20210312

Unha finca céntrica para o concello de Ribadeo

   Un anuncio na sede electrónica do concello di iso: comézase a tramitación para que o concello se apropie dunha finca no centro do pobo.

   A finca é a sinalada:

   Dá á r/Recarei na súa beira maior, aínda que o número teno por r/Deputación. Céntrica, adecentada polo concello ó estar abandoada, agora o concello, a raíz da procura dos seus donos para cobrarlle a súa intervención, pasa ós trámites para incorporala ós seus bens.

   O Edicto:


Complementario (de nota do concello de 20210312):

Foto casa Antonio Otero

UN DELES VAISE CONVERTER EN ESPAZO POLIVALENTE

Inmobles de titularidade municipal

12/03/2021

O Concello de Ribadeo adquire catro inmobles a través da figura da expropiación, debido a impagos de multas urbanísticas ou execucións subsidiarias que tivo que realizar para garantir a seguridade e a salubridade públicas. Trátase de propiedades situadas nas rúas Antonio Otero, Deputación, Vispo Veres e Avenida de Asturias.

O alcalde ribadense, Fernando Suárez, contou que "son varios os inmobles que o Concello de Ribadeo está adquirindo a través da figura da expropiación, debido a impagos de multas urbanísticas ou a accións de execución subsidiaria que o Concello tivo que realizar para garantir a seguridade e a salubridade públicas. Son procesos que se alongan no tempo, pero que ao final se os titulares non se fan cargo, ben porque non queren ou ben porque son descoñecidos, a administración local acabamos poñendo estes inmobles ao noso nome".

O rexedor lembrou que "temos, xa desde hai anos, unha acción que acabamos de rexistrar nestes días, que é un inmoble na rúa Antonio Otero 31, no casco vello de Ribadeo. Este inmoble veuse abaixo e tivemos que actuar subsidiariamente hai uns anos, os posibles propietarios nunca apareceron e finalmente cobramos os traballos a través da adquisición do ben. Entre multas e execucións subsidiarias tiñan unha débeda duns 30.000 euros. Igualmente pasou na rúa Deputación número 1, logo de innumerables advertencias pola falta de seguridade deste inmoble con respecto á vía pública e aos viandantes que puideran pasar por alí, efectuamos unha serie de multas a través de notificacións persoais e de notificacións nos diferentes boletíns oficiais, incluso tivemos que facer unha demolición total dese edificio con cargo a fondos municipais. Os cargos achéganse neste caso aos 40.000 euros e estamos tamén no proceso de adquisición deste inmoble".

Suárez Barcia engadiu que "fixemos igual na rúa Vispo Veres números 2 e 4, e finalmente nun local da Avenida de Asturias froito do embargo a un promotor inmobiliario, por sancións urbanísticas confirmadas posteriormente pola xustiza, que non fixo o pagamento das mesmas, polo tanto adquirimos ese baixo".

O alcalde sinalou que "agora todos estes inmobles pasan a titularidade pública e terán diferentes finalidades. Neste último caso do situado da Avenida de Asturias querémolo converter nun espazo polivalente centrado, sobre todo, nas actividades formativas e para o cal xa temos solicitado unha axuda á Xunta de Galicia. Noutros casos optamos primeiramente pola taxación do inmoble e a venda pública a través dunha puxa. Si se venden, os ingresos económicos destas transaccións serán reinvertidos polo Concello en accións de patrimonio do solo onde temos múltiples necesidades como todos os concellos, vías públicas, espazos públicos, mellora nas traídas de auga nas parroquias, etc…".



Ningún comentario: