Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Xerfa. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Xerfa. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20230910

En relación á Casa da Ría

En relación á Casa da Ría

Árbores na terraza da Casa da Ría

    Días atrás o concello emitía unha nota de prensa na que mencionaba a casa da ría. A conta diso, e dos comentarios que se fixeron nos xornais, decidín facer unha relación de puntos salientables na historia da casa da ría, que non chegou a ser 'Casa da ría de Ribadeo'. Polo camiño, a nova de non ter localizados dous telescopios.

    A Casa da ría tivo un custe de 55 millóns de pesetas, a prezos actualizados cousa de medio millón de euros de hoxe. A planta baixa conta cun distribuidor que dá á sala de charlas e actividades múltiples, na que hai tamén un mostrador para recepción. O outro grande espazo da planta baixa, a sala de exposicións, ten unha montaxe sobre a ría arredor da columna soporte do telescopio. Dispón tamén a parte baixa de varias divisións interiores que inclúen almacén e servizos. A planta superior, con acceso diferente, está ocupada pola terraza, a dúas alturas, cun observatorio astronómico para acoller o telescopio.

    Foi inaugurada o Día Mundial do Medio Ambiente, en xuño de 2001, con asistencia de Manuel Fraga Iribarne. 

    No 2002 a protección da maquinaria de arrastre para apertura da cúpula do observatorio quedou danada nun temporal, e sen reparación, no 2003 a maquinaria que protexía estaba tocada impedindo a correcta apertura e cerre da cúpula.

    Anos despois quedou de manifesto un problema estrutural que se facía visible nas filtracións de agua. O encharcamento na parte superior por baixo do terrazo e sobre a estrutura deu, e segue a dar, lugar ó nacemento de árbores nas terrazas, tendo eu mesmo arrincado algúns abondo máis altos ca min hai cousa dunha ducia de anos.

    Ente outros avatares, o concello propúxoa como sede da Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón, pero non foi aceptada. Encheuse de pintadas, ten habido algún niño de avespas nas súas contras... e cada vez menos uso e máis necesidade de mantemento.

    En canto ó funcionamento, a casa da ría depende do concello. Por iso, a A.C. Xerfa asinou un convenio co concello no 2001, ampliado no 2003 xa con outro alcalde para instalar alí o telescopio que viña usando de xeito itinerante anos antes da súa construción. O telescopio é un reflector de tipo Newton de focal 1500 mm e diámetro 255 mm, sobre unha montura ecuatorial. Nun episodio que me segue a desconcertar, a instalación levou consigo o pé do telescopio, impedindo o seu uso fóra dela. 

    Conforme á degradación das instalacións foi progresando, fíxose máis difícil o uso, e así, mentres nalgún caso chovía por riba do aparello (o que motivou que comezara a cubrirse cunha lona a pesar de estar baixo cuberto), oxidándose o espello, aínda que para observacións xeralistas seguía a ter un bo aproveitamento, cambiouse a pechadura máis dunha vez sen ter chaves Xerfa, e a larma pasou a mellor vida. Francisco Rivas, xa clave no seu momento para a consecución do telescopio principal, engadiu un telescopio pequeno que gañara un equipo no que participaba a súa filla.

    Nos anos 2000 fixéronse diversas observacións e cursiños de astronomía, a carón doutras actividades máis dispersas e puntuais. Mais, nun momento, o concello optou por un convenio coa Universidade de Santiago polo que, a cambio dun monto económico que só no primeiro ano superou de longo o gastado no tema con anterioridade en Ribadeo, se deron un par de cursiños de verán e realizaron varias observacións astronómicas, sempre no verán, xa no mesmo pobo en condicións de luminosidade máis precarias. O que non se fixera con Xerfa, fíxose cunhas actividades que logo decaeron para pasar a ser sinxela propaganda para uso turístico. Así, Xerfa, que nacera no 1991 para axudar a dinamizar as actividades culturais do daquela Instituto de Formación Profesional de Ribadeo e a inserilo no pobo, quedou pouco a pouco reducida ó nome dunha revista que aínda se segue editando no actual CIFP Porta da Auga, sen conexión xa coa A. C. A Casa da Ría, sen mantemento, sen actividade, pasou a ser unha carga na que tan pronto medraban árbores na súa terraza como servía para acubillo de transgresores humanos ou animais, a pesar dos sucesivos avisos (pódese ver aquí un en particular, e en xeral a historia en Ribadeando ou entre outras actividades en FQRibadeo).

    Polo medio, tentouse amañar a situación, como cando, tendo xa observado que a óptica dos telescopios pouco a pouco ía deteriorándose, e vendo conveniente darlle un repaso e motorizalo, foi pedida unha subvención á Asoc. Puente de los Santos, comandada no 50% polos concellos de Castropol e Ribadeo. Foi denegada porque pretendíase que tiveramos alí alguén de xeito permanente para atender o local (a Casa da Ría, do concello, non só as observacións).

    Ata chegar a hai uns días, cando primeiro se anuncia dende o concello que se vai poñer orde no caos e recuperar a casa e logo se difunde a 'non localización' de dous telescopios. Un suma e segue que non sei onde rematará e que tampouco sei se se reverterá. Un suma e segue no que aparecen testemuñas que aseveran que o dia seguinte á xira, o 7 de agosto, a porta de acceso á terraza estaba aberta e a do observatorio forzada, pero co telescopio dentro, o que puxo en coñecemento da Policía Local por teléfono e da Garda Civil de xeito presencial, levando alí a máis a outra persoa que pode actuar tamén de testemuña.

20240513

Falando do telescopio en Santa Cruz en 2024


Falando do telescopio en Santa Cruz en 2024

    Aló por setembro pasado (2023), o día 10 en Ribadeando e o 16 en La Comarca del Eo, publiquei un artigo titulado 'En relación á casa da ría'. Na Comarca, coincidiu con outro titulado 'El gobierno de Ribadeo busca dos telescopios desaparecidos', entre eles o da A. C. Xerfa, noticia que xa fora dada a coñecer con anterioridade en xornais. No meu artigo facía un resume da historia do telescopio da A.C. Xerfa e a súa relación coa Casa da ría, a instalación do concello de Ribadeo en Santa Cruz, convenio mediante.

    Meses despois coido conveniente facer algunha anotación máis.

    A raíz da nova da desaparición do telescopio da asociación, e a falta de chave e acceso á Casa da ría e á cúpula astronómica da mesma, púxeme en contacto co concello para tentar esclarecer a situación. O caso é que a cousa foise retardando ata que axustei unha xuntanza co alcalde para o 24 de febreiro. Por enfermidade miña, esa xuntanza non puido ser, rematando a espera o sábado 9 de marzo, no que o alcalde, cun operario do concello, un fillo de Calvo Sotelo e eu, nos achegamos á Casa da ría. Visitamos primeiro a parte de abaixo, zona separada da do telescopio, vendo os estragos acumulados nela. E logo, fomos á porta de acceso á parte superior. Tras constatar que estaba aparafusada ó marco como único peche, e non abrila a falta de aparellos o operario do concello, axustei que volvería eu e a abriría. Non foi tan doado: as dimensións e estado do parafuso fixeron que tivera que ir por máis ferramenta que a que inicialmente levaba, pero tras un bo tempo, o parafuso estaba fóra e puiden subir e tomar fotos e vídeo. Nese momento (25 de febreiro) a máis do estado da porta de acceso, un graffiti decoraba as escaleiras, a porta da cúpula estaba tumbada, os dous telescopios pequenos que alí había (cedidos para o seu uso alí despois de ser ganados en un concurso no que participaba a filla de Francisco Rivas) tiñan desaparecido, numerosas baldosas da terraza estafan fóra do seu sitio, de novo había árbores da altura dunha persoa polo medio, e o telescopio encastrado, o da A.C. Xerfa, estaba coa tapa do tubo caída, descuberto da cobertura que se lle puxera no seu momento para evitar que puidera chover sobre el, e desequilibrado. De todo elo informei ó alcalde, quen me comunicou que estaba previsto acometer diversas accións para volver ó seu as instalacións pero non me dixo nada máis sobre a desaparición por el difundida. Naquel momento tamén lle transmitín que, despois das novas e o artigo de setembro, consideraba que, sen présa, debía volver a tratar o tema de xeito público, o que estou a facer.

    O certo é que, aínda ignorante da movida evidente que houbo en setembro, non quedei contento pero si máis tranquilo ó comprobar que o telescopio principal seguía alí en marzo. Volvín a cerrar a porta de acceso á terraza do mesmo xeito que estaba (a da cúpula non se pode cerrar, está esnaquizada), pero dando lubricante para poder operar mellor. Extremo que tamén lle comuniquei á autoridade pois non consideraba nin considero que sexa xeito de cerrar nin aporte algún de seguridade.

    Así as cousas, e logo de falar cun coñecido, volvín a presentarme na Casa da ría este domingo 12 de maio, comprobando que, como se me comunicara, a porta de acceso á terraza estaba aberta. Supostamente mediante un bo golpe, o parafuso seguía chantado, pero a porta estaba esnaquizada nesa zona. A parte superior do edificio estaba tal como a deixei cando entrei a vez pasada e especifiquei máis arriba.

    O conxunto hoxe por hoxe é un completo desastre. Algo que podería estar rendindo cretos a Ribadeo está convertido en ruínas descoidadas, e cara ó verán, de non poñerse os medios para polo menos impedir o paso, só pode empeorar.

20070620

Xerfa


Xerfa é a escume que molla nas rompentes e o nome da revista da que se presentou onte a 16ª edición. Dicía na entrada anterior que me gustara. Na súa portada aparece relacionada unha serie de webs, e a parte da do mesmo IES, nas únicas que aparecen na portada nas que sae relacionado o centro por algún motivo están relacionadas con http://gl.wikipedia.org, a Galipedia, enciclopedia libre en galego que tamén aparece no lateral deste blog e que ten unha entrada abondo extensa adicada a Ribadeo. Por certo, no acto de presentación da revista, tamén se presentou a web do centro, á que este curso se lle deu un bó toque (este edición de Xerfa é a única que non está na web polo momento), e o novedoso sistema que leva por exemplo ás faltas dos fillos ós móbiles dos pais ou ós seus ordenadores.
Voltando a Ribadeo, despois da investidura continúa a política. O alcalde comezou a falar para tentar de conseguir apoios. Primeiro co PP, o segundo partido máis votado. Logo virán os outros. E despois, xa veremos se se chega a algún sitio ou non. Sitio que, de calquera xeito, non pasa por pacto de goberno senón por acordos puntuais. E, esperemos, por consultas ó pobo e escoita da súa voz: o pobo merece ter sido en conta, e aínda que non sempre os gobernantes teñen por que facer todo o que o pobo quere (o anarquismo tampouco é eso; podemos falar outro día), ese telo en conta é necesario para que sexa pobo, e non un conxunto de súbditos.

20090213

O noso medio

    Onte a casa da ría foi visitada por xente da Universidade de Santiago. Non o foi por José Angel Docobo, artífice das relacións no campo da astronomía entre USC e Ribadeo, senón polo Vicerector encargado de relacións institucionais, Elías Torres, o que deu lugar non a cousas concretas, senón máis ben, polo momento, a promesas que se terán que concretar, aínda que Docobo xa deixou dito que este verán estará en marcha o programa / cursiño 'O ceo do Eo', ainda sen ter aclarado o tema de uso do telescopio, que o concello ten aparcado. é dicir, é un tema que seguirá. 
    Por certo, a petición de aclaracións por parte dunha periodista, lembrei algún dato: o telescopio de Sta. Cruz pertence á AC Xerfa, radicada no IES Porta da Auga e fundada nos 90 para acompañar e facilitar as actividades extraescolares no IES, a raíz do impulso dunha serie de xente capitaneada por Álvaro Doural e entre os que me atopaba. Xerfa tipo dende moi cedo unha sección de astronomía, da que formamos parte Alfonso Piñeiro, actual director do IES, e eu. Foi esa sección a que recibiu o telescopio a mediados da década pasada, a partir de subvencións das que se encargou Francisco Rivas, o actual xefe de filas da UPRi. Con posterioridade, a iniciativa do mesmo político, montouse a casa da ría, concebida dende un principio cun apartado con cúpula para abranguer o telescopio, que costaba moito transportar unha e outra vez para as observacións. Neste intre, para soportar sen vibracións ó telescopio, construíuse unha columna que soportara directamente ó telescopio, pero faltaba o engarce para encastralo. Foi solicitado por Paco Rivas que se lle pasara a un taller do porto, Seivane e Barcia, a base para que poideran facer a medición e reproducir as características da base correctamente, co resultado de que o pilar central da base quedou encastrado na obra, e o telescopio quedou sen outro pilar que o da Casa da Ría. Para ser usado na Casa da Ría foi asinado un convenio entre Xerfa e o Concello, básicamente cedendo o concello sitio para que a asociación poidera usar alí o telescopio figurando como actividade patrocinada polo concello. Con posterioridade, engadiuse outro telescopio pequeno, cedido a raíz de ganaren tres alumnas do Colexio Sgdo. Corazón (entre as que se atopaba a filla de F. Rivas) un premio da casa das Ciencias, que consisitu o telescopio e que foi deixado alí en depósito. Os avatares da Casa da Ría pasaron despois pora voladura un día de vento da protección da abertura superior da cúpula do telescopio, o que, ó non ser amañado, provocou en breve tempo que un día de inverno a cúpula non se poidera cerrar despois de ser aberta pola señora da limpeza e que houbera que sacar de alí o telescopio. A avaría tardou varios anos en amañarse, e dende aquela (xa estamos no mandato pasado), a asociación ten pedido chaves pois a comezos do mandato pasado cambiáronse as chaves da casa e non se lle deu copia á Asociación, co que a actividade posterior redúxose a algunha xornada solta no marco das noites activas (a pesares do mal estado da casa polas humidades) e con chaves subministradas pola empresa contratista das mesmas. En fin, coido que podería dicir máis cousas sobre o tema, pero agora mesmo, non.
    O outro tema relacionado co medio natural é en relación á lancha de aduanas, que leva un trimestre sen estar activa por unha avaría que non se repara. E digo, para que se quere un instrumento avariado? Para figurar?

20090826

De todo, no verán e en Ribadeo

O mellor agosto, despois de queixarse dun xullo que coido que non foi malo aínda que os houbera mellores. Ise parece ser o resume do turismo neste verán que aínda non rematou pero no que xa se nota o descenso de xente. As colas na oficina de turismo de Ribadeo son clarificadoras (ver 'overbooking'), aínda que todos saibamos que non se pode contar en catro horas cento vintecatro veces a historia de Ribadeo.
Por outra banda, a oferta de ventas e turística estase a diversificar. As ventas, con feiras de diverso tipo e os domingos con horta á feira de stocks que xa comezou potenciada por ACISA. No turismo, de cabalos a canoas e mesmo música clásica, despois de potenciar as catedrais ata o límite (e posiblemente máis aló do aconsellable). Asemade, van despuntando os clubes locais 'alternativos ó fútbol', como o Altruán de piragüismo, que esta tempada está a facer que non pareza estrano os podios ribadenses por Galicia adiante, como o do pasado domingo en Betanzos.
Asemade, volta a usarse a Casa da ría en Santa Cruz para realizar actividades de astronomía, despois dunha xestión fatal e dun cambio de chaves que deixou fora á Asociación Xerfa, dona do telescopio reflector Newton de 45 cm que alí se aloxa na cúpula. Aínda que por convenio coa USC/Observatorio Ramón Mª Aller, sexa esta entidade e non Xerfa quen esteña a ofrecer os dous cursiños deste mes. Por certo, que o custe de ambos tamén supera longamente o que o concello lle leva dado a Xerfa en toda a súa existencia, incluídos varios cursiños con diploma.
Dentro do cursiño de astronomía, onte a estrela principal foi Xúpiter, (ou na versión castelá, moito máis extensa) cos catro satélites visibles, e con el, o movemento de Ío, que ó longo da relativamente curta observación víuse alonxar do plantea no seu rápido movemento arredor do mesmo, estando ó comezo da mesma visible case como unha protuberancia de Xúpiter, ó que se lle podían observar claramente as franxas.


Mágoa que teñamos cousas como eufemismos ou loitas por saír na foto. Exemplo da primeira: ría "del encuentro" por ría de Ribadeo, de novo nome dun novo taller de emprego que por conciliador que sexa, éo a costa do nome da ría e do galego.
Exemplo da segunda: a Avenida de Luarca, obra en marcha dende comezos do verán, entra no plan E, o dos 1 300€/cartel, que proveñen do goberno central, socialista, e quere capitalizar o PSOE local porque o BNG -din- non lle da abonda propaganda ó tema, a pesares do tamaño do cartel.
Mentres, alguén sabe por que está tapado con plástico por dentro este sumidoiro na rúa Villafranca? (o primeiro que se atopa baixando por Casa Arango)

20210721

Ribadeo e o cultivo de plátanos

Placa conmemorativa da inauguración e árbores na terraza da Casa da ría de Ribadeo

 Ribadeo e o cultivo de plátanos

De todos é sabido: Galicia ten os ceos cubertos de nubes en maior proporción de tempo que outros lugares da península. Iso non impediu que un dos máis fecundos observatorios astronómicos de España tivera o seu asento en Lalín de man de Ramón Mª Aller, ou que o observatorio de Santiago fose o berce de descubrimentos en estrelas variables ou exoplanetas. Institución esta última que tivo algo que ver en xornadas de astronomía celebradas en Ribadeo hai unsanos, xornadas en contrato co concello e que custaron, se non me falla a memoria, preto de millón e medio das antigas pesetas. En Galicia, por contra, non sei de ningunha plantación de plátanos.

Ven a anterior introdución a que a comezos de mes -deixei pasar un tempo prudencial para non intervir en envites varios- atopo unha nova con título ‘Facer un observatorio astronómico en Ribadeo é como querer cultivar plátanos’, frase atribuída ó alcalde de Ribadeo. E claro, en Ribadeo hai (máis ben, había) un observatorio astronómico, e non plátanos. Era un observatorio modesto, cun telescopio da A. C. Xerfa nunha cúpula, a da Casa da Ría de Ribadeo, na que estaba por convenio co concello. A A. C. ten feito diversas actividades alí, de observacións a cursiños (coido que máis dun dos actuais representantes municipais pasou por alí), ata que sucederon dúas cousas: a cúpula comezou a funcionar mal por falta de mantemento e o concello subscribiu convenios coa universidade para facer o mesmo que nós facíamos con máis ‘nome’ e moitos máis cartos. Iso si, xa non usaron a cúpula co telescopio porque atraía máis xente o facer as observacións en plena praza de España (coido que con abondo peores condicións de observación que en Sta. Cruz).

Non pretendo aquí facer unha historia pormenorizada de todo o asunto nin entrar en filias e fobias (por exemplo, notarase que evitei poñer con quen se asinou o convenio para ter o telescopio alí ou cando se foi descoidando o funcionamento da cúpula), pero coido que, para ter unha visión algo máis completa, si se necesitan aínda algúns poucos datos máis.

A A.C. Xerfa foi creada para dinamizar as actividades extraescolares do daquela IES Porta da Auga, cousa á que no seu momento contribuíu, e abriu a Ribadeo actividades como as observacións astronómicas. O telescopio, bo para afeccionados, pero modesto para outros mesteres, ó ser construída a casa da ría (segue sen chamarse ‘casa da ría de Ribadeo’, pois ata o de agora enténdese ben) pasou de ser itinerante a ter sede alí, pero cun gran contratempo: para que encaixase, pedíusenos o sistema de anclaxe a terra. E aló foi e non volveu. Tempo despois de ser reclamado, decatámonos de que empregaran o tubo para encastralo na súa situación actual... co que non se pode usar noutro lugar, en contra do que se viña facendo, desprazalo segundo as circunstancias. Algo a engadir á dificultade de entrar tras ser cambiada a chave unha e outra vez, filtracións de auga, etc.

Como a óptica dos telescopios pouco a pouco deteriórase (a máis de que xa non abra a cúpula), para darlle un repaso e motorizalo, no seu momento foi pedida unha subvención á Asoc. Puente de los Santos. Foi denegada porque pretendíase que tiveramos alí alguén de xeito permanente para atender o local (non as observacións). Iso, cando ningún dos que manexábamos o tema estabamos a soldo do asociación, que case non contaba con entradas de cartos, e tendo pasado por alí pasaran varias persoas con becas ou contratos da Xunta, a veces a pares, pero por curtas tempadas, sen ter ‘dinamizado’ nin o ‘espazo museístico’ asociado nin outra cousa. Foi por aquelas datas cando se concederon subvencións como a concedida para a plantación de froitos silvestres, cuncha contía abondo superior á que era pedida por nós e que evaporouse sen chegar a plantarse nunha finca que fora arrendada ós Irmandiños.

En fin, na xa non tan curta historia dunha Casa da ría (inaugurada por Fraga o 5 de xuño de 2001), que é algo máis que a sede do telescopio, pódense anotar moitos máis detalles e con moito máis detalle. Só pretendo subliñar a valía en Ribadeo dun instrumento que levou tras si a non poucos turistas e nativos para un primeiro contacto co ceo nocturno, por moito que o seu estado actual diste de ser óptimo a pesar da fronda que se cultiva na terraza adxunta (que xa non é de primeira xeración, pois foi arrincada por min algunha vez).

Unha anécdota para rematar. Na inauguración, Fraga tirou escaleiras arriba e podo dicir que cheguei canda el por estar en forma, pois o resto da comitiva viña uns chanzos por tras. Nada máis chegar, preguntoume: e onde puliron as lentes? Contesteille que non o sabía (é un telescopio industrial, non feito ex profeso) por non enmendarlle a plana: é un telescopio tipo Newton, a óptica principal é un espello, non unha lente.

--

Xerfa en FQRibadeo.

20190328

Casa da Ría e Eleccións (locais)

 Casa da Ría de Ribadeo
Comezan as imprecisións (imos comezar por verbas suaves aínda que non sexan exactas) para facerse oco na campaña local cara as eleccións de dentro de dous meses, eleccións locais de maio de 2019.
O de 'comezan' é un dicir, pois de diferentes xeitos xa levan tempo rondando diversas novas, informacións, notas de prensa, etc que constitúen exemplos de precampaña ou mesmo campaña contínua.
Pero voltemos ó título. Agora (hoxe, xoves 28 de marzo, no xornal) di o PP de Ribadeo que eles van a usar o telescopio da Casa da Ría. Noutro momento, con seguridade veremos outras afirmacións de grupos variados (algunhas xa se produciron) pero hoxe, tocoulle a esta, non por ser especialmente importante, senón por estar no lugar e momento oportunos para poder tomar algunha nota.
En primeiro lugar, habería que formular ben a idea da que se trata. É dicir, que (supoño) se propoñen activar o observatorio, promover o uso do telescopio, actuar para que funcione... pero iso sería algo así como facer unha emenda á totalidade, pois non se trata de que (eles) o usen.
Evidentemente hai un fondo na cuestión: nestes momentos, hai un edificio desaproveitado e mal mantido. E diversos puntos nos que se podería incidir (e que non saíron na nova que vin) como as lembranzas dos sucesivos fallos do peche da cúpula e o seu por que, a existencia dun avispeiro entre a contra e o cristal dunha das fiestras do edificio (e o seu por que) ou o medre de árbores da terraza (e tamén o seu por que).
A máis, non se ten en conta algo necesario para clarificar o debate: o telescopio non é do concello. É dunha asociación, Xerfa, que ten un convenio co concello, aínda que agora tampouco esteña en condicións de facer que o concello cumpra coa súa parte.
Lembrando algunha cousa de cando Xerfa tiña máis actividade, negóuselle por parte da Asociación Puente de los Santos unha subvención para modernizar o telescopio e dar un impulso ó seu uso. O motivo que se barallou na xuntanza correspondente da directiva (na que entre o concello de Ribadeo e o de Castropol tiñan o 50% dos votos), segundo trascendeu, foi que a asociación tería que contratar unha persoa para estar alí e manter unha actividade de xeito continuado. Para unha asociación cunltural que nunca tivo ninguén a soldo nin cartos para telo, que organizaba actividades gratuítas, coido que é moito pedir. E máis aínda por parte unha entidade encabezada polo concello e que xestionaba os cartos do plan Leader, e que invertiu nalgún caso abondos miles de euros nun negocio con ánimo de lucro sen producir nin o primeiro e con abandono dos medios de produción (véxase o sucedido con Un puente a tu salud 2.0)
Por outra banda, xa en lugares como o programa de UPRI no 2007 aparecía algo abondo mellor artellado nunha soa frase (ver punto 2 de 'educación e cultura').
Non é unha desculpa, senón unha constatación, que o convenio non funciona dende hai tempo. Pero existe. Polo tanto, que un partido fale sen telo en conta é falar sen base. En principio, o que habería que facer sería poñerse en contacto con esa asociación para estudar a situación e reconducir o uso do espazo. Ou sexa, falar en serio, con resultado de propostas e papeis, antes de dar que falar nos medios e fóra deles para a galería.
-
Sobre a Casa da Ría no blog.

20081217

De novo, mércores


De novo, sen mercado: así o anunciaron os vendedores, a pesares de que o concello di que si hai xente disposta a instalarse. O que me parece claro é o que xa dixen sobre o tema: se veñen comerciantes e non se poñen, dubido que haxa outros que si o faga, pois non é unha folga de traballadores móbiles sen recursos propios, e polo tanto poden perder máis que nunha folga normal de traballadores por conta allea. De calquera xeito, hoxe está a chover, o que complicará máis a cousa, a parte de que a xente, avisada, tampouco encherá o lugar. E a protección que reclamou o alcalde? Pode que veña, pero dubido que esteña toda a mañá dende primeira hora lista, e iso sería peor. En breve saberase se se pon alguén ou non. Posiblemente tarde máis en saberse se Ribadeo se queda sen mercado no futuro, cousa que esperemos que non ocorra.
Mentras, a web do concello parece seguir de folga de novas (a iste paso, aínda hei resucitar o blog de novas do concello, aínda que nese caso improbable, habería que facer unha reflexión previa e lixeiro cambio de orientación). Por iso non temos a traverso dela noticias nin da folga de comerciantes nin da inclusión de Ribadeo no grupo de núcleos de núcleos piloto de sostebilidade de Galicia. Respecto a isto último, o que parece que vai supoñer polo momento vai ser o ver a piscina co tellado sementado de paneis solares. No futuro, máis, pero irase sentindo pouco a pouco o efecto dos 200 000€ en tres anos, valor da subvención.
A falta de fotos da última volta dada á fonte do xardín, ó inicio da obra dun edificio fronte ó vello cine teatro (si, esa valla que varias veces retratei), do case final da rúa Calvo Sotelo, ... deixo unha foto con xerfa saltando por riba das rochas, auga que oculta neste caso a Illa Pancha, mentras deixa libre a punta da Cruz, á dereita.
Claro que, en xeral, as fotos que saco non poden competir con ojutras, como as que me enviaron hoxe do temporal de marzo deste ano no Cantábrico, das que poñerei algunha en entrada aparte (non hai ningunha de Ribadeo)

20071109

Novas internas



Hoxe as novas teñen para min certo aire de 'internas'. Unha delas, o paseo organizado polo Tesón ó Castro das Grobas, xa ten post. Outra é a da presentación da Feira da Ciencia deste ano, segunda parte, que terá lugar o 14 e o 15 deste mes, e que corresponde á seguinte nota de prensa:

Resume de datos sobre a feira de ciencia:

Organizan:

IES Porta da Auga + Asociación Cultural Xerfa

Subvencionan:

Semana da Ciencia + Ano da ciencia 2007 + Dir. Xeral de investigación, desenvolvemento e innovación Xunta Galicia (prog. Diverciencia)

Data, lugar e hora:

IES Porta da Auga, Ribadeo

14 e 15 de novembro

16-20h.

Traballos previstos:

Cogomelos (exposición previa, 7-9 nov.)

Convección

Aceleracións inerciais

Timbre salgado

Variables dos tornados

Depósitos fluviais

Tensión superficial

O motor eléctrico máis sinxelo

O punto cego

Flota ou mergúllese?

Estudo da dilatación dos metais

Experiencias con nitróxeno

Mesa de billar trucada

Dermatoglifos

Modelos xeolóxicos

A idade dos peixes

Diafragma: músculo respiratorio

O baile dos confites

O globo faquir

Participantes:

Diversos alumnos do centro

Obxectivos:

Extender a comprensión e o interese pola ciencia

--
Claro que non son as únicas noticias: O concello ten preparados os orzamentos, que representan un 18% máis de gasto de persoal, que representan máis do 42%. A distribución orzamentaria sempre é interesante.
Asemade, vai a haber reformas no Parque de san Francisco, que en relación a outras, diría que son 'de lavado de cara', aínda que se notarán por parte de quenes camiñamos por el, pois vai dirixido en parte á calzada destrozada da antiga estrada. Por certo, inclúen a retirada dun monumento da época de Franco.

20100806

O ceo de noite, o ceo de día. Xornadas sobre astronomía en Ribadeo

O ceo de noite, o ceo de día.
Celebraránse dúas sesións, de duración estimada 2h cada unha, en colaboración coa A.C. Xerfa.
10/08/2010 ás 22:00 horas, na Casa da ría de Ribadeo
O ceo de estrelas en agosto. A cargo de Alfonso Piñeiro
Material: Poden traerse prismáticos, telescopios ou planisferios celestes.
11/08/2010 ás 10:00 horas, no reloxio de Sol do cargadoiro
Os movementos de sol de Terra. Reloxios de sol. A cargo de Antonio Gregorio
Poden traerse filtros de soldadura, espellos, ...
Nota: se o tempo está nuboso, a sesión correspondente será reducida.
Recollido do blog Física e Química en Ribadeo

20070512

Promesas

Unha entrada anterior do blog sobre un tema relacionado titulábaa 'parole, parole', como a canción de tamén hai tempo. E é que en campaña (mesmo fóra dela) moitos políticos non se privan de parolar a ver quen di máis (o de facer, antes ou despois, eso xa é outra cousa). Hoxe o título dunha nova está moi claro: ´UPRI «promete» en Ribadeo un planetario, una escuela náutica en Aduanas y una Comisaría. Nun momento no que a Casa da Ría está sen funcionar, no que a asociación Xerfa, a que leva as actividades de astronomía pediu hai máis dun ano as chaves para entrar e obtivo a calada por resposta, no que están a amañar o edificio que ocupaba a antiga escola de náutica (non sei aínda para que fin), mentras a aduana segue a caerse en pedazos, a pesares do plan para recuperala o concello a raíz dunha lei que causou polémica polo desenvolvemento en relación ás casas vellas do casco antigo de Ribadeo (que logo, parece que non se puxo en marcha), nun momento en que se pide máis Guardia Civil porque non chega en toda a costa e máis ben parece que se reducen servizos, ... a proposta non parece mala. Levala a cabo, eso xa é outra cousa.
O anterior lémbrame que sei que xa hai por aí algúns folletos cos programas eleitorais resumidos, pero aínda non caeu nas miñas mans ningún para poñelo en 'Ribadeo historia' xunto cos das anteriores municipais. Polo momento, respecto ó tema, só me queda pedir ó PSOE que se pensen o seu lema, que é algo así como 'faremos máis por Ribadeo', pois se van a seguir facendo máis do mesmo, mellor que se queden de brazos cruzados (posiblemente non en todo, pero non se me ocorre agora no que poderían seguir...)
Mentras que se pide que os castros do noroeste da península sexan patrimonio europeo, pregúntome se eso vai abranguer a tódolos castros, coido que milleiros, e por que non se vai comezando a facer algo máis nas Grobas. En relación a este castro, o último, pediuse por parte da Asociación de Veciños O Tesón a realización dun díptico para a súa promoción, poñendo o interior a Delegación Provincial de Cultura e as poucos cartos necesarios para a realización material a Delegación Municipal de Cultura, e unha volta asentido polas dúas partes, púxose a ambas en contacto hai dúas semanas, a ver se sae.
Teño que pasar polo depósito que se está a recuperar para a auga en Folgosa. Segundo a prensa ten un millón de litros, o que faría 10m de largo por outros 10 de ancho por 10 de fondo (ou 25x20x2), o que xa é un depósito importante...
As outra novas son menores: Cao acusa a Vacas de novo de mentir (pero a cousa aínda non vai ó xulgado por ningunha das dúas partes), Andina di que votará en contra do recurso á exposición do PXOM (podería facer outra cousa?) e Acuinor (Cascos) di que ten dereito a construír a planta de peixes de Meirengos, despois de lanzar o agradecemento á asociación de veciños de Rinlo e dicindo que afectas ó 0,066% do LIC. Por certo, segundo os datos de Cascos, e se non me saen al as contas, o LIC das catedrais tería unha extensión mínima de máis de 60km2, é dicir, 2/3 da extensión do municipio, co que parece que esas verbas son froito de alucinacións, teatro ou mentira. Así, non me extrana que José Mª se pregunte que facer co voto...

20081229

José Luis Trashorras Méndez


Non se me dan ben as necrolóxicas.
Coido que se pode dicir del que era unha boa persoa.
Pero así non se lle fai xustiza para ter unha semblanza, necesaria para a súa lembranza ata o 28 de decembro de 2008 dende o seu nacemento en Meira. Fomos compañeiros varios anos no IES Porta da Auga, ata a súa xubilación no 2004, provinte do C.P.Gregorio Sanz (do que saiu no 1987 para dirixir en Comisión de servizos o daquela recén criado Centro de Adultos) e doutros centros máis pequenos en lugares diversos da xeografía galega.
Ten publicado "El Camino de Santiago", con D.L. no 2004, obra en verso e en castelán (como corresponde á súa especialidade) sobre o tema.
Tiña 64 anos.
Foi alcalde de Ribadeo dende marzo de 1985 ata o 1987 con maioría absoluta de AP, e en recoñecemento a ese feito as bandeiras están a media asta no concello. Á fronte da alcaldía promoveu o premio literario 'diadema de Ribadeo', que leva homenaxeado a varias xeracións de estudantes e visto nacer e medrar o interese de estudantes pola literatura.
En Ribadeo, ten sido pregoeiro do antroido (ver o seu pregón no ano 1998) e tamén das festas patroais no ano 2000. Asemade, no 2001, e xa como fillo predilecto de Meira, foi o pregoeiro na súa terra.
Ten participado no Consello da Caixa Rural Provincial, sendo secretario Xeral da Caixa Rural Galega.
A imaxe á beira é un pequeno artigo seu para a revista escolar 'Xerfa' para honrar a compañeiros no IES xubilados no 2002, xubilación que cando lle tocou a el o turno puido desfrutar pouco tempo.

20070619

Comezou a nova etapa

... no consistorio ribadense. Non se presenta unha etapa doada. Se ó comezo das negociacións eran outras as cousas a atender, agora van polo mesmo mantemento de forzas no equipo de goberno nun mandato que pode resultar extremadamente longo. Despois de non apoiar ó BNG o sábado (o PSOE), pode pasar calquera cousa, como que non lle sexa outorgada a dedicación exclusiva ó alcalde, o que despois de anos de alcaldes adicados ó concello en exclusica sería algo non moi ben visto polos veciños, incomprensible e nun primeiro momento alomenos achacando a responsabilidade ós grupos de oposición. O novo alcalde fala de pactos puntuais. Gobernando en minoría, non quedará outro remedio.
En fin, hoxe preséntase a nova revista Xerfa no IES Porta da Auga, e na súa portada levei unha pequena alegría. Mañá conto. Mentras, a ver se me paso polo concello hoxe...
Por certo, recollo unha nova de 'El País' que coido que ven a conto coas actitudes no concello. Pode ser un exercicio mental substituír palabras como "persoas", "partidos" e "concello de Ribadeo" no titular: "El genoma humano no es como se creía. Los genes no son independientes y el ADN 'basura' tiene funciones, según un estudio". Encaixa o crebacabezas?

20090127

Continuamos

... quedabamos na anterior entrada no pleno do luns pasado, no punto correspondente ó Grupo de Acción Costeira. Resulta que, despois de estar coleando o tema por asociacións diversas (chegou información/propaganda por exemplo á A.C. Xerfa de Ribadeo) ó longo de todo o trimestre pasado, introdúcese o punto con urxencia. A cuestión era básicamente o estar no grupo e os representantes a nomear, xunto coa facultade para realizar os trámites correspondentes. Respecto ó estar, todo o mundo pareceu de acordo, aínda que houbo un pequeno galimatías coa introducción, o estar dacordo con ela, e o estar dacordo coas propostas relativas incluídas nela. A cousa dos representantes foi a curiosa, pois comezou o alcalde dicindo algo así como que tiña unha proposta, pero como sabía que a ía botar abaixo a oposición, entón non a presentaba.
Ó final quedaron dúas propostas sobre a mesa, asumindo unha que o representante titular sería o alcalde e o suplente o portavoz da oposición, que saíu adiante con 8 votos e 5 abstencións, fronte á proposta de UPRi que plantexaba unha alternancia no posto entre PP e PSOE, e que votaron a favor os membros desa formación, con 7 abstencións e 4 en contra. Para min foi unha moción divertida dende o comezo, co xeito de introducción á présa para non quedar fóra o concello dunha asociación que implica o administrar algún carto europeo (aínda que non direitamente para o propio concello)
O punto 10º tamén foi introducido de urxencia a petición do PSOE. Unha proposta do PSOE pasada xa por entrada o 14 de novembro para que se desbroce máis o talude da atalaia para ver se hai máis muralla. Evidentemente, non houbo discusión, máxime cando paga Costas, e aínda que hai outras propostas anteriores doutros grupos sen pasar aínda polo pleno. Chama a atención que se lembren agora da muralla cando xa se sabe que alí hai máis muralla, non importou o da muralla para a proposta do ascensor que se construirá ou cando algunha parte da mesma muralla na rúa que leva o seu nome foi maltratada na época de gobernanza do partido propoñente (ver, por exemplo, 'abre a muralla', 'o día despois' ou 'Ribadeo, novas e obras'). Tamén se ve claramente a urxencia do punto...
O último punto, rogos e preguntas, foi longo. Quedareime só con algunha das feitas:
Ingresos por ocupación de espazos públicos? 93 623 € no 2008, sen especificar se foron debido a terrazas, obras, ... ou a todo en conxunto.
Licenza de mármores e Granitos Eo? Afectada por unha sentenza por molestias ós viciños, nada escoitei de modificacións próximas. Si se está a facer un seguemento do tema, con 13 informes de control no 2008, entendendo feitos de motu propio polo concello. Unha nota persoal: se non entendín mal, evidentemente hai clases e clases de consideracións das diversas actividades por parte do concello, como se pode ver polos 13 informes neste caso.
Antena en Sta. Cruz. Quedou no tapete o ver se ten licenza ou non, e a petición de que se peche para que non se poda acceder a ela.
Obras no parque de Indianos: están rematadas, esperando pola inauguración do conselleiro (como deixei reseñado, xa está aberto)
Retraso na finalización das obras en r/Calvo Sotelo: 'choveu'
Sentenza de derribo non aplicada aínda: Estase movendo: o alcalde está ameazado de ser encuasado polo penal se non se executa. (ver http://ribadeando.blogspot.com/2008_04_01_archive.html ou http://ribadeando.blogspot.com/2007/05/rolda-de-prensa-sobre-o-urbanismo-do.html por exemplo)
Onde está o vello camión do lixo? No punto limpo dado de baixa.
Que medidas se tomaron en relación do derrumbe de Rochas Brancas? Non é tema municipal, aínda que se está sobre elo; contactouse coa delegación de costas e con TRAGSA.
Liña de alta tensión nobva? Deben estar a piques de entregar o trazado en industria.
Solucións para a xente que ven de fóra e non ten disco de aparcamento e non saben onde conseguilo.
Funcionamento do mexadoiro de king kong? A falta do boletín de enganche.
E, xa fóra do pleno, a contestación ás preguntas de O Tesón:
Non hai problema polo regulamento de participación cidadá. A cantidade de traballo impeiuno ata o momento.
Xardín e parque: foron respondidas preguntas semellantes a grupos políticos no úlñtimo punto da orde do día.
Carpas no parque: non existe lugar alternativo que o alcalde saiba, e é cousa de poñelas onde se vexa, non no porto. sobre o tema dos destrozos causados por elas no parque non se contesotu ren.
Mercado: Non se ten pensado cambiar o mercado de sitio, se ben se pensa nunha ampliación por R. gonzález e Reinante, ata o límite que o permita o deixar libre a entrada dos garaxes.

20090212

Electricidade, custo e distribución

Pódese entender que unha facturación sexa mensual con estimacións un mes e medidas outro? O que hai é unha tomadura de pelo na que non se quere aumentar persoal para cubrir postos a pesar das reformas legais. Begasa viña facturando cada dous meses. Agora ten que facelo cada mes. E para adaptarse non se lle ocorreu mellor idea. Pois me parece que recibirá paous, porque para facer a duplicación de facturas fai falla algo máis que imaxinación. As estimacións non teñen por que coincidir coa lectura real, e se ben haberá algún caso no que o consumidor saia ganando, tamén haberá outros nos que o cobro realizado en xaneiro non será amortecido máis, por resolución do contrato, por exemplo, ou tarde moito en amortecerse, por estimar o consumo de novembro-decembro e quedar só a liña sen consumo en xaneiro. Dous casos que xustifican que as cousas se fagan doutro xeito.
Mentras, por Ribadeo, algunhas cousas estánse a facer doutro xeito. Unha, un novo barco de Gondán retorna a Ribadeo. A lectura podería ser 'Cando as circunstancias apretan, non valen os nacionalismos', pois o peirao das Figueiras, ise construído sen considerar a lexislación sobre medio ambiente segundo os ecoloxistas, sufriu danos e non está en condicións nestes momentos de atender o barco. E apremiaba darlle saída: xa hai outro botado.
Outra, despois de tempo, os comerciantes do mercado reúnense co alcalde. Por certo, que me din (non o vin na prensa) que se queixaban do Presidente de O Tesón pola súa postura en relación ó mercado. O certo é que coido que, despois da negativa da oposición, a cousa pode situarse en breve en camiño de solución, tendo conta ademáis que hai un debilitamento evidente entre os mercaderes, como era previsible e dixen no blog hai tempo: abonda comparar o que recolle a prensa agora e o que recollía hai un par de semanas.
E outra máis. Hoxe vai a visitar a casa da Ría un representante da Universidade de Santiago para logo asinar un convenio para o seu uso. Resulta que visitarán o telescopio e atoparanse con que non ten oculares... entre outras cousas, porque nin telescopio nin oculares son do concello. Mentras, parece que a pesares dun convenio entre Xerfa, a asociación dona do telescopio, e o concello, a primeira agora mesmo non pinta nada e o concello pode levarse unha sorpresa.

20060827

Astronomía fóra de Ribadeo (se fora gastronomía...)

Cavilei na astronomía ó repasar unha vella Comarca, de hai 6 meses, que daba nova da reparación da Casa da Ría de Ribadeo. Por aqueles días pedín a chave para a asociación de astronomía de Xerfa, e aínda estamos esperando para poder usar o telescopio. En fin, algún día (posiblemente) o telescopio voltará funcionar como corresponde.
E eso levoume a dúas nova astronómicas que se comentan estes días no mundo, pero que por aquí por Ribadeo non aparecen. A primeira, a desclasificación como planeta de Plutón. Sinxelamente, cambiou un pouco o criterio polo descubrimento de novos corpos semellantes a el que polo tanto, non encadran na imaxe típica do resto dos planetas. E é que Plutón foi clasificado como planeta un pouco para que non quedara só nunha categoría a parte, pois é a) abondo máis pequeno que calquera outro planeta b) cun satélite, Caronte, que é único no sistema solar porque é pouco menor que a metade do 'planeta' c) ten unha órbita cunha excentricidade moito maior que calquera outro dos planetas, de xeito que aprte do seu 'ano' está máis achegado ó Sol que Neptuno, etc.
A terceira cousa é que dende hai 3 anos, no que Venus por estas datas estivo máis próximo á Terra en moito tempo, repítese o tema de anunciar vía correo electrónico (nun típico 'hoax' ou anuncio mentireiro) o mesmo tema para o ano en curso. Total, nada.
O único, aínda a ollo nú, se hai un día (unha noite) despexado, mira arriba un cacho nun lugar onde non haxa luz achegada. Canto máis mires, gustaráte máis. E deixarás de cavilar en cousas máis terreas por ese cacho. Paga a pena, e queda un máis despexado apra pensar despois nesas cosuas máis terreas e máis do momento.

20060808

Máis xira






A xira de Santa Cruz leva varias entradas adicadas no blog. Esta é outra. Pretendía facer fotos de cómo quedara Santa cruz despois da xira, e leveime unha sorpresa de como estaba quedando: outros anos, tempo despois quedaba lixo por todas as beiras, e este estaba abondo recollido. Din que este ano había menos xente que outros pasados, e esa podería ser unha razón, pero (a falta de comprobación do que digo a continuación) prefiro creer que a xente se está a voltar máis cívica e que a recollida está mellor organizada.
Certo qeu quedaban cousas sen recoller, pero serían as equivalentes a calquera outro día, e un lugar onde vai moita xente, é dficil recollelo ben se está no medio do campo... unha mostra de como quedou é o contedor de lixo, cheo, e detrás del, apilados máis ou menos, bancos e mesas, das que aínda había distribuídas pola zona unhas cantas. Tamén quedaba algunha 'tenda', algún obxecto perdido como a vaquiña que serviría para xogar con ela cos demáis a xente non tan pequena, ... E hai cousas que non cambiaron coa xira: o abandono da fonte ou a cerrazón da casa da ría e o desuso da cúpula da que en 'xerfa' seguimos sen ter chaves apra poder usala co telescopio.

20060407

Porto seco en seco


Despois de lograr a ampliación de Mirasol (en canto a superficie, non esquezamos que resultou un recorte en lonxitude de peirao), aparece de novo o tema do porto seco no polígono (co que un se pregunta cal era o obxectivo de dispor dunha maior superficie no peirao) ó tempo que se auncia un retraso de un ano na circunvalación, o que o porto seco, aínda non decidido, está un ano máis en seco. Un ano porque ese se anuncia vai ser o retraso da circunvalación. Parece evicente que as infrastructuras en ribadeo están gafadas. casos como o da piscina, que entrou en funcionamento a primeira fase no tempo acordado, son extranos. Así, dicíase que a Pasarón y Lastra e San Francisco estarían en funcionamento en Semana Santa, e, a non ser unha miragre, a procesión irá por unha rúa en obras, testemuña unha vez máis do retraso endémico das obras en infrastructuras (ou melloras ou mantemento das mesmas) que falo. resulta curioso a rapidez coa que se move, en contrapartida, a xestión de urbanizacións, se ben agora mesmo aprece que dende santiago están tomando cartas no asunto e o tema está parado. vamos, que costa creelo.

Hoxe remata a XII Feira da Ciencia e Tecnoloxía. Despois de ter controlado o crecemento e o número de visitas, a feira parece ter unha dimensión máis apropiada para a aprendizaxe das ciencias, que o principal motivo da mesma e do que nos felicitamos.
E, mentras nós tentamos de poñer coto na feira a unha expansión que podería ser nociva, chega ás máns outra nova, esta de Boiro que incide en algo normativizado aquí e que se quere desregular ou variar: a situación dos locais de copas. Tras un tira e afloxa, están facendo unha normativa que implica unha separación de 50 m. entre locais, se ben especifica que a separación non terá efecto para os locais con licenza de bar. Tamén será efectuado un seguemento de nivel sonoro a distancia.
--
... un artigo do meu vello sitio web 'o recuncho da lectura' en relación co ensino, publicado en 'Xerfa', a revista do IES Porta da Auga, en 2003:

Educación, ¿medio ou fin?

A educación é un proceso. Non un procedemento totalmente establecido, senón actividades que van tratando de adaptarse ó "sistema complexo adaptativo"1 que é o ser humano.

A primeira distinción a facer neste artigo é entre aqueles que pensan que educar significa só seguir unhas normas e outros, entre os que me atopo, para os que educar significa máis ben comprender as normas para saber cándo se debe aplicalas e cándo e cómo saltalas.

Nembargantes a distinción anterior, o sistema educativo ten como fin a educación. E como tal, instrúe ou sinala procedementos para lograla. Neste sentido, a educación é un fin, o fin do sistema educativo. É dicir, coa perspectiva do "sistema educativo", a educación é un fin, non un medio: pasa a ser "unha" educación, a que pretende o sistema e di ofertar os "clientes-alumnos", en troques de ser "a" educación, sen apelidos ou calificativos. Se collemos un retazo da educación que se pretende (que pretende o sistema), por exemplo, a chamada educación para a paz, o medio educativo vése limitado por o fin que se pretende, aínda que sexa unha meta en principio de alto nivel chamémoslle ético, que neste caso poderiamos sinalar como a xestión da paz. O mesmo ocorre con calquera outra parte de calquera lexislación educativa2, como a educación medioambiental, que sería un medio para lograr que a persoa se integre nun medio ambiente equilibrado. En tódolos casos atopamos que se poñen primeiro os fins e logo fálase dos medios para logralos.

O caso é que o poñer fins implica unha reducción do número de posibles vías educativasdo. E hai que engadir que os fins do sistema son postos por persoas, se non bastara que non se concretan ben a partir de abstraccións como a "educación" da ser humano. É por eso polo que temos as "educacións para" que caracterizan as leis educativas vixentes. Ou sexa, a educación utilitarista. Deste xeito, a dirección educativa pasa a ser legalmente sinónimo de educación, e a educación, de ser un medio para o desenvolvemento persoal pasa a ser dirixida a medio para formación dalgún xeito particular, sexa a adquisición de habilidades para poñer unha lámpada ou a formación de ideas axeitadas ó que o pensamento de quen dirixe o sistema cree convinte.

De calquera xeito, a educación é perigosa. O é para quen a recibe, pois pode resultar perxudicado para toda a súa vida posterior. Tamén para quen quere aproveitarse dela, pois o ser educado pode permitir á xente liberarse de quen quere unha "educación á medida"3. É un medio, (segue a ser un medio aínda que o sistema educativo poda considerala como un obxectivo determinado) e como tal, encamiñable para un ou outro fin segundo o uso que se lle de. Pero tamén é un medio perigoso porque non é doado separar totalmente unha boa "educación para" da sinxela "educación", porque é necesaria unha interrelación múltiple para poder educar para ou adestrar. Así, cando se forma a alguén, tamén se lle está dando a base para pensar de xeito independente, e de aí á crítica da educación dirixida ou do sistema que a soporta só hai un paso. Un paso que por desgracia algunha xente non da, pero por sorte outra moita si.

Así, educación, ¿problema ou solución? Problema e tamén solución.

Medio, non fin. Como tal é usable e dirixible políticamente ou económicamente, entre outras posibilidades e como mostras de cousas que poden dirixir o rumbo educativo pero tamén admiten unha imposición de dirección. É dicir, é algo que está dirixido e imposto, do mesmo xeito que está dirixida a economía e tamén a política, pero incluíndo estas dúas actividades como posibles directoras da educación, logo supeditada a elas. E non vexo claro que sen variar suficientemente o sistema social actual (é dicir, sen unha revolución) se poda variar este estado de cousas dun xeito significativo.

¿Podemos os educadores deixar de transmitir un sistema social para educar "a secas"? É unha pregunta máis que nos podemos formular á beira desa outra que inquire sobor da posibilidade educativa dos maestros fronte á televisión, por exemplo. Unha pregunta que se vai facendo máis importante a medida que a sociedade se tecnifica e permite incrementar a posibilidade de dominio. Unha pregunta que só admite a resposta no día a día, intentándoo.

Prantexar preguntas-problema, non solucións. As solucións hai veces, a maioría, que son particulares e non xeralizables, e outras son circunstanciais, non chegan a ser particulares. Así, un problema pode ter moitas solucións diferentes, valorables tamén de xeito diverso e polo tanto "boas" ou "malas" segundo as circunstancias do problema e perspectivas de quen busca a solución. Pero sempre, para tratar de solucionar un problema, hai que ser consciente da súa existencia.

----

Chega o punto de rematar para non liar máis (aínda) a quen tivo a consideración de chegar ata aquí. Pero non me podo quitar do medio dúas frases a relacionar co tema e que pretendía meter no texto anterior do artigo, para o que necesitaría que fora abondo máis longo.

A primeira, atribuída a Sta. Teresa de Xesús, "la paciencia todo lo alcanza" incita á perseverancia, que non a ser teimudo; é dicir, a usar conscientemente os nosos medios (poñamos a educación, por exemplo) ata o final para conseguir os mellores fins (xa sexa a paz, un medio ambiente limpo ou outras moitas cousas).

A segunda, "gostábanme as películas de indios ata que me decatei que eu era o indio" provén dunha entrevista a un escritor sudafricano negro; creo que ese feito explica o seu significado máis que moitas aclaracións. Pero, por si acaso, un complemento: ¿a quen non lle gusta ser o triunfador nun mundo onde hai triunfadores e perdedores? Mais cando hai moitos máis perdedores que triunfadores, a perspectiva pode variar moito, en particular cando notas que os vaqueiros cos que te identificabas como "bó" son na realidade os que te están a tratar como indio e están dicíndote que és "malo". De aí a consideración da cita en relación coa educación e os medios educativos nun sistema social non igualitario4 e que orientado á masa e non ó individuo5, en contra dos principios educativos que din que se pretendes educar a un conxunto de persoas e tratas a todas como a unha "media", en realidade non estás a educar a ninguén.

Antonio Gregorio Montes

Nota final: se alguén non comprende, ou está en desacordo, o autor terá moito gusto en dialogar sobre o tema.

1Ver "El Quark y el Jaguar", de Murray Gell-Mann, un libro sobre Física e outras cousas.

2En calquera lexislación educativa, non só aquí.

3Á medida dos seus intereses, por exemplo para formar os intereses dos educandos.

4¿Acaso alguén cre que o sistema educativo actual é igualitario?

5Ortega y Gasset descubriu as masas ó mundo, pero nalgúns sentidos o concepto variou moito no tempo ata hoxe.

20050927

De urbanismo e consecuencias

Hoxe recibín a nova de que o Concello de Ribadeo saca unha ordenanza na que obrigará ós propietarios de inmuebles no casco antigo a facer una revisión (pagada por eles) e despois a obra correspondente se é convinte (pagada ata un 85% cun máximo de importe duns 500€). Tamén leín que segundo parece as constructoras que fixeron cartos destrozando a costa do sol estanse mudando a esta zona, algo que xa supoñía por como se está a mover o mercado de terras e inmobiliario por aquí. Por último, Le Monde informa da dificultade que entrañou un laborioso proceso para que os vellos propietarios de pequenas vivendas ocupadas tamén de vello polos mesmos na illa de Re foran eximidos de pago de contribución ó ser confundidos por ricachóns con propiedades nunha zona de Francia na que a especulación turístico-inmobiliaria está polas nubes. Xuntemos todo eso e pensemos: Unha obra de restauración nunha casa vella pode facerse por menos de 100000 das antigas pesetas? Quen está a mercar o construído? Onde vai vivir a xente que de servicio a esa nova oleada? Chegaremos á situación que se da agora naailla de Re, onde hai o que se pode considerar 'ricos pobres' (ricos pola revalorización dos seus terreos, pobres porque non poden pagar nin os impostos debidos a esa revalorización)? E, ás veces na viciñanza, ás veces aínda na lonxanía, os convenios urbanísticos (será verdade que hai xa 14?) e o PXOM, que aínda ten sen definir as liñas básicas que foron pedidas por un conxunto de asociacións ó alcalde en xuño, pero que, sen importar o anterior, está esperando á existencia dun consenso para a súa presentación.
*Comezo con este post a introducir retazos que xa tivera colocado na rede nalgún momento, ben en http://agremon.pitas.com como en http://personal.redestb.es/agremon. Para non confundir, sempre especificarei cándo foi posto na rede ou publicado en papel.
Tres pés para a educación.
** O que segue foi publicado pola revista 'Xerfa' do IES Porta da Auga en xuño de 2005, a modo de editorial.**
Históricamente, a escola é algo moderno. A educación comezou sendo unha cousa de pais, que se viron axudados pola sociedade nun xeito de re-distribución do traballo para mellora do rendemento comunitario e logo a sociedade foi cristalizando un tipo de función propiamente educativa ata a extensión 'universal' da educación al como a coñecemos hoxe, con abrumadora maioría de persoas en centros especializados de diversos tipos.
En todo este proceso, débese entender que son os pais os que delegan a súa potestade educativa. Ten habido épocas (como no estalinismo ruso) nas que a sociedade era a que se atribuía a educación e delegaba por cuestións prácticas parte dela nas familias. Nembargantes ser entendido o anterior como un xeito de aberración nos tempos que corren, o certo é que a componente efectiva de cada un dos actores educativos na educación ten cambiado abondo en tan só unha ou dúas xeracións. E tamén a concepción educativa. Así, hoxe en día ténse nos nosos lares a unha familia desestructurada, tipo americano, que entende como natural o desvincularse da educación, aínda que non do seu resultado. É dicir, téndese ó 'consumo' da educación, non ó seu disfrute.
E este cambio de liña directriz é básico para diversos resultados: podemos ter alguén formado para falar inglés, valla por caso, sinxelamente porque o demandan así os poderes que tratan de dirixir a sociedade, pero non ter un individuo educado. Podemos ter unha persoa preparada para producir, pero non para levar adiante a súa propia vida. Podemos ter alguén preparado para competir, pero non para decidir por que merece a pena competir. E podemos ter tamén unha sociedade que, unha vez entendida a educación como consumo, se esqueza da compoñente de servicio e quede só a de beneficio.
As anteriores son só unhas pinceladas sobre temas candentes non só a nivel educativo, senón tamén a nivel social: a educación de hoxe implica a sociedade de mañá. Tamén é algo que debe estar na mente de todos os que formamos parte do sistema educativo, tanto alumnos como profesores. Só preguntándonos e distinguindo opcións como as ditas podemos ter un certo control sobre o que estamos a facer e nos están a facer (en ambos casos, tanto para profesores como para alumnos)
Quedan para outra edición outras cousas relacionadas. Nembargantes, mirade os artigos do interior pensando nas posibilidades e opcións que temos: veredes outra revista que non está no papel, pero que a fai posible.

20151211

Illa Pancha: novidades

 *Foto retirada: posta por erro e retirada por petición*
O certo é que esta tempada sucédense as novidades sobre a illa Pancha. Algunhas, xa sabidas, outras, non tanto.
A primeira quizá deba ser precisamente a falta de novidade sobre algún tema: o concello segue sen responder desque puxen a anterior nota sobre a illa Pancha con un documento de petición de información.
A segunda, que despois de poñer os medios en diversas ocasións sobre o apoio recibido para a conservación da illa Pancha que había moita xente de fóra (en diversas versións), un estudo preliminar encabezado por Evaristo Lombardero desmínteo totalmente:
"ESTUDO DA VINCULACION CON RIBADEO DOS MEMBROS DO COLECTIVO “POR NUESTRO FARO”
A día 9 de decembro de 2015 o grupo “Por Nuestro Faro” ten 725 membros. Dado que descoñecemos con exactitude a procedencia destas persoas e a sua vinculación con Ribadeo fixemos o seguinte traballo:
Intentamos identificar aos cen primeiros membros que aparecen na páxina web do colectivo asignadoos a un dos seguintes grupos:
1.- Naceu en Ribadeo e vive en Ribadeo.
2.- Naceu en Ribadeo e vive fora.
3.- Naceu fora e vive actualmente en Ribadeo.
4.- Naceu fora e vive fora.
Os resultados foron os seguintes:
Grupo 1º: 60
Grupo 2º: 18
Grupo 3º: 13
Grupo 4º: 7
Non identificados: 2 (utilizan seudónimos).
COMENTARIOS: Tendo en conta que estudamos ao 13,7 % do colectivo e que os casos foron tomados correlativamente, sen exclusións arbitrarias, entendemos que os resultados poden ser significativos. A partir de aquí o 91 % dos membros tería unha forte vinculación con Ribadeo dado que ou serían nados e residentes no concello, ou nados eb Ribadeo e residentes fora ou nados fora e residentes na actualidade. Un sete por cento serían persoas nadas noutros pontos e na actualidade residentes noutro concello, algúns de Galicia, España ou do extranxeiro. Estas sete persoas foron identificadas e todas teñen fortes vencellos con Ribadeo, ben por ter familia, por ter traballado en Ribadeo ou por outras causas. Non atopamos ningún caso de persoas totalmente que alleas a Ribadeo e que supostamente pertencesen a “Por Nuestro Faro” simplemente por simpatía, amizade ou outras causas. En dous casos foi imposible identificar ao membro por presentarse cun seudónimo. Habida conta que debe respectarse o dereito á intimidade non fixemos mais xestións para identificar a estas persoas. En calquer caso o número é insignificante.
CONCLUSION: A gran maioría dos membros de “Por Nuestro Faro” teñen fortes vínculos con Ribadeo e en caso de existir algun membro sen relacions directas sería unha cifra irrelevante."
Coido que chega para ver o 'ribadensismo' dos apoios.
En terceiro lugar, unha nota que xa foi difundida e contestada, pero non comentada, a resposta da Unidad de atención al Ciudadano.
Dirección General para la Sostenibilidad de la Costa y del Mar.
Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente":
"Buenos días:
En contestación a su solicitud de información relativa al proyecto de Reforma interior del antiguo faro de la Isla Pancha, en Ribadeo, para uso hotelero, promovido por la autoridad Portuaria de Ferrol-San Ciprian, se informa lo siguiente:
Con fecha 2 de marzo de 2015, esta Dirección General, en respuesta a una solicitud de Puertos del Estado, informó lo siguiente:
esta Dirección General no plantea objeción alguna a la solicitud para uso como alojamiento en el Faro de Isla Pancha, situado en Ribadeo (Lugo), adscrito a la Autoridad Portuaria de Ferrol-San Ciprian, dentro de los límites fijados por la misma.
El proyecto presentado por la Autoridad Portuaria e informado por esta Dirección General, que venía acompañado de informe favorable de la Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de la Xunta de Galicia, consiste en una reforma interior de la planta baja del edificio del faro, que actualmente consta de salón-comedor, dos dormitorios, un baño y una cocina, para hacer dos cocina-comedor, dos dormitorios y dos baños, sin alterar la estructura del edificio ni las fachadas, que mantienen las mismas ventanas y puerta de acceso al edificio. En el proyecto no se plantea ninguna cafetería, ni construcciones anexas al edificio actual y se conserva la fachada actual sin modificación alguna.
No obstante para una información más detallada deberían dirigirse a la Autoridad Portuaria de Ferrol-San Ciprian que es el titular del Faro de Isla Pancha y promotor de la reforma que se propone.
Un saludo"
Comentado o anterior a traverso dos medios, a promotora di que a cafetería anunciada non vai nel, senón nunha estrutura desmontable na zona de garaxes, con teito axardinado como terraza. Non entendo moi ben unha estrutura desmontable con teito axardinado. O mesmo que non cadra moi ben por exemplo, que, se a cafetería vai na zona de garaxes, os coches dos posibles clientes dun hotel que se pretende de altas prestacións vaian deixar os coches no exterior ó salitre da xerfa da illa.
Así as cousas, a última xuntanza polo momento do grupo celebrouse o luns sete de decembro. A máis de programar a próxima xuntanza, houbo diversos temas tratados, pois está claro que a transparencia das institucións fai que sexa necesario polo momento seguir pedindo información, ó tempo que se sigue todo o proceso e se programan accións en diversos sentidos.
Mentres, o grupo segue a medrar, os 18600 € anuais (1550 mensuais) e o prazo de dez anos deberan estar correndo dende a concesión xa hai varios meses, polo momento non hai apertura á vista... e está cada vez máis claro que o tema vai ter un seguemento polo grupo, sexa cal sexa o desenvolvemento que vaia tendo.
Non sei se só con fins publicitarios, pero coido que a apertura estaba prevista para a ponte pasada, e polo que parece, aínda non hai permiso de obras, despois de peticións cursadas polo concello a algunhas institucións, segundo nota xa mencionada aquí.
A información complétase con outras cousas. Por exemplo, unha páxina en Facebook cun suposto hotel faro de isla Pancha aberta hai xa abondos meses e que non está recibindo demasiadas boas cualificacións precisamente por partir dunha base falsa: non existe tal hotel, aínda que a primeira cualificación do servizo fora de 5 estrelas o 25 de maio pasado.
Algo que se leva desenvolvendo dende hai tempo non parará de golpe. Nin se pretende. Mentres non se procure un destino de servizo comunitario para a illa Pancha, seguirá a súa desatención, a separación cun pobo que ten á beira e que ten nela un símbolo pero ó que non se lle permite acceso, etc.
Pero si estamos nun punto no que a orientación do avance está a cambiar, diríase que xa cambiou. Así pois, entre as ideas alternativas para a illa haberá que ir desbrozando o terreo e ver cal remata asentando.