20210305

Relendo unha nova: Ribadeo, contaminación acústica

   O pasado 28 de febreiro o concello emitiu unha nota de prensa (que deixo ó final) na que anunciaba

a) Que ten 'a' competencia en contaminación acústica.

b) Que preparaba unha ordenanza municipal de protección acústica

c) Que o día 1 de marzo estaría colgada na web do concello. Máis adiante, di 'no taboeiro de anuncios da sede electrónica'.

d) Que as persoas interesadas terían un prazo de dez días hábiles para aportar ideas.

e) O recoñecemento de que ata o momento o concello non está cumprindo coas súas obrigas normativas neste tema.

   Vexo a pouca repercusión mediática e social que tivo e coido que se debe potenciar, motivo desta entrada.

   Comezando polo título: OS CONCELLOS TEÑEN A COMPETENCIA NA MATERIA. Coido que sería máis apropiado dicir que teñen competencias, pois é evidente que as súas competencias quedan reducidas á adaptación da orde da Xunta de 26 de novembro de 2018, como recoñece máis adiante e como se expresa na disposición adicional primeira da 'ORDEN de 26 de noviembre de 2018 por la que se aprueba la propuesta de Ordenanza de protección contra la contaminación acústica de Galicia.' (copio en castelán por ser a versión que aparece na sede electrónica do concello, que non en galego, a que aparece neste DOG).

   O concello prepara unha ordenanza municipal de protección acústica porque non a ten. De feito, na mesma nota de prensa recoñece que a normativa de medio ambiente, tamén en trámites de cambio, non trata do tema (nin a vella nin a proposta, da que xa teño falado). A dicir que non vin na orde da normativa galega un prazo para o ditame dunha normativa local, se ben a outros niveis teño entendido que tería que estar feita xa hai anos. E está ben que a prepare. Mais poñer como base directa a normativa galega, a modo de proposta, coido que é un erro: a preparación quedaría limitada ó enunciado no outro documento exposto na sede dixital, en imaxe abaixo, que se limita a pedir ideas e comentarios sobre catro apartados moi concretos e, ó tempo, moi xerais, pois inclúen os problemas que se pretenden solucionar ou os obxectivos da norma. De calquera xeito, iso significa que os 10 días propostos dun xeito ou outro van alongarse abondo máis antes de ter unha proposta real. O que nn quita que, quen teña interese, se vaia preocupando xa polo tema, que o tempo pasa de xeito doado.

   Por último, a confusión entre sitios web no concello non é de agora, e leva a moitas confusións doutro tipo. Sería desexable que no futuro houbera un método claro, definido e difundido, para usar unha ou outra.

   Polo demais, unha posibilidade de participación, aínda que só sexa a nivel de 'opinión'.

OS CONCELLOS TEÑEN A COMPETENCIA NA MATERIA

Contaminación acústica

28/02/2021

A Concellaría de Medio Ambiente prepara unha ordenanza municipal de protección contra a contaminación acústica, que toma como referencia a que está vixente en Galicia desde 2018. A partir do vindeiro luns, 1 de marzo, estará colgada na web do Concello para que as persoas interesadas en aportar ideas o poidan facer durante un período de 10 días hábiles.

O edil nacionalista explicou que "actualmente o Concello de Ribadeo conta coa ordenanza municipal de protección medio ambiental, cuxa substitución está en fase de tramitación. Nin a que está vixente nin a proposta para a súa substitución regulan a problemática da contaminación acústica do Concello. E de acordo coa lei reguladora das bases do réxime local é competencia propia dos municipios ou Concellos a protección contra a contaminación acústica das zonas urbanas". 

Díaz Freije subliñou que "por iso propoñemos para que se inicie a tramitación necesaria para a súa aprobación da proposta da ordenanza de protección contra a contaminación acústica de Galicia (ORDE do 26 de novembro de 2018 pola que se aproba a proposta de ordenanza de protección contra a contaminación acústica de Galicia - DOG Núm. 238, venres, 14 de decembro de 2018) como ordenanza municipal de protección contra a contaminación acústica do Concello de Ribadeo. Trátase dunha normativa moi técnica e moi complexa e queremos partir dela". 

O concelleiro de Medio Ambiente indicou que "deste xeito abrimos un prazo de dez días hábiles para que calquera persoa que desexe aportar algo o faga. Despois esta ordenanza someterase á súa aprobación inicial a través do pleno e establecerase outro período de trinta días hábiles de exposición pública para aportar máis información ou alegacións. A proposta de ordenanza de protección contra a contaminación acústica de Ribadeo estará exposta na web municipal no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Ribadeo".

 

Ningún comentario: