpre indicar que a maioría dos relatos bucean nun tempo pasado, escasamente precisado no texto. Hai poucas historias que poidamos cualificar de contemporáneas: nin en relación co autor nin, moito menos, co momento da escritura ou da edición. O motor argumental da maioría dos relatos é a memoria. Memoria do vivido hai tempo ou memoria do escoitado, cousa en absoluto cuestionable. Outra cousa sería que en vez da memoria fose a nostalxia quen movese a inspiración: disto estamos sobrados en recentes textos narrativos e xornalísticos de opinión, e os seus autores non acaban de caer na conta de que a nostalxia sempre é un erro. En narrativa tamén. Escapan a esta tendencia dous relatos que si podemos situar nun tempo da historia máis ou menos contemporáneo: “Foi a nai” e “A miña tía”, ambos reflexo de dous tipos de tensións intrafamiliares moi dos nosos tempos.

    Neste punto cómpre preguntarse: a perspectiva do narrador (dos narradores) é a perspectiva do autor real? É que o presente non inspira argumentos? Persoalmente, como lector respecto a opción de Lombardero. Pero agardo del unha terceira entrega de relatos menos dependentes do fío da memoria e nos que mostre un maior ‘aggiornamento’ creativo. É dicir, uns contos que emanen máis de realidades e miradas contemporáneas e que confronten mellor con acontecementos dos tempos presentes. Eis o “horizonte de expectativas” (terminoloxía proposta por Hans-Robert Jauss) que eu mesmo me impoño para futuras entregas narrativas de Chemi Lombardero. Certo é que, visto desde outra perspectiva, este recurso á memoria pasada permite ver nalgún dos relatos aspectos dun tempo que xa non volverá e que mesmo as xeracións máis novas descoñecen absolutamente, v. gr. o teléfono de cables e chavellas que manexan as telefonistas, que aparecen no conto “A fuxida”.

    Dentro deste potente magnetismo da memoria que ordena os argumentos dos relatos de ‘A mancha na parede…’ operan dous factores narrativos, que moi ben poderían ser previamente extranarrativos: a familia e a casa. (Cada lector pode tirar as súas conclusións e ter unha opinión ao respecto da expresiva fotografía que se inclúe na páxina 9). A familia (nai, tía e especialmente o pai) vertebran máis da metade dos contos; e tamén a ausencia física da familia, pero omnipresente no relato, como é o caso do neno protagonista do conto “O recolledor de pecios”, criado sen pai nin nai. Avó, pai e netos (ou avoa, nai e neta) son tres doas dun mesmo colar que aparecen simultaneamente engarzadas e presentes nos contos: “A arribada”, “Un home feliz”, “A miña tía”. No primeiro deles mesmo o fillo é un receptor inmanente do relato: o texto mostra ao pai narrador, que evoca ao avó, pero que se dirixe directamente ao fillo; este escoita e, ao mesmo tempo, o lector le. A casa é o lugar de transacción de afectos e desafectos, diálogos e tiranteces, noutro grupo de contos. Medio libro son relatos de interiores. De interiores físicos, queremos dicir: de casas, de domicilios. Porque de interiores das persoas… diso si que vai todo o libro e non defrauda.

    Sei por radio macuto ―polos arames das viñas, que din os usamericanos con esta axeitada frase que me parece visualmente acertada e moito máis expresiva cá outra― que case todos os relatos de ‘A mancha na parede…’ están baseados, sequera lonxanamente, en feitos reais que nalgún momento lle chegaron ao autor en forma de contos, anécdotas e mesmo brincadeiras. Non estaría mal que, dada a coñecida amenidade do autor nas súas charlas, ofrecese unha que relacionase os personaxes e as historias reais que hai detrás destes contos, o momento e contexto da súa recepción, o proceso de elaboración literaria e o seu resultado e conversión en artefactos narrativos que, en definitiva, é o que son. Podería suceder, por exemplo na próxina Feira do Libro de Ribadeo. Por suposto, permitindo a interacción cos lectores, que estariamos entre o público.

    Cómpre valorar, para finalizar, o apoio editoral que hai detrás deste libro e que vén da man de Eoditorial Publicaciones, empresa que desde Ribadeo anima o noso conveciño Antonio Andina. Nos últimos tempos permitiu tamén a aparición de obras como a voluminosa colectánea de ensaios sobre El Viejo Pancho, os poemas e novelas saudables de Lucía Ferro, a novela de Rosa Paz Rico ou os estudos climáticos de Antonio Gregorio: autores, autoras e temáticas estreitamente vencelladas á cultura ribadense.

--
    O pdf na Comarca.

20240729

Falando do Viejo Pancho


Falando do Viejo Pancho

    Este días de xullo Ribadeo lembra ó Viejo Pancho.  De xeito privado ou social, co concurso de contos organizado por Eoditorial, coa publicación de El Viejo Pancho. De Ribadeo e El Tala pasando por Navia, ou coa celebración institucional que rematou cunha ofrenda floral despois de ser representada "El rigor de las desdichas, juguete cómico en un acto y en verso" e presentado "El Viejo Pancho. Antoloxgía poética bilingüe" ou a páxina elviejopancho.org, con información diversa.

    O que non sabía é que xa en 1956 Xulio Sigüenza Reimundez entrou na RAG cun discurso en castelán sobre "Un gallego universal:José Alonso Trelles (El Viejo Pancho)", que pode descargarse en pdf e que pode servir como introducíón ó libro de Pablo Rodríguez, Vivín ou ás poesías traducidas recentemente. Boa lectura!

20241219

Recuncho da lectura: Laídos cardíacos. Poemario autobiográfico

 

Recuncho da lectura: Laídos cardíacos. Poemario autobiográfico

    Laídos cardíacos. Poemario autobiográfico. Lucía Ferro. ISBN 9788412847185. Eoditorial. Ribadeo, 2024. 186 px.

    Non é a poesía un xénero que frecuente. E necesito tempo para ir, páxina a páxina máis que poema a poema, integrándoa con traballo no meu universo persoal. O último que lera fora xa na década pasada, a 'Antología poética' de Gamoneda en Austral, e este libro veu lembrarme a existencia da poesía. Neste caso, unha poesía dura na súa transcendencia, que amosa o recoñecemento do achegamento dun percorrido vital ó ser da autora e ó ser hoxe. Unha reconciliación, pode que aínda sen rematar, que fai extensiva a quen o le.

    Sobre a presentación. É dicir, máis do libro.