20060807

2ª: un esquecemento, sobre a prevista piscifactoría de Pescanova / Insuíña en Ribadeo

Adxunto unha nota de prensa xa vella... corrixida.
SOBRE A UBICACIÓN DA PISCIFACTORÍA DE PESCANOVA EN RIBADEO

Ante o acordo do Consello da Xunta de declarar a incidencia supramunicipal do proxecto de piscifactoría de peixes planos en Pena do Corvo (Ribadeo), dende ADEGA e dende a Coordinadora de defensa do litoral da Mariña Luguesa, -á espera de coñecer con máis detalle o proxecto-, queremos facer as seguintes precisións ante a opinión pública:
Unha.- A ubicación desta piscifactoría que agora se propón en Pena do Corvo (Ribadeo) é o resultado das negociacións entre a Administración e Pescanova para reubicar a piscifactoría prevista en cabo Touriñán e que o actual goberno decidiu non autorizar por afectar a un espazo protexido da Rede Natura.

Dúas.- Valoramos moi acertada e positivamente que a protección dos espazos da Rede Natura deixe de ser unha virtualidade de papel e empece a adquirir rango de realidade; por isto, manifestamos que sería inaceptábel que dita piscifactoría puidera, nesta nova ubicación, afectar aos nosos espazos protexidos. Temos que facer constar que, por un lado, a esta zona de Pena ou Penedo do Corvo (Ribadeo) chega o espazo protexido de AS CATEDRAIS e, por outro, existe na mesma zona un castro no que aínda son perfectamente identificábeis tres dos seus fosos e muros de protección e, para o que a Lexislación prevé un perímetro de protección a 200 m da súa parte máis exterior.

Tres.- Entendemos que este tipo de instalacións industriais de cría de peixe, -de enorme impacto paisaxístico sobre o litoral-, caben perfectamente dentro dun polígono industrial. Polo tanto, nun momento, no que se está a tramitar un polígono industrial en Ribadeo cunha reserva de solo de 1 000 000 de metros cadrados, consideraríamos máis acertado que esta instalación se ubicase no polígono industrial, onde ademais podería beneficiarse doutros servizos do polígono, como as comunicacións, a enerxía eléctrica, etc, de forma que ben se compensase o sobrecuste que puidera resultar desta maior distancia do mar. En todo caso agardamos da administración o máximo rigor na avaliación e corrección de todos os impactos ambientais, especialmente no que se refire á depuración de residuos.

En Ribadeo, a 1 de Agosto do 2006

Ningún comentario: