20101214

Os Beléns de Ribadeo

Este ano, ó xa tradicional belén da Terceira Orde, sumaránselle outros moitos debido ó concurso de beléns organizado pola Agrupación Belenista de Ribadeo xunto co CCA, a máis do propio belén montado por aquela na antiga Casa Maseda (entrada por r/Villafranca del Bierzo). Non nos deixemos enganar polo título do seu blog, lembrando a película de Paco Martínez Soria "Y se armó el Belén", pois non ten nada de comedia e si moito de esforzo e ilusión.
A agrupación belenista xurde a partir dun grupo de xente arredor dos amigos da Semana Santa, constituíndo un núcleo de persoas activas que xa se involucrou o pasado verán no Curso de verán Luis de Trelles. Nunha nova iniciativa, xa está constituída a agrupación, e non só iso, senón que están transformados os locais da antiga Casa Maseda nun conxunto de espazos que teñen unha sección de recepción, administrativa, almacén, taller e agora, belén, que se pode ver direitamente dende a rúa a traverso dos escaparates da antiga tenda ou internamente. Aconsello entrar, para aprezar mellor os detalles de algo que se montou de xeito artesanal fixándose neles, como se pode ver nas imaxes do seu blog, pero tamén nunha presentación correndo á beira do propio belén, nas explicacións dos membros da agrupación ou nas reproduccións de documentos usados para facer o Herodión ou o pazo e a cidade de Xerusalén, por poñer dous exemplos. As figuras humanas, de varios tamaños, contribuíndo á perspectiva, son de autor.
A idea é non facer un belén repetitivo, senón pensar a construcción do próximo cando remate esta edición, que como os beléns máis tradicionais será exposta durante dous meses, dende o oito (este ano non puido ser mesmo dende ese día) ó mes de febreiro, coincidindo coa celebración relixiosa do tempo. É dicir, o próximo ano armarase un belén diferente.
Para esta primeira edición, recibiu a visita e bendición do Bispo da diócese o domingo a raíz de outorgar a confirmación a un grupo na igrexa parroquial de Santa María do Campo, como consta nas fotos que tamén hai no local. E consta a oferta do grupo para formar máis xente que sexa capaz de levar a bo fin a construcción doutros beléns, aspirando a que Ribadeo se integre de pleno na ruta de visita belenística.
En breve verase locer en diversos escaparates de Ribadeo o froito do concurso de beléns, pero, mentras, o tradicional da Terceira Orde xa leva tamén montado dende a fin de semana, atendido e explicado, cunha amplitude que o fai candidato á súa visita mesmo por grupos de xente, e con artificio de luces e a 'aparición' do anxo aproveitando as leis da óptica.
En Ribadeo, se ata o momento había só destacable para o público o belén da Terceira Orde, hai xa unha pequena ruta blenista que tenderá a aumentar e mellorar, pois está a crear escola.
As fotos? Algunha deixarei, pero mellor, in situ.

Ningún comentario: