Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta INE. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta INE. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20221017

A poboación de Galicia, un pouco máis aló da noticia


 A poboación de Galicia, un pouco máis aló da noticia

    Xa chegou. O último informe estatístico xa está aquí, e logo del, tamén a proxección para os próximos anos e décadas. E con eles, a noticia: Galicia perde poboación. E despois, o rachar as vestiduras: Que imos facer?

    Coido que o primeiro é ir paso a paso: Galicia, que se prevé polo INE (Proyecciones de Población 2022-2072) que perda 35 000 habitantes nos próximos 15 anos, isto é, cousa do 1,5 % de poboación actual, perdeu unha cantidade maior de habitantes no anterior período de 15 anos: aproximadamente, o dobre do que se prevé para o próximo período quincenal. Por certo, que o máximo da poboación de Galicia, segundo as estatísticas do INE a disposición, acadouse a comezos dos oitenta do pasado século, con máis de cen mil habitantes máis que agora. Dende aquela, Ourense e Lugo veñen diminuíndo poboación ano tras ano case de xeito estacionario, mentres que A Coruña e Pontevedra o fan de xeito irregular dende hai uns quince anos, sendo a tendencia de toda a serie que Pontevedra sexa a de mellor saldo positivo, e Ourense, a de maior saldo negativo.

    Fiando un pouco máis fino, sen a inmigración, a cousa tinguiríase abondo máis de números negativos. E cara ó futuro, o mesmo: a previsión é que a porcentaxe de inmigrantes aumente (nota: sexa cal sexa a política migratoria, que só significaría un axuste!). O mesmo que se prevé aumentará a idade media dos habitantes, inmigrantes incluídos. Iso, a pesar de que no 2020, a raíz da pandemia, produciuse unha rebaixa de case un ano e tres meses na esperanza de vida da poboación, tanto para homes, baixando dos 80 anos, como para mulleres, quedando só un pouco por riba dos 85.

    Naturalmente, isto ten implicacións, dende o despoboamento rural e a atención das terras e territorio, á estrutura social ou á lingua. Non só se pode ver o aumento de núcleos abandonados, senón tamén que a hostalería en moitas zonas é atendida cun acento 'castelán forasteiro'.

    Mais ata o de agora, a mentalidade coa que se ven afrontando o tema demográfico é a mesma que na economía: o medre sen límite, canto máis mellor, sen ter en conta o que significa o medre, os límites do planeta, a distribución de bens, etc, e iso, en ambos temas. As vilas queren ser cidades, e as cidades, ser máis grandes, por riba da calidade de vida que se desfruta nelas, da que se fala como propaganda, mentres que o medrar úsase para o manexo de cartos e poder. E así, cando se fala do envellecemento poboacional, deseguida sae a 'oportunidade de negocio' que representan os maiores, coa punta de lanza das residencias de anciáns ('de maiores') e a necesidade de 'empregados' e de formación de xente para tal fin, sen explorar outras posibles vías (que non se consideran 'negocio'). 

    A esa mentalidade hai que sumarlle o xeito propio de realización das estatísticas, que considera proxeccións lineares sobre os números actuais e pasados, sen tentar aproximar crises en marcha ou cambios de tendencia previsibles por desafíos que se ven no horizonte ou xa nos seus comezos, pero de difícil cuantificación. É dicir, algo embarazoso para poder predicir con certa precisión máis aló duns poucos anos. E algo que se pode observar cando se nota a amplitude posible de variación nas previsións, que para España abrangue dende os 48 ós 57 millóns de persoas para 2072, a cincuenta anos vista, e sabendo aínda así que esas marxes teñen a posibilidade dun amplo erro. E eses números, só tendo en conta a posible variación da fecundidade, que, en calquera caso, non se prevé chegue a taxa de reposición en ningún momento. É dicir, a poboación caería, e moito, sen o recurso á inmigración.

    Carpe diem e 'tate o que tas', desfruta do momento e céntrate nos problemas que podes e tes que solucionar agora, e deixa os cantos de serea de aumento indefinido de poboación en aras dunha loa do imperio nacional nacionalista. A demografía é un problema no sentido de que estamos afeitos a outros perfís demográficos, nos que vemos máis facilidades por ese estar afeitos. E claro, temos que adaptarnos, comezando por cambiar de mentalidade.

20241026

Índices de calidade

    Hai uns días, a través dunha noticia, cheguei ó 'Indicador multidimensional de calidade de vida', IMCV, construído polo Instituo Nacional de Estatística, INE. Nada moi diferente en datos do que podamos atopar noutros lugares. Mais neste caso, engádese unha curiosidade , o poder construír o noso propio índice, ponderando ó noso xeito os nove factores dos que dispón, ou mesmo, podemos quedarnso cun só. Deixo abaixo un exemplo, considerando só, e ao mesmo nivel, educación e sanidade, que podemos comparar co proposto polo INE (e que está sinalado polos puntos vermellos), pero podes experimentar calquera outra combinación.






20110224

Preparando unha residencia de anciáns

Preparando a primeira xuntanza da comisión en pro da residencia de maiores, atópome cos útimos datos do ine (http://www.ine.es), e sen contar os 1 100 ribadenses residentes no extranxeiro, fabrico unha táboa e unha gráfica, que poño a continuación...

A táboa correspondente:
Ambos sexos Varóns Mulleres
Total... 9,988...4,752...5,236
0-4...... 422...222...200
5-9...... 394...196...198
10-14.... 347...174...173
15-19.... 343...168...175
20-24.... 446...242...204
25-29.... 640...311...329
30-34.... 786...384...402
35-39.... 816...406...410
40-44.... 761...371...390
45-49.... 775...394...381
50-54.... 718...370...348
55-59.... 588...288...300
60-64.... 552...273...279
65-69.... 549...232...317
70-74.... 496...209...287
75-79.... 540...224...316
80-84... 432...171...261
85 e +... 383...117...266
Na gráfica xa se observa que non é unha pirámide, típica dunha poboación nova, senón engrosada na zona media de idade, e con máis vellos que xente nova, o que explica a cifra de 8219 electores de cara ás próximas eleccións, moi avultada en relación ó total. Entre as persoas maiores, destaca a lonxevidade feminina, que se anota diferencias cuantitativas importantes a partires dos datos de 65-70 anos, mentras que en idades anteriores a cousa está máis ou menos equilibrada. Voltando ó tema da residencia, atopámonos con que no último censo, con datos que corresponden a finais do ano pasado, hai 815 persoas con 80 ou máis anos, correspondendo ó 8,2% da poboación, que serían grosso modo os e as candidatas á residencia. Pero, aínda supoñendo a desaparición total dese colectivo en 10 anos, o grupo de idade seguinte correspondente a un intervalo de dez anos (que polo tanto, terán máis de 80 no 2021), está formado por 1036 persoas, o 10,4% do censo actual e unha cantidade que representa un aumento do 27% sobre os '80 e +' actuais. De igual xeito, correndo outros 10 anos máis, atopámonos cun colectivo de 1101 persoas, un 35% máis que na actualidade.
Na realidade, Ribadeo necesita non unha, senón varias residencias... pero vaiamos paso a paso: primeiro, unha.
Un artigo sobre o tema: Stop al destierro de nuestros ancianos.

20220426

SOBRE A UBICACIÓN DO NOVO CENTRO DE SAÚDE DE RIBADEO (III). Evaristo Lombardero Rico

 

A ubicación anunciada do novo centro de saúde, en OpenStreetMap.

SOBRE A UBICACIÓN DO NOVO CENTRO DE SAÚDE DE RIBADEO (III)

    Na entrega nº 1 de esta serie aportamos algúns datos sobre a distribución da poboación do concello de Ribadeo entre o casco urbano e as zonas rurais. Segundo as estatísticas do INE de 2020, sabemos que das persoas censadas arredor dun 70 % residían no casco urbano e un 30 % nas zonas rurais. Xa comentamos que no último decenio a tendencia a concentrarse poboación no casco urbano é moi acusada e persistente ao longo de todo o período. Tamén é sabido que moitas persoas censadas no rural de feito residen no casco urbano. Descoñecemos se o Concello de Ribadeo ou a Xunta de Galicia, promotores do novo centro de saúde e da súa ubicación enfronte da estación de servizo teñen estudado o condicionante demográfico á hora de elixir a devandita ubicación. Ate agora non temos noticias de que exista algún documento oficial que se poda consultar sobre estes aspectos e tampouco coñecemos declaracións aos medios que podan aportar algún dato máis concreto.

    Pola outra banda, agora sabemos que segundo o INE a 1 de xaneiro de 2022 no concello de Ribadeo estaban censadas 9871 persoas, das cales o 24,4 % ou sexa 2407, teñen mais de 65 anos.

    Tamén sabemos que varios centos de persoas non censadas, a maioría xubiladas e usuarias dos servizos santarios teñen a sua residenca habitual no casco urbano de Ribadeo.

    A partir de estes datos non sería absurdo estimar que dentro de 10 anos teremos arredor de 3000 persoas de mais de 65 anos e que polo menos un 75-80 % terán a súa residencia habitual no casco urbano. Serían entre 2300-2500 persoas como mínimo, sen ter en conta os non censados, residentes temporais etc. Folga suliñar que unha pequena fracción de este colectivo veríase beneficiada pola proximidade da súa residencia á nova ubicación do centro de saúde enfronte da estación de servizo. Tamén habería un pequeno sector de persoas discapacitadas que se verían obrigadas a moverse en coche por esta condición, polo tanto 500 ou 1000 metros arriba ou abaixo de desprazamento non lles afectaría excesivamente. Agora ben, a gran maioría tería que desprazarse a pe ou requerir axuda para desprazarse en coche.

    Vexamos agora o problema dende o punto de vista dos usuarios actuais dos servizos do centro de saúde de Ribadeo. Como dixemos antes, supoñemos que as persoas que decidiron levar o centro de Atención Primaria a un quilómetro do casco urbano terán analizado os pros e contras dos datos que aquí manexamos, ou terán outros datos que descoñecemos, pero dado que non hai ningún informe sobre estes asuntos temos que movernos ca información dispoñible.

    De acordo cos rexistros que operan na actualidade no centro de saúde de Ribadeo, as demandas de consultas presenciais para medicina xeral e enfermería están arredor das 350 diarias. A elas hai que sumar as da atención continuada (urxencias), radioloxía, matrona, pediatría, sintrom, fisioterapia, dentista, hixienista dental, farmacia e análises. Non temos datos dos usuari@s en cada unha de estas especialidades e non todas son diarias, pero una estimación aproximada por coñecedores do tema non as baixa das cincocentas. Como dixen antes, que me corrixan os expertos se teñen datos mais exactos pero non han ser moi dispares e non se trata tanto de manexar cifras moi concretas, sempre afectadas por distintas variables, como a marcar tendencias que apunten ás demandas dos próximos anos. Tampouco é doado facer inferencias sobre o que vai suceder na xeira postcovid, e habería que analizar o posible impacto da crecente concentración de veciños no casco urbano e máis o incremento das dos colectivos de idades máis avanzadas. En calquera caso, os planificadores dos servizos sanitarios serían os chamados a responder a estes inquéritos.

    Ate aquí algún datos aproximados sobre o uso do centro de saúde de Ribadeo e a importancia de ter en conta o factor proximidade vs lonxanía a hora de planificar estes servizos, maiormente polo que poden beneficiar ou perxudicar ás persoas usuarias, especialmente ás mais dependentes, ás de maior idade e ás de menos recursos.

Evaristo Lombardero Rico

SOBRE A UBICACIÓN DO NOVO CENTRO DE SAUDE DE RIBADEO: I, II, III, IV, V.

20220405

SOBRE A UBICACIÓN DO NOVO CENTRO DE SAÚDE (I). Evaristo Lombardero Rico

 

SOBRE A UBICACIÓN DO NOVO CENTRO DE SAÚDE (I)

Na páxina web do Concello de Ribadeo do día 30/3/22 aparece a nova do acordo entre o Concello e a Xunta para a construción do novo Centro de Saúde nuns terreos enfronte da Estación de Servizo. Ate agora é a única información oficial que coñecemos e nela non se comenta nen de pasada o problema da distancia que deberán percorrer as persoas que queiran facer uso do devandito servizo. Algúns datos doados de contrastar son os seguintes:

1º O Concello de Ribadeo ten 9871 habitantes de acordo co censo oficial en 2021, con unha lixeira tendencia ao descenso dende 2014. Ademais conta con unha poboación non censada difícil de estimar, pero en todo caso non inferior a varios centos. A maior parte de esa poboación ten o médico de cabeceira en Ribadeo, polo tanto son usuarios potenciais dos servizos sanitarios do SERGAS. Asemade durante os períodos vacacionais a poboación experimenta un incremento de varios miles de persoas.

2º Segundo datos do INE de 2020, o 69,53 % dos residentes censados en Ribadeo estaban no casco urbano, mentres que no ano 2000 esa porcentaxe era do 56,66 %. Nestes vinte anos o casco urbano pasou de 5119 habitantes a 6856, en parte pola chegada de persoas procedentes de outros concellos ou países e tamén por persoas procedentes das parroquias, cuxa poboación non deixou de baixar de forma continuada, pasando de 3915 habitantes no ano 2000 a 3004 no 2020. Sin embargo estes datos deben tomarse con carácter orientativo, pois é ben sabido que unha gran parte das persoas procedentes das parroquias que actualmente residen habitualmente no casco urbano seguen censadas no seu lugar de orixe.

3º Non podemos facer estimacións sobre o que vai suceder nos próximos anos pero non cabe ningunha dúbida de que as tendencias sinaladas van seguir tirando por unha perda de poboación nas parroquias e posiblemente unha parte de esta poboación fixe a sua residencia no casco urbano. Asemade hai abondos indicios de que o envellecemento vai seguir na mesma tendencia que ate agora.

4ºA distancia (medida polo SigPac) entre a Estación de Servizo e a Praza de Abastos, indo pola Avda de Galicia ou o Teatro, indo por San Roque, ven sendo un quilómetro, metro arriba metro abaixo. Os atrancos, pasos de peóns, rotondas e riscos para os peons derivados do tráfico intenso son ben coñecidos.

A partir dos datos anteriores calquera pode decatarse que agás as persoas procedentes das parroquias que xa teñen que vir en coche e un reducido número de veciños que residen perto da zona proxectada, para a gran maioría dos usuarios a nova ubicación do Centro de Atención Primaria vai supoñer un atranco e unha perda de calidade asistencial, maiormente para as persoas maiores, dependentes e con menos recursos.

Pola outra banda todos e todas coñecemos ben o que é o casco urbano de Ribadeo e folga suliñar as enormes parcelas sen edificar que existen no centro do mesmo. Tamén sabemos que a reforma do Plan Xeral de Ordenación Municipal foi aprobada definitivamente a finais de 2014 e polo que agora se descubre non se reservou ningún espazo dotacional para equipamentos como este do Centro de Saúde Publico. Lembraremos tamén que no 2012 o concello de Ribadeo aprobou tres convenios urbanísticos que obviamente favorecron aos propietarios do solo, dado que en outro caso non os houbesen firmado. Sobre este particular non faremos ningún comentario polo de agora, se ben convidamos ao lector interesado a que consulte a acta do Pleno Municipal do día 23 de marzo de 2012, páxinas 18 a 25, onde figuran os argumentos da alcaldía e os comentarios dos distintos grupos municipais (véxase pax. web do concello). Tamén nas hemerotecas daquelas datas e concretamente en La Comarca del Eo do día 31 de marzo do 2012, páxina 2, pode atoparse unha substanciosa información sobre este asunto.

En resume, a miña opinión persoal é que o acordo de levar o Centro de Saúde para o prado que hai enfronte da Estación de Servizo é un erro histórico de Ribadeo, vai causar serios atrancos á gran maioría da poboación envellecida deste concello e mínimos beneficios a uns poucos que residen máis perto. Polo que atinxe ao equipamento e aparcadoiros hai terreos abondos no centro do casco urbano que poden cubrir perfectamente esas necesidades. No que se refire a trámites administrativos ou recualificacións do solo son os mesmos ou semellantes nunha zona que outra. Respecto aos prezos dos solares tamén son os mesmos ou semellantes unha vez recualificados. O da vontade política deixámolo para mais adiante.

Evaristo Lombardero Rico

Ribadeo, 5 de Abril de 2022

--
SOBRE A UBICACIÓN DO NOVO CENTRO DE SAUDE DE RIBADEO: I, II, III, IV, V.

20130914

Botando algunhas contas sobre a perda do poder adquisitivo dos funcionarios galegos

No xornal de onte viña unha nova sobre a perda do poder adquisitivo dos funcionarios da Xunta. Polo título, parecería que un 4%. Na edición en papel aparecían diversos conceptos que aumentan abondo dita cifra. Collendo só ós máis doados de contabilizar, e descartando outros como o que representa a reducción de días 'Moscosos' (concedidos no seu momento a cambio de soldo), a reducción de pensións, a reducción de soldo en estado de enfermidade, a reducción de plantilla ou o alongamento da vida laboral, dende finais do 2008 teríamos:
-No que respecta ó ipc, dende o fin de 2007 a comezos deste ano (datos ine.es), a inflacción representou o 15,6%, xerando un gráfico como o que segue:
É dicir, a comezos do 2013 115,6€ tiñan o mesmo poder de compra, segundo cifras oficiais, que 100€ a finais do 2007
-En relación ás diminucións de emolumentos, son sempre aproximadas de xeito xenérico, representando dende o 2007, e cando o soldo non foi conxelado, unha diminución mínima sucesiva de 5%, 7% (supresión de paga extra) e 4%, representando en importe bruto que por cada 100€ de finais do 2007, só se recibiron 84,8€ a comezos do 2013.
É dicir, xuntando os dous factores, o pode de compra do soldo a comezos do 2013 é o 73,4% do que se tiña a finais do 2007, unha perda do 26,6%. Repito, factores extra de reducción a parte, que levan a cousa a máis dun 30% de perda.

20160322

Emigrando

Nas épocas de viaxes tamén se move a emigración, en particular a máis 'moderna', a Europa (e non me estou a referir á 'crise humanitaria' que leva ese nome como eufemismo doutros ben peores, senón da 'nosa' emigración). Supoño que non sería ese o motivo polo que o INE sacou o último informe sobre emigración. Cheguei a el case de casualidade, pero unha vez que lle din unha ollada, non me gustou. En parte, pola falta de aproveitabilidade (dun informe en pdf os datos hai que sacalos 'a martelo', destrozándoos antes de volver a estruturalos para aproveitalos), en parte pola falta de transparencia (as clases nas que se apoia non permiten facerse unha idea clara da 'textura' do fenómeno mais que nuns poucos campos), incluíndo a falta de desagregación de datos (que non permite, por exemplo, considerar a Galicia como un conxunto e estudar o fenómeno por separado na nosa terra). Ou sexa, algo xa normal de falta de apertura de datos na administración española, do que non é a primeira vez que falo.
Así pois, centrareime nunha táboa tentando obter dela o maior zume posible. A táboa da que falei, tal cual, unha vez pasada a unha folla de cálculo:
Nunha primeira ollada, pódese ver que aumentou o número de emigrantes a tódolos países, exceptuando, por pouco (-1,35%) Venezuela. Para facernos unha idea disto último ('por pouco'), dicir que terían que pasar uns 74 anos ó mesmo ritmo absoluto para despoboar Venezuela de emigrantes españois.
Primeira transformación: ordeamento por volume de emigrantes:
Ó ordear, pódese ver que a saída neta de xente de España o pasado ano foi de 110 194 persoas, unhas 300 diarias, aumentando un 5,34% os nacionais no extranxeiro. Ó comparar cifras, obsérvase que tódolos países que sobrepasan de longo esa porcentaxe son latinoamericanos (a excepción dos EEUU e do Reino Unido), dando unha idea de que, se a crise afecta ós nados en España, botando fóra á xente nova, máis afecta ós españois nados no extranxeiro (que adquiriron a súa nacionalidade en moitos casos por descendencia) e que son en realidade emigrantes a España que retornan ós seus países de orixe.

Tamén chama a atención que os tres países que máis aumentan na emigración son Arxentina, os estados Unidos e o Reino Unido, por esa orde:
Quizais sexan máis visuais, coma sempre, os gráficos, coma estes outros gráficos:
Os dous gráficos anteriores representan o mesmo: a cantidade de españois no extranxeiro en xaneiro de 2015 e de 2016, pero teñen diferente base, a do primeiro en 0, e a do segundo, en 2 000 000. A manipulación a que poden dar lugar para comentarios, a 'perspectiva', queda así clara, dentro do drama da emigración, ó ollar para un ou outro.
Volvendo ó aumento por países, quedan a continuación dous gráficos tamén cos mesmos datos pero en diferentes versións:
Sobre estas liñas, o gráfico tradicional, cos datos por países en 2015 e 2016, e baixo delas, o gráfico en función logarítmica. A diferencia? As barras de arriba son proporcionais ás cantidades, tanto de emigrantes en cada ano como de variación de emigrantes. Nas de abaixo,pódese dicir que a variación entre o ano 2015 e 2016 ten unha lonxitude proporcional á porcentaxe de aumento. Tamén nestes casos, a percepción pode ser ben diferente.
Ben, podemos xogar con cantidades e gráficas, mais iso non suprime o feito de que a saída neta declarada de emigrantes superara o ano pasado (2015) os 100 000. Igual que o ano anterior. E que o anterior. E que o anterior... con calquera gráfica que xogemos, a menos que esteñamos a mentir ou a ocultar.

20240405

Do pasado ao presente e ante o futuro (V). Pablo Mosquera Mata

Parte I

Parte II 

Parte III

Parte IV

Parte VI 

Do pasado ao presente e ante o futuro

Vª entrega

En maio de 1982, o orzamento do concello de Cervo ascendía a case 136 millóns de pesetas, dos que máis de 26 millóns foron para pagar ao persoal municipal -un secretario (vacante de titular), un un xefe de negociado, un administrador, tres axudantes administrativos xefes de grupo, tres gardas municipais, un axudante de garda municipal, un arquitecto técnico, un oficial con tres operarios. Os ingresos proceden de: 62 millóns de impostos directos, 4 millóns de impostos indirectos, 25 millóns de taxas e outros impostos, 29,5 millóns de transferencias correntes e 15 millóns de transferencias de capital. Son tempos nos que se está a realizar o asfaltado das rúas, así como as obras de conexión entre a antiga e a nova rede de abastecemento de auga a San Cibrao. A medida que funciona a fábrica de aluminio, os mariñeiros quéixanse de como esmorece o porto de San Ciprián.

Porén, en setembro de 1987, a Confraría de San Cibrao que preside Pepe do Lugar solicita a ampliación da lonxa polo aumento da pesca de baixura e marisqueo que compensa en boa medida a diminución das capturas de bonito.

Ese mesmo ano xurdiu por primeira vez a preocupación polos movementos de area en toda a praia da Concha, que se ve afectada polo dique portuario de Alúmina-Aluminio, que cambiou a dirección das correntes, e o encoro de Riocovo, que ao mesmo tempo ó non deixar fluír libremente as augas do río provoca a acumulación de sedimentos na entrada da ría. A Consellería de Ordenación do Territorio deu orde ao enxeñeiro xefe do grupo Portos de Lugo para que redacte o proxecto de ampliación do porto de San Cibrao, obra necesaria polos efectos negativos que a ampliación da dársena norte da factoría tivo no porto de San Cibrao, provocando que a mar rompa na dársena de xeito incompatible co atraque de embarcacións durante os invernos. O Patrón Maior tamén reclama a construción da Casa do Mar como instalación sociosanitaria e hostaleira para a xente do mar en activo ou xubilada.

Outro dos sancibrenses moi activos é o industrial Tomás Martínez que preside o Club Deportivo San Cibrao, entidade que promove a práctica de numerosos deportes, destacando as actividades do piragüismo; así como a creación dun campo de fútbol, ​​xa que o que existía nos Campos desaparecera pola localización do colexio Rivera Casás.

Segundo os datos publicados polo INE do padrón municipal de 2022, o 47,73% (2001) dos habitantes empadroados no Concello de Cervo naceron no devandito concello, o 47,14% emigrou a Cervo desde distintos lugares de España, o 24,59% (1031) doutros concellos da provincia de Lugo, o 7,44% (312) doutras provincias de Galicia, o 15,10% (633) doutras comunidades autónomas e o 5,13% (215) emigraron a Cervo doutros países.

e se o comparamos con 1996 ata 2022

• O número de habitantes nacidos en Cervo descendeu (-823), pasando do 54,91% ao 47,73%.

• O número de habitantes nados na provincia de Lugo aumentou (20), pasando do 19,66% ao 24,59%.

• O número de habitantes nados en Galicia diminuíu (-42), do 6,88% ao 7,44%.

• O número de habitantes nados no resto de España diminuíu (-208), pasando do 16,35% ao 15,10%.

• O número de habitantes nacidos noutros países aumentou (102), pasando do 2,20% ao 5,13%.

Pablo Mosquera Mata

20090921

Poboación de Ribadeo: detalle


... a lembrar que premendo co rato sobre a imaxe, pode ampliarse..




Recollido de http://www.ine.es
Ano 2008:
Provincia * Municipio * Unidade Poboacional * Poboación total * Varóns * Mulleres
27 Lugo * 051 Ribadeo * 000000 RIBADEO * 9854 * 4671 * 5183
27 Lugo * 051 Ribadeo * 080000 RIBADEO (STA. MARIA) * 6283 * 2931 * 3352
-
Poboación Superficie (km2) Densidade (hab/km2)
27051 Ribadeo 9 854 * 108,94 * 90,45
En fin, da pé a algunha curiosidade, como que as mulleres no concello sexan o 52,6%, mentras na vila son o 53,35% e na zona rural, 'só' o 51,27%
O a ver como a poboación da vila mendra mentras se estabiliza a do concello, diminuíndo polo tanto na zona rural, que queda para o 2008 en :
* Poboación total do rural * Varóns * Mulleres
* 3571 * 1740 * 1831
Está claro que as mulleres viven máis que os homes? Si, pero sen esquecer a compoñente emigratoria.
... e, para poñer a cousa en contraste, lembrar que na China, por cuestións socioeconómicas, estanse a producir cousa de 53 nacementos de varóns fronte a 47 de mulleres.

20120228

Máis Galiza

Nestes tempos nos que unha corrente que pide 'máis Galicia' está pensando (e de paso, desgarrándose) en se sumar votos para tentar lograr máis para Galicia ou ir por libre aínda a conta de restarllos a outra xente que tamén anda querendo algo máis para Galicia, tamén máis e máis Galicia pasa a estar fóra de Galicia.
Eso din as estatísticas. Deixo un gráfico feito por min con datos do INE en relación co censo de residentes ausentes este anos:
A prensa di que a crise agudizou as saídas. E si, pódese ver que a curva é agora máis inclinada que antes. Pero tamén que antes o censo estaba medrando xa. E, por outra banda, os residentes en Galicia somos cada vez menos (non é a primeira vez que trato o tema), co que a porcentaxe de 'externalización' sube como a escuma, pasando xa do 14% da poboación e sendo máis do 50% en varios concellos. Señores, 'Máis Galicia' é necesaria se queremos ter algo de Galicia. Pode que teñamos que decidir que é 'Máis Galicia', pero fagámolo rápido se queremos ter algo que decidir.

20130610

Sobre un indicador económico

Hai uns días, o venres, vin na Voz de Galicia unha táboa que me chamou a atención. Estaba asociada á nova 'o ritmo de creación de empresas repunta en toda España' (táboa non reproducida en internet). Con algo máis de tempo, fun ampliar a información ó INE e completala coa poboación correspondente e cunhas sinxelas contas e gráficos. O resultado está embaixo.
A primeira gráfica corresponde ó número total de sociedades mercantís ('empresas') creadas no mes de abril, tamizadas polo número de habitantes de cada entidade. Independentemente de que debido á escaseza de creación, os números podan resultar en algunha comunidade abondo aleatorios, e facilitar o titular tipo 'España vai ben' facendo caso omiso doutros factores, a gráfica representa a actividade en relación ó número de habitantes (nº en relación a 1 millón de habitantes), dando unha idea da potencia económica de cada zona e as diferenzas entre zonas. Dentro de Galicia, a beira atlántica segue sendo máis dinámica económicamente que o interior. E en España, as zonas tradicionais seguen sendo as máis puxantes, encabezadas por Madrid, pero con algunha sorpresa, como o terceiro posto en creación de mepresas que corresponde a Andalucía ou o modesto lugar do País Vasco. O conxunto de Galicia ocupa un lugar medio, pero máis ben cara enrriba na liga interrexional, aínda que o balance xeral polo número total de empresas faga dicir ó xornal que que a creación de empresas en Galicia é algo menor que o peso que lle corresponde en relación ó peso económico. Isa é a visión xeral se nos dixamos guiar só polas empresas creadas. Pero tamén hai que ter conta as empresas disoltas, e aí, dentro de Galicia, vemos como o balance total de empresas constituídas menos empresas disoltas se inclina a favor de A Coruña máis que o aparente de Pontevedra, e Ourense supera a Lugo. A nivel estatal, Baleares achégase á primacía madrileña, Cataluña avanza postos, e Galicia tamén os perde.
 A segunda gráfica amosa o cociente entre o número de sociedades creadas e disoltas. En tódalas entidades provinciais ou autonómicas a ratio é maior que 1, pero nelas Lugo case lle disputa a Ceuta o posto inferior. A nivel estatal, destaca Murcia dun xeito sorprendente alomenos para min, quedando Cataluña, comunidade Valenciana e Castilla-La Mancha agrupadiñas a continuación na creación neta relativa de empresas.
 A continuación, a táboa que soporta os datos.
En conxunto, e de xeito illado, os números non poden indicar o medre na creación, pero isa análise necesita de máis datos e atéñome polo momento ó que indica o xornal. Consideraría, iso sí, unha boa noticia sinxelamente que a ratio empresas creadas/empresas disoltas sexa maior que 1, cousa que sucede. E como se traduce isa boa nova cara á xente? ...

20211205

Primeiro sábado de mes? Concentración pro pensións en Ribadeo

    Un mes máis, 40 persoas concentráronse no Cantón de Ribadeo por un mundo máis xusto e polas pensións dentro dese mundo. As concentracións non amainan, e pouco a pouco achégase outra xente. Deixo abaixo algún material: a convocatoria, fotos de Suso Fernández, o lido por Básaro López...




Lido na concentración:

Temos que empezar decindo que estamos nun momento moi importante con respeto ao tema polo que levamos saíndo a rúa desde fai unhos anos, AS PENSIÓNS. Esta nova reforma que se pretende facer ahora, (a terceira en 10 anos) ao ditado da banca e do poder financeiro, vai traducirse, se non somos capaces de evitalo, en recortes das futuras xubilacións, e nun plan de privatización do Sistema Público de Pensións. Ademais, e entre outras cousas, tampouco garante a capacidade adquisitiva das pensións a partir do 2022, ao establecer un sistema de cálculo do IPC que non permite revisar os recortes ata pasados os 5 anos.

A pregunta é, porqué hai que esperar 5 anos para revisar o IPC?, porque non se pode facer ano a ano?, que intereses ocultan? 

Antes da reforma do 2011 o goberno subía as pensións según o IPC previsible, e logo a final de ano regularizabase según o IPC real, non había mais cálculos nin mais historias. Ahora din que van a facer a media interanual, e decir van a inventar unha fórmula para seguir baixando as Pensións con respeto ao IPC real, e poño un exemplo fácil para que se entenda:

Imaxinarvos que no primeiro mes do ano sobe o prezo da cesta da compra un 5%, e nós separamos todos os meses 100 € para este gasto. Ben, pois coa subida do 5% tería que separar 105€ para comprar as mesmas cousas. Agora imaxinarvos que durante o resto do ano non volve subir a carestía da vida, pero nós seguimos achegando todos os meses os 105€ para comprar. O que nos supón que ao final de ano supúxonos un gasto extra de 5€ cada mes por 12 meses, 60€.

Pois o Sr. ministro di que se vai facer unha media interanual para axustar o IPC ás Pensións e os e as pensionistas non sigan perdendo poder adquisitivo. Mentira, mente loxicamente a propósito porque parvo non é, co consentimento de todos os parlamentarios (non escoitei a ningún manifestarse en contra, se alguén sabe dalgún retractome de inmediato), e o beneplácito tamén dos sindicatos maioritarios. 

Porque mente?, pois veredes, con esta media que quere facer a conta sáelle redonda, faise da seguinte maneira: o primeiro mes sobe un 5% e logo non sobe máis en todos o ano, pois sería ese 5% dividido entre os 12 meses do ano sae a 40 céntimos ao mes. O iluminado Sr. Escrivá e todo o coro de lamecús van subir 40 ctmos. cando en realidade estamos a gastar 5€ máis ao mes.

Ao cabo dos 5 anos, canto perdemos?, como se van revisar despós?. De eso, naide dí nada. 

Tanto os distintos grupos parlamentarios, como os sindicatos maioritarios saben que nos están engañando, son unhos trileros, son unhos vendidos.


Unha vez máis, reclamamos que:
▪ as pensións mínimas deben elevarse ata equipararse ao Salario Mínimo Interprofesional e este situarse no 60% do salario medio, segundo recomenda a Carta Social Europea;
▪ se derroguen tanto as reformas de pensións do 2011 e do 2013 como as reformas laborais de 2010 e 2012 que recortan as pensións e reducen salarios e cotizacións sociais;
▪ sexa eliminado o “Factor de Sustentabilidade”, sen ser substituído por ningún outro coeficiente redutor como o “Mecanismo de Equidade Interxeracional”;
▪ a xubilación debe volver aos 65 anos para crear emprego, mitigar a pobreza e a brecha de xénero;

▪ os coeficientes redutores da xubilación anticipada con 40 anos cotizados deben ser eliminados;
▪ hai que establecer medidas efectivas para acabar coa brecha de xénero en salarios e pensións;
▪ a capacidade adquisitiva das pensións debe garantirse a través de revisións anuais, que recollan como mínimo o incremento do custo da vida.
▪ en caso de ser necesario, e como establece a lexislación actual, o pago das pensións públicas debe garantirse a través dos Orzamentos Xerais do Estado, sen que se converta en débeda da Seguridade Social.
Temos unha necesidade imperiosa de saír á rúa e gritar que xa está ben, que deixen de amolarnos, que dunha vez por todas se blínden as pensións, que deixen de dicir cada día unha cousa. E a nós a todos e todas, que nos poñamos as pilas, porque senón vannos a afundir na miseria. 

GOBERNE QUEN GOBERNE AS PENSIÓNS E OS SERVIZOS PÚBLICOS DEFÉNDENSE


Valoración de urxencia da nova Lei de pensións que vai ser votada no Congreso de Deputadas e Deputados

No ano 2022 as pensións perderán máis de 3 puntos de poder adquisitivo.

O Movemento Galego pola Defensa das Pensións e os Servizos Públicos chama as persoas pensionistas a se mobilizaren en defensa do poder adquisitivo das súas pensións!

Previsibelmente, esta semana votarase o texto definitivo da Lei de garantía de poder adquisitivo das pensións e doutras medidas de reforzo da sustentabilidade financeira e social do sistema público de pensións. Coñecidas as emendas aceptadas polo Goberno, facemos unha valoración de urxencia.

Aspectos positivos

A mobilización social sostida desde 2018 conseguiu converter en lei algunhas das demandas do movemento en defensa do carácter público do sistema de pensións.

1ª. Artigo 1.13. Os chamados gastos impropios da Seguridade Social serán asumidos polos Orzamentos Xerais do Estado. En adiante as cotizacións sociais destinaranse ao financiamento das pensións contributivas.

2ª. Nova disposición adicional quinta. Realizarase unha auditoría de ingresos e gastos do sistema desde 1967 a 2020, o que permitirá demostrar que a SS asumiu durante décadas gastos que non lle correspondían, o que facilitou que os partidarios da privatización argumentasen a existencia dunha débeda ficticia.

3ª. Nova disposición adicional 3ª. Faise referencia a que se debe asegurar o actual nivel das prestacións públicas medida pola taxa de substitución da pensión inicial en relación co salario, o que dificultará os intentos futuros de reducir as pensións iniciais.

4ª. Artigo 1.19 bis. Recoñecese o dereito ás pensións de viuvez das parellas de feito, acabando así cunha discriminación que prexudicaba centos milleiros de persoas.

5ª. Disposición adicional primeira. Ábrese a porta a un complemento ás pensións das persoas con longas carreiras de cotización, se ben a redacción final limita moito o número de persoas beneficiadas e a contía dos complementos.

6ª. Disposición final quinta bis. Por primeira vez se relaciona o importe das pensións co SMI, aínda que unha redacción voluntariamente vaga fará moi difícil que teña un impacto real no importe das pensións mínimas.



Aspectos negativos

A pesar destes aspectos positivos, consideramos que a nova lei nin garante o mantemento do poder adquisitivo das pensións actuais nin unhas pensións futuras dignas e suficientes.

1º. Artigo 1.1. A nova redacción do artigo 58 da Lei Xeral da Seguridade Social (LXSS),“as pensións da Seguridade Social, na súa modalidade contributiva ... revalorizaranse ao inicio de cada ano na porcentaxe equivalente ao valor medio das taxas de variación interanual expresadas en tanto por cento do Índice de Prezos ao Consumo dos doce meses previos a decembro do ano anterior” fará que a suba anual das pensións sexa sempre inferior á inflación acumulada.

O INE avanza unha inflación acumulada para final de novembro do 5,6%. Porén, a aplicación da nova fórmula de revalorización fará que as pensións se incrementen un 2,5%, cunha perda de poder adquisitivo do 3,1%.Incluso as pensións mínimas e non contributivas, que subirán un 3%, sufrirán unha leve perda de poder adquisitivo.

Até 2011, a fórmula utilizada garantía o mantemento do poder adquisitivo das pensións segundo o IPC real: 1) a principio de ano, as pensións subían tanto como o IPC previsto polo goberno, 2) a final de ano, se o IPC real superaba esa previsión, realizábase unha segunda actualización, 3) ao tempo as persoas pensionistas recibían unha paga compensatoria.As reformas de 2011 e 2013 acabaron coa garantía do mantemento do poder adquisitivo e provocaron grandes mobilizacións que culminaron nas manifestacións masivas contra o 0,25% de Fátima Báñez e conseguiron que nos últimos anos as pensións volvesen revalorizarse de acordo co IPC.

A redacción incluída na nova lei supón un paso atrás. Polo tanto, a defensa do valor adquisitivo das pensións volve ser un obxectivo central do movemento social en defensa do sistema público de pensións.

2ª. Mantense a idade legal de xubilación aos 67 anos. Unha medida inaceptábel tendo en conta que o normal no mercado de traballo español é a existencia de máis de 3 millóns de persoas paradas, un 40% de paro xuvenil e unha taxa de actividade feminina inferior nun 10% á masculina. Reclamamos a derrogación da reforma das pensións de 2011 e a recuperación da idade de xubilación aos 65 anos.

3ª. Continuará a haber pensionistas pobres. En Galiza, o 46% das pensións están por debaixo do limiar de pobreza, 688€ mensuais en 14 pagas. A nova lei non soluciona a insuficiencia de millóns de pensións en todo o Estado.

4ª. Resulta moi preocupante a referencia ás previsións dos informes Ageing Report publicados periodicamente pola Comisión Europea (CE), que deixa aberta a porta a recortes futuros das pensións. A asunción dos criterios da CE conecta esta lei coa segunda parte da reforma das pensións que lidera o ministro Escrivá, o home das finanzas na Seguridade Social, que busca abrir a porta aos plans privados de capitalización de empresa. O seu obxectivo é reducir a taxa de substitución das pensións públicas iniciais, e obrigar as traballadoras e traballadores a subscribir plans privados para converter unha parte das súa cotizacións sociais en produtos financeiros dos que bancos, compañías aseguradoras e fondos de investimento obteñan suculentas comisións, en total un 0,6% das cantidades achegadas.