Non somos os únicos. Dise que Galicia ten un problema de natalidade. Polo que parece, en Corea do Sur están aínda peor (que España, non que Galicia). E empeorando.
Ó tempo, no mundo fálase de superpoboación e falta de natalidade. Superpoboación que afectaría a todo o planeta. Falta de natalidade en 'occidente' (sexa o que sexa iso, incluíndo Xapón e Corea) e en China, o que indica que a presión sobre determinados recursos, perda de diversidade ou contaminación poderá ter no futuro unha distribución diferente á actual.
A poboación mundial segue a medrar, esperando acadar os 8 000 000 000 de habitantes en cousa de tres anos, despois de superar os 7 000 000 000 hai doce, e ter a metade de poboación que hoxe hai só uns 50 anos. Están a nacer dúas persoas por cada unha que morre. E claro, máis poboación, maior consumo de recursos, etc, aínda que tamén sexa certo que unha persoa media da parte rica do planeta consume os mesmos recursos que unhas cantas da parte pobre: mesmo os pobres 'medios' dun país rico poden consumir máis que a media dun país pobre...
Ó tempo que sucede o anterior, diversos países, como o máis poboado, teñen unha crise de natalidade. A China está tratando de desfacerse da política de fillo único mentres a idade media da súa poboación segue a medrar: ate os anos 70 do século pasado non chegaba a 20 anos, e hoxe vai camiño dos 40. Claro que a idade media en Galicia está en 48 anos, sobrepasando en Lugo e Ourense os 50; en Ribadeo está en preto de 50, parello a Galicia en xeral. Na Corea do Sur, anda polos 44 anos, cunha taxa de fertilidade de 1,11 fillos por muller, aínda maior ca galega, de 1,01 fillos por muller. Con eses números, en principio a poboación da seguinte xeración surcoreana ou galega tería a metade de xente que a que a está a enxendrar. De feito, como Galicia xa leva moitos anos en cifras semellantes (Corea do Sur aínda non tantos), a pesar da inmigración, leva baixando poboación durante décadas de xeito continuado ano tras ano; se un ano aumenta un par de milleiros, ó seguinte baixa cinco veces máis.
O anterior incide nunha morea de problemas, dende as causas do cambio climático á falta de materiais para a electrónica, pasando pola perda de diversidade ou a contaminación, e sobre todo, nunha distribución anómala de posibilidades para cada persoa. Poden facerse moitos comentarios e apreciacións ós números anteriores, pero quedaríame para considerar cuns poucos que están relacionados e que entendo que tentan a procura de solución a un problema sen mirar as causas. Son aqueles que ven á poboación só como unha variable para o que chaman movemento económico, o medrar en produto industrial bruto ou taxas semellantes. Aqueles xerados por xente á que non se lle pasa pola cabeza un comentario do tipo dun que vin esta semana na rede: "Organizas un país en el que no vale la pena vivir y luego te preguntas por qué la gente no quiere tener hijos en él. Me recuerda a mi país". Xente que considera normal que na rúa se vexan abondo máis cans que nenos (claro, inflúe a hora do colexio, os cans non van... e necesítase sacalos varias veces ó día!). Pode que xente coma nós mesmos.
E é que se se mira só dende a economía, iso de non ter xente a quen vender pode ser unha catástrofe tan grande ou máis como non ter a xente que produza para levarse unha tallada do seu produto, e saen ideas como permitir que as empregadas domésticas estranxeiras podan cobrar menos do salario mínimo (algo legal nalgún país), ou perseguir e 'tratar médicamente' a homosexualidade. Pode que porque en Galicia o neoliberalismo aínda está a impoñerse non se teñan proposto aínda ideas semellantes. Todo pode chegar.
Hai unha semana saía na parte salmón do El País o gráfico que aparece ó final, a pirámide de poboación en España na actualidade e a esperada para dentro de dez anos. A nova na que estaba encadrada tentaba dicir que a española é unha poboación con tendencia ó envellecemento, e o que significa de cara ó mantemento da poboación inactiva por nova ou por vella. Nada novo.
Había polo medio algunha cousa máis, como que na actualidade non se espera grande reprazamento por inmigrantes e si está tendo lugar un forte drenaxe de xente nova cara ó extranxeiro.
A min chamoume a atención algunha cousa máis na figura. A primeira, que o engrosamento máximo corresponde á xente que hoxe ten 36 anos, é dicir, nados en 1982, ou case un ano antes se consideramos os embarazos (momento no que se pode pensar en ter fillos) e non os partos (momento no que efectivamente 'se recebe o pedido'). É dicir, nas inmediacións do golpe de Tejero, a pouco de instaurarse a democracia, en pleno cambio de mentalidade da xente.
O segundo, os dous adelgazamentos, un pequeno, sobre os 62 anos, e outro maior, sobre os 70-75. O primeiro corresponde a comezos dos 50, cando houbo que cambiar a política económica e comezou o desarrollismo, e o segundo, ó período da guerra civil e anos inmediatamente posteriores, co incremento puntual no medio correspondente ó ano de finalización da contienda e a visión clara de que a medida que ía transcorrindo o tempo de guerra a natalidade ía en diminución.
Máis. O mínimo de franxa poboacional está en 1998, no que comeza a reputnar a natalidade dende unhas cifras que naquel momento batían marcas á baixa tanto no que corresponde a España como en relación a outros estados. E entón comezou o avance ... ata xusto o ano antes da crise, no que o retroceso, igual que no caso da guerra, ven marcado pola duración deste 'novo evento' que afecta á sociedade española.
Por certo, aínda é cedo para apuntar nunha gráfica deste estilo o que afecta o empeoramento na sanidade ...
Hai algún tempo que veño seguindo as variacións da poboación nalgúns lugares, entre eles, Vilalba. En pouco tempo estarán dispoñibles na rede os datos censais do 2021, pois fanse cada 10 anos. Por outras estatísticas, o total do censo para esta volta ha andar arredor dos 14 000 habitantes ou pouco máis. Como se ve en baixo, en liña cos datos anteriores...
O primeiro, presentación da táboa por grupos de idade dos censos de 1991, 2001 e 2011:
Censo de Poboación segundo sexo e grupos quinquenais de idade
Pódese aprezar o descenso continuado dos totais, case un -7 % en 20 anos, porcentaxe que prevexo que se incrementara entre o 2011 e 2021. Ademais, poñendo un pouco de atención, poden notarse outras cousas, como que a poboación vai envellecendo (os grupos máis numerosos cada vez teñen máis idade, e os grupos máis novos son abondo menos numerosos), ou mesmo que se algún grupo aumenta en número ó ir avanzando o tempo e polo tanto a idade dos seus compoñentes, é porque houbo inmigración: así, o grupo de 0 a 4 anos ten 392 persoas no 2001, e polo tanto o grupo de 10 a 14 anos de 10 anos máis tarde, 2011, debera ter como moito esas 392 persoas, mais ten 441. Estas cousas quizáis se poden ver mellor de xeito gráfico:
O gráfico anterior, representando as tres series da táboa, amosa de xeito claro o desprazamento da xente en idade dunha a outra serie. Para explicalo mellor, na gráfica seguinte apuntei varias cousas:
A: A xente do que podemos chamar 'baby boom' español, que no 1991 tiña entre 25 e 29 anos, pasa no 2001 a ter entre 35 e 39, e no 2010 a ter entre 45 e 49. Vemos que case non hai variación nos números (1180, 1163, 1185, como pode observarse na táboa). Evidentemente, hai xente que morrería no medio, ou que emigraría. Os números compénsanse mediante a inmigración.
B: Parello ó anterior está o grupo que en 1991 tiña entre 55 e 59 anos, os nados xusto antes da guerra civil. Neste caso, no 2001 terían entre 65 e 69 e no 2011 entre 75 e 79, idades nas que comeza a haber máis mortandade por cuestións de idade, e nas que os movementos de poboación tanto para emigrar (e, naturalmente, como para inmigrar) son menores, o que fai que o pico cada vez sexa máis baixo: 1260, 1197 e 1037 respectivamente.
No medio entre ambos máximos, entre o grupo A e B, a caída da natalidade no entorno da guerra civil e anos posteriores cheos de carencias de todo tipo.
C: A finais dos anos '70 do século pasado houbo un breve e lixeiro repunte da natalidade, non pola suba de porcentaxes de nacementos en relación ás mulleres fértiles, senón pola chegada á idade normal de reprodución dos grupos máis numerosos. Algo que só evitou a caída en picado por uns poucos anos, ata estabilizarse nuns 150 nacementos ó ano.
Pero eses 150 nacementos significan que para repoñer o total da poboación do concello necesitaríanse 100 anos. Como a esperanza de vida é abondo inferior, está claro que ou hai unha forte inmigración ou a poboación continuará diminuíndo no conxunto do concello. Cousas como o polígono e o trasvase de xente dende a aldea ó pobo manteñen o núcleo urbán polo momento sen decaer. Por canto tempo? Se en tempos se dicía que Vilalba tiña dinamismo porque vivía das parroquias do seu entorno, agora, ó decaer as parroquias, de non cambiar as relacións, é previsible que tamén Vilalba-pobo remate por decaer.
Unha última gráfica, que representa os mesmos datos de xeito diferente, amosa como a curva vai desprazánsose cara á dereita, quedano o total, o punto máis alto da curva, cada vez máis diminuído.
A raíz dunha nova, buceo no Instituto Nacional de Estatística. O resultado, a poboación da provincia de Lugo prevese que dentro de dez anos estará entre 316000 e 321000 persoas. É dicir, menos que na actualidade (347000), entre un -5% e -10% en dez anos. Con datos de toda a provincia, o único concello no que a natalidade foi superior á mortalidade foi Burela, o que quere dicir que Ribadeo aliméntase de xente de aluvión, que esas 9704 persoas que aparecen como padrón municipal en xaneiro de 2007 tenden indefectiblemente a baixar e para evitalo hai que tirar de inmigración. En que xeito contempla istos datos o PXOM? Coido que de xeito deficiente. E non tanto por non contemplalos, senón máis ben polo como: chantados sen máis. Hai outras cousas que deben ser contempladas no plan, e que tampouco vexo. Analiza as comunicacións (mal), pero non a evolución delas en relación a algo tan determinante como o prezo do petróleo. Ou hai quen dubida que será determinante próximamente na evolución do tráfico?
Os cambios producidos nas estruturas das nosas familias, a redución da natalidade e o envexecemento da poboación, xunto con outros factores, como o aluvión de persoas maiores que nos últimos anos fixaron a súa residencia na vila de Ribadeo e na súa comarca, sen esquecer as necesidades laborais daquelas persoas que noutras épocas pasadas dedicaban as súas vidas á atención das persoas maiores no ámbito familiar, están creando hoxe na nosa localidade un grave problema de atención a un amplo colectivo de persoas, cada vez maior. Persoas que se ven obrigadas a vivir soas e sen a debida atención nos seus domicilios por falta de capacidade para ser acollidas no noso actual Hospital-Asilo de Ribadeo, ou se ven obrigadas a ser desprazadas a outras residencias moi afastadas da contorna natural na que sempre viviron, co consiguiente sufrimento moral, non só para eles senón tamén para os seus familiares.
Para solucionar este grave problema as Asociacións de Veciños e Comunidades deste concello de Ribadeo reuníronse nunha Plataforma reivindicativa para reclamar ante as administracións responsables do benestar dos cidadáns a construción dunha nova Residencia Comarcal de Maiores en Ribadeo. Un dos seus logros foi a creación dunha Comisión Municipal en Ribadeo, presidida polo alcalde e formada polos portavoces dos partidos políticos, a concelleira de Asuntos Sociais e dous membros da Plataforma de Asociacións. Esta Comisión está hoxe traballando, nunha modélica unidade de criterio e acción, para a consecución deste obxectivo.
Ata agora a resposta dela Conselleira de Benestar dela Xunta de Galicia ás peticións presentadas en demanda dunha Residencia Comarcal para maiores en Ribadeo, formuladas unánimemente, tanto por esta Plataforma de Asociacións, como pola Comisión Municipal do Concello, foi o silencio. Unha obstinada actitude negativa rechazable para quen teñen a obrigación de escoitar as necesidades do pobo e dar resposta ás súas demandas.
Na mariña lucense tanto o concello de Viveiro como o de Burela foron dotados cunha residencia. Outra máis está programada para o noso veciño concello de Foz. Que pasa con Ribadeo? Somos, seica, menos dignos ou estamos menos necesitados dela que os demais?
A Plataforma de Veciños, reunida en asemblea xeral en data 15 de xaneiro pasado, acordou convocar a todos os veciños deste Concello e demais poboación das comarcas veciñas a unha manifestación pública que terá lugar o vindeiro domingo, día 22 de abril, na vila de Ribadeo. Os participantes nela congregaranse na praza de San Roque, ás 12 horas, para partir seguidamente en manifestación polas rúas San Roque, Rodríguez Murias e Vilafranca do Bierzo ata o parque de Santa María, para congregarse nas proximidades das escalinatas do Concello, onde finalizará coa lectura dun comunicado.
A responsabilidade que todos os veciños deste Concello e Comarca da Mariña Oriental temos de intentar ofrecer aos nosos maiores, entre os que sen dúbida estaremos nós mañá, unha solución digna e xusta a este grave problema, que debe estar por encima dos condicionamientos económicos da crise, obríganos a sacudir hoxe a nosa preguiza e dispoñernos a participar todos xuntos de forma activa coa nosa voz e a nosa presenza nesta manifestación reivindicativa.
O noso propio futuro e a solidariedade que debemos ás persoas maiores necesitadas, familiares, veciños e amigos, demandan nosa presenza ese día na manifestación.
Que levamos varias décadas cun número de nacementos inferior ó necesario para o mantemento da poboación? Iso non chega! Imos facelo máis difícil: batamos a marca!
Ese parece o lema da sociedade galega. Claro que hai complementalo: tamén máis emigración. Canta xente nova que esteña no seu lugar de orixe cun trinta anos coñeces? E que estea en Galicia? Agora compara o número coa cantidade de xente desa idade que marchou fóra.
Chega con saber así polo alto que xa na actualidade a poboación galega en que está chegando á idade de repodución é pouco máis da metade da que chegaba hai trinta anos. Ou que, nese mesmo tempo, a idade media da xente que vive en Galicia aumentou máis de dez anos, sen que aumentara máis aló de un par de anos a esperanza de vida.
Parece sinxelamente que a sociedade está suicidándose. Non sería o primeiro caso de sociedade que se suicida...
O descenso da natalidade é un problema polo remprazo, aínda que ó planeta necesite unha diminución da presión sobre os recursos: sabido é que os recursos renovables que se gastan no planeta en pouco máis de medio ano equivalen ós que rexenera o planeta no ao enteiro. Pero en Galicia desenganchamos con esa realidade. O razonamento sobre o remprazo xeracional nmon ten que ver con ela.
Quizáis ten máis que ver con cousas como as perspectivas de futuro, a economía, o emprego ou a mentalidade de desfrute.
O caso é que temos un problema, que se pode resumir de xeito gráfico coas previsión do Instituto Galego de Estatística (mesmo con curiosidades!):
Onde se ve o descenso de poboación previsto para os próxims anos en Galicia. Mais peor é aínda na Mariña, lonxe das grandes cidades:
E se evidencia máis por franxas de idade, decrecendo o número de pequenos, pero máis o número de poboación adulta, mentras medra lixeiramente o número de vellos.:
As táboas correspondientes, nas que deixo as porcentaxes en relación a este ano 2017, e onde se ve claramente que a diminución de poboación mariñán é máis acusada que a nivel Galicia:
Por franxas etarias para a Mariña, primeiro en número e logo en porcentaxes:
E unha curiosidade, tentando desdramatizar o final: o número de mulleres en tódalas previsións é maior que o número d ehomes, se benna Mariña o número de mulleres por cada home é máis próximo á unidade que no conxunto de Galicia, aínda que nos dous casos tenda a medrar o cociente ó longo do tempo, a medida que a poboación se vaifacendo máis vella.
Vexo pasar a xente a mercar. Sentado, sen consumir no sentido de mercar cousas das que podo prescindir, por moito que queran vendermas como necesarias ou intelixentes (as miñas accións de compra ó adquirilas). Coches que chegan e se van, consumindo eles tamén ó levar ás persoas a consumir. Ocio que se iguala a consumo. Un ideal para lubricar a economía, unha economía que necesita medrar para manterse. Un sistema insostible. Implosionable.
Se non fose pola inmigración, habería moita máis necesidade de traballadores. Se non fose polos inmigrantes, a economía non podería manter a súa marcha, estaría a contraerse, as cousas deixarían de funcionar, unha agora, outra despois... e non poderiamos nin aspirar a amañalas. As cotizacións sociais caerían. Os servizos asociados tamén caerían, xa non só impulsados cara abaixo pola corrupción ou a a súa liquidación ideolóxica. Temendo unha implosión.
Cada vez hai máis 'novos materiais' e máis optimización para fabricar máis cousas con menos subministracións. O aumento da ganancia impulsa. Tamén cada vez se recicla máis ó tempo que a obsolescencia programada ascende de xeito rampante pasando pouco a pouco a ser unha obriga o que antigamente era unha necesidade, a substitución do aparello. Mais, aínda así, cada vez a escaseza de materias primas, a loita por elas, e o seu acaparamento, aumenta. E con iso, os problemas da industria, cada vez menos técnicos e máis de subministracións mentres hai un comezo de implosión.
Cada vez a economía é menos primaria. Os alimentos só aumentan os prezos pagados ó produtor nas crises principais, a industria mantense variando unha moi innecesaria produción e hai máis sector terciario, servizos de todo tipo, dende amañar aparellos ata servir un refresco, pasando por coidar dos nosos maiores ou pequenos, ou cubrir todo tipo de necesidades reais ou sobrevidas ós anuncios de que as temos. Un terciario que pode seguir a medrar mentres nos convenzan de máis e máis necesidades. É dicir, mentres sexamos menos autónomos: En certo xeito, menos persoas. Nese sentido, o medre é unha sinal de implosión interior. Tamén.
A temperatura sube, a poboación mundial segue a medrar cunha inercia minguante, que cada vez se prevé que se esgote antes. Na China impuxeron como norma de estado o límite de natalidade. Agora xa teñen o problema de que é a poboación, as persoas individuais, a que non quere pasar dese límite, mesmo nin chegar a el. En Galicia ese tema xa deberamos coñecelo ben, algo dubidoso polas medidas que se artellan. E non se trata de procurar unha solución obrigando ás mulleres, poñéndoas -literalmente- a parir. Implosión da poboación.
Houbo algún tempo atrás un desenvolvemento da cultura, da educación. Agora fálase de cultura para relacionala con todo, perdendo o seu valor: é equivalente a non relacionala con nada. Mentres, confúndese educación con formación para o traballo, en función duns postos de traballo que non se sabe como evolucionarán, mesmo se existirán dentro de poucos anos. Implosión educativa.
O mundo ten ido aumentando a súa diversidade a medida que poboación, comunicación e posibilidades anteriores o permitían. Todo para, agora, diversificarse máis a medida que nos unificamos máis. Sen contradición. A diversidade é máis aparencia de 'non quero parecerme', ou polo contrario, 'quero parecerme', que de 'son diferente': as costumes implosionan dun xeito case coordinado en todo o planeta, mentres en cada lugar quedan destruídas as costumes históricas. As malas, pero tamén as boas.
Para avanzar, necesitamos contrastes. Témolo feito intensificando as relacións, primeiro xuntando a xente en poboacións cada vez máis grandes, logo mellorando os medios de desprazamento, despois os de telecomunicacións, ata chegar a hoxe, cando a variedade nas redes estase a reducir pola propia mecánica de rendibilidade dos algoritmos, expulsando á diversidade, ás minorías sen poder. Unha implosión.
Suavemente, con diferentes velocidades, con diferente comezo, cada vez máis rápido, estamos a implosionar.
Colapso. Mentres afunde o barco, a orquestra segue a tocar no salón de primeira clase. [Nota: están arriba e confían en que como mínimo, serán os últimos en afundir.]
Hai algún tempo que veño seguindo as variacións da poboación nalgúns lugares, particularmente, Ribadeo.
En pouco tempo estarán dispoñibles na rede os datos censais do 2021,
pois fanse cada 10 anos. Por outras estatísticas, o total do censo para
esta volta ha andar arredor dos 10 000 habitantes ou pouquiño máis, quedando de novo lixeiramente por baixo de Foz, con cifras semellantes estes últimos anos. Como se
ve en baixo, en liña cos datos anteriores...
O primeiro, presentación da táboa por grupos de idade dos censos de 1991, 2001 e 2011:
Censo de Poboación de Ribadeo segundo sexo e grupos quinquenais de idade
Pódese aprezar o ascenso continuado dos totais, cun tirón nos anos 2000, que volve a ralentizar - practicamente, a anularse - en datos posteriores, dos anos 2010, non recollidos na táboa. Nos anos 1990 a poboación aumentou un pouco máis do 1 %, nos 2000, un 10 %, e nos 2010 (repito, non recollidos na táboa), prácticamente mantense en plano, sen aumento, aínda que é de esperar que o censo de algo por riba dos 10 000 habitantes en 2021.
Ademais, poñendo un pouco de atención, poden notarse outras cousas, como
que a poboación vai envellecendo (os grupos máis numerosos cada vez
teñen máis idade, e os grupos máis novos son menos numerosos), ou
mesmo que se algún grupo aumenta en número ó ir avanzando o tempo e
polo tanto a idade dos seus compoñentes, é porque houbo inmigración, tirando cara arriba do total no conxunto deste século:
así, o grupo de 35 a 39 anos no 2011 ten 812 persoas, mentres 20 anos antes o grupo correspondente, que entón tiña entre 15 e 19 anos, tiña só 602 persoas. É evidente que ninguén nace con 20 ou 30 anos... Estas cousas quizáis se poden ver mellor de
xeito gráfico:
O gráfico anterior, representando as tres series da táboa, amosa de
xeito claro o desprazamento da xente en idade dunha a outra serie. Para
explicalo mellor, na gráfica seguinte apuntei varias cousas:
A:
Na década antes da guerra civil marcouse un máximo de nacementos e mellora nas condicións de vida, co que esa 'cohorte de idade' segue sendo abundante, aínda que, ó facerse maior, dexa sentir a cada vez máis forte influencia de mortandade. O máximo de 1220 persoas de entre 55 e 64 anos no 1991 pasa a 1206 de idades entre 65 e 74 anos dez anos despois, e a 989 de entre 75 e 84 anos en 2011. Nótase un retorno de persoas maiores na década dos 90, pois a poboación que no 91 tiña entre 55 e 59 anos vese superada pola que no 2001 tiña entre 65 e 69 anos dez anos despois, a pesar de ser un grupo de idade xa con mortandade relevante.
B:
Os grupos entre os 10 e os 34 anos no 1991 son abondo homoxéneos en números, cun total de 3024 persoas. Dez anos despois, os grupos entre 20 e 44 anos suben a un total de 3287 persoas, e dez anos máis tarde, entre 30 e 54 anos temos 3782 persoas. É evidente que nese grupo houbo unha inmigración neta de máis de 700 persoas, sobre todo na primeira década deste século. Sobre todo, na zona dos 30 anos.
Esa inmigración nótase tamén en idades superiores, colmando o descenso de natalidade na guerra civil e posterior que se notaba como un val na gráfica correspondente ó censo de 1991 para os grupos entre 35 e 54 anos daquela. É curioso que nos censos non semella ter habido en Ribadeo un 'baby boom' como noutros lugares (ver o caso de Vilalba); se o houbo, no 1991 xa quedara enmascarado por outros feitos.
C:
O mínimo de nacementos rexistrado a finais dos 80 trasládase no tempo marcando un mínimo, que se ve só lixeiramente superado en anos posteriores, a pesar de que a cantidade de xente en idades típicas de reprodución aumentou abondo nesas datas. Parece evidente que o novo censo de 2021 presente outra caída do número de nacementos por caída non das porcentaxes de nacementos por muller en idade fértil, senón pola do número de mulleres nesas idades.
D:
O número de xente de máis de 75 anos aumentou de censo en censo en todos os grupos quinquenais, traducindo de xeito visible o aumento da idade media da poboación.
Conllendo o conxunto, se extrapolamos os aproximadamente 80 nacementos anuais dos anos 2006-2010, para obter un número de nacementos igual á poboación de Ribadeo, 10000 persoas en números redondos, necesitaríamos 125 anos. É dicir, de non cambiar a tendencia a poboación de Ribadeo diminuiría rapidamente a non ser un importante aporte da inmigración.
Por último, collamos os mesmos datos representados doutro xeito, de forma acumulativa:
Vemos nesta gráfica que a curva cada vez é máis inclinada nos sucesivos censos, e non só porque aumente a poboación total, senón sobre todo porque a poboación tende a concentrarse en idades máis avanzadas, tendo a curva cada vez menos inclinacón e sendo máis baixa en idades temperás.
De calquera xeito, o perfil aínda é abondo diferente doutros lugares que teñen o que se chama problema demográfico máis acusado, como o caso de Vilalba, co que se pode comparar.
Proxección da poboación na zona seguindo a taxa de diminución de poboación de 2018
Como moitas outras veces, o comezo de ano impulsa a revisar o estado demográfico. Catastrófico é a palaba dende hai xa abondos anos. E é certo que a nosa poboación envellece. Que hai que preparse para iso (as residencias de ancińas teñen motivo). pero...
Vimos dunha época na que durante moito, moito tempo, o normal era que, con algún altibaixo (por exemplo, algunha guerra), a poboación aumentara. Mesmo que se usara ese feito para medir a potencia dun grupo fronte a outro (enténdase dun estado fronte a outro). E era natural, pois o aumento da poboación significaba uhas mellores condicións de vida, algo que non se sabía medir, senón só sentir.
Mais, dende hai xa anos, somos conscientes de que un medrar continuado non se pode manter cuns recursos limitados. E iso é o que hai. Polo tanto, a limitación da poboación, polas boas ou polas malas, está a chegar. E, nese sentido, que a poboación baixe non ten por que ser ningún drama, senón algo natural.
Otra cousa ben diferente é qu a poboación baixe por cousas como a emigración ou a falta de reproducción por falta de espectativas, desidia, egoismo ou o que sexa. Evidentemente, nese caso o que temos é un efecto, non unha causa, e o que hai que variar son as condicións, que son as que están a producir un non desexo de máis vida. Un apunte á marxe: a nosa terra segue aportando xente á emigración, pero tamén é receptora de inmigración, e, cos niveis de nacementos actuais, está claro que a inmigración está a superar dende hai anos á emigración. Quen queira pode consultar as estatísticas.
Das causas da baixa natalidade, ás consecuencias. Asóciase un aumento da idade media da poboación a unha sociedade menos dinámica, máis dependente, menos alegre, menos innovadora... E é que polo momento, sen unha preparación para o envellecemento social, un vello separado do seu traballo, sen outra cousa que facer ó non ter nin tempo nin coñecementos para outra cousa, levábao cru, dependendo de tódolos xeitos posibles. Iso ten ido cambiando, e aínda queda moito.. Centrándonos na dependencia económica, é certo que canto máis vellos emenos novos, máis vellos ó cargo para cada novo. Pero, cunha distribución entre toda a poboación dos aumentos de produtividade coas novas tecnoloxías, non tería por que notarse nada.
En fin, un repaso moi rápido de algo que cada vez preocupa máis, impulsado porque é preferible para os gobernos dirixir a atención a unhas cousas que ás outras, á dependencia da vellez ó aumento dos soldos da xuventude que podan permitir mantela. Ó detrimento de economía para que funcione o sistema de dependencia e nón ás oportunidade que a vellez pode ofrece á sociedade, E así sucesivamente.
Si, Galicia está a envellecer. Iso din os números das estatísticas. E o envellecemento mesmo parece acelerarse a medida que se mantén a taxa reprodutiva á baixa no longo prazo.
Pode discutirse se o envellecemento poboacional é bo ou malo, pero non ten sentido facelo de xeito absoluto, pois é algo relativo. Si, moita xente, ó ler o comezo deste parágrafo terán levado as mans á cabeza, pero, con todas as circunstancias que se lle podan meter -e poden ser moitas- non é o mesmo elevar a media de idade de 18 a 20 anos, ou sexa, dous anos nunha sociedade constituída por xente nova, que de 48 a 50 anos, é dicir, dous anos nunha sociedade de xente moi maior. No primeiro caso, significa sobre todo unha sociedade dous anos máis madura, mentres que no segundo é máis ben unha falta de renovación social. Dubida alguén que o despegue económico e tecnolóxico de China ten algo que ver co aumento da idade media da súa poboación (19 anos en 1970, 38 anos na actualidade), relacionado cun castigo gobernamental da natalidade? E que o estancamento do Xapón ten unha compoñente no aumento da idade media da súa poboación (37 anos en 1990, 48 anos na actualidade), encamiñada á vellez como idade media?
O envellecemento individual é algo natural. O envellecemento social, non: é só unha simple posibilidade. E é que nunha sociedade, o envellecer social é algo máis que o envellecer en idade a media da súa poboación. É resultado de varios factores, entre o que se atopa o aumento da idade media da poboación como un máis deles, pero dentro de certos límites, pode que nin moito menos o máis importante.
Volvamos a Galicia. Poderiamos ter unha sociedade de vellos, pero non moi envellecida como sociedade. Vellos dinámicos, con capacidade de desenvolver novas ideas... Coido que non é así, aínda que nos últimos anos o ritmo de envellecemento social tense freado ó acceder a idades elevadas unha xeración máis aberta ó mundo, con maior número dos seus compoñentes interactivos máis aló da partida despois de comer ou do mantemento da terra á que levan adicada a súa vida, e cunha certa ansia de seguir activos en labores elixidas de xeito voluntario máis que por costume. Pode que non sexa o movemento de maiores que se observa noutros lugares, pero si se deixa notar a diferencia.
Mais estamos desviados se, variando o rumbo, nos centramos e illamos só o envellecemento social, e nos esquecemos de que a saúde da sociedade enteira pasa tamén pola procura de non amputar partes do seu corpo, sen ir máis lonxe, a xuventude abocada a emigrar. Ou por procurar unha renovación, non só de coñecementos e métodos no desenvolvemento social, senón tamén das persoas que a integran, vía nacementos. Ou pola integración doutras persoas que veñen de fóra.
Na nosa sociedade, vello segue a ser unha verba de connotacións negativas...
Hai xa tempo que o alcalde ven espallando a súa idea de que Ribadeo sexa unha pequena vila. A conta diso, non é a primeira volta que sae no blog, nin tampouco a primeira que reflexo a miña idea de que a cantidade de veciños non é tan importante como a calidade de vida.
O caso é que despois de catro anos de dicir que Ribadeo pasaba de 10 000 habitantes e non verse refrendada tal afirmación polas estatísticas oficiais, parece que desta poidera ir, despois de que o INE certifique que o concello pasa lixeiramente desa cifra (1023 habitantes) cando o padrón xa a ten superada hai algún tempo (10 266).
Chama a atención a discrepancia de cifras oficiais en perto de 250 persoas, cantidade avultada que representa un 2,5% sobre o total, e que parece un pouco difícil de explicar, pero o caso é que agora xa ambas cantidades superan o límite, co que é previsible que o concello poda optar a un nivel de percepción de cartos lixeiramente maior, a parte de aumentar en catro o número de concelleiros.
Respecto a isto último, con 17 concelleiros,as últimas municipais quedarían como expresa a seguinte táboa:
É dicir, cada grupo tería un concelleiro máis, co que o BNG perdería a maioría absoluta. Algo que sempre debera terse en conta polos políticos, non como prevención para interferir, senón nos seus propios cálculos.
O alcalde fala de crecemento sistemático, e si parece que a xente que ven inmigrada a Ribadeo non se marcha en cantidades importantes coa crise económica, á que se xunta unha crise de natalidade da xente afincada hai tempo e que daría por terra cos incrementos de poboación.
6 286 dos empadroados viven na vila, o que supón o 66,7%, isto é máis de 2/3 da poboación, marcando un deterioro poboacional das parroquias, que se despoboan nunha sangría cara a vila e a falta dun reposto xeracional ou inmigración, ámbalas dúas cousas das que se beneficia en maior medida a vila.
De calquera xeito, exercicios numéricos a parte, os problemas que sofre Ribadeo (ou as solucións das que pode desfrutar) seguen sendo máis ou menos os mesmos, pois, por exemplo, non significa un maior número de xente máis cantidade de xente maior nun futuro? e non significa iso que a medra a necesidade dunha residencia de anciáns?
Tito, Colaborador do Blog e da AVV O Tesón, humildes entre outras cousas máis relevantes, foi investido o día 3 como Académico de Número da RAG nun acto no Teatro Jofre de Ferrol. Deixo a continuación o vídeo do acto, un pequeno comentario meu e a nota de prensa da Academia, ambos con fotos.
Ó acto de Ferrol foi unha cantidade de xente que encheu o teatro. Entre ela, atopábamonos case media centea de ribadenses que queríamos acompañar a Tito. Foi un acto ó tempo entrañable e académico. De que resultara así encargouse principalmente el no seu discurso de aceptación da cadeira académica, que como se pode ver no vídeo ou no resume da nota de prensa da RAG, constou de varias partes ben diferenciadas, resaltando así o aspecto humano antes que o aspecto de estudo. Neste último tamén salientou aspectos humanos na confrontación entre Paz Andrade e Cela, mirando a súa proxección at a Galicia actual.
Lourenzo Fernández Prieto ingresa na RAG reivindicando a memoria silenciada como fonte para escribir a historia
Lourenzo Fernández Prieto
ingresou este mediodía na Real Academia Galega reivindicando o papel da
historia e a importancia da memoria na historiografía. O catedrático de
Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela
centrou o discurso de recepción
como académico de número na relación entre historia, memoria e política
no contexto da Transición democrática en Galicia a partir dunha
discusión pública que tivo como protagonistas a Valentín Paz-Andrade,
senador electo na reinaugurada democracia en 1977, e Camilo José Cela,
senador por designación real. O episodio rescatado, vinculado á
reivindicación galeguista dun Estatuto de Autonomía que apelase ás
raíces republicanas, é para o historiador un exemplo claro da “fondura
do noso esquecemento colectivo, alén dese repetido mantra do pacto do
esquecemento da Transición”, e de como “o relato do pasado, tamén o das
vítimas, sempre está dominado polo vencedor. Máis aínda cando o vencedor
foi verdugo”.
O director da Sección de Historia, Ramón Villares, dálle resposta a Fernández Prieto en nome da Academia.
“Hai
aspectos do pasado que foron agochados por outros, ou que simplemente
pasaron desapercibidos, e recuperalos permítenos construír un relato
máis plural e máis democrático do noso pasado”, reflexionou. A misión da
historia “non é dar nin quitar razóns morais, senón contextualizar,
entender no pasado e explicar, dende a distancia do presente e cos nosos
valores, que é o que non queremos herdar do pasado”, “pero tamén o que
queremos herdar” proseguiu o académico. Un obxectivo no que a memoria
cobra relevancia “como medio para facer historia, nunca para
substituíla”, matizou.
O investigador traballa dende os seus
comezos no eido da historia agraria e dende 2006 desenvolve tamén unha
importante liña de estudos sobre a memoria do golpe de 1936, da guerra
civil e da represión do franquismo. “Nas últimas décadas, a
historiografía aprendeu que hai moita memoria na historia e, viceversa,
hai moita historia na memoria. Ambas as dúas aliméntanse se sabemos
usalas”, defendeu no seu discurso de entrada na Academia. “O caso é dar
con elas, escarvar ben os xacementos —o castro— deixando os muros
testemuña, comprobando a estratigrafía, e non deixarse confundir polas
chapas de gasosa, que os castrexos non bebían hai dous mil anos, pero si
os que, cincuenta anos antes ca nós, remexeron esa mesma terra nunha
escavación mal feita”, comparou.
Lourenzo Fernández Prieto
ingresou na RAG nunha sesión extraordinaria e pública celebrada no
teatro Jofre de Ferrol, a cidade onde medrou e estudou o bacharelato,
organizada co apoio da Deputación da Coruña. O novo académico entrou no
auditorio acompañado polas dúas académicas de máis recente
incorporación, María López Sández e María Dolores Sánchez Palomino. Nos
primeiros compases da súa intervención, apelou á memoria republicana na
súa lembranza de Luz Pozo Garza (1922-2020), cuxa cadeira ocupa dende
hoxe e coa que comparte raíces ribadenses. O seu sucesor retratou a
poeta como “unha muller doutro mundo” en plena ditadura, porque ela era
muller “do mundo republicano e democrático”, e subliñou a través dela o
papel feminino na recuperación da democracia. “As eleccións [de 1977] e o
seu resultado, o salto adiante cara a este futuro, pasou por mulleres
coma ela tanto coma pola acción política organizada da mocidade
antifranquista”, recoñeceu o historiador.
A memoria persoal e colectiva: da EXB a facerse neofalante Lourenzo
Fernández Preito (A Devesa-Ribadeo, 1961) converteuse en membro de
número da Academia nunha sesión extraordinaria e pública celebrada este
mediodía no teatro Jofre de Ferrol, a cidade onde medrou. O historiador
tamén recorreu á memoria, neste caso a persoal, para trazar a historia
colectiva da súa xeración: a dos nenos e das nenas que estrearon a EXB, e
que se mobilizarían máis adiante a prol da democracia; e do que
significaba ser, coma el, neofalante nunha viaxe na que os fillos dos
que migraron do agro ás cidades semellaban destinados a perderen a
lingua do país.
“Lembro que empezamos a usar o galego nas aulas en
1º de BUP (curso 1975-1976). Unha presada de nós, coa compracencia de
profesores que logo serían amigos como Guillermo Llorca, Xosé Manuel
Pose Mesura, Edelmiro Gil ou Luís Aneiros. En 2º (1976-1977) xa
celebraramos o Día das Letras Galegas dedicado a Antón Villar Ponte.
Aquela mocidade profesoral encargábase de todo e permitíanos moito.
Tamén axudaba a dirección do centro, que deixaba facer. Por exemplo,
organizarmos unha feira do libro galego cadrando coas Letras Galegas de
1977, na que o máis vendido foi a Control de natalidade. Métodos contraceptivos
de Cipriano L. Jiménez Casas, a mellor forma de engaiolar coa lingua os
adolescentes”, rememorou en referencia aos anos como estudante na
escola Jorge Juan, aos que lles sucedeu o curso preuniversitario no
Instituto Concepción Arenal.
O director da Sección de Historia, o
académico Ramón Villares, completou na súa resposta de benvida en nome
da institución o retrato do novo académico, un “intelectual comprometido
coa causa da lingua e da cultura de Galicia”. Lourenzo Fernández Prieto
-salientou- pertence á xeración que chegou á universidade a finais dos
anos setenta e que, no canto de pescudar sobre a súa identidade
individual e labrar un rápido cursus honorum, escolleu “unha
laboría colectiva capaz de soerguer a cultura e a ciencia de Galicia”.
“Con esta incorporación refórzase a potencia intelectual da Academia
como ente colectivo e, de forma especial, o coñecemento do tecido
histórico de Galicia nomeadamente nos tempos máis contemporáneos”,
valorou.
O lance entre Paz-Andrade e Cela Lourenzo
Fernández Prieto artellou o seu discurso de ingreso na RAG arredor dun
lance entre Paz-Andrade e Camilo José Cela que permite entender o
esquecemento que existía, na Galicia de 1977, respecto da tradición
republicana e da política autonomista, recoñeceu Ramón Villares. O
episodio chegou ao coñecemento do novo académico a través dun cartafol
no que Darío Álvarez Blázquez xuntara retallos de prensa da época que
dan conta do episodio. Entrevistado telefonicamente nas vésperas da
xuntanza da Asemblea de Parlamentarios de Galicia (27 deputados e 18
senadores), o xornalista solicitoulle a Paz-Andrade, senador pola
Candidatura Democrática Galega, a súa opinión en relación coa
reclamación do Estatuto de Autonomía na reunión que se ía celebrar o 4
de xullo, e sobre a súa lexitimidade. Dela derivouse un comentario sobre
os senadores reais no que Paz-Andrade viña a dicir que algúns
contactados pola Casa Real para seren designados preferiran someterse á
elección popular democrática.
Pouco despois Cela daríalle a
réplica na prensa con duras descualificacións persoais e críticas ao
documento que presentara ante a Asemblea de Parlamentarios de Galicia.
Afirmou que o xurista e empresario pertencía á “prehistoria política de
Galicia”, puña “en cuarentena su actitud de restar y no de sumar
respecto a Galicia” e, no artigo máis divulgado, referíase ao político
galeguista -un dos impulsores nos anos 60 do grupo Pescanova- como “Pez
Paz” e “pescadero mayor del Régimen” que desprende cheiro a “aroma de
pescadilla”. Paz-Andrade manteríase en silencio mentres saían na súa
defensa, tamén a través da prensa, figuras como Eduardo Blanco Amor e
Isaac Díaz Pardo.
Para Lourenzo Fernández Prieto, o ataque persoal
tiña un sentido claramente político: discutir a lexitimidade dunha
figura, a de Paz-Andrade, que representaba a memoria da República, e das
súas reivindicacións no Asemblea de Parlamentarios de Galicia.
O
certo é que Valentín Paz-Andrade foi o autor do único texto presentado
naquela reunión constitutiva do 4 de xullo celebrada no vello Hospital
Real da praza do Obradoiro, acabado de converter en parador turístico.
Na sesión discutiríase sobre a reivindicación ou non do Estatuto e sobre
a lexitimidade republicana que latexaba detrás dela. “A fractura
encarreirouse e foi resolta mediante unha comisión redactora constituída
in situ que reduciu e adaptou o texto de Valentín con algúns matices, o
máis importante eliminar a mención á República e ao Estatuto de 1936.
Unha solución case inevitable, a falta doutro texto alternativo sobre o
que se puidesen establecer transaccións, que tamén revela unha forma de
proceder que caracterizou a Transición neste período: a oposición
antifranquista fai propostas e o poder matiza, modifica, corrixe ou
amputa”, analiza o historiador.
“O balance político de todo este
episodio é que lle cortaron o paso a Valentín Paz-Andrade”, conclúe. “Na
súa proposta, pero tamén na súa lexitimidade galeguista, republicana e
antifranquista e na recentemente adquirida como representante de Galicia
na Comisión dos Nove que negociara co goberno de Adolfo Suárez a saída
democrática despois do Referendo de Reforma Política de decembro de
1976. Quen sabe se lle cortaron tamén a aspiración que moitos abeiraban
de que fose presidente do primeiro organismo provisorio da Autonomía de
Galicia que se estaba a fraguar neses días como Xunta preautonómica”,
suxire.
Perfil académico Lourenzo Fernández
Prieto estudou Historia na Universidade de Santiago de Compostela,
institución na que se licenciou (1984) e doutorou (1990) con premio
extraordinario. Profesor titular dende 1993 e catedrático dende 2005 na
mesma facultade, na actualidade é coordinador do Centro de Investigación
Singular de Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), que agrupa equipos
de investigación das tres universidades galegas nos eidos da historia, a
xeografía, historia da arte economía, enxeñaría, socioloxía, ciencia
política e medio ambiente.
O novo académico investiga dende os
comezos no eido da historia agraria, unha liña á que sumou tamén con
éxito, na primeira década deste século, outra centrada na guerra civil e
do franquismo. Na primeira destaca pola perspectiva innovadora que
aplicou no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario,
que se ocupa das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica
e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e da
sociedade rural cun enfoque ambientalista.
Os primeiros traballos
de Fernández Prieto centráronse na renovación técnica das labranzas,
profundando no rico fondo documental da granxa de Mabegondo, previamente
situada en Monelos (A Coruña). Aquela pescuda deu lugar ao seu primeiro
libro, A granxa agrícola-experimental da Coruña, 1888-1928 (1988), que tería continuidade e ampliación na tese de doutoramento, publicada como Labregos con ciencia. Estado, sociedade e innovación tecnolóxica na agricultura galega, 1850-1939
(1992). Posteriormente chegarían moitos outros traballos cos que
contribuíu, en palabras de Ramón Villares, a repensar, en Galicia e fóra
dela, o papel da agricultura nas sociedades contemporáneas.
En
2006 iniciou unha nova liña de traballo centrada no golpe de 1936, a
guerra e a ditadura de Franco que afonda na memoria das persecucións,
das vítimas e dos vitimarios. A través do proxecto interuniversitario
Nomes e Voces, abriu unha serie de estudos que son unha referencia no
campo da historiografía española e internacional do século XX.
Ao
longo da súa carreira foi investigador principal de máis de vinte
proxectos de investigación competitivos e outros tantos convenios
relacionados cos seus campos de investigación. A relación con grupos e
centros de investigación de institucións españolas, europeas e
americanas é outra constante do labor de Lourenzo Fernández Prieto,
membro de redes internacionais e profesor convidado das universidades de
Princeton (Oates Fellow, Council of Humanities), Cidade de Nova York
(Graduate Center) ou Cork (Department of Geography).
Como xestor
académico, foi vicerreitor da USC entre 2006 e 2009, director do
Departamento de Historia Contemporánea en dúas ocasións e coordinador do
grupo de investigación de referencia competitiva Histagra, dirixiu
tamén a Cátedra universitaria Juana de Vega de Estudos Agrarios, e é
vicepresidente da Sociedad de Estudios de Historia Agraria (SEHA).
Como divulgador é ademais autor, entre outros moitos traballos, do estudo introdutorio do Diario da guerra
de Francisco Fernández del Riego, editado este mesmo ano co gallo do
Día das Letras Galegas dedicado ao intelectual de Lourenzá.
De toda a vida de deus os caciques gobernaran en Galicia ata que nas eleccións do ano 2005 apareceu, non se sabe moi ben como, Emilio Pérez Touriño. Contan os que se movían pola súa contorna que era un home de esquerdas, extremo este que nunca chegou a confirmarse talvez porque o seu paso pola Xunta asemellouse a eses “pedos silenciosos” que ás veces se deixan fluír sen que ninguén se decate. Concretamente os veciños de Ribadeo, que naquelas datas contaban con Alcalde socialista, non souberan nada del ata que unha vez apareceu na Ponte dos Santos e declarou solemnemente que quedara moi bonito por encima da “Ría do Eo”. Era a hostia fidelizando votantes! Despois, nas eleccións do ano 2009, a desencantada esquerda galega castigou a Touriño e ao seu fiel escudeiro Quintana e retornaron os que non se tiñan que marchar nunca: os caciques e á fronte de todos eles o virxinal Feijoo. Hoxe, once anos despois do seu advenemento, virus mediante, convócanos para que o próximo día 12 de xullo volvamos exercer o noso democrático dereito ao voto.
Segundo as enquisas que aparecen estes días nos diarios dixitais todo apunta a que, por cuarta vez, o noso progresista pobo galego, volverá decantarse por reelixir a este agudo funcionario público que leva sufragando, como bo tinterillo que é, toda a súa vida laboral a conta dos nosos impostos.
Empezou a vivir dos contribuíntes no ano 85, con só vinte e catro anos, como funcionario do Corpo Superior da Administración Xeral da Xunta de Galicia, e xa non parou… Consellería de Agricultura, secretario xeral da Consellería de Sanidade, secretario xeral de Asistencia Sanitaria, presidente do Insalud, presidente da Sociedade Estatal de Correos, etc, etc, soldos que compartía cos ingresos que obtiña por asistir aos diversos consellos de administración de empresas públicas nos que tamén participaba: Empresa Nacional de Autopistas, Paradores de Turismo de España, Fábrica Nacional de Moneda y Timbre, etc, etc. En xullo do 91, da man do cacique betanceiro Romay Beccaría, entra en política e compaxina os seus soldos públicos cos devengados pola súa condición de: Membro do Comité de Dirección do PP de Ourense, do Comité provincial, do Comité de Dirección de Pontevedra, do Comité Provincial de Pontevedra, do Comité Ejecutivo Nacional, ata que o 15 de xaneiro do 2006 elíxeno presidente do Partido Popular de Galicia e até o de hoxe.
Cabería de esperar que todo ese tempo transitando polo público treríalle aportado unha valiosa experiencia… pero que va, chegou como recentemente expulsado do útero materno: virxinal. Non aprendera nada, non se decatou de nada e por iso non podía achegar absolutamente nada. Fíxose cargo do partido e seguiu coas mesmas corruptelas que aniñaban nas súas entrañas, cos mesmos caciques territoriais, coas mesmas mafiosas amizades e cando apareceron as fotografías obtidas nas vacacións anuais que gozaba co seu entrañable e narcotraficante amigo Marcial Dourado en Canarias, Eivissa, Picos de Europa ou Portugal, o virxinal mancebo díxonos, pobre del, que non era o que parecía, que o enganaron, que fora un inxenuo! (díxolle a Évole), que non vira as primeiras páxinas da prensa, nas que se denunciaba que o seu caro amigo xa fora detido na operación Nécora vinculado ao tráfico de drogas e ao lavado de diñeiro. Que sabía el de diñeiro negro? Que sabía el de caixa B? Que sabía el do delincuente Crespo? Que sabía el da Gürtel? Que sabía el da corrupción que arrasaba toda a cúpula nacional do seu partido? Se Fraga, ao que lle cabía o estado na cabeza, non se decatou de nada, que cona ía saber el, a fin de contas un pobre tinterillo metido a político.
Hoxe sabemos que o goberno de Feijoo en Galicia e o da súa correlixionaria Ayuso en Madrid estableceron protocolos nos que se excluía do traslado aos hospitais aos anciáns con dependencia severa. Dos 619 falecidos en Galicia por Covid, 272 vivían en residencias, deles 132 morreron nas súas habitacións negándoselles a oportunidade de ser atendidos nun hospital e non (aínda que tampouco o xustificaría) por terse producido un colapso hospitalario ou por falta de medios (pois o ínclito raparigo presumiu de doar respiradores á sanidade madrileña), simplemente non se trasladaron porque así se establecía no protocolo que o goberno do Sr. Feijoo fixo chegar ás residencias. Só enviaban ao hospital aos que tiñan algún seguro privado. Na residencia de Aldán crese, ninguén comunica a cifra exacta, que morreron por Covid 31 persoas, 20 delas na propia residencia. Unha, sen patoloxías previas (que se atopaba alí para recuperarse dunha caída), era a nai dun bo amigo. Son numerosas as demandas dos familiares esixindo responsabilidades. Do desastre nas residencias de Madrid mellor non falar. Os dous gobernos autonómicos, coas competencias delegadas, din non ter ningunha responsabilidade. Coméntase que a culpa de todo é dun tal señor Iglesias. Din que é venezolano… ou algo así.
Mentres os empregados de Alcoa (cuxo impacto económico representa o 30% da riqueza da provincia de Lugo) déixanse a vida loitando pola continuidade dos seus postos de traballo, este personaxe non fai nada nin di nada respecto diso nos seus mitins de campaña, pero iso si, emulando ao seu narcotraficante amigo, anuncia de viva voz cheques de 250 euros para subornar a sanitarios e hostaleiros. Non ten vergoña.
Poderían facerse comparativas dos cocientes obtidos durante os case 12 anos de consecutivo mandato do goberno de Feijoo á fronte da Xunta e os do resto do Estado: corrupción, produto interior bruto, renda per cápita, desemprego, desigualdade de xénero etc., e moitos deles terían, en función da ideoloxía do lector, variadas explicacións; por iso referireime soamente a un moi concreto e que non ten máis nada que unha soa lectura: “a poboación”
Segundo o informe anual de datosmacro.com: en España entre finais do 2009 e finais do 2019 incrementouse a poboación en 843 360 habitantes. En Galicia, no mesmo período de tempo (coincidente coa estancia de Feijoo á fronte da Xunta), reduciuse a poboación en 71 825 galegos Coma se desaparecerían todos os habitantes da Mariña lucense!
Galicia está entre as rexións do mundo coa taxa de natalidade máis baixa. No 2009, cando Feijoo chegou ao poder, naceron en Galicia 22 537 nenos. Ano tras ano foron baixando os nacementos até chegar aos 15 601 que viñeron ao mundo no ano 2019, marcando a taxa de natalidade máis baixa desde que existen rexistros.
Por casualidade, durante o curto mandato de Touruño, Galicia aumentou a súa poboación en 42 257 persoas. O ano en que Touriño chegou á Xunta naceron 21 097 nenos, e o ano no que se marchou, 23 175. Estes datos confirman que "con gobernos progresistas frúnxese máis".
Moralexa: Que non nos pase como pobo, con Feijoo, o que lles pasou aos urogalos con Fraga, que se cargou ao último e mandouno disecar (atópase en Piornedo cunha praca que reza "último urogallo de Galicia abatido por Fraga"). Así que: non des a esquecemento da inxuria ou rudo encono; esperta do teu sono Fogar de Breogán.
Traballando, continuando, coido que dá unha idea mellor que dicir 'en loita'.
Hoxe houbo, unha vez máis, concentración arredor das pensións. Un curto tempo no que algo máis de 40 persoas lembraron a situación actual dun modelo de pensións atacado e atracado dende hai tempo. Como outras veces, Básaro leu un texto. Logo déronse outros avisos -haberá unha charla sobre a xestión dos centros de maiores na pandemia, asistencia á manifestación en Santiago o 27 de xuño por uns Servizos de Dependencia Públicos, Universais e de Calidade...-, e repartiuse en papel o documento 'Os plans de pensións de empresa: análise da Recomendación 16 do Pacto de Toledo', de Xabier Pérez Dávila / MODEPEN.
O texto lido:
Dun tempo para acá, falamos constantemente dos seguros privados de pensións, e moita xente pregúntase que coño nos importa a nós se xa estamos xubilados. E a verdade é que visto así, pode parecer certo, pero isto é como as cebolas, hal que ir sacándolle capas para entendelo. Unha das estratexias do neoliberalismo (o capitalismo sen controis que exercen algúns partidos), para que a poboación deixe de crer nun sector público eficaz e puxante consiste en abandonar o investimento nos diferentes estamentos públicos. Existen varios exemplos claros: a Sanidade, a Educación, e as Pensións.
Para demostrar que cando queren pásanse a Constitución polo forro miremos o que di o artigo 50 da Constitución española:
“Os poderes públicos garantirán, mediante pensións adecuadas e periodicamente actualizadas, a suficiencia económica aos cidadáns durante a terceira idade. Así mesmo, e con independencia das obrigacións familiares, promoverán o seu benestar mediante un sistema de servizos sociais que atenderán os seus problemas específicos de saúde, vivenda, cultura e lecer.”
Desde fai moitos anos, a viabilidade do sistema público de pensións é cuestionada polos nosos gobernantes e cada certo tempo entra na axenda política, sendo debatida con moitísimos datos (para tolearnos) nos principais medios de comunicación. Según os políticos que apoian un sistema económico neoliberal cada vez máis estendido, que defenden a idea dun Estado máis pequeno no cal a empresa privada terá un peso cada vez maior e un poder cáseque absoluto, entre os principais problemas para o mantemento das pensións está un feito incuestionable, que a taxa de natalidade dos países avanzados permanece estancada desde finais do século pasado, o cal fai que menos persoas laboralmente activas traballen para máis persoas que xa non traballan e que cada vez van vivir máis tempo como dependentes do Estado de Benestar. Isto é certo, pero e unha media verdade, porque os partidarios do sistema neoliberal están mentindo cando nos din que o único modo de financiar as pensións públicas é mediante as cotizacións dos traballadores en activo. Isto é un engano, porque os Estados dispoñen doutros ingresos diferentes das achegas directas dos traballadores. No noso país, as pensións fináncianse, basicamente, mediante esas achegas, pero noutros países sufráganse tamén a través dos impostos ou doutros ingresos.
Por eso están a machacarnos con que a inviabilidade do sistema público de pensións fai necesario que contratemos un plan privado que sirva para complementar o futuro cobro dunha pensión. Pero en países como o noso existe unha enorme dificultade para que as clases traballadoras dediquen parte dos seus ingresos para contratar un plan privado de pensións; as dúas razóns principais son os baixos salarios e a precariedade laboral.
A falta de diñeiro para cubrir as necesidades dos Servizos públicos, malgástanse noutras cousas, a maioría das veces inservibles, pero como é malgasto político non está castigado, así nos loce o pelo.
A utilización dun recurso económico de maneira impropia ou non racional, é un despilfarro. Pero hai despilfarros que nos sangran a todos, como son os dos bens comúns e públicos, incluíndo os despilfarros dos recursos orzamentarios.
O contrario do despilfarro e a eficiencia, a eficacia e a ética na xestión. Pero estes criterios fallan. E cando non se respectan os principios da economía pública nin da ética na súa xestión, habería que aplicar o código penal. Así de
claro. O despilfarro debería ser perseguible e debería esixirse como un deber social.
Na súa intervención no Congreso para presentar o informe do ano 2012, a Defensora do Pobo xa alertou da necesidade de tipificar como delito penal o "despilfarro" dos fondos públicos porque, dicía, "evitaría que se malgaste o
diñeiro de todos, obtido polas Administracións públicas dos impostos que gravan a renda ou o consumo de millóns de persoas”. Con todo cando se aprobou a Lei de Transparencia, non se aproveitou a oportunidade de incorporar esta petición da Defensora do Pobo.
Está claro que non interesaba. Por estas razóns hai quen propón auditar a débeda. Non ó mellor para impagala, senón para analizar os motivos da súa emisión e poder explicar á sociedade que houbo un tempo no que uns señores con poder político abusaron da confianza dos seus votantes e gobernaron despilfarrando, endebedándonos, impoñendo recortes sociais cando a crise puxo de manifesto o desgoberno que estaban a realizar, porque esta crise puxo no seu sitio aos que nos arruinaron, Esperemos que a Xustiza (por se alguén cre nela), algún dia tamén os poña no seu sitio.
E recordade sempre que GOBERNE QUEN GOBERNE OS SERVIZOS PÚBLICOS DEFÉNDENSE.
Que o mundo non é ideal sabémolo todos. Sábeno os recién nados cando o seu primeiro choro, aínda sen saberse expresar con palabras nin ter un control mínimo de calquera outro tipo de expresión non automática. Deixámolo de manifesto todos os anos de xeito lúdico nas fogueiras de San Xoán, cando tentamos axudar ó Sol que sabemos que cada día vai ser máis débil e visible durante menos tempo, ... Amósao calquera estudio sociolóxico. "A investigación atopou que os países onde máis concentrada estaba a propiedade dos medios de comunicación tiñan maiores índices de corrupción, peor manexo da economía, mercados financieiros máis distorsionados, peor calidade da educación e da saúde, e menos dereitos civís para os seus cidadáns" (tomado ó chou dun artigo de Moisés Naím, publicado en El País o pasado domingo). Vése en pequenos detalles ou grandes: Os Castros/Augas Santas -As Illas voltou perder este ano a bandeira azul cando Jaime Cancio, Concelleiro de Foz nos dí que se enterou na Feira de Bilbao que hai xente que non sabe que Lugo ten Costa, o coitado, cando na nota de prensa da pasada xuntanza interautonómica nas Figueiras ambas autonomías, non una soa persoa, parecen non saber que a ría que temos á beira é a ría de Ribadeo. Parece sabelo o concello, que tenta palialo retomando iniciativas como a comida a domicilio (xa votada no pleno de marzo, se non me lembro mal). Sábeo tamén a UPRi, que pretende un servizo de transporte gratuíto para a gardería que se vai atopar con múltiples problemas (se non lembro mal, non só a porcentaxe actual de nenos das parroquias na gardería é moi pequeno, senón que a natalidade non axuda e a gardería ten un horario que pode ser algo flexible) Pretende ignoralo moita xente que procura algún tipo de beneficio máis particular, esquecendo principios básicos da física ou das matemáticas sobre a probabilidade de dexeración ou a xeralización do ben común. En fin, sabémolo todos, pero todos tentamos loitar ou facelo máis ideal ó noso xeito (xa digo, ás veces, literalmente ó noso particular xeito). Pode que se gastáramos algo máis de tempo en definir o ideal e en poñernos de acordo, lográramos achegar abondo máis este mundo a ese ideal. Quedan dúas fotos que así, na distancia do pequeno encuadre, poden achegar máis ese mundo ideal: unha, dende o faro, cara á posta do Sol, sen ver a contaminación do mar. Outra, un banco recén posto no eucaliptal do forte de san Damián, sen verse o pouco coidado que se puxo nos depósitos de terra que se fixeron para colocoal. Será o ideal cuestión de detalle?