20070724

Homenaxe a un descoñecido (mar 109), un artigo xa vello

Despois de descubrir vellos artigos, algún sen publicar, mesmo moitos sen rematar, de cando en vez irá algún no blog para que vexan a luz. Mantelos igual que estaban pode representar mesmo un desafío: os tempos, as percepcións, cambian. Este é do 1999, e coido que non chegou a publicarse. Por certo eso de 'mar 109' corresponde a un código que usei no seu tempo, e que deixo como referencia propia.
--
Homenaxe a un descoñecido.
Non se pode homenaxear a un descoñecido. Facer o contrario sería igual que non facer nada, caer no ridículo ou aínda peor respecto á persoa homenaxeada, rirse e / ou aproveitarse dela. Por eso non é de todo certo o título.
A persoa a quen quero recoñecer a súa disposición como tal non é unha descoñecida, nin moito menos, pero a min quedoume ate o momento un pouco a desmán.
O seu nome, Cándido Sanjurjo Fernández, soa forte como estudioso, por exemplo, da historia do tren mineiro que comunicaba Ribadeo coas minas de Villaodrid e que pretendía extenderse máis aló, ate Vilafranca do Bierzo. Da súa pluma saíron, e seguen a saír artigos que nos dan a coñecer algo de nós mesmos, fixando ó tempo moitas veces a transmisión oral en verbas escritas. Artigos soltos ou series como a do “El Eo de los Santos” son acreditativos daquel lema da Real Academia Española de la Lengua, “limpia, fija y da esplendor”.
Pois ben, sabendo algo (pouco) das súas obras, non coñecía a Don Cándido ata o pasado doce de febreiro. Aquél día, ambos fomos escoitar a Malén no seu ribadense pregón do antroido. Como queira que tiña unha dúbida sobre do monumento ó gaiteiro, accedín a D. Pancho Maseda como coñecedor do tema, e foi el o que me presentou á súa vez a D. Cándido como persoa que seguramente me podería resolver a dúbida. Quedou en mirarmo e resolverma. Fíxoo, e cunha amplitude que me decidiu a escreber estas verbas. Non polo feito de que poidera resolver unha dúbida, senon pola dedicación que puxo por complacer a un descoñecido como era eu para el. É só un pequeno detalle que, vin a confirmar despois, corresponde á súa persoalidade. E é esa personalidade, como representante de outra xente que trata de complacer ós demais, ó que quero rendir homenaxe. Poñer como exemplo a persoas que como D. Cándido, adicaron e adican a súa vida a traballar ben, a extender o noso coñecemento, e que sirven ós demais. Persoas que poucas veces están recoñecidas como deben e que son un exemplo para unha xuventude que ten como mito e exemplo a imaxe e non o que hai dentro de nós mesmos.

Ningún comentario: