Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta arqueoloxía. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta arqueoloxía. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20230515

PREHISTORIA NA RIA DE RIBADEO. Pancho Campos Dorado

 


PREHISTORIA NA RIA DE RIBADEO

Pancho Campos Dorado

O termo Prehistoria expresa aquela parte da Historia que abarca estudos do período da vida humana anteriores a aparición de fontes escritas. Cronoloxicamente a Prehistoria supón o 99% do transcurso da Historia do Home sobre a Terra. (1) Dun total preto de catro millóns de anos que levan os homínidos sobre a terra, solo hai documentos escritos de fai 5000 anos, en escritura cuneiforme sobre arxila, anteriores aos xeroglíficos exipcios, polo que o home viviu en culturas ágrafas e a escritura aparece cando xa existe un home moderno cunha avanzada civilización establecida.

Practicamente todo o que se coñece da forma de vida do home prehistórico está relacionado coa Arqueoloxía. Polas súas ferramentas de pedra e de óso intúese a súa forma primitiva de vivir, a súa evolución, o seu coñecemento cognitivo; en que época chegou a dominar o lume e os materiais dos que se valeu para o desenrolo do seu vivir diario.

A poboación máis antiga que se coñece de Ribadeo, aparece nitidamente no xacemento arqueolóxico de Louselas do Paleolítico Inferior, onde se fixeron achados, entre os anos 1980-2000 de raspadeiras, raedeiras, bifaces e fendedores, datados en 480 000 anos de antigüidade, algo totalmente esquecido para o pobo de Ribadeo, pois a administración patrimonial da Xunta mandou as pezas atopadas para o Museo Arqueolóxico de Vilalba e nós, ribadenses, quedamos co terreo baleirado de restos e cunha Memoria Louselas (Ribadeo) do que foi aquilo, que publicou o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (MUPAV Nº6). Por non ter non temos nin sequera unha sinalización do lugar, nin por parte autonómica nin municipal do que é a súa contorna para poder mostralo aos miles de visitantes que temos o ano.

Por outra banda, tamén hai importantes xacementos arqueolóxicos da Cultura Castrexa dos celtas da Idade do Ferro, e da romanización, repartidos en nove castros, catro de litoral: As Grobas (Vilaselán); Fornelos (Piñeira); Meirengos e os Castros (A Devesa); e cinco castros de interior: A Coroa ou a Aira da Croa (Arante); A Pumarega (Covelas); Porto de Arriba e A Torre (Vilaosende) e As Cárcobas (Ove), cuxa situación e toponimia nos explicou nun pequeno libriño, “Sobre os Castros de Ribadeo” o noso inesquecible veciño José María Rodríguez Díaz. Pero é posible que haxa máis xacementos e todos eles esquecidos pola administración da Xunta da Galiza, e polos presupostos municipais, en onde nunca aparece unha pequena partida para descubrir ou, ao menos, sinalizar algúns deles, sequera para facer unha Ruta dos Castros, unha gran ruta turística para os nosos visitantes e veraneantes, incluso para nós veciños de Ribadeo ou para facilitar o camiño a aqueles academicamente preparados que fan investigacións castrexas.

Porén, os materiais arqueolóxicos máis importantes que transcenden incluso a nosa propia Historia particular, están no fondo da Ría de Ribadeo. Son pezas que proveñen das civilizacións avanzadas do Mediterráneo, as máis delas, pezas de cerámica, armas brancas e de fogo, adornos con todo tipo de filigrana, e de distintos materiais, ouro, ferro, madeira... pezas imprescindibles para reconstruír e datar acontecementos non solo da nosa propia Historia, senón da evolución do Comercio Marítimo de Europa.

Pero en Ribadeo, vamos ter que empezar a enumerar as riquezas patrimoniais por “As Desfeitas”. Vemos na prensa, case tódalas semanas, que se destrúen mámoas, antigos elementos estruturais de poboación en espazos patrimoniais dentro do ámbito forestal, sen que se tome ningunha medida administrativa, xudicial ou penal, contra dos depredadores, moitas veces ignorantes do que hai, pois Patrimonio nin por parte da Xunta, nin de Costas, nin do Concello, fixeron unha delimitación visible das zonas de excepción catalogadas como patrimonio da Galiza, e tampouco puxeron a ninguén a vixiar estas prezadas zonas cando se vai a traballar preto delas, para parar tal ou cal desfeita. Moitas veces ó contrario, a administración pechou os ollos e deixaron facer a desfeita impunemente.

A Ría de Ribadeo estase destruíndo día a día coa colmatación de area que a está deixando completamente cegada, e noutros vinte anos poderase ir andando por toda ela en marea chea. Efectivamente. Pero NON SE PODE DRAGAR a Ría sen ter antes mirado o que se está dragando, pois sería un atentado manifesto o patrimonio subacuático cara aos restos arqueolóxicos que son testemuñas únicas e moi importantes para saber de como evolucionou o comercio marítimo na Galiza e en Europa.

Xa no ano 2011 desde a Asociación de Veciños “O Tesón” facíamos fincapé deste despropósito de dragar a ría sen ter rescatado primeiro os bens que por aquel entonces xa estaban inventariados. A contestación de “Cultura da Xunta de Galiza” foi que “un arqueólogo supervisaba os traballos” (A Mariña, El Progreso, mércores 16 novembro 2011). Punto, así nos vai doce anos despois sen solucións efectivas de ningún tipo.

No fondo da Ría de Ribadeo hai tanta riqueza en pecios que unha vez ao descuberto, estudalos será cuestión de dedicarlles unha vida enteira, pero ¿e mellor deixalos onde están, e que vaian desaparecendo pouco a pouco en dragados incontrolados?. Aínda non se convenceu a Xunta, Portos de Galiza ou mesmo o Principado, que a Ponte dos Santos e as escolleras e diques que se foron facendo en “obras inciviles” son unha ruína ambiental totalmente en contra do noso ecosistema, totalmente en contra do Porto Comercial de Ribadeo? Estarán facendoo adrede para revalorizar os portos limítrofes e deixar a Ribadeo ao marxe do comercio marítimo? Non é de extrañar, pois xa acabaron con tódolos barcos de pesca de altura e de baixura, que nada menos chegou a ter 350 homes apuntados no Pósito de Pescadores. Estará pasando o que mesmo que pasa co Xulgado de Primeira Instancia, que non ven por estar mellor en Mondoñedo, Viveiro ou en Lugo?

Como se vai poder manter a profundidade do canal ao Porto de Ribadeo, sen destruír a riqueza da ría? Primeiramente, tería que irse cambiando a estrutura en viga da Ponte dos Santos, por unha ponte en arco ou unha ponte colgante ou atirantada que evite a construción de pilastras centrais, para ampliar a súa luz e a súa altura, creando un gálibo de navegación apropiado e adaptado aos tipos de barcos mercantes modernos, de máis calado e de máis guinda ou altura de topes (air gap); un gálibo que non debera de ser menor de 45 m ou 50 metros de altura que incluso permita entrar a barcos de vela arbolados que navegan ao largo de todo o ano, e principalmente nas regatas máis importantes do Atlántico.

A Ría de Ribadeo e o Porto de Porcillán foron desde sempre o gran refuxio seguro, durante toda a roda do ano, para os barcos mercantes e de guerra nas fortes galernas do Cantábrico, tanto para aqueles grandes veleiros desde a alta Idade Media, como para os pequenos e medianos barcos de cabotaxe de todos os tempos. Teñamos en conta que o tráfico marítimo, foi o gran motor da economía de Ribadeo, e a Ponte dos Santos é un atranco, un estorbo artificial que parece posto a propósito para destruír a Ría, para destruír a hexemonía marítima milenaria de Ribadeo. Aqueles vellos mariñeiros dos anos 1960 e 70 cando se estaba proxectando a ponte e o primeiro “paseo marítimo” que destruíu a dársena e praia de Cabanela, xa o dicían: “A Ría de Ribadeo non é o Duero, aquí hai marea cada seis horas”. Non fixeron caso, e a colmatación de area é incontrolable hoxe en día, pois aínda que se chegara a dragar cada catro ou cinco anos, sería como querer quitar cunha culleriña do café o arrastre de area que pode meter a forza do mar nunha marea.

A día de hoxe, xa non cabe ningunha dúbida de que en Porcillán, fondeadoiro e Porto de Ribadeo por excelencia, xa comerciaban os gregos e fenicios desde antes que chegaran os romanos as nosas costas. Simplemente vendo as pezas que se están atopando nas pouquiñas mostras arqueolóxicas que se fan na Ría, serven para demostrar que este comercio internacional a gran distancia xa existía un milenio antes da nosa era. E faltan de supervisar centos de metros cadrados de superficie do pracer da Ría, para detectar pezas metálicas que se atopan a pouca e media profundidade e decenas de metros cúbicos de area para cribar as decenas de pezas de cerámica, bronce, cristal, vidro e moi posiblemente xoias de ouro fino repuxado ou con engarces variados, que tamén haberá nos preciosos e prezados fondos da Ría de Ribadeo.

De momento o equipo de buceo do arqueólogo comisario Miguel San Claudio, desvelábanos que atoparon unha ánfora grega de 2600 anos de antigüidade (século VII a.C.) peza de cerámica massaliota (da colonia grega de Massalia, a actual Marsella) e que relaciona o comercio a larga distancia máis antigo que se localizou na Costa Cantábrica, o que converte en única a Ría de Ribadeo (Ribadeo, La Atapuerca de Galicia para la Arqueología submarina, La Voz de Galicia, 29-Nov-2011).

A diferenza de criterio entre “Cultura” da Xunta de Galiza e Castela, é que cando se estaba facendo a trincheira daquela liña de ferrocarril no corredor da Bureba tan necesaria entre a conca do Ebro e o río Douro, atopouse o xacemento arqueolóxico de Atapuerca, e inmediatamente se pararon as obras de escavación e se desviou o trazado do ferrocarril pois aquel tesouro humano representaba un achádego importantísimo, unha historia e vida para o seu entorno e o de toda a humanidade. Levan estudando o xacemento desde fai máis dun século, e ao seu redor se fixeron salas de exposicións, museos, escolas de capacitación e estudo, e tódolos anos reciben miles de visitantes.

Aquí temos algo parecido, salvando as distancias, para saber do comercio marítimo da antigüidade de Galiza e de Europa, dos tipos de barcos e dos seus secretos de construción, fábrica e armamento que Cesáreo Fernández Duro xa expoñía en 1880 en “A la Mar Madera”, pero as mentes académicas que pararon a trincheira ferroviaria de Atapuerca, na Ría de Ribadeo brillan pola súa ausencia, e queren dragar a toda costa e destruír toda unha riqueza patrimonial que se sabe de certo que existe. Unha vergoña institucionalizada nas disposicións da Xunta e de Portos da Galiza, e que non debe de tolerarse.

Nós non podemos facer nada inmediato para evitalo, solo patalexar ou escribir algún artigo como este para seguir alertando da pasividade e indiferenza con que se trata desde as administracións este delicado tema que unha vez destruído non ten volta de folla.

Pero, aínda que son ateo convencido, grazas a Deus, como recoñecía Oriana Fallaci, voulle pedir a Divindade do Cosmos por medio da Virxe do Carme Patroa de todos nós, os mariñeiros, que faga algo, que non permita tamañas falcatruadas sen que teñan consecuencias para quen as permita. Amén.

--

1 La Prehistoria y su Metodología, Ana Fernández Vega, Sergio Ripoll López, Amparo Hernando Grande, Francisco Javier Muñoz Ibañez, José Manuel Quesada López, José Manuel Maíllo Fernández y Jesús Jordá Pardo. Segunda Edición 2014, Editorial Universitaria Ramón Areces, UNED. Páx. 11.↩

20221123

Respeto Barbón, Ria do Eo, NON. Pancho Campos Dorado

 


Respeto Barbón, Ria do Eo, NON

Pancho Campos Dorado

Cada día quedamos máis asombrados da calidade da democracia na que vive este país chamado España, cada día máis corrupta e máis podrecida. Temos unha Constitución que a todas luces non se cumpre na súa totalidade, pero segundo quen a interprete, a leva máis cara a esquerda ou máis cara a dereita. Por outro lado, temos tipos ben empoleirados en altos cargos políticos, que xa nin a interpretan, para qué? Teñen o número do teléfono de aqueles cos que se pode amañar facilmente calquera cousa, con só facerlles unha chamada, pois son xente ben colocada, que por nada quixeran romper as “relacións” con círculos de poder que os manteñen no seu inmerecido paraíso terreal.

Temos un problema. Teñen un problema. Por suposto. Levamos anos dicindo que o nome da Ría de Ribadeo non se cambia nin se comparte con vulgarismos estraños, e seguiremos loitando contra tanto descaro, contra tanta canallada de tendencia galegofóbica que levamos sofrendo na Galiza desde os tempos dos reis “católicos”.

O Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, cun señor ministro José Luís Ábalos Meco, do PSOE, otorga ao vulgar e localista sintagma de Ría do Eo dado por Asturias, o mesmo nivel de oficialidade que o topónimo Ría de Ribadeo, denominación maioritaria non só na autonomía do Reino da Galiza senón en todos os mapas e cartas de navegación do mundo enteiro. E para máis INRI, faino a través dun organismo oficial como é Instituto Xeográfico Nacional. Inconcibible, que se chame Instituto Xeográfico Nacional, que como xa dixen noutra ocasión debería chamarse “Instituto Geográfico Terrestre Nacional” (IGTN) pois ese cadro de asalariados parece entender pouco ou nada de hidronimia, de talasonimia, nin de Usos e Costumes do Mar, vista a súa intervención neste caso, pero así é como mantemos a tantos funcionarios “por doquier”, que non resolven absolutamente nada, e deixamos que se “fumen” os recursos da Sanidade, da Educación e da Investigación, pezas fundamentais da civilización dun país.

O señor Adrián Barbón Rodríguez do PSOE, presidente do Principado, cando lle chegou a resolución do Ministerio de Transportes, comentaba na prensa que era “una cuestión de justicia que veníamos reivindicando desde Asturias”.

O verbo “reivindicar” significa “pedir con vehemencia unha cousa a que se ten dereito e da cal se foi desposuído”. Cando existiu a denominación Ría do Eo.? Nunca. Polo tanto non pode reivindicar o que non nunca se tivo, e menos en xustiza.

Miren vostedes, non sei como amañaron o cambalache entre todos eses membros do PSOE de Madrid e do Principado, non sei o que se quedaron a deber, nin me importa, pero algo gordo tivo que haber para transgredir todas as normas da ética máis elemental. A Historia de Ribadeo, pisárona con ansia malévola, con saña. Non tiveron pudor ningún. Apoiaron a resolución en probas preparadas nun informe da “Oficina de Política Lingüistica del Principado de Asturias” que amañaron o seu a antoxo, catro verbas mal intencionadas e sen ningún escrúpulo foron aceptadas por todos estes organismos, que como unha secuencia de fichas de dominó, fóronse empurrando uns a outros polo arte dun primeiro impulso dado polo PP de Asturias na sede do parlamento asturiano. Aquel impulso, levounos a votar unha resolución antigalega e antihistórica, e aquí non pasa nada, os galeguiños que se jodan!

Expresión moi Ppera, no parlamento español, e agora apoiada polo clase parlamentaria e patriotera do asturiano señor Barbón. Ten narices a cuestión, de que VOX o único partido “antibable” de Asturias, “antigalego de occidente” o que hoxe chaman “a fala”, “antilingüista” de calquera clase que non sexa o castelán, votara en contra do vulgarismo Ría do Eo, por ser un despropósito contra o topónimo da Ría de Ribadeo. Moitas grazas!

No ano 2011, alertabamos do que estaban a facer no Principado ao poñer un nome a Reserva da Biosfera- Oscos-Río Eo e Terras de Burón co programa LEADER, no cal non se mencionaba para nada a Ribadeo, cando máis das tres cuartas partes do territorio son das Terras de Ribadeo e Miranda (La Comarca del Eo, 13 novembro 2011, publicado no blog aquí).

Tal é galegofobia destilada por todos estes organismos oficiais do Estado español, que o Ministerio de Transportes nin sequera tivo a cortesía de mandarnos contestación as alegacións que nós, a Plataforma de Mariños de Ribadeo e AVV “O Tesón” presentamos. Un traballo que levou horas e días de investigación para revisar, alegar e matizar a legalidade dentro de todos os códigos éticos e xurídicos do Estado. Pero a descortesía, segundo para quen se faga non importa. Vimos sufrindo esta desvergoña institucional española cara as cousas da Galiza en xeral e de Ribadeo en particular, desde que se mandaron os primeiros escritos coas alegacións pertinentes as distintas instancias estatais. A última á Subsecretaría do IGN (Instituto Geográfico Nacional). Non leron nada de canto lles mandamos o día 26 de outubro de 2022, e están tan mal educados que nin sequera nos contestaron. Para qué? Só son catro galeguiños, parviños eles!. Que emigren que é onde están ben, no estranxeiro!. Despois din que os galeguistas nonos estimamos!

Pero non van a saltar por encima da historia do Porto de Ribadeo nin da historia da súa poboación, nin no Principado, nin no Estado español. Se falará da Ría de Ribadeo sempre por dereito propio, e non se agregará nada neste século XXI de política podrecida e infame, que sexa espurio ó mundo da talasonimia, por moitos tipos de medio pelo que dirixan o cotarro. O tempo e a lei nos darán a razón.

Señor Barbón, a Historia da Poboación de Ribadeo remóntase no asentamento de Louselas ao Paleolítico inferior, poboación anterior a calquera asentamento do norte peninsular (Louselas. Los inicios del poblamiento humano en la región cantábrica. E. Ramil Rego e J. Ramil Soneira, Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, Monografía Nª6, 2014, p.19).

Fai douscentos mil anos, a cota do mar estaba 38 m por debaixo da cota actual, e fai cento oitenta mil o mar estaba aínda máis baixo, a case 150 metros por debaixo do nivel actual, e a ría era un entrante do mar onde desaugaban ou non tres ríos: Grande, Suarón e Eo, e outros regatos como o Río dos Malatos e río Amalló.

A estas terras xa habitadas, chegaron primeiro fenicios e gregos que viñeron a comerciar; na Ría de Ribadeo aparece cerámica do século VI a.C. massaliota, de Massalia, actual Marsella, polo que xa había tráfico marítimo na Idade do Ferro (entre os anos 800-450 a.C.) (El País, xullo-2021, Galeón Santiago). Logo chegáronse os celtas arredor do ano 290 a.C. e colonizaron a bisbarra. No ano 68 a.C. chega Julio Cesar a Hispania Citerior e nos anos 61-50 a.C. estaba “cartografiando” minuciosamente o litoral cantábrico que serviría para que máis tarde Augusto leve a cabo as Guerras Cántabras. Neste intre, podemos pensar que foi creado o Porto de Porcillán (Portus Julianus) no cal habería poboación autóctona, posto que había pesca e marisco e as terras da bisbarra de A Devesa, Piñeira, Vilaselán, Obe, As Anzas, Cubelas, Cedofeita son magníficas e dan froitos de todo tipo. Tanto é así que o máis antigo documento que se conserva, o “Diploma do rei Silo”, datado o 23-agosto do ano 775 (era 813) só fala destas terras da bisbarra de Ribadeo, polo tanto, tiñan que ser de entidade suliñable por antonomasia.

En 844-846 os vikingos preséntanse nas costas de Ribadeo. Aqueles piratas de Xutlandia e do Mar Báltico consideraban a Terra Galega a súa medida, acaso por que lles recordaba a súa propia. Chovía, na deles tamén (Victoria Armesto, Galicia Feudal I, p.149) Por qué entran na ría de Ribadeo? A buscar o botín do convento de Esperautano, que segundo o noso inolvidable veciño José María Rodríguez Díaz (El Monasterio de Esperautano y su Coto) (...) o 23 de agosto do ano 775, segundo ano do reinado do rei Don Silo, e co fin de acometer a cristianización de esta comarca oriental da Galiza, o rei Silo firmou un documento de doazón polo que, por medio do abad de Esperautano, llo otorgaba aos presbíteros Pedro, Avito y Valentín e aos conversos Alanti y Lubini, así como tamén aos monxes e anacoretas que residían en dito lugar e (...).

En 985 (era 1023) ao río Eo, unha das escrituras antigas do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, dalle o nome de Euve; outra de Meyra do ano 1128 (era 1166); dille “a flumine Euve...” e outra do ano 1143 di “Ripa Evii”. Da voz “Euve” quitouse a segunda sílaba e quedou “Eu” que se castelanizou a “Eo” así como toda a ribeira deste río e particularmente aplicouse ao porto daquela ribeira e principal poboación que se levantou co nome de Ripa-d’eo desde o século XII (H. Florez, p.57). Esta anotación é parte da que recolle F. Lanza no seu Ribadeo Antiguo (p.29-30-31) cando transcribe o documento en castelán da “Compra y Repoblación de Ribadeo” que o P. Florez transcribe en latín. Era dono das vilas e poboación o conde D. Rodrigo (Velaz Osorio de Montenegro) a quen llo compra o rei Fernando II (1157-1188) no ano 1182 por 1500 morabitinos de ouro (dínares almorábides; marabedís) (Lanza p.30). Cómpraa con tódolos dereitos e pertenzas (Florez p.57-58) e “o rei para que lograse máis comercio levou a vila desde a Vilavella máis cara o mar”.

Pero Galiza mantivo unión con Asturias e coas terras do Bierzo e León, acadando gran proxección nos reinados de Fernando II e Afonso VIII. Floreceu o comercio e a lingua galega sentou a base trobadoresca dos séculos XIII e XIV. Resulta indubidábel que a morte de Afonso VIII e a usurpación de Fernando de Castela en 1230 precipitou ao Reino de Galiza nunha profunda crise. Momento que a monarquía castelá-toledana aproveitou para reescribir a memoria do pasado á súa propia medida.

Nos séculos XIII e XV ten gran desenrolo a pesca da sardiña, da pescada e peixe salgado na Ría de Ribadeo, desde onde se exporta madeira, coiros e ferro, e se importan cereais. No século XIV Ribadeo exportaba viño. Francia nestes momentos padece a peste e os mercados europeos demandan viño galego que é exportado en barcos desde a Ría de Ribadeo. No século XIV Ribadeo dependía do Rei, e foi cando Enrique II de Castilla, da dinastía Trastámara concede a Pierre Lobesgue de Villanes en 1369 o título de Conde de Ribadeo, primeira falcatruada trastamarista contra da Galiza que apoiara ao rei Pedro I.

En 1388 nace o Principado de Asturias, creado por Juan I de Castela que reina desde 24 de agosto de 1379 ata súa morte o 9 de octubre de 1390. Como podemos ver, Ribadeo xa tiña entidade propia anos antes que o Principado de Asturias se creara e anos antes de houbera un principe de Asturias. No ano 1551, o Conde de Ribadeo e Conde Salinas, vendeu por 8500 ducados as Terras de Ribadeo e servidumes entre os ríos Navia e Eo, segundo escritura de Medina del Campo (Ribadeo Antiguo de Francisco Lanza, páx. 78-79-80). Segunda falcatruada. Como é posible que se desligaran do Reino de Galiza e pasaran para o Principado de Asturias?. Teimuda é esa provincia de Oviedo en obter territorio alleo e agora quer incluso “crear” toponimia nunha metade da Ría de Ribadeo. Conduta exemplar do Parlamento astur. Que están vostedes reivindicando en xustiza? Nada, absolutamente nada, a Ría de Ribadeo chámase así, por dereito propio non de apropiación untada. Basta xa de explicacións que non entende, pois a a súa actitude política non é a dun xurista que entenda argumentos, senón que é vostede un simple avogado que chegou a un grado de “autoritas” e potestade que para nós, non lle corresponde. Seguiremos estando aquí, por suposto.

20221101

Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Pode que o hostal de Santo Domingo de silos fora o que me atopei con mellor calidade / prezo. Iso pensei daquela co que levaba de viaxe, e sigo a pensar agora, ó remate. A saída de Santo Domingo de Silos, ó amencer, cun certo relente e ceo despexado, fixo moi manexable a subida de noto ó alto de Carazo. Tanto máis que a estrada deserta permitía facerse coa vista dos muros de rocha ás beiras. Deserta? Case! Unha vaca no medio da vía campaba polo seu sitio no mundo, e tentei pasar á súa beira sen molestar moito. Debino conseguir, pois apenas se apartou e tras a curva seguinte, antes de desaparecer da vista, seguía máis ou menos nas mesmas.

Unha vaca na estrada BU 910.
    Chego ó límite da provincia de Soria ás doce en punto, como atestemuñan os metadatos da foto correspondente na estrada N 234, entre Hontoria del Pinar (Burgos) e San Leonardo de Yagüe (Soria). Por certo, a conta do anterior, dous apuntes. O primeiro, a N 234 foi a estrada que máis tempo seguín, polo seu recorrido entre Burgos e Segorbe, pasando por todas as cabeceiras de etapa que trazara entre Burgos e o Mediterráneo (incluído a desta, Salas, aínda que tivera que despois tivera que cambiala por mor do aloxamento). O outro, San Leonardo foi así, a secas, o nome ata o 1952, no que a morte do xeneral golpista Yagüe propiciou que dende Madrid lle cambiaran o nome por decreto lei no BOE o 22 de outubro; hoxe segue a telo, contravindo a lei da Memoria Democrática.
    O pasar de novo o alto e ter unha baixada longa nesta mañá, vivifica. Máis aínda vendo correr a varios cervatos? gamos? polo campo a non moitos metros da bicicleta e durante uns dez segundos. A chegada á N 234, como era esperado, implica subidas non moi empinadas nin moi longas, pero subidas que levan de novo por riba dos mil metros de altura, como o alto de 'la Gallega', preto do pobo do mesmo nome, de 1112 m de altura.
Un alto con curioso nome a moitos quilómetros de Galicia.
    En Hontoria del Pinar, a praza maior baleira, e coa cafetería pechada, tiña un quiosco no medio da praza. Alí un home saía da casa a facer deporte en bicicleta e charlamos un pouco, aconsellándome sobre o seguinte tramo de vía verde, a partir de San Leonardo, para evitar a subida por estrada ó porto de Mojón Pardo (1234 msnm), e seguín o seu consello. Despois de debuxar, recunquei noutro bar que xusto estaba a abrir. Foi alí, en Hontoria, onde me decatei de que era domingo e xa pasara unha semana enteira dende a saída de Ribadeo.
Quiosco da música en Hontoria.
    Por certo, antes de saír o ciclista pasaron por alí dúas persoas, achegáronse e fixéronme unha corrección: non é un palco, senón un quiosco!
    En Hontoria xa se deixaba ver o turismo cara ó canón do río Lobos, que estiven a piques de visitar pero decidindo ó final non facelo por supoñer o alongar a etapa de xeito considerable.
    Así, tirei ata San Leonardo, xa en Soria e tamén adicado ó turismo do canón, e alí collín a aconsellada vía verde, manténdome case 100 metros por baixo do porto da estrada. Foi neste tramo onde aproveitei a subida para facer algunha foto de cousas que xa notara, pero que aquí se manifestaban máis. Pegadas de animais salvaxes nas beiras, restos que poderiamos clasificar dentro da 'arqueoloxía industrial', ou a erosión, que se ía incrementando co avance cara ó Mediterráneo e a terras máis secas. E mentres, neste tramo a vía verde non era das de peor piso, e mantívome lonxe da estrada abondos quilómetros, atravesando lugares que apreciei.
Pegadas á beira do camiño.

Mostras de erosión.

Arqueoloxía industrial.
     A entrada na provincia de Soria marcou o recoñecemento visual de algo que comezara quilómetros antes, que estaba en terra de piñeiros e cogomelos. E onde se aproveitan ambas cousas. Os piñeiros, para madeira ou resina, Os cogomelos, para a cociña.
Cartel nun coto de cogomelos.
    Pouco despois de saír á estrada dende a vía verde, unha igrexa tiña unha figura que me chocou: o campanario parecía una hórreo. A 'Ermita de la blanca', no concello de Cabrejas del Pinar.
Hórreo como campanario na ermida da Virxe da Branca, en Cabrejas del Pinar, Soria.

    Unha vez retornado á N 234 no quilómetro 389, seguín ata Abejar. Na procura dun lugar para comer, atopei o Hotel Puente Pinares referido na web. Entrei e pouco tardei en ver que estaba convertido nun lugar de acollida para inmigrantes. En concreto, topeime cunha familia con apariencia de ter orixe en Siria e sen coñecemento do castelán, e un grupo de ucraínos, tamén con pícaros con algúns xoguetes. Un pouco máis adiante, no mesmo Abejar, a estación de servicio tiña o prato do día. Alí comín e logo tomei un apunte da paisaxe, tras procurar aloxamento en Soria. Sen entrar polo miúdo, a miña estancia alí alongouse varias horas: o aloxamento, collido mediante unha web de viaxes, comunicoume cando xa ía marchar de alí que non admitía bicicletas de ningún xeito. Iso, despois de dicirme a web que si, e non querían devolverme os cartos. A solución que me daban era que a aparcara nun aparcamento público veciño. A bicicleta xa ten uns anos e non é de miles de euros, pero non me apetecía deixala en calquera lugar, e coa axuda de A World to Travel non parei ata amañar o tema, conseguir a devolución e arranxar outro lugar onde quedar que non me puxeran problema para dar bo remate a esta etapa 98 km na que salvei 650 m de desnivel nunhas 6,5 h de travesía por diferentes pisos.
Vista dende a E. S. de Abejar.

    A poucos quilómetros, Soria. A aproximación a Soria foi por unha vía ciclable, o circuíto de Valonsadero. Poucos quilómetros, en xeral en estado aceptable, pero que me desviaron na entrada tendo que dar unha volta para poder atravesar a autovía. Os quilómetros indicados quédanse curtos...

    Soria, xa decaendo a tarde, en festas e en domingo, a tope de xente, non me facilitou tampouco as cousas para cear. Entre paseo e procura, descubrín algún lugar que non coñecía desta vila na que estivera tan só unha vez.

Sobre a portada do IES Antonio Machado, en Soria.
    Un apunte final: unha etapa así dá para un estudo demográfico: a España baleirada vese acompañada do inmigrante, de xornaleiros do campo a rexidores de bares, por especialidades dependendo da orixe. A hostalería, para os suramericanos, os norteafricanos, agricultores... e tamén unha diferenciación por sexo, variando segundo a zona: antes de saír de Galicia, as sudamericanas arrasan como empregadas ou rexidoras da hostalería nos pequenos pobos que atravesei e nos que parei. Nesta zona, en troques, as mulleres estranxeiras case non son visibles, pero non porque non as haxa.
    Deixo para o final da crónica un feito que, sendo unha parvada, aledoume o pensamento por un tempo curto, ata que pasei a outra cousa. Tan curto que se non o poño por medio do relato é porque non me lembro do lugar exacto para situalo na serie temporal. A cousa é que, a piques de coronar un alto, pode que o citado La Gallega, adiántanme dous Porsche 911 seguidos, a unha velocidade alta, pero non demasiado, e coroban segundos antes ca min. Penso: se me tivera esforzado un pouco máis, coroaba eu antes ca eles! Xa digo, coa ocorrencia esbocei un amplo sorriso, como se ese 'por pouco' significara algo.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

20220104

O RIBADEO QUE NON COÑECEMOS. Pancho Campos Dorado

 O RIBADEO QUE NON COÑECEMOS

Pancho Campos Dorado

“Un punto de partida que testemuña o comezo da Prehistoria humana é a aparición no rexistro arqueolóxico de utensilios ou instrumentos feitos (polo home) conforme a modelos normalizados” (La Prehistoria y su Metodología, UNED, 2ª Ed. 2014, p.15). 

A historia non comeza a ser Historia ata que non aparece algún tipo de testemuña escrita ou documento escrito sobre algún acontecemento. Este criterio ten un grave inconveniente de interpretación para saber da antigüidade dun pobo, pois un pobo pode ser moi antigo e non ter evidencias escritas da súa existencia. Este tipo de culturas son as chamadas culturas ágrafas, sen escritura. Polo tanto, hai un desfase inminente entre a antigüidade dun pobo e o seu coñecemento da escritura. Así, podemos ter coñecemento Protohistórico, do final da prehistoria e principios da historia antiga, dun pobo ágrafo polos seus veciños que si sabían escribir e estaban xa no período histórico, ou ter coñecemento Parahistórico cando eses veciños son contemporáneos do pobo ágrafo, aínda que non teñan contacto con el (ibidem, p.16)

Sirva este preámbulo para entender as discrepancias que puideran xurdir no seguinte relato. Sabemos que Ribadeo e a súa contorna é un asentamento poboacional moi, pero que moi antigo do Norte da Península Ibérica, pois os seus rexistros arqueolóxicos do xacemento de Louselas datan de ao menos 300 ou 250 mil anos, do Paleolítico Inferior, que como xa dixemos noutras ocasións, foi estudado polos insignes arqueólogos Eduardo Ramil Rego e José Ramil Soneira (Louselas, Monografía Nº6, Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, 2014).

Tamén, e sen dúbida, chegaron ao Porto e Ría de Ribadeo tanto mariñeiros fenicios, século XX a XVI a.C (F. Lanza, Ribadeo Antiguo, p.17 a 19), como gregos, dos que carecemos de probas evidentes pero si circunstanciais. Na Ría de Ribadeo aparecen pezas de cerámica do século VI a.C. (El País, xullo-2021, Galeón Santiago) polo que xa había un tráfico marítimo importante na Idade do Bronce final da Galiza (1000-500 a.C.) e na Idade do Ferro inicial (500-300 a.C.).

No ano 290 a.C. os galo-celtas xunto cos gregos, poboaban Galiza. Por suposto, os pobos celtas chegaron a estas terras séculos antes cós romanos, pero de ambos hai evidencias claras nos nove castros do concello de Ribadeo e nas efémeras catas que se fixeron no ano 2009 no Castro das Grobas que foi datado entre o século II a.C. e o século I d.C. corroborando tanto o antigo asentamento celta como a súa posterior romanización. Polo tanto, todos estes pobos antigos tiveron algo que ver na Prehistoria de Ribadeo. Á vista dos achados nos fondos da Ría de Ribadeo, tanto en tempos pretéritos como hoxe, resultaría ata ridículo pensar que isto non fora así, cando entre os restos de cerámica hai pezas do século VI ao II a.C.

Portada de 'Sobre os Casstros de Ribadeo', de José Mª Rodríguez

Por outra banda, a primeira evidencia histórica, que nós coñecemos do topónimo Ribadeo e da súa a poboación, aparece nun documento do ano 969 (era 1007) cando se nomea co seu propio nome “Riba Euve” (sic): “In Villa plana alio maream, quae discurrir, Ecclesiam Sancti Jacobi. In Assanza, Ecclesiam Sancti Vicenti cum suis adjunctions In Riba Euve in Villa Assendi integro Teyxeiro. Omnes...” (España Sagrada, fragmento da páxina 336) da escritura de fundación do Mosteiro de San Salvador de Lorenzana (Sancti Comitis Ossorii Gutierrez Testamentum, quo S. Salvatoris de Laurenzana Monasterium erexit. Era 1007 (an.969) [ex Tabulario ejusdem Monasterii] transcrita integramente en latín no Apéndice XVII da España Sagrada do R.P. Henrique Florez, ano 1764, Tomo XVIII, p. 332 a 342. Polo tanto Riba Euve (sic) xa aparece nun documento histórico do século X, dous séculos antes do que menciona Francisco Lanza no seu imprescindible e inestimable Ribadeo Antiguo (páx.2).

Por outra banda, no querido semanario La Comarca del Eo do 10-xullo-2021 e no mesmo artigo en Ribadeando, o 29 de xuño, dicía eu que parecía raro que Porcillán (Porto Iulanus ou Julianus) non aparecera nas narracións das Guerras Cántabras, sendo como era un dos portos de mar máis importantes de todo o Norte da Península Ibérica, resaltado e distinguido co propio nome de Xulio Cesar (61-60 a.C) que foi quen ordenou a cartografía das costas cantábricas, cuxos mapas servirían para a súa invasión e sometemento ao imperio romano que levou a cabo Octavio Augusto (27-26 a.C.). A día de hoxe, xa non cabe ningunha dúbida de que en Porcillán, Porto de Ribadeo por excelencia, xa comerciaban os gregos e fenicios desde antes que chegaran os romanos as nosas costas. Simplemente vendo as poucas mostras arqueolóxicas que se están atopando na Ría de Ribadeo, serven para demostrar que este comercio existía. E faltan centos de metros cadrados de superficie do pracer da Ría, para detectar pezas metálicas que se atopan a pouca profundidade e decenas de metros cúbicos de area para cribar os centos de pezas de cerámica, bronce, cristal, vidro e moi posiblemente xoias de ouro fino repuxado ou con engarces variados, que tamén haberá nos preciosos e prezados fondos da Ría de Ribadeo.

De momento o equipo de buceo do arqueólogo comisario Miguel San Claudio, desvélanos que atoparon unha ánfora grega de 2600 anos de antigüidade (século VII a.C.) peza de cerámica massaliota (da colonia grega de Massalia, a actual Marsella) e que relaciona o comercio a larga distancia máis antigo que se localizou na Costa Cantábrica, o que converte en única a Ría de Ribadeo (Ribadeo, La Atapuerca de Galicia para la Arqueología submarina, La Voz de Galicia, 29-Nov-2011).

Estamos necesitando en Ribadeo un gran edificio, un Palacio da Música, que conste dunha ampla platea al menos de 1000 butacas con amplo escenario, digno de ser chamado Auditorio ou Teatro, con salas para congresos, exposicións, espectáculos, cine e salas para un Museo permanente, con ampla capacidade de almacenaxe, biblioteca e oficina de recepción; salas dotadas para o estudo e investigación dos achádegos. É imprescindible construír algo así canto antes, pois Ribadeo ten o suficiente patrimonio e poboación como para ter un servizo permanente de exposicións. Isto parecerá unha quimera, pero en realidade é unha necesidade urxente, pois están levándose para outras cidades o patrimonio cultural ribadense desde fai moitos anos, e non hai inventarios do que saíu de Ribadeo, polo que non será unha labor doada o facer retornar todo canto hai dispersado por aí e que pertence por natureza a Ribadeo.

Esperemos que non ocorra coas pezas que se vaian atopando no fondo da Ría de Ribadeo como ocorreu coa ilustre Diadema de Ribadeo, un vergoñento espectáculo de “trileros”. Estivo repartida entre o museo do Louvre e o de Madrid, pois descuberta no Castro das Grobas, como sinala Francisco Lanza no Ribadeo Antiguo, estaba catalogada como galega de Ribadeo pola eminente autoridade de D. Pedro Bosch Gimpera (que estudou a fondo todo o val do Eo) e de estudosos arqueólogos como eran López Cuevillas e Bouza Brei (Seminario de Estudos Galegos, Tomo II). Esta Diadema de Ribadeo mostra unha escena ritual repetida secuencialmente, na que aparecen uns guerreiros ecuestres (a cabalo) con espada curta e broquel, mentres outros homes a pé transportan caldeiros sagrados. Ao fondo aparece unha paisaxe acuática con aves comendo peixe, e arroaces ou golfiños de fociño de botella, tamén chamados toniñas. Esta toniñas solen entrar nas rías debido o seu comportamento social na época da sardiña de maio a outubro, e principalmente en xullo e agosto. Son populares os refráns mariñeiros, “arroaces na ría, moita sardiña” ou, “Os arroaces brincan no mar? forte Norte vai dar”.

Pois ben, todas estas escenas mariñeiras da ourivería celta da Diadema de Ribadeo, non importaron, hoxe está catalogada como a Diadema de Moñes (Piloña-Infiesto, polo arte de birlibirloque de dous coleccionistas asturianos, un, maxistrado, Remigio Salomón, que dixo en 1865 que a comprara en Oviedo, a quén? si estaba no Museo do Louvre de París, e outro coleccionista de Cangas de Onis, Sebastián de Soto Cortés, á vista das fotos que o maxistrado deixara á Comisión Provincial de Monumentos de Oviedo montaron a pebida de que el atopara unha peza coa mesma estampación no “Concejo de Piloña”, polo que a Diadema de Ribadeo, foi catalogada como de Moñes. Si señor, con un par. Como se lle chama a este tipo de actos de “xente ilustrada”? Non lle vou poñer apelativos pois só me saen maldicións e xuramentos.

Por outro lado, onde vai o “Carneiro alado de Ribadeo”? Sigue estando custodiada no Museo de Lugo, esa preciosa xoia da ourivería grega, persa, etrusca....de ouro puro, aparecida na Ría de Ribadeo. Tamén lle cambiaron a afiliación?

En resumidas contas, non podemos seguir perdendo o patrimonio de Ribadeo, porque haxa xente “listiña” que se aproveita da incompetencia, inoperatividá ou inexistencia da Comisión Cultural do Patrimonio de Galicia. Estanse descubrindo demasiadas pezas valiosísimas para a nosa Historia, e demasiado valiosas comercialmente como para facerlles desaparecer por un tempo e volvelas aflorar con nomes espurios saídos da imaxinación e desvergoña duns aproveitados. Ribadeo ten a obriga de preservar o seu propio patrimonio, pois é un valor inigualable de riqueza histórica e, por suposto, de gran valor turístico si se poñen en valor nun lugar apropiado.

Qué circunstancias ocorren en Ribadeo nos dez primeiros séculos da nosa historia local, para que non se nomee por ningures algo dos aconteceres que forzosamente tiveron que pasar por estes lares?. Que pode aparecer nos nove castros que se atopan no noso concello de Ribadeo, sabendo do seu gran desenrolo antigo que tivo a poboación mariñeira?. Non haberá nunca presuposto para pagar a un arqueólogo para dirixir e descubrir os mil e un tesouros que agocha esta terra contemporánea do rei Midas, e que poden ser descubertos coa axuda de voluntariado de estudantes de Historia, de Arte ou de veciños, como está a pasar xa en outros concellos da Galiza?

Temos que recordar que Galiza era unha terra rica en metais, ouro e estaño. Galiza é rica de por sí, pero arrastra desde fai séculos unha grande eiva, a educación. Xa nos tempos de Prisciliano (340-385 d.C.) dise que naceu nunha familia rica pero que tivo unha educación descoidada. Di Victoria Armesto, “en Galicia a la educación le damos poca importancia, a mayor riqueza menor cultura” (Galicia Feudal I, ano 1969, p.71). Non me cabe dúbida de que os Indianos déronse conta desta incultura popular, e trataron de evitar en todo o posible, esa triste realidade, construíndo escolas en tódolos pobos do seu berce.

Pode comprobarse en toda a Galiza feudal que había decenas de fidalgos galegos, e cando se revisan os seus testamentos, poucos, moi poucos saben firmar, e moitas veces teñen que recorrer a unha testemuña que firma por eles. Era moi normal que naquela Galiza poboada de centos de mosteiros, na Galiza dos gobernos teocráticos na súa raíz, lles dixeran aos galegos nobres, “para que vai vostede a preocuparse de saber ler, escribir ou de contas, si ten bastantes rendas; mande facelo e non se preocupe de máis”. Esa mentalidade inducida pola teocracia aínda se da nos nosos días cando se lee unha Biblia Católica, pois os Evanxeos hai que entendelos como os explica a Igrexa Católica, non se poden interpretar tal e como a nosa propia cultura cidadán nos ditamina. Esa é a gran diferenza de civilización que nos separa dos países protestantes, cuxos cidadáns poden ler e interpretar por si mesmos a Biblia desde o século XV e XVI, porque as súas curias relixiosas lles din de ler a Biblia na casa, e discutila en familia, polo que todos os seus membros saben ler e escribir, ao menos desde catro séculos antes que o 95% da poboación española. Era abraiante ver que no ano 1976, cando eu fixen a mili, aínda había “naquela España nuestra”, no Cuartel de Instrución de Ferrol unha “brigada de analfabetos”, e supoño que en todos os cuarteis militares ocorría o mesmo.

Aínda quedan reminiscencias sociais daquel analfabetismo, e aínda temos a menos defender o noso propio patrimonio. Podemos ler con indignación, por exemplo, que defender o topónimo da Ría de Ribadeo é defender un localismo. Non sei como este tipo de persoeiros non avogan por lle cambiar o topónimo á Bóvia, o alto de Penouta, ou o nome dalgunha Virxe do Pilar, de Covadonga, das Dores, do Carme ou calquera outra barbaridade que se lles poida ocorrer. Nós, os galegos fomos asumindo todo este tipo de inxustizas, pola forza do desprezo inmediato administrativo que nos foi imposto primeiro por administradores alleos a Nosa Terra e hoxe por propios galegos de estómago agradecido que non teñen nin idea do transcendente e prexudicial que pode ser o que fan.

Quedámonos coa Esperanza de ver algo feito en positivo algún día. Amén.

20210818

En consideración do Museo da Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba

   Fágome eco dun correo electrónico dos Amigos do Museo da Prehistoria e Arqueoloxía que coido merece difusión.


O Organismo Autónomo Local "Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba" (MUPAV) nos seus trinta anos de existencia converteuse nun referente para a museoloxía e para a investigación arqueolóxica na Península Ibérica. A pesar dos precarios medios que sufriu dende a súa fundación, ven desenvolvendo unha importante tarefa de custodia, investigación e divulgación do patrimonio arqueolóxico.

Nos últimos anos a súa situación económica empeorou, xa que o orzamento aprobado pola institución da que depende (Concello de Vilalba, Lugo) non é suficiente para sufragar os gastos correntes, asumindo a Asociación de Amigos do Museo de Vilalba os gastos relativos ás actividades de extensión cultural.

O incumprimento por parte do Concello de Vilalba das súas obrigas de conservar e manter os locais públicos ocupados polo MUPAV, agravado por unha serie de desgrazas (incendio, inundación e goteiras), está comezando a provocar efectos prexudiciais sobre o patrimonio histórico e bibliográfico custodiado polo MUPAV. Efectos que a Inspección de Traballo requiriu a súa corrección para que o persoal poida desempeñar as súas funcións de acordo coa lexislación laboral vixente.

Por todo isto, a Asociación de Amigos do Museo de Vilalba solicita o apoio a este movemento cívico, así como a adhesión ao presente manifesto e a súa difusión, agradecendo de antemán a axuda e colaboración prestada.

 

 

MANIFESTO.

1.- A firme e ineludible necesidade de expor publicamente esta situación no maior número de lugares, ocasións e formas posibles.

2.-A convicción de que o MUPAV ofrece un servizo público irrenunciable para unha sociedade culturalmente desenvolvida e constitúe un elemento clave para o desenvolvemento social, cultural e turístico do seu entorno xeográfico.

3.- A necesidade de dotar ao MUPAV de recursos suficientes para que poida continuar coa súa misión, reforzando a entidade na fórmula administrativa que mellor se adapte ao pleno desenvolvemento dos seus obxectivos.

4.- A intención de trasladar, ás distintas administracións, organizacións e instancias europeas segundo corresponda, o risco que supón para a conservación do patrimonio histórico a falta de mantemento do edificio MUPAV.

5.- Avaliar os recursos legais pertinentes, sempre que non se produza a reversión da situación e non se establezan as medidas necesarias para a conservación do patrimonio histórico.

 


 

Para adherirse ao presente manifesto pode encher e enviar este formulario por correo electrónico a amigos@museovilalba.org, tamén pode envialo por correo (AMUPAV, Dr. Domingo Goas, 2, 27800 Vilalba, Lugo) ou entregalo no Museo sede.

 

Os datos recollidos gardaranse nun ficheiro de tratamento mixto pertencente á Asociación de Amigos do Museo de Vilalba. Pode exercer os dereitos de acceso, rectificación, eliminación e portabilidade dos datos e oposición e limitación ao seu tratamento ante a entidade responsable (amigos@museovilalba.org).

--

Nota: A pesar do que di , non traía ningún formulario, polo que quen queira debe poñerse en contacto directo mediante o correo.

Nota2: xa está dispoñible o formulario. Déixoo a continuación para quen queira imprimilo ou sinxelamente copiar os datos que piden e envialo:



20210629

PORCILLÁN NAS GUERRAS CÁNTABRAS. Pancho Campos Dorado


PORCILLÁN NAS GUERRAS CÁNTABRAS

    Pancho Campos Dorado

   Xorden moitas preguntas cando un estudia as Guerras Cántabras, e non se nomea por ningures ao moi antigo porto de Porcillán, sendo un dos mellores portos do Cantábrico como en moitas ocasións expuxemos falando do porto de Ribadeo. Tratarei de explicar o que sabemos, que por certo non é moito, pero suficiente, como para facer unha hipóteses que dentro das incertezas, ao menos entra en contacto coa realidade histórica coñecida.

    En 61-60 a.C. chega Xulio César á Bética para gobernar, como propretor, a Hispania Ulterior na fase de sometemento da Península Ibérica ao imperio romano (cronistas: Dión Casio e Plutarco). Defende aos provinciais lusitanos (galego-portugueses) que foran conquistados por Décimo Xunio Bruto até a altura da batalla do río Douro do ano 137 a.C. (ano 617 UC desde a fundación de Roma). Unha batalla sanguenta en extremo, até tal punto que o poeta Ovidio di que a terra se empapou de sangue. O mesmo Décimo Xunio Bruto valorou o heroico comportamento dos galegos de tal maneira que recibiu o sobrenome de “O Galaico” (Casimiro Torres Rodríguez, La Galicia Romana, 1982, p.30).

    Pero César, cando chega á Península, estaba moi endebedado economicamente, parece ser que debía 830 talentos. O talento romano era unha unidade monetaria que equivalía a un peso de 32,3 kg. en ouro ou en prata. Polo tanto Cesar tiña unha débeda de 830 x 32,3 = 26 809 kg de ouro ou de prata. Unha enorme fortuna. Por isto, non se conforma con quedarse a defender e administrar as terras conquistadas por Bruto, senón que emprende a súa propia campaña de conquista e sometemento da Península Ibérica, a partir de onde a deixara Décimo Xunio Bruto, na marxe dereita do río Douro. César sube a Lusitania cara ó norte, seguindo a rasa costeira e cruza o Douro e tamén os ríos Limia e Miño. Tiña a ansia naquel momento do que se chamaba a “auri sacra fames”, a ambición insaciable do ouro, e ouro habíao nos confines de Occidente, no “Finisterrae”, na terra onde se poñía o sol, e alí quería chegar, a semellanza de Alexandro que quixo chegar a Oriente, ás terras onde nacía o sol (Casimiro Torres, ibidem). Quería chegar ás controvertidas Casitérides, illas Cíes segundo Murguía (Galicia, p.736), que eran os emporios do estaño, das que César oíra falar ao procónsul Publio Craso na súa casa de Roma, quen xa o precedera no envite, e que fora honrado polo Senado con honores de trunfo contra os lusitanos. Cesar quería superar aos seus predecesores e pretende chegar a Brigantium (cidade que aínda hoxe non está claro se foi A Coruña ou Betanzos). Preséntaselle a ocasión de pedir a Gades (Cadiz) o apoio de barcos para facer unha incursión marítima, pois os habitantes lusitanos do Monte Herminio rebeláranse e fuxiran a unha illa, que uns sitúan en Peniche (moi probable) e outros nas Cíes (menos probable). Ditas naves serían barcos mercantes ou comerciais, non naves de guerra. Cesar somete aos herminios e parece como si o teito que alcanzou no seu periplo, embarcado nos seus barcos, foi Brigantium, recorrendo todos os entrantes da rías baixas e algúns entrantes navegables dos rios.

    Pero sobre este punto nos di Antonio Rodríguez Colmenero nun artigo da USC (Universidade Santiago Compostela, “La intervención de la flota romana en la conquista de Gallaecia” apartado 3, “La razzia marítima de Julio Cesar (61-60 a.C.)”] “Nada sabemos acerca del radio de penetración, tierra adentro, que Cesar se fijó, pero seguro que no rebasaría en demasía las alineaciones montañosas de un litoral que recorrería minuciosamente en casi todos los entrantes, internándose en ocasiones en el curso bajo de los ríos que en él desembocaban”. “En todo caso el techo de dicha expedición fue Brigantium, cuya identificación ofrece todavía problemas...” “Tampoco pueden excluirse en la expedición de Cesar finalidades científicas, sobre todo de naturaleza geográfico/cartográfico, complementarias de las aportaciones que Posidonio había hecho casi medio siglo antes y que Estrabón tanto rememora. No se comprendería si no el conocimiento que de la geografía peninsular y sobre todo de la forma Hispaniae en su franja litoral, parecen poseer los estrategas de las Guerras Cántabras”.

    Se primeiro nos din que Julio Cesar, viña remontando a Lusitania e Galiza pola costa atlántica até alcanzar Brigantium, e logo nos din que fai unha cartografía da “franxa litoral que serviu aos estrategos das Guerras Cántabras”, ten que haber sobre pasado Brigantium e percorrer cos seus barcos a franxa cantábrica facendo un mapa cartográfico dos seus accidentes costeiros. Polo tanto, non podemos deixar de pensar que entrou na actual Ría de Ribadeo, e nomeou a Porcillán (Porto Iulanus ou Julianus), e non cun nome trivial ou insignificante, senón que o destacou co seu propio nome, cousa que pensamos que o significa moito, porque xa lle pareceu a Cesar un punto xeográfico moi importante da Cornixa Cantábrica. Continuando a súa forma minuciosa de cartografar todos os recunchos da costa, e seguindo a na nosa hipóteses, cremos que tomaría a ría como fondeadoiro seguro para avituallarse, facer provisión de boca e augada, así como, poder transferir calquera tipo de mercadoría na que estivera interesado el ou a frota romana en calquera tempo. Que se saiba, en Porcillán non houbo construcións romanas ou un pequeno espigón de atraque antes finais do século XIX, agás os varadoiros sobre as pequenas praias de area de Guimarán, Porcillán e Cabanela, onde con algún tipo de barcaza se podía varar ou chegar a terra sen dificultade.

    E cal era a mercadoría que por excelencia lle interesaba a Xulio César naquel momento? Sen dúbida, estaño e ouro. Minas de estaño habíaas no litoral da Mariña e toneladas de ouro en minas e ríos da bisbarra, particularmente en Cervantes, no nacente do río Navia desde primeiros do século I a.C. no Castro de Santa María de Cervantes, que está asociado á explotación das minas auríferas romanas (Nós, Nº381, 22-06-2021). Por outra banda, de Ribadeo a Foz hai ao menos 18 castros, algún deles habitado por xentes que se dedicaban a minería, que senón traballaba todo o poboado nas minas, eran parte, pois hai na nosa bisbarra minas auríferas e de estaño. Onde podían cargar o ouro ou o estaño en naves capaces de transportalo a Roma? Como sabemos, Porcillán era o gran porto de fondeo para todo tipo de naves, e onde as naves podían esperar carga, de calquera sitio que viñera, con toda seguridade e confianza en todas as estacións do ano.

    Para nós, hai outro topónimo interesante no rio Eo que non podemos esquecer, Abres. Aparece como Ables, na primeira mención documental do ano 973? segundo a magnífica e extensísima obra lingüística de Xulia Marqués Valea (A Toponimia de Trabada, 2004, p.122). Sendo eu un ignorante da lingüística, e sen poñer en dúbida nin unha coma de traballo mencionado, podo achegar que esa partícula “bres”, está recollida fonéticamente e case coa mesma sonoridade, en moitas cidades das illas Británicas, co significado de “campamento romano”, p.e. o porto de Bristol en Inglaterra, en Cambridge, Manchester, Colchester (onde no AD 60 ou 61 se revelou Boudica, reina guerreira dos celtas) ou mesmo no porto de Brest na Bretaña francesa, e todos eles naceron dun campamento romano.

    Cabe a dúbida, por suposto, pero non é de todo extravagante pensar que chegado Cesar a darlle o seu nome a Porcillán para situalo na cartografía que estaba facendo do litoral, puidese tamén remontar a ría e penetrar no río Eo (chamado E[g]ove, na época romana) até a altura de Abres, a onde chegaría en falúas coa marea, e que está moito máis cerca dos xacementos auríferos do interior, alixeirando o duro transporte en carro ou en bestas, cara á costa. Teñamos en conta que o río Eo na súa desembocadura en Porto non era un fangal e a Ría de Ribadeo estaba aberta en toda a súa plenitude e non estaba atascada polos sedimentos e recheos que se levaron a cabo para desecala a partires do ano 1869 polos infames negocios do banqueiro Carlos Casas.

    A nosa teoría é posible, pois anos máis tarde, no ano 27 a,C. chega Octavio Augusto a Península Ibérica e completa a fase do asentamento romano no territorio. No ano 26 a.C. funda Lucus Augusti (o Bosque de Augusto) e polo que nos di tamén Antonio Rodríguez Colmenero, no artigo arriba citado (apartado 4, Ab Aquitanico Sinu [...]), “(...) Augusto decide intervenir personalmente en la conquista definitiva del Finisterrae Hispánico. Es el año 27 a.C. (...) una de las provincias asignadas al príncipe es la Citerior a la que pertenecerá Cantabria (...) Augusto está dispuesto a afrontar los peligros de la mar, puesto que duda entre aventurarse a conquistar Britania (...) o marchar contra los cántabros ribereños por el sur del mismo mar.” “Se trataba de utilizar contra los cántabros [enténdase aquí, galaicos, ástures, cántabros e vascos] la táctica de la tenaza, con fuerzas terrestres que marchasen de sur a norte y fuerzas navales que avanzasen de norte a sur. Se trataría, por lo tanto, no de una simple operación de avituallamiento [por parte da flota ao exército de terra] sino de suministro de tropas de infantería embarcadas, procedentes de Aquitania [parte do País Vasco francés], que como sucedería más tarde en la conquista de Germania o con la de Escocia llevada a cabo por Agrícola, utilizarían los desembarcos rápidos e inesperados, en combinación con las fuerzas terrestres, para desorganizar al enemigo”.

    Non é lixeireza pensar, por tanto, que o porto de Porcillán fora partícipe activo nas Guerras Cántabras, por ser refuxio seguro para as forzas navais unha vez deixaran o porto de A Coruña, e que podían alcanzar en pouco tempo, pois é unha travesía de aproximadamente 80 millas náuticas actuais de 1852 m = 100 millas romanas de 1481 m. A infantería embarcada podíana deixar na propia costa de Porcillán ou remontar aos soldados ate un campamento ben arriba do rio Eo, en Abres ou perto del segundo nós, pois como continua dicindo Colmenero, “Nada consta de las características técnicas de la flota (...) un contingente verdaderamente militar, en el que predominarían naves ligeras (naves longae), trieras y liburnas, de dimensiones de 35 m. [eslora] por 5 m. [manga] por término medio, sin descartar embarcaciones de más amplio tonelaje, así como algunas para el transporte de acémilas (...) En conclusión no es mucho lo que se conoce acerca de la intervención de la flota romana en la conquista del noroeste peninsular, y sólo con hipótesis más o menos creíbles, montadas sobre los escasos datos que las fuentes suministran o sobre analogías con lo sucedido en otros ámbitos del imperio se puede montar un relato verosimil de los acontecimientos”. Pola nosa parte, baseándonos na pouca historia documental que coñecemos, creo que podemos dicir que Porcillán data do século I a.C. simplemente analizando o seu topónimo, xa fora dado por Xulio César (61-60 a.C.) ou por Octavio Augusto (27-26 a.C.), para facer unha plaza forte na súa estratexia de combate en tenaza, subindo coa infantería de sur a norte desde Lucus Augusti ou desde Asturica Augusta cara a costa, e baixando de norte a sur desde Porcillán ou desde Abres cara ó interior. Segundo nós o vemos, este relato non está lonxe da verdade histórica xamais contada. Pero haberá que esperar a que haxa algo de presuposto para investigar nos sitios apropiados, para despexar as dúbidas.

    Que poderá aparecer debaixo de tantos fangales e areeiros nas canles naturais da Ría de Ribadeo? Non podemos nin imaxinar, cantas cousas se haberán tirado ou caído pola borda dos barcos, en dous milenios de fondeo.

    Quen tivera unha presidenta na Xunta da Galiza coma a da Comunidade de Madrid, para poder dispoñer duns cantos millóns de euros para a investigación e posta en valor da nosa arqueoloxía marítima e terrestre, con esa tremenda facilidade coa que ela fixo ese hospital sen quirófanos no que gastou 100 millóns de euros (16 mil cincocentos millóns das antigas pesetas) e non pasou nada. Iso si que é ter capacidade de decisión autonómica. Aquí no Concello de Ribadeo temos nove (9) castros e todos sen investigar, e segundo un tal Sr. Ramón Rodríguez González, Conselleiro de Cultura e Turismo do PP na Xunta da Galiza, “non haberá estudo do galeón afundido na Ría de Ribadeo, ante as dificultades que supón a acumulación de dous metros de area na zona para levar a cabo os traballos” (La Comarca del Eo, 12 xuño 2021). Haberá “cuajo” semellante?, dicir estas cousas un Xeógrafo e Profesor Universitario e poder quedarse tan ancho? No ano 2011 cando se descubre, estaba véndose practicamente case todo o contorno das estemenaras do galeón e agora está enterrado por dous metros de area? Unha nimiedade de traballo para unha draga de pouca monta, pero ademais, qué está pasando na Ría de Ribadeo que se está colmatando area a tan inxente velocidade, e que dentro de pouco non se poderá navegar nin en chalano? Como se puido inocular un cáncer na navegación da Ría con esa mal deseñada Ponte dos Santos, e que sigue a “obra incivil” provocándo unha metástases de diques, espigós, malecós, escolleras e balocos de cemento na beira do canal? De quen é a culpa desta barbarie de aproveitamento portuario?. Pero isto é outra historia da nosa esquecida Galiza... demasiadas veces contada, pero que de momento nin tivo remedio, nin dor de contrición e nin propósito da emenda! E así se vai pasando o tempo, e así se vai vivindo do conto!!

20200922

O HENGE DE A RODA. Pancho Campos Dorado

    O xacemento arqueolóxico de A Roda situado na parroquia de Santiago de Reinante no Concello de Barreiros, é un anel lítico con certas irregularidades, isto é, un anel composto de dous círculos case concéntricos paredados cunha mestura de pedras grandes (ciclópeas ou megálitos) nos cimentos e outras de tamaño mediano nos cachos de paramento que quedan. O diámetro medio do círculo interior ven a ser de 34 metros, cun muro perimetral de máis menos un metro e medio de ancho, polo que o círculo externo acada os 37 metros. O muro formado entre as paredes de ambos círculos está recheo con area marela propia da zona e está rodeado dun foxo duns tres e medio metros de ancho, tamén recheo de area e pedras diversas.
    Este tipo de construcións prehistóricas son coñecidas polo nome inglés “henge” que significa “círculo de pedra”. Cando son monumentos megalíticos formados por menhires (do bretón men: pedra hir: alongada) cravados no chan reciben o nome propio de “crómlech” que proven do galés “crowm”: curvado e “lech”: laxe; lousa. Posiblemente o crómlech máis famoso sexa Stonehenge, un monumento neolítico da idade do bronce situado en Wiltshire, Reino Unido, formado por unha sucesión de grandes pedras de sección rectangular chantados no chan e algúns deles cubertos con pedras (linteis) que conforman unha serie de aberturas en forma de portas abertas de diversa interpretación.
    O xacemento de A Roda preséntase ante o visitante que o ve por primeira vez, cun aspecto similar a unha escombreira no medio do monte con pedras espalladas por aquí e por acolá como si algunha vez sufrira as consecuencias dunha explosión de cartuchos de dinamita e non pequena. Todo este pandemonio de pedras grandes e pequenas, pedrolos e cañós desordenados, son resultado da desfeita que fixeron as manobras das máquinas forestais na súa labor de deforestación de eucaliptos e pinos que había na finca de monte cando se vendeu ao Ministerio de Fomento pois entraba na traza da autopista A8. Menos mal que no ano 2006 cando pasaron facendo os desmontes da estrada se deron conta de que alí había algo máis que pedras soltas e revoltas e o propio persoal do Ministerio de Fomento respectou o lugar e desviouse do trazado inicial, e hoxe mantén o xacemento perfectamente rozado, ou polo menos así o atopamos limpo a mediados de agosto e primeiros de setembro, cando o fomos a visitar de novo; o que nos leva a dicir que realmente non está tan sumamente mal coidado e abandonado como o resto dos xacementos que temos na zona e que dependen dise ente burocrático chamado a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza.
    A nós, os veciños da comarca, parece ser que non nos queda máis remedio que poñer en valor toda esta riqueza patrimonial que posiblemente sexa o noso mellor motor industrial nos vindeiros anos. Non nos cabe dúbida que hai que poñer en valor algo dos nove castros do Concello de Ribadeo, máis a Punta do Castro de San Miguel de Reinante, o castro de Merille en San Cosme de Barreiros, o castro da Rilleira ou da Maradona en san Xusto de Cabarcos, o castro dos Calixóns en Vilamartín Pequeno, e moitos outros xacementos arqueolóxicos milenarios que tamén posúe o Concello de Trabada. Aínda que non se poida traballar en todos a vez, pois non haberá recursos nin persoal para tanto, polo menos haberá que empezar a facer algo en algúns deles, ao menos rozalos para delimitar as zonas e facerse coa propiedade onde están afincados para que pasen a ser de dominio público e non poidan seguir sendo arruinados pola explotación forestal. Todos eles serán fonte de riqueza para moitos, moitos anos, pois temos que ter en conta que ademais de estar a beira de magníficas praias, atópanse todos eles a apenas un ou dous quilómetros, monte a través, do Camiño de Santiago.
    Pero hoxe fixarémonos no xacemento de A Roda de Santiago de Reinante, dunha época máis antiga que os asentamentos da Cultura Castrexa. Estamos ante un magnífico templo-calendario de un valor prehistórico e turístico incalculable.
    Si, A Roda é un templo calendario, un recinto cerimonial que nos marca efemérides astronómicas, semellante nas características entre a monumentalidade de Stonehenge (3200/2300 a.C.) e as do simple círculo de Swinside, ambos no Reino Unido. Por que dicimos que é un templo calendario sen dúbida algunha? Pois ben. Xuntámonos de principio dous amigos, Emilio Piñeiroa (historiador) e máis eu, pois gústanos demasiado a Nosa Terra e estamos véndoa cada día máis apedrada pola desidia da Administración da Xunta, dos Concellos e de todo bicho vivinte que tiña que ocuparse obrigatoriamente destes asuntos. Chegados o asentamento e cos nosos coñecementos básicos calculamos os puntos equinocciais e solsticiais do círculo. Quedamos sorprendidos e encantados de comprobar que aínda algúns destes puntos principais que nos ían aparecendo, estaban perfectamente sinalizados por pedras grandes, aínda despois das enormes desfeitas que fixeron as máquinas, e que deixaron pedras de todo tipo, soltas e removidas do seu sitio e tiradas de calquera maneira no chan e redores e que terán que ser devoltas ao seu lugar de orixe algún día, cando se faga un estudo máis profundo e exacto de todo o conxunto que, por suposto, teñen que facer expertos arqueólogos.
    Aos quince días volvemos comprobar con maior precisión os nosos cálculos, axudados por Antonio Gregorio (físico) e por Eugenio Niñe (topógrafo). Antonio cos seus magníficos coñecementos astronómicos da súa cátedra, fíxonos unha corrección matemática de 8º 15’ debido a redondez da Terra (á latitude), co cal as nosas estimacións non estaban tan mal para o caso que nos ocupa, aínda que tíñamos unha burrada de error para tirar un foguete a Lúa. Logo coa axuda de Eugenio Niñe o topógrafo xa quedamos máis conformes coas marcacións estimadas.
Podemos dicir que o orto do solsticio de verán está aínda perfectamente marcado desde fai máis de tres mil setecentos anos, ou sexa desde antes do ano 1700 a.C. que acreditan de antigüidade as probas de C14 (carbono 14), cun marxe que incluso se poden remontar a 2000 anos a.C. Ou sexa o xacemento data da transición final do neolítico-calcolítico (metalurxia do cobre) e da idade bronce Proto-Atlántico da Galiza (1800-1700/1200-1100 a.C.) que corresponde coa cultura Argárica, varios séculos antes das invasións celtas.
   Para que servía este calendario astronómico?. Está situado nunha zona elevada, un outeiro estratéxico para ver até un horizonte moi lonxe do mar e desde onde se podían controlar os campos agrícolas, e todo aquel que quixera consultar os momentos máis propicios para a sementeira podía aproximarse ao sitio para consultarlle o gardián ou o adiviño/a do templo que posiblemente nel residía.
    A xente por tanto, que por esta bisbarra vivía, era xente moi civilizada, pois unha obra como esta nona facía calquera, de feito no continente europeo hai moi pouquiños xacementos destas características, pois necesítase unha propedéutica, ou ensinanza de saberes e coñecementos previos e amplos de astronomía para realizar tamaña construción.
    Aínda na nosa ignorancia de todo o que pode representar A Roda, pois os xacementos prehistóricos son estudados por interpretacións especulativas sen certezas escritas, como ocorre na Historia, pero sería extraordinario que a poboación autóctona fixera este templo. Por isto, podemos crer que tales coñecementos astronómicos chegaron aquí da man dos comerciantes fenicios e gregos que navegaban polo Atlántico en busca de estaño e da púrpura. Había minas de estaño na Galiza (Casitérides, nome que na Grecia Antiga se daba aos centros produtores de estaño) e había os caracois mariños chamados púrpuras ou mures, stramonita haemastoma, dos que temos moitas mostras nos concheiros dos castros desta bisbarra, particularmente na Punta do Castro de San Miguel de Reinante; os cales case vinte séculos máis tarde, servirían para tinguir de púrpura as túnicas dos emperadores romanos, e a súa destrución ou roubo representaba para o infractor a pena de morte.
Os fenicios e gregos segundo os datos prehistóricos chegaron a estas alturas da Galiza polo ano 1200 a.C. época da Idade do Bronce III e IV (Prehistoria e Arqueoloxía de Galicia, Instituto de Estudos Galegos P. Sarmiento, 1979, Idade do Bronce en Galicia, p.52-53).
    Pero aquí temos gran discrepancia coa datación de A Roda, pois si a proba do carbono 14 indica que data do 2000-1700 a.C. teremos que A Roda é un punto clave e referencial para situar a saída do Mediterráneo dos comerciantes fenicios e gregos uns cincocentos ou oitocentos anos antes do que se pensaba, polo que este xacemento parece ser do final do Calcolítico, da Idade do Bronce Inicial, data a nivel da Prehistoria europea moi importante, pois é un punto dunha idade comprobable e de que as rutas marítimas comerciais saíndo do Mediterráneo subían polo Oeste da Península Ibérica até acadar as Illas Británicas, igualándose a idade do xacemento de A Roda coa idade do Bronce Europeo, entre o III e I milenio a.C. Os mariños comerciantes, fenicios e gregos, sabían dos coñecementos solares e da situación das estrelas importantes polas ensinanzas dos sumerios e dos exipcios e eran eles quen espallaban os coñecementos polo mundo en que se movían desde as cidades estado de Tiro (ao rei Hiram I, Hércules de Tiro móstralle as primeiras telas tinguidas de púrpura o que o deixa marabillado); de Sidón, Biblos e de Ugarit que a través de Emar e Ebla chegaban as ensinanzas dos mariños de Mesopotamia (3000 a.C.).
    Para os pobos agrícolas e gandeiros todas estas efemérides, fases do ano ou cambios de estación eran esenciais para as rutinas laborais do campo, tanto das sementeiras como das colleitas e cría de gando. Os fenicios ensinaron o manexo do arado, a xunguir aos animais para tiro, o sachar os campos con sachos de madeira e pedra, e moitas e diversas ensinanzas tanto para a súa vida privada como para as crenzas espirituais, e probablemente desde A Roda mirando cara a ese espléndido horizonte de 180º de mar inmenso, celebraran festas, con fachos na noite, larpeiradas... pero iso é outra parte a contar da nosa pre-historia.
    Estamos vivindo situados no medio de magníficos xacementos arqueolóxicos que merecen toda a nosa atención veciñal pois senón vámolos perder a pasos axigantados, e non hai dereito que isto ocorra. Necesitamos facerlles falar dos nosos ancestros a todas estas pedras antes de que desaparezan, como fan en calquera nación culta e para iso hai que estudialas a fondo. A Roda é un topónimo da zona, precisamente por este xacemento, e ninguén sabía o que era até hoxe??? Gustaríame desde aquí poder dicir que intentaremos formar unha asociación veciñal ou asociarnos as xa existentes, onde se abrangue a membros educados en todas as disciplinas do coñecemento necesarios para desenrolar os estudos dos xacementos destes nosos concellos, Ribadeo-Barreiros-Trabada, e calquera persoa que se sinta interesada no tema pode poñerse en comunicación con calquera de nós. Non cabe dúbida de que necesitaremos a colaboración de todos e cada un dos partidos políticos da Nosa Terra.
Xacemento arqueolóxico de A RODA no ano 2008, desvío feito na traza da autopista A8.
A Roda ano 2019 // Foto xentileza de: 60 RÁFAGAS