Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta arqueoloxía. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta arqueoloxía. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20210818

En consideración do Museo da Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba

   Fágome eco dun correo electrónico dos Amigos do Museo da Prehistoria e Arqueoloxía que coido merece difusión.


O Organismo Autónomo Local "Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba" (MUPAV) nos seus trinta anos de existencia converteuse nun referente para a museoloxía e para a investigación arqueolóxica na Península Ibérica. A pesar dos precarios medios que sufriu dende a súa fundación, ven desenvolvendo unha importante tarefa de custodia, investigación e divulgación do patrimonio arqueolóxico.

Nos últimos anos a súa situación económica empeorou, xa que o orzamento aprobado pola institución da que depende (Concello de Vilalba, Lugo) non é suficiente para sufragar os gastos correntes, asumindo a Asociación de Amigos do Museo de Vilalba os gastos relativos ás actividades de extensión cultural.

O incumprimento por parte do Concello de Vilalba das súas obrigas de conservar e manter os locais públicos ocupados polo MUPAV, agravado por unha serie de desgrazas (incendio, inundación e goteiras), está comezando a provocar efectos prexudiciais sobre o patrimonio histórico e bibliográfico custodiado polo MUPAV. Efectos que a Inspección de Traballo requiriu a súa corrección para que o persoal poida desempeñar as súas funcións de acordo coa lexislación laboral vixente.

Por todo isto, a Asociación de Amigos do Museo de Vilalba solicita o apoio a este movemento cívico, así como a adhesión ao presente manifesto e a súa difusión, agradecendo de antemán a axuda e colaboración prestada.

 

 

MANIFESTO.

1.- A firme e ineludible necesidade de expor publicamente esta situación no maior número de lugares, ocasións e formas posibles.

2.-A convicción de que o MUPAV ofrece un servizo público irrenunciable para unha sociedade culturalmente desenvolvida e constitúe un elemento clave para o desenvolvemento social, cultural e turístico do seu entorno xeográfico.

3.- A necesidade de dotar ao MUPAV de recursos suficientes para que poida continuar coa súa misión, reforzando a entidade na fórmula administrativa que mellor se adapte ao pleno desenvolvemento dos seus obxectivos.

4.- A intención de trasladar, ás distintas administracións, organizacións e instancias europeas segundo corresponda, o risco que supón para a conservación do patrimonio histórico a falta de mantemento do edificio MUPAV.

5.- Avaliar os recursos legais pertinentes, sempre que non se produza a reversión da situación e non se establezan as medidas necesarias para a conservación do patrimonio histórico.

 


 

Para adherirse ao presente manifesto pode encher e enviar este formulario por correo electrónico a amigos@museovilalba.org, tamén pode envialo por correo (AMUPAV, Dr. Domingo Goas, 2, 27800 Vilalba, Lugo) ou entregalo no Museo sede.

 

Os datos recollidos gardaranse nun ficheiro de tratamento mixto pertencente á Asociación de Amigos do Museo de Vilalba. Pode exercer os dereitos de acceso, rectificación, eliminación e portabilidade dos datos e oposición e limitación ao seu tratamento ante a entidade responsable (amigos@museovilalba.org).

--

Nota: A pesar do que di , non traía ningún formulario, polo que quen queira debe poñerse en contacto directo mediante o correo.

Nota2: xa está dispoñible o formulario. Déixoo a continuación para quen queira imprimilo ou sinxelamente copiar os datos que piden e envialo:



20221101

Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Pode que o hostal de Santo Domingo de silos fora o que me atopei con mellor calidade / prezo. Iso pensei daquela co que levaba de viaxe, e sigo a pensar agora, ó remate. A saída de Santo Domingo de Silos, ó amencer, cun certo relente e ceo despexado, fixo moi manexable a subida de noto ó alto de Carazo. Tanto máis que a estrada deserta permitía facerse coa vista dos muros de rocha ás beiras. Deserta? Case! Unha vaca no medio da vía campaba polo seu sitio no mundo, e tentei pasar á súa beira sen molestar moito. Debino conseguir, pois apenas se apartou e tras a curva seguinte, antes de desaparecer da vista, seguía máis ou menos nas mesmas.

Unha vaca na estrada BU 910.
    Chego ó límite da provincia de Soria ás doce en punto, como atestemuñan os metadatos da foto correspondente na estrada N 234, entre Hontoria del Pinar (Burgos) e San Leonardo de Yagüe (Soria). Por certo, a conta do anterior, dous apuntes. O primeiro, a N 234 foi a estrada que máis tempo seguín, polo seu recorrido entre Burgos e Segorbe, pasando por todas as cabeceiras de etapa que trazara entre Burgos e o Mediterráneo (incluído a desta, Salas, aínda que tivera que despois tivera que cambiala por mor do aloxamento). O outro, San Leonardo foi así, a secas, o nome ata o 1952, no que a morte do xeneral golpista Yagüe propiciou que dende Madrid lle cambiaran o nome por decreto lei no BOE o 22 de outubro; hoxe segue a telo, contravindo a lei da Memoria Democrática.
    O pasar de novo o alto e ter unha baixada longa nesta mañá, vivifica. Máis aínda vendo correr a varios cervatos? gamos? polo campo a non moitos metros da bicicleta e durante uns dez segundos. A chegada á N 234, como era esperado, implica subidas non moi empinadas nin moi longas, pero subidas que levan de novo por riba dos mil metros de altura, como o alto de 'la Gallega', preto do pobo do mesmo nome, de 1112 m de altura.
Un alto con curioso nome a moitos quilómetros de Galicia.
    En Hontoria del Pinar, a praza maior baleira, e coa cafetería pechada, tiña un quiosco no medio da praza. Alí un home saía da casa a facer deporte en bicicleta e charlamos un pouco, aconsellándome sobre o seguinte tramo de vía verde, a partir de San Leonardo, para evitar a subida por estrada ó porto de Mojón Pardo (1234 msnm), e seguín o seu consello. Despois de debuxar, recunquei noutro bar que xusto estaba a abrir. Foi alí, en Hontoria, onde me decatei de que era domingo e xa pasara unha semana enteira dende a saída de Ribadeo.
Quiosco da música en Hontoria.
    Por certo, antes de saír o ciclista pasaron por alí dúas persoas, achegáronse e fixéronme unha corrección: non é un palco, senón un quiosco!
    En Hontoria xa se deixaba ver o turismo cara ó canón do río Lobos, que estiven a piques de visitar pero decidindo ó final non facelo por supoñer o alongar a etapa de xeito considerable.
    Así, tirei ata San Leonardo, xa en Soria e tamén adicado ó turismo do canón, e alí collín a aconsellada vía verde, manténdome case 100 metros por baixo do porto da estrada. Foi neste tramo onde aproveitei a subida para facer algunha foto de cousas que xa notara, pero que aquí se manifestaban máis. Pegadas de animais salvaxes nas beiras, restos que poderiamos clasificar dentro da 'arqueoloxía industrial', ou a erosión, que se ía incrementando co avance cara ó Mediterráneo e a terras máis secas. E mentres, neste tramo a vía verde non era das de peor piso, e mantívome lonxe da estrada abondos quilómetros, atravesando lugares que apreciei.
Pegadas á beira do camiño.

Mostras de erosión.

Arqueoloxía industrial.
     A entrada na provincia de Soria marcou o recoñecemento visual de algo que comezara quilómetros antes, que estaba en terra de piñeiros e cogomelos. E onde se aproveitan ambas cousas. Os piñeiros, para madeira ou resina, Os cogomelos, para a cociña.
Cartel nun coto de cogomelos.
    Pouco despois de saír á estrada dende a vía verde, unha igrexa tiña unha figura que me chocou: o campanario parecía una hórreo. A 'Ermita de la blanca', no concello de Cabrejas del Pinar.
Hórreo como campanario na ermida da Virxe da Branca, en Cabrejas del Pinar, Soria.

    Unha vez retornado á N 234 no quilómetro 389, seguín ata Abejar. Na procura dun lugar para comer, atopei o Hotel Puente Pinares referido na web. Entrei e pouco tardei en ver que estaba convertido nun lugar de acollida para inmigrantes. En concreto, topeime cunha familia con apariencia de ter orixe en Siria e sen coñecemento do castelán, e un grupo de ucraínos, tamén con pícaros con algúns xoguetes. Un pouco máis adiante, no mesmo Abejar, a estación de servicio tiña o prato do día. Alí comín e logo tomei un apunte da paisaxe, tras procurar aloxamento en Soria. Sen entrar polo miúdo, a miña estancia alí alongouse varias horas: o aloxamento, collido mediante unha web de viaxes, comunicoume cando xa ía marchar de alí que non admitía bicicletas de ningún xeito. Iso, despois de dicirme a web que si, e non querían devolverme os cartos. A solución que me daban era que a aparcara nun aparcamento público veciño. A bicicleta xa ten uns anos e non é de miles de euros, pero non me apetecía deixala en calquera lugar, e coa axuda de A World to Travel non parei ata amañar o tema, conseguir a devolución e arranxar outro lugar onde quedar que non me puxeran problema para dar bo remate a esta etapa 98 km na que salvei 650 m de desnivel nunhas 6,5 h de travesía por diferentes pisos.
Vista dende a E. S. de Abejar.

    A poucos quilómetros, Soria. A aproximación a Soria foi por unha vía ciclable, o circuíto de Valonsadero. Poucos quilómetros, en xeral en estado aceptable, pero que me desviaron na entrada tendo que dar unha volta para poder atravesar a autovía. Os quilómetros indicados quédanse curtos...

    Soria, xa decaendo a tarde, en festas e en domingo, a tope de xente, non me facilitou tampouco as cousas para cear. Entre paseo e procura, descubrín algún lugar que non coñecía desta vila na que estivera tan só unha vez.

Sobre a portada do IES Antonio Machado, en Soria.
    Un apunte final: unha etapa así dá para un estudo demográfico: a España baleirada vese acompañada do inmigrante, de xornaleiros do campo a rexidores de bares, por especialidades dependendo da orixe. A hostalería, para os suramericanos, os norteafricanos, agricultores... e tamén unha diferenciación por sexo, variando segundo a zona: antes de saír de Galicia, as sudamericanas arrasan como empregadas ou rexidoras da hostalería nos pequenos pobos que atravesei e nos que parei. Nesta zona, en troques, as mulleres estranxeiras case non son visibles, pero non porque non as haxa.
    Deixo para o final da crónica un feito que, sendo unha parvada, aledoume o pensamento por un tempo curto, ata que pasei a outra cousa. Tan curto que se non o poño por medio do relato é porque non me lembro do lugar exacto para situalo na serie temporal. A cousa é que, a piques de coronar un alto, pode que o citado La Gallega, adiántanme dous Porsche 911 seguidos, a unha velocidade alta, pero non demasiado, e coroban segundos antes ca min. Penso: se me tivera esforzado un pouco máis, coroaba eu antes ca eles! Xa digo, coa ocorrencia esbocei un amplo sorriso, como se ese 'por pouco' significara algo.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

20230515

PREHISTORIA NA RIA DE RIBADEO. Pancho Campos Dorado

 


PREHISTORIA NA RIA DE RIBADEO

Pancho Campos Dorado

O termo Prehistoria expresa aquela parte da Historia que abarca estudos do período da vida humana anteriores a aparición de fontes escritas. Cronoloxicamente a Prehistoria supón o 99% do transcurso da Historia do Home sobre a Terra. (1) Dun total preto de catro millóns de anos que levan os homínidos sobre a terra, solo hai documentos escritos de fai 5000 anos, en escritura cuneiforme sobre arxila, anteriores aos xeroglíficos exipcios, polo que o home viviu en culturas ágrafas e a escritura aparece cando xa existe un home moderno cunha avanzada civilización establecida.

Practicamente todo o que se coñece da forma de vida do home prehistórico está relacionado coa Arqueoloxía. Polas súas ferramentas de pedra e de óso intúese a súa forma primitiva de vivir, a súa evolución, o seu coñecemento cognitivo; en que época chegou a dominar o lume e os materiais dos que se valeu para o desenrolo do seu vivir diario.

A poboación máis antiga que se coñece de Ribadeo, aparece nitidamente no xacemento arqueolóxico de Louselas do Paleolítico Inferior, onde se fixeron achados, entre os anos 1980-2000 de raspadeiras, raedeiras, bifaces e fendedores, datados en 480 000 anos de antigüidade, algo totalmente esquecido para o pobo de Ribadeo, pois a administración patrimonial da Xunta mandou as pezas atopadas para o Museo Arqueolóxico de Vilalba e nós, ribadenses, quedamos co terreo baleirado de restos e cunha Memoria Louselas (Ribadeo) do que foi aquilo, que publicou o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (MUPAV Nº6). Por non ter non temos nin sequera unha sinalización do lugar, nin por parte autonómica nin municipal do que é a súa contorna para poder mostralo aos miles de visitantes que temos o ano.

Por outra banda, tamén hai importantes xacementos arqueolóxicos da Cultura Castrexa dos celtas da Idade do Ferro, e da romanización, repartidos en nove castros, catro de litoral: As Grobas (Vilaselán); Fornelos (Piñeira); Meirengos e os Castros (A Devesa); e cinco castros de interior: A Coroa ou a Aira da Croa (Arante); A Pumarega (Covelas); Porto de Arriba e A Torre (Vilaosende) e As Cárcobas (Ove), cuxa situación e toponimia nos explicou nun pequeno libriño, “Sobre os Castros de Ribadeo” o noso inesquecible veciño José María Rodríguez Díaz. Pero é posible que haxa máis xacementos e todos eles esquecidos pola administración da Xunta da Galiza, e polos presupostos municipais, en onde nunca aparece unha pequena partida para descubrir ou, ao menos, sinalizar algúns deles, sequera para facer unha Ruta dos Castros, unha gran ruta turística para os nosos visitantes e veraneantes, incluso para nós veciños de Ribadeo ou para facilitar o camiño a aqueles academicamente preparados que fan investigacións castrexas.

Porén, os materiais arqueolóxicos máis importantes que transcenden incluso a nosa propia Historia particular, están no fondo da Ría de Ribadeo. Son pezas que proveñen das civilizacións avanzadas do Mediterráneo, as máis delas, pezas de cerámica, armas brancas e de fogo, adornos con todo tipo de filigrana, e de distintos materiais, ouro, ferro, madeira... pezas imprescindibles para reconstruír e datar acontecementos non solo da nosa propia Historia, senón da evolución do Comercio Marítimo de Europa.

Pero en Ribadeo, vamos ter que empezar a enumerar as riquezas patrimoniais por “As Desfeitas”. Vemos na prensa, case tódalas semanas, que se destrúen mámoas, antigos elementos estruturais de poboación en espazos patrimoniais dentro do ámbito forestal, sen que se tome ningunha medida administrativa, xudicial ou penal, contra dos depredadores, moitas veces ignorantes do que hai, pois Patrimonio nin por parte da Xunta, nin de Costas, nin do Concello, fixeron unha delimitación visible das zonas de excepción catalogadas como patrimonio da Galiza, e tampouco puxeron a ninguén a vixiar estas prezadas zonas cando se vai a traballar preto delas, para parar tal ou cal desfeita. Moitas veces ó contrario, a administración pechou os ollos e deixaron facer a desfeita impunemente.

A Ría de Ribadeo estase destruíndo día a día coa colmatación de area que a está deixando completamente cegada, e noutros vinte anos poderase ir andando por toda ela en marea chea. Efectivamente. Pero NON SE PODE DRAGAR a Ría sen ter antes mirado o que se está dragando, pois sería un atentado manifesto o patrimonio subacuático cara aos restos arqueolóxicos que son testemuñas únicas e moi importantes para saber de como evolucionou o comercio marítimo na Galiza e en Europa.

Xa no ano 2011 desde a Asociación de Veciños “O Tesón” facíamos fincapé deste despropósito de dragar a ría sen ter rescatado primeiro os bens que por aquel entonces xa estaban inventariados. A contestación de “Cultura da Xunta de Galiza” foi que “un arqueólogo supervisaba os traballos” (A Mariña, El Progreso, mércores 16 novembro 2011). Punto, así nos vai doce anos despois sen solucións efectivas de ningún tipo.

No fondo da Ría de Ribadeo hai tanta riqueza en pecios que unha vez ao descuberto, estudalos será cuestión de dedicarlles unha vida enteira, pero ¿e mellor deixalos onde están, e que vaian desaparecendo pouco a pouco en dragados incontrolados?. Aínda non se convenceu a Xunta, Portos de Galiza ou mesmo o Principado, que a Ponte dos Santos e as escolleras e diques que se foron facendo en “obras inciviles” son unha ruína ambiental totalmente en contra do noso ecosistema, totalmente en contra do Porto Comercial de Ribadeo? Estarán facendoo adrede para revalorizar os portos limítrofes e deixar a Ribadeo ao marxe do comercio marítimo? Non é de extrañar, pois xa acabaron con tódolos barcos de pesca de altura e de baixura, que nada menos chegou a ter 350 homes apuntados no Pósito de Pescadores. Estará pasando o que mesmo que pasa co Xulgado de Primeira Instancia, que non ven por estar mellor en Mondoñedo, Viveiro ou en Lugo?

Como se vai poder manter a profundidade do canal ao Porto de Ribadeo, sen destruír a riqueza da ría? Primeiramente, tería que irse cambiando a estrutura en viga da Ponte dos Santos, por unha ponte en arco ou unha ponte colgante ou atirantada que evite a construción de pilastras centrais, para ampliar a súa luz e a súa altura, creando un gálibo de navegación apropiado e adaptado aos tipos de barcos mercantes modernos, de máis calado e de máis guinda ou altura de topes (air gap); un gálibo que non debera de ser menor de 45 m ou 50 metros de altura que incluso permita entrar a barcos de vela arbolados que navegan ao largo de todo o ano, e principalmente nas regatas máis importantes do Atlántico.

A Ría de Ribadeo e o Porto de Porcillán foron desde sempre o gran refuxio seguro, durante toda a roda do ano, para os barcos mercantes e de guerra nas fortes galernas do Cantábrico, tanto para aqueles grandes veleiros desde a alta Idade Media, como para os pequenos e medianos barcos de cabotaxe de todos os tempos. Teñamos en conta que o tráfico marítimo, foi o gran motor da economía de Ribadeo, e a Ponte dos Santos é un atranco, un estorbo artificial que parece posto a propósito para destruír a Ría, para destruír a hexemonía marítima milenaria de Ribadeo. Aqueles vellos mariñeiros dos anos 1960 e 70 cando se estaba proxectando a ponte e o primeiro “paseo marítimo” que destruíu a dársena e praia de Cabanela, xa o dicían: “A Ría de Ribadeo non é o Duero, aquí hai marea cada seis horas”. Non fixeron caso, e a colmatación de area é incontrolable hoxe en día, pois aínda que se chegara a dragar cada catro ou cinco anos, sería como querer quitar cunha culleriña do café o arrastre de area que pode meter a forza do mar nunha marea.

A día de hoxe, xa non cabe ningunha dúbida de que en Porcillán, fondeadoiro e Porto de Ribadeo por excelencia, xa comerciaban os gregos e fenicios desde antes que chegaran os romanos as nosas costas. Simplemente vendo as pezas que se están atopando nas pouquiñas mostras arqueolóxicas que se fan na Ría, serven para demostrar que este comercio internacional a gran distancia xa existía un milenio antes da nosa era. E faltan de supervisar centos de metros cadrados de superficie do pracer da Ría, para detectar pezas metálicas que se atopan a pouca e media profundidade e decenas de metros cúbicos de area para cribar as decenas de pezas de cerámica, bronce, cristal, vidro e moi posiblemente xoias de ouro fino repuxado ou con engarces variados, que tamén haberá nos preciosos e prezados fondos da Ría de Ribadeo.

De momento o equipo de buceo do arqueólogo comisario Miguel San Claudio, desvelábanos que atoparon unha ánfora grega de 2600 anos de antigüidade (século VII a.C.) peza de cerámica massaliota (da colonia grega de Massalia, a actual Marsella) e que relaciona o comercio a larga distancia máis antigo que se localizou na Costa Cantábrica, o que converte en única a Ría de Ribadeo (Ribadeo, La Atapuerca de Galicia para la Arqueología submarina, La Voz de Galicia, 29-Nov-2011).

A diferenza de criterio entre “Cultura” da Xunta de Galiza e Castela, é que cando se estaba facendo a trincheira daquela liña de ferrocarril no corredor da Bureba tan necesaria entre a conca do Ebro e o río Douro, atopouse o xacemento arqueolóxico de Atapuerca, e inmediatamente se pararon as obras de escavación e se desviou o trazado do ferrocarril pois aquel tesouro humano representaba un achádego importantísimo, unha historia e vida para o seu entorno e o de toda a humanidade. Levan estudando o xacemento desde fai máis dun século, e ao seu redor se fixeron salas de exposicións, museos, escolas de capacitación e estudo, e tódolos anos reciben miles de visitantes.

Aquí temos algo parecido, salvando as distancias, para saber do comercio marítimo da antigüidade de Galiza e de Europa, dos tipos de barcos e dos seus secretos de construción, fábrica e armamento que Cesáreo Fernández Duro xa expoñía en 1880 en “A la Mar Madera”, pero as mentes académicas que pararon a trincheira ferroviaria de Atapuerca, na Ría de Ribadeo brillan pola súa ausencia, e queren dragar a toda costa e destruír toda unha riqueza patrimonial que se sabe de certo que existe. Unha vergoña institucionalizada nas disposicións da Xunta e de Portos da Galiza, e que non debe de tolerarse.

Nós non podemos facer nada inmediato para evitalo, solo patalexar ou escribir algún artigo como este para seguir alertando da pasividade e indiferenza con que se trata desde as administracións este delicado tema que unha vez destruído non ten volta de folla.

Pero, aínda que son ateo convencido, grazas a Deus, como recoñecía Oriana Fallaci, voulle pedir a Divindade do Cosmos por medio da Virxe do Carme Patroa de todos nós, os mariñeiros, que faga algo, que non permita tamañas falcatruadas sen que teñan consecuencias para quen as permita. Amén.

--

1 La Prehistoria y su Metodología, Ana Fernández Vega, Sergio Ripoll López, Amparo Hernando Grande, Francisco Javier Muñoz Ibañez, José Manuel Quesada López, José Manuel Maíllo Fernández y Jesús Jordá Pardo. Segunda Edición 2014, Editorial Universitaria Ramón Areces, UNED. Páx. 11.↩

20090828

Nota de prensa sobre 'Publicado en Ribadeo'


-->
Nota de prensa
Publicado en Ribadeo

Dende hai máis dun ano foi cobrando forma a wiki 'Publicado en Ribadeo'. Nela trato de ir cargando na web obras relacionadas con Ribadeo ou feitas por xente con fortes relacións con Ribadeo. Debido a ser un traballo lento, ata o momento persoal, e moitas veces tamén á necesidade de petición de permisos por estar as obras aínda con licenzas en vigor, o progreso foi asemade lento.
Na actualidade, a relación de obras que se poden consultar xa comeza a ser abondante, así como a difusión do sitio, polo que considero que é hora de dalo a coñecer dun xeito máis amplo para facilitar o seu uso. E é que co tempo, 'publicado en Ribadeo' vai sendo coñecido e atraendo máis miradas, nun proceso que pode dicirse que se autoalimenta.
Unha disposición de obras como a que relaciono abaixo creo que debera ser afrontada por unha institución pública como o concello, pero no seu defecto, xa está feito, ou mellor, comezado, pois a tarefa que queda é moito maior que a que levo feito. Así, pódense observar que en algunhas das obras referidas quedan partes por cargar, ou mesmo nun caso, a revista Beiramar, obra da que falei cos propietarios dos dereitos aínda hai pouco, está referida no índice pero sen cargar ata o momento ningunha parte. Asemade, teño varias partes de obras que están esperando a ser rematado o seu tratamento para deixalas no repositorio onde corresponde.
Cada obra leva unha ficha mínima con datos sobre a mesma, a modo de introducción das páxinas que foron escaneadas, que se presentan ben 'tal cal' ou ben algo melloradas despois dunha recomposición de páxinas, pois hai que ter conta que algunhas son copias non de orixinais, senón doutras copias.
Case tódalas obras foron escaneadas por min, pero algunhas foron cedidas en orixe xa en formato adecuado ou mesmo escaneadas por outra persoa para a súa publicación en 'publicado en Ribadeo'.
Xa se puxo en contacto comigo un empresario ribadense para ofrecer un soporte á web que vai xurdindo, se ben ata o momento e por culpa miña, non se fixo cambio algún da estrutura inicial. E é evidente que, ben por meido dunha asociación como poidera ser 'O Tesón', ou ben doutro xeito, 'publicado en Ribadeo' pasará a ser en non moito tempo o resultado dun esforzo colectivo.
Quédame agradecer a todas as persoas que cederon os dereitos ou dalgún xeito me axudaron a chegar a onde está na actualidade a páxina.
Deixo a continuación unha copia da portada da wiki.
Antonio Gregorio Montes

Publicado en Ribadeo

    • Ás veces, por calquera motivo, chegan a min diversas publicacións que poden ser de moito interese e non teñen un espallamento moi amplo. Para axudar a ese espallamento, abro esta pequena wiki tentando axudar nesa tarefa ás publicacións no/do entorno ribadense: Iránse engadindo tanto publicacións xa pasadas como futuras, cada unha cunha pequena ficha.


Publicacións



Libros

5 aniversario Banda Municipal de Ribadeo
25 aniversario do Entroido Ribadense
Algo de Ribadeo Histórico, Monumental y Diplomático
Apuntes sobre Ribadeo
As festas populares no entorno ribadense
Bodas de Plata Amigos da Gaita
Destrozando palabras
Efemérides rivadenses
Os muiños de vento de Ribadeo
Nosa Señora das Virtudes da Ponte
Sobre os Castros de Ribadeo
Ribadeando
Ribadeo Falls
Ribadeo no tempo
SFTE
XII Xornadas Ambientais. O camiño cara ó desenvolvemento sustentable da Mariña Lucense

Revistas

Beiramar
Miradas desde la Atalaya: nº1 - nº2 - nº3

Outros



Traballos de Isidoro Asensio Amor



Pregóns


Serie 'Coñecer Ribadeo'
Fotos do Ribadeo antigo
Candidatura de Coto 2009 (aínda que non é verdadeiramente unha publicación estilo libro ou artigo, senón propaganda dunha candidatura victoriosa cando se inclúe aquí)
O Camiño de Santiago no entorno de Ribadeo
Arqueoloxía na Mariña Central
I Certame de Intérpretes Mozos Hernán Naval
No Mina
Os hábitos de consumo e ocio da xente nova nas portas do século XXI

Publicacións de carácter relixioso

Semana Santa 2009 (castelán)
Ecos de la Parroquia, publicación parroquial periódica da parroquia de Sta. María do Campo (castelán). Publicados: 1 2 3.
Novena de Nuestra Señora de Vilaselán (castelán)

Próximos que espero publicar

Completar o libro das xornadas ambientais (só comezado no listado anterior e deixado polo momento por baixa calidade de escaneo)
Resume das actas de séculos pasados, "Apuntes sobre Ribadeo" (en marcha)

Nota

Se, a pesar da ficha que acompaña a cada publicación, alguén considera que ten erros ou que non se debe publicar aquí, prégase contactar co autor destas páxinas.

--
Nota posterior: Por necesidade, estase a cambiar o lugar de 'publicado en Ribadeo'. Irase poñendo nota do material e o novo lugar de publicación en http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/publicado%20en%20Ribadeo

20061127

"Expertos galegos e lusos falarán do tirón turístico da arqueoloxía"


É unha nova do paquete, de aquí á beria, da capital de provincia que corresponde a Ribadeo. E aquí andamos ás voltas co castro das Grobas... que se unhas horas dunha das brigadas de limpeza van ser adicadas a limpalo de maleza... Pero que atrasadiños estamos! Deixa que se entere o alcalde e/ou o dinamizador turístico, e xa estará amañado. Non si? Desta esperemos que o do castro saia adiante.
Mentres que por aquí á beira se fan 'críticas ó uso político do urbanismo' por parte da Xunta, na prensa a nivel nacional onte aparecían os comentarios (por parte dun alto cargo do ministerio) da Xunta como exemplo a seguir no tema dos 500m (que comezou en Cataluña, polo que parece) a impoñer na beira litoral sen construción, e tamén un artigo no que a falta de mellor palabro admitido para o mal do tempo capitalista, indutor e corruptor de políticos e empresarios, con grande incidencia no mundo do urbanismo / construción, propón unha vella palabra: chamádeo 'cobiza'. Para pensar este luns.
Hai un ano publiquei no blog 'Achégase o Nadal', pero este ano non hai neve aínda nas montañas. e tamén, 'quen manda aquí? (en resposta a unha acusación), continuación que xa avisei o outro día dunha polémica co alcalde.

20151117

O XACEMENTO DE LOUSELAS DE RIBADEO, Artigo de Pancho Campos

Fai meses que levo pensando en escribir algo sobre o xacemento de Louselas, localizado na parroquia de Sta. María de Vilaselán, pero aínda que é un tema para min apaixoante, éme difícil desenrolar estas liñas posto que carezo dos coñecementos académicos indispensables para resumir paso a paso de forma sinxela os feitos que somentes pretendo espallar entre os meus veciños “daquela maneira” para que sexan mellor entendidos e se lles empece a dar a gran relevancia patrimonial que teñen, e descúlpenme os profesionais do asunto se meto a pata en algunha disquisición. Os datos que refiro son adquiridos da lectura da monografía e da charla que nos deu na Casa das Letras o arqueólogo Eduardo Ramil Rego do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (MUPAV), este pasado mes de Agosto donde presentou a Monografía Nº6, LOUSELAS (Ribadeo, Lugo) da que el é coautor xunto con José Ramil Soneira (q.e.p.d)
 Louselas é un xacemento arqueolóxico o aire libre que se identifica no Paleolítico inferior nos inicios do poboamento humano da rexión cantábrica. Ten, nada menos, que unha antigüedade de 480 000 anos, e o seu estudo presta especial atención as ferramentas de pedra tallada que se atoparon, e a súa clasificación morfotipolóxica dos útiles bifaciales.
 Aqueles homes que habitaron Louselas, eran casi como “animais carroñeiros” pois comían as sobras que quedaban da caza doutros animais máis veloces e poderosos ca eles, e comezaron a construir e utilizar ferramentas de pedra lascada para poder sobrevivir comendo a carne dos animais. Así, atópanse útiles chamados “choppers” que son coitelas discoideas ou talladeiras; fendedores, usados para fender os ósos e chuparlles o tuétano. Outras eran para raer e raspar a carne pegada as pieles e ós ósos, chamadas: raedeiras e raspadores.
Biface. Didier Descouens, CCby-sa 3.0
 Os artesáns de Louselas utilizaban para confeccionar aquelas ferramentas, cuarzo filoniano leitoso e maiormente as cuarcitas de grao fino que atopaban na zona. Dentro da Ría de Ribadeo os xeólogos e arqueólogos tamén atoparon espallados algúns montóns de nódulos de silex, pero pronto souberon que eran materiais exógenos “recentes”, non propios dos xacementos prehistóricos da Galiza, e a este material amontoado coñecese como “lastreiras” debido a que son as pedras que os barcos procedentes de Inglaterra traían como lastre, e as tiraban preto dos fondeadeiros, cando ían a cargar madeira ou outros produtos de exportación peninsular (Isidoro Asensio Amor e J.C Iglesias Vidal, 1989)
 A cuestión de maior interés para a comprensión do xacemento de Louselas, foi o diacronismo ou relación entre o feito da ocupación humana e a orixe e depósitos da Rasa cantábrica. Estudos do noso veciño Isidoro Asensio Amor, xunto con Hernandez Pacheco en 1963 e con H. Nonn en 1964, así como, estudos de G. Mary en 1970 e 1975, demostran que hai dous niveles de cantos marinos na zona de Ribadeo, un a 100 metros e outro a 55-60 m que corresponden a cambios do nivel do mar durante o Pleistoceno que é o período glacial cuaternario que sigue xeolóxicamente o Plioceno, un período de gran actividade volcánica, e precede o Holoceno ou período recente da era cuaternaria.
 Estes estudos do nivel do mar son moi importantes para a datación do xacemento, debido a que fai 480 000 anos Louselas era un asentamento de homínidos, e fai 200 000 anos, Louselas estaba completamente sumerxido a 38 metros por debaixo do nivel do mar. ¿Como se sabe que o xacemento de Louselas é anterior a aquela desglaciación que inundaba o lugar de asentamento?. Polas cuarcitas talladas atopadas no xacemento, pois presentan lustre exterior, e as aristas e nervaduras sufriron desgaste desigual, coloracións ocres e violáceas de acusada ferruxe, características que se producen en contextos de grandes cantidades de choiva combinados con períodos prolongados de inmersión marina.
 Do xacemento de Louselas hai medio millar de evidencias líticas ou pedras talladas polo home, que deron lugar a un estudo pormenorizado das distintas fases do seu desenrolo operativo, esto é, adquisición e transformación inicial das pedras, ata a fase da producción das ferramentas.
 Pois ben, con toda esta magnífica historia da prehistoria, fixose a monografía Nº6 do MUPAV, que se basa na tesis doctoral de Eduardo Ramil Rego, defendida na Universidade de Santiago de Compostela en outubre de 2014 baixo o título “Prehistoria Antigua del Occidente Cantábrico. Las primeras Poblaciones”.
Quixera rematar cunhas reflexións. Todos estes estudos líticos tan minuciosos e difíciles os fixeron persoas preparadísimas intelectualmente e na maioría dos casos non percibiron nin un triste céntimo de subención nin para gastos, somentes os moveu o coñecemento académico e a pasión de descubrir verdadeiros tesouros da historia, dos que nós temos a obriga de poñer en valor.
 En Ribadeo tivemos e temos a gran sorte de poder contar con grandes estudiosos da nosa xeografía, orografía, xeoloxía, historia, toponimia, etc. etc. Entre aqueles, e entre outros o Inxeñeiro Schultz e Isidoro Asensio Amor, e hoxe en día Laureano Busto, “La Dote en el siglo XIX”; Chemi Lombardero sobre a “Sociedade de Ribadeo (1900-1936)” e “O Porto Comercial de Ribadeo”, e por antonomasia José María Rodriguez Díaz, historiador e latinista que publicou libros e monografías como: “Sobre Os Castros de Ribadeo, “O Mosteiro de Esperautano”, a “Colexiata de Ribadeo”, “Vilaselán Aproximación a Historia”, “Toponímia de Ribadeo” entre outras decenas de artigos de prensa, nos que nos deu e da a coñecer decenas de anecdotas e momentos relevantes da nosa historia.
 Ademáis do asentamento do mosteiro de Esperautano, por investigar na Graña, e dos castros de Vilaselán, de Piñeira, de Arante, das Anzas, de Vilaosende e da Devesa, que están por terras do Concello de Ribadeo, cuxos restos o descuberto farían un percorrido turístico espectacular xunto coa croa de Reinante, a fraga da Cova da Veneira e o castro de San Miguel de Reinante, a fraga de fentos e fervenza de Augas Santas do Santo Estebo do Ermo en San Cosme de Barreiros, as mámoas do Mondigo, de Comado, das Pallaregas, da Cadeira, etc. Hoxe en día tamén temos de actualidade, o pecio dun galeón do século XVI sepultado no fondo da Ría de Ribadeo que foi descuberto en 2011 durante o dragado do canal de acceso a Figueirúa ou muelle de Mirasol. Pois ben, os castros siguen abandoados a súa sorte como fai máis de dous mil anos, e o pecio do Galeón de Ribadeo está a punto de desaparecer debido a que está desenterrandose e enterrándose sucesivamente cos movimentos das augas das mareas e o rebufo das hélices dos barcos, e dicen os buzos que: “desenterrar o pecio levaría poucos meses e a esa profundidade non necesitaría un gran presuposto”. ¡E hai un montón de pecios na ría con cuxos restos faríase un Museo Marítimo de valor académico e cultural incríble!
 E eu me pergunto ¿Como é posible que tendo un territorio tan sumamente plagado de historia terrestre e marítima, non teñamos un triste recurso para poñelo en valor? Sabendo que en Madrid o que se considera Ministerio de Cultura é un simple cartel guindado dunha parede, ¿tamén é o mesmo a Consellería de Cultura da Xunta de Galiza?, ¿un simple cartel guindado dunha porta sin máis utilidade que o adorno? e ¿que pasa coas nosas institucións provinciais, comarcais e das do propio concello? ¿Non hai maneira de elevar ningún recurso en prol do porvir da nosa sociedade? ¿temos que seguir emigrando para buscar traballo e despois ir de vacacións a Stonehenge para ver pedras megalíticas de data máis recente cas nosas?
 Francisco José Campos Dorado

20100506

Arqueoloxía na ría de Ribadeo

Bastou unha nota de prensa do concello sobre restos arqueolóxicos na ría de ribadeo para que xurdira outro ataque preventivo dende a parte asturiana.
Estamos xa afeitos a enfrontamentos deste tipo, nos que se prodigapor parte das autoridades do Principado aquelo de 'galegos e asturianos, primos hermanos', enfatizando coas verbas inicial e final que nós somos os 'primos'. Aí está o mercado semanal da competencia, o nome da ría (unha volta, e outra, eoutra, ...), a desprotección mesmo dos camioneiros que veñen a traer o papel a Ribadeo e que son veciños en xeral da parte occidental do Principado, etc. E o caso é que realmente, Ribadeo actuá como primo, encaixando diplomáticamente. E non só e principalmente por parte das autoridades locais, senón tamén por parte da Xunta ou mesmo por parte de quen ten pouco de autoridade. Así se puido escoitar onte na radio a raíz dun encontro de xuventudesdun partido político que vai ter lugar en Ribadeo: de novo a cesión do nome da ría
É para preguntarse que defensa dos dereitos se fará por parte duns e outros se se cede unha e outra vez tan claramente fronte a Asturias. Tal parece que en Asturias se defende mellor ós seus administrados.
Un apunte máis: http://www.lne.es/asturias/2010/05/05/galicia-quiere-canones-eo/910678.html. Ou sexa, que agora resulta, que saltándose a hsitoria e o dictame da comisión xeográfica, 'os nacionalistas queren cambiarlle o nome á ría' (entre outras cousas). Parece que se quere facer que as árbores (do mesmo bosque) non deixen ver o bosque (constituído precisamente por esas árbores)

20080731

Remedando a entrada anterior

Remedando un pouco a entrada anterior, dicir que segundo parece o concello xa levantou acta de ocupación das instalacións o antigo lugar de alginatos para a construcción dunha senda ambiental que ten probabilidades de ser contestada.
E, procurando cousas en relación co tema, atópome no BOP 1/9/2005 un anuncio de trámite para retirar a Alginatos y Coloides, S.A. (onde iría xa a empesa!) representada por Eugenio Pardo o uso privativo das augas do rego da Vilavella por un caudal de 1,4 (sen unidades, posiblemente L/s), con resolución do ... 16/4/1964 pola comunidade de augas.
Despois de remirar en internet, coido que a arqueoloxía industrial ribadense, sexa Alginatos, Os astaleiros da vila vella (a única referencia 'válidad' en internet atopeina aquí, referida a hai moito tempo e non ós modernos astaleiros) ou ReNoSA (hai non tanto que souben que era 'Resinas del Noroeste, S.A., pero no a mexicana que se atopa por internet funcionando agora mesmo, senón a que aparece no BOP en abril do 2007), sexa cal sexa, merece un pouco de estudo. Tentarei que alguén se meta a iso ... :-)

20070119

Titulares da Mariña adicados a Ribadeo


Onte, na portada dun xornal atopábase no titular adicado á Mariña algo así como: "Vacas controló las llamadas de Teléfono de Reinante". Abrindo por causalidade, o primiero que atopei foi unha sección co título "Carnaval na Mariña". Peguei unha gargallada, pero pensándoo ben, non é para rir. Hoxe o mesmo periódico fala de pesadilla para Pérez Vacas e relaciónao co pesarelo para Andina nas pasadas eleccións, en ambos casos, a mans do mesmo elemento, Reinante. Hai uns días, falando cun amigo, saíu que aquí estáse a facer público o privado, e privado o público. O primeiro, xera descontento ou antroido. O segundo é peor: fai dexerar o que temos, patrimonio común material e sobre todo, inmaterial.
Voltando ó tema dende otro punto de vista, coido que me equivoquei no tema da falta de contido do pleno do luns: posiblemente era unha cuestión política e non só ou de xeito primario educativa, pois é evidente que o voto de Santiago non está asegurado para nada, e o luns podía ter ido e votado contra o que se presentara.
Coido que a democracia en Ribadeo estaba secuestrada. Agora está aparcada, e case me aledo por ser unha situación que pode neste intre ser mellor que a anterior (desde logo, sen ser nin moito menos boa, nin para Ribadeo, nin para a democracia no concello)
A imaxe, o vello patrimonio industrial de Ribadeo no abandono: o astaleiro a Vila vella, que comentei sería un posble museo de arqueoloxía industrial, ou da ría de Ribadeo, ben ó pé dela en troques de en Santa cruz.

20080712

De políticos e veciños

Comecemos polos veciños: O Tesón celebra hoxe a súa Asamblea anual extraordinaria:
E os alcaldes da Reserva da Biosfera celebraron onte unha xuntanza. Na foto da Voz de Galicia véseos cos dous conselleiros dispostos a gastarse o millón de euros que din que van a ter que gastar antes de fin de ano: para eso hai que concentrarse. Conste algo que non sae na foto: ó ser novamente venres, día de diario, non houbo posibilidade de facer nin unha pequena manifestación, como foi proposto, pola nave en Mirasol (mañá estarán dispostos os folios das sinaturas nas catro calles de Ribadeo) En fin, avantaxes de poder facer as cousas que fixeran sen molestias. Di a nova periodística que se tomaron as decisión por unanimidade, e eu quedo abraiado: 16 políticos xuntos e unanimidade de pareceres sen arduas discusións?
Unha pequena cousa: Remato de comezar un novo sitio web sobre publicacións da zona de Ribadeo, "publicado en Ribadeo". Polo momento, cun traballo tamén novo: as fichas de "Arqueoloxía na Mariña Central", que invito a ver como mostra de cara ó futuro. Con moita calma, irei poñendo no blog as novidades correspondentes.

20081207

Convocatoria

Pásanme, para dentro de 15 días, o díptico das xornadas mindonienses de arqueoloxía, que deixo na entrada.
Asemade, tamén recibo vía correo electrónico unha publicación da que non sei nungunha ligazón direita, polo que a carguei en http://publicadoenribadeo.wikispaces.com.

20070115

Ribadeo? Natural! Proposta de dous paseos de tempada




Esta tempada hai dous paseos que teñen un atractivo de estaren en sazón, en época apropiada para ser realizados en condicións que posiblemente non se repetirán.
O primeiro comezaría na pista de deportes de Rinlo. Collendo á beira do mar o paseo, percorreríamolo todo ata o seu final, entroncando coa estrada que pasa por diante da antiga cetárea e continúa ata que a degradación do camiño se fai evidente. Alí, podemos atopar lagoas deixadas ó seu albur en plena zona natural pola estupidez humana. Se na primeira parte do camiño podemos pensar na beleza natural e na incidencia nela de paseos costeiros, ás veces positiva e outras negativa, aquí estamos ante unha loita do home contra natura. O fondo da construción dunha piscifactoría lévanos na actualidade á súa paralización, á desfeita da vía común, á formación das lagoas nun lugar de interese natural e tamén á comparecencia que como imputados van ter o día 29 alcalde, secretario e arquitecto do concello de Ribadeo. Non teño idea sobre a súa culpabilidade, o xuíz dictaminará, pero foi o mesmo xuíz quen os imputou, e lembro o comezo da loita contra a piscifactoría en termos como a xente de ADEGA plantándose diante das máquinas ou a daquela recente negativa á recuperación dunha antiga cetárea, abondo máis natural e menos impactante no medio, cando veu Álvarez Castos a promover a piscifactoría e contra todo prognóstico vista a negativa anterior, foi 'positivado' no concello, o alcalde nunha manifestación á beira do promotor, etc. No medio, movemento social, promesas, ... historia de Meirengos, Rinlo e Ribadeo que pode estudarse no futuro nos libros de texto.
O segundo paseo tamén está en sazón: a circunvalación a Ribadeo. É abondo máis longo, pero ten a ventaxe de que ten varias saídas/entradas para poder facelo en veces. Comezariamos por exemplo en Porcillán, collendo o paseo marítimo e entrando no primeiro recheo no pouco espazo que deixa o valado que separa xa parte del para facelo privativo dunha empresa de reparación. Continuariamos á beira da ría e entrariamos en Mirasol polo novo recheo, saíndo polo sur deste porto, por un novo valado que separará esta zona, segregándoa do común ribadense. Ós poucos metros, baixada ó recheo máis vello dos tres, con praia incluída en total deixadez de edificacións, a praia dos bloques. Polo extremo, un carreiro anuncia que por alí pode ir a futura extensión do paseo marítimo. Atravesamos despois o asteleiro, instalación que podería ser recuperada como museo de arqueoloxía industrial. Entramos nel por unha cancela sempre aberta e saímos pola outra beira ben pola cancela, que se abre con facilidade, ben pola súa beira, pola que tamén pasa a xente. E seguimos uns metros ata cruzar a estrada, meténdonos nas obras de acondicionamento e logo na propia circunvalación. Este tramo será cerrado en pouco tempo ós peóns, pero agora pódese desfrutar dun longo paseo ata Vilaframil, coa posibilidade de saírmonos en medio, preto da estrada do monte por un cacho de verxa sen cerrar, máis ou menos por onde se reclama a saída que non se construirá para a carreteira do monte. Así poderemos estudar a xeoloxía nos taludes abertos, os regatos e aguas que corren polas cunetas, a formación das estradas, unha vista sobre Ribadeo preto do alto da 'estrada do monte', etc, chegando á N-634. Podemos seguir ata as obras da nova autovía. Torcendo á dereita nela, seguirémola ata as pistas de Vilaselán, que nos deixarán no cargadoiro, onde colleremos á dereita tendo que atravesar o desprendemento de hai máis dun ano coas vallas alí, sen saber que/como facer para amañalo e preguntándonos non só de quen é o tema, senón co como o farán. E rematar de novo baixando as escaleiras de San Miguel no porto de Porcillán. Este paseo, como digo, ten abondas saídas, e hai que facelo en festivo porque senón as obras de circunvalación e autovía non o fan posible. A dicir que este domingo había abondo movemento pola ruta, incluído algún vehículo, e que ten o atractivo de poder mirar a terra dende lugares fondos ou pola contra, as casas e lugares alí abaixo, dende o alto da vía, o que nos fará preguntármonos por exemplo sobre a interacción do home coa natureza. As fotos, deste último camiño, amosan unha beira, apta para estudar xeoloxía, unha vista parcial e un detalle dunha ponte, a do ferrocarril.

20070205

Unha exposición en Ribadeo (Nota de prensa de O Tesón)

AVV O Tesón - Ribadeo
Nota de prensa
O próximo luns, día 5 de febreiro, terá lugar a apertura da exposición 'Os habitantes dos Castros'.
A exposición “Os Habitantes dos Castros” pretende dar a coñecer, dun xeito ameno e didáctico, as características máis salientables dos castros galegos. Está estruturada en sete bloques temáticos e ofrece un amplo percorrido polas cuestións que permiten definir este fenómeno cultural, afastándose tópicos.
Foi elixida por O Tesón como un punto de apoio na campaña para dar a coñecer o Castro das Grobas, na que se levan organizado polo momento dúas conferencias e un paseo, amén de diversos artigos consultables na hemeroteca ou en internet.
A inuguración terá lugar o luns 5 ás 20:00 horas na Oficina de Turismo de Ribadeo, contando para a mesma coa intervención do Director do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba. (http://www.museovilalba.org/index.htm).
A mostra estará exposta ata o día 15 de febreiro, en horaro de apertura da Oficina de Turismo.

20061230

Unha charla sobre arqueoloxía en Ribadeo




Adxunto a nota de prensa enviada polo Tesón, xunto coas fotos referidas nela (o conferenciante en pleno traballo e unha das pezas recobradas no castro de Zoñán) e unha foto aérea de Miguel tomada esta mesma semana sobre o castro das Grobas, unha volta desbrozado, en primicia:
O venres 29, ás oito do serán, no salón de actos da casa do Mar de Ribadeo, tivo lugar a conferencia “Posta en valor dun elemento arqueolóxico”, impartida por D. Abel Vigo García, arqueólogo do concello mindoniense. A conferencia tivo como base unha presentación informática sobre o castro de Zoñán, Mondoñedo, o primeiro escavado en Galicia, posto en valor este mesmo século mercede a acción conxunta da Universidade compostelá, o Concello de Mondoñedo e a Fundación Comarcal da Mariña Central, tras ser comezada con financiamento do Leader +. O acto, do que se adxunta algunha foto, foi unha referencia a ter en conta para a recuperación do castro das Grobas (Vilaselán, Ribadeo), e como complemento a ela participaron D.Manuel Valín, que fixo de introdutor como responsable da Fundación Comarcal da Mariña Central, e D. Roberto Rodríguez, que glosou o traballo de Suso Peña en relación co material gráfico presentado, a carpeta titulada 'O castro de Zoñán', con láminas sobre a súa posta en valor con anterioridade ó 2005, campaña que supuxo a mellor das mantidas ata o momento.
O arqueólogo glosou os diversos elementos recuperados, amosou unha peza cerámica recollida no mesmo, a idea actual a raíz das pescudas sobre o castro, as campañas mantidas, etc, o que ofrece un contraste entre o que se leva feito nas 8 Ha. que se supoñen en Zoñán cunha superficie equivalente no castro das Grobas, recentemente rozado, o que facilita a súa visita. Subliñou asemade que na zona mariñá é necesario aínda moito traballo para levar a cabo xa non unha recuperación, senón un descubrimento castrexo acorde co material que debe haber.
O Tesón lembra que se espera próximamente ter a exposición 'Os habitantes dos castros' e unha conferencia sobre os castros ribadenses.

20131223

Nota de prensa: VISITA AOS PETROGLIFOS DAS ANZAS E CONFERENCIA DE ANTONIO REIGOSA

As asociacións Francisco Lanza, Alesancia e Mariña Patrimonio promoveron na tarde do pasado sábado 21 unha visita ao lugar das Anzas, onde se atopa un peculiar xacemento arqueolóxico coñecido dende hai moito tempo como “as pisadas do encanto”, hai pouco inscritas no rexistro administrativo da D. X. de Patrimonio como petróglifos podomorfos. A visita foi guiada por Manuel Miranda, co apoio de Vicente Méndez e Elia Rodríguez, parella entrañable que se adica, na súa finca “As Fadegas”, á producción de horta ecolóxica nese lugar fantástico das Anzas.

O xacemento está ubicado na beira do río Alesancia -oficialmente río Grande- que coincide cunha liña de falla moi visible na parede de pizarra da súa beira esquerda. Nunha repisa natural deste escarpe, pola que pasou tradicionalmente o camiño entre As Anzas e Salcedo, é onde se atopan estas gravuras. A interpretación que tradicionalmente se lle deu a este lugar máxico foi que nel reside un encanto en forma de rapaza loira que ten unha galiña con pitiños de ouro; aquel que pase por este camiño nos días próximos ao San Xoan, pode sufrir o encantamento que o fai desaparecer engulido pola pedra. O certo é que a vecindade tivo sempre bo coidado de evitar pasar polo lugar nos días sinalados polo solsticio de verán, ...por se acaso

As gravuras reproducen, dende o lado norte, pegadas de pes humáns, e dende o sur, pegadas de oso, que parecen encararse no centro da rocha. Desde a arqueoloxía, como todos os petróglifos, resulta arriscado dar explicacións sobre o seu significado, sen dúbida simbolico. Como se explica na web Terrae Antiquae, hai implicacións astronómicas relacionadas co solsticio de verán, e a combinación de pegadas humanas e de oso poderían ter relación coa conversión de home en oso, símbolo da asunción do poder.

Próximo a este lugar, Vicente e Elia ensináronnos outros puntos de interese, un castro situado na márxe dereita do río. Vicente lembra ter entrado co seu tío, hai moitos anos, nunha cova de muros e cuberta de pedra. Aínda é facil ver altos muros parcialmente derruidos pola maquinaria que trazou a pista de acceso a este imponente castro. Tamén nos ensinou unha desas rochas de seixo branco próximas aos xacementos castrexos que algúns arqueólogos interpretan como lugares ceremoniais.

De volta en Ribadeo, a Casa das Letras cedeu xenerosamente o seu coidado espazo multiusos para que Antonio Reigosa, o noso referente cando tratamos do patrimonio inmaterial, nos deleitara repasando algúns dos mitos, lendas e lugares máxicos da Mariña. Como se pode apreciar na súa enciclopedia da fantasía popular, Galicia Encantada, este home é capaz de facernos voar ao mundo dos seres máxicos que a nosa cultura popular ten producido, reproducido e transmitido desde hai miles de anos. Unha herdanza que hoxe nos costa comprender pero que permanece na memoria colectiva, misteriosamente agochados na infinidade de lugares máxicos: nos montes, nas rochas, nos vales, nas fontes, na beiramar,... Antonio deixounos a mensaxe de que temos un inmenso patrimonio mitolóxico, de gran fiabilidade na identificación de xacementos arqueolóxicos que nos aportan información sobre o noso pasado remoto, tan descoñecido como apaixoante. 
Fotos: http://www.flickr.com/photos/97739145@N05/sets/72157638940579716/

20071204

A mariña capital



Andan discutindo en Viveiro, máis en concreto no Casino, sobre a capitalidade da Mariña. Despois de levar anos a existencia das tres comarcas, algo que xurdiu por cuestión política e que denunciei (non lembro que ninguén máis o fixera, aínda que non me extranaría), pregúntome a que ven iso... Quen protestou cando se fixo a distribución? Pois agora xa é algo tarde para falar de capitalidade, por moito que queira Viveiro e os viveirenses.
Mentras comeza este mirar o sexo dos anxos, denúnciase que as factorías de acuicultura (en concreto en San Cibrao) contaminan moito e crean poucos postos de traballo. É dicir, máis do mesmo, mentras as correspondentes a Ribadeo parece que se van alonxando (non só do mar, senón da súa posibilidade de existir)
Por contra o cultivo de ostras na ría de Ribadeo segue a súa actividade tradicional e espérase vender un ano máis en Francia a meirande parte das 300 toneladas. A veces pregúntome como pode continuar ese cultivo co tráfico que ten agora a ría, pero parece que polo momento non importa moito (aínda que se reduxo algo a producción, non é significativo)
Os dípticos que aparecen son das xornadas de arqueoloxía (outra cousa máis na que a Mariña debera estar unida, en troques de ser 'as tres mariñas' que denunciei no seu momento), que non se celebran en Ribadeo e que xa están próximas.

20090420

Aldara e fotos

Onte levei unha sorpresa no teatro. Coido que non vin nunca nunha sesión teatral o Hernán Naval tan cheo. A obra, unha primavera para Aldara, que viña precedida dunha boa crítica, non defraudou, e o televisivo plantel de actrices e actores acolleu espectadores de case tódalas idades, dende 13 anos en diante. O argumento, baseado nun amor entre mulleres, vai abondo máis aló, revisando e traendo a escea as relacións humanas de todo tipo en torno ós tipos de amor. Podería parecer unha obra transgresora, pero máis ben é unha obra enamorada do amor, que se usa como lume revolucionario tanto como gardián de dereitos, por exemplo. As fotos non veñen moito a conta de Aldara, pero como o público foi advertido de non tomar fotos e eu xa non levara cámara ... pois acompaño de outras fotos tomadas onte, non só por min. A primeira é unha foto da canle entre As Grobas e a Insua, onte baixando a marea, onde se ve abondo ben a cortada entre ambos lugares, de paredes abondo planas para o que é esta costa, co que un se pregunta se non serán tamén cavadas como as propias Grobas. A segunda foto é o cartel de obra das catas. Así, os números están claros: AXA Arqueoloxía recibiu 21 000 € por un mes de traballos, ata o 24 deste. Mes que rematará esta semana despois de deixar un bo sabor de boca, e que fai posible o pensar nunhas previsións de gastos de algunha magnitude maior que cinco cifras. As últimas dúas fotos están relacionadas coa auga. Unha, da nova fonte do parque xa sen funcionar despois de facelo uns poucos días. Sen funcionar e con pedras e area que esixirán unha limpeza antes da súa nova posta en marcha. Iso si, aínda que teña a Casa do Concello como bonito fondo, antes está a 'sala de máquinas' da fonte, esperando a que medre o matorral e a cubra. E, por iso da simetría e armonía, tamén o matorral da outra illeta do parque á dereita, fóra da foto. A última foto é da Seimeira en Santalla de Oscos, destino do primeiro 'domingo a pé' que levou a un grupo de mulleres a coñecela nun día agradable para case calquera cousa.

20060930

Publicado hoxe na Comarca do Eo: Dous castros en Ribadeo? (2ª de hoxe)

É unha remodelación dun post anterior, ampliado. De calquera xeito, aí vai.
Dous castros en Ribadeo?
O Castro das Grobas é un emprazamento catalogado no Inventario da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, afectado polo 'Catálogo de Normas Complementarias e subsidiarias de planeamento' da Consellería de Cultura, na que ten o código de catalogación GA27051007. Neste castro foi onde un agricultor descubriu a célebre 'Diadema de Ribadeo', que posteriormente sería vendida en Madrid, segundo dixeron sucesores seus, por unha onza de ouro.O castro das Grobas en Ribadeo
Pois resulta que segundo as normativa vixente, toda obra que afecte a unha distancia menor de 200m a un castro castro, ten que levar un apartado de arqueoloxía no estudo de impacto ambiental, e ser informada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Ese é o caso da factoría de acuicultura promovida en terreo de Ribadeo pola empresa 'Insuíña', dependente de 'Pescanova', factoría da que hai pouco rematou a exposición pública dun primeiro proxecto e que tamén toca lateralmente á zona LIC (Lugar de Interese Comunitario) de As catedrais. Exposición pública si, en Celeiro, non en Ribadeo, onde está prevista. Polo que parece, ten un interese supracomunitario e polo tanto non ten por que estar exposta en Ribadeo a documentación (aínda que podería)
Ben, o castro ten unhas dimensións máximas duns 230 m x 180 m, ocupando algo máis de dúas hectáreas e media, centrado en 43º33'22”N, 7º2'53”O, é dicir, xusto ó sur, a carón, da ínsua de Vilaselán. No catálogo no que aparece referido, aparece o termo de 'punta mariña' como característica do emprazamento, a punta que se achega a ínsua. Hai que engadir que a insua viciña enténdese que ten algo que ver co castro, pensando aínda na súa pertenza ó mesmo, pois teñen aparecido alí restos arqueolóxicos, como cerámicas.
Na ficha de catalogación aparece que cando se fixo a catalogación non figuraban destruccións nin alteracións, así como tampouco había nin eran consideradas necesarias medidas de protección a parte das propias naturais, pois o estado era bo para seguir conservándose así. Os documentos de fichado inclúen planos, semellantes ó adxunto, con tres fosos paralelos escavados na rocha e de anchura entre 8 e 10m, separados por parapetos.
Na actualidade, o castro forma parte dunha mesma finca coido que comunal, creada a resultas da concentración parcelaria, como se pode comprobar por internet coa utilidade SIGPAC.
Fronte a un castro de verdade como o das Grobas, conservado ata o momento e que pode ter un futuro e contribuír ó futuro de todos nós pola súa dinamización, durante a semana das festas decateime da construcción dun pseudo-castro no centro do pobo. Para evitar que á xente lle pasara o que a min, procurei dar a nova, ó tempo que me lamentei de que se tentara recrear algo parello ó que de xeito auténtico, e cunha extensión moito maior, está sendo descoidado por completo.
Ó castro das Grobas non se lle deu moita importancia en panfletos, nin o van estudar e visitar os escolares ribadenses, pero quizais deberan: xa a finais do 1998 un arqueólogo da Delegación de Cultura en Lugo lle dirixiu un informe ó Delegado Provincial ante a criación da masa común que inclúe o castro a resultas da concentración parcelaria. Comeza dicindo ademáis que case todo o castro queda afectado pola zona de costa, o que ven sendo algo así como unha doble protección, e polo tanto, unha garantía. As medidas que se lle asignan difieren algo (non moito) das que expreso arriba, pero o importante é que fala de que 'As posibilidades de explotación turística e cultural do xacemento son excepcionais' (a negriña é miña). Aplícalle ese calificativo a) por estar encadrado nunha masa común, o que facilitaría as accións da súa posta en valor, b) pola existencia da franxa de protección de costa, que debera garantir a conservación do contorno, c) pola facilidade de comezo de posta en valor só coa limpeza do enclave, d) polo valor engadido da paisaxe onde está inscrita, e) pola facilidade cara á súa explotación que representa a proximidade ó pobo de Ribadeo, coas posibilidades de sinerxias que eso representa, f) pola posibilidade que o xacemento esconda mostras arquitectónicas e información científica, e g) pola facilidade previa da existencia dun levantamento topográfico anterior debido á concentración parcelaria.O Castro das Grobas en Ribadeo. Situación na foto
En fin, que cando hai algún tempo se me ocorrera facer unha pequena nota sobre o castro e as súas posibilidades non sabía que o traballo xa estaba feito dende hai oito anos, incluíndo algo que aparece claro na carta: a proposición ó Concello da súa recuperación. Esto último, aínda que expreso no texto, non sei se se chegou a facer ou non.
Coido que se debe insistir na promoción turística e cultural do castro, que entendo abondo máis rendible que o deseño ad hoc de algo parello a un castro, pero de mentira. Lembro ademáis que hai poucos días o catedrático de xeoloxía da USC Augusto Pérez Alberti traía unha pequena recua a estudar a zona de costa ribadense e falaba da potenciación necesaria da xeoloxía na zona, tamén dende un aspecto turístico. Xeoloxía que está fror de rocha tamén na zona do mesmo castro, zona na que a piscifactoría de Insuíña prevé rebaixar o terreo uns 15m.
Repito que teño a idea, pero que xa a tivo un arqueólogo, un tal G. Meijide, hai perto de 3000 días. E polo que parece caeu en saco roto.
Unha última cousa. Como a zona non está desenvolta de xeito turístico, ténme preguntado xa algunha xente onde é o castro das Grobas. Por se non quedou claro no plano e na imaxe do sigpac, queda pegado á insua. Se se quere ir a esa zona dende a pista costeira asfaltada, coller o camiño cara ó mar no punto máis alto da pista, por tras das casas de Vilaselán. Hai unha bifurcación, e collendo á esquerda ó pouco estaremos metidos un bó cacho entre dúas zonas máis elevadas, que fan como paredes do carreiro: son muros exteriores do castro, trazados en xeito circular, que o limitan cara á terra, como aparece no plano.
Antonio Gregorio Montes