Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta servizos públicos. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta servizos públicos. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20210605

Pensionistas facendo o seu traballo. 20210605


   Traballando, continuando, coido que dá unha idea mellor que dicir 'en loita'.

   Hoxe houbo, unha vez máis, concentración arredor das pensións. Un curto tempo no que algo máis de 40 persoas lembraron a situación actual dun modelo de pensións atacado e atracado dende hai tempo. Como outras veces, Básaro leu un texto. Logo déronse outros avisos -haberá unha charla sobre a xestión dos centros de maiores na pandemia, asistencia á manifestación en Santiago o 27 de xuño por uns Servizos de Dependencia Públicos, Universais e de Calidade...-, e repartiuse en papel o documento 'Os plans de pensións de empresa: análise da Recomendación 16 do Pacto de Toledo', de Xabier Pérez Dávila / MODEPEN.

   O texto lido:

Dun tempo para acá, falamos constantemente dos seguros privados de pensións, e moita xente pregúntase que coño nos importa a nós se xa estamos xubilados. E a verdade é que visto así, pode parecer certo, pero isto é como as cebolas, hal que ir sacándolle capas para entendelo. Unha das estratexias do neoliberalismo (o capitalismo sen controis que exercen algúns partidos), para que a poboación deixe de crer nun sector público eficaz e puxante consiste en abandonar o investimento nos diferentes estamentos públicos. Existen varios exemplos claros: a Sanidade, a Educación, e as Pensións.

Para demostrar que cando queren pásanse a Constitución polo forro miremos o que di o artigo 50 da Constitución española:

“Os poderes públicos garantirán, mediante pensións adecuadas e periodicamente actualizadas, a suficiencia económica aos cidadáns durante a terceira idade. Así mesmo, e con independencia das obrigacións familiares, promoverán o seu benestar mediante un sistema de servizos sociais que atenderán os seus problemas específicos de saúde, vivenda, cultura e lecer.”

Desde fai moitos anos, a viabilidade do sistema público de pensións é cuestionada polos nosos gobernantes e cada certo tempo entra na axenda política, sendo debatida con moitísimos datos (para tolearnos) nos principais medios de comunicación. Según os políticos que apoian un sistema económico neoliberal cada vez máis estendido, que defenden a idea dun Estado máis pequeno no cal a empresa privada terá un peso cada vez maior e un poder cáseque absoluto, entre os principais problemas para o mantemento das pensións está un feito incuestionable, que a taxa de natalidade dos países avanzados permanece estancada desde finais do século pasado, o cal fai que menos persoas laboralmente activas traballen para máis persoas que xa non traballan e que cada vez van vivir máis tempo como dependentes do Estado de Benestar. Isto é certo, pero e unha media verdade, porque os partidarios do sistema neoliberal están mentindo cando nos din que o único modo de financiar as pensións públicas é mediante as cotizacións dos traballadores en activo. Isto é un engano, porque os Estados dispoñen doutros ingresos diferentes das achegas directas dos traballadores. No noso país, as pensións fináncianse, basicamente, mediante esas achegas, pero noutros países sufráganse tamén a través dos impostos ou doutros ingresos.

Por eso están a machacarnos con que a inviabilidade do sistema público de pensións fai necesario que contratemos un plan privado que sirva para complementar o futuro cobro dunha pensión. Pero en países como o noso existe unha enorme dificultade para que as clases traballadoras dediquen parte dos seus ingresos para contratar un plan privado de pensións; as dúas razóns principais son os baixos salarios e a precariedade laboral.

A falta de diñeiro para cubrir as necesidades dos Servizos públicos, malgástanse noutras cousas, a maioría das veces inservibles, pero como é malgasto político non está castigado, así nos loce o pelo.

A utilización dun recurso económico de maneira impropia ou non racional, é un despilfarro. Pero hai despilfarros que nos sangran a todos, como son os dos bens comúns e públicos, incluíndo os despilfarros dos recursos orzamentarios.

O contrario do despilfarro e a eficiencia, a eficacia e a ética na xestión. Pero estes criterios fallan. E cando non se respectan os principios da economía pública nin da ética na súa xestión, habería que aplicar o código penal. Así de claro. O despilfarro debería ser perseguible e debería esixirse como un deber social.

Na súa intervención no Congreso para presentar o informe do ano 2012, a Defensora do Pobo xa alertou da necesidade de tipificar como delito penal o "despilfarro" dos fondos públicos porque, dicía, "evitaría que se malgaste o diñeiro de todos, obtido polas Administracións públicas dos impostos que gravan a renda ou o consumo de millóns de persoas”. Con todo cando se aprobou a Lei de Transparencia, non se aproveitou a oportunidade de incorporar esta petición da Defensora do Pobo.

Está claro que non interesaba. Por estas razóns hai quen propón auditar a débeda. Non ó mellor para impagala, senón para analizar os motivos da súa emisión e poder explicar á sociedade que houbo un tempo no que uns señores con poder político abusaron da confianza dos seus votantes e gobernaron despilfarrando, endebedándonos, impoñendo recortes sociais cando a crise puxo de manifesto o desgoberno que estaban a realizar, porque esta crise puxo no seu sitio aos que nos arruinaron, Esperemos que a Xustiza (por se alguén cre nela), algún dia tamén os poña no seu sitio.

E recordade sempre que GOBERNE QUEN GOBERNE OS SERVIZOS PÚBLICOS DEFÉNDENSE.

20120719

Nota de prensa do comité de empresa do concello de Ribadeo (de 20120718)

O Comité de Empresa de Ribadeo diante das medidas aprobadas polo Goberno municipal en materia de horarios e funcións dos traballadores do Concello quere manifestar o seguinte: 1.- As medidas aprobadas foron comunicadas aos representantes dos traballadores en sendas Mesas de Negociación que de negociación só tiñan o nome pois a actitude do Goberno Municipal foi de imposición das mesmas . 2.- Os traballadores do Concello estamos fartos de que o Alcalde utilice os medios de comunicación para denigrar a nosa imaxe e presentarnos diante da opinión publica como uns “vagos e maleantes”. No máis puro estilo populista, máis propio de dirixentes conservadores que dun representante dun partido progresista e de esquerdas, o Alcalde dia si e dia tamén carga contra os traballadores nos medios facéndolle un fraco favor á imaxe dos servizos públicos, e contribuíndo a caricaturizar a nosa labor. Isto ten mais gravidade sendo el,tamén, un traballador da administración local. Non era a nosa intención contestar a estas provocacións diante dos medios, pois entendemos que iso é o que o que el pretende , pois parece comulgar coa ola neoliberal imperante que carga contra o sector publico e os seus traballadores. 3.- NON temos ningún problema,e así llo manifestamos reiteradamente, en que se controlen os horarios e se cumpra coa xornada estipulada no convenio, faltaría mais, pois estamos convencidos de que isto xa se cumpre na inmensa maioría dos casos. Se existe algunha conduta incorrecta será de xeito excepcional e ten capacidade de sobra o Alcalde, como Xefe de persoal, para corrixila polos medios legalmente establecidos. Esa é a súa responsabilidade. 4.- Mostra da súa mala fe negociadora foi a denuncia que fixo do Convenio Colectivo o mesmo dia que nos presentaba as reformas de horarios e funcións. O Estatuto dos Traballadores establece a obriga de constituír unha comisión negociadora no prazo dun mes dende a denuncia do convenio, e o Alcalde negouse a convocala, mesmo despois de solicitarlla nós por escrito. A nosa pretensión era negociar as modificacións de horarios e funcións dentro desa comisión, como é lóxico, pero o Alcalde demostrounos que a denuncia do convenio era unha manobra para chantaxearnos e presionarnos para aceptar as súas propostas. 5.- O Alcalde acóllese así ás reformas que dende o goberno do Partido Popular se están levando a cabo, e eríxese en abandeirado das mesmas. Critica na rúa e nos medios unhas reformas que con entusiasmo e prontitude aplica, antes, incluso, que outros alcaldes de distintas cores políticas. 6.- A famosa coletilla que incluíu en todos os postos de traballo da RPT coa finalidade, segundo el, de que todos os traballadores deban facer calquera función, vai dar pe á arbitrariedade e a posibles abusos por parte dos responsables municipais. 7.- Sabemos que, desgraciadamente, a nova lexislación laboral fai posible que dentro da administración se tomen medidas contra os dereitos adquiridos dos traballadores públicos, medidas que lonxe de mellorar os servizos ou provocar aforro aos contribuíntes o que pretenden é aumentar o poder e a discrecionalidade dos gobernantes de turno. Intentaremos polos medios legais defender as nosas teses, sen caer en practicas de descualificación nin entrar en polémicas que o único que fan é contribuír a deteriorar a imaxe do sector público ao que pertencemos. 8.- Sentímonos decepcionados cun goberno municipal que lonxe de buscar solucións dende o dialogo o fai dende a imposición e a descualificación, que lonxe de poñer en valor diante dos veciños de Ribadeo a importancia e eficacia dos servizos públicos do Concello dedícase a desprestixialos, que lonxe de defender uns servizos públicos de calidade parece empeñado en sentar as bases para a súa desafección na sociedade e a futura desaparición e privatización. E todo isto vindo dun goberno de persoas que presuntamente deberían defender todo o contrario parécenos aínda máis grave.

20210611

Servizos e dependencia públicos

    Cambiei o título. Debera titularse 'servizos da dependencia públicos', que é do que se vai tratar, do seu funcionamento, para expresar outra idea, a dependencia pública dos servizos. Algo do que tamén espero que se trate.

   Despois da catástrofe que supuxo o coronavirus en moitas residencias, centros de día, axuda no fogar... amosouse que a catástrofe en realidade era anterior: o deterioro dos servizos, deixados da man de deus polos chamados poderes púlicos, foi antes do coronavirus, e o que pasou na pandemia só foi o resultado.

   Esta tarde de hoxe, venres 11 de xuño, ás 20 horas no cine teatro, nunha escea na que a pandemia vai recuando nestas terras e establécese un certo retorno a actividades normais, a charla que se anuncia promete aclarar ideas e poñer o seu gran de area para solucionar un problema común de disfuncionalidade dos servizos públicos na área de dependencia. Aquí queda o cartel e o desexo de que se desenvolva ó voso gusto:


20090825

Arredor da suba de impostos en Ribadeo

A conta dunha nota de prensa da AVV Atalaia, onte fun preguntado polo que pensaba sobre a suba de impostos e taxas. Hoxe pode verse na voz o que deduxo o meu interlocutor do que dicía. Como outras veces, coido que debo aclarar algunhas das cousas que alí aparecen.
A primeira, que se me chaman á casa para preguntarme a miña opinión, é a miña opinión e non a de todo un colectivo a que dou. Coido que neste caso a opinión non difire grandemente da do resto da directiva de O Tesón, pero non deixa de ser a miña e a anterior afirmación aínda está por corroborar.
A suba de taxas significa a suba de compensación polos servizos prestados, mentras que a suba de impostos significa a suba de ingresos en base a parámetros diversos, pero separados do que é un servizo (un exemplo: a contaminación xera custes, pero non é un servizo). Por outra banda, os ingresos do concello exercidos de xeito direto (é dicir, sen que lle veñan do estado ou doutras institucións) tamén abranguen as multas e semellantes, que terían unha orixe punitiva. A grandes rasgos, e sen ser especialista, coido que serían as tres compoñentes (sobre todo as dúas primeiras) de ingresos direitos do concello.
Dito o anterior, cabe remarcar que periódicamente hai rifirafes pola suba de taxas e impostos, con diferentes opinións encontradas, mentras o tema das multas, pola súa natureza punitiva, aínda que poda xerar algún enfrontamento, é doutro tipo e en calquera caso remata máis rápidamente na xustiza. Por iso non convén misturar o tema de cobro e aumentos dos tres apartados. No de multas, a súa limitación ven dada non só pola eficiencia de xestión, senón, en particular en casos de multas substanciosas como as impostas a construtores, polas decisións xudiciais. E a súa imposición e aumento ven limitada/perfilada pola correspondente lexislación.
En canto a impostos e taxas, pola súa diferente natureza, os impostos teñen máis relación con leis de rango supramunicipal, mentras que as taxas son máis libres. Ademáis, unha variación de impostos en relación a concellos viciños implicaría unha discriminación en temas xerais que leva o estado, mentras que unha variación de taxas por servizos pode implicar só unha diferente xestión xeral de ditos servizos. Explícome: o concello de Trabada non cobra taxas pola escola de música: non a ten. O concello da Veiga non fai descontos por pertenza á banda de música na matrícula da escola: non ten banda. Ou ben, no cobro da auga, un concello pode ter diferente umbral de consumo mínimo que outro, e logo diferente incremento por cada m3 extra.
Así, respecto ás taxas por servizos públicos, entendo que deben ser consideradas como tales, é dicir, servizos prestados á comunidade, non en réxime de concorrenza competitiva respecto a prezos. Isto non implica que non haxa compensación, senón que a compensación non ten por que cubrir exactamente o servizo prestado, pois deben entrar en consideración outras cuestións. Por exemplo, non se trata de subvencionar o consumo de auga para malgastala, pero tampouco de que o cobrado se axuste exactamente ó custe, aínda que a) sexa a tendencia observada segundo as actuais ideas de política económica e b) quen preste de xeito direito ise servizo sexa unha empresa privada consesionaria do concello, e polo tanto empresa procurando o seu propio lucro. Coido que non se debe confundir xestión con lucro, cousa á que se tende cando os servizos están xestionados por terceiros, e que relacionaría os apartados a) e b) anteriores. O anterior non presupón, por exemplo, que tódolos servizos ofertados nun determinado momento sexan o resultado dunha necesidade comunitaria. Nin tampouco que non podan entrar en competencia con servizos ofertados de xeito privado (sobre isto poderíase dicir moito...)
No balance de calquera entidade, e o concello non deixa de ser unha entidade máis, á beira dos ingresos hai que considerar os gastos. O seu monto total e a súa eficiencia. É evidente que ambas cousas, monto e eficiencia no gasto, están relacionadas, pero non son nin significan o mesmo. O concello de Ribadeo está endebedado. Moito. E necesita apretarse o cinturón, algo que xa está comezando a facer. Nese sentido, o 'cinturón' pode e debe apretarse máis por uns sitios que por outros, pero a dificultade estará en poñerse de acordo sobre en que sitios se debe apretar máis. E por aí, aínda que é necesario, é difícil avanzar porque implica opcións concretas. E por iso é necesario.
Outra cousa é a eficiencia e eficacia da xestión, e polo tanto, o poder facer máis con menos. Aínda que poucas veces se di explícitamente, de xeito implícito enténdese que nese sentido Ribadeo e en xeral os concellos teñen moito moito traballo por diante. Percébese que o rendemento, organización e estrutura de persoal, espazos e maquinaria deixa moito que desexar; as administracións, polo seu sistema exclusivo sen competencia, son reacias en xeral a mirarse para apreciar defectos no seu funcionamento, algo básico para a súa corrección e polo tanto aumento da eficicacia. E percébese que, se se está a facer algún progreso, é relativamente pequeno fronte á tarefa a afrontar.
Si, pero as taxas tentan cubrir o custo dos servizos, e se a xestión distes non é eficente, entón están tentando cubrir un sobrecuste. Principalmente a iso me refería eu cando dicía que antes de considerar un aumento de taxas hai moito camiño que recorrer.
Polo contrario, non creo que haxa que facer fincapé en que esteñamos en momento de crise. Alomenos, non de xeito direito, como parece ser fan algúns políticos entrevistados. Explícome: se algún na casa ten unha crise económica, e non pode actuar sobre os ingresos para ganar máis, o lóxico é que recorte gastos, mesmo privándose de cousas e actividades, o que sería o equivalente ós servizos. Se a xestión previa está ben feita, a reducción de gasto dentro do posible non virá tanto de recorte do gasto en alimentación, senón en restaurantes. É dicir, non virá tanto de aforro en servizos ben xestionados como do aforro en servizos extra. E o normal sería (... pode que non suceda así ...) que a xestión estivera ben feita xa en tempos de bonanza económica, sen despilfarrar, co que ise camiño estaría cortado. Referirse á crise explícitamente como motivo de non aumento implica ter a idea de que cando non hai crise pode gastarse / dilapidarse e non pasa nada. Pero si pasa. De feito, os problemas financieiros que está a ter o concello proveñen de aí, de que en momentos sen crise económica dilapidouse un potencial de cartos que podía terse aforrado ou empregado de xeito máis eficaz. Ademáis, se se nos di que nos momentos de non crise non pasa nada por gastar de máis, quen vai crer que nos momentos de crise se axustan os gastos cando se está xogando cos cartos de todos e non so cos da xente que o está a dicir? O anterior, sen contar que como administración pública, nos momentos de recesión a teoría de manual (Keynes e cia) implica facer unha programación contracíclica...

20111028

Protesta; pola sanidade pública

Onte tocoulle ó desmantelamento progresivo da sanidade pública. Centos de manifestantes en Burela contra os recortes sanitarios, titula hoxe a prensa. Pancho Campos, Presidente de O Tesón, leeu o comunicado.
O caso é que en tódalas áreas sanitarias de Galicia houbo manifestación. En todas, dous puntos fundamentais:
- A defensa dos Servizos Sanitarios Públicos
- Frear os recortes dos mesmos
A plataforma SOS Sanidade Pública considera que o sistema sanitario público está en risco real de deterioración e privatización ó ir cambiando o modelo sanitario baseado na universalidade das prestacións, o acceso en condicións de igualdade, a gratuidade as consultas e a calidade das prestacións, levadas a cabo con recursos públicos, cara a outro con lagoas n súa universalidade, discriminatorio, non grtuíto e onde os recursos públicos se usan com axuda á privada.
A crise económica está sendo utilizada para introducir importantes recortes económicos no orzamento sanitarios (máis de 200 millóns de euros en Galicia) e nos servizos sanitarios públicos como son a paralización da actividade dos hospitais pola tarde, a desviación de pacientes a centros privados, o abandono do Plan de Mellora da Atención Primaria, o desmantelamento das Áreas sanitarias, o peche de servizos anatomía patolóxica e laboratorio, a eliminación dos radiólogos nos servizos de urxencias dos hospitais comarcais, a privatización dos centros sanitarios ao apostar polo financiamento privado da construción de novos hospitais e centros de saúde e dos plans directorios de mellora e ampliación dos antigos, a cesión a empresas privadas dos servizos de diálises, equipamento tecnolóxico dos centros, centrais de chamadas ou as redes informáticas.
A sanidade pública galega achégase perigosamente ao punto de non retorno que só unha gran mobilización de toda a sociedade pode frear.
Preténdese apoiar un sistema sanitario de calidade, eficiente e accesible como o que gozamos e que é absolutamente sostible (como está demostrado ... sempre que haxa unha vontade)

20200612

Manifestación o 18 de xuño en Ribadeo, ás 12 horas diante do concello

Recorto dunha foto de Suso Fernández o cartel que serviu o pasado 11 de xuño en Lugo para encabezar unha manifestación polos servizos públicos, residencias e sanidade incluídas, pero abranguendo toda a gama de servizos. Uns servizos que necesitan o apoio de todos para ter dotación abonda e ser subministrados en condicións. Para todos.
O próximo xoves 18 de xuño terá lugar en Ribadeo unha concentración ás 12 diante do concello co mesmo fin: reclamar servizos públicos dignos.
Nota:
Por certo, nesa e nas outras fotos que difundiu Suso, vese que se cumpren folgadamente os criterios de separación e enmascaramento, por se houbera dúbidas

20091214

Carta pola innovación, a creatividade e ó acceso ó coñecemento

[Nota previa: o texto apareceu xa hai case unha semana, co que vai con retraso, e déixoo aquí tal cual o atopei en galego, sendo consciente que a traslación á nosa lingua é mellorable]
Dereitos dos /as cidadans/ás e artistas na era dixital Inclúe solucións legais, inmediatas e urxentes
Nós, unha coalición inclusiva provinte de máis de 20 países, de centos de miles de cidadans/ás, usuarios/ as, consumidores/ as, organizacións, artistas, hackers, membros do movemento de Cultura Ceibe, economistas, avogados/as, mestres /as, estudiantes, investigadores/as, científicos/as, activistas, traballadores/as, desempregados/ as, emprendedores/ as, creadores/ as... Invitamos a tóda-la cidadanía a facer súa esta Carta, difundila e poñela en práctica. Invitamos a tódo-los gobernos, multinacionais e institucións a escoitala urxentemente, entendela e aplicala. Contido 1. Introducción 2. Demandas legais 3. Directrices para a educación e o acceso ó coñecemento 4. Necesidades estructurais para unha sociedade do coñecemento de todos/ as e para todos/ as 5. Membros do FCForum 6. Adhesións 7. Versión completa 8. Licencia dual 1. Introducción A Sociedade da Información e o novo contexto dixital supoñen unha revolución na forma de crear coñecemento e cultura, e sobre todo, na forma de acceder a eles. Cidadáns/ ás, artistas e consumidores deixaron de seren suxeitos pasivos e aisolados/ as fronte a indústria de distribución de contidos. Agora cada persoa colabora, participa e decide. A Tecnoloxía, coma ponte, permite que as ideas e o coñecemento flúan; rematando así con moitas das barreiras xeográficas e tecnolóxicas que impedían compartir; proporcionando ademáis novas ferramentas educativas e propiciando a aparición de novas fórmulas de organización sociais, económicas e políticas. Esta revolución é comparable coa que provocou a imprenta. A pesar disto, a indústria do entretenemento, a maioría dos proveedores de servizos de comunicacións e os centros de poder seguen a tirar proveito, baseando as súas actividades principalmente no control e na escasez. E todo isto violando os dereitos dos cidadáns/ ás á educación, ó acceso á información, á cultura, á ciencia e a tecnoloxía, á liberdade de expresión, á inviolabilidade das comunicacións e á privacidade. Protexen intereses privados fronte o interese público da sociedade en xeral, tal e como actuou a Inquisición tra-la aparición da imprenta. Non tóda-las institucións, estructuras e convencións do sistema actual sobrevivirán se non son quen de adaptarse ós novos tempos. As que sobrevivan veranse alteradas e redefinidas pola nova realidade, e é posible que para elo precisen de esquemas de funcionamento totalmente distintos. Implicacións políticas e económicas da Cultura Ceibe A Cultura Ceibe amplía os espazos para a implicación cidadá, permitindo que un amplo abano de persoas e grupos participen e se impliquen en debates públicos, reforzando a democracia en tempos de crise. A Cultura Ceibe é unha condición previa para facer real a liberdade de expresión, axudando a reducí- la fenda dixital, liberando o poder democrático das novas tecnoloxías. A Cultura Ceibe potencia novos modelos de implicación cidadá na provisión de bens públicos e de servizos baseados no procomún. E elo alónxaa da forma convencional de actuar das institucións tradicionais, demostrando a forza actual da sociedade civil. Recoñecemo-lo procomún como unha forma distinta e desexable de goberno. “O goberno do procomún” fai referencia ás regras e os límites necesarios e acordados para xestioná- la producción colectiva e o acceso a recursos compartidos. O goberno do procomún recoñece e incorpora a participación a inclusión, a transparencia, o acceso equitativo, e a sostenibilidade como obxectivos a conseguir a longo prazo. Entendemos que a economía social, xunto có mercado, constitúen unha importante fonte de valor. A incorporación dunha nova e revitalizada idea do procomún amplía o que entendemos por “economía” e insta ós gobernos a respaldar o procomún do mesmo xeito que respalda a economía de mercado. A actual crise económica mostrou os límites do fundamentalismo asociado ó mercado, e ten mostrado que os mercados sen control, baseados unicamente en instrumentos como a competición e o interese propio, supoñen un risco xeral para a nósa civilización. A filosofía da Cultura Ceibe, herdada do software ceibe, é a maior demostración empírica de que unha nova ética e unha nova empresa son posibles. Ten demostrado que existe unha nova forma de producción que funciona, baseada en habilidades e intercambios, onde o/ a autor/ a//productor/a no perde o control da producción e non precisa da mediación de grandes monopolios. E fíxoo baseándose na iniciativa individual, na solidariedade con outros, con mecanismos de intercambio de acordo ás posibilidades e habilidades de cada persoa, democratizando o coñecemento, na educación, por medio dunha producción e unha distribución xusta dos beneficios de acordo ó traballo realizado. Expresamos a nósa preocupación polo benestar dos/ as artistas, investigadores/ as, autores/ as e outros productores/ as creativos/ as. Nesta Carta propoñemos varias fórmulas para recompensar colectivamente a creación e a innovación. O software ceibe, Wikipedia e outros moitos exemplos mostran que o modelo da Cultura Ceibe pode preservar a innovación e que non son necesarios monopolios do coñecemento para producir coñecemento. A sostibilidade da producción de coñecemento e cultura depende do tipo de “producto” (Por exemplo os custos dunha película son moi diferentes ós dunha enciclopedia online). Entre as iniciativas de Cultura Ceibe pódense identificar varias formas e vías de sostenibilidade da producción. Algunhas destas vías están mais consolidadas que outras, asímesmo hai varias liñas de experimentación. Un principio xeral presente é a combinación de varias vías de financiación. Deste xeito garántese unha maior independencia dos proxectos. Modelos inspirados na economía social cunha orientación comunitaria multiplícanse e presentan vías sostibles para os proxectos e o traballo. Algunhas das vías de financiación dos proxectos colaborativos entre iguais xa postas en práctica son: Doazóns e trocos non monetarios (Ex. agasallos, bancos de tempo); Financiación directa (Ex. Subscripcións e doazóns ); Capital compartido (Ex. “Matching Funds”, cooperativas comunitarias ou de consumidores); Delega en fundacións ou entidades legais que garantan a infraestructura ós proxectos; Financiación pública (Ex. Renta básica, becas, premios, subsidios, contratos públicos e comisións); actividades comerciais (incluíndo tanto bens como servizos) e combinación de distribución P2P e streaming a baixo custo. A combinación destas diversas opcións conforman vías de viabilidade tanto para creadores independentes como para a industria. Non apoiamos o traballo voluntario individual como estratexia das empresas comerciais para apropiarse do beneficio xerado colectívamente. Non cremos que sexa socialmente desexable permitir que certas empresas e alianzas comerciais domiñen un segmento substancial do mercado. A era dixital pode conducirnos cara un mundo máis xusto e beneficioso para todo o mundo. Por todo o anterior, Nós propoñemos: En primeiro lugar, transparencia: Precísase transparencia nos procesos de regulación e nas actividades de lobby, incluíndo información sobre quén son as autoridades responsables da aplicación da lei, os procedementos obrigatorios que se han de levar a cabo, evitando a violación de calquer dereito fundamental. Os recursos e ferramentas dixitais poden engadir máis transparencia e credibilidade ós procesos políticos. Así mesmo, a existencia e acceso das infraestructuras e das ferramentas dixitais teñen que fundamentarse en procesos transparentes. Propoñemos un sistema de tres avisos para aqueles que violen o dereito a saber da cidadanía. 2. Demandas legais Dende o punto de vista legal, temos identificado lagoas que existen nas regulacións e tratados nacionais e internacionais, e nas reformas que compren para rematar cós abusos nas políticas sobre a difusión da cultura, tanto nas relacións legais privadas como nas políticas públicas internacionais. Estas lagoas perxudican ó interese público e impiden o desenrolo dunha indústria cultural posta ó día. Os intereses públicos principais son todos de gran importancia: Respaldar e asegurar unha creación continua de obras intelectuais polo séu importante valor social, e asegurar que tóda-la cidadanía poda acceder a eles sen trabas, para unha gran variedade de usos. A. Coñecemento común e Dominio Público 1. Expansión do Dominio Público e reducción dos periodos de Copyright. 2. Os resultados de investigacións e obras intelectuais e culturais financiadas con fondos públicos deberían ser de Dominio Público. 3. Debe asegurarse que as obras no Dominio Público sexan accesibles para a cidadanía en xeral. B. Defensa do acceso ás infraestructuras tecnolóxicas e neutralidade na Rede 1. Os/ as cidadáns/ ás teñen dereito a unha conexión a Internet que lles permita enviar e recibir o contido que desexen, usá-los servizos e aplicacións que desexen, conectar o hardware e usá-lo softare que desexen, sempre que elo non dane a rede. 2. Os/ as cidadáns/ ás teñen dereito a unha conexión a Internet ceibe de todo tipo de discriminación, xa consista ésta en bloquear, limitar ou priorizar determinados tipos de aplicacións, servizos ou contidos, ou basada na ubicación do emisor ou do receptor. 3. Non se debería impor ningunha limitación nen filtrado sen una orde xudicial previa. C. Dereitos dos/ as cidadáns/ ás en contexto dixital 1. DEREITO DE CITA con propósitos educativos ou científicos, ou sinxelamente informativos, creativos ou outros calesquera. 2. DEREITO A COPIA PRIVADA cando a reproducción é para uso privado ou para ser compartida entre iguais e non se obteña ningún beneficio económico, nen directo nen indirecto, de ela. 3. USO XUSTO: Dereito a acceder e a usar obras baixo copyright sen necesidade de autorización dos propietarios do copyright, con propósito educativo, científico, informativo, satírico ou accesorio ó proxecto creativo principal, sempre que se identifique e se cite correctamente a obra e se respecten tódo-los dereitos morais. D. Estímulo da creatividade e a innovación Expresamo-la nosa preocupación polo benestar dos artistas e autores. Propoñemos varias fórmulas para recompensar colectívamente a creación artística e a innovación. 1. Os dereitos de autor patrimoniais non son sustitutivos dun soldo digno. 2. As desigualdades na capacidade de negociación levan a situacións inxustas entre as persoas que crean e as entidades de comercialización. 3. Cando existe unha explotación comercial dunha obra, as regras relativas ós dereitos económicos deberían priorizar a protección dos intereses económicos das comunidades creativas. 4. A abolición de tódo-los “cánons dixitais” inxustos que sancionan indiscriminadamente no nome da “compensación dos/ as artistas”, e que tratan de penalizar actividades que non son criminais en modo algún. 5. Os/ as autores/ as e creadores/ as deberían ter sempre a posibilidade de rescindí-lo seu contrato coás ENTIDADES DE XESTION de dereitos de autor. 6. Non debería permitirse que as entidades de xestión de dereitos de autores sexan un monopolio, nin que éstas impidan ós artistas ou autores usar licencias ceibes. 7. As patentes que monopolizan calquer tipo de software, método comercial, lóxica, algoritmo matemático, información xenética ou seres vivos, os procedementos industriais, regras de xogo, actividades intelectuales, ou de calquer otro tipo de desenrolo intelectual humán, deberían ser ilegais e non deben ser nunca concedidas. 3. Directrices para a educación e o acceso ó coñecemento O apredizaxe é un proceso de construcción social que ten lugar mediante o intercambio de coñecemento, experiencia, e dos diversos matices culturais. A cultura evoluciona a medida que o coñecemento impregna á sociedade. Entendemos a educación como un proceso social que implica un amplo abano de actores educativos, tecnoloxías, entidades e actividades, non só as oficiais e formais. A nósa visión da educación busca fomentar unha cultura de intercambio de coñecemento e innovación educativa que sexa eficiente e sostible. Os seguintes puntos trazan os fundamentos esenciais para o proceso de ceibe desenrolo cultural e creación de coñecemento: Software ceibe O software ceibe (tamén chamado de código aberto) permite estudiar e aprender conceptos en lugar de caixas negras, permite a transparencia en procesos de intercambio de información, asegura a competición e a innovación, proporciona independencia de intereses corporativos e fai medra-la autonomía dos/ as cidadáns/ ás. Por todo elo, as institucións educativas, e demáis lugares nos que se dan procesos educativos deberían usar, promover e implementar software ceibe. Asimesmo, tódo-los programas desenrolados en entornos educativos con fondos públicos deberían publicarse como software ceibe. Acceso aberto As publicacións de acceso aberto aseguran o acceso ós resultados da investigación científica, tanto para usos científicos como para o público en xeral, potencian as posibilidades de aprendizaxe e permiten que distintas disciplinas descubran os resultados das outras. Por todo elo, as universidades e centros de investigación deberían adoptá-lo modelo de acceso abertopara a publicación de traballos de investigación. A solicitude de patentes sobre os resultados de investigacións financiadas con fondos públicos deberían desaconsellarse. As patentes cuios titulares sexan institucións públicas deberían de se liberar de forma irrevocable e ceibes de regalías ou calquer outra restricción. Estándares abertos O uso de estándares abertos e formatos abertos é esencial para asegurá-la interoperatividade técnica, e tamén proporciona igualdade de oportunidades para proveedores/ as rivais, permite un acceso sen obstáculos á información dixital e garante a disponibilidade do coñecemento e a memoria social, agora e no futuro. 4. Necesidades estructurais para unha sociedade do coñecemento de todos/ as e para todos/ as Privacidade Os/ as cidadáns/ ás teñen dereito a: – Navegar por Internet e acceder ós séus contidos de maneira anónima. – Decidir en calquera momento trasladar, modificar ou cancelar os séus datos de usuario de calquer servizo de Internet. – Non sufrir interceptación algunha das súas comunicacións, e a poder cifrá-las súas comunicacións. Dereito ás redes: Liberdade de uso, creación e conexión – A sociedade civil e a administración pública han de te-lo dereito a proveer e implementar servizos de conexión a redes, incluíndo aqueles ofrecidos de maneira gratuíta e sen condicións ós cidadáns. Infraestructuras e regulación do mercado – Neutralidade: A neutralidade da Rede debe ser garantida (léase Glosario de termos e demandas legais sección C, para unha definición máis precisa). – Simetria: Os proveedores de acceso a Internet deben garantir conexións simétricas ou unha proporción de carga/ descarga razoable. Debería existir un acceso á banda ancha a prezos asequibles para calquer cidadán. – Diversidade: Deberían evitarse os monopolios nas infraestructuras de telecomunicacións. Non debería permitirse que as operadoras de telecomunicacións ofrezan o servizo de bucle local conxúntamente con outros servizos de telecomunicacións. Non se debe permitir que o mesmo accionista controle empresas que proporcionan o servizo de bucle local e empresas que promocionan outros servizos de telecomunicacións. Ningunha empresa de telecomunicacións debe controlar máis do 25% do mercado de calquer servizo. Pode haber excepcións a esta cuota para redes operadas polo sector público. Administración pública – O sector público, os proxectos financiados con fondos públicos e aqueles que impliquen ós cidadáns por lei, ou de maneira que afecte ós séus dereitos fundamentais, deberían usar sempre software ceibe e estándares abertos. – Cando non exista unha solución ceibe ou estándares abertos, o goberno ou a administración pública competente debería promové-lo desenrolo do software que sexa necesario. – Os gobernos deben garantir un acceso gratuíto a Internet non exclusivo, independentemente do lugar de residencia de cada cidadán. Cómo deberíase de proceder na administración pública en temas de evaluación e compra de software – A merca pública de software debería avaliá-lo custo total do séu uso, incluídos os custos de deixar de usá-lo e de migrar a un software alternativo. – A contabilidade pública debería distinguir claramente os custos das licencias de software, o mantemento, o soporte técnico, e o servizo, desvinculándoos dos do hardware. 5. Membros do FCForum 1 eXgae 38 ScriptumLibre 2 Networked Politics 39 Felix Stalder 3 Mayo Fuster Morell 40 Franziska Heine 4 P2P Foundation 41 Dmytri Kleiner 5 Michel Bauwens 42 Anne Ostergaard 6 Consumers International 43 Jack J. Marxer 7 Electronic Frontier Foundation (EFF) 44 Alan Toner 8 David Bollier 45 Roberto Santos 9 Knowledge Ecology International / James 46 Asociación de Internautas / Javier Cuchi Love 47 Epidemia / Pablo Ortellado 10 Free Knowledge Institute (FKI) 48 Kim Tucker 11 La Quadrature du Net 49 La Casa Invisible 12 ScambioEtico 50 Margarita Padilla 13 Amelia Andersdotter eurodeputy from 51 Guifi Pirat Partiet 52 Mario Pena 14 European Digital Rights (EDRI) 53 Traficantes de Sueños 15 Creative Commons España/ Ignasi La- 54 Platoniq bastida 55 Yproductions 16 Transnational Institute/Hilary Wainwright 56 Jamie King 17 Students for Free Culture 57 Vittorio Bertola 18 Free Software Foundation India 58 Marco Berlinguer 19 Nagarjuna G. 59 Universidad Nómada 20 John Howkins 60 ASACC / Carmen Zapata 21 Foundation for a Free Information Infras- 61 REEM tructure (FFII)/ Alberto Barrionuevo 62 Toni Verger 22 ALQUA 63 Science, Education and Learning in Free- 23 Isaac Hacksimov dom (SELF) 24 Dyne.org Foundation/Denis Jaromil Roio 64 Ignacio de Castro Arribas 25 The Open Standards Alliance/Stefan Mar- 65 Maria Claudia de Azevedo Borges siske 66 Exit 26 David Evan Harris 67 CSDVA 27 David Hammerstein 68 La impròpia 28 Joan Subirats 69 Josean Llorente 29 Fundación Karisma 30 Carlos Sanchez Almeida 31 Conservas 32 FLOSS Manuals 33 David Maeztu 34 Josep Jover 35 Patricia Vila 36 Javier Candeira 37 IT-Political Association 6, Adhesiones 1 Gnowledge lab To be continued... Versión completa A versión completa deste documento, con referencias, fontes e un glosario, está dispoñible en http://fcforum.net/charter_extended Licencia dual Esta carta está publicada cunha licencia dual. Podes volvela a publicar usando calquera destas licencias: • Creative Commons Recoñecemento- Compartir baixo a mesma licencia 3,0 Unported. • Licencia de documentación ceibe de GNU Créditos e Recoñecemento A traducción ó galego desta carta é unha obra derivada do orixinal, titulada “Carta por la innovación, la creatividad y el acceso al conocimiento” que se ode atopar en http://fcforum.net/files/carta-castellano.corta.pdf . A traducción ó galego é de Iván Navas, Bodescu, licénciase dual baixo os mesmos termos do orixinal e pódese atopar nun mirror no séu sitio web, http://www.guiasinformaticas.es/wp-content/carta_corta_gal.pdf, ademáis de na páxina web do FCForum. Http://fcforum.net Barcelona, 1

20220205

Manifesto da concentración pensionista de Ribadeo, sábado 20220205

    Case 50 persoas  xuntámonos nunha nova concentración a favor do público, das pensións, dos servizos. Unha vez máis, xunto con avisos diversos (como o da manifestación do próximo sábado 12) deuse lectura a un manifesto por boca de Básaro López:

Antes da concentración.

Hoxe vai ser un manifesto distinto, porque a súa principal función é tratar de convencer ás máximas persoas posibles de que acudan á manifestación do próximo sábado día 12.

Será unha manifestación a nivel nacional, que aquí, en Galicia farase en dous lugares distintos en lugar de centralizala en Santiago. Unha será en Cangas e a outra en aquí, en Ribadeo.

Penso que non debería ser moi complicado convencer a ninguén, xa que os motivos polos que estamos na rúa son coñecidos por todas e todos, neste caso concreto porque cremos que xa está ben de tomarnos o pelo co tema da subida das pensións con respecto ao IPC real, pero motivos sobran.

Para animarvos a acudir o sábado que ven e quentar un pouco o ambiente imos lembrar algunhas cousas que nos foden moito, pero que nin os medios nin os políticos teñen moito interese en abordar, e o que é peor, a xente non quere ver.

Creo que fixo dous anos xa, tivemos en Ribadeo un gran conferenciante experto no tema da Constitución Española, un veciño de Vegadeo, Miguel Presno. Despois de escoitar o que dixo sobre as Pensions, recollido na Constitución, fixo que me informase sobre o tema, aínda que hai que recoñecer que é un auténtico coñazo.

Imos ver alguns dos artigos da Constitución que se incumpren sen que case ninguén se alarme e que nos afectan moi directamente.

Nas case catro décadas que a Carta Magna leva en vigor, debateuse máis sobre o cumprimento do que di das institucións que do que dispón para os cidadáns.

Di o artigo 1: "España constitúese nun Estado social e democrático de Dereito, que propugna como valores superiores do seu ordenamento xurídico a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político".

A Comislón Europea, hai non moito tempo, anunciou que España é hoxe un dos países da UE con maior desigualdade de renda. A OCDE, fai tamén uns meses, certificou que España é o sétimo pais dos 33 da organización onde mais creceu a desigualdade.

Di o artigo 14: "0s españois son iguais ante a lei, sen que poida prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social". E sin embargo din multitude de indicadores que, a día de hoxe, a muller segue claramente discriminada respecto ao home e en multitude de campos.

Cun artigo, o 57, da propia Constitución: na sucesión ao trono, é preferido "o home á muller".

Di o artigo 16: ”Garántese a liberdade ideolóxica, relixiosa e de culto dos individuos (...) Ningunha confesión terá carácter estatal. Este mesmo Estado aconfesional, achega á Igrexa uns 11 000 millóns de euros ao ano.

Di o artigo 20 que "se recoñecen e protexen as dereitos" á liberdade de expresión ou á creación literaria e artística, entre outros. Pero din os informes de diversas entidades independentes e institucións internacionais, que eses dereitos e liberdades están en retroceso e en perigo en España por normativas como a Lei de Protección de Seguridade Cidadá (a chamada lei mordaza) ou as recentes reformas do Código penal ou da Lei de Enxuizamento Criminal.

Di o artigo 31: ”Todos contribuirán ao sostemento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica mediante un sistema tributario xusto inspirado nos principios da igualdade e progresividade que, en ningún caso, terá alcance confiscatorio”.

Incúmprese de modo sistemático: as Grandes empresas pagan porcentualmente moitos menos impostos que as medianas ou pequenas, e os ricos e as grandes fortunas moitísimos menos que as clases medias ou baixas.

Di o artigo 35: ”Todos os españois teñen o deber de traballar e o dereito ao traballo, á libre elección de profesión ou oficio, á promoción a través do traballo e a unha remuneración sufIciente para satisfacer as súas necesidades e as da súa familia....

Pero miles de fogares teñen todos os seus membros en paro, miles de persoas están inscritas como paradas nos Servizos Públicos de Emprego (e moitísimas, non cobran ningunha prestación); e a crise trouxo un fenómeno novo: traballadores con emprego, pero cunha remuneración tan insuficiente para satisfacer as súas necesidades que xa son considerados tecnicamente “pobres".

Di o artigo 47: ’Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do chan de acordo co interese xeral para impedir a especulación”.

Moitas persoas están atrapadas en hipotecas que valen máis que as súas casas. Desfiuzamentos por centos, especulación en calquera esquina, non mais comentarios.

Di o artigo 48: "Os poderes públicos promoverán as condicións para a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social. económico e cultural”. As estatísticas din, con todo, que os mozos son un dos grandes perdedores da crise: a renda mediana dos españois de 18 a 24 anos caeu un 20 %; a taxa de paro entre os mozos de ata 20 anos é do 50,5 %

Imos polo artigo 50 da Constitución Española a ver o que di: "0s poderes públicos garantirán mediante pensións adecuadas e periódicamente actualizadas a suficiencia económica aos cidadáns durante a terceira idade; así mesmo e con independencia das obrigas familiares promoverán o seu benestar mediante un sistema de servlcios sociais que atenderá aos seus problemas específicos de saúde, vivenda, cultura e de ocio.”

Pero as leis de Zapatero no 2011 e Rajoy no 2013, pegáronlle un repaso ao art. 50, que o deixaron tremendo.

Collemos este artigo 50 e levámolo da man ata o 149 que é o que fala das competencias , ¿Que poderes públicos son os competentes para garantir as pensións? 0 ESTADO.

Que quere dicir isto? Que entón as pensións non as garanten nin os cotizantes nin as garante o salario diferido que están cada mes aportando os traballadoras e traballadores. As pensións as garanta o Estado.

Logo podemos pensar sin temor a equivocarnos que o recorte das pensións non é nada distinto dos recortes en sanidade ou en educación; é un problema de distribución, e o capital corre presto alí onde hai negocio. E dende logo, nas pensións hai máis negocio que en ningún sitio. Polo tanto os que están traballando hoxe e a mocidade en xeraI teñen que convencerse de que as pensións van a ser de miseria, e van esixirlles ir aforrando todo o que poidan para ir metendo os cartos en plans de pensións privados. Aí esta o negocio e esa é a estratexia.

O problema das pensións non é un problema de cotizantes. Nin o da sanidade, nin o da educación. É un problema de reparto da riqueza, é un problema de PIB, e de como se reparte.

Para o reparto da riqueza hai tres instrumentos fundamentais. Un é o traballo, outro son os impostos i outro é a seguridade social. Entón teñen que meterlle man a todo iso porque son elementos confiscatorios a prol do capital. Dende os últimos trinta anos veñen cambiando as relacions de poder a prol do capital. A renda do traballo sempre era máis alta que a do capital, e xa levamos anos que non, que a renda do capital e máis alta que a do traballo e segue aumentando, co que segue aumentando a desigualdade. E o problema de novo é a xa tan nomeada distribución da riqueza.

O capital, como os voitres, aparecen alí onde poden rapiñar e ademais axudados con todo este aparato de propaganda co que nos bombardean por todos lados prensa, televisión, Banco Central Europeo, Banco de España, Presidente da CEOE... e tamén axudaron e moito os grandes sindicatos nacionais.

Só temos un xeito de contrarrestar esta situación. E é saíndo á rúa, manifestando un dia si e outro tamén que deixen de defender os intereses do capital, e atendan ao pobo que os votou.

Que pensen os votantes do PP ou do PSOE ou do BNG ou de Podemos ou de Marea ou de calquera outro partido, que non se deixen levar polo fanatismo, que pensen no peto, que nos están fodendo, que votemos a quen votemos temos que ser críticos e non funcionar como borregos.

É necesario, moi necesario, que o vindeiro sábado poidamos encher as rúas de Ribadeo para manifestar a nosa repulsa ante o recorte do poder adquisitivo das pensións, e lembrade que GOBERNE QUEN GOBERNE, AS PENSIONS E OS SERVIZOS PUBLICOS DEFÉNDENSE.

20220220

Entre Don Benito e Villanueva non hai nada

    20 de febreiro de 2022. Hoxe é o referendo sobre a unión de Don Benito (DB) e Villanueva de la Serena (VS), no corazón de Estremadura. Dous pobos con 450 e 175 km2, 35 000 e 27 0000 habitantes, que queren unir os seus destinos como único concello. Din que ten avantaxes. 

    Dous pobos con núcleos urbáns distantes catro km. E eu penso en Galicia, en casos como Alfoz (77 km2 e 1600 habitantes) e o Valadouro (110 km2 e 1900 habitantes), con capitalidades, A Seara e Ferreira, afastadas menos de 4 km entre si, coa poboación máis dispersa, con máis dificultades para ofertar servizos, cunha fronteira mutua relativamente abondo maior... e sen plans á vista para aproveitar sinerxias.

    Non sei se o referendo estremeño chegará a bo fin, pero o mero feito de que o haxa leva a pensar que hai oportunidades, máis aló das querencias. E iso visto dende o territorio minifundista galego (minifundio en terras particulares, pero tamén en pagos públicos), xa é algo.

    Hai pouco tempo que me chegou a información de que un concello, tamén estremeño, ten case a mesma extensión que a provincia de Gupúscoa. Trátase de Cáceres, 1750 km2 por 1997 km2 de Guipúscoa. Pero nese caso, a poboación tamén é abondo diferente, estando a provincia vasca oito veces máis poboada que o concello estremeño. É dicir, non son casos comparables o de DB-VS e Alfoz-O Valadouro con Cáceres (concello) e Guipúscoa.

    E hai xa máis dunha década que tivo certo pulo na administración o impulso á unión de concellos. Aquelo pasou a mellor vida, pois a cantidade de intereses disgregados ó longo da xeografía parece unha tarefa titánica para o tirar adiante a nivel estatal. Mais daquela o interese das institucións chegou a pedir estudos do que pasaba noutros lares, como Dinamarca, unha nación con cincuenta concellos e, ó que parece, abondo máis funcionalidade que por aquí. Claro que ó ser lugares diferentes, non só inflúe que o resto das administracións sexan tamén diferentes na súa estrutura e funcionamento, senón o tamaño do estado ou a mentalidade que se foi marcando na historia do pobo.

    E hai máis cousas. Os servizos de proximidade non teñen a mesma perspectiva nunha unión de máis de 50 000 persoas concentradas en núcleos urbanos e 600 km2, como é o caso de DB-VS que noutra con 15 veces menos habitantes dispersos e un terzo de extensión (Alfoz-O Valadouro). Quizáis sexa máis semellante co caso da Mariña Oriental, catro concellos cun total de 16 000 habitantes e menos de 400 km2, aínda que cun núcleo principal de poboación, Ribadeo, con case a metade dos habitantes do conxunto...

    Si, hai moitas cousas a considerar nunha unión de concellos. O que non parece de recibo é que, tal como están os servizos públicos en Galicia -por centrarnos máis 'no noso'- non se vaia comezando a facer esas consideracións e cando menos, a mancomunar máis servizos.

20161027

As contas de Ribadeo

Onte houbo pleno en Ribadeo. Non puiden asistir, mais é deses que si ten difusión abonda. Estaba avisado na web con máis de 24 h de antelación, se ben non tivo anexada a convocatoria cun único punto na orde do día, e a bo seguro hoxe aparecerá a nota de desenvolvemento do pleno, que anexarei a outra entrada.
O pleno está relacionado co mantido o 26 de maio, con convocatoria recollida en 'Difundindo o goberno de Ribadeo', e como di a nota do concello, é consecuencia dun "exceso de gasto" o ano pasado. Exceso de gasto que non significa exceso de débeda, senón saírse de porcentaxes de axuste sobre anos anteriores. Relacionado pois coas medidas de axuste esixidas pola troika para o conxunto do estado e coa variación ad hoc da constitución sen votación do pobo e pola vía rápida hai uns anos. Nese sentido, neste caso, e sen entrar en detalles, coido que o exceso de gasto non significa máis que o saltarse a normativa imposta para a austeridade nun lugar onde ademais as contas van cadrando.
A nota de prensa da convocatoria dicía:
"
O PLAN TERÁ UNHA VIXENCIA DE DOUS ANOS

Mañá, pleno extraordinario

25/10/2016
Mañá, mércores, haberá pleno extraordinario no Concello para aprobar un plan económico financeiro derivado da liquidación do orzamento xeral de 2015. O Concello deberá adoptar medidas para non exceder a regra de gasto estipulada por lei. Ao alcalde, Fernando Suárez, parécelle unha medida inxusta, xa que o Concello dispón dun superávit de 1 300 000 euros e algunha partida podería destinarse á mellora de determinados servizos públicos ou a investimentos en obras.
O rexedor contou que "neste pleno extraordinario previsto para mañá, mércores, soamente hai un único punto que é a aprobación do plan económico financeiro derivado da liquidación do orzamento xeral de 2015. É unha cuestión que soa moi rimbombante e realmente non é nada doutro mundo e é máis é bastante inxusto para o Concello de Ribadeo".
Suárez Barcia explicou que "da liquidación do orzamento do ano pasado incumprimos unha cuestión que está na lei desde hai tres anos, incumprimos a regra de gasto no que recolle esta lei orgánica de estabilidade orzamentaria, dado que do 2014 ao 2015 non debíamos superar o 1,3% de gasto con relación ao ano anterior e finalmente fixémolo no 2% máis ou menos. Tivemos uns 172 000 euros máis de gasto que o que debíamos e hai que ter en conta que é sobre un orzamento liquidado de máis de 9 millóns de euros". O alcalde subliñou: "pero quero dicir que non o fixemos porque nos volvéramos tolos, senón porque usamos o remanente de tesourería, usamos parte do fondo do superávit que ten o Concello desde hai uns anos. E incorporamos crédito derivado dunha herdanza dunha señora que morreu e quixo deixar unha parte da súa herdanza ao Concello para que executáramos obras no hospital asilo como así fixemos, e polo tanto este diñeiro, aproximadamente 90 000 euros, non se puido deducir da regra de gasto ao non vir dunha administración pública, senón dunha persoa física privada".
Fernando Suárez engadiu que "tamén usamos unha parte deste fondo de superávit para pagar aos provedores que presentaron as súas facturas fora do prazo establecido para iso, é dicir do exercicio 2014 presentáronas no ano 2015, non foi culpa do Concello senón deles por presentalas tarde. Neste caso tivemos que recoñecer extraxudicialmente uns 80 000 euros e da suma disto saen os 172 000 euros. Polo tanto debemos aprobar un plan económico financeiro, que ten unha vixencia de dous anos,  que recolla medidas para volver estar nos límites de gastos que permite o Ministerio. Como a situación económica do Concello é positiva, é dicir o remanente de Tesourería é de máis de 1 300 000 euros, o resultado orzamentario é positivo de todos estes últimos anos, a capacidade de financiamento témola máis que de sobra, etc, e a única medida que se estima que procede adoptar é a de declarar a non dispoñibilidade de crédito, é dicir que non imos gastar 280 000 euros, o que por outra parte é lóxico xa que este crédito que prevíamos para concluír as obras da residencia logo afortunadamente veu de man deste novo convenio coa Deputación Provincial de Lugo, porque coa a Xunta de Galicia aínda estamos esperando ao día do xuízo final".
O alcalde rematou a súa explicación sinalando que "en definitiva esta é unha circunstancia puntual e concreta que non é estrutural, e que ademais é inxusta porque estas normativas que lles esixen aos Concellos non gastar de máis por unha banda parecen lóxicas, pero tal como están reguladas non deben impedir que cando hai unha xestión positiva, cando hai remanentes positivos, cando os resultados orzamentarios son positivos, usemos recursos para facer inversións ou para mellorar os servizos públicos. É unha maneira tamén de maniatar aos Concellos que queren ser un pouco rebeldes e que dentro da lei e con sentidiño queremos facer cousas, parece que lles molesta que queiramos facer cousas".
"

20211205

Primeiro sábado de mes? Concentración pro pensións en Ribadeo

    Un mes máis, 40 persoas concentráronse no Cantón de Ribadeo por un mundo máis xusto e polas pensións dentro dese mundo. As concentracións non amainan, e pouco a pouco achégase outra xente. Deixo abaixo algún material: a convocatoria, fotos de Suso Fernández, o lido por Básaro López...




Lido na concentración:

Temos que empezar decindo que estamos nun momento moi importante con respeto ao tema polo que levamos saíndo a rúa desde fai unhos anos, AS PENSIÓNS. Esta nova reforma que se pretende facer ahora, (a terceira en 10 anos) ao ditado da banca e do poder financeiro, vai traducirse, se non somos capaces de evitalo, en recortes das futuras xubilacións, e nun plan de privatización do Sistema Público de Pensións. Ademais, e entre outras cousas, tampouco garante a capacidade adquisitiva das pensións a partir do 2022, ao establecer un sistema de cálculo do IPC que non permite revisar os recortes ata pasados os 5 anos.

A pregunta é, porqué hai que esperar 5 anos para revisar o IPC?, porque non se pode facer ano a ano?, que intereses ocultan? 

Antes da reforma do 2011 o goberno subía as pensións según o IPC previsible, e logo a final de ano regularizabase según o IPC real, non había mais cálculos nin mais historias. Ahora din que van a facer a media interanual, e decir van a inventar unha fórmula para seguir baixando as Pensións con respeto ao IPC real, e poño un exemplo fácil para que se entenda:

Imaxinarvos que no primeiro mes do ano sobe o prezo da cesta da compra un 5%, e nós separamos todos os meses 100 € para este gasto. Ben, pois coa subida do 5% tería que separar 105€ para comprar as mesmas cousas. Agora imaxinarvos que durante o resto do ano non volve subir a carestía da vida, pero nós seguimos achegando todos os meses os 105€ para comprar. O que nos supón que ao final de ano supúxonos un gasto extra de 5€ cada mes por 12 meses, 60€.

Pois o Sr. ministro di que se vai facer unha media interanual para axustar o IPC ás Pensións e os e as pensionistas non sigan perdendo poder adquisitivo. Mentira, mente loxicamente a propósito porque parvo non é, co consentimento de todos os parlamentarios (non escoitei a ningún manifestarse en contra, se alguén sabe dalgún retractome de inmediato), e o beneplácito tamén dos sindicatos maioritarios. 

Porque mente?, pois veredes, con esta media que quere facer a conta sáelle redonda, faise da seguinte maneira: o primeiro mes sobe un 5% e logo non sobe máis en todos o ano, pois sería ese 5% dividido entre os 12 meses do ano sae a 40 céntimos ao mes. O iluminado Sr. Escrivá e todo o coro de lamecús van subir 40 ctmos. cando en realidade estamos a gastar 5€ máis ao mes.

Ao cabo dos 5 anos, canto perdemos?, como se van revisar despós?. De eso, naide dí nada. 

Tanto os distintos grupos parlamentarios, como os sindicatos maioritarios saben que nos están engañando, son unhos trileros, son unhos vendidos.


Unha vez máis, reclamamos que:
▪ as pensións mínimas deben elevarse ata equipararse ao Salario Mínimo Interprofesional e este situarse no 60% do salario medio, segundo recomenda a Carta Social Europea;
▪ se derroguen tanto as reformas de pensións do 2011 e do 2013 como as reformas laborais de 2010 e 2012 que recortan as pensións e reducen salarios e cotizacións sociais;
▪ sexa eliminado o “Factor de Sustentabilidade”, sen ser substituído por ningún outro coeficiente redutor como o “Mecanismo de Equidade Interxeracional”;
▪ a xubilación debe volver aos 65 anos para crear emprego, mitigar a pobreza e a brecha de xénero;

▪ os coeficientes redutores da xubilación anticipada con 40 anos cotizados deben ser eliminados;
▪ hai que establecer medidas efectivas para acabar coa brecha de xénero en salarios e pensións;
▪ a capacidade adquisitiva das pensións debe garantirse a través de revisións anuais, que recollan como mínimo o incremento do custo da vida.
▪ en caso de ser necesario, e como establece a lexislación actual, o pago das pensións públicas debe garantirse a través dos Orzamentos Xerais do Estado, sen que se converta en débeda da Seguridade Social.
Temos unha necesidade imperiosa de saír á rúa e gritar que xa está ben, que deixen de amolarnos, que dunha vez por todas se blínden as pensións, que deixen de dicir cada día unha cousa. E a nós a todos e todas, que nos poñamos as pilas, porque senón vannos a afundir na miseria. 

GOBERNE QUEN GOBERNE AS PENSIÓNS E OS SERVIZOS PÚBLICOS DEFÉNDENSE


Valoración de urxencia da nova Lei de pensións que vai ser votada no Congreso de Deputadas e Deputados

No ano 2022 as pensións perderán máis de 3 puntos de poder adquisitivo.

O Movemento Galego pola Defensa das Pensións e os Servizos Públicos chama as persoas pensionistas a se mobilizaren en defensa do poder adquisitivo das súas pensións!

Previsibelmente, esta semana votarase o texto definitivo da Lei de garantía de poder adquisitivo das pensións e doutras medidas de reforzo da sustentabilidade financeira e social do sistema público de pensións. Coñecidas as emendas aceptadas polo Goberno, facemos unha valoración de urxencia.

Aspectos positivos

A mobilización social sostida desde 2018 conseguiu converter en lei algunhas das demandas do movemento en defensa do carácter público do sistema de pensións.

1ª. Artigo 1.13. Os chamados gastos impropios da Seguridade Social serán asumidos polos Orzamentos Xerais do Estado. En adiante as cotizacións sociais destinaranse ao financiamento das pensións contributivas.

2ª. Nova disposición adicional quinta. Realizarase unha auditoría de ingresos e gastos do sistema desde 1967 a 2020, o que permitirá demostrar que a SS asumiu durante décadas gastos que non lle correspondían, o que facilitou que os partidarios da privatización argumentasen a existencia dunha débeda ficticia.

3ª. Nova disposición adicional 3ª. Faise referencia a que se debe asegurar o actual nivel das prestacións públicas medida pola taxa de substitución da pensión inicial en relación co salario, o que dificultará os intentos futuros de reducir as pensións iniciais.

4ª. Artigo 1.19 bis. Recoñecese o dereito ás pensións de viuvez das parellas de feito, acabando así cunha discriminación que prexudicaba centos milleiros de persoas.

5ª. Disposición adicional primeira. Ábrese a porta a un complemento ás pensións das persoas con longas carreiras de cotización, se ben a redacción final limita moito o número de persoas beneficiadas e a contía dos complementos.

6ª. Disposición final quinta bis. Por primeira vez se relaciona o importe das pensións co SMI, aínda que unha redacción voluntariamente vaga fará moi difícil que teña un impacto real no importe das pensións mínimas.



Aspectos negativos

A pesar destes aspectos positivos, consideramos que a nova lei nin garante o mantemento do poder adquisitivo das pensións actuais nin unhas pensións futuras dignas e suficientes.

1º. Artigo 1.1. A nova redacción do artigo 58 da Lei Xeral da Seguridade Social (LXSS),“as pensións da Seguridade Social, na súa modalidade contributiva ... revalorizaranse ao inicio de cada ano na porcentaxe equivalente ao valor medio das taxas de variación interanual expresadas en tanto por cento do Índice de Prezos ao Consumo dos doce meses previos a decembro do ano anterior” fará que a suba anual das pensións sexa sempre inferior á inflación acumulada.

O INE avanza unha inflación acumulada para final de novembro do 5,6%. Porén, a aplicación da nova fórmula de revalorización fará que as pensións se incrementen un 2,5%, cunha perda de poder adquisitivo do 3,1%.Incluso as pensións mínimas e non contributivas, que subirán un 3%, sufrirán unha leve perda de poder adquisitivo.

Até 2011, a fórmula utilizada garantía o mantemento do poder adquisitivo das pensións segundo o IPC real: 1) a principio de ano, as pensións subían tanto como o IPC previsto polo goberno, 2) a final de ano, se o IPC real superaba esa previsión, realizábase unha segunda actualización, 3) ao tempo as persoas pensionistas recibían unha paga compensatoria.As reformas de 2011 e 2013 acabaron coa garantía do mantemento do poder adquisitivo e provocaron grandes mobilizacións que culminaron nas manifestacións masivas contra o 0,25% de Fátima Báñez e conseguiron que nos últimos anos as pensións volvesen revalorizarse de acordo co IPC.

A redacción incluída na nova lei supón un paso atrás. Polo tanto, a defensa do valor adquisitivo das pensións volve ser un obxectivo central do movemento social en defensa do sistema público de pensións.

2ª. Mantense a idade legal de xubilación aos 67 anos. Unha medida inaceptábel tendo en conta que o normal no mercado de traballo español é a existencia de máis de 3 millóns de persoas paradas, un 40% de paro xuvenil e unha taxa de actividade feminina inferior nun 10% á masculina. Reclamamos a derrogación da reforma das pensións de 2011 e a recuperación da idade de xubilación aos 65 anos.

3ª. Continuará a haber pensionistas pobres. En Galiza, o 46% das pensións están por debaixo do limiar de pobreza, 688€ mensuais en 14 pagas. A nova lei non soluciona a insuficiencia de millóns de pensións en todo o Estado.

4ª. Resulta moi preocupante a referencia ás previsións dos informes Ageing Report publicados periodicamente pola Comisión Europea (CE), que deixa aberta a porta a recortes futuros das pensións. A asunción dos criterios da CE conecta esta lei coa segunda parte da reforma das pensións que lidera o ministro Escrivá, o home das finanzas na Seguridade Social, que busca abrir a porta aos plans privados de capitalización de empresa. O seu obxectivo é reducir a taxa de substitución das pensións públicas iniciais, e obrigar as traballadoras e traballadores a subscribir plans privados para converter unha parte das súa cotizacións sociais en produtos financeiros dos que bancos, compañías aseguradoras e fondos de investimento obteñan suculentas comisións, en total un 0,6% das cantidades achegadas.