20190529
Eu non votei
Por que non votar? Está amosado que as zonas de alta abstención están asociadas a zonas con baixas perspectivas, é dicir, zonas nas que dalgún xeito voto non se asocia a un potencial poder. Está estudado a base de grandes números que vota menos a xente de baixo poder adquisitivo. E así, perfil a perfil, pode irse construíndo a imaxe dunha persoa abstencionista.
Pero, máis aló do perfil, e da consideración no imaxinario de que cada elección ten unha importancia diferente, asociada ó estar máis ou menos lonxe o poder da xente que se elixe, cada unha das persoas que non foi votar pode necesitar ter unha disculpa que lle de a coartada para non exercer un dereito asociado a un poder.
Para moitos, non foi coartada. Sinxelamente, non puideron, non lles deixaron ou non deron accedido ó voto, como a xente que está emigrada, que 'logrou' porcentaxes de participación por baixo do 10%.
Pera outra moita xente, o traballo por conta allea consideraron que non lles deu un respiro para unha ocasión de tentar defender eses dereitos que lles están machacando. Ou o traballo por conta propia. Ou, caso poñamos de transportistas, non pediron o voto a distancia e xurdiulles unha viaxe que os mantivo lonxe o día das votacións. Nalgures, nestas ou noutras eleccións, o motivo de moita xente para evitar o pasar por unhas urnas menos atractivas que a praia ou o campo foi un día soleado que desfrutar. E a casuística podería seguir case cunha causa por cada persoa, vistas desde fóra, máis ou menos 'xustificadas'.
Pero volvendo atrás, e penso que iso é a clave, hai que procurar a causa da abstención sobre todo en algo parello a: para que? Xente que non confía na democracia tal e como está proposta, e que ten razóns para non facelo á vista da corrupción e outras lacras, a máis da propaganda que potencia lanzar merda uns contra outros en troques de difundir uns logros polo xeral pouco traballados, escasos, que dan pouco de si. Xente que ve que a única arma que cren ter, o voto, é pedida cunhas promesas incumpridas dende a mesma noite electoral. Xente que se cre sen poder cando o poder emana da xente. Xente que non participa de xeito organizado porque a súa organización é sistemáticamente menosprezada ou destruída se non é integrada nun partido consolidado. Xente que esquece o poder da xente. En todos os casos, xente que ten o poder potencial e que algún día poder demostrar que o ten.
20120410
1982, un artigo feito para o libro das patronais de 1999
As persoas teñen xuventude, madurez, vellez... os pobos poden rexerarse. E eso lle pasou a Ribadeo estas dúas décadas transcorridas dende entón. Os cambios na paisaxe urbana (e non só nela), máis ca un lifting (mellor usar estiramento) foron un rexuvenecemento. A diferencia está en que practicar un estiramento é algo así como poñerse unha unha máscara, mentres o corpo segue a ser vello, e o rexuvenecemento debe afectar a todo o corpo, cobrando novos brios e unhas características máis xuvenís en xeral.
Ribadeo tivo un rexuvenecemento urbano. A ponte ou a rúa peatonal poden amosalo, pero a xente tamén. ¿Cómo pode rexuvenecer a xente? En realidade, non é o rexuvenecemento da mesma xente, senón da sociedade en si. Por exemplo, atraendo inmigrantes, persoas de fóra, con novas ideas, novas formas de facer as cousas, e sobre todo, con necesidade de adaptarse ó lugar onde vivir e á súa xente, a xente que o configurou con antelación e que ten que integralos, e con eso renovarse ela mesma. Galegos coma min, ou xente que previamente era asturiana, pero tamén sudamericanos, e aínda doutros países afincáronse estes anos na vila, que se fixo máis cosmopolita e aberta, cobrando o de fora, as relacións con outros lugares, a importancia que se di xa tivo noutras épocas por diferentes motivos.
Nesa armonía que debe ser un pobo non se poden illar uns aspectos doutros. E aínda que para as persoas a xente debemos se-lo máis importante, o certo e que vivimos rodeados das nosas obras, configuramos a paisaxe no noso entorno, e rematamos tamén configurados por el. Por eso hai que considerar outras perspectivas.
Sufriu un cambio na cultura, nun sentido amplo. Por suposto, por incorporación desa xente que viñemos de fora. Pero non só por esto e por outras cousas máis evidentes, como pode ser se miramos fixándonos nos aspectos musicais, onde Amadores e a Banda supuxeron unha revolución (atención: detrás da revolución ten que haber revolucionarios). Tamén pola animación producida polos Foros de Debate e as figuras que por eles desfilan, as Xornadas Mar por Medio, as de Medio Ambiente (este ano curso de verán da universidade), as Xornadas de Automoción, que facilitaron que se celebraran exames de oposicións para ensino medio este mesmo verán, ... actividades que, miradas en perspectiva, van cobrando máis importancia e relevancia para o que facer diario no noso pobo, atraendo máis xente, ideas e contribuindo a refacer Ribadeo.
Mesmo para a xente miúda, o cambio de ideas está propiciado pola cantidade de actividades das que dispoñen, da música ó remo, non esquecendo os deportes tradicionais como fútbol ou baloncesto, pero tampouco os novamente afincados como ximnasia e natación, ou aínda outros alicientes que para moitos supoñen por exemplo os concursos da Diadema ou da biblioteca. Claro que ó anterior hai que engadir outras causas de ámbito moito maior que Ribadeo como son a tele e a informática.
Tamén refai Ribadeo o cambio nas estructuras. Creceu coa Ponte que aínda non hai moito cumpriu o seu décimo aniversario e que variou a relación coa outra beira da ría, marcando un antes e un despois. Pero tamén con obras menores en relación a ela: a piscina, que variou a formación da nova xeración de xoves en aspectos lúdicos e deportivos; a rehabilitación do forte de San Damián, que creo que aínda se integrará máis no futuro dentro da paisaxe e actividades no pobo; a creación do parque do cargadeiro e ampliación do paseo ate a illa Pancha (un pouquiño menos), que está a variar a perspectiva da ría de moitos ribadenses; novas rúas e edificios, na antiga vía do ferrocarril, por exemplo, obviando unha realización pouco anterior ó 82, o eixe dende o xardín ate o Parador polas avenidas de Asturias e de Galicia, que supuxo o facer outra vila diferente; a rúa peatonal, auténtico pulmón no centro e que rematou cunhas estreiteces que hoxe xa soan inconcebibles, a nova sé da casa da cultura, cun uso que pouco a pouco se vai acrecentando... e aínda que hai que deixar moitas cousas de lado por mor do espacio, do propio esquecemento e de non cansar ó lector. Con todo, non se pode pode pasar tampouco por alto, por fin, o tratamento da Torre dos Moreno, que esperamos se vaia consumando pouco a pouco para rematar, se cabe, co seu centenario. Todo o anterior, sen buscar unha proxección de futuro que xa se albisca con outras obras comezadas, proxectadas ou faladas: o impacto dunha circunvalación, un auditorio ou a unha autovía dan por si sós para un artigo e moito máis.
Vai variando doutros xeitos. O comercio é potenciado e ten unha puxanza acorde cos novos tempos, o porto, a través de sucesivas ampliacións, permite servicios que antes non tiña, o polígono ... bo, eso será para outras festas.
Claro que non todo foi positivo nestes anos. Unha mirada sobre a beiraría afasta un pouco a imaxe de paraíso natural de fai dúas décadas, aínda que siga a selo. A perda de intimidade que pode facer suspirar a algunha xente vai da man do crecemento experimentado e de que Ribadeo sexa hoxe un enclave turístico abondo máis importante que a principios da década dos oitenta. As remodelacións do parque non poden atallar que a xente nova se aveña a un modelo de comportamento urbano e pase de verse na rúa ó "chamámonos" ou á poltrona televisiva. Pero sobre todo para os que vivimos estas dúas décadas finiseculares aquí, o peor é que xa vemos as cousas con outra perspectiva, a que da o paso dos anos máis sobre nós que sobre un todo ó que queremos.
20200321
No medio doutra crise
Podemos escoller crise. Así pois, collo a crise climática, pode que a que se vai percibindo como máis acuciante no tempo. Cólloa porque remata de chegar á miña vista un artigo, "Estas son as 76 solucións climáticas que necesitamos escalar xa para ter unha oportunidade" que concreta algunhas cousas que máis ou menos xa coñecía. Basicamente, esas concrecións poden resumirse nestos puntos:
1.A humanidade ten a tecnoloxía para lograr parar o cambio climático.
2.O custe do cambio sempre será menor, aínda a medio prazo, que a inactividade.
3.Calquera cambio efectivo pasa polo apoio e a concienciación da humanidade.
Os tres puntos anteriores envolven ao menos unha mala e unha boa noticias. A mala, que a humanidade ten que actuar, implicarse como sociedade. E a boa, tamén que a humanidade ten que actuar, implicarse como sociedade.
É boa e mala ó tempo. Boa, porque implica que dependemos de nós, de todos, e só de nós. E mala porque sabemos como estamos a responder noutras ocasións e as dificultades que entrana iso.
No medio da 'outra' crise, a do coronavirus, atopamos xente que quere escapar, sinxelamente como tomándose unhas vacacións. Xente insolidaria, que fai como se a cousa non fora con ela por algún motivo. Xente á que non lle importa infectar a outros, porque ó fin, ela está 'en bó estado'. Xente que se sacrifica polos demais despois de estar puteada. Xente que ...
Cada persoa é un mundo, dise, e non só porque o número de células de cada un de nós sexa máis grande que o número de persoas na Terra, senón porque as posibilidades de actuacion ante un feito calquera tamén teñen unha variedade inmensa.
Polo que parece, aprendemos máis rápido algunha cousa concreta que a empatía social. Pode que en parte sexa tamén porque practicamos máis esas 'cousas concretas', sexa conducir ou sumar, que a empatía social, que por outra parte é máis necesaria.
O que nos leva a outra crise solapada: a crise que consiste en vivir. Nese desequilibrio contínuo que é nacer, medrar e morrer. Desequilibrio que por unha beira, se transmite á sociedade en conxunto, e por outra, tentamos amañar do mellor xeito, de reequilibrar, para facer a vida máis duradeira e mellor.
Sempre se vive en crise, e sempre debemos tentar mellorar a situación. Agora tamén. Entre todos.
--
Versión posterior enviada ós medios:
20200706
A política do absurdo en Caciquia
Notas posteriores:
1.Segundo descubrín despois, 'Caciquia' non é un invento meu, senón que xa o recolle Vilar Ponte en Antón Villar Ponte, «Pretextos cotidianos. El único sistema posible para anular el caciquismo», E.P.G. 30-VI-1933, páx. 10. 2.Segundo Chenchu, Ribabeo non foi idea súa en orixe, senón de Coté Díaz.
20200514
O medo e os números. Iso da prevalencia?
![]() |
| Mapa con coronavirus, a partir de 2 imaxes, https://www.openstreetmap.org/ e https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/9/96/Corona_Virus_LifeCycle-InfiniteLoops.gif |
Coido que o resume é doado de facer, sen cifras: Estamos mellor que ó comezo, pero as perspectivas, a nada que nos despistemos, seguen a ser aterradoras.
20060326
Ribadeo, 06:00 horas
É só un detalle, pero que fixo que non chamara á Guardia Civil, pois é nestes días de cambio de hora cando máis se nota que segue sen ter unha revisión de horario de peche sistemática como teño pedido unhas cantas veces. Probablemente, a falta de dotación que xa teño comentado algunha vez no libro...
Un detalle que un pouco máis tarde fíxome recapacitar sobre o doado de tomar algunhas medidas que ademáis favorecen ós propios locais. Tamén, sobre a rotación da ocupación de xente no seu interior, que apostaría que nese momento sobrepasaba os límites establecidos en abondo número de persoas (e eso que, ó tempo que estaba entrando e saíndo xente fóra de hora, estaban botando a verxa...)
E sobre a cantidade de xente sentada nas viciñanzas do bar, nunha noite agradabel polo demáis como a pasada. Xente que coido que non era botellón de xeito 'oficial', pero unha vez fóra dos locais, exercía como se o fora.
E tamén, reflexionar sobre o por que se vai a xente a fora coa bebida cando poden facelo dentro. Que parte do botellón é producida non xa polo precio das bebidas nos locais, senón polo abarrote de xente dos mesmos, pola presión sonora, pola calor que a mesma xente produce?
Lembroume ademáis algunhas cousas que se dixeron ontes nas xornadas de sendeirismo en Santalla de Oscos, referido a outros aspectos da valorización turística: 'o mal é de todos', 'é un modelo de desenvolvemento que nos leva a (...)', 'pérdida de patrimonio social e cultural', 'é necesario facer visibles alternativas (...)'
20200616
Apertura, cartos, servicio público. O comercio en Ribadeo.
Si, estamos falando de xente-negocio...
20161019
Compromiso coa illa Pancha. Grupo ‘Por Nuestro Faro’
E polo momento, unha vez que comezou o desescombro, o que hai é que segue manifestándose cada vez maior cantidade de xente a favor da liberdade para a illa de todos. A favor de que a illa sexa de uso comunitario, non privado, con acceso restrinxido. A favor da súa protección e contra o seu uso empresarial.
E as cousas seguen sen estar claras. Non o están no Valedor do Pobo e o Defensor del Pueblo, mesmo con incidentes dos que daremos conta no seu momento. Non o están a nivel parlamentario, onde as preguntas sobre a situación seguen o seu camiño. Non o están na Reserva da Biosfera, e non o están para nos, que vemos numerosas irregularidades en todo o proceso.
Tampouco para algunhas institucións implicadas debe estar claro. Se non, non nos explicamos que sexa imposible conseguir documentación que entendemos pública. Nin para moita xente máis, e non nos estamos agora a referir á xente integrada na plataforma polo noso faro, senón a casos diversos. Casos como o que manifesta o comentario feito nun xornal por unha persoa de lonxe de Ribadeo, que bota a culpa de que a xente non vaia poder entrar na illa ó concello, por non conceder a cafetería… Suponse entón que o concello tería que conceder a autorización por riba das normas para que o concesionario deixara entrar á xente (que fora á cafetería, claro!). Consideramos que xa relaxou abondo o concello o seu celo ó non requirir algúns informes para a concesión do hotel. Pero máis aló do detalle, o que indica o caso é a confusión que se logrou instalar na xente en base a apoios tácitos nas institucións e nas novas, e, como consecuencia, á desinformación.
De calquera xeito, está claro que se a xente se pon a opinar é porque considera que pode facelo porque a illa e de todos, e sexa cal sexa a opinión, o ser consciente de que se pode opinar é un paso adiante a favor de considerar a illa un ben común.
E máis cousas que se poderían tratar. Por exemplo:
-din algúns que poderiamos ter chegado antes a isto que chaman loita. Mais como cidadáns de a pé non temos moita facilidade para conseguir información que puidera resultar contraria ós desexos de quen ten que subministrala, mesmo para enterarmonos do comezo do proceso. E, cando chegou un mínimo de información, tamén necesitamos tempo para facernos á idea das implicacións e comezar a mobilización. E o que pretendemos é manter a illa Pancha como ben común, e iso non e unha loita, unha batalla ou unha guerra, senón pretender a paz e traballar para poder disfrutar dela.
-non nos explicamos o acoso que sufrimos, tentando intimidarnos con ameazas, insultos e mentiras, en lugares de traballo, tirándose diante de coches ou, mesmo a semana anterior ó desescombro, cando un dos membros do grupo foi perseguido nunha rúa con xente ó tempo que recibía insultos, mentiras e ameazas. E si, neste tempo hai xente que se sentiu intimidada. Mais seguimos.
Non, a historia non remata cando comezan as obras. O mar e a illa van seguir estando, e nós procurando o que creemos mellor para todos. Así pois, só comeza unha nova fase.
20060722
Ribadeo, máis do mesmo
Pero sobre todo, máis do mesmo que estes días pasados: advertencia do avance dos feísmo. A relación coa economía e a política foi manifestada, aínda que a expresión de que non hai alternativa, en certo xeito tamén dito, non é certa. Vai xa moito tempo que escribín un artigo sobre TINA (There Is Not Alternative; o artigo non vai só sobre eso, pero é a parte principal) [a anterior ligazón deixou de funcionar. Deixo a ligazón ná copia situada en Internet Archive]e sigoo a manter: outro mundo é posible... e hai moita xente na mesma liña, de amosar esa posibilidade. Mentras, en España xa hai unha vivenda por cada dous habitantes, o que indica que o parque de segundas vivendas segue a crecer pero chega a unas proporcións considerables, coa advertencia continuada dende hai xa tempo de que a burbulla inmobiliaria pode pinchar en calquera momento, con máis perigo canto maior endebedamento teñan as familias, e este segue a aumentar.
Un último comentario fóra de Ribadeo: aconsello a lectura dos articulistas Juan Goytisolo e Manuel Rivas, hoxe en El País
--
O artigo referido arriba, publicado o 24 do 4 do 1997 en A Mariña de El Progreso:
Non sallo do meu asombro. Resulta que un home intelixente, emprendedor, moi preparado, ... pode estar maleducado, podéndose converter en paradigma de que educación non é só ensino ou formación, non é só coñecementos e aptitudes senón tamén actitudes, eso que tanto traballo costa corrixir. Eso non é tan asombroso, dende logo, o asombroso é que con todas esas virtudes, se lance a insultar por ... boeno, as causas as saberá el, pero o caso é que se lanza a insultar en público (amplificado a través dos medios de comunicación) a xente que está pedindo contas e axudando a reconstruir algo que estiman contribuiu a estragar, ou a quen pretende que o ensino público sexa crítico e prepare a xente que poda decidir (como está escrito nos documentos básicos que a correspondente Consellería pretende que se cumpran), ou, sinxelamente, a quen pensa de xeito diferente.
¿E que pinta Tina en todo esto? TINA non é muller. É o acrónimo de There Is Not Alternative, “non hai alternativa”, un dito repetido por moita xente con poder para xustificar as súas decisións. Repítese nos máis diversos asuntos, dende o desencadeamento da guerra con Iraq a decisións sobre medio ambiente a nivel mundial, e así a ONU queda como algo obsoleto dentro do futuro que se pretende que nos caia enrriba. E o protocolo de Kioto, en papel mollado pola chuvia aceda de quen é o máximo contaminante e non quere responsabilidades porque tamén ten o máximo poder: é o mundo do revés que se pretende futuro, onde as propias decisións de xente poderosa xustifican a planificación do porvir de todos nós en vez de ser un mellor porvir a causa das decisións.
Nembargantes, hai xa varios anos, en particular a partir das protestas de Seattle e logo do Foro Social de Porto Alegre (antítese da reunión de poderosos e “contubernio” político económico que é o Foro Económico Mundial de Davos), está habendo unha toma de conciencia: o mundo do futuro está nas nosas máns hoxe, e nós somos quen ten que planificalo. Se hoxe por hoxe temos unha organización política, somos nós quen temos que facela funcionar. Somos quen ten a responsabilidade esencial: a de pedir contas a aquelas persoas que puxemos nos postos de decisión. Naturalmente, nun estado democrático tamén en teoría temos o poder de votar a outra xente para así castigar. Pero non se trata de castigar, trátase de facer que as cousas funcionen para ben de todos, como pola outra banda non se trata de facer unha caza de bruxas contínua a calquer nivel, como o estatal, autonómico ou local, senón de valorar opinións que a todos poden axudar. Para eso, tanto votantes como elexidos temos que ter a cabeza a unha temperatura adecuada, evitando saídas de tono, e uns presionando e dando a opinión e os outros atendendo, que a sabiduría popular por algo se chama sabiduría aínda que tamén se poda equivocar.
Aínda lembro a célebre carga sobre unha igrexa en Vitoria noutros tempos moi diferentes.Ó día seguinte estaba poñendo un cartel na facultade chamando a ter a cabeza fría. É un cartel que conservo para lembrarmo a mín mesmo. A mesma persoa responsable que me induxo naquel intre me induce agora a escribir estas palabras.
E así voltamos ó título: hai alternativa, sempre hai alternativa, ou, para dicilo tamén cun acrónimo en inglés, HAINA, (“Here Always There Is Alternative”), pero hai que traballala. Entre todos. E Don Manuel, insultando ós seus, a unha boa parte desta familia que somos en Galicia, consigue non insultar a ninguén, agás en tal caso á idea que algunha xente segue a ter dunha persoa asombrosa en máis dun sentido. Un modesto consello, sr. Presidente: considere tamén que Galicia existe fóra da súa cabeza, entre outras cousas porque hai moitas máis cabezas en Galicia que a súa.
20141224
Intelixencia cooperativa en Ribadeo
Mentres, nunha situación así, cos concelleiros de tódolos grupos celebrando tras un pleno sen moita alternativa, actuando como veciños que son, vense á cabeza se non podería usarse esa relación que evidentemente teñen e temos para facer as cousas mellor.
Do anterior a experimentar métodos que o podan permitir só hai un paso. Un paso que se está a dar. Con moitas diferenzas e alternativas, pero en todo o territorio a nivel España, están xurdindo plataformas colaborativas, nas que xente diversa, non máis intelixente ou traballadora que a que agora se adica á política, está traballando en conxunto. Colaborando para aprender a facer política, para que a xente da rúa, de onde ven a maioría da xente que participa nestes movementos, participe ó mesmo nivel que calquera outro e isto deixe de ser unha 'democracia asimétrica' no mellor dos casos para ser sinxelamente un exercicio democrático. Sen adxectivación, con acción.
Que se van a cometer erros? Por suposto. O sistema, o mecanismo elixido, ten que permitir unha aprendizaxe continua, e cada vez serán menos. E ise cada vez seguirá unha liña fortemente decrecente, como pasa noutras situacións nas que se usa a intelixencia colectiva (diche algo, por exemplo, a wikipedia?) Que haberá xente que se canse e que abandone? Trátase de que a xente poda cambiarse, estando a disposición do conxunto o facer o cambio, sen trauma, como algo natural: a organización leva un paso máis aló o individuo. Que non pode funcionar porque non hai líderes? Pensar nun líder para funcionar permite pensar de xeito doado nunha cadea de mando dende o líder, precisamente algo que se quere evitar. Evidentemente, haberá responsables de cousas, e responsabilidades (si, responsabilidade e responsable, dúas verbas na actualidade en desuso) dentro do colectivo. Haberá xente que estea máis implicada e xente que o estea menos. Que traballe máis e menos. Diferentes, e con diferenzas. Pero de aí a englobar todo nun líder-xefe...
En fin, non será un mundo perfecto: somos humanos e polo tanto a base non será perfecta, e a construción tampouco o será. Permitiranos soñar con achegar o noso gran de area para mellorar o que temos en conxunto. E permitiranos achegalo de xeito efectivo. A humanidade leva mellorando aspectos moito tempo. Este será un máis.
20221112
Crónica dunha viaxe / e 17, rematando
Crónica dunha viaxe / e 17, rematando
A viaxe finalizada, non o está na cabeza, á que acoden lembranzas, sentimentos, posibilidades e moitas cousas máis.
Indo aínda por terras de Castela, ocorréuseme que ó tempo que unha viaxe para coñecer terras e persoas, ou para sentir a natureza e o corpo, tamén era unha viaxe didáctica, de aprendizaxe. E comecei a tomar apuntes pensando nesa tarefa, para tentar que a outra xente lle puidera servir, a máis da visualización de algo parello a un libro de viaxes -ou sexa, o que levo esbozado-. E iso 'novo' dará de si -espero- outra serie de apuntes que teñen outro destino diferente ós presentes, e que aínda terán que madurecer para servir á súa finalidade.
Está clara a evolución de sentimentos en relación á viaxe a medida que pasou o tempo, ou as xentes, a paisaxe, dende a saída da casa o 25 de setembro ás oito da mañá lixeiramente pasadas ata a chegada ó portal de Valencia o 10 de outubro ó fío da unha e media do mediodía. Está clara, pero non é linear, é demasiado complexa para que nuns cantos capítulos pequenos caiba enteira.
Dito en números, sexan 1100 km ou 4 comunidades autónomas, unha morea de concas fluviais ou 10 provincias, entre outras moitas posibilidades, pode dar unha imaxe moi fría de dúas semanas que lembro cun conxunto cálido de sentimentos que tentei plasmar, dende o esforzo para subir a Cruz de Ferro á percepción de orgullo nunha interlocutora ó comentarme que o nome do seu pequeno e cada vez máis despoboado pobo aparecía nunha rotonda en Sagunto onde se daba fe das diferentes etapas dun camiño que conducía cara Santiago. Por certo, glorieta que me fixen intención de ver, pero que, sen telo apuntado no momento, lembrei cando xa era tarde, tendo aínda agora nas tebras da memoria mesmo o nome do pobo que tería que procurar nela ou a situación exacta a procurar en Sagunto. E, se detalles coma eses se perden na memoria, ó xuntarlle as perdas no paso da lembranza ó escrito, resulta un límite só superable mediante a fábula e a imaxinación. Ambas me gustan, pero non quixera aplicalas como tal de xeito consciente nestas letras, que polo contrario, tentan axustarse á realidade sentida.
Un dos sentimentos foi o asentamento da fortaleza saudable, apoiado despois das primeiras e duras etapas polas máis suaves posteriores. Mesmo os pequenos tropezos, como o rachar dos labios pola labor do aire, ou o proído do tostado das pernas, sentinos así, pequenos inconvenientes que xa se irían solucionando, dentro dun benestar corporal no que tiveron cabida de xeito consciente diversos esforzos. Hai que ter en conta que unha das bases dese benestar sentido é precisamente a superación dos esforzos requiridos, que naturalmente tentei pautar como superables, ó meu alcance.
En conxunto co anterior, o desfrute das etapas foi aumentando, ó ter un maior control da situación pola experiencia e unha maior veciñanza do destino. Visto en retrospectiva, noto que a duración e dureza de cada tramo, e o tempo empregado, non se ve reflectido de nunha influencia sobre o número de bosquexos ou de fotos tomadas. Máis ben é o tempo pasado, ou se se quere, o tempo previsto para chegar ó destino final, o que marcou o ritmo, psicolóxico, de apuntes sobre o camiño, en certo xeito balanceando entre a apropiación do entorno mediante fotos e debuxos e o desfrute directo del.
As paisaxes variadas e a temperie, tiveron a súa influencia nese desfrute e no estado de ánimo. Máis difícil é de cualificar o resultado do contacto con outra xente, en marcha coma min ou xente da terra, nunha viaxe pensada para ir en solitario, decisión da que non me arrepinto. Por suposto, en cantidade de xente atopada, o tramo entre a entrada no Bierzo e Burgos sobrepasou con moito á cruzada antes ou despois, aínda que de Caudiel ata abandonar as vías verdes tamén estaba ateigado; neste caso, só de ciclistas. Iso facilitou o contacto con outra xente en ruta neso tramo Vilafranca - Burgos, mais foi despois cando tiven máis relación coa xente dos pobos, e coas dúas persoas coas que pasei máis tempo na viaxe, Antonio de Teruel e sobre todo, Pedro do Barqueiro, con quen sigo en contacto. Asemade, o cambio de mentalidade dunhas a outras persoas, da xente dos pobos á xente en camiño non deixa de ser curiosa, tanto pola evolución segundo o avance do camiño como polo cambio de lugar a lugar. Pouco ten que ver a mentalidade e carácter dos tres estranxeiros ciclistas de retorno cos que coincidín ó longo da subida á Cruz de Ferro coa do español e do estranxeiro camiño a Santiago no descanso mentres tomaba o apunte da igrexa de Bercianos. E pouco tamén a do rexedor do bar en Castrojeriz, 'castelán vello', coa do tamén rexedor de bar en Almenar, aparentemente afincado alí de primeira xeración dende o norte de África. Por contra, comparar a Julia, a camiñante australiana que me atopei en Hornillos, coa recepcionista de Teruel, novas as dúas e aparentemente de idade semellante, poidera ser máis doado e ter máis semellanzas visibles que nos outros casos anteriores.
A viaxe tamén se pode dividir na parte en marcha e na outra, en poboacións. Dúas compoñente moi diferentes a tódolos niveis, dende esforzo a tranquilidade, mais ter en conta unha separación tan clara como tal separación, sería como partir unha cadeira á metade, resultando outra cousa moi diferente. Ambas partes, ambas 'metades' compleméntanse e en conxunto fan a viaxe o que é, aínda que choque que o estar parado nun lugar poda contribuír á viaxe.
En fin, quixera rematar, esa é a finalidade desta entrada. Mais aínda que o faga por escrito, será unha especie de peche en falso, de poñer unha marca ata certo punto arbitraria, nun relato que seguirei a lembrar e que sinto que non rematou aínda, tanto porque puidera ter continuidade noutra ou outras viaxes semellantes como porque entroncou co resto das miñas vivencias, é parte da miña vida, e aínda non está conclusa.
Só unha cousa máis. Repetir que animo a quen poda estar a ler a facer algo polo estilo, na medida das súas posibilidades de todo tipo. Vamos, unha toleada que non o sexa tanto por estar programada e ser factible. Un saír do normal da vida levada para traer tamén vida, aínda que non faga falta.
![]() |
| Comezo e fin de viaxe? |
Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península
Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo
Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada
Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga
Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León
Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero
Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos
Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos
Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria
Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud
Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha
Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel
Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel
Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques
Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó
Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto
20210908
As festas non festas
![]() |
| Programación das festas non festas |
As festas non festas
Oito de setembro, día da patroa en Ribadeo. Estamos en 2021, un ano que todos sabemos que vai discorrendo dun xeito estraño. O ano pasado non houbo festas, este ano hai non festas, pero hai 'Rememorando as patronais', lembranza doutros tempos. Querer facer festas e non poder. Ou querer e non querer, sen medo, poñendo os medios para unhas festas seguras, e con medo nun novo rebrote despois de que no verán estivéramos nunha nova vaga de contaxios nun Ribadeo ateigado de visitantes.
Tempos raros estes. Non hai pregón, disparo de saída festeira, pero hai cartel con actividades de festa. Non se queren aglomeracións, pero prográmanse actividades que 'xuntan xente' coa seguridade que se intenta. Non se quere atraer xente, pero quérese. Contradicións nestes días das que algunhas non son máis que acrecentadas de xermes doutros anos, e outras, totalmente novidosas. A vida é contraditoria. Este verán pandémico houbo en Ribadeo máis xente de fóra ca nunca, iso si, boa parte con máscara ben posta, e o resto, en xeral procurando que non se notara moito que estaban fartos dela. Ou sexa, como a xente local, pero moito máis visibles para nós que a xente de aquí, que de tan vista é capaz de salientar co mínimo detalle da vida diaria e ó tempo pasar desapercibida para nós noutras cousas. A rúa da movida, chea á noite de xente de pé con ou sen a música de fondo do concerto no parque no que a xente tiña que estar sentada. Decibelios, os de sempre, o mesmo que, nesa mesma zona de movida, é a primeira na que ó amencer a vella motobomba de auga se oe ben alta mesmo con illamento groso nas vivendas. Onte non houbo 'os fogos do sete', pero si estalou unha boa ristra de fogos ó mediodía.
Hoxe é mércores, día de mercado en Ribadeo. pois non hai mercado, que hai non festa, ou, mellor, na versión oficial, Rememorando as patronais. Non se ve movemento de xente a estas horas, mesmo despois de pasar a bomba, e tampouco hai chiringuitos festeiros de venda de chilindradas. Mais si que seguen a funcionar estes días os que na rúa peonil se mantiveron todo o verán. Nun par de horas estarán de novo ofrecendo os seus produtos. A misa será solemne, como nas festas, e no interior, como tradicional. Non porque chova -que está a chover- senón porque non foi prevista doutro xeito, que tamén pode haber misas no interior en tempos de virus. Como tradición das festas, a coral cantará na misa, e a banda actuará despois. O cartel non pon onde, interior ou exterior, dependerá do tempo, non tanto da pandemia...
Pouco a pouco a vida vai recobrando o pulso. Unha vida que seguirá a ser rara, para entendernos, con máscara a pesar da vacina e aínda que a máscara xa non sexa obrigada e a vacina se renormalice cunha terceira dose prevista. Ou sexa, con contradicións que tentaremos desfacer, coma sempre. Pero doutro xeito.
![]() |
| Foto publicada por Turismo de Ribadeo |
20150413
Os luns, confuso: haberá Sol?
Onte Rajoy voltou co da 'xente normal': xente normal sería a minoría do censo que ten votado ó PP a partir de promesas de pacotilla e que permitiulle ter maioría absoluta nas cámaras onde se exerce o poder. A máis, segundo Rajoy, a súa 'xente normal' opoñeríase ós 'anormais', zascandils que votarían a partidos non tradicionais (por certo, onte mesmo saíu unha enquisa dando a primeira praza en votos a Podemos, aínda que por escasa diferencia). Coido que, a pesares da diferencia e de querer dicir que a súa 'xente normal' son españois e o resto non merecen selo (nin gobernar para eles), tampouco pode chamarse Rajoy a ter gobernado para a 'xente normal', senón para (seus) amigos da elite, que cerran filas con el.
Cavilando sobre o anterior, atopo im-pulso cun artigo que se me adiantou no tema: a este paso, determinarán a normalidade a golpe de lei segundo os seus patróns. Coido que xa se está a facer: dicir quen e normal, e deixando legalmente á maioría da poboación como anormal e na anormalidade. Por certo, que anormal ven de sen norma (a- normal), aínda que agora se colla como fóra dela. Axusto porque é algo diferente non estar suxeto a unha norma a estar fóra dela.
Un exemplo 'de hoxe' entre os millerios posibles sobre xente 'normal': certo, a xente tenta facer cousas como non pagar por algo que non se usa en troques de facer pagar ó común por algo, se use ou non se use. Pois iso sería 'anormal': véxase o pago -tanto por alumno- que a Xunta remata de acordar coas produtoras cinematográficas para proxectar películas nos centros educativos: cantas películas se se proxectan nos centros que non sexan documentais públicos? -por poñelo en curto-.
Como segunda parte do exemplo, máis ben tentamos facer cousas noutro sentido, colaborando: ver "Café Google: cafeína, ideas libres y Red para salvar el mundo (y II)" do que non poño ligazón precisamente por esas leis que tentan conformar a 'normalidade a medida' de quen as fai e os seus intereses.
Ben, en Ribadeo hoxe esta o ceo con nubes. Non se ve o Sol, pero aínda quese diga 'non hai Sol', todos sabemos que si, que detrás desas nubes, pode saír en calquera momento.
20100910
Para unha valoración das festas, feiras ou a invasión okupa


Onte en Onda cero participei nunha tertulia con dous temas principais: a avaliación das festas e a pre campaña electoral.
Coido que, mellor que poñer só a miña opinión, é facer un resume de cousas que alí se dixeron (ainda que, en lóxica, lembrareime máis das cousas que eu mesmo dixen, e aproveito para poñer algunha que non dixen alí).
Deixouse craro que non se estaba a tirar pedras no tellado da comisión, que como voluntaria e traballadora, merece respeto, senón que coas críticas tratábase de colaborar para mellorar as festas.
O tema de fondo foi o dilema, cos cartos dispoñibles (falouse de 47 000 €), primar a cantidade ou a calidade. Non estivemos de acordo no sentido de que había quen preferiría un só día, de calidade, mentras que outros diciamos que, a parte do que pensaramos os que alí estabamos (José Mª Rodríguez, Santiago Fernández-Reinante Salvatierra e e eu), se a comisión facía algo polo estilo, botábaselle inmediatamente a xente sobre ela. E é que hoxe non ha a esixencia de festas grandes do mesmo estilo que antes; máis ben hai esixencias diversas, que non sempre cadran para solapar.
Alabouse as actividades para os pequenos. Na realidade, aínda que alí non se dixo, son os pequenos os que agora máis desfrutan das festas.
Tamén se falou, como non, do que puxeron os xornais: que o Mago Antón non actou porque non estaba contratado e que Bimba Bosé actou tarde, pouco e quedou sen xente. Esto último non mereceu tanta atención, pero todos estivemos de acordo en que o do Mago ten que ser explicado doutro xeito.
Falous de tipos de xente: xente que as desfruta, e xente que as sofre. E dicir, da existencia de xente que as vive despreocupadamente doutra para a que o oito é un día máis, dos que as viven pensando que ó día seguinte teñen que traballar ou dos que sinxelamente son emigrantes festeiro, que fuxen delas ben pola acumulación de xente, ben polo ruído (comprobado que hai xente que se vai de viaxe de xeito sistemático por ter cerca o pulpo, por exemplo), etc.

Falouse asemade da necesidade dunha estrutura dos postos, dun control: cantos pagaron por estar? Porque os manteiros non, aínda cando estaba ocupando 2/3 do ancho da rúa, e algunha tenda que se voltou a ver esta no na herba, tampouco. En canto ás falsificacións, había nalgún sitio desplegada abonda máis extensión de bolsos (non digo que todos foron aflasificacións) que nas tendas ribadenses clásicas, e alí seguiu tranquilamente ata o final das festas.
Comentouse o concerto da banda, correspondendo máis ou menos ó concerto do ano pasado, se ben este, polo cambio de orientación do palco, houbo menos público e os músicos tiveron que sofrer o Sol de fronte.

En canto ó ruído, sei que a algunha se lle dixo que baixara a música, pero non sei que se fixeran medidas para levala a niveis aceptables. De xeito equivalente, tamén houbo locais que sen permiso algún puxeron música cando lles petou... pero esto último xa é máis normal en Ribadeo.
En fin, un comentario deslavazado só para lembrar cousas...
Das festas do ano pasado. O 5 de setembro de 2009. A iluminación das festas de Ribadeo 2009.
20101228
Asamblea Amadores da Música 2010 (II)
Os músicos terán que recibir ordes, non selles pode consultar todo.
E o director quen ten que decidir. O de Muxía non se consultou, impúxose.
O director deu o seu visto bó
Eu negueime pola condición do que se ía facer en Muxía
En Vilamartín tampouco houbo un respecto á banda: actuamos á beira do bar coa xente tomando os viños
Habería que poñer as cousas claras
...
É dicir, a xente falou en moitos sentidos, cunha certa unidade de acción a pesares das diferentes opinións e propostas. Ó final da serie tentei facer un resume, cerrando o ciclo. A continuación dixo unha verbas o director, máis que nada enfocando o novo ano, pero tamén falando sobre o anterior e a falta de compromiso dos músicos e o compromiso da banda cos socios. Apostillei sobre que o fundamental dunha banda son os musicos, non os socios da sociedade que a mantén, e houbo asemade unha serie de intervencións, por exemplo pedindo a recuperación do festival de música de cine, a procura de ampliación de plantilla (habida conta que este ano non se quixo incorporar ninguén, despois de que o director fixera a proposta a oito rapaces e rapazas), a posibilidade de rescatar antigos músicos (a lembrar que a parte da cantidade de xente que pasou pola formación, a banda chegou a ter 103 músicos), a petición de máis ensaios á semana (máis ben de cara ó verán, pola dificultade de facelo dun xeito sistemático no inverno), a posición de que son os pais dos pequenos que veñen ó ensaio os que se sacrifican, a petición de semiprofesionalizar a banda motivando ós músicos con cartos, a constatación de que a banda vai amenos, de novo que non se comunica abondo cos músicos, que a diretiva está a botar balóns fora (é dicir, tentando botar a culpa ós demáis ou sinxelamente, esquivando a propia culpa), a observación de que o problema no ensaio non son os menores, outra en resposta apuntando que hai xente que traballa e ten polo tanto condicionantes, mesmo avisando que non se conte con eles por non poder ensaiar, que sempre pasou querer ter unha recompensa económica, a petición de criterios para premiar, coñecidos e recoñecidos polos músicos, ou a petición de que, como a banda está nunha encrucillada, se faga un plan xeral, un proxecto artístico a longo prazo.
Rematou esta primeira xuntanza lembrando Teresa algo que se esquecera, o ter retomado contacto coa Soc. Filantrópico Dramática para colaboración.
En rogos e preguntas solicito que se colguen na web os estatutos pois a xente non os coñece, non está á man en ningures, e pasouse á segunda asamblea, esta extraordinaria, para renovación da diretiva.
A asamblea constituiuse básicamente arredor da pregunta inicial: Hai algunha candidatura?
Como era de esperar, non había ningunha.
Si houbo diversas intervencións, e quedou a directiva en funcións, de xeito que haberá outra asamblea posteriormente (poden apuntarse uns tres meses, ata a proximidade de S. Santa). A concelleira de cultura falou para agradecer e apoiar á directiva, pero tamén ós músicos, pais e á sociedade a súa labor, e outras intervencións foron dirixidas a tentar alongar o período que se autoda a directiva en funcións (Marcos falou 'ata setembro, para ir co curso'), a explicar que a diretiva considera que se necesita unha renovación (Teresa), que a renovación si, pero non debera ser total para que quedara un poso de xestión, ...
É dicir, temos uns meses de Directiva en funcións.
20240121
E Deus dixo: 'Haxa Paz!'. E a paz fíxose...
E Deus dixo: 'Haxa Paz!'. E a paz fíxose...
O certo é que procurando na biblia non atopo a frase do título por ningures. Será que Deus deixou esa labor como menor, para a xente, para nós.
Mais, visto o visto, coido que se debeu equivocar. Tanto pola dificultade da tarefa como pola falta de valoración da nosa intención de lograr a paz.
Unha semana máis, ás 12 e media da mañá deste terceiro domingo do ano, unha pequena asemblea de xente estendía a súa voz en favor da paz nos chanzos de acceso ó concello de Ribadeo. Neste caso, pouco máis de quince persoas que comentábamos que nos gustaría estar en varios lugares á vez, pois o facerse escoitar polos grans de plástico, último ataque ó mar da zona polo momento, era outra posibilidade que queríamos defender, uníndonos ás manifestacións celebrándose ó largo do país no mesmo momento. Comentarios que tamén se facían eco das estatísticas: neste caso, 15 entre 10000 é o 0,15 % da poboación de Ribadeo. Menos aínda tendo en conta que había xente doutros concellos da bisbarra.
E mentres, a guerra continuando.
A guerra pode comezar por unha chispa, atizada por intereses de moi pouca xente, pero é sufrida por moita, moita xente en diferentes niveis, e necesítase moita xente para parala. Esa sí é unha 'loita asimétrica'! Non só pola diferenza para impulsala ou parala, senón pola escasa xente que saca beneficios fronte á moita que sofre, ou polo pouco esforzo que parece levar provocala fronte ó moito para volver a unha situación de paz. Mesmo pola diferenza entre as palabras: as verbas en relación coa guerra e coa loita son omnipresentes, sen que moitas veces nos decatemos de que estamos a usar palabras que saen do contexto bélico, mesmo con connotacións positivas, animando ó emprego desa lingua de guerra. En troques, a paz vese soa, acompañada dunhas poucas verbas ás que mesmo se lles atribúen aspectos negativos: ser pacífico parece estar reclamando un 'miña xoia!' conmiserativo, mentres 'ser loitador' infunde ánimos.
A paz, unha construción diaria. A guerra, a chispa dun momento que pode estenderse ate o infinito. Un desequilibrio, unha asimetría que todos sufrimos, aínda que cando vemos lonxe o conflito seguimos coa nosa vida como se non fora con nós. Lonxe no espazo -a pesares de que hoxe o mundo é pequeno- ou no tempo -a pesares de que a documentación de feitos actuais e pasados avanza a tal velocidade que ata teñen cabida as loiadas desinformadoras-. Quen se lembra do auténtico motivo da primeira guerra mundial, indo máis aló do asasinato dun príncipe? Ou da segunda, de antes da invasión de Polonia? Ollos que non ven, corazón que non sinte: pasan as novas a un segundo plano e logo á súa desaparición, así 'non sufrimos' as guerras máis que as que son notificadas como 'interesantes', é dicir, con intereses, para interesarnos nunha postura favorable a unha das partes...
Imaxes de hoxe, tomadas por Suso Fernández:
20230710
Son un privilexiado... e pretendo seguir séndoo
Domingo. O Sol, así, con maiúsculas, aínda non quenta demasiado. Máis aínda á sombra, cun vento refrescante: xa pode quentar. Escoitando ós paxaros piar e algún que outro insecto zumbar, de cando en vez un tractor traballando ou unha rozadora ó lonxe -como agora- ou un refacho de vento con olores de campo, non escollidos, na quietude solitaria dunha paisaxe abarcable e coñecida, sinxelamente agradable, considérome un privilexiado. Non fai falta tanto para iso: vivir razoablemente tranquilo, cunha saúde tamén razoable, con xente que queres, cun mínimo de recursos asegurados, e facer as cousas para tratar de que siga a ser así. Punto este último importante, non fan falta tantas cousas: por exemplo, un mínimo ordenador como o que estou usando para escribir isto tamén é prescindible, por moito que me atope ben con el e me sexa útil. En canto á saúde ou á xente, cústame máis imaxinar o prescindir delas, é un factor que ten máis de aleatorio, incontrolable.
Estamos en período electoral, e os medios, a pouco que lles fagas caso, dirixen a atención cara certas cousas relacionadas con ese feito. E tamén deixan sen atender e sen dirixir a túa atención a outras tamén en relación con esa actualidade electoral. Por exemplo, fálase do sanchismo aínda que non se diga o que é, non se defina. É un xeito de facer máis doado poñerlle unha etiqueta ó que se queira e como se queira. Mesmo, como se está a facer, poñerlle unha etiqueta negra, negrísima, pasada, pasadísima, e mal, moi mal escrita, cunha longa lista de mentiras acommpañando. Non importa que o balance xulgado por xente que non é 'sanchista' sexa máis bo que malo. E teño que aclarar que nin votei nas pasadas xerais polo "partido sanchista no goberno" nin me estou a referir ós meus xuízos sobre a gobernación actual, senón a xente que tampouco votou por el. Por outra banda, collendo a segunda frase deste parágrafo, é raro atopar unha noticia ou comentario nos medios que lembre que na pandemia a sanidade atopábase baixo mínimos e despois dela seguiu a baixar. Ou que a asignación de recursos sanitarios é unha das potestades estatais, aínda que a proposta efectiva estea traspasada á autonomía correspondente (e funcione segundo as ideas que a gobernan). Ou sobre propostas concretas anticorrupción, mentres aínda temos casos como o do lucrativo tráfico de máscaras; iso si, tamén en xente concreta asociada a políticos que non se presentan ás eleccións. E, sempre desviando a vista, porque mentres se é oposición nun goberno, non se lle pode achacar ter gobernado mal na institución que sexa, e, claro, non é plan de facer unha campaña só con descualificacións e cousas polo estilo. Ou si?
Mentres, xa en campaña electoral, penso en que me gusta conservar os privilexios que teño: a xente coa que estou a gusto, sen ir máis lonxe. E mesmo para iso hai que poñer o ombreiro. Así que me imaxino a eses outros que ocultan privilexios o que lles debe custar o conservalos. Coido que nese caso, máis do que conservar, trátase de defender e mesmo de agrandar, pois a perspectiva é diferente. Non estamos xa a falar de cousas como a tranquilidade ou o chío dos paxaros, que mesmo se poden compartir e ós que o 'agrandar' non é unha palabra que lles vaia como anel ó dedo. Falo de agrandar, de tratar de facelo, porque ha outros privilexios que non son algo ó que todo o mundo poda pretender acceder. Son privilexios exclusivos: se alguén os ten é porque outros moitos non poden telos. Cousas como ter máis poder (o poder sempre é relativo, máis poder ca outros) ou cartos (máis co veciño ). Sei que hai xente que vota con esa motivación persoal, sen pensar no colectivo que tamén o beneficia, pero pode que pense que ese beneficio é de xeito demasiado indirecto. Que se vota a quen ten moitos cartos contaxiarase da riqueza, mentres que se vota a quen tenta facer unha distribución máis igualitaria o que terá será pobreza repartida, por moito que este demostrado que o tamaño do pastel aproveitase mellor cando se reparte ben.
O dito. Se un privilexio non se pode compartir, mellor non votar por facerte con el, levas as de perder aínda que 'ganes'. Son un privilexiado... e pretendo seguir séndoo.
20240117
Nota de prensa. Enquisa sobre asistencia ó centro de saúde de Ribadeo
Nota de prensa
Enquisa sobre asistencia ó centro de saúde de Ribadeo
En días pasados, un grupo de voluntarios de MODEPEN – Ribadeo estivo a desenvolver unha enquisa entre os usuarios do centro de saúde de Ribadeo.
O cuestionario, que ó final foi contestado por 162 persoas que acudiron ó centro de saúde entre mércores 10 de xaneiro, xoves 11 e venres 12, foi deseñado para recoller datos sobre diversas características dos asistentes. Entre elas figuraban a idade, sexo, departamento sanitario de asistencia, procedencia da vila ou do rural e, sobre todo, medio polo que se achegaban ás instlacións. A recollida de datos fíxose en dous días con asistencia a analíticas, mércores (mercado en Ribadeo, como se sabe, e maior afluencia de xente do rural ó pobo) e venres, e un sen ela, xoves. Nos dous primeiros recolleuse algo menos de un terzo do total cada día, e no último, algo máis. Polo demais, non houbo incidencias particulares, aínda que se recolleu tamén algún detalle extra en enquisas e momentos concretos, para o seu análise particular
O seu deseño foi realizado para poder contrastar as afirmacións mantidas por cada parte na xuntanza que se tivo o pasado día 21 de decembro entre o alcalde e unha representación de MODEPEN. O que se falou alí estivo relacionado co futuro do emprazamento e condicións do Centro de Saúde, polo que se realizou esta enquisa para o estudo dos desprazamentos da xente que acode á súa atención sanitaria en Ribadeo, e así procurar o apoio da realidade en favor das diversas opcións que aínda son posibles para a renovación das actuais instalacións ou a construción dunhas novas afastadas do centro da vila.
Déixase en baixo un resume dos resultados, entre os que destacan:
- a relación 76 % de xente que acode a pé fronte a só o 24 % de xente que se achega en coche.
- que a relación a anterior coincide abondo ben coa porcentaxe de asistencia de xente que reside na vila e no rural (estea ou non censada no lugar onde reside efectivamente!), porcentaxe que é dun 80 % para residentes na vila fronte a un 20 % de residentes no rural.
Asemade, a conclusión:
A xente que se despraza a pé veríase en xeral negativamente afectada pola localización que se pretende do centro de saúde nas aforas da vila (de feito na parroquia de Ove), dificultando o desprazamento a pé, mentres que á xente do rural seríalle indiferente, se ben en moitos casos a situación do Centro de Saúde nas aforas suporíalle o ter que mover o coche para facer xestións no pobo.
É dicir, nun tema fundamental en relación ó acceso sanitario, non se aprecian para os usuarios avantaxes da construción dun novo centro de saúde fronte á estación de servizo á entrada de Ribadeo, en contraposición a unha ampliación do centro en funcionamento ou o uso dun lugar non moi afastado do actual para a construción dun novo. Todo dito, sen contar con que necesita unha variación do PXOM ou un orzamento adecuado, e sen que á súa vez, ambas cousas interfiran na dotación de persoal do centro, minguada dende hai tempo.
Resume dos resultados, táboa e gráficos, da enquisa sobre o transporte utilizado polos usuarios do Centro de Saúde de Ribadeo.
20061230
2006, balance dun ano de ruído en Ribadeo
Despois de anos de datos, 2006 en Ribadeo e en canto ó ruído, foi un ano neutro: nin se pode dicir que aumentara substancialmente nin moito menos que diminuíra o ruído nouturno en relación ó pasado ano, manténdose este cuatrienio básicamente ó mesmo nivel de intensidade, pero aumentando o número de días afectados no verán e ampliando tamén os correspondentes ás fins de semana.
Ó igual que anos pasados, cóntanse os picos invernais de ruído, incluíndo o presente, e a tendencia ó ruído continuado nas noites veraniegas. Un fenómeno que non remata de estar controlado é o control de peche, con establecementos con música non só ata despois do límite permitido, senón aínda ata despois do límite de peche, algo que comproba con frecuencia calquera veciño afectado. Esto leva de xeito natural á extensión do horario de ruído.
Por outra banda, seguen sen producirse grandes botellóns e continúan os pequenos, illados e que logo soen rematar en locais.
2.As causas
Hai diversos e claros estudos sobre as consecuencias do ruído, pero abondos menos sobre as súas causas se nos centramos no ruído da movida, ou, se se quer, en por que a movida ten a compoñente de ruído que ten.
Non se pode meter todo dentro dun mesmo saco. Dende hai tempo se di nalgún medio, mesmo de xeito anónimo, que o ruído da rúa é o que molesta. Esta postura procura a imputación do ruído molesto como algo alleo a todo o mundo, como sen causa, nunha especie de manifestación 'políticamente correcta' para non ferir a ninguén. Evidentemente, é unha simplificación interesada. Do mesmo xeito que sería simplificar o dicir que só é o ruido dos locais o que molesta: ó longo da noite, en cada zona de movida, vai variando o mantemento principal da movida, e variando a importancia que para o nivel de ruído ten a xente na rúa, a apertura de portas (e polo tanto ruído de saída dos locais), a ausencia de segundas portas ou a falta do seu uso, o illamento deficiente ou nulo, a acumulación de locais nunha zona, etc. Os medios e as posibilidades de actuación dos poderes públicos en relación a cada un deles tamén son diferentes.
O ruído da rúa ten picos puntuais, ó tempo que pode manterse un amplo nivel de ruído, correspondendo por exemplo con grupos de xente que camiñan máis lentos entre dous locais. É evidente que o ruído illado nótase máis a partires de que os locais vaian cerrando, pola ausencia do ruído destes e as condicións en que se moven os transeúntes.
O ruído da rúa ten variación segundo a época, e non só correspondendo coa cantidade de xente dun día concreto. Unha posible explicación do feito de que o ruído aumente en inverno fronte ó verán, en contra da lóxica do bo tempo que parecería normal que invitara a estar máis na rúa, estaría basada en que a noite invernal é máis longa e polo tanto comézase a beber antes, e é máis dura, co que se bebe máis que nas suaves de verán.
Por contra ó anterior, o ruído dos locais é maís contínuo e parece afectar máis (dentro da percepción de ruído de cada quen) polo son grave que polo agudo, pero a diferente propagación do son polas condicións climatolóxicas non chega para explicar que a mesma música se oe uns días máis intensa que outros, ou mesmo aumenta ás veces á hora na que a xente está comezando a chegar a unha determinada zona. É dicir, a producción de ruído polos locais estaría dentro das técnicas de mercado, o mesmo que as tómbolas ou os coches elećtricos chaman á xente cunha música alta que unha volta alí é desagradable. Técnicas por outra banda discutibles non só polos resultados medioambientais (é dicir, non só porque non imputan custe á degradación do medio ambiente que sufren os veciños).
3.As accións
Certamente, sería desexable unha acción maior por parte das forzas de orde pública, como é posible ler en opinións en medios locais e foi prometido a comezos de mandato no concello por medio de ampliación do horario de vixiancia nouturna, que na actualidade non cubre nin o horario oficial de apertura dos locais de movida. Pero sobre todo, desexable por parte das institucións que como o concello teñen demostrado que non queren mollarse, parece que principalmente por unha mal entendida razón económica e eleitoral, como foi tratado en diversas ocasións.
A nivel de normativa, fíxose unha axustada a dereito a comezos de século, deixouse o tempo de adaptación, voltouse a deixar unha ampliación, etcétera, e así chegouse á primavera 2006, cando se puxo de desculpa que non estaba actualizada para derogala e adoitar a 'normativa tipo' na súa substitución, sen chegar a cumprir a anterior. Esa nova normativa tipo, proposta pola Xunta, con anos de antigüidade, e en vixencia por omisión dende entón, díxose que ía durar só uns poucos meses para ser substituída por unha nova normativa da que se chegou a difundir un borrador. Ata hoxe non houbo tal cambio, e a vixente, o mesmo que pasara coa anterior, segue sen ser cumprida en cousas de tan pouca relevancia como a placa identificativa dos establecementos, ou de tanta como a declaración pedida polos veciños de zonas con excesivo nivel de ruído, ou aínda en actuacións do propio concello, como o aviso por altofalantes de actos diversos. Hai que dicir, que a pesares dese incumprimento, nalgún dos puntos é menos esixente que a que xa había.
A citar que no medio do ano houbo un chamamento polo concello a unha xuntanza entre concello, veciños e empresarios, que comezou sen tomar ninguén nota e polo tanto, sen ningunha perspectiva de cumprimento de acordos. Ata hoxe. con todas as faltas de plantexamento que houbo, hai que dicir, non embargantes, que propiciou un pequeno intercambio de pareceres entre empresarios e veciños.
O chamado 'noitebús', subvencionado para traer xente á movida, non parece que teña grandes consecuencias nos movementos de xente (e polo tanto no ruído) nin por desgraza nos accidentes. Si que a poidera ter a medio prazo como consecuencia da facilitación do consumo en xente que na actualidade non dispón de medio de transporte propio.
Houbo informes positivos do concello tendentes a permitir a apertura de locais durante máis tempo na noite, feitos a raíz dunha petición da ACIA e negativos da Asociación de Veciños O Tesón, do que resultou que os locais só sobrepasaron legalmente o límite horario de peche nas festas. De calquera xeito, non deixa de sorprender o informe positivo dado polo concello, que despois de todas as actuacións de petición veciñal ou requerimiento legal limitouse a dar o seu placet sin explicación algunha ata o momento.
Ó xa dito hai que sumar outras cousas, como a ocultación de datos que resulta da petición de información sobre o curso das denuncias realizadas, o que se fixo en varias ocasións sen resposta ata o momento, como se as houbera comido a terra ou sinxelamente non tiveran sido tramitadas.
Do conxunto de accións despréndese que non é para mañá que quen ten a responsabilidade poña fin ó ruído. Esto ten diversas consecuencias, entre as que se atopan o que, como toda reorganización aprazada por motivos políticos, á hora de facela sexa máis traumática e en forma de reconversión, e eso despois de pasar unha degradación da situación ou a contribución ó mal ambiente e malas prácticas políticas en Ribadeo, fomentando o 'todo vale'.
O concello, que ten responsabilidades sobre o tema, non actúa e por eso foi condenado. Pero a estrutura do concello, ó igual que a de calquera outra entidade, está levada por persoas. Terán que ser condenadas as persoas?













