20200426

Signos. Signos de querer o poder e non o traballo que leva consigo

Imaxe tratada dende 'tres monos sabios', en commons.wikimedia.org por Rachmat04 (CC BY 2.0)
   Signos. Signos de querer o poder e non o traballo que leva consigo
   Tentar informarse de xeito diversificado nestos tempos é unha carreira de fondo na que se remata extenuado. A procura de información -da que hai inflación- vese torpedeada pola necesidade de testar a súa validez -da que hai dúbidas crecentes-.
   A realidade sempre foi unha fábrica de información para as persoas. A fábrica. Con máis ou menos interpretación, e transmisión e recepción da visión interpretada. Mais 'a fábrica' vese na actualidade na necesidade de competir cos 'obradoiros'. Obradoiros de produción de sucedáneos de información vendidos como se de información se tratase.
   O fin dun ‘obradoiro de información’ non é subministrar información. Nin aínda desinformar. Desinformar é só unha técnica para lograr o fin: o poder. Do tipo que sexa, pero do xeito máis inmediato e duradeiro posible. Como sexa. Sen importar a xente sobre a que se teña -pretenda ter- o poder. Con ilo, tamén se despreza o traballo asociado ó poder: quérese poder. Limpo de cargas. Para usalo. Para desfrutalo en exclusiva. Para exercelo e facelo sentir. Non para administralo e con el mellorar a vida dun pobo, senón para dirixilo ó antollo en función de fins alleos a el.
   Desinformación... Para preparar un salteado, sazonar erros con medias verdades con mentiras, axitar, botarlle un pouco ou un moito de refrito de sentimentos a gusto, para que pique máis, e servir no momento oportuno, coa temperatura ambiente adecuada e os acompañamentos, bebidas alcohólicas, postres doces... do mesmo estilo, para que a comida quede completa. Repetir o servizo cantas veces faga falta variando un pouco a receita e/ou os ingredientes, ata que o comensal afaga o seu gusto e non atope sabor fóra de aí. Entón, con suavidade, xa se poderá chamalo a comer a merda onde e cando diga o cociñeiro. Convén nos primeiros tempos pasar algunha enquisa de satisfación de cento en vento, digamos, de catro en catro anos, para certificar -ante o resto de xente non afeita aínda- que a receita está de rechupete. Como significa esa palabra, de re-chupete, de re-volta á infantilización máis primaria. De premio, non leva traballo exercer o poder sobre un neno dun ano. Só o levaría o coidalo. Pero, se desinformas a conciencia, vas a coidar a conciencia?
   Signos. Signos de querer o poder e non o traballo que leva consigo, nin a responsabilidade, nin, moito menos, compartilo.
   Engadido:
   Vivimos nun mundo no que a tecnoloxía está a desenvolverse cada vez máis. Nun mundo tecnolóxico. A tecnoloxía pode liberar, pode facer á súa vez que desenvolvamos a nosa humanidade, o noso ser persoas. Pero é neutra. Non é un ben absoluto. É un instrumento. E, en relación a este tema, o poder de confundir e conformar á xente a través dos medios vai en aumento a medida que a tecnoloxía se fai máis sofisticada. É dicir, a medida de que é máis capaz de substituír as cousas naturais como por arte de maxia, sen sospeita.

Ningún comentario: