Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta terras de Miranda. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta terras de Miranda. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20221123

Respeto Barbón, Ria do Eo, NON. Pancho Campos Dorado

 


Respeto Barbón, Ria do Eo, NON

Pancho Campos Dorado

Cada día quedamos máis asombrados da calidade da democracia na que vive este país chamado España, cada día máis corrupta e máis podrecida. Temos unha Constitución que a todas luces non se cumpre na súa totalidade, pero segundo quen a interprete, a leva máis cara a esquerda ou máis cara a dereita. Por outro lado, temos tipos ben empoleirados en altos cargos políticos, que xa nin a interpretan, para qué? Teñen o número do teléfono de aqueles cos que se pode amañar facilmente calquera cousa, con só facerlles unha chamada, pois son xente ben colocada, que por nada quixeran romper as “relacións” con círculos de poder que os manteñen no seu inmerecido paraíso terreal.

Temos un problema. Teñen un problema. Por suposto. Levamos anos dicindo que o nome da Ría de Ribadeo non se cambia nin se comparte con vulgarismos estraños, e seguiremos loitando contra tanto descaro, contra tanta canallada de tendencia galegofóbica que levamos sofrendo na Galiza desde os tempos dos reis “católicos”.

O Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, cun señor ministro José Luís Ábalos Meco, do PSOE, otorga ao vulgar e localista sintagma de Ría do Eo dado por Asturias, o mesmo nivel de oficialidade que o topónimo Ría de Ribadeo, denominación maioritaria non só na autonomía do Reino da Galiza senón en todos os mapas e cartas de navegación do mundo enteiro. E para máis INRI, faino a través dun organismo oficial como é Instituto Xeográfico Nacional. Inconcibible, que se chame Instituto Xeográfico Nacional, que como xa dixen noutra ocasión debería chamarse “Instituto Geográfico Terrestre Nacional” (IGTN) pois ese cadro de asalariados parece entender pouco ou nada de hidronimia, de talasonimia, nin de Usos e Costumes do Mar, vista a súa intervención neste caso, pero así é como mantemos a tantos funcionarios “por doquier”, que non resolven absolutamente nada, e deixamos que se “fumen” os recursos da Sanidade, da Educación e da Investigación, pezas fundamentais da civilización dun país.

O señor Adrián Barbón Rodríguez do PSOE, presidente do Principado, cando lle chegou a resolución do Ministerio de Transportes, comentaba na prensa que era “una cuestión de justicia que veníamos reivindicando desde Asturias”.

O verbo “reivindicar” significa “pedir con vehemencia unha cousa a que se ten dereito e da cal se foi desposuído”. Cando existiu a denominación Ría do Eo.? Nunca. Polo tanto non pode reivindicar o que non nunca se tivo, e menos en xustiza.

Miren vostedes, non sei como amañaron o cambalache entre todos eses membros do PSOE de Madrid e do Principado, non sei o que se quedaron a deber, nin me importa, pero algo gordo tivo que haber para transgredir todas as normas da ética máis elemental. A Historia de Ribadeo, pisárona con ansia malévola, con saña. Non tiveron pudor ningún. Apoiaron a resolución en probas preparadas nun informe da “Oficina de Política Lingüistica del Principado de Asturias” que amañaron o seu a antoxo, catro verbas mal intencionadas e sen ningún escrúpulo foron aceptadas por todos estes organismos, que como unha secuencia de fichas de dominó, fóronse empurrando uns a outros polo arte dun primeiro impulso dado polo PP de Asturias na sede do parlamento asturiano. Aquel impulso, levounos a votar unha resolución antigalega e antihistórica, e aquí non pasa nada, os galeguiños que se jodan!

Expresión moi Ppera, no parlamento español, e agora apoiada polo clase parlamentaria e patriotera do asturiano señor Barbón. Ten narices a cuestión, de que VOX o único partido “antibable” de Asturias, “antigalego de occidente” o que hoxe chaman “a fala”, “antilingüista” de calquera clase que non sexa o castelán, votara en contra do vulgarismo Ría do Eo, por ser un despropósito contra o topónimo da Ría de Ribadeo. Moitas grazas!

No ano 2011, alertabamos do que estaban a facer no Principado ao poñer un nome a Reserva da Biosfera- Oscos-Río Eo e Terras de Burón co programa LEADER, no cal non se mencionaba para nada a Ribadeo, cando máis das tres cuartas partes do territorio son das Terras de Ribadeo e Miranda (La Comarca del Eo, 13 novembro 2011, publicado no blog aquí).

Tal é galegofobia destilada por todos estes organismos oficiais do Estado español, que o Ministerio de Transportes nin sequera tivo a cortesía de mandarnos contestación as alegacións que nós, a Plataforma de Mariños de Ribadeo e AVV “O Tesón” presentamos. Un traballo que levou horas e días de investigación para revisar, alegar e matizar a legalidade dentro de todos os códigos éticos e xurídicos do Estado. Pero a descortesía, segundo para quen se faga non importa. Vimos sufrindo esta desvergoña institucional española cara as cousas da Galiza en xeral e de Ribadeo en particular, desde que se mandaron os primeiros escritos coas alegacións pertinentes as distintas instancias estatais. A última á Subsecretaría do IGN (Instituto Geográfico Nacional). Non leron nada de canto lles mandamos o día 26 de outubro de 2022, e están tan mal educados que nin sequera nos contestaron. Para qué? Só son catro galeguiños, parviños eles!. Que emigren que é onde están ben, no estranxeiro!. Despois din que os galeguistas nonos estimamos!

Pero non van a saltar por encima da historia do Porto de Ribadeo nin da historia da súa poboación, nin no Principado, nin no Estado español. Se falará da Ría de Ribadeo sempre por dereito propio, e non se agregará nada neste século XXI de política podrecida e infame, que sexa espurio ó mundo da talasonimia, por moitos tipos de medio pelo que dirixan o cotarro. O tempo e a lei nos darán a razón.

Señor Barbón, a Historia da Poboación de Ribadeo remóntase no asentamento de Louselas ao Paleolítico inferior, poboación anterior a calquera asentamento do norte peninsular (Louselas. Los inicios del poblamiento humano en la región cantábrica. E. Ramil Rego e J. Ramil Soneira, Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, Monografía Nª6, 2014, p.19).

Fai douscentos mil anos, a cota do mar estaba 38 m por debaixo da cota actual, e fai cento oitenta mil o mar estaba aínda máis baixo, a case 150 metros por debaixo do nivel actual, e a ría era un entrante do mar onde desaugaban ou non tres ríos: Grande, Suarón e Eo, e outros regatos como o Río dos Malatos e río Amalló.

A estas terras xa habitadas, chegaron primeiro fenicios e gregos que viñeron a comerciar; na Ría de Ribadeo aparece cerámica do século VI a.C. massaliota, de Massalia, actual Marsella, polo que xa había tráfico marítimo na Idade do Ferro (entre os anos 800-450 a.C.) (El País, xullo-2021, Galeón Santiago). Logo chegáronse os celtas arredor do ano 290 a.C. e colonizaron a bisbarra. No ano 68 a.C. chega Julio Cesar a Hispania Citerior e nos anos 61-50 a.C. estaba “cartografiando” minuciosamente o litoral cantábrico que serviría para que máis tarde Augusto leve a cabo as Guerras Cántabras. Neste intre, podemos pensar que foi creado o Porto de Porcillán (Portus Julianus) no cal habería poboación autóctona, posto que había pesca e marisco e as terras da bisbarra de A Devesa, Piñeira, Vilaselán, Obe, As Anzas, Cubelas, Cedofeita son magníficas e dan froitos de todo tipo. Tanto é así que o máis antigo documento que se conserva, o “Diploma do rei Silo”, datado o 23-agosto do ano 775 (era 813) só fala destas terras da bisbarra de Ribadeo, polo tanto, tiñan que ser de entidade suliñable por antonomasia.

En 844-846 os vikingos preséntanse nas costas de Ribadeo. Aqueles piratas de Xutlandia e do Mar Báltico consideraban a Terra Galega a súa medida, acaso por que lles recordaba a súa propia. Chovía, na deles tamén (Victoria Armesto, Galicia Feudal I, p.149) Por qué entran na ría de Ribadeo? A buscar o botín do convento de Esperautano, que segundo o noso inolvidable veciño José María Rodríguez Díaz (El Monasterio de Esperautano y su Coto) (...) o 23 de agosto do ano 775, segundo ano do reinado do rei Don Silo, e co fin de acometer a cristianización de esta comarca oriental da Galiza, o rei Silo firmou un documento de doazón polo que, por medio do abad de Esperautano, llo otorgaba aos presbíteros Pedro, Avito y Valentín e aos conversos Alanti y Lubini, así como tamén aos monxes e anacoretas que residían en dito lugar e (...).

En 985 (era 1023) ao río Eo, unha das escrituras antigas do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, dalle o nome de Euve; outra de Meyra do ano 1128 (era 1166); dille “a flumine Euve...” e outra do ano 1143 di “Ripa Evii”. Da voz “Euve” quitouse a segunda sílaba e quedou “Eu” que se castelanizou a “Eo” así como toda a ribeira deste río e particularmente aplicouse ao porto daquela ribeira e principal poboación que se levantou co nome de Ripa-d’eo desde o século XII (H. Florez, p.57). Esta anotación é parte da que recolle F. Lanza no seu Ribadeo Antiguo (p.29-30-31) cando transcribe o documento en castelán da “Compra y Repoblación de Ribadeo” que o P. Florez transcribe en latín. Era dono das vilas e poboación o conde D. Rodrigo (Velaz Osorio de Montenegro) a quen llo compra o rei Fernando II (1157-1188) no ano 1182 por 1500 morabitinos de ouro (dínares almorábides; marabedís) (Lanza p.30). Cómpraa con tódolos dereitos e pertenzas (Florez p.57-58) e “o rei para que lograse máis comercio levou a vila desde a Vilavella máis cara o mar”.

Pero Galiza mantivo unión con Asturias e coas terras do Bierzo e León, acadando gran proxección nos reinados de Fernando II e Afonso VIII. Floreceu o comercio e a lingua galega sentou a base trobadoresca dos séculos XIII e XIV. Resulta indubidábel que a morte de Afonso VIII e a usurpación de Fernando de Castela en 1230 precipitou ao Reino de Galiza nunha profunda crise. Momento que a monarquía castelá-toledana aproveitou para reescribir a memoria do pasado á súa propia medida.

Nos séculos XIII e XV ten gran desenrolo a pesca da sardiña, da pescada e peixe salgado na Ría de Ribadeo, desde onde se exporta madeira, coiros e ferro, e se importan cereais. No século XIV Ribadeo exportaba viño. Francia nestes momentos padece a peste e os mercados europeos demandan viño galego que é exportado en barcos desde a Ría de Ribadeo. No século XIV Ribadeo dependía do Rei, e foi cando Enrique II de Castilla, da dinastía Trastámara concede a Pierre Lobesgue de Villanes en 1369 o título de Conde de Ribadeo, primeira falcatruada trastamarista contra da Galiza que apoiara ao rei Pedro I.

En 1388 nace o Principado de Asturias, creado por Juan I de Castela que reina desde 24 de agosto de 1379 ata súa morte o 9 de octubre de 1390. Como podemos ver, Ribadeo xa tiña entidade propia anos antes que o Principado de Asturias se creara e anos antes de houbera un principe de Asturias. No ano 1551, o Conde de Ribadeo e Conde Salinas, vendeu por 8500 ducados as Terras de Ribadeo e servidumes entre os ríos Navia e Eo, segundo escritura de Medina del Campo (Ribadeo Antiguo de Francisco Lanza, páx. 78-79-80). Segunda falcatruada. Como é posible que se desligaran do Reino de Galiza e pasaran para o Principado de Asturias?. Teimuda é esa provincia de Oviedo en obter territorio alleo e agora quer incluso “crear” toponimia nunha metade da Ría de Ribadeo. Conduta exemplar do Parlamento astur. Que están vostedes reivindicando en xustiza? Nada, absolutamente nada, a Ría de Ribadeo chámase así, por dereito propio non de apropiación untada. Basta xa de explicacións que non entende, pois a a súa actitude política non é a dun xurista que entenda argumentos, senón que é vostede un simple avogado que chegou a un grado de “autoritas” e potestade que para nós, non lle corresponde. Seguiremos estando aquí, por suposto.

20220622

ESTRAMBOTE. Pancho Campos Dorado

 


ESTRAMBOTE

Pancho Campos Dorado

    Lemos en La Comarca del Eo (18/06/2022) “O PP astur descarta que el uso del doble topónimo de la ría amenace la identidad gallega”. Este titular pode poñerse máis en negriña pero non máis cínico. Agora sae á palestra un novo deputado do PP asturiano, don Álvaro Queipo, polo que parece, secretario do PP no parlamento astur e debe relevar na polémica da Ría de Ribadeo a dona Nieves Mallada.

    A dobre denominación do topónimo da Ría de Ribadeo “non parece afectar a súa identidade galega”. Por suposto, MENTIRA.

    Máis adiante dinos este parlamentario astur moi “paternalmente”: “se equivocan los sectores gallegos que ven en este proceso una guerra que amenaza su identidad”. Cara non lle falta ó individuo. Nós non creo que esteamos en guerra, ou polo menos de momento non a declaramos. O señor Queipo continúa coa súa disertación patriarcal: “nunca se defiende mejor lo propio despreciando lo ajeno”. Por suposto, o propio non fai falta defendelo, a lei dunha sociedade democrática, como pensamos que é a nosa, crémola suficientemente capaz de defender os bens institucionais e neste caso constitucionais, pois segundo a Constitución Española de 1978, art.46: “os poderes públicos garantirán a conservación e promoverán o enriquecemento do PATRIMONIO HISTÓRICO, CULTURAL E ARTÍSTICO DOS POBOS DE ESPAÑA e dos bens que o integran calquera que sexa o seu réxime xurídico e a súa titularidade. A lei penal sancionará os atentados contra este patrimonio”. Señor Queipo, nós somos parte do pobo galego e defendemos a Nosa Terra e tamén a súa toponimia, parécelle mal?

    Di vostede que non queda ameazada a identidade galega da ría? Por suposto que sí. A falcatruada do cambio toponímico do nome da ría, conleva a apropiación indebida do patrimonio arqueolóxico cultural que se atopa no fondo da Ría de Ribadeo, esa é a cuestión que levamos anos denunciando. Xa nunha primeira ollada submarina levou ós arqueólogos a atopar unha ánfora do século VI a.C. o que deu pé para saber que o comercio marítimo na ría de Ribadeo é tan antigo que non hai ningún vestixio anterior en toda a Cornixa Cantábrica. Chamados son os xacementos submarinos da Ría de Ribadeo polos arqueólogos a “Atapuerca do Cantábrico”.

    Como se van a reseñar e recordar estas pezas arqueolóxicas nos libros de texto especializados, atopadas na ría de Ribadeo? Igual que fixeron vostedes, os “arqueólogos” asturianos coa falcatruada da Diadema de Ribadeo? Ou mellor pensamos qué foi da denominación do “Carneiro Alado de Ribadeo? A que están xogando? Queren seguir terxiversando a cuestión, como levan facendo desde fai séculos co territorio do Reino de Galicia, e agora incluso insinúan que a culpa é dos galegos e en particular dos galeguistas. Máis morro, si, aínda hai quen ten máis morro.

    A burocracia española, esperpéntica, monstruosa na súa complexidade de xestión con incontables trámites, inzada de leis e decretos lei, contra decretos, regulamentos, normativas, pautas, resolucións de procedementos inacabables, xurisprudencia inxente cuxa transcrición escrita enche decenas de volumes para decorar os despachos de avogados onde se crea esa atmosfera dos mil artificios en contra, a favor, parciais, emendados de aquí, emendados de aló, sen emendar, todo o cal forma ese insufrible noelo de artimañas intricadas e indescifrables para calquera mortal, que só serven para facer de tapadeira a unha lexislación vixente na que se rexouba unha clase social da alta e baixa xudicatura que inquieta a calquera mortal que se atope baixo o seu dominio inmediato, pola súa falta de eficacia e que nos ten acostumados a tolear coa súa parsimonia inoperante. Un litixio que na burocracia inglesa leva dúas liñas nun folio, aquí transfórmase en unha acción da “xustiza garantista” que non é capaz de acabar nin resumir en tres mil folios.

    Xa vimos a resolución sesgada e parcial que o Ministerio de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana decretou no seu informe. Por un lado, danos a razón de que só debe chamarse Ría de Ribadeo e por outro di que só queda anulada a sentenza do IGN porque hai un “defecto de forma”. Pero que tipo de resolución é esta? Cando se vai poñer fin a toda esta fantochada burocrática?

    O Procedemento Común das Administracións Públicas, utiliza os fundamentos de dereito nesta resolución segundo a lei 39/2015 de 1 de Outubro, e aplica os artigos 24.3 / 26 / 34 / 48.1 / 48.2 / 57 / 79 / 82 / 112 / 121. Tamén entra a trámite o apartado 24.3a do Real Decreto 1545/2007 do 23 de Novembro. Despois de endilgarnos todo este galimatías xurídico dinos que queda “agotada a vía administrativa e cabe recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid no prazo de dous meses”. Manda truco a canta xente mantemos!!

    Por outro lado, a resolución do antedito Ministerio, só nomea o informe emitido pola Deputación de Lugo, e ningunea os informes do goberno da Xunta de Galiza, da Alcaldía de Ribadeo e nin sequera ten en conta o extensísimo e documentadísimo informe da Plataforma en Defensa da Ría de Ribadeo, nin do informe da Plataforma de Mariños de Ribadeo. Así mesmo di literalmente “la CENG es una Comisión de carácter técnico compuesta por representantes de autoridades en nombres geográficos de la Administración del Estado y de Comunidades Autónomas, así como de universidades, academias de las lenguas y otras instituciones relacionadas con la toponimia, de ahí la importancia de su informe que podríamos calificar como técnico, y aunque no vinculante, sí es necesario para que el órgano decisorio resuelva”. Ou sexa que pode facerse un recurso con todo tipo de informes técnicos, ou pode dicirse misa cantada con órgano e Agrupación Polifónica, que todo canto se predique “Non será vinculante”. Manda carallo! Así funciona a burocracia deste pais chamado España.

    A toponimia é unha rama esencial da Historia en calquera territorio, e a Historia de Galiza non pode ser retocada constantemente por mans lexislativas partidistas que raian a prevaricación. Galiza ten que ser respectada. As institucións que nos falten o RESPETO, non as respectamos para nada e nunca aceptaremos as súas resolucións contra a Nosa Terra. As tarascadas fanse no Entroido. Como é posible que un Decreto Lei do 2007 ou do ano 2015 poida poñer en solfa un topónimo marítimo secular e querer equiparalo a un costumismo vulgar?

    O Reino de Galiza leva séculos soportando unha historiografía castelanista que nos rouba descaradamente e nos é totalmente hostil, tanto é así que a Real Academia da Historia créase en 1783 e esquílmase a documentación dos mosteiros, igrexas e catedrais da Galiza para manter un discurso histórico de tradición e exaltación dinástica de avoengo que nunca tivo nos seus primeiros mil anos, nada menos. A enumeración dos reis casteláns que fai Afonso X o Sabio, insire os reis da Galiza e León para darse avoengo, pois el considérase Afonso X (o décimo) cando realmente é Afonso II de Castela. Sabio sería cando fixo as Sete Partidas, pero sumamente cruel cando tivo a coraxe de mandar fritir en aceite fervendo o seu irmán Fadrique, cousa que non conta a historia falsaria de España nos libros de texto. Así que de un tipo así, podía esperarse calquera cousa, incluso que fora “sabio”.

    E así todo. Parece que nada importa “o dobre topónimo non ameaza a identidade galega” e logo vemos que as Terras de Ribadeo do Eo o Navia, agora nin sabe como se chaman, ou as Terra de Miranda bañadas polo Eo, agora sabediós... etc. etc.

    Facendo un inciso, gustaríanos saber que esta facendo o PP de Ribadeo actual en esta cuestión, pois co ribadense Valín ó mando, sí o sabíamos.

20220402

Eoalimenta!

    Esta semana pasou medio inadvertida unha xuntanza que pode ter un impacto forte no futuro da zona. Os partícipes de Eo Alimenta  reuníronse en Ribadeo o pasado día 30, e, a pesar da nota de difusión do concello, coido que a información quedou coxa. Por iso recollo, a máis da nota do concello que deixo a continuación, un tríptico e fago diversas ligazóns dende o texto da nota a outras web ou a outras entradas de Ribadeando para completar a visión.

Foto Eo Alimenta

INICIATIVA PIONEIRA A NIVEL ESTATAL

Eo Alimenta

31/03/2022

O proxecto Eo Alimenta avanza cara un modelo de produción, distribución e consumo capaz de alimentar á súa poboación. Onte, mércores, tivo lugar unha xuntanza no salón de plenos do Concello de Ribadeo

O proxecto Eo Alimenta celebrou onte en Ribadeo un momento importante coa presentación do borrador da estratexia alimentaria diante dos socios do proxecto: concellos do territorio, USC, GDR Terras de Miranda, CEDER Oscos-Eo, Fundación Edes e Sindicato Labrego Galego.

Este mércores, día 30 de marzo, ás 17.00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Ribadeo, tivo lugar a reunión do Comité de Seguemento do proxecto Eo Alimenta, un proxecto participativo financiado pola Fundación Carasso, no que traballan dende hai dez meses e de forma colectiva diversos axentes vinculados ao sector da alimentación (administración, persoas consumidoras, organizacións agrarias, proxectos de produción agroecolóxica, universidades, grupos de desenvolvemento rural, etc.).

O obxectivo deste proxecto é elaborar unha estratexia alimentaria para o territorio do río Eo que aborde o reto de conseguir autoabastecer de alimentos a todo o territorio a partir dos produtos ofrecidos polo propio territorio e a través de diferentes medidas que redunden no fortalecemento e a articulación da produción agroecolóxica a pequena escala, no impulso do consumo de proximidade, no apoio ao comercio local ou no compromiso por parte das administración públicas de levar a cabo procesos de compra pública responsable.

En dita reunión, onde foron presentadas as 11 medidas e 33 accións que conforman o borrador da Estratexia Alimentaria Participativa da biorexión do río Eo, participaron representantes dos concellos de Ribadeo, Barreiros, San Tirso de Abres, A Veiga, A Pontenova,representantes da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Lugo, representantes da asociación Inter Eo e representantes do resto de socios do proxecto: Sindicato Labrego Galego, Fundación EDES, Universidade de Santiago de Compostela, do GDR Terras de Miranda e do CEDER Oscos-Eo.

Tras a boa acollida de dito documento na reunión de onte, os socios do proxecto farán as súas últimas aportacións ao documento, para posteriormente levala aos plenos municipais dos nove concellos participantes -cinco da parte asturiana e catro da parte galega- no proxecto. A partir de aí, comezará o traballo de implementar as medidas contempladas na mesma, que contan cun horizonte temporal de aquí a 2026.

Eo Alimenta representa un proxecto pioneiro a nivel estatal, por ser o único das súas características que reúne a traballar a persoas axentes de dúas comunidades autónomas e comeza a súa fase de implementación nun contexto, atravesado polas crises de subministro e abastecemento xeradas pola invasión de Ucraína, a suba dos prezos dos combustibles os paros do leite, que poñen de manifesto a necesidades de avanzar cara modelos de produción, distribución e consumo de proximidade que poidan resistir as embestidas da economía globalizada.

 



 

 

20211109

RÍA DE RIBADEO, POR ENÉSIMA. Pancho Campos Dorado

RÍA DE RIBADEO, POR ENÉSIMA

Pancho Campos Dorado

Erguémonos o venres, 5 de novembro, cun titular de prensa “Asturias gana la batalla del topónimo y ría del Eo se equipara a Ría de Ribadeo” (La Voz de Galicia). “O Estado admite como cooficial o topónimo Ría do Eo” (Nós). Unha resolución tomada polo chamado “Instituto Geográfico Nacional” (IGN) que accede a pretensión do Principado.

Este instituto debería chamarse “Instituto Geográfico Terrestre Nacional” (IGTN) pois ese cadro de asalariados parece entender pouco ou nada de hidronimia, nin de talasonimia, nin de Usos e Costumes do Mar. Particularmente, non hai un só exemplo tal, en toda a costa galega, na cantábrica, e en todo o litoral da Península Ibérica, pois tanto as rías como as badías noméanse polo nome do porto comercial co que se trafica. Exactamente igual que en todo mundo, badías e estuarios levan o nome da cidade que ten o porto comercial máis importante, de aí que todas, absolutamente todas as cartas de navegación dos Institutos Hidrográficos do mundo enteiro teñan as rías nome de cidades e pobos, nunca levan o nome dun río que desemboca nelas. Nin hai badía do Orinoco, nin do Amazonas, nin do Hudson, nin do Nilo. Menuda barrabasada.

Pero ben, ao personal actual do IGN iso parece importarlle pouco, pois trátase dun problema entre Asturias e Galiza, quen sempre tivo a fatalidade de ser gobernada por políticos de terceira rexional.

Non entendemos nada. Asturias presenta un “Informe da Oficina de Política Lingüística do Principado de Asturias” sobre o nome da Ría de Ribadeo, escrito en un rebuscado galego oriental por un tal Antón García Fernández “Director General de Política Lingüística”, un chiringuito creado polo Principado, a quen acompañan na redacción uns cantos adláteres tan mal intencionados coma el. Das esperpénticas reviravoltas deste informe fixo un exhaustivo estudo D. Evaristo Lombardero (en Ribadeando o 29-10-2021 e La Comarca del Eo 22-maio-2021) polo que non vou a entrar a repetir aqueles argumentos. Este informe, sen máis, foi aceptado por IGN. Por que? Fixo o tal organismo oficial algunha enquisa semellante no entorno de Ría de Ribadeo, na zona galega ou asturiana, para contrastar o que di tal informa? Non. Non fixo nada.

Por outra banda, mencionan uns informes “oficiales” de 1871 para apoiar a súa sentencia, os cales, sabemos que son unhas escrituras de propiedade, onde un notario de turno, fai de “grafitero documental” pois cambia o nome oficial da Ría de Ribadeo pola denominación do Eo, cando xa había oficialmente cartas de navegación da Ría de Ribadeo, feitas por membros da Armada Española e do Ministerio de Mariña, das cales podemos aportar os datos:

1ª) Ano: 1776 Plano de la Ría de Rivadeo. Escala en varas casteláns 2000 varas = 18 cm. Autor: Luis Videgaray. Orixinal Museo Naval de Madrid, Cartografía E-23-7

2ª) Ano 1787 mes de Abril. Plano de la Ría de Rivadeo. Autor: Tomas Ramery. Escala en varas de Burgos 1000 varas = 10 cm Orixinal Museo Naval de Madrid, Cartografía E-23-21.

3ª) Ano 1787 Plano de la Ría de Rivadeo, del Barquero, Bares, Cedeira y Vivero. Autor: Vicente Tofiño de San Miguel. Escala gráfica de una milla marítima. Orixinal Museo Naval de Madrid, Cartografía E-23-5

4ª) Ano 1788 mes de Marzo. Autor: Miguel de la Fuente. Escala en varas de Burgos. Orixinal Museo Naval de Madrid, Cartografía E-37-3

5ª) Ano 1788 mes de Mayo. Autor: Tomás Ramery. Escala en varas de Burgos. Orixinal en Museo Naval de Madrid, Cartografía E-37-7.

6ª) Ano 1835 mes de Agosto. Autores: Miguel Antonio Blanco Ortigueira e José Antonio Villamil Saavedra. Escala de 1 milla marítima. Orixinal Museo Naval de Madrid, Cartografía E-23-8

7ª) Ano 1835 mes de Agosto. Autores: Miguel Antonio Blanco Ortigueira e José Antonio Villamil Saavedra. Escala de 1 milla marítima. Orixinal Museo Naval de Madrid, Cartografía E-37-1

8ª) Ano 1835. Plano del Puerto de Ribadeo en Galicia. Escala 1 milla marítima. Orixinal Museo Naval de Madrid, Cartografía E-23-30

9ª) Ano 1852. Carta Náutica plana del puerto de Ribadeo. Escala 1 milla marítima. Orixinal Museo Naval de Madrid, Cartografía E-37-2

10ª) Ano 1856. Carta Náutica de la Ría de Ribadeo. Autores: Antonio Miguel Blanco y Juan Tomás Cucullu. Orixinal Museo Naval de Madrid, Cartografía E-23-2

11ª) Ano 1860. Plano da Ría de Ribadeo. Autor: Juan Tomás Cucullu. Orixinal Museo Naval de Madrid, Cartografía E-23-1

Toda esta documentación da época pasou por alto aquel prototipo de notario “poeta”, dentro da clasificación que lles fai a este tipo de individuos Dª Victoria Armesto: “Lenin desconfiaba de la música, el Padre Sarmiento de la poesía y muchos padres [das familias fidalgas] parecen coincidir con estos recelos y antes de ver a sus hijos como poetas o músicos, prefieren verlos como notarios o registradores de la propiedad” (Galicia Feudal II, Ed. Galaxia 1969, p.353).

Penso que si a Administración Marítima seguira estando en mans da Armada Española, saberían que Pedro Teixeira (1569-1603) nos seus tratados de Xeografía xa ten biografía sobre a Ría de Ribadeo, e desde logo que non se pasaría por alto o valor histórico das CARTAS NÁUTICAS DA RIA DE RIVADEO, tanto do Instituto Hidrográfico Español como as do Almirantazgo Británico.

Pola nosa parte, non aceptamos para nada esta sentencia arbitraria e a todas luces partidista, dunha administración de parásitos que se reúnen de cando en vez para dicir si a facer dano. Esta sentencia é unha grande ignominia contra todo o sentido da Historia do Porto e Ría de Ribadeo, que levamos defendendo desde fai máis de 35 anos. Sempre estivemos atentos as falcatruadas que se estaban a facer por parte do Principado. Incluso desde a Asociación de Veciños de Ribadeo “O Tesón” denunciamos ante a Garda Civil o xoves 13 de maio de 2010, ao diario “La Nueva España” ese pasquín de Asturias que “despois de longos anos de ter usado dito diario de xeito constante o topónimo de “ría del Eo” en troques do legal “ría de Ribadeo”, agora xa non se conforma coa dita teima e dá unha puntada máis en contra do noso patrimonio, dicindo “que diversas instancias galegas queren impor o topónimo legal de xeito insidioso”. O artigo “Galicia quiere los cañones del Eo”, do día 5 do presente mes, entre outras cousas relativas ó nome da ría e ó patrimonio, aparece o texto “para las dos orillas de la ría del Eo, cuya denominación los nacionalistas gallegos querían cambiar por el de ría de Ribadeo” (La Comarca del Eo, 29 maio 2010). Falsidades constantes e cínicas expresións onde as houbera. Hoxe vemos que tíñamos razón. De aquelas ensidias estes resultados.

Continuabamos a explicar que este “xornal” (La Nueva España), “xa non só se conformaba coa difamación da nosa toponimia histórica senón que con un cinismo inusual, no artigo de mércores 5 de Mayo de 2010, menciona que os restos que hai no fondo do “estuario” son de pertenza “asturiana” e retrata aos raqueros do pecio histórico de “El Galgo de Andalucía” como se de heroes e patriotas se tratara”.

Este periódico falsea torticeiramente a información histórica, pois non teñen ningunha rigorosidade nas noticias que atinxen ao Reino de Galiza, as cales foron relatadas por D. Eduardo Lence Santar y Guitián [Xosé Isidro Fernández Villalba, Mondoñedo Regreso al Pasado V, cap.35 p. 117 a 127] como sigue: En 1719 torna a ter un importante comercio [Ribadeo] e era un gran porto estratéxico para a guerra no mar, por cuxo motivo o 27 de setembro deste ano sufría a invasión dos piratas ingleses -en número de seiscentos- que arribaron en tres fragatas de guerra e o “pretenden colonizar” ou máis ben saquear se non se aceptan os pagos de 2000 doblóns en metálico, trinta bois e vinte carneiros. As fragatas San Francisco e o Galgo de Andalucía que estaban aquí apostadas, antes de deixalas caer en mans inglesas os propios capitáns D. Lorenzo de Tablada e D. Sebastián Villaseñor respectivamente, préndenlles lume, e cuxos pecios aínda se deben atopar no fondo da Ría de Ribadeo. O Alcalde Maior de Ribadeo D. Juan Antonio del Llano y Osorio e unha pequena comitiva van falar para reunir os cartos co Alcalde Maior D. Francisco Antonio de Luaces y Somoza de Mondoñedo -capital da provincia-. Os ingleses saquean e queiman a vila durante tres largos días, e por fin reciben 2400 pesos que os ribadenses chegaron a reunir (600 doblóns), e con este botín en metálico retíranse o primeiro de outubro e levan áncoras de novo” (tamén no meu libro “Escudos de Armas do Concello de Ribadeo”, p.30-31).

No ano 2011, alertabamos do que estaban a facer no Principado ao poñer un nome a Reserva da Biosfera- Oscos-Río Eo e Terras de Burón co programa LEADER, no cal non se mencionaba para nada a Ribadeo, cando máis das tres cuartas partes do territorio son das Terras de Ribadeo e Miranda. Naqueles artigos, escritos neste mesmo semanario de La Comarca del Eo, Buronlandia (ligazón a Ribadeando; La Comarca del Eo, 1-outubro-2011), explicábamos en como, “no ano 1414, foi creado por Juan I de Castela o Principado de Asturias, e desde aquela foron apropiándose das Terras de Reboredo ou Terras de Ribadeo desde o río Navia o Eo (escritura de 1551 en Medina del Campo); a primeiros do século XX cambiaron o nome da Veiga de Ribadeo, este século XXI tócalle a Ría de Ribadeo e van, sen dúbida, polo Concello de Ribadeo completo, pois as terras xa son, polo que parece, as de Burónlandia, para o século XXII será Barreiros, a Espiñeira, Villaronte... no século XXIII Foz... e non sei cando chegarán a Catedral de Santiago...”.

En Buronlandia II, a un Juan sen Nome (Ribadeando, 14-setembro-2017 e La Comarca del Eo, 12-novembro-2011), falabamos da neglixencia que se cometía por parte da alcaldía de Ribadeo cando se permitían, sen levantar unha sola protesta, as denominacións da Casa da Ría, obviando de Ribadeo, a Casa da Ría del Encuentro, obviando de novo o de Ribadeo. Naquel mesmo artigo, tamén diciamos que tiveron “a “fachenda” de pasar por derriba da historia, sobre a resolución do Marquesado da Ría de Ribadeo” [BOE, Nº151. Real Decreto 591/2002, de 24 de Junio] e do informe do Ministerio de Fomento, sobre a resolución da nome da Ría de Ribadeo [Ministerio de Fomento, 13-Marzo de 2008]

De nada valeu. Falabamos, dos referentes que manipularon os datos “da Diadema de Ribadeo, descuberta fai máis de 200 anos, no Castro das Grovas, non sei como se pode ter tal desfachatez “académica”, como para dicir, que fai uns vinte anos, “reconocidos arqueólogos e historiadores” (innombrables pola miña parte) avalan a súa procedencia astur. ¿Qué pasou agora? ¿acaso encontraron seus “insignes adláteres”, dentro das vitrinas do Louvre, terra dos Oscos-Rio Eo e Terras de Burón, pegada na filigrana da Diadema de Ribadeo?”. Non pode crerse que lograron con todo tipo de falsidades arqueolóxicas que o Ministerio Arqueolóxico Nacional rexistrase a Diadema de Ribadeo como Diadema de Moñes. Pois sí, iso ocorreu, e está vixente. Continuaban falando tamén de que o “pecio da “Galga Andaluza” estaba en augas xurisdicionales asturianas e que “la Dirección General de Patrimonio del Principado la ha registrado en pleno derecho y obligación conservadora” ¿co dereito de qué? Agora que se van facer catas arqueolóxicas na Ría de Ribadeo ¿quen vai ser o Controlador de Patrimonio? ¿A Xunta ou o Principado? ¡Ribadeo perderá patrimonio de seu, como sempre!. Así mesmo ocorreu e está ocorrendo.

Diciamos en La Comarca del Eo (29-agosto-2009 e en Ribadeando) “o topónimo histórico lles importa mui pouco! ¡estáselles vendo o plumero a estes “marchantes de historia”! O que realmente importa é que a Ría de Ribadeo perda tal denominación porque así con ela perde a identidade galega. Para o meu ver, esta é a verdadeira razón. Así o espolio arqueolóxico da Ría de Ribadeo, empezarao o Principado en breve”... fai solo uns días se falaba na prensa de bucear e espoliar o pecio do “San Francisco” ou o do “Galgo de Andalucía”, como si fora derrelicto asturiano. ¡Ay amigo... cuestión de barbarísmos...! ¡e un pimento! ¡cuestión de moitos millos de euros en subencións europeas para seguir co espólio sitemático das terras e historia de Galicia! ¡xa fixeron o mesmo coa Diadema de Ribadeo agora “de los Oscos”...! ¡manda truco! ¡E a Ribadeo, tócalle por rebote... por ser a poboación fronteiriza...! ¡Si seguimos así, logo será fronteira Vilaframil, Dompiñor, A Devesa, etc.”... ¿Qué fai a Xunta de Galicia ó respecto? Qué sepamos, nada. Algúns, estábamos queimados co presidente Touriño, ó que Balbino Pérez (alcalde de Ribadeo) tivo que increpar pola súa mala “vocalización” do topónimo, ante Areces. E de este goberno da Xunta tampouco esperamos nada, posto que xa empezou a súa andadura de manifesta subordinación a intereses estraños a Galiza, poñendo en solfa a lingua, base esencial da nosa cultura galega”.

Pois ben. Todo isto que estaba pasando co topónimo da Ría de Ribadeo, foi denunciado por nós ata a saciedade. Diciamos en 2009, “Mentras houbo ribadenses na administración estatal e local, da talla e categoría de D. Leopoldo Calvo Sotelo (Marqués da Ría de Ribadeo, ¡menudo desplante lles pegou ós tartufos!) de D. Pancho Maseda ou de D. Eduardo Gutierrez, todos eles alcaldes de Ribadeo que menearon Roma con Santiago con cartas constantes de protesta as Institucións Españolas, Asturianas e Gallegas pola inquina manifesta, que se estaba a producir con dito topónimo, da Ría de Ribadeo, especialmente desde 1985 (época da apertura da maldita Ponte dos Santos) ou aproveitando calquera evento (como a creación das autonomías) para tratar de morder outro bocado máis do territorio ou da propia historia do Reino de Galicia (léase o Bierzo tamén). Das autoridades locales actuales, esperamos que continúen pola misma liña que os seus antecesores, sen perder unha coma... sen dar trégua a ignominia... pero segundo se están a desenrolar as cousas... ¡xa veremos si están a altura...! Agora, seguro que no Principado aproveitaran, polo que estamos vendo, a coronación do Principe de Asturias como rei (¡espero que viva D. Juan Carlos outros cincuenta anos al menos e de tempo a espallar as miñas cinzas na Ría de Ribadeo!). Non é broma. Xa vimos fai dous anos o Principe Felipe dicir en Castropol, Ria do Eo, polo que xa están concienciando o futuro rei para tal evento. Ademais, están preparando o terreo no parlamento de Asturias para que haxa “constancia previa de trámite” apoiada pola maioría dos seus partidos políticos, PP, PSOE e IU (léase artigo de Evaristo en La Comarca del Eo 14-agosto-2009)”

Despois dos alcaldes Eduardo e Balbino, non volvemos a ver unha nota de prensa, nin unha carta de protesta desde o Concello de Ribadeo. É máis, cando se lle dixo o alcalde que algo había que facer cos libros para escolares da Ría de Ribadeo e Ría do Eo, dixo que el estaba canso da polémica e que non ía protestar contra o alcalde de Castropol. Sr. D. Fernando Suárez Barcia, sinto moitísimo dicirllo, créame, pero non fixo ningún seguimento de todas estas falcatruadas. Son militante do BNG desde fai moitos anos, un galeguista ata a médula, pero vostede non volverá para a alcaldía de Ribadeo, co meu voto. Non é digno de sentarse na cadeira do Marqués de Sargadelos, un armador notable que mandou facer as cartas da Ría de Rivadeo, para meter aos seus 79 barcos mercantes no Porto de Ribadeo. Non se pode “pasar de todo” como fai e fixo a Deputación de Lugo, ou a Xunta de Galicia, o que da a entender de que os galegos temos o que merecemos. Isto que ocorre co nome da Ría de Ribadeo, é problema de tódolos galegos, pois queirámolo ou non, somos un pobo fronteira do Reino da Galiza e os representantes do Principado, están cambiándolle os “marcos” do territorio década tras década.

Non era difícil de predicir sabendo da “mamandurria” histórica da Administración españolista (que non española), que como diciamos, esperarían a que o Príncipe Felipe de Borbón chegara a reinar, e aínda por derriba, teñen a carambola de que se namora de Dª. Leticia, que sería a primeira raíña consorte asturiana. Non había máis que esperar que houbera un individuo apropiado na alcaldía de Ribadeo e outro Instituto Geográfico Nacional, para que se dobregara todo as pretensións do Principado de Asturias, e mira por onde tócalles un murciano, un conveciño da xuíza que lle dita a famosa sentencia a unha galega da “Galicia Profunda”. Que máis queremos, somos uns cenizos.

-- 
Algunha entrada anterior:

 

20210423

RÍA DE RIBADEO. Pancho Campos Dorado

 

RÍA DE RIBADEO

Pancho Campos Dorado

    Filibusteros é a palabra que emprega o dicionario para referirse ás pragas infecciosas dos piratas do Caribe, xente putrefacta empeñada en apropiarse do alleo por vía marítima. Esas cuadrillas de individuos que turran, turran e turran unha e outra vez empeñados en apropiarse do alleo, e non cabe dúbida de que o que buscan os patrioteiros do Principado de Asturias é o botín arqueolóxico subacuático que hai por miles de pezas no fondo da Ría de Ribadeo. O nome da ría claro que importa, pois perdida a identidade toponímica do lugar pasa de ser do Reino de Galicia, a ser un topónimo inventado e compartido co Principado, ente xurídico que se dedica a expandir o seu territorio desde fai séculos a costa dos territorios galegos, e para iso vai inventando cousas. Tal exemplo témolo en aquel Afonso I “o Católico”, ou sexa, lacaio da igrexa católica, xenro de Don Pelaio pois estaba casado coa súa filla Ermesinda, e que un día pola maña deulle a turrada, e proclámase primeiro rei de Asturias, cando Asturias sempre foi unha provincia da Gallaecia e nunca un reino documentado como tal, por máis que aos “españolistos” facedores de historietas o escriban en libros, libretos e na Internet. O seu sucesor Fruela I (757-768) era tan sumamente malvado que o asasinaron, iso si deulle tempo de fundar Oviedo.

    Ribadeo é un porto estratéxico do Cantábrico desde a época comercial celta-grega de máis de dous mil anos de antigüidade. Todos eses vestixios históricos patrimoniais están enterrados no fondo da Ría de Ribadeo. A súa localización tan estratéxica no Camiño de Santiago e no comercio marítimo do Atlántico, vírona no século XII tanto os bispos de Oviedo e de Mondoñedo, como o rei Alfonso VII “o Emperador” (rei 1126-1157, fillo de D.ª Urraca e coroado rei de Gallaecia en Santiago por Xelmírez en 1111 e como emperador en León en 1135) e amplía a súa xurisdición real en detrimento dos intereses bispais de abadengo.

    Nestes intres do s. XII, o bispado de Mondoñedo perde contra do bispado ovetense a xurisdición do territorio de Reboredo que se converterá no concello de Castropol, punta de lanza do convento ovetense e máis tarde do Principado de Asturias, contra os intereses da Galiza e de Ribadeo ata os nosos días (por algo seguimos sen Xulgado de 1ª estancia e de outros organismos oficiais).

    No século XIII Ribadeo é sé episcopal con Igrexa Catedral-Colexiata e chega a ser o Porto comercial máis importante do Cantábrico como consecuencia tamén do seu rango de Vila e do privilexio de Carta Puebla con dereito a celebrar mercado, que lle concedera Fernando II (rei 1157-1188 da Galiza, de León e doce anos tamén de Toledo, durante a minoría de Afonso VIII, o das Navas de Tolosa). Ribadeo no século XIII é bocado territorial moi apetecible para moitos intereses, cuxo valor chega aos nosos días, e se no século XII tivo o bispado de Oviedo o atranco dos interese do rei e non consegue facerse coas Terras de Ribadeo e de Miranda, volven a turrar e turrar unha e outra vez, sempre que atopan unha debilidade no goberno do Reino de Galicia. Hai varios preitos anuais desde primeiros do século XVI contra os intereses do comercio do sal que chega ao porto de Navia e cuxas alcabalas cobraba o Conde de Ribadeo.

    Turrar, turrar, turrar esa é a cuestión, ata que fan a falcatruada no século XVI, cando chega a ser VI Conde Ribadeo e II Conde de Salinas de Añana (Álava), Diego Gómez de Sarmiento e Villandrando, un personaxe que vende ao Principado de Asturias en 1551 en Medina del Campo (vamos, ao lado de Ribadeo!) as Terras de Ribadeo e as súas servidumes intre Eo-Navia por 8500 ducados. Esas terras eran do Reino de Galiza e non eran propiedade do conde, pero por aquelas datas o menosprezo sementado polos reis católicos cara a Galiza, que había que queimala e arrasala como fora, matar, aforcar e despanzurrar antes de morrer a todo individuo con asomo de fidalguía galega, era un momento moi axeitado para os intereses do Principado, que facía un século que existía e tiña gañas de chegar canto antes co territorio á Coruña (na Internet, mapas de Asturias cos marxes territoriais na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, hai uns cantos exemplos). Así se escribe a historia confeccionada da Hispania-españolista.

    A estratexia secular dos gobernos de Asturias por conseguir gobernar o Porto de Ribadeo nunca se perdeu, e volven turrar no ano 1958, aproveitando a ditadura franquista, xa que Franco estaba casado cunha asturiana e éralles fácil chegar a el, pois na “Corte de Oviedo” non o podían ver e parece ser que el quería granxearse o seu favor. Pois ben, neste ano 1958 a administración franquista fixo a delimitación interprovincial que lle deu a gana, trasladando a “liña de marcos” da ribeira asturiana ata o medio da Ría de Ribadeo, pasando polo arte de “birlibirloque” miles de hectáreas da provincia de Lugo, para a provincia de Oviedo, cando a marcación da Ría de Ribadeo foi sempre en ambas ribeiras do territorio do Reino de Galiza. Pero non cabe dúbida de que aqueles do goberno da provincia de Oviedo, foron falcatrueiros listos, e aqueles gobernadores da provincia de Lugo non movían un dedo por nada que puidese desacomodalos do posto onde tan ben vivían. Aquela trapallada franquista quedou tapada para os ribadenses, que non se decataron de nada, pois aquel agosto de 1958 foron inaugurados por Franco o Parador de Turismo e o Instituto Laboral “Carlos María Rodríguez de Valcarcel”, ambos establecementos moi desexados por todos os veciños de Ribadeo.

    Outra sibilina turrada, e non cabe dúbida que de “xente lista” que está a todo o que se menea, foi a denominación no ano 2011 do espazo da Biosfera “Oscos, Rio Eo e Terras de Burón” onde toda a toponimia das Terras de Ribadeo e de Miranda se asolagou dun plumazo. Que pasaba en Ribadeo no ano 2011? Había eleccións municipais. Levaban gobernando en coalición PSOE e BNG (2007-2011) e aquel ano gañou o BNG por maioría absoluta (2011-2015). Que lles pasou a estes dous partidos para permitir isto? Sinto moitísimo dicilo pero comentáronme que “non pensaban que tivera importancia pois non se nomeaba tampouco a Asturias”. Eu escribín denunciando esta barbaridade toponímica en dous artigos sobre a “Buronlandia” que se acababa de crear (tamén en La Comarca del Eo 1-outubro-2011 e 2-novembro-2011), pero igual deu, non entenderon o que leron, si é que os leron.

    Agora volve o goberno do Principado de Asturias a turrar co nome da Ría de Ribadeo, con saña por sacar un bo bocado, coma sempre. Por que agora?. Sen lugar a dúbida porque quere ter o control dos pécios e dos restos arqueolóxicos da Ría de Ribadeo para encher as vitrinas dos seus museos ata rebousar. Agora van a chegar fondos europeos para a recuperación económica de España, na inxente cantidade de diñeiro de 140 mil millóns de euros que serán repartidos entre as comunidades. Veredes como aparecerá a beata santurrona con pantalóns, que nos loubará o ben que o fai o PP no goberno da Xunta de Galiza e cuxo modelo debería ser extrapolable ao resto do Estado, pois hai que ver o ben reparte migallas de calderilla por Ribadeo.

    Seguro que sabe traballar mellor a cuestión monetaria o Principado que a Xunta, só hai que ver o impulso que lle deu aos Oscos, a Taramundi, etc. pero na Ría de Ribadeo non podemos deixarnos cabalgar por tamaños veciños que nos tocaron en sorte, pois o que cabalga ten dominio da cabalgadura, tena amestrada, domada, sometida, e non é o caso cos veciños de Ribadeo. Asturias aliouse con León, Castela ou Santander para destripar e esquecerse da Gallaecia ou Reino de Galiza de onde eran provincias e condados. Chegaran farfallando a onde queiran chegar, pero neste lado da Ría de Ribadeo nin somos primos nin irmáns deles, somos ribadenses, algo xenuíno que só se atopa na boa xente.

    O Porto de Ribadeo é nestes momentos gracias a “benevolencia” (ou incompetencia?) da Xunta de Galiza, o porto occidental de Asturias por excelencia. De aquí saen case 500 mil Tm. ó ano de pasta de papel cuxa papeleira da postos de traballo ós asturianos. Todos os montes da nosa comarca galega plantan eucaliptos para esa papeleira asturiana que tamén establece os prezos de compra, cuxo monto da escasamente para repoboar a maioría das pequenas fincas que están plantadas. Os camións que traen a pasta ó muelle de Ribadeo son de compañías asturianas conducidos por asturianos. Do porto de Ribadeo viven escasamente unha ducia de persoas galegas a día de hoxe, cando antes vivían máis da metade das familias da poboación de Ribadeo. A Capitanía Marítima estivo comandada desde a década de 1980 ata fai un ano, por un mariño mercante asturiano, incluso o Práctico do Porto de Ribadeo é asturiano. A Xunta reparte prebendas para que sigan vindo cargar a Ribadeo a pasta da empresa privada ENCE, e rebáixalles as taxas do porto para que estean contentos, en vez de sacar avante as infraestruturas necesarias para que o porto sexa rendible. Levantar ou peraltar a táboa da Ponte dos Santos ata os 45 ou 50 metros cunha ponte colgante ou atirantada pois hai que tirar as pilastras centrais que estorban ao tráfico e a manobra polo canal, dragar a ría ata os sete ou dez metros de calado cribando a area para salvar as pezas arqueolóxicas que aparecerán por centos ou miles a esa profundidade, desescombrar a obra incivil que desde 1980 os “enxeñeiros” de Camiños, Canales e Portos de mentalidade obtusa e faltos de toda práctica competente, foron incorporando a ría e transformaron un porto comercial nunha marisma para cullaretos de ras. Hai que limpar todo o escombro desa escollera e levar por diante todos os diques do porto deportivo e situalo na Vilavella para deixar diáfano o canal para o tráfico marítimo. Para que queremos os ribadenses nestas condicións o noso porto? Que se vaian, que carguen a pasta no porto “del Navia”, no de Castropol, no de Figueiras, no da Veiga, que a leven en trens ou en tractores a cargar a Avilés, ó Musel de Xixón. Non nos están ameazando constantemente con esa verborrea vergoñenta?. Pois que se vaian dunha puta vez da Ría de Ribadeo que con ese mediocre comercio marítimo teñen ós da Xunta de Obras de Portos da Galiza obnubilados e pasmados. En Portos de Galiza teñen que poñerse a traballar por Ribadeo e deixarse de alugar ao mellor postor o Faro da Illa Pancha ou deixar de percibir dereitos de amarre que autofinanciarían o dragado da ría e a súa rehabilitación. Que se poñan a traballar como fixeron os vascos na Ría de Bilbao que transformaron aquela porcallada de ría en un magnífico centro turístico de proxección internacional. Vaian por alí e aprendan algo ¡¡Viva Galiza Nación!! Érguete que te tan pisando!!

20201208

A nosa paisaxe Navideña. Pablo Mosquera

 A nosa paisaxe Navideña

    Dicía Ramón Canosa, como o noso litoral desde A Estaca a Morás constitúe unha paisaxe brava sen esas blandenguerías do Mediterráneo, con furias abismales e roucos queixumes polos destrozos que sobre as rochas graníticas producen as ondas. Estámolo vendo desde que comezou decembro -Augas Santas- Ese Tempo de Advento que prepara para o Nadal. Será diferente, polas restriccións sociais que impón a pandemia, pero as poboacións -parroquias- seguirán pendentes das mareas co seu ruído ás veces ampliado polos ventos. Unha fermosa furia da natureza que invita a refuxiarse xa sexa en cantinas ou na propia casa que cambiou o lume das cociñas por cómodos sofás cara ao televisor de gran pantalla, capaz de facernos viaxar por eses mundos afastados ao mesmo tempo que mergulla ás familias en silencios de charlas e preguizas para a lectura dun bo libro.

    A situación, estraña e cruel, tapou os centenarios a Don Benito Pérez Galdós, Mario Puzo, Miguel Delibes ou Benedetti, quen nunha fermosa estrofa avisábanos: "No cabe duda. Esta es mi casa / aquí sucedo, aquí me engaño inmensamente / Esta es mi casa detenida en el tiempo". Tamén a Isaac Díaz Pardo.

    Son devoto de Cunqueiro. Fabulador. Mistura entre os mitos e a historia. E que de estar entre nós seguiría máis interesado nos seus artigos "El envés", pola outra actualidade, distraéndonos dese parte diario- con cifras de guerra- que ocupa o tempo nos medios de comunicación. Ensinábanos a ver o que non nos ensinan. Trasladábanos a un mundo máxico e genuinamente galego. Desde aquelas parrafadas que escoitou á beira dunha lareira ata as que compartiu en tabernas como a de "Póngalas" entre cuncas de viño do país. Seguro que perseguindo a sombra de Merlín por terras de Miranda.

    Permítome retroceder ata o outono de 1887. Apróbase e publicita o Plan Xeral para o Alumeado Marítimo. Comeza recoñecendo o escaso e imperfecto servizo dos faros, a diferenza de como estaban situados e funcionando en "todos os países cultos", e iso nunha España marítima de primeira orde. O descoido de tales sinais propicia unha grave inseguridade para a navegación. A piques de concluír 2020, tales faros están superados por outros artiluxios. Pero seguen sendo Catedrais da Mar e forman parte do alumeado Navideño dos nosos pobos costeros, moito máis fermoso que esas árbores importadas desde o norte de Europa e que xunto con personaxes que viaxan en trineos impuxéronse ao vello e fogareño Portal de Belén. Ata tal punto que algunha cidade galega compite con Nova York en tamaño e intensidade lumínica.

    O Nadal é punto de encontro. Tamén esperanza para lograr saúde e algunhas demandas. Así en 1979 aprobouse a construción do Porto de "Aluminio Español S.A" na ensenada de San Cibrao. Ou en 1986, cando a ilusión estaba depositada no funcionamento do novo Hospital da Costa, sito na parroquia de Santa María de Burela do Concello de Cervo. Pero tamén na inauguración da Casa do Mar en San Cibrao.

    Esta vez as peticións e atencións céntranse na chegada das vacinas contra o COVID-19; e mentres, nesa palabra tan nosa de "sentidiño" para evitar que as festas traian unha borrasca invernal que obrigue a fondear as nosas vidas e rematar afundindo a economía social.

20180110

O CAMIÑO NORTE POR BARREIROS. Breve historia. Emilio Piñeiroa Lozano

O Concello de Barreiros atópase situado na franxa norte da provincia de Lugo, denominada A Mariña.
A súa situación xeográfica pode considerarse un privilexio natural, xa que se atopa entre o mar Cantábrico, con finísimos areais de ata 8 kms, e a montaña.
O Camiño Norte percorre a zona interior do concello, zona agrícola e gandeira por excelencia.






O CAMIÑO NORTE POR BARREIROS. Breve historia
Ribadeo era para o peregrino o primeiro punto do seu itinerario galaico ata Compostela.
Os peregrinos deixaban Ribadeo cara a Mondoñedo e abandonaban definitivamente o seu contacto co mar, internándose por Ove ata a Nosa Sra. da Ponte, na parroquia de Arante, onde o cóengo mindoniense Juan Marqués empregou os seus bens, no século XVI, na creación dun hospital para peregrinos.
O camiño atravesa unha arboreda e entra no Concello de Barreiros. Dende o alto, divísase o gando nun terreo de abundantes pastos e un pequeno val surcado polo río Porto Bragán. Aos nosos pés, a parroquia de Vilamartín Pequeno e na outra ladeira, Vilamartín Grande, barrio que pertence á parroquia de San Xián de Cabarcos. Ao fondo, Fórnea, do Concello de Trabada.
En Vilamartín Pequeno visitamos a Igrexa parroquial, na honra de San Xoán Degolado.



Os peregrinos, despois de cruzaren o río e subiren unha empinada costa que conduce a Vilamartín Grande, encontran á esquerda a Capela do Carme que pertenceu a unha fundación e que no ano 1995 foi arranxada polos veciños. No interior, na parede lateral esquerda, nunha lápida hai a seguinte inscrición: “Esta ermita está fundada un aniversario Santísimo de una misa cantada con responso y cuatro rezadas en cada día de las festividades de Nuestra Señora de la Merced y del Carmen de cada año a ocho reales de limosna por las cantadas y a tres las rezadas paso la escritura de dotación ante Bernabé de Miranda. Notario en 29 de 7 de Diciembre de 1.692, años”. No altar,na parte central, está a Virxe do Carme, patroa á que se lle celebra a festividade o 16 de xullo; a ámbolos dous lados, dúas virxes do barroco galego, de 1692; na de menor tamaño pode lerse: “Nosa Sra. de las Angustias de las Beatas Marías”. É de destacar un cáliz e unha patena, cunha inscrición na base: que di: ”D. Salvador Menéndez, año 1.692”.
Á dereita do camiño atópase o teleclub e a escola, pechada co gallo da concentración escolar e , na mesma situación atoparemos as escolas de Gondán e San Xusto.



Seguindo o camiño, antes de baixar a Gondán, o alto de Vilamartín Grande pode servirlle ó peregrino de mirador, dende onde se divisa unha perspectiva do Val de Cabarcos, formado por San Xián e San Xusto. Plinio afirmaba que os antigos “cibarcos“ eran cidadáns dunha república no convento xurídico lucense do tempo dos romanos. Podemos deixar establecido que os cibarcos extendíanse dende a desembocadura do Masma, en Foz, á do Eo en Ribadeo.
Madoz e Vicetto supoñen que foron os primeiros moradores desta terra de Cabarcos.



De crer ó P. Flórez, o documento máis antigo que se coñece en España refírese a este Concello. Trátase da doazón duns terreos do ano 755, situados entre o río Eo e o Masma, feita polo rei D. Silo, a instancias do abade Esperanta, a varios monxes para que edificaran alí un mosteiro.


O nome de Cibarcos consérvase a través da Idade Media, sen máis variación que o cambio do i en a, aparecendo xa nos primeiros séculos da Reconquista. Xa no ano 916 aparece un documento no que Ordoño II doa as igrexas situadas entre o Eo e o Masma, onde figuran as de Sancti Justi de Cabarcos e Sancti Julliani de Giliari.
No ano 1406 López Díaz de Teijeiro doaba ao bispo de Mondoñedo a terraría de Cabarcos; os seus escudos aparecen citados nun documento do Mosteiro de Lourenzá, que leva a data de1448. Deberon vivir aquí numerosas familias de recoñecida nobreza e fidalguía.
Segundo documentos encontrados, Pedro Pardo de Cabarcos (sobriño do Mariscal Pedro Pardo de Cela) era dono de grandes terreos neste val que vendeu por 2000 maravedís para axudar ós Reis Católicos na toma de Granada.
A vida das xentes que habitaban nestas terras transcorreu pacífica e sosegadamente, dedicándose ao traballo agrícola e manual; chegando a haber a finais do S. XVIII (1787), no Concello de Cabarcos 21 telares e 504 arrobas de viño.
O Concello estaba formado por S. Xián de Cabarcos, S. Xusto de Cabarcos e Vilamartín Pequeno, estando a capitalidade no primeiro.
Na actualidade pertence ao Concello de Barreiros, adicándose á gandería e á agricultura.
En Gondán (S.Xián de Cabarcos) atopamos unha pequena capela, na honra da Virxe do Pilar, coas imaxes da Virxe e de Santiago Apóstolo; ao lado a fonte de Cimadevila onde o peregrino pode saciar a sede. A poucos metros o albergue de peregrinos.
Camiñamos en descenso ata a parroquia de S. Xusto de Cabarcos, cruzando o río Puxigo, atopamos o albergue de peregrinos (antiga escola), deixamos a estrada asfaltada collendo unha pista ata a Igrexa. Atopamos un cruceiro, en recordo da capela do Bo Suceso, destruída en 1984; esta imaxe, xunto coas de S. Sebastián e S. Roque peregrino atoparémolas metros máis arriba na Igrexa; que chama a atención pola súa situación, na parte alta, coma se estivera vixiando o val e esperando a chegada do peregrino. En 1993 foi arranxada, sendo párroco D. Santiago Riguera Díaz. Data de antes do ano 900, con planta de cruz latina. Destaca o retablo barroco de 1753, a súa imaxinería como O Apóstolo Santiago peregrino, S. Xusto e S. Pastor, patróns da parroquia; entre outros é de admirar o púlpito e dous confesionarios, obra do artista local Santiago Candia (1916), autor tamén do retablo da Virxe das Dores.
Casa do Concello de Cabarcos


Cárcere do Concello de Cabarcos

O peregrino deixa o Concello de Barreiros, pasa por unha zona de bosques que o leva ó veciño Concello de Vilanova de Lourenzá, atopando a capela de Santa Cruz preto do campo de fútbol. En Lourenzá os peregrinos recibían unha calorosa acollida no mosteiro, que data do século X. Impresiona a actual fachada barroca do mosteiro, deseñada polo arquitecto compostelán Fernando Casas Novoa, autor da fachada do Obradoiro.
Da importancia deste Camiño Norte ou Camiño Real, temos o testemuño da existencia de dúas pousadas: a Casa de Veiga do Camiño Real en Gondán e a pousada de Inocente do Curbeiro en S. Xusto.

20171218

ESCUDO HERÁLDICO DA ERMIDA DE NOSA SEÑORA DA PONTE DE ARANTE Francisco José Campos Dorado


Este Escudo de Armas está pintado na parede Norte interior da Ermida da Ponte de Arante, cuxos documentos máis antigos, do ano 1514, a denominan Ermida de Nosa Señora Santa María da Ponte. En 1517 usan a expresión: Hermita de Santa María da Ponte das Mestas, cuxo apelativo “mestas” provén do feminino latino “mixtas” que significa: “mesturadas”, neste caso, produto da unión ou confluencia de augas correntes do rio e regatos (augas mestas), circunstancia que ocorre no lugar onde se sitúa o Santuario. Desde o ano 1561 ata o día de hoxe, coñecese como Ermida de Nosa Señora Santa María das Virtudes, ou como agarimosamente lle din os vellos veciños, “A Santiña” (Santuario de Nosa Señora da Ponte, Arante, D.José María Fernández Fernández, Arquiveiro Diocesano de Mondoñedo, 1986, páx.7-8 // Cadernos de Investigación IES Dionisio Gamallo Fierros de Ribadeo, Nº6, 2005, Limiar de D. José Ferreiro González, Cura Párroco de Arante).
Nesta parede norte, hai pinturas murais do medievo que representan elementos evocativos, segundo se miran de fronte e de esquerda a dereita: a Asunción, a Coroación de María e o Descendemento da Cruz, e no marco da dereita destas últimas imaxes, está este escudo heráldico, sen acabar de rematar o brasonado, tal e como o vemos na foto re-debuxada. Na parte inferior das pinturas, hai unha inscrición que di: “ESTA OBRA MANDOACER EL SENNOR PERO PARDO DE AGVIAR SENNOR DEL COTO DE SAN MARVGO A SV COSTA SE INICIO DE NVESTRA SENNORA EN EL ANO DE MIL D XVI” (Ano 1516) (ibidem, Nº6, 2005, páx.12).
O escudo ten a forma que os tratadistas heráldicos chaman “español carlista” ou “de forma de casulla” (El Diseño Heráldico, Luis F. Messia de la Cerda y Pita, 1990, páx.29). O apelativo “carlista” refírese ó rei Carlos I de España e V de Alemaña (rei 1517-1556), pois da súa época datan as labras de deseños heráldicos españois con reminiscencia xermánica. É un escudo contido nas formas, sen adornos e sen ostentación algunha, coa boca (perfil que bordea o contorno do campo) formada por unha bordura diminuída chamada “filiera”, cuxa parte do xefe está desaparecida.
Como nos di a inscrición, a obra pictórica mandouna facer, “Pedro Pardo de Aguiar señor de Samarugo”, pero o escudo do mural, é un escudo partido, en cuxa partición destra (do escudo) presenta en campo de ouro os dous lobos en pao dos OSORIO e na partición esquerda non hai ningún brasón pintado, ¿por qué? ¿a quen pertencería esa partición esquerda? ¿quen foi este señor Pero PARDO DE AGUIAR? ¿onde vivía para preocuparse de obras, reformas, adornos como as pinturas murais, etc. desta Ermida da Ponte?.
Segundo vemos en “Blasones y Linajes de Galicia”, do Padre D. José Crespo del Pozo, Volume IV, páx.123-125, os PARDO da Casa de Samarugo, veñen por liña sucesoria de D. Juan NUÑEZ PARDO “el Viejo” que estaba casado con Dª Teresa RODRIGUEZ DE AGUIAR, cuxo segundo fillo foi o Mariscal D. Pedro PARDO DE CELA, casado con Dª Isabel de CASTRO OSORIO, filla de D. Pedro ÁLVAREZ OSORIO, primeiro Conde de Lemos, e da súa muller Dª Beatriz de CASTRO Y CASTILLA, señora de Sumariego e irmá do Duque de Arjona (El Mariscal Pedro Pardo de Cela, Eduardo José Pardo, Alvarellos 1981, páx. 156). O Mariscal D. Pedro Pardo de Cela, viuse Señor de Samarugo, por ser sucesor dos seus sogros, así como do señorío da Frouseira, entre outras moitas propiedades. É obrigado non esquecer o comentario que fai o Padre Crespo a pé de páxina 124, onde lle parece estraño que a “Enciclopedia de Garraffa”, sitúe Samarugo do Partido Xudicial de Vilalba, Lugo, na provincia de León, o que considera unha errata que soamente se explica cando se escribe desde Madrid, sen coñecer o territorio galego. Cousa que con bastante frecuencia atopamos noutras moitas, pero moitas, citas e feitos da nosa historia de Galiza, das que en Ribadeo temos algúns exemplos, e non só do escrito en Madrid.
Como sabemos, o Mariscal Pardo de Cela foi decapitado en Mondoñedo o 17 de Decembro de 1483, e a súa viúva Dª Isabel de CASTRO OSORIO, retírase a pasar os últimos días, na fortaleza de Castromor onde falece o pouco tempo. Dª Isabel era neta de Dª Isabel de Castro Enriquez e de D. Pedro Enriquez de Castilla, Conde de Trastámara, é por tanto, Dª Isabel de Castro Osorio, era parente dos Reis Católicos por liña directa deste avó materno, tanto de Dª Isabel por ser Trastámara por parte de seu pai Xoán II de Castela (rei 1406-1454) aquel que lle concedeu a D. Rodrigo de Villandrando o título de III Conde de Ribadeo (Escudos de Armas da antiga Fortaleza de Ribadeo, tamén en La Comarca del Eo, 16-Set-2017), como de D. Fernando II de Aragón “O Católico”, por ser este fillo de Dª Juana Enriquez e neto de D. Fadrique Enriquez mestre de Santiago e Almirante de Castela. Deste parentesco cos Reis Católicos valeuse Dª Isabel de Castro Osorio, para pedir o indulto do seu home, e ao quedar viúva, para que lle fora revocada a orde de confiscación dos bens do Mariscal, que eran cuantiosos entre Mondoñedo e Viveiro. O Mariscal e Dª Isabel tiveron tres fillos: 1) Pedro “el Mozo” ou Pero de MIRANDA SAAVEDRA E CASTRO, que segundo parece, foi decapitado o mesmo día e na mesma praza de Mondoñedo que o pai a idade de dezaseis anos. 2) Dª Beatriz de CASTRO, que casou con D. Pedro BOLAÑO E RIBADENEIRA, señor da Fortaleza de Torés, na serra do Cebreiro. 3) Dª Constanza de CASTRO, herdeira da Casa de Samarugo entre outras propiedades, casada con D. Galaor OSORIO, quen era fillo bastardo do Conde de Lemos, polo que o dito Conde de Lemos, casou ao seu fillo bastardo cunha neta lexítima, seguindo as costumes da endogamia da época, polo que un medio tío casouse cunha sobriña. D. Galaor fai testamento o 13 de Maio de 1480, data que nos sirve para situarnos no período de tempo cronolóxico.
Dª Constanza e D. Galaor tiveron por fillo a D. Pedro ALVAREZ OSORIO, señor de Samarugo, Muras, Piedrafita, etc. que casou con Dª Mayor BASANTA DE AGUIAR, os cales tiveron por fillos a: 1) Dª María OSORIO que herdou o señorío de Samarugo, e casou con D. Pedro PARDO DE AGUIAR a quen parece, pola cronoloxía e data das pinturas, que se refire a inscrición desta pintura da Ermida de Nosa Señora das Virtudes da Ponte, pois ó casarse con Dª María OSORIO pasa a ser el o Señor de Samarugo. D. Pedro PARDO DE AGUIAR, era fillo de D. Pedro PARDO DE AGUIAR, Señor do Val de Cabarcos, de aí a proximidade de veciñanza e relación coa Ponte, e de Dª María SIERRA E RON.
Dª María OSORIO e D. Pedro PARDO DE AGUIAR, o da inscrición, tiveron catro fillos: 1) D. Andrés PARDO OSORIO de AGUIAR que herda o señorío de Samarugo, e cásase en 1ª nupcias con Dª María TORRES, e en 2ª nupcias con Dª Beatriz de TABOADA. 2) D. Antonio PARDO OSORIO DE AGUIAR, casou con Dª Teresa GONZALEZ DE CÁNDAME ANDRADE E RIBADENEIRA, de cuxo segundo fillo, D. Pedro PARDO OSORIO, casado con Dª Antonia de NOBOA, descende Dª Emilia PARDO-BAZÁN. 3) Dª Inés de CASTRO ou Dª Inés OSORIO que casou con D. Luís de Villarín. 4) Dª Teresa OSORIO que se casa con D. Ruiz DÍAZ DE RIBADENEIRA.
O escudo de armas, ó ser partido (polo que vemos) e ó ter á destra do campo as armas dos OSORIO, lugar das armas do marido segundo as normas heráldicas, parece que tería que ser do matrimonio de D. Pedro Álvarez OSORIO, señor de Samarugo e de Dª Mayor Basanta de Aguiar, como describe a xenealoxía. Pero cinguíndonos literalmente o que di a inscrición, parecen ser as armas familiares de Dª María OSORIO e na partición esquerda (do escudo) terían que aparecer as armas primitivas dos PARDO DE AGUIAR: en campo de gules, unha aguia do seu color, picada, membrada e armada de ouro (en campo vermello, unha aguia negra, co pico, patas e garras de ouro). Isto contradiría a regra heráldica de colocación das armas: “á destra marido e á sinistra muller”, ¿sería por este contra motivo da regra heráldica que non se pintaron as armas da sinistra? ou ¿habería outras razóns que motivaron o borrado ou a non inclusión do brasón dos PARDO? ¿Que razóns ou incompatibilidades houbo?
Posiblemente a discrepancia que houbo para non rematar o brasonado do escudo, non foi unha cuestión heráldica, senón que había “discordia e enemistade política” por intereses moito máis terreais cós atinxidos á nobreza, entre os bispos de Mondoñedo e D. Pedro. Si miramos os documentos que aparecen na Real Chancillería de Valladolid, vemos que D. Pedro Pardo de Aguiar empezou a litigar por certas terras, co bispado de Mondoñedo desde o ano 1507, e cuxos litixios acadaron o ano 1542. Documento 1) Preito do bispo de Mondoñedo con Pedro Pardo de Aguiar e consortes, veciños de Mondoñedo, sobre a posesión de certas terras (anos 1507-1542) (Código: ES.47186.ARCHV/8.12.1.2//Preitos civís, Alonso Rodríguez (F), CAJA 2595,1. PERGAMIÑOS, CARPETA 112,6)
Documento 2) Executoria do preito litigado por D. Antonio de Guevara, bispo de Mondoñedo, con D. Pedro Pardo de Aguiar e consortes, veciños de Mondoñedo, sobre a posesión de certas terras (4-Novembro-1542) (Código: ES.47186.ARCHV/8.7.1//REGISTRO DE EJECUTORIAS,CAJA 564,45. Preitos civís, Alonso Rodríguez (F), CAJA 2595,1)
Durante estes trinta e cinco anos en preito, rexentaron a dioceses de Mondoñedo os seguintes bispos: D. Diego de Muros (1505-1512) quen inicia o preito; D. Diego Pérez (1513-1520); D. Gerónimo Suárez (1523-1532); D. Pedro Pacheco (1532-1537); Frei Antonio de Guevara (1537-1545) con quen se remata o litixio.
Estas terras en litixio, é de supoñer, que eran da herdanza de Dª María Osorio, e que pertencían a aquelas que lle foran restituídas polos Reis Católicos a Dª Isabel de CASTRO OSORIO, viúva do Mariscal Pardo de Cela. Dª Isabel de Castro, cando se casou co Mariscal, tivo unha dote espléndida do seu tío D. Pedro Enriquez de Castro que foi bispo de Mondoñedo entre 1426 e 1445. O bispado e prelados reclamáronlle o Mariscal moitas destas propiedades: “...quienes fulminaron contra él sentencias eclesiásticas que no lo conmovían en lo más mínimo” (Ibidem, Padre Crespo, Volume IV, páx. 124) de aí que houbera tantos anos de preitos xudiciais, incluso despois da vil execución do Mariscal Pardo de Cela.
D. Pedro Pardo de Aguiar, a pesar dos preitos, supoñemos seguiría sendo un fervente católico, que patrocinaba obras pías, como estes atraentes murais da Ermida de Nosa Señora das Virtudes da Ponte, que facían reflexionar sobre a idea da insubornable Morte viva e invitaban á devoción os miles de peregrinos que percorrían este Camiño Norte de Santiago, e que tamén, tantos beneficios traía para os veciños da comarca deste tramo do antigo Camiño Francés: Ribadeo, Ove, Cubelas, A Ponte, S. Xusto de Cabarcos, Lourenzá e Mondoñedo. Pero, D. Pedro, ó non querer “dar o seu brazo a torcer” e non ceder “polas boas”, aquelas ansiadas propiedades ós bispos de Mondoñedo, que levaban preiteando anos e anos tras delas, estes non lle permitiron tampouco integrar as súas armas, dentro da igrexa, no brasonado do escudo que nos acontece, posiblemente como unha acción que hoxe chamaríamos de “ninguneo”, por iso quedou o brasonado sen rematar, pois non lles gustaría que tales armas dos PARDO quedaran reflectidas en tan estratéxica e concorrida localización. As de OSORIO, ¡nin tocalas!: “viñan dos Reis Católicos”. Por suposto, non son eu a persoa máis cualificada para aseverar con toda certeza a hipótese aquí desenrolada, pero as Armas dos PARDO, non debían estar, por aquelas datas, moi ben vistas no ámbito catedralicio, pois eran as Armas daquel Mariscal que tiñan cualificado como: “un orgulloso señor “feudal” que presentaba “fobia anticlerical”, e que fora decapitado con aleivosía, trinta e tres anos antes de realizadas as pinturas da Ermida da Ponte, e segundo a lenda, pola bárbara e cruel ignominia da xente do bispo Fadrique de Guzmán (1462-1492) quen fixo entreter no lugar coñecido desde entón como a Ponte do Pasatempo, a Dª Isabel de Castro, que traía o perdón real firmado polos Reis Católicos, indultando da morte ao seu home o Mariscal D. Pedro PARDO DE CELA AGUIAR E RIBADENEIRA. Aquí pregúntome eu, pois non atopo os motivos por ningún sitio: ¿que crime cometeu o seu fillo de dezaseis anos, para ser decapitado tamén na mesma praza de Mondoñedo xunto có seu pai?. ¡Ningún, pero o exercicio da crueldade non precisa de razóns!
A lenda e a historia de PARDO DE CELA mestúranse, e aqueles acontecementos do cerco e traizón da Frouseira, dos crueis e bárbaros asasinatos, teñen feito correr rios de tinta en forma de poemas, cancións, ensaios histórico-lendarios e análises científico-históricas o que non quita en absoluto que teñamos nós, un anaco das consecuencias daquela mítica historia, na Ermida de Nosa Señora das Virtudes da Ponte de Arante, a cal, é un verdadeiro regalo tela tan cerca, e poder visitala calquera día que estea aberta, para poder contemplar e reflexionar con calma sobre os motivos das súas preciosas pinturas medievais: “onde a Morte viva, está situada na nave o lado dos fieis para que estes non poidan eludir a súa presencia, sempre a esquerda, orientada ao Norte, no reino do Demo, do frío e das tebras” (ibidem, Nº6, 2005, páx.17). Un pracer, un luxo, rememorar a nosa historia, as nosas lendas.