Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta pandemia. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta pandemia. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20250613

Un comentario arredor da XXX Feira da Ciencia de Ribadeo

 Un comentario arredor da XXX Feira da Ciencia de Ribadeo

    Un ano máis, a Feira da ciencia inundou non só o edificio do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo senón tamén os espíritos de expositores e asistentes a este evento anual. A trixésima edición tivo sorpresas. E este ano, non só o foron as diversas experiencias amosadas, montaxes feitos polo alumnado ou explicacións de asombran en boca da xente nova que nos ensina cousas que sabe. Tamén tivo lugar o encontro dos centros educativos de Ribadeo. Un encontro que xa propiciara a Feira en algunha edición anterior, pero ó que este ano, co apoio da dirección xeral de educación, se lle puxo o nome de ‘I encontro’, na procura dunha continuidade que se ve como favorecedora para os centros educativos, pero tamén para Ribadeo no seu conxunto.

    O encontro propiciou así que os máis pequenos tamén estivesen representados, con informacións como a do CanSat, participando nun innovador concurso a nivel europeo que fai ós máis pequenos partícipes da aventura espacial en Europa, e non só como espectadores, senón como actores. Unha experiencia na que descoñecía tivera participación un centro ribadense, que a ten xa por segundo ano. Non é nin moito menos a única sorpresa que ofreceron os dous centros educativos dos pequeniños ribadenses. O CIFP Porta da Auga amosou a súa oferta educativa, con diversas montaxes, técnicas e demostracións que podo testemuñar chamaron a atención.

    E, da man de Susi Besteiro, o IES desenvolveu a feira en si, con cantidade de montaxes, maquetas, estudos, etc, que non se deben resumir só nos títulos e que abranguería abondo máis que estas liñas o adicarlle algún pequeno comentario a cada un. Aínda así, vaian tres títulos collidos ó chou:

– Otolitos de peixe. Ben, se non sabes o que é un otolito, sempre queda a Galipedia ou a intelixencia artificial, pero garántoche que a explicación non será o mesmo que en vivo e en directo na feira…

– Pedras no ril. Se por desgraza as tes, xa saberás algo delas, pero a completa descrición do que e do como dos tratamentos, xunto coa ponderación para a elección dun deles, podes tela estando san nesta XXX Feira da Ciencia.

– Soláforo. Non sabes o que é? Pois un semáforo autónomo funcionando a partir de luz solar e con vantaxes sobre os semáforos convencionais. A maqueta estaba clara, en conxunto coa explicación.

    Trinta anos, pandemia por medio, cambio de centro, alumnos que agora xa son profesores ou pais de alumnos que están participando, son algunhas das características desta feira da ciencia. Se miramos ó futuro, pode que o comezo cara á consolidación dun evento a nivel de tódolos centros de Ribadeo, que a nivel de Ribadeo – sociedade lévao sendo xa hai tempo. E, en calquera caso, algo que ten ó alumnado en primeiro termo, porque a feira é sobre todo, para eles e por eles, para o seu proveito e manexando eles mesmos os útiles que os fan avanzar na comprensión do mundo e na súa xestión.

Xardín de pensamentos de Rosalía. Obra do alumnado do CEIP Gregorio Sanz  
--- 
    A lembrar que o blog está en proceso de migración, e o outro enderezo, https://ribadeando.gal ou o equivalente https://blogs.amarinha.gal/ribadeando

20250302

7291? Gastronomía galega! Salvatierra e Ayuso

7291? Gastronomía galega! Salvatierra e Ayuso

    Non, non preguntes polos 7291 mortos das residencias madrileñas en pandemia. Pregunta polo impacto da gastronomía galega na presidenta madrileña.

    Coido que o anterior podería tomarse como resume informal da ¿conferencia? que Díaz Ayuso quixo dar en Ribadeo en días pasados, nos Foros de debate do Voar / Sargadelos. Foros polos que leva pasado dende hai anos unha morea de xente, 45 persoas ben coñecidas dende Calvo Sotelo a Isaac Díaz Pardo, e que polo de agora remata con Isabel Díaz Ayuso. Con ela e con José Ángel Salvatierra Rico. Salvatierra non estaba no cartel, non estaba na mesa, pero fixo a intervención necesaria, a máis longa e contestada na quenda de preguntas, e coido que o seu nome debe quedar asociado a esa charla do 14 de febreiro (San Valentín, patrón do amor e ben contraposto ó tema debatido).

    Vaiamos cara ó final da charla, que polo momento se pode ver en Youtube (“X FOROS DE DEBATE : Doña ISABEL DÍAZ AYUSO”). A pregunta preparada polo presentador como remate da sesión era sesuda, para deixar bo sabor de boca á presidenta e á concorrencia: ‘Que le gusta más a Isabel Díaz Ayuso, el lacón con grelos, el pulpo á feira, el marisco o la tortilla de Betanzos?’ A pregunta pódese escoitar aló polo 1:14:30 do vídeo, e hai que tomala como un intento de remate distendido, intranscendente, dunha charla de media hora e unha quenda de preguntas de tres cuartos, quizais alongada un pouco máis para que non quedara mal sabor de boca pola pregunta do protagonista da noite, Salvatierra.

    E imos agora con el. No minuto 55:50 do vídeo comeza a súa pregunta. Aconsello, de querer vela, facelo no vídeo completo e non en algún dos cortes e montaxes que tentan aproveitar a pregunta de xeito combativo. Aconsélloo por varias razóns. A primeira, porque nese vídeo non está retocada, é unha ‘fonte primaria’ sen mediatizar, e polo tanto vese mellor o que pasou. Aconsélloo tamén porque alí se ve o ambiente seareiro que fixo que as cadeiras estiveran ocupadas ben antes do comezo da sesión por afíns políticos da presidenta madrileña, pasando a ser case unha falla organizativa que Salvatierra chegara a estar de pé ó fondo da sala. Aconsélloo para ser conscientes da dificultade de facer unha pregunta desenvolta dun xeito lóxico nesas circunstancias. Non, non digo que sexa un modelo lóxico ou discursivo, por outra banda difícil de manter no ambiente que se palpa, senón máis ben unha pregunta cualificable de normal, iso si, documentada, e ó tempo, valente. A pregunta, sobre os 7291 mortos nas residencias madrileñas, e a resposta, sobre a ‘trufa de intencións políticas’ nunha charla con tema político, sobre a mentira (a pesar de que esa cifra que non acepta, 7291, saíu do gabinete que preside Ayuso) ou a descualificación (dunha persoa que só coñece por unha única pregunta que fixo) como dixen, coido que é ben escoitalas no vídeo máis que facer un resume, e por iso aquí paro.

    Cunha excepción, porque para remate, gustaríame reproducir as últimas verbas de Salvatierra: ‘En recuerdo de los mayores y para que esto no vuelva a ocurrir’.

    O vídeo: https://youtu.be/LdYVjzqTaCQ?t=3330


 

 

20250215

Irresponsable

Irresponsable

    O tema viume por unha nova sobre o emérito, pero de xeito inmediato vin que pode aplicarse a unha presidenta da Comunidade Autónoma de Madrid, o que me levou a comprender que pode aplicarse tamén a outra xente, sempre que se cumpran unha serie de requisitos.

    Por se hai algunha dúbida, o dicionario da RAE dío ben claro. Collo a definición castelán porque ambos citados, emérito e presidenta, se expresan nesa lingua nas novas que nos chegan, pero podería ser dicionario da RAG. Irresponsable:

    "1.Dicho de una persona: A quien no se puede exigir responsabilidad. 2.Dicho de una persona: Que adopta decisiones importantes sin la debida meditación. Sin.: imprudente, insensato, irreflexivo, inconsciente, loco, desorejado, valeverguista, yoquepierdista."

Ayuso e Juan Carlos I, a partir de imaxes de Commons (por Cristina Cifuentes e Nicholas Gemini). Lic. CC BY SA 4.0

    O dicionario engade que tamén pode ser usado como substantivo. Dato importante, pois todos podemos actuar de xeito irresponsable nalgún momento -de feito, seguro que así é-, como humanos que somos, pero o chamarlle a alguén irresponsable, como nos casos citados dicir que el ou ela é un ou unha irresponsable, implica algo diferente, unha esencia. Poñamos por caso o do emérito: cando dixo aquelo de 'no volverá a suceder' referíase a un feito concreto, arrogándose o segundo significado da definición nun caso no que el tomou parte. Mais antes e despois daquelo seguiu a actuar de xeito irresponsable nesa segunda acepción, sabendo que tiña, -máis ben, que lle darían- certa cobertura (i)legal para ser irresponsable no sentido primeiro da definición: non é só que actuara de xeito irresponsable nalgunha situación, senón que como tal ser que é, sería irresponsable. Iso, en base o art. 56.3 da Constitución de 1978 ("La persona del Rey es inviolable y no está sujeta a responsabilidad", por certo, non dispoñible en galego na web a pesar de ser editados exemplares do texto constitucional en galego) mesmo saltando por riba do art. 64.1 ("Los actos del Rey serán refrendados por el Presidente del Gobierno y, en su caso, por los Ministros competentes.") que lle asigna a responsabilidade a quen refrenda ditos actos. Entraríamos por aí en cousas como se os ministros poden refrendar o levar cartos ó estranxeiro, xa que parece que por ser rei nalgún momento desas saídas hai quen di que estaría exento de culpa. Non parece que os episodios con Corinna poidan ser refrendados por ningún ministro, pero quen sabe se a doazón á súa conta pode meterse nalgún articulado. Digo, polas consecuencias-nulas- habidas. En tempos diríase doutores ten a igrexa, pero agora, nun estado que manifesta constitucionalmente "Ninguna confesión tendrá carácter estatal", aínda que pareza papel mollado, quizais se poda dicir 'xuristas ten o estado'...

    E, da irresponsabilide, a impunidade. Claro, se alguén non ten responsabilidade ou non se lle atribúe, non é punible, castigable, por esa responsabilidade que non ten. É dicir, queda impune por eses feitos sobre os que non ten responsabilidade.

    Collendo o título da obra 'Del Rey abajo, ninguno', poderíamonos preguntar sobre a irresponsabilidade na morte de 7291 persoas nas residencias de maiores madrileñas durante a pandemia, despois de serlles negada a atención debida dende a presidencia madrileña. En verbas de Isabel Ayuso, 'ían morrer igual'. Francamente, aí non sei de onde ven a irresponsabilidade, pois, segundo a constitución -cunha pequena excepción a algún xuíz- 'del Rey abajo, ninguno'. Será que as mortes están xustificadas? Será que a doutrina legal está amañada? Será que o das mortes é un invento progresista? Non sei o que será, pero mortos están, e as directrices foron impartidas, por moito que a irresponsable siga a sentar cátedra tamén en Ribadeo. Misterios.

20240929

EMOJIS MUTANTES. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

Composición a partir dunha captura de pantalla de www.emojitranslate.com

 

EMOJIS MUTANTES

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    O día 17 de xullo celébrase o día mundial do emoji, agora que hai días mundiais para todo. A súa orixe é xaponesa e nela “e” significa debuxo e “moji” signo, carácter ou personalidade. O termo emoji foi escolleito palabra do ano no 2019 por facilitar a comunicación non verbal para matizala, completala, suavizala ou enfatizala. Os seus antecesores na década de 1980 foron as emoticonas, creadas a partir dos signos de puntuación. Así, un sorriso representábase :), a tristura :(, unha chiscadela de ollo cómplice ;-) etc. Na década seguinte fixeron a súa aparición os emojis propiamente ditos para definir obxectos cotiáns (en sentido real ou figurado, como é o caso das froitas asociadas a significados sexuais) e sobre todo sensacións e emocións. O máis empregado de todos eles é sen dúbida a cara con bágoas de escachar a rir.

    Houbo varias campañas de usuarios a prol de engadir outros novos e para que os xa existentes foran máis polisémicos, inclusivos e adaptábeis ás características de cada país ou cultura. Ás veces algún deles leva a confusións ou a interpretacións erradas. Para iso mesmo existe unha web de consulta (www.emojitranslate.com), un verdadeiro dicionario de dúbidas desta linguaxe gráfica tan universal como os sinais de tráfico ou os códigos marítimos. A actualidade tamén exerce os seus condicionamentos sobre eles como sobre calquera outro sistema de comunicación. Así, a pandemia da Covid-19 deulle protagonismo ao pictograma da xeringa como símbolo da recén descuberta vacina.

    A auxe dos memes (elementos satíricos estáticos) e dos stickers (elementos satíricos en movemento, é dicir, animados) entre os membros da xeración Z (alcumados tamén centennials) obrigou á actualización dos emojis, dado que xa os ven un chisco anticuados e típicos de xeracións anteriores como a Y (ou milennial) e a X (ou da crise do petróleo de 1973, aproximadamente). A actual xeración, a Alfa, naceu con eles. Tanto é así que, por exemplo, a filla de 5 anos dunha amiga miña xa mos manda por whatsapp perfectamente combinados (como un xeroglífico exipcio) para que eu poida interpretar perfectamente o seu significado.

20240705

Recuncho da lectura: Consciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia

 


Recuncho da lectura: Consciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia

     Consciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia. Dra. Sonia Villapol Salgado. ISBN 9788411103572. Básicos Ciencia. Xerais. Vigo 2023. 267 px.

    Libro de divulgación sobre a CoVid19. Básico se se quere ter unha aproximación informad á enfermidade e á pandemia, tratando todos os aspectos imaxinables dun xito sinxelo e claro, pero coa base científica que respalda a autora, autoridade mundial sobre o tema.

20240308

No nome delas. Pablo Mosquera


 No nome delas

8-M. Non debéramos necesitar que nolo lembren. A cidadanía, que é fonte de dereitos (fundamentais e sociais contemplados na Constitución española vixente desde 1978), non ten xénero. Pero é bo recoñecer e agradecer o que fixeron por nós, habitantes de Galicia entre os séculos XX e XXI, tantas mulleres que construíron o progresismo co seu esforzo exemplar. Entendendo por progresismo, que as xeracións sucesivas viven mellor que as anteriores. Polo menos eu sempre estarei en débeda con elas.
Teño a sorte de pertencer a un espazo de traballo, o socio sanitario, onde dende a miña incorporación alá polo ano 1968, nese Hospital Clínico Universitario "San Carlos" de Madrid, vivín nun entorno con tres características: Actividade pública esencial e maioritariamente feminina. Igualdade de prestacións laborais, económicas e xerárquicas entre mulleres e homes. Dedicación exemplar das nosas damas, compañeiras dos equipos multidisciplinarios para curar e atender aos enfermos -penúltima vez pola pandemia-.
Mais houbo momentos nos que as veciñas do meu Concello tiveron que loitar, e son momentos históricos dos que podo dar fe documentalmente e que quero compartilo como cidadán dedicado á cultura.
No verán -23 de agosto- de 1892 as mulleres toman protagonismo e amotínanse, atacando as oficinas do Concello de Cervo así como a casa de José María Crego e Carlos Correa. Segundo informa a prensa, trátase dun problema chamado imposto ao consumo, que afecta a produtos alimenticios como carne, trigo, millo, centeo, patacas. Eran o alcalde Santiago Álvarez e o secretario municipal Justo Basanta, os que se atoparon con pedras e tiveron que refuxiarse na casa de don Jesús Balmayor. -O peor son as consecuencias, posto que a Garda Civil procedeu á detención das consideradas xefes do tumulto: Carmen Martínez Ben, Josefa Rey Castro, Carmen García Rodríguez, Concepción Paleo, Clotilde Rubiños Paleo.-
O camiño pola area, dende as rochas nas que se asenta o pazo das Cubelas. Cando ía de Cubelas a Los Campos quedou aquela última imaxe das mulleres que traballaban na salgadura. Antes era habitual atoparse no Coto cunha pescadora vestida de negro rigoroso. Era unha desas viúvas dos vivos, cos homes da casa embarcados para traballar todo o ano ao cabotaxe.
O domingo 13 de agosto de 1972 inaugurouse a fábrica de cerámica denominada “Pía do Xunco”. Pero non será só unha fábrica de cerámica e louza, estamos ante un enclave para a cultura, un punto de encontro de artistas e escritores, un laboratorio de formas e un mecenado do libro. "É bonito, traballamos e a fin de mes cobramos a nómina -- As nosas nais traballaban todo o día e parte da noite, por nada" - Así é ser asalariado nunha industria, algo parecido a o que pasa nas conserveiras de Celeiro e Vicedo- -A maneira de liberarse é co traballo, tal cambio débello á iniciativa de Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane.

Pablo Mosquera Mata




20240218

"LOS PAPELES DE AMUNDSEN". Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Sinatura de Amundsen. No D.P.; collido da Galipedia.

“LOS PAPELES DE AMUNDSEN”

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Así se titula a novela póstuma (recentemente atopada) de Vázquez Montalbán, finado hai xusto agora vinte anos de xeito fulminante no aeroporto de Bangkok. Cronista da vida clandestina da España franquista, crese que Montalbán a escribiu cando só tiña 25 anos. O achado foi posíbel grazas a José Colmeiro, filólogo na universidade de Auckland (Nova Celandia), quen atopou o manuscrito antes da pandemia entre os papeis do escritor que a familia depositara na Biblioteca Nacional de Catalunya.

    O volume (de 450 páxinas e ambientado na cidade holandesa de Leiden, simple trasunto da súa Barcelona) é un retrato da vida cotiá na ditadura durante a década de 1960. O seu protagonista é tamén un escritor (alter ego do autor?) que vén de saír da cadea e que, depurado, remata por traballar nunha axencia publicitaria. O propio Montalbán (tras abandonar o cárcere, onde aprendeu italiano e compuxo un bo feixe de poemas e relatos) chegara a escribir mesmo en revistas de mobles co seudónimo de “Jack el decorador”.

    O título do libro é unha homenaxe (Montalbán foi un viaxeiro incansábel) ao explorador noruegués Roald Amundsen, expedicionario na Antártida e descubridor do Polo Sur a comezos do século XX, case coincidindo coa independencia do seu país a respecto do reino de Suecia.

    Crese que este é o derradeiro inédito do novelista, tras a desaparición fortuita en 1974 dun poemario seu nunha praia grega paradisíaca.

20231202

CHINA, MON AMOUR. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Captura de pantalla de https://gl.wikipedia.org/wiki/Rep%C3%BAblica_Popular_da_China, lic. CC BY SA 4.0

CHINA, MON AMOUR

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Nada máis lonxe de facer eu aquí un panexírico da China como fixo Marguerite Duras do Xapón posbélico na súa novela “Hiroshima, mon amour”, mais o xigante asiático está a “colonizar” economicamente medio planeta (incluíndo Europa) dun xeito tan subtil como eficaz. Comezou cos bazares e restaurantes chineses e continuou o seu “soft power” (poder discreto, mais ostensíbel cando non ostentoso) mesmo organizando uns xogos olímpicos ou o concurso de algo tan pouco maoísta como o concurso de Miss Universo. Segue mimeticamente o exemplo do que foi o espallamento da cultura popular estadounidense por todo o orbe a partir da II guerra mundial ou a da antiga Roma na época imperial.

    Aprendemos Tai-Chi e técnicas de defensa persoal chinesas (tamén niponas ou surcoreanas, abofé), comemos pan Bao, vemos series televisivas do meirande país “comunista” do mundo, practicamos a súa medicina natural, abraiámonos cos seus avances aeroespaciais e mesmo está de moda aprender o seu complicado idioma. Empregamos a súa tecnoloxía de telefonía móbil e subcumbimos a Tik Tok.

    A pandemia da Covid principiou alí e alí comezou o reparto de máscaras, xel hidroalcólico e vacinas. No eido político, EEUU (e con el todo Occidente, Xapón e Corea do Sur incluídos) teñen pavor da influencia da diplomacia “panda” en África, Asia e mesmo América Latina e dunha segunda “guerra fría” entre o capitalismo neoliberal e o tecnocomunismo de mercado nun mundo outra volta bipolar.

20230710

O descanso dos cidadáns. Pablo Mosquera. S. Cibrao 2023

O descanso dos cidadáns

Chegaron as vacacións e a hostalaría frégase as mans. Os concellos son permisivos e os cidadáns as súas vítimas. Até o "señor costas" tan pomposamente presente e sancionador co que no inverno "invade os seus dominios en praia deserta" mira para o horizonte mariño, e así nin está nin se lle espera ante autocaravanas que aproveitan calquera espazo para porse ao seu antollo, mentres ao cidadán aborixe do lugar sanciónao con expedientes de varias páxinas ás que un funcionario dedica toda a súa xornada laboral para fincarlle castigo ao infractor.

Aínda que sexa verán e tempo de asueto festivo, as boas xentes, até os veraneantes, teñen dereito ao descanso. Pero para tal saudable costume precísase o silencio. As autorizacións de locais deben levar garantías de non exceder os decibeis que son a insoportable contaminación sonora. A que non deixa durmir ao persoal que busca a paz, o acougo e o silencio ao que ten dereito.

Lamentablemente, a pandemia a máis de coller de improviso a moitas autoridades, algunhas incompetentes tal como estamos a ver nos estudos retrospectivos sobre o particular, abriu con xenerosidade a man da permisividade. As terrazas ao aire libre para evitar a destrución de actividade económica e laboral. Pero... diso xa pasou o tempo. Até as máscaras foron eliminadas en centros socio sanitarios. O que se quedou é ese espazo fonte de ruído que son as terrazas que ocupan prazas e amplían non só o seu espazo, tamén o seu horario e desde logo as fontes de son pegadas ás paredes exteriores das vivendas co que nada máis porse o sol, convértense en bafles con música que ademais dan lugar a esas vibracións propias do moderno formulario musical ao uso, coa desesperación das familias que se crían chegar á península da paz.

Chaman á Garda Civil e con razón legal -algúns axentes ignórano- din que a competencia é municipal e por tanto das policías locais. Así que o sufrido contribuínte está nas mans do chigrero de quenda que anima co seu Reggaetón ou Bachata aos usuarios das terrazas, alegres e combativos dispostos a recibir a luz da alba en pleno dislate onde a voz humana sumada á música do Caribe é ambiente de liberdade.

Ah!. Non se perdan vostedes a invasión das autocaravanas. Son un espazo móbil que se puxo de moda para facer turismo no medio da natureza. Pero... en que condicións ? Amontoados cuan campamento palestino ? Ocupando as prazas de aparcadoiro habitual ao redor dos edificios onde habitan os contribuíntes con dereitos e deberes ante a autoridade municipal? Non será preciso e obrigatorio establecer uns límites que garantan a comodidade e hixiene duns e outros? As vacacións de verán ademais de ser para as bicicletas son tamén para garantir o respecto aos espazos marcados polo concello que é a primeira autoridade responsable de todo o devandito antes neste escrito.

Pablo Mosquera

Son un privilexiado... e pretendo seguir séndoo


Son un privilexiado... e pretendo seguir séndoo

    Domingo. O Sol, así, con maiúsculas, aínda non quenta demasiado. Máis aínda á sombra, cun vento refrescante: xa pode quentar. Escoitando ós paxaros piar e algún que outro insecto zumbar, de cando en vez un tractor traballando ou unha rozadora ó lonxe -como agora- ou un refacho de vento con olores de campo, non escollidos, na quietude solitaria dunha paisaxe abarcable e coñecida, sinxelamente agradable, considérome un privilexiado. Non fai falta tanto para iso: vivir razoablemente tranquilo, cunha saúde tamén razoable, con xente que queres, cun mínimo de recursos asegurados, e facer as cousas para tratar de que siga a ser así. Punto este último importante, non fan falta tantas cousas: por exemplo, un mínimo ordenador como o que estou usando para escribir isto tamén é prescindible, por moito que me atope ben con el e me sexa útil. En canto á saúde ou á xente, cústame máis imaxinar o prescindir delas, é un factor que ten máis de aleatorio, incontrolable.

    Estamos en período electoral, e os medios, a pouco que lles fagas caso, dirixen a atención cara certas cousas relacionadas con ese feito. E tamén deixan sen atender e sen dirixir a túa atención a outras tamén en relación con esa actualidade electoral. Por exemplo, fálase do sanchismo aínda que non se diga o que é, non se defina. É un xeito de facer máis doado poñerlle unha etiqueta ó que se queira e como se queira. Mesmo, como se está a facer, poñerlle unha etiqueta negra, negrísima, pasada, pasadísima, e mal, moi mal escrita, cunha longa lista de mentiras acommpañando. Non importa que o balance xulgado por xente que non é 'sanchista' sexa máis bo que malo. E teño que aclarar que nin votei nas pasadas xerais polo "partido sanchista no goberno" nin me estou a referir ós meus xuízos sobre a gobernación actual, senón a xente que tampouco votou por el. Por outra banda, collendo a segunda frase deste parágrafo, é raro atopar unha noticia ou comentario nos medios que lembre que na pandemia a sanidade atopábase baixo mínimos e despois dela seguiu a baixar. Ou que a asignación de recursos sanitarios é unha das potestades estatais, aínda que a proposta efectiva estea traspasada á autonomía correspondente (e funcione segundo as ideas que a gobernan). Ou sobre propostas concretas anticorrupción, mentres aínda temos casos como o do lucrativo tráfico de máscaras; iso si, tamén en xente concreta asociada a políticos que non se presentan ás eleccións. E, sempre desviando a vista, porque mentres se é oposición nun goberno, non se lle pode achacar ter gobernado mal na institución que sexa, e, claro, non é plan de facer unha campaña só con descualificacións e cousas polo estilo. Ou si?

    Mentres, xa en campaña electoral, penso en que me gusta conservar os privilexios que teño: a xente coa que estou a gusto, sen ir máis lonxe. E mesmo para iso hai que poñer o ombreiro. Así que me imaxino a eses outros que ocultan privilexios o que lles debe custar o conservalos. Coido que nese caso, máis do que conservar, trátase de defender e mesmo de agrandar, pois a perspectiva é diferente. Non estamos xa a falar de cousas como a tranquilidade ou o chío dos paxaros, que mesmo se poden compartir e ós que o 'agrandar' non é unha palabra que lles vaia como anel ó dedo. Falo de agrandar, de tratar de facelo, porque ha outros privilexios que non son algo ó que todo o mundo poda pretender acceder. Son privilexios exclusivos: se alguén os ten é porque outros moitos non poden telos. Cousas como ter máis poder (o poder sempre é relativo, máis poder ca outros) ou cartos (máis co veciño ). Sei que hai xente que vota con esa motivación persoal, sen pensar no colectivo que tamén o beneficia, pero pode que pense que ese beneficio é de xeito demasiado indirecto. Que se vota a quen ten moitos cartos contaxiarase da riqueza, mentres que se vota a quen tenta facer unha distribución máis igualitaria o que terá será pobreza repartida, por moito que este demostrado que o tamaño do pastel aproveitase mellor cando se reparte ben.

    O dito. Se un privilexio non se pode compartir, mellor non votar por facerte con el, levas as de perder aínda que 'ganes'. Son un privilexiado... e pretendo seguir séndoo.

20230609

Curiosidade mortal


    Recollo do navegador unha pestana que tiña hai tempo aberta. Trátase de https://www.nber.org/system/files/working_papers/w30512/w30512.pdf , un estudo sobre a diferenza de mortandade entre votantes dos partidos Demócrata e Republicano nos EEUU en tempo de pandemia coronavirus. Resumindo: os republicanos, que ó longo de 2021 vacináronse case un 10 % menos ca os demócratas, sufriron un exceso de mortes de cousa dun 10  % superior. O contraste está en que, antes da vainación, as porcentaxes de mortandade eran semellantes...

    Para máis detalles, directamente ó estudo.

20230604

Sábado 3 de xuño, concentración pensionista

    Emprego un recorte dunha foto de Suso Fernández para deixar constancia gráfica dunha nova concentración pensionista en Ribadeo este primeiro sábado de mes, onte 3 de xuño, e engado o texto lido por Enrique.

 

Bos Días

Fai mas de cinco anos nos xuntamos nas escaleiras do Concello un grupo para protestar pola suba do 0,25%,Cinco anos despois sinto una gran decepción, sintome enganado polo meo pobo, cinco anos perdidos.

Subíronnos as pensións un 8,5%, revalorizaronlas segundo o IPC, subiron o salario mínimo a 1080 € e nós votamos a quén quere facer o contrario, ás Municipais tiñan que ser iso, Municipais, ós azuis son os que trocaron as regras de xogo, pois dicirvos que o seu xogo e privatizar as pensións, baixar a suba outra vez o 0,25%, poñer o salario base a niveis dos 700 €, e nós damoslles a razón. Entón, que coño pintamos aquí?

Estiven con COVID, Podo dicir que o xoves da semana pasada fun ben atendido por parte de todos,. Médico de cabeceira, persoal de ambulancia e persoal de urxencias no hospital da costa, pPara comigo foi moi bo e paciente. Deume tan forte que estaba desorientado completamente, pois esa asistencia non me custou un peso. Parece que a moitos sóbranlles os cartos e queren pagala, pero moitos de nós non temos cartos e sería imposible de asumir. Queixámonos que sube a gasolina, e una leituga; esperade o que isto representará, empeñados de por vida por una operación.

Por iso penso que pensións, sanidade, educación, impórtanos un carallo a todos. Facemos como no fútbol, xogar a cabalo gañador sen importarnos ás consecuencias. Non digo que este Goberno o fixera ben, pero tivo grandes retos: PANDEMIA, FILOMENA, ERUPCIÓN VOLCANICA NA PALMA, A DANA, A GOTA FRÍA, INUNDACIÓNS.

Os azuis dedicáronse a dicir non e non, a todo. E con todo, tivemos aumento en gasto social. E nós miramos para outro lado. Xa non se lembran do YAK-42, van 20 anos diso. 75 mortos, sen imputados. Nin da ruina do Prestixe, 21 anos xa. Nin dos mortos da hepatite C, 8 anos, 4000 mortos e sen responsables. Nin os recentes mortos nas residencias, 34 500 e nin unha condea de todo iesto. Para eles non é endebedamento que nos baleiraran as arcas da Seguridade Social, nin os cartos destinados á igrexa, nin manter á familia real. Ti si podes morrer de fame e enfermidade por non ter coidados, pero estes parásitos non. E moitos de nós entramos no seu xogo, á vista dos resultados.

Se non temos que comer, prendemola tele e vemos que esa xente está ben, e xa comemos con iso. Vivimos do aire que outra xente respira, “eche o que hai”, é o que nos acostumaron, conque coma un, chega; os outros miramos.

Temos o que nos merecemos, a nosa ferramenta son ás rúas, que están para protestar. Ese é o noso recurso, é o que nos deixan, mentres non apliquen a lei mordaza, e nos importa un carallo quen goberne, simplemente que non nos tomen o pelo. Non digo que estes o fixeran ben nen moito menos, porque mentiría. Puideron facer moito máis por nós, e sobre todo ternos a nós un pouco mais en conta, recibirnos e escoitar as nosas propostas. A fénda de xénero é unha lacra que temos enriba porque non fai falla irnos a África para ver a miseria, témola a volta da esquina, por non dicir na porta do lado ou dentro das nosas casas, e falamos de familias tanto nacionais como estranxeiras.

Estiven un pouco documentándome e comparando publicacións da situación real sobre a pobreza en España: case a metade dos españois, o 44,9 %, chega con dificultade a fin de mes. É dicir, moitos viven moi preto do límite das súas posibilidades, e 1 de cada 5, (o 21 % mais ou menos), xa está instalado nesa situación. Datos dos anos comprendidos entre 2019 e 2022, fogares que acaban o mes con moita dificultade.

No ano 2021, había un total de 13,1 millóns de persoas é dicir, o 27,8 % da poboación española, que estaban en risco de pobreza e/ou exclusión social. En España, case 2,2 millóns de nenos viven na pobreza relativa. Somos lideres en Europa. Por primeira vez na historia deste país, os nenos convertéronse no colectivo máis afectado pola crise económica, Estremadura, Andalucía e Ceuta, están á cabeza. En Galicia temos un 25,2 %. O 30% das familias só teñen para gastos esenciais: "antes mercaban chuleta ibérica e agora pito". O 20% das familias está ao límite, e non poden recortar máis. A demanda de produtos frescos, como pescado e carne, caeu un 7% con respecto ao ano pasado, tiramos de marcas brancas cada vez mais. Grazas a que ás grandes economistas témolas na casa. E fan milagres.

O umbral da pobreza no ano 2023 sitúase nos 841€ ao mes. Algúns dos que estámos aquí estamos nese limite. Para mais foder, unha nova de última hora di que os traballadores poderán cobrar un 20% máis de pensión se demoran 10 anos a súa xubilación. Resulta que os nosos xóvenes entran no mercado laboral entre os 25 e 30 anos, e que se a iso se lle suma que tes que ter cotizado 39 anos para xubilarte, ás probabilidades son poucas. Por iso teñan a moral polos pés. Non me sstrana que pensen que xamais se xubilarán, non deixan moito marxe para un paro. A nosa xuventude non nos apoia é nós non podemos facer moito máis sen o apoio da nosa xuventude. E mentres o corpo nos aguante, seguiremos nas nosas reivindicacións porque queremos deixarlles un bo futuro:

1. pensión mínima de 1.080 euros.

2. eliminación da fenda de xénero.

3. restablecer o cómputo de 15 anos para o cálculo das pensións.

4. auditoría das contas da seguridade social.

5. voltar a xubilación aos 65 anos.

6. actualización de pensións e salarios segundo o ipc real, e unha paga compensatoria pola perda do poder adquisitivo das pensións a fin de ano.

7. derrogación das reformas de 2011, 2013 e 2023.

8. non aos plans de pensións privados de empresa, e non á xestión privada das pensións públicas.

9. xubilación anticipada sen penalización a partir dos 40 anos cotizados.

10. non as privatizacións, queremos seguir sendo do sistema público.

11. derogacion da lei mordaza.

¡¡¡ Goberne quen goberne as pensións e servizos públicos deféndense!!!

20230509

Fin oficial da pandemia. Pablo Mosquera

Fin oficial da pandemia

A OMS indicou que rematou o estado de alerta sanitaria que declarou na agonía do inverno de 2019. Agora teremos dereito á información científica. Aínda que os primeiros brotes de datos epidemiolóxicos móvense en cifras moi pouco convincentes. Entre uns sete e vinte millóns de mortos pola pandemia.

Serei prudente. Espero ter un estudo a través da revista LANCET. Como antigo profesor asociado da Universidade Pública Vasca na disciplina de Saúde Pública, non é a miña intención pontificar sobre a orixe do virus causante nin o número total de mortes, enfermidades, secuelas crónicas e danos multidisciplinares. Pero si quero poñerlle título. A nosa civilización occidental comportouse como un Xigante con pés de barro.

Quero compartir co meu antigo compañeiro de OSAKIDETZA Rafael Bengoa que, premiado na Gala do 50 aniversario da Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria, dixo: "Nunca houbo tanta desconexión entre políticos e profesionais da sanidade". Referiuse tanto á forma de abordar a cadea epidemiolóxica do COVID-19 como ás consecuencias que se están a vivir, sobre todo na atención primaria, que cómpre reforzar con urxencia, xa que hai que ter en conta como foi e será ese vínculo, ser a "porta de entrada ao Servizo Nacional de Saúde", de tal xeito que se xa estaba obrigado, coas esixencias da pandemia os problemas estruturais aumentaron.

Debemos prepararnos para novas pandemias. Hai que mellorar dotándoa de máis recursos humanos, investigación e formación continua do cadro de persoal, e iso é o que falta é un Plan de Recursos Humanos, unha mellora das condicións laborais nos equipos de saúde máis aló destas consultas telefónicas, así como reforzar o concepto de audiencia para o sistema de asistencia cunha visión de polo menos 10 anos por diante.

Pero dúas leccións son indispensables. Recoñecer mediante análise científica os erros cometidos na pandemia. Poñer dunha vez por todas unha liña divisoria entre o espazo da política e o da sociedade civil, neste caso saíndo e consultando con expertos en saúde.

Por último, ter en conta que o investimento no espazo sociosanitario é garantía de saúde, eficiencia no gasto -evitando secuelas irreparables- e riqueza por ser un nicho de emprego de calidade.

Moitas veces non se quere admitir que nunha Rexión de España a mellor empresa é o hospital coa súa rede de centros de saúde.

Pablo Mosquera

20230430

Os tres grandes problemas sobre os que ninguén se pronuncia. Pablo Mosquera

 Os tres grandes problemas sobre os que ninguén se pronuncia

Xa temos todas as fotos. Tras  das loitas internas propias da partitocracia. Hai infinidade desas obras tan evidentes que chegan a última hora. Levamos semanas “bombardeados” co que se fixo (?) dende a Deputación. Hai comidas de confraternidade para maiores. Ao final somos unha vella provincia habitada por veteráns/veteranas. E... promesas ás parroquias que son as que deciden a Alcaldía.

Sei os tres mandamentos para ser un político local. Candidatos cunha familia longa e ampla. Obras espectaculares moitas veces de dubidosa necesidade fronte a outras demandas sociais. Evitar ser politicamente incorrecto á hora de modificar o plan do partido que goberna en Galicia ou en España. "Fai coma min e quédate fóra da política".

Nesta costa -Mariña Luguesa- hai polo menos tres demandas sobre as que deberían pronunciarse os alcaldes e como primeira e seguinte instancia do poder popular ante outros poderes ESIXIR. Algo así como aquel 2 de maio de 1808...

Comunicacións dignas e adecuadas para medrar economicamente. Temos camiños cheos de fochancas, pozas de auga e curvas, mentres se esquecía a promesa dunha vía rápida, ou nas discusións bizantinas que xustifican a paralización de obras como a variante de Viveiro. O inconveniente é que existe unha certa relación perversa entre a densidade de tráfico, o estado da rede viaria e a vellez no parque automobilístico, cos accidentes. Engado o abandono que sofre o dereito a contar cun ferrocarril eficiente que estruture o territorio para os viaxeiros e as mercadorías diarias.

O estado da sanidade. Esa espera que se prolonga dende a pandemia e que vai en aumento por falta de médicos. Ou a intolerable actitude do SERGAS que diagnostica e atende os enfermos por teléfono -manda carallo na Habana-. 

E, por último, a contaminación que, como a persistente seca, a case ninguén parece importarlle e que ten como mellor expoñente a balsa de lodos vermellos sobre a que seguen botando. Amén deses vapores vermellos por terra, mar e aire.

Pablo Mosquera

20230417

Post pandemia. A nova normalidade

Post pandemia. A nova normalidade 


    As novas deixaron xa hai algún tempo de falar de xeito regular de pandemia. Por suposto, o virus segue a circular polo mundo adiante, aínda que en versións menos perigosas e en menor cantidade, contando xa dende hai tempo cunhas vacinas feitas ás présas pero que serviron, aínda que dos efectos secundarios pouco transcendera.

    Así pois, o mundo leva volvendo á normalidade un tempo que se mide xa por ciclos anuais.

    O certo é que hai moita xente que dubidamos da volta á normalidade. Non porque non se vexa un abandono das excepcionalidades tomadas ou forzadas pola pandemia, senón porque a normalidade anterior non estaba definida. Non o estaba no sentido de que cada quen -persoas e sociedades- tiña a súa. En xeral, seguro que pouco tiña que ver a que consideraras ti, que estás a ler, da dunha neoiorquina no Bronx ou dun saharaui nun campo no deserto alxeriano. E, se consideras que ambos están moi lonxe para unha comparación, mira a 'normalidade' dalgún dos teus veciños e veciñas e de seguro que ves diferencias evidentes xunto coas semellanzas esperadas.

    Pero a consideración anterior é só un aspecto a considerar nesa volta ó normal. En plena pandemia, houbo quen dixo que íamos saír mellores. Pero non vimos que as guerras remataran, nin que o matonismo dos países ou na nosa sociedade desaparecera, que a discriminación por diversas causas se evaporara ou que a corrupción sexa auga pasada. Por suposto que hobo cambios: os aplausos ó persoal médico desapareceron para deixar paso ó aumento de queixas dos servizos de saúde, cada vez máis escasos de persoal e cartos. Agora ben, pódese dicir que cambiamos, ou que a normalidade xa non é a mesma?

    Hai uns días tomei unha foto á mañanciña sobre a fermosa ría de Ribadeo. Pódense contar nela as estelas de ao menos 13 avións. En pandemia, o cómputo era abondo máis doado. Non era necesario saber contar. Ou sexa, pasou a pandemia, e retornaron algunhas cousas de antes, da 'normalidade' anterior, fora o que fora. E, ó tempo, o mundo mudou. Os que temos certa idade temos visto moitos cambios, á vez que sentimos a sensación de que os novos cambios cada vez sucédense con máis rapidez, algo contrastado e estudado nalgúns aspectos, como a evolución empresarial. Ou sexa, despois de tres anos dende o inicio da pandemia, era lóxico percibir cambios. Pero máis aínda se hai que retornar dende as normativas impostas ou adoptadas por propia vontade e interiorizadas nos períodos de illamento, ofrecendo un contraste e perspectivas novas, que non había antes, ó tempo que hábitos que tampouco había. E así, é 'normal' que a 'nova normalidade' se pareza a antiga, pero ó tempo, que teña as súas peculiaridades. É dicir, que sexa 'outra' normalidade. E aínda máis, se temos en conta que o tempo de pandemia serviu tamén de catalizador para interiorizar e comezar a ver de xeito diferente fenómenos como o cambio climático e os seus derivados -de seca a vagas frías extemporáneas- ou a falta de recursos naturais, a contaminación, a perda de biodiversidade, aínda que coste moito máis traballo decatarse dunha das principais variables, da imbecilidade humana, con mostras incontables como as que provocaron eses fenómenos ou impiden mesmo a posibilidade de arranxo.

    Todo normal. Iso si, normalidade nova, como ven sendo normal.

20230319

ESTAMPADO MONTESINOS. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 ESTAMPADO MONTESINOS

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Tras medio século adicado á moda, o modisto valenciano Francis Montesinos xa ten un estilo propio, marca da casa e dos seus gustos máis íntimos: a paixón polos estampados (nomeadamente florais) e pola cor. Nunha entrevista concedida no verán a este xornal, afirmaba que todo comezara por culpa da súa nai, unha muller máis que moderna para a súa época e que lle deu unha volta á tenda de arranxos e roupa dos avós do deseñador en Valencia. Montesinos confesa ser máis de tesoiras que de fíos, máis de deseñar patróns que da súa posterior confección ou que de, simplemente, coser un botón.

    Non obstante, como todo artista é polifacético, tocando nos seus anos mozos nun grupo de pop, pintando cadros realistas, realizando collages ou coloreando louza. Arestora está centrado en prendas para atrezzo teatral e de ballet e en vestimentas de deseño para cans, así como na súa colección persoal de pavos reais (algún mesmo albino), tanto disecados como vivos, asunto este que non deixa de ser controvertido.

    En 2020, en medio da pandemia, atreveuse a organizar unha exposición de toda a súa traxectoria desde os vinte anos no MUVIM, agora que vive afastado do mundanal ruído en Llíria entre a súa espléndida biblioteca ateigada de volumes sobre moda, para el a arte total que todo o absorbe e incorpora.

20230123

A DAS TELLAS VERDES. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Portada do libro, en dominio público, collida de Wikimedia Commons

A DAS TELLAS VERDES

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Esa é Anne, a rapaza aventureira de trenzas roxas nada en 1908 do maxín da escritora Lucy Maud Montgomery. O seu carácter espelido e indómito emparéntaa coa sueca Pipi Calzasanchas, personaxe literaria que tamén pasou á televisión. As súas troulas acontecen entre 1877 e 1882 nunha remota e inhóspita illa canadiana. O seu alcume en inglés é “Anne of green gables”, grazas ao cal puidemos saber que o actor Clark Gable se apelidaba Tella ou Tellado, apelidos ben galegos, por certo.

    A serie televisiva das súas falcatruadas chegou a España en 1988, xusto o ano no que nacía en Compostela Raquel Senra, ilustradora e tradutora que vén de publicar en galego a versión da saga novelística de oito volumes (que traduciu durante os meses de confinamento da pandemia) desde que esa pícara adoptada e inadaptada, protofeminista e adicta á diversión (comparábel a un Tom Sawyer ou a un Huckleberry Finn, e que o escritor Mark Twain definía como a máis engaiolante desde Alicia no seu país das marabillas) tiña once anos até que se fixo adolescente perdendo a inocencia ao cumprir os dezaseis.

    Para tan inxente laboura, botou man exclusivamente da súa imaxinación, rexeitando ser influída co visionado da recente adaptación realizada por unha coñecida plataforma dixital experta en ficción.

20230108

A pandemia que nunca se foi. Pablo Mosquera

A pandemia que nunca se foi

Sabémolo. Hai dúas nacións. A que pintan os que mandan. A que sofren os que obedecen. A que paga IRPF sen rechistar. A que tras virguerías contables ou financeiras escurre o vulto e paga o mínimo. O peor é que a esquerda xa non é tal. Agora só importa estar e gozar. Para iso páctase co diaño. Agrándanse as diferenzas entre pobos e persoas.

A mentira e a manipulación son ferramentas comúns á dereita e á esquerda. Xa ninguén se acorda daquel anuncio dos cen anos de honradez. A verdade faríanos libres. Por iso ténsella vixiada. A última fazaña. Miguel Sebastián, que non é sospeitoso de ser caste derechona dixo: "COVID 19, balance de decembro 2022: forte repunte". Supoño que de inmediato será proscrito. Se existise o Santo Oficio faríalle como a Galileo. Ou abxuras, ou queimamoste...

Sorpréndennos con datos que non proceden de China, proceden do outro xigante asiático: a India. E ademais lémbranos que no culto e tecnolóxico espazo de occidente o virus matou a máis de cinco millóns de persoas.

Pero introduce unha terrible disxuntiva. A libre circulación do virus sen restricións. A pesar das ocultacións voluntarias para evitar "o pánico e os seus efectos sobre a economía", pasamos dos 12,5 millóns de infectados en novembro aos 17,1 millóns de infectados en decembro. Os novos casos diarios, novas mortes por día -agora xa non se publicitan nos informativos- e a porcentaxe de vacinación con pauta completa, permite afirmar alto e claro que a pandemia non terminou.

E o máis importante para os que dedicamos unha parte das nosas vidas á saúde pública como profesionais -asistencia, docencia e investigación- o ritmo dos contagios ten moito que ver coas aglomeracións festivas, a climatoloxía que convida a compartir espazos pechados e a mutación no xenoma do axente causal. Que problema hai en volver recomendar as máscaras en espazos pechados?.

O noso sistema de asistencia sanitaria, sempre por estas datas que coinciden coa alza dos brotes gripais, tende a colapsarse. Co que a mortalidade por outras doenzas pode verse aumentada. Non esquezamos que hai clara relación entre o tempo que se tarda en atender determinadas patoloxías como os tumores e o prognóstico para coas devanditas entidades nosológicas.

    Pablo Mosquera Mata

20221203

Concentración de pensionistas en Ribadeo 20221202. Palabras de Evaristo Lombardero

    Adxunto as verbas de Evaristo Lombardero na concentración de hoxe sobre as pensións, con algunha foto tomada por Suso Fernández e un comentario deste último.

Verbas de Evaristo:

Bo día compañeiros e compañeiras, como hoxe é o último sábado de 2022 temos que facer un breve repaso das actividades que tivemos este ano e de algún xeito prantexarnos os plans para o 2023.

Nunca poderemos estar totalmente satisfeitos mentras non se consigan definitivamente e se asenten de unha maneira estable tódalas reivindicacións que temos pendentes e moito menos pasarnos a man polo lombo decindo que somos mais listos ou mellores que os demais pero non é ningunha falsedade recoñecer que o 2022 non foi un mal ano para os movementos e plataformas de pensionistas do estado español. En primeiro lugar porque saímos bastante airosos de unha gravísisma crise social e política derivada da pandemia e da chantaxe permanente das dereitas e o seu aparato mediático, das multinacionais, particularmente da enerxía, da banca, das guerras, e de todo o contexto sociopolítico que deriva nun sistematico acoso ao estado de benestar, ca suba escandalosa do coste da vida das clases traballadoras e os intentos de privatizar ata o aire que respiramos. En segundo lugar porque mantivemos e recuperamos grandes espazos de unidade e de movilización que de algún xeito estivo na corda froxa nos dous anos anteriores e en terceiro lugar porque fomos quen de dar resposta a tódalas propostas do goberno e concretamente de Escrivá, que en moitos aspectos tivo que dar marcha atrás aos proxectos de privatización do sistema de pensións e finalmente aprobar unha suba arredor do 8.5 % que se ben está lonxe de ser unha solución aos problemas das pensións mais baixas é moi superior ao que teríamos se nos quedásemos na casa e por suposto se gobernase o trifachito do PP-VOX-CIUDADANOS.

Ao longo de este ano fomos a Madrid a unha concentración no mes de Abril a presentar mais de 300 000 sinaturas recollidas en todo o estado para esixir a auditoria de contas da Seguridade Social, aquela foi unha concentración nas cortes con representantes de todo o estado e con varios deputados de distintos partidos que apoiaron as nosas reivindicacións, pero o maior éxito do ano foi a manifestación masiva do 15 de outubro, tamén en Madrid con unha participación de perto de 50 000 persoas esixindo a suba das pensións de acordo co IPC real e non coa media mensual que prantexaba Escrivá. Polo medio tamén debe suliñarse un acordo entre o goberno e Bildu para unha suba do 15 % nas pensións non contributivas que sen ser a panacea tampouco é despreciable porque para a maioría vai supoñer unha suba duns 700 euros ao ano. Quero insistir no que dixen ao primeiro, en absoluto citar estas cifras é para darnos xabón, pero o feito é que sen a nosas movilizacións non se houbese conseguido nada de nada e xa non digamos se lembramos unha vez o 0,25 de Mariano Rajoy.

Lembraremos tamén a manifestación de Santiago do pasado 19 de novembro na que participaron diferentes colectivos sociais e algún sindicato anque non nos apoiaron os sindicatos maioritarios. Nesta xornada prantexabamos unha movilización pola defensa do estado de benestar conxunta en mais de 50 localidades do estado español, prantexando a esixencia dunha vida digna, a contención da suba do coste da vida para que se pare a sangría da perda de poder adquisitivo das clases traballadoras e pensionistas, a denuncia do deterioro e privatización dos servizos sociais e sanitarios, a suba das pensións e do salario mínimo ata o 60% do salario medio como esixe a Carta Social Europea, un paquete de medidas urxentes para superar a fenda de xénero en salarios e pensións e sobre todo poñer en primer plano que a movilización e a loita unitaria son a única ferramenta eficaz a curto e longo prazo para defender os dereitos das maiorías traballadoras fronte a voracidade obscena do gran capital.

Lembraremos tamén que hai uns meses fixemos unha estimación do que suporía unha suba das pensións en Ribadeo dun 10 % e saíame unha cifra dun aporte de capital de 3 750 000 euros para o 2023. Agora co 8,5 % saen uns 3 200 000 euros aproximadamente. Naturalmente estes ingresos van repercutir sobre todo no consumo local de produtos de primeira necesidade, polo tanto danos pé para insistir en que o noso movemento e as nosas reivindicacions non son exclusivistas e teñen un impacto social que se fai extensivo a todos os sectores da economía local e de aí que debamos explicalo para que se entenda que os nosos intereses en gran medida coinciden cos da maioría da veciñanza e non só porque os futuros pensionistas tamén se van beneficiar das nosas movilizacións no futuro, senón porque agora mesmo xa benefician a amplos sectores da nosa comunidade.

Deixo para o final dous comentario que tamén fixemos anteriormente e que van ser algúns dos nosos obxectivos no 2023. A auditoría de contas de Seguridade Social que foi aprobada por lei o 28 de decembro de 2021 e que obrigaba ao goberno a nomear unha comisión de traballo no prazo de un mes e ter un informe no prazo de seis meses. Pero o goberno segue mareando a perdiz e aínda non se nomeou a comisión de traballo que xa tiña que estar funcionando dende xaneiro deste ano. A lei esixia e esixe a auditoría das contas da caixa de pensións dende 1967 ata 2019 e hai cálculos de un grupo de economistas que estiman que a derivación de fondos da caixa de pensións para financiar actividades de diverso tipo pode superar os 800 000 millóns de euros. As plataformas de pensionistas esixen que o estudo o faga o Tribunal de Contas, un organismo autónomo dentro do estado, pero Escrivá pretendía que a fixese a propia Seguridade Social e mais recentemente unha consultora privada. A nosa oposición derivase da sospeita de que pode haber unha manipulación á baixa xa que despois de coñecerse os resultados poderíase esixir a devolución deses fondos substraídos da caixa das pensións ao longo de cáseque 50 anos. Lembremos que esta auditoría foi esixida polo movemento de pensionistas xa no 2019, e despois asumida polo Pacto de Toledo e polos sindicatos maioritarios. A importancia desta auditoría é doada de entender: cando se faga quedará demostrado definitivamente que todos os bulos de que o sistema público de pensións non é sostible son absolutamente falsos e este sistema podería ser perfectamente compatible ca economía española se non se roubasen miles e miles de millóns aportados polas cotizacios de tantos anos, e as débedas débense a esa práctica depredadora que levou en tempos de M. Rajoy a transferir aos bancos mais de 63 000 millons de euros no ano 2008. Dos que por certo so se devolveron catro mil. Polo tanto para que se consolide o sistema público de pensións e se rexeite definitivamente calquer proxecto de privatización seguiremos loitando por que se faga canto mais axiña a auditoría das contas da seguridade social e que esta sexa feita con rigor e transparencia para que saian a luz pública todos os roubos que se viñeron facendo ao longo de tantos anos da caixa dos pensionistas.

O segundo asunto que quero comentar agora é o proxecto de Escrivá de prolongar o período de cómputo para o cálculo das pensións. Estamos en contra de esa ampliación porque vai supoñer unha perda de ingresos para os futuros pensionistas, afectando especialmente ás mulleres que non tiveron oportunidade de incorporarse ao mercado de traballo externo pola sua adicación á familia e aos coidados e que son traballos que non serían avaliados no proxecto de Escrivá que sería o causante dunha maior fenda de xénero.

Estamos xa que logo diante de un novo ano no que seguiremos loitando e movilizándonos polo obxectivos que viñemos defendendo en anos anteriores, pensións dignas que permitan unha calidade de vida xusta, suba anual das pensións dacordo co IPC real, pensión e salario mínimo do 60 % do salario medio como recomenda a Carta Social Europea, non á fenda de xénero, non aos plans de pensións privatizados de empresa, auditoria de contas da seguridade social para coñecer as retiradas de fondos fraudulentas ao longo de 50 anos, dereito á saude e a unha asistencia médica correcta sen recortes nin privatizacions, e aquí temos que denunciar a último invento do paraguas da Xunta de Galicia que é copia do que implantou Ayuso en Madrid e son os servizos de urxencias sen médicos ca desculpa de que non hai este tipo de facultativos cando está perfectamente estudado que o persoal sanitario tanto médico como de enfermería vaise do sistema público pola precariedade e inestabilidade no emprego e non por motivos económicos e esa política de persoal responde a unha estratexia de disolución e debilitamento do sistema público para favorecer o crecemento do privado, dereito a unha alimentación sana e equilibrada rexeitando as cadenas industriais que producen comida-lixo e son unha das primeiras causas de cancro, esiximos un plan e un compromiso político e económico ca atención a dependencia, en primeiro lugar a través de institucións públicas onde todo o persoal se sinta seguro e estable con uns salarios, unha formación profesional e unhas condicións laborais dignas e un incremento dos investimentos do 0,7 actual ao 1,7 que é a media europea para achegarse ao 3 % do PIB que é a media dos Paises Nórdicos. En fin seguiremos esixindo unha educación pública de calidade e un parque público de vivendas de aluguer a presos xustos para xoves e clases traballadoras veñan de onde veñan.

Compañeiros e compañeiras: GOBERNE QUEN GOBERNE AS PENSIONS E SERVIZOS PUBLICOS DEFENDENSE 

Comentario de Suso:

Medio cento de persoas xuntámonos este primeiro sábado de mes 2/12/2022, na loita por pensións e servizos públicos, que nos foron, e seguen arrebatándonos pouco a pouco, e sen ver a xente moverse, tede presente o noso lema: Goberne quen goberne, as pensións e o público deféndense.

Fumos moitos, xa fomos menos e agora estamos a medrar de novo. Isto quere dicir que a xente segue descontenta; por moito 8,5 % de promesa, sube moito máis (moitísimo máis) a cesta da compra e dos servizos básicos que as pensións.


20221107

As formigas e os humanos

 As formigas e os humanos

    Os formigos e as humanas ... Non, non vai diso, de cambio de sexo ou de xénero, ou contraposición sexual, ou de interacción entre especies. Co que ten que ver é co cambio de concepción das ideas, do mundo, polo uso e secuestro da linguaxe e da imaxe, do noso ser, que nos fai cada vez máis, formigas.

    Estamos en plena batalla mundial polos datos. Pola súa obtención, apropiación e uso no marco do que se chama 'economía de datos', que é moito máis que economía 'de cartos', pois está ligada á sociedade e ás persoas e todas as súas (nosas) manifestacións e actuacións. Calquera interacción que teñamos ou deixemos de ter pode converterse en datos, que unha vez que nos son enaxenados (é dicir, que se apropian deles outras persoas ou entidades) deixan de pertencernos en exclusiva, ou mesmo de pertencernos sen máis, para pasar a ser algo comercializable no mercado e usable para dirixir a 'nosa' próxima compra ou a nosa próxima votación, ou a nosa próxima elección de parella.

    Non, non é ciencia ficción, senón algo que con menor ou cada vez maior éxito (tanto na recollida de datos, como na apropiación, como no seu uso) se está a producir xa hoxe. Mesmo hai modelos diversos para iso da 'economía de datos', tentando que se fale moito de como o goberno chino é capaz de acceder de xeito inmediato ós nosos datos por medio das as empresas multinacionais chinas mentres se fala abondo menos de que as empresas -a maioría, norteamericanas- tecnolóxicas multinacionais leva anos accedendo ós nosos datos. Sen ir máis lonxe, hai anos que o ficheiro que descarguei sobre min dende Facebook tiña case mil megas, é dicir, un tamaño equivalente a máis de cen millóns de palabras, varios centos de Quixotes. Do mesmo xeito, hai anos que a tecnoloxía fai a quen a controle capaz de espiarnos coas cámaras dos nosos propios aparellos, portátiles ou móbiles practicamente a vontade, de tal xeito que estamos literalmente nunha vixilancia dixital, ou, nunha imaxe máis arrepiante, nunha polo momento tosca cárcere dixital.

Formigas formando unha ponte. CCBYSA 2.0, de gl.wikipedia.org, por Geoff Gallice
    Volvendo ás formigas, xa aló polo 1930 Maurice Maeterlinck describía no seu libro 'a vida das formigas' dun xeito detallado como as formigas estaban clasificadas e a súa vida dependía desa clasificación, desenvolvéndose no que se podería dicir 'xeito maquinal', sen liberdade máis que a correspondente a unha distribución estatística sinxela. E si, o formigueiro, debido a ese reparto de tarefas ata o mínimo detalle, florece, e as formigas están dispersas por toda a superficie terrestre a excepción de lugares como a Antártida. É dicir, ocupan unha extensión comparable á dos humanos, con outro sistema social. A cousa é que a vixilancia continua (se queres, non a chames vixilancia, di 'observación') xera a capacidade de coñecernos mellor que nós mesmos, e con ela, a de interferir nas nosas decisións, que pasan a ser nosas só na ficción, e nos converten en algo así como formigas que teñen asignado un papel. Papel que pode ser diverso, e abranguer dende o que mercar ata o que votar. Que gran cousa sería que puideramos dispoñer nós mesmos, e só nós, deses datos para aproveitalos para os nosos propósitos, a modo de 'tónicos para a vontade' e poder mellorar o conseguir o que queremos. Cousa ben diferente é que sexan outros poderes os que usen eses datos para tentar que queiramos o que lles interesa e logo mellorar a consecución deses intereses que nos inducen.

    Mentres, segue aumentando o uso das tarxetas, con máis posibilidade de rastreo do manexo de cartos e máis dependencia dos bancos, coa desculpa de ser máis aséptico en pandemia e máis 'práctico' en xeral. Ou, de xeito incomprensible para min, as peticións de cámaras de vixilancia en lugares públicos, coa desculpa da seguridade, cando está demostrado que cazan as pequenas faltas de xente que non está preparada para evitalas por non facelo de eito organizado, mentres quen o fai a propio intento, de xeito programado, burla a vixilancia de diferentes xeitos. E, mentres, quen ten o control da cámara sabe se pasaches diante dela, en que sentido, como ías vestido, se ías ás présas... No noso edificio roubaron en varias portas hai máis dun lustro. Naquel momento, igual que hoxe, déixanlle a unha empresa privada que teña catro ou cinco cámaras nos baixos do edificio, escrutando á rúa, á xente que entra e sae tanto como á que está a tomar viños. Por suposto que tomar viños non e unha actividade delictiva, pero a observación pode tranquilamente facer posible un ficheiro no que apareza tódalas veces que unha persoa vai tomar un viño a un determinado local e canto tempo bota na tarefa, repartido entre o tempo que pasa dentro e o tempo que pasa na rúa co vaso ou fumando. Iso non serviu para cazar ó delincuente, que aparece nunha toma tapado con capucha e cargado co botín. Ata hoxe. Iso si, poden saber a que horas entro e saio da casa, se saio só ou acompañado, ver como vou vestido e facer deducións de cara onde me podo dirixir. É dicir, ter monitorizada parte da miña vida, que pasa a serme expropiada. E que 'non faga ningún dano' non é motivo para que me collan a vida e pase a ter vixilancia constante, e, nun momento dado, queiran cambiar o meu comportamento ou as miñas querencias, e teñan datos abondo para exercer algún tipo de castigo -multa, por exemplo- se non fago eses cambios, se non vou polo rego...