20210314

Os propios deuses

   Inmersa na evolución xeral da humanidade, podemos observar tamén unha evolución na que os humanos comezaron considerando que todo depende directamente dun ou outro 'deus' para logo ir transformando e relaxando esa dependencia e volvendo ás persoas máis independentes, reforzadas en nós mesmas. Ese reforzo colleu ás coa tecnoloxía, e hoxe tal parece que sexamos os humanos os propios deuses... dependentes das nosas criaturas tecnolóxicas.

   Recollo unha idea, a de que calquera tecnoloxía abondo avanzada non pode diferenciarse da maxia, e aplícoa a actualidade. Non é xa só que podamos facer cousas como aparecer fantasmas das nosas persoas queridas para falar con elas niso que chamamos videochamada. É que podemos facer revivir ós mortos e moverse, e falar, de xeito artificial... ou a unha persoa viva facerlle dicir e facer calquera cousa que queiramos, co que iso leva consigo en canto a posibilidades de manipulación e engano. Facemos maxia e crémonos magos. Ríome eu do que aínda son agora as mentiras profundas ou deep fakes en comparación coas posibilidades cada vez máis abertas, xa coa tecnoloxía de hoxe en día (aínda que polo momento só para as entidades con 'posibles') e os autoengaños de poderes sobrenaturais.

   Entre aquel 'a vida é soño' de Calderón e a distopía de Matrix imos facendo camiño nunha realidade cambiante. non só no cambio normal ata o de agora, dependente do tempo, senón noutro máis sofisticado, no que é a nosa propia consideración do que é a realidade o que cambia. Se ata o de agora sabíamos que o noso coñecemento dos outros é só relativo, estamos aproximándonos a un punto no que o noso descoñecemento dos outros é tan absoluto que mesmo descoñecemos o descoñecemento. Hai tempo daquilo do 'teatro da vida', que fomos interiorizando, para chegar á vida a través da pantalla: non teatro, senón cine interactivo con todos os recursos tecnolóxicos que supón a manipulación dixital.

   Deuses. Si, cos pés de lama, capaces de comunicarnos co outro extremo do noso planeta cunha ferramenta que sabemos manexar, pero que ninguén podería construír só e dende cero. Capaces de facer auténtica maxia para ollos de hai un par de séculos, pero a maioría capaces de tragarnos calquera feito transmitido polas redes sociais sen pensar en poñer un filtro con algún criterio de veracidade. Cunha interacción social cada vez máis intensa pero máis difusa, chegando ó contrario da especialización: de 'saber todo de nada' a 'non saber nada de todo', ou, o que é semellante, non saber nada de nada tendo á man un 'algo' que consideramos 'todo'.

   E mentres o futuro vai chegando cada vez menos paseniño, sexa a vixilancia exhaustiva (seguro que non te atopaches ningunha cámara de vixilancia nas últimas horas?) ou destrución medioambiental (tranquilo: 'un conto; por unha especie arriba ou abaixo... mentres non sexa a nosa!). Pasando por pandemias (din os estudos que se están a incrementar as posibilidades), temos as crises económicas para tirar das sociais e as políticas e irnos metendo medo e leis protectoras (de quen? de nós mesmos?), si, sentímonos deuses. Ben, máis ben, conformámonos con ser deusiños.

Ningún comentario: