20200425

25 de abril nos EEUU


Esperto un 25 de abril confinado. E desenvolvo o día ata que teño conciencia da data. Volto atrás coa mente e penso o que fixen hoxe, unha data que levou a Portugal a unha nova vida.
Quedan na miña cabeza apuntadas -máis ben o sitio onde ir de novo procuralas- unhas cantas ideas, que van dende o xeito de facilitar a aprendizaxe da escritura dos números polos nenos pequenos ós 15 000 L diarios de mexo en Ribadeo. Desas dúas cousas podemos falar -espero facelo- noutros momentos. Mais, en relación a esa nova vida política portuguesa, e no medio doutros pensamentos e aprendizaxes desta mañá, adapto aquí tres cousas, que cito:
"Atopei que o patriotismo que os meus pais me ensinaran era convertido en nacionalismo de xeito doado."
"Os meus pais eran, se non dimisionarios da política en xeral, certamente dimisionarios dos políticos."
"
E soñei que efectivamente, durante a pandemia derogábase a lei mordaza.
Establecíase a renda básica, e unha reforma fiscal, para o reparto mais equitativo da nosa riqueza
Potenciábase a agricultura agroecoloxica e a pesca artesanal de cara a soberanía alimentar,
Nacionalizábase a sanidade privada, creabase unha farmacia publica, potenciábase a investigación publica, recuperábase a sanidade publica, gratuíta e universal.
Legalizábanse a todas as persoas, tiveran ou non papeis.
Derogábase a contra-reforma laboral establecendo salarios xustos
Garantíanse as pensións coas mínimas igualadas ao salario base,
Recuperábase unha sociedade civil, e non unha sociedade militar, expulsando das rúas o exercito,
Constituíase unha banca pública para acabar coa especulación da banca privada
Establecíase como dereito fundamental a autodeterminación dos pobos.
Espero que non sexa un soño, ....
"
Comezando pola última, está collida de Facebook. Un soño. Algo que axuda a formarse unha idea, que impulsa á acción para conseguir un ideal... pero que, matinada dende un estado de pandemia -en realidade non ten por que ser así, pero está enunciada en medio de tal estado- implica algo como unha ensoñación máis que un soño. Entumecemento dun ideal conseguido máis que empoderamento cara á consecución de algo para o que aínda queda por facer.
As dúas primeiras son citas dun libro, Permanent record, que pasa por autobiografía de Edward Snowden, e que me levou ó título, 25 de abril nos EEUU. Levoume porque estou na parte do libro na que Snowden relata a formación da súa idea de liberdade. Algo que foi formado a partir do seu pasado, formado a partir da educación recibida na súa casa. Ensinado a amar o seu entorno simbolizado na 'patria', chegado un momento da súa vida ollou para atrás e viu -moito tempo antes de converterse no activista pro dereitos da xente que é- que el mesmo pasara do 'patriotismo' ó 'nacionalismo' (eu, co vocabulario que por aquí se manexa, diría máis ben 'patrioterismo'), confundindo o amor polo seu entorno coa querencia dun medio autoseparado e ríxido, sen diversidade de ideas co poder. Tamén, constata que a súa familia, a súa herdanza, tendía a afastarse da política, dimitindo así da intervención nos asuntos de todos e de poñer o seu gran de area en igualdade. Non tanto porque pasaran dos temas sociais como por ter a política collido un camiño de enaxenación da vontade da xente a beneficio dos políticos.
Ribadeo, 25 de abril. Nun mundo confinado polo coronavirus pero enredado de xeito telemático, calquera punto pode ser considerado o centro do mundo. Ó tempo que ningún o é por máis que esa rede creada pola xente se teza máis nalgúns lugares, e que esa densidade faga parecer que pode haber un centro do mundo. Non, Ribadeo non é o embigo do mundo, nin ti tampouco o es, mais outro lugar ou outra xente tampouco. E nós vivimos aquí.
--
Grândola, vila morena:

Ningún comentario: