Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta mancomunidade. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta mancomunidade. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20111212

Morosos

Mentras un galo lonxano declama dende hai algún tempo, o mesmo que día tras día dende hai máis dun mes, leo na prensa a morosidade de Ribadeo e lembro débedas xa sabidas do noso concello. Hai tempo (moito, mesmo en épocas de vacas gordas) que ven arrastrando pagos a empresas e particulares, de xeito que mesmo se ten solicitado en pleno o pago de contas de longo percorrido temporal. Case se pode dicir que é recurrente que a oposición lembre algúns pagos e o goberno diga que se está mellorando neses pagos atrasados doutros mandatos. A cousa tomou outros derroteiros, non máis preocupantes pero si novedosos, cando se pasou da participación das vilas mariñeiras. Naquel momento recoñecíase unha débeda, a pagar máis adiante, e razonábase de xeito diferente o deixar de pertencer á asociación por cuestións de rendemento da inversión (algo que aínda comentei non hai tanto a conta dunha foto enviada por Ángel Alda sobre un anuncio nun autobús madrileño), algo interpretable como natural ó tempo que disparaba a resposta do por que da participación de Ribadeo sen esixir máis ata o momento. E, aínda que xa anteriormente ó episodio das vilas mariñeiras se sucederon casos como a devolución ó estado de cartos, os episodios dese estilo, nos que intervén dalgún xeito todos e cada un dos concellos a nivel España, contarían doutro xeito que estes relativamente pequenos detalles que si son individualizables.
Agora é Alfonso Fuente Parga, o alcalde de Barreiros e presidente actual da Mancomunidade, o que reclama que Ribadeo se poña ó pago nas cotas con esta institución de pertenza voluntaria con misión de favorecer a prestación de servizos dos concellos. Polo que di o xornal, Ribadeo debería 6 200 € (aínda que non me saen as contas para que así saia o total de 64 000 € que reclama Parga a varios concellos)
A cousa é que de pasar a deber a xente ou empresas con pouca (ou costosa) defensa ante o impago, estase pasando a deber a institucións que manexan en pé de igualdade ou mesmo con máis posibilidade de recursos o tratamento deses impagos.
Se é verdade que se está adiantando no abono da débeda a particulares e pequenas empresas, sería un trasvase de débeda dunhas a outras instancias, que saltaría á prensa por mor das posibilidades destes novos acreedores. Se non, sinxelamente é un aprofondamento na mala situación das contas municipais.
Voltando ó que di o alcalde de Barreiros, os morosos deben pagar ou pagar: é dicir, dun xeito ou outro, a mancomunidade, coa débeda demostrable, cobrará, e aínda que o primeiro método que propón (o pago directo das débedas da mancomunidade por parte dos morosos) é de aplicación difícil de creer, só a perspectiva de que hai xa solicitadas subvencións de xeito directo por parte da mancomunidade que implicarían que non as recibiran os concellos ata agora agrupados, impusa a pensar que é certo.
Por suposto, non estamos a falar aquí dun vello concepto, o da honra de facer pago ás obrigas contraídas.
Deixo ó pé a foto de dous Boletus Edulis, seta comestible e saborosa, cunha idea: o aproveitamento do que dispoñemos ó noso arredor, que pode axudar na economía, sexa familiar ou pública.
Boletus Edulis

20141219

Un sorriso a conta dos Bolechas

A Mariña: Toda unha zona na que nos identificamos. Hai outras interpretacións. Por exemplo, as tres Mariñas nas que para contentar dividiu a Xunta comarcalmente a nosa Mariña. O a Mancomunidade, creada para amañar cousas en común, e que ás veces parece más para dividir que para unir. Hai varios anos que os impagos fixeron que Viveiro, o concello máis poboado, se desligara da Mancomunidade. Hoxe A Mariña volta ser nova por ese impago: resulta que Os Bolechas veñen facer das súas por estas terras no último libro infantil do que son protagonistas, pero non a Viveiro, porque paga 'a súa viaxe' de libro a Mancomunidade, e nela, remato de dicilo, non está incluída Viveiro.
Se se mira un pouco a web dos Bolechas veremos que os televisivos debuxos viven a conta de subvencións públicas, das que as últimas, por estas terras. E nese sentido, quen paga, vese recompensado, e quen non, non. É moi sinxelo: Viveiro non paga. As posturas do barreirense Fuente Parga como presidente da Mancomunidade dicindo máis ou menos o que remato de dicir eu, ou da viveirense María Loureiro lembrando que nin pasaba nada por incluír o concello nas aventuras animadas nin perxudicaría a promoción da comarca son comprensibles. O que salte unha mínima polémica pola non inclusión xa non o é tanto, senón motivo máis ben dun sorriso infantil, como corresponde ós protagonistas.
Por certo, segundo a prensa os libriños foron repartidos entre os pequenos mariñáns. Exceptuando os viveirenses, claro.
E ti, ves / les ós Bolechas? :)

20110714

Novos produtos turísticos

Sae hoxe na prensa o aporte de 64 000 € por parte da Xunta para o deseño de novos produtos turísticos. Tamén estarían incluídas a formación e a mercadotecnia, con dúas referencias extra: os cartos refírense a un aporte á mancomunidade mariñá e os 'produtos' serían xestionados pola mesma mancomunidade.
Hai tres días, no pleno de Ribadeo, levouse a cabo a votación dunha retirada das Vilas Mariñeiras.
Ambos puntos non deberan estar relacionados, aínda que o montante que tocaría a Ribadeo sería algo semellante (8 000 € este ano para as Vilas Mariñeiras en relación a uns 8 000 € se pensamos nun reparto por poboación no caso da Mancomunidade). De calquera forma, a proximidade das cifras lévanos a pensar no mellor xeito de promoción turística da zona, pois en ambos casos as accións son moi diferentes, aínda que se podan considerar complementarias dentro dalgún plan conxunto (que non o hai que eu saiba) e non suplementarias pola diferencia de concepción entre ambas (aínda que dous plans diferentes poideran ter unha e non a outra, ou viceversa)
A cousa é que hai promocións (coido que as máis efectivas) que van por libre aparentemente, fixándose só en cousas como o propio potencial do lugar (máis que no seu desenvolvemento, e aínda contra el) ou o mantemento. Aí está unha recente reportaxe de tve (Grazas a "Ribadeo" e a Fernando Suárez no FB) na que, na presentación escrita en internet, xa aparece a praia das catedrais en lugar destacado, a parte da referencia ó areal no mesmo vídeo, ou os comentarios (nestes momentos hai poucos, pero o primeiro ten tanta importancia para Ribadeo como o mesmo documental, no que a internet respecta)
En fin, as 'promocións libres' poden promocionarse, pero entón deixan de ser libres e deseguida nótase que pasan a ser propaganda (non sempre queda patente, por suposto). Entendo que o mellor xeito de posibilitar estas promocións libres é precisamente manter todo limpo, con servizos non intrusivos na natureza, sen intentar enmendarlle a plana á mesma natureza, e posibilitar un mínimo de difusión pagada que faiga de cebador para que comece a difusión nos medios libres: nestes momentos, a cantidade de vídeos da praia das catedrais que recorre o mundo estou completamente seguro que supera en moitas veces á cantidade de vídeos institucionais e de promoción, pagados, e que os seus efectos práticos tamén son abondo superiores. De calquera xeito, o último tirón de visitas recibiuno a praia fará unha década longa cando apareceu nunha revista de viaxes de tirada nacional, que actuou de último cebador para a afluencia masiva.
Por certo, unha cousa é atraer visitas e outro, os cartos das visitas. Pero diso podemos falar outro día.

20171213

Funcionando como concello

Luns pasado tivo lugar unha xuntanza da mancomunidade da Mariña. E a próxima semana, haberá outra.
A unión de concellos mariñás é fundamental. A 'antiga provincia de Mondoñedo', como non se cansan de repetir persoas como Pablo Mosquera, chama por unha consideración conxunta tanto polas súas peculiaridades como pola desatención dende a lonxana e diferente capital provincial acutal. Entre outras cousas, a máis do evidente Cantábrico que baña a costa, o dinamismo económico, ou, ligado con el, pero non só, o mantemento da poboación costeira fronte a baixada demográfica provincial de Lugo, establecen á Mariña como un 'lugar diferente'. E moito máis aló dun provincialismo que hoxe xa sería diferente do da antiga provincia, a zona marítima da Mariña é case unha pequena cidade continuada. Cidade que aínda hai que vertebrar a pesar dos seus evidentes lazos, sen esquecer o que sería 'o extrarradio' da mesma, a zona non tan poboada máis o interior. E vertebrar loitando non só pola supervivencia independente do hospital para non ter que rematar indo a Lugo para calquera cousa, senón tamén nas comunicacións, mellorando as que xa hai, potenciando a rede de transporte público, tanto na súa versión infraestruturas como organizativa, de horarios, frecuencias de transporte, etc. É dicir, facendo algo que parece que comezaron a facer os alcaldes o pasado luns en Ribadeo e para o que tanta falta fai unha coordinación para reverquer algúns futuros evitables como o desmantelamento da liña de tren da costa.
E tomar decisións comúns cando toque enfrontarse a problemas comúns debera ser un costume, tanto no caso do transporte ou o hospital como no da velutina, onde quizáis poñerse de acordo sexa máis doado por ser un fenómeno externo contra o que loitar máis que algo a organizar. E contactar con quen pode saber algo e está interesado xunto con quen pode aportar intraestrutura ou cartos, como no caso das velutinas AGA (aínda que parece que máis ben foi AGA a que contactou coa mancomunidade como principal zona afectada en Galicia) por unha beira e a Deputación Provincial por outra. E é que accións como a instalación de 5000 trampas e o mantemento en bo estado operativo das mesmas durante máis de catro meses require colaboración.
Colaboración, algo que por certo parece non afectar á cidadanía máis que cando se trata de poñer o ombro. E é que tamén neste nivel, a cidadanía vese a distancia, e de resultas das votacións cuatrienais. Algo que 'tamén' habería que mellorar.
Vespa velutina. Imaxe de Wikipedia. Didier Descouens. CC by-sa 3.0


20080411

Novas curiosas


Onte choveu, pero menos. Con elo conseguiuse que a nova non fora a auga, senón a visita de autoridades en relación coa cantidade de auga caída días anteriores...
O Principado esa a difundir o da reserva da biosfera, a xunta a ignoralo. Mentras, o do nome parece que segue ans mesmas, con ou sen ditame da Comisión de Nomes do Instituo Xeográfico. E unha cousa é difundir e outra aplicar e facer valer...
Adheríronse só sete concellos ó programa de absentismo escolar, taxado no 2%. Non sei a que se lle chamará absentismo, pero podo asegurar que se defino absentismo a partir daqueles alumnos que faltan máis do 10% das horas sen causa xustificada, vexo un absentismo polo menos doble. E coido que non é demasiado grande en relación con outros lugares.
A Mancomunidade esmorece: os concellos deciden independizarse uns doutros como nos reinos de Taifas, nos que a coordinación deixaba que desexar... Aí están os pagos á mesma Mancomunidade ou o tirar para adiante do parque de bombeiros para dar algún exemplo.
En Viveiro chaman ós veciños a participar na comisión de seguemento do PXOM mentras en Ribadeo se insiste que o proceso seguido foi modélico e se están a fixar nel. Pero... aqui non sei de ningunha comisión semellante con participación de veciños, sindicatos, ... si houbo algunha xuntanza con empresarios, que tamén participan en Viveiro.
O PSOE volta á carga para tentar enrarecer o clima político. O meu ver quere facer algo daquelo que se interpreta como 'a río revolto, ganancia de pescadores', e que se está a ver como 'tarde piaches'. Os temas? O pacto e a balaustrada da aduana vella.
O plano de hoxe, para ver algunha zona verde. A clasificació da zona de O Xardín de sela / Parque de Indianos é a mesma que do pequeno retazo verde que aparece na zona inferior, e que corresponde á baixada ó garaxe o establecemento comercial que hai no edificio, que por certo, ten asignadas sete alturas e foi o causante do pegote que coido lembrar que se segue a ver na calzada despois do derrumbe da mesma. A anchura de 12 m que aparece no vial que estivo cerrado varios anos por mor da mesma obra, quen a mediría? atoparase de fronte coa baixada ó aparcamento. Ou é que non existe legalmente? A ver se comprobo todo iso hoxe ó pasar...

20171211

Da Mancomunidade ás Catedrais

Na resaca da ponte da Inmaculada Constitución pasada por auga, despois dun mercado de Nadal que supoño que este ano non se cualificará de exitos pola temperie, aínda coas luces de Nadal xa avisando que está aí a nova festa consumista, a vida segue. E así, a Mancomunidade de Concellos da Mariña terá outra xuntanza, esta vez en Ribadeo, hoxe, ás oito e media, hora dos plenos, na que é previsible que se traten diversos problemas comúns, como os relacionados co tren ou co enfrontamento coa velutina, nos que imos perdendo, e Ribadeo é dos principais afectados. E así, segue o transcurso do tempo co Plan Especial das Catedrais xa perdido no limbo, unha vez presentado no auditorio e correndo os dous meses -ata o 16 de xaneiro- o prazo para a presentación de alegación (por certo, o mínimo período legal).
O certo é que as máis de 300 páxinas do plan asustan, e hai que lelas pouco a pouco. Os pasados días foron para min unha oportunidade para comezar e ver que na páxina 11 trata a ondada cun sentido neto de transporte litoral cara ó leste (cando hai variacións  que o mandan tamén temporalmente cara ó oeste), que recoñece como riscos a elevación do nivel do mar e tamén, no parágrafo seguinte, o risco de agomeración de xente, como se ambos foran equiparables e equitratables (punto 4.6, p. 14). Ou que na p. 9 fala de deseñar unha estratexia de participación pública na procura da complicidade da cidadanía... para sacar adiante o plan especial que xa se ten nas mans. ou, na mesma páxina, fala de 'Resolver a equidistribución de cargas e beneficios' e de 'recuperación das plusvalías xeradas para o municipio', que no conxunto parece pódense traducir a linguaxe común como concentración dos beneficios e desfacerse das cargas: aí está o sacar os vendedores ambulantes do lugar e o unilo coa vila, onde si hai comercio fixo e con influencia na espera de clientes. Seguirá.
--
Seguiu aquí.

20140716

Feira do libro de Ribadeo + Caderno de Viaxe A Mariña de Lugo

Aproveito para introducir a Feira do libro de Ribadeo, despois de 20 anos...
FEIRA DO LIBRO DE RIBADEO
No parque San  Francisco os días 17, 18, 19 e 20 co seguinte horario: de 12 a 14.00 h e de 18.00 a 22.00 h.
Inaugúrase o xoves ás 20.30 h. 

FEIRA DO LIBRO DE RIBADEO
DO 17 AO 20 DE XULLO

HORARIO
Mañás: 12.00 a 14.00 horas.
Tardes: 18.00 a 22.00 horas.
Día 17. Xoves
12.00 Apertura da feira.
13.00-14.00 Actividades de animación á lectura na sala de libro infantil
19.00 Actividade infantil. Representación da obra “Contos para un caldiño” do Grupo de teatro Baobab.
20.00 Inauguración da Feira do Libro
Actuación do grupo de clarinetes da Escola Municipal de Música de Ribadeo.
Intervencións Institucionais.
Pregón inaugural a cargo da presidenta da Asociación Cultural Francisco Lanza, Dores Fernández Abel.
Nova actuación do Grupo de Clarinetes da Escola Municipal de Música.

Día 18. Venres.
13.00 Exhibición de danza a cargo do alumnado da Escola Municipal de Música de Ribadeo.
18.00 Actividades de animación á lectura na sala de libro infantil

19.00 El deporte y la Educación Física son los mejores recursos naturales para el desarrollo integral de la persona. Porque solo la persona que tiene vida propia no necesita quitársela a nadie para disfrutar la suya. Charla coloquio dirigida por Juan Carlos Ferro.
20.00 Presentación do libro Sol de Medianoche, da escritora Luz Pozo Garza.

Día 19. Sábado.
13.00 h Presentación de Caderno de viaxe. A Mariña, con Luz Pozo e Eduardo Baamonde.
18.30 Presentación do álbum ilustrado 3, 2, 1… de Pepablo Patiño e Dani Padrón, publicado por Edicións Embora.
19.30 Presentación do libro disco Brinca vai! de Paco Nogueiras, con ilustracións de David Pintor, publicado por Kalandraka.
20.00 O escritor Henrique Dacosta asinará exemplares do seu libro Entrada ao xardín do saber, na caseta da Libraría Cartabón.
20.30 Presentación do cómic “Nordés”, a cargo de Kike Díaz

Día 20. Domingo
12.00 Actividade matinal. Pasarrúas de Os Bolechas
13.00 O escritor e director xeral do grupo El Progreso, Xosé de Cora, presenta a súa novela histórica La navaja inglesa, publicada pola editorial Tropo. Ao remate do acto, o autor asinará exemplares dos seus libros.
19.30 Presentación do libro Salseiros, do escritor e actor Suso Lista, publicado por Edicións Embora.
20.30 Presentación do relato O monxe voador, de Farruco Graña, pertencente á obra colectiva Follas de Carballo, A.C. Lumieira.
21.00 O Grupo de Teatro da Asociación Cultural Francisco Lanza, representará a obra “O cego”, de Daniel Cortezón.

Na caseta da organización estará exposto material da A.C. Francisco Lanza.

PARTICIPANTES

  • Libraría Gráficas Santiago. Ribadeo.
  • Libraría Pedreira. Santiago.
  • Gran Enciclopedia Galega.
  • Libraría Cartabón. Vigo.
  • Libraría Aenea. Santiago.
  • Libraría Vivín. Ribadeo.
  • Libraría Totem. Lugo.
  • Libraría Lector Nóbel . Burela.
  • A Serpe Edicións Bibliofilia
  • Libraía Pícarosmundi. Ribadeo.
  • Deputación Provincial de Lugo.
--
--
Xunto cunha nota de prensa da presentación do 'Caderno de Viaxe':



NOTA DE PRENSA

O sábado 19 de xullo de 2014 verá a luz un CADERNO DE VIAXE co que a Asociación Cultural Casa das Letras trata de contribuir á posta en valor dunha comarca que, polas súas características culturais, históricas e naturais, a converten nunha das máis emblemáticas de Galicia, o A MARIÑA DE LUGO.

A presentación deste novo caderno de viaxe terá lugar a partires das 13:00 h na Carpa Institucional da FEIRA DO LIBRO de Ribadeo. Contaremos neste acto cos autores do texto e ilustracións, a concelleira de cultura do Concello de Ribadeo e o Presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense.

A través de 60 acuarelas do pintor e ilustrador galego Eduardo Baamonde e un texto introductorio da poetisa e académica Luz Pozo Garza, pretendemos achegar aos mariñáns e visitantes o patrimonio (arte, historia, etnografía, naturaza,….) más salientable do norte da provincia de Lugo , A MARIÑA, ao tempo que lle damos ao lector a posibilidade de plasmar no propio caderno as impresións e sugerencias que lle provocan os lugares escollidos polo ilustrador.

Foi fundamental para poder levar adiante este proxecto a colaboración do pintor e ilustrador galego EDUARDO BAAMONDE (eduardobaamonde.blogspot.com), presente noutros proxectos que tiñeron que ver coa comarca de A Mariña: Aventura na Mariña, A Ruta Pardo de Cela, Caderno de Viaxe: Ribadeo e Caderno de Viaxe: Camiño Norte.

Quixéramos agradecer a inestimable colaboración da MANCOMUNIDADE DE MUNICIPIOS DA MARIÑA LUCENSE neste proxecto editorial.

Este CADERNO DE VIAXE é a continuación dun proxecto máis amplo, iniciado co adicado a Ribadeo, que terá continuidade ao longo dos vindeiros meses, e que permitirá acometer unha serie de publicacións encamiñadas á promoción dos elementos patrimoniais máis salientables de Ribadeo, A Mariña, Lugo e Galicia.

Pensamos neste proxecto co convencimento de que, con iniciativas como esta, axudamos a valorizar lugares e elementos patrimoniais que tiveron e teñen un importante protagonismo na Historia de Galicia.



ASOCIACIÓN CULTURAL CASA DAS LETRAS
RIBADEO (LUGO)

20170906

A cultura pode ser unha festa, ou un dinamizador

(Unha das frases empregadas no texto)
Un titular: 'un mestre, conexión a internet ou unha asociación cultural dinamizan máis un territorio que un polígono industrial'. A dicir que hai que poñelo no seu contexto, e tratábase de fixar poboación en zona rural. De calquera xeito, chamamoume a atención que son cousas non estritamente económicas (de 'sacar cartos') as que se conciben como auténtico motor social para fixar poboación e desenvolver o xeito de vivir. E chamoume a atención non porque non tivera esa mesma idea, senón por ser publicado como titular inmerso nunha cultura capitalista quefai depender todo dunha determinada concepción da economía.
O caso é que me lembrou unha mesa redonda na que participei hai uns días, dentro dunha festa cultural, a Feira do Libro de Burela. A iniciativa de Pablo Mosquera, a feira albergou un seminario desenvolto en dúas mesas redondas en espazo aberto (unha delas tivo que ser posposta polas condicións meteorolóxicas e desenvolveuse días despois na radio) acubilladas baixo un título que en principio, tamén me chocou: A cultura como inversión produtiva.
Hai pouco recibín as conclusións da primeira parte do seminario, plasmadas por Pablo Mosquera e que inserto aquí coas miñas verbas:
Moderador: José Díaz. Concejal de Cultura del Concello de Burela 
Ponentes: Matías Escalera. Antonio Reigosa. Antonio Gregorio. Pablo Mosquera. 
1. É necesario un cambio de dinámica nas feiras do libro, no centrándose só na presentación e venda, senón tamén realizando debates también debates sobre a cultura. 
2. A cultura xenera conciencia social, algo moi necesario na sociedade actual. 
3. Faise preciso separar os espacios do turismo e a cultura, e que sexan persoas diferentes e expertas antes que políticos con tentacións reducionistas ou mercando vontades mediante subvencións quen as guíe. 
4. Débese explorar e explotar as posibilidades de esponsorización e mecenazgo en A Mariña 
5. Hai que considerar o uso de inmuebles abandonados, como o caso das fábricas conserveras, como centros de creatividade para a xente nova.
6. Sería beneficiosa a creación dunha mancomunidade cultural en A Mariña para explotar o patrimonio cultural e dotalo de asesores procedentes da sociedade civil, como pode ser o caso dos Cronistas Oficiais. 
7. FITUR tal como está non sirve para nada. Faise preciso promover unha publicación anual que conteña os puntos fortes da cultura na nosa Comarca e as súas posibilidades para crear riqueza e emprego.
Vaia por diante que non necesariamente os participantes temos que estar de acordo con todas as conclusións. No meu caso, como deixei constancia na mesa redonda, por prevención ante a interpretación e interiorización do título, aínda que no intercambio de pareceres manifestouse un bo acordo nas cuestións prácticas.
De calquera xeito, en espera de que o vído do acto sexa colgado en internet, deixo algúns comentarios -non todos, claro- que fixen alí relacionados con cousas que se falaron e que considero que non son invalidados despois do resume:
A cultura como inversión produtiva
-a idea de cultura implica un conxunto de coñecementos adquiridos mediante instrución e experiencia, ó que se debe engadir que permiten desenvolver o sentido crítico, nunha sociedade, nun entorno. Logo a idea non ten por que ser uniforme.
-en canto á necesidade de inversión, costa, pero non se pode facer reducionismo da cultura á economía, e debe quedar claro que o 'cmo' do título implica só unha faceta que é necesario considerar no conxunto.
-sen cultura non habería unha orientación para poder producir,nin medios nin manexo dos mesmos para tentar facelo. Pero unha cousa é a culturacomo vbase social e de desenvolvemento, e outra o 'beneficio económico' integrado nun sistema capitalista.
Non se pode separar cultura e ser. Encadrar só unha visión económica da cultura implica unha consideración de cultura como materia prima e produto, dando pé a entrar en rendemento da consideración de cultura como materia prima (sen tratar, algo que se esgota, en competencia con outras fontes abondantes, baixo prezo...) ou produto elaborado (pensando non no propio produto, senón no mercado ó que vai dirixido, adaptándoo e polo tanto deixando de ser diferenciador esencial histórico para pasar a selo de referencia de mercado, no mellor dos casos)
Corresponde 'defender o patrimonio' a quen o recoñece como se; non podemos pretender que o defenda quen non o considere así, sexa electo, funcionario ou  cidadán de a pé. Pero coido que máis que defender o patrimonio, ter unha postura defensiva, o que se debe facer é atacar, ter unha postura activa. E isto nos leva a quen controla a cultura. Pero, ten control, necesítao? O control marca a evolución, e unha cultura dirixida pasa a ser incultura ilustrada
Hai que ter conta que dentro da cultura hai o que se podería chamar a cultura 'xenérica' e o que sería a 'nosa cultura'...
É un feito histórico que hai sociedades que se suicidan, de xeito consciente e voluntario ou inconsciente, pero sempre relacionado coa asfixia cultural que encarna a base do modo de vida.
Hai que propoñerse o que se pode facer pola cultura ("que podes facer tí pola cultura") máis que aproveitarse da cultura . Illados, do primeiro xeito, a cultura desenvólvese e todo o mundo saca réditos. No segundo, esgótase e deixa de ser útil, mesmo en sentido económico, a prazo fixo.
Hai que pensar que un lugar como as catedrais atrae moita xente, que 'pasa polas catedrais', pero non 'interioriza as catedrais'. É iso cultura?
O desenvolvemento e aproveitamento cultural debe pasar polo achegamento entre xente nova e maior, para facilitar a transmisión cultural que agora mesmo está dificultada polas diferentes canles de comunicación usados.
O uso de ferramentas xa non tan novidosas, como a galipedia/wikipedia permite que a cultura siga a crearse e manexarse dun xeito colaborativo, como está no ADN cultural, pois toda cultura foi creada dun xeito común: a cultura é colaborativa ou non será (porque deixará de existir como tal).
Lugares como as bibliotecas , que ás veces desenvolven unha grande labordinamizadora do entorno, deben ser potenciados.

20110322

E onte, pleno

Con pouca asistencia, e menos despois do ecuador, tivo lugar onte un pleno longo en puntos, de duración 2h e media ó que faltou Horacio Cupeiro, contando pois o BNG con só tres edís no mesmo. O pleno non foi polémico, senón máis ben de acordos xerais e outros de xeometría variada respecto a anteriores ocasións, e nel tampouco se presentou unha moción conxunta sobre a petión de retorno do xulgado a Ribadeo.
A relación de asuntos foi:
1.Aprobación da acta anterior
2.Decretos da alcaldía
3.Cambio de representante do PP nunha comisión
4.Representantes na mesa local de comercio
5.Adhesión ó convenio Xunta-Fegamp sobre administración electrónica
6.Aprobación inicial da ordenanza de administración electrónica.
7.Modificación da taxa de servizo do mercado
8.Cambio de nome da concesionaria do matadoiro municipal
9.Convenio con Coniproma
10.Convenio con Coniproma e Anselmo
11.Aprobación inicial de convenio con Isabel Arias
12.Escrito de recoñecemento de dominio na parte posterior do colexio Sagrado Corazón
13.Aprobación de novo trazado de camiño en Arante
14.Moción do BNG polo plan de emprego feminino e apoio das mulleres
15.Proposta da alcaldía da representación do concello na xestora mixta Concello-CCA
16.Moción de UPRi para facilitar a instalación de empresas no polígono
17.Rogos e preguntas
Asemade, ó final, deuse contestaciónás tres últimas preguntas de O Tesón, esquecendo as anteriores, de hai xa catro meses, que esperemos sexan contestadas no seguinte ordinario...
En canto ás preguntas contestadas neste, fórono ausentándose primeiro Balbino Pérez e logo outra representante do PSOE:
Do xulgado e as sinaturas presentadas, non se sabe nin se fixo nada, nin se recibiu acuse de recibo. Tampouco sobre o actual edificio adicado ó xulgado, e non se espera facer nada pois quedan dous meses para as eleccións e poderíase comprometer un futuro equipo de goberno.
No relativo ó mercado, o alcalde entende que a pregunta é referente a manteiros actuando nel, e di que a policía Local e o encargado do cobro teñen orde de levantar inmediatamente os postos que non paguen.
En canto ás dúas comisións, aclara que non é responsable o que digan os representantes, pero que lle consta que a nova comisión está ben constituída, aínda que non ten todos os detalles. A subvención de 2010 serálle pagada á anterior comisión, e aclara asemade que non quere entrar en polémica sobre o tema.
O desenvolvemento dos puntos, despois de aprobada a acta, pasou polo detalle de varios decretos da alcaldía preguntados polos diversos grupos, quedándome con dúas facturas por un total de 1 400 € para o mantemento do ascensor da Atalaia (que sairía despois tamén a conto de cartos), 6 000 € para o aluguer da carpa (só) para o mercado do Nadal, 6 189 € para a Mancomunidade de concellos da Mariña, da que se preguntou se seguía a funcionar e se era a cantidade correspondente a un pago ou a varios (resultou ser de varios anos, pero sen especificar), os 10 000 € de custe do novo vestiario (completo, incluíndo por exemplo, botas) da Policía Local e a devolución de varias cantidades, a maior, de 500 € a varios mercaderes dos mércores a raíz da sentenza do contencioso administrativo que lle deu a razón ó concello sobre o sistema de cobro pero axustou que algún cálculo estaba mal feito.
O cambio de representante do PP nunha comisión non tivo discusión.
Os representantes na mesa local de comercio son necesarios para a constitución da mesma. Son 'representantes natos' na mesa o alcalde e o secretario, e está estipulado que haxa un representante da Unión de Consumidores de Ribadeo e outro de ACISA, así como 1 representante da administración autonómica e dous do concello. Foi proposto polo alcalde que foran representantes dos dous grupos maioritarios, e por UPRi que foran un do goberno e outro da oposición, retirándose da votación para este segundo o propio goberno. Comentario de Andina a conto de repetidas acusacións de pacto PP-BNG: 'entendo que tenten aunar esforzos, ainda que non teñen pacto'. O PSOE tenta meter a proposta de que cada grupo presente o seu candidatos, pero non é aceptado por secretaría ó contravir a normativa de funcionamento a presentación no momento. é aprada a proposta da alcaldía por 7 (BNG-PP) contra 5 (PSOE-UPRi), o mesmo resultado que na elección de candidatos: Vicente Castro e Jesús López. Unha nota: neste punto e noutro posterior non pode deixarse pasar a súa relación co regulamento de participación cidadá, pois trátase de comisións participativas, pero a nivel de participación empresarial
A adhesión ó convenio Xunta-Fegamp sobre administración electrónica e a aprobación inicial da ordenanza de administración electrónica foron por unanimidade.
A modificación da taxa de servizo do mercado foi aprobada cos votos en contra de UPRi, quedando o pago mensual os primeiros mércores e non establecendo pago para os domingos. Houbo algunha discusión por discrepancias, aportando UPRi, por exemplo, que así non se pagaría tódolos meses igual.
O cambio de nome da concesionaria do matadoiro municipal deu lugar a algunha intervención para aclarar que houbera unha compra societaria.
Os convenios foron aprobados sen discusión, o que deu lugar a unha felicitación do alcalde ós grupos por conseguir obxectivos dun xeito común.
O escrito de recoñecemento de dominio na parte posterior do colexio Sagrado Corazón solicitado por Mª Dolores Quelle Rivas a conta de Ramón Bustelo desestimouse por ver que en todo caso, correspondía o recoñecemento ó xulgado.
A aprobación de novo trazado de camiño en Arante non tivo dificultades. Unha observación: a obra será realizada polos veciños.
A moción do BNG polo plan de emprego feminino e apoio das mulleres (e contra o anteproxecto de lei da familia, considerado regresivo polo BNG) recibiu o apoio de tódolos grupos a excepción do PP, dando lugar a unha longa discusión J.Carlos-M. Luz. Recollo dúas citas: J.C. Andina: 'Este país ten un parlamento e nese parlamento fánse as leis' (en relación ó Parlamento galego). F. Suárez: 'O noso fracaso tal vez sexa o despertar de moita xente' (en relación ó fracaso do bipartito, que Andina puxera como proba de que a xente non quería a liña proposta pola moción do BNG). Foi aprobada por 8 (BNG, PSOE, UPRi) a 4 (PP)
A proposta da alcaldía da representación do concello na xestora mixta Concello-CCA, sendo proposta Begoña Sanjurjo a parte da correspondente ó grupo de goberno, por 7 (BNG-PP) a 5 (PSOE-UPRi)
A moción de UPRi para facilitar a instalación de empresas no polígono, incluíndo unha rebaixa do prezo das parcelas e o 50% de bonificación nas licenzas de obra foi rexeitada na súa urxencia polo resto dos grupos, alegando que para comezar necesita de informes técnicos e xurídicos, podendo ser nula de pleno dereito en caso contrario. Foi acusado tamén UPRi de ter sacado antes a proposta nos medios que dilixenciado a tempo no concello para que non fora por vía de urxencia, podendo seguir unha vía normal, respondendo Rivas que mañá (por hoxe) a presentarían para o próximo pleno, e a ver que facían entón.
En rogos e preguntas, menos extenso que outras veces, diversas cousas sobre farolas, espellos en puntos sen visibilidade, conservación de rúas e semellantes, incluída tamén unha pregunta sobre as visitas do ascensor da Atalaia, á vista de que de luz e teléfono foron 2 300€ en decembro e xaneiro, e tamén a formulación como pregunta por parte de Balbino da proposta de Eduardo Gutiérrez sobre a retirada dos 60 €, citando mesmo o refrán usado anteriormente por E.Gutiérrez: 'Morto o can, acabouse a rabia', o que foi contestado polo alcalde no sentido de que estaba en consultas, pero que a sentencia non dicía o que pretendía Balbino.
Nogtas de prensa do concello sobre temas do pleno:
Mercado
Administración electrónica

20090421

O Ribadeo que queremos








Hai tempo que fixen unha entrada co mesmo título, o Ribadeo que queremos, ó que seguiron varios máis co mesmo tema (por exemplo, este 'Ribadeo que queremos', ou este outro que tamén queremos de Ribadeo) e hoxe, a conta dos titulares da prensa e as notas do concello, lembro o pouco que se avanzou na proposta de discutir o futuro de Ribadeo. Non se fixo nin cando había unha certa obriga legal de facelo, na definición do PXOM (que por certo, está pouco a pouco sufrindo as revisións correspondentes ás mil alegacións, pero do que non sei de ningunha previsión para dar por rematado o tema), nin nas eleccións (cada quen propuxo unhas cantas cousas, pero sen unha guía, e menos conxunta), e maniféstase o contraste en moitos termos, como no caso do plan de vivenda, ou, estes días, na obra en Porcillán ou nos ataques e contraataques sobre a liña de alta tensión. Parecería que son dous temas tan alonxados que non teñen que ver o un e o outro. Pero a manifestación de ambos é froito da falta de diálogo público. Algo que non é exclusivo do actual goberno municipal, como xa teño dito moitas veces, pero no que este goberno non ten profundizado.
Unha nota: a pasarela non é execución directa do concello, pero coido que si que ten algo que dicir.
E outra: Parece que están traballando agora a marcha abondo rápida; achégase a homenaxe a Calvo Sotelo (lugar da foto primeira) e a obra incide xusto no lugar.
Haberá que voltar sobre o tema, hoxe non teño tempo máis que de resinar outras novas de prensa: a inauguración da Feira da Ciencia, o conflito cos ambulantes, que se xactan de non ter pagado o correspondente o que vai de ano e en ir contra do concello por vía xudicial, o novo día da polémica da liña eléctrica, e a elección de Fuente Parga como Presidente da Mancomunidade.
Nas fotos, a pasarela de madeira que 'ampliará' o porto, en construción. Excepto na primeira, que é o sitio onde será posta a placa homenaxe a Calvo Sotelo.

20180117

Ribadeo aumentou o turismo un 12 % o pasado ano

Hoxe, 17 de xaneiro, comeza FITUR, a feira internacional de turismo que é visitada por representantes ribadenses dende hai xa moitos anos. Esta edición, o concello sacou unha nota (onte) na que indica que vai ir a concelleira do ramo, Ana Mª Martínez, o alcalde e a técnico de turismo. Non se di nada sobre membros da oposición, que tamén teñen participado en moitas edicións. Algo que non quere dicir que non aparezan dun xeito ou outro tamén por alí (e tamén polo xornal aquí).
Recollendo o que di a nota de prensa de onte, fala a concelleira de que o pasado ano 2017 foron atendidas nas oficinas de turismo de Ribadeo, 114 701 persoas, 12 534 máis que no ano anterior. É dicir, no 2016 atendéronse 102 167 persoas, cun aumento porcentual deste ano en relación ó anterior do 12,27 % nese indicador de movemento turístico. É evidente que o turismo en Ribadeo non está en tempada baixa.
En canto a FITUR, fixen a mesma experiencia que o pasado ano, procurando na súa web por 'Mariña', e entre moitas empresas e outras entidades chamadas máis ou menos así (incluído o concello de Marinaleda, ó que non lle coñecía o seu tirón turístico), aparece a Mancomunidade de Municipios da Mariña como expositora. A procura de 'Ribadeo' resulta moito máis doada: como o ano pasado, só aparece o Parador. En baixo deixo as dúas fichas de ambos.


O que fixen tamén foi procurar polo lema que a bombo e platillo se anunciou hai uns anos (en FITUR 2015), ribadeoxqsí, e resulta que os resultados seguen a baixar:199 resultados fronte a 45 700 000 por FITUR 2015. É dicir, se o impacto relativo en febreiro daquel ano non chegaba ben ó 0,01 %, na actualidade anda polo 0,0004 % en relación ó FITUR dese mesmo ano.

20111120

... e pleno ordinario anunciado en Ribadeo

Contra o que sucede moitas veces, hoxe, día de eleccións, pódese ver na web do concello a convocatoria do pleno ordinario para mañá ás oito da tarde:
"O luns, 21 de novembro, ás 20 horas haberá pleno ordinario no Concello de Ribadeo. Na orde do día figuran os seguintes puntos: proposta de modificación do réxime de sesións do Pleno; petición de reversión de finca O Semilleiro á Comunidade de Montes de Ove, e adopción de acordos procedentes; convenio de colaboración co Rexistro da Propiedade de Ribadeo para a xestión, liquidación e recadación do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana; designación de representante municipal na Escola Oficial de Idiomas; modificación de estatutos da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense; proposta para dotación de servizos de saneamento en Dompiñor-Piñeira; proposta de denominación de rúas no polígono industrial de Ribadeo; expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos número 2011/02; modificación vocais na Mesa do Comercio Local; recurso contencioso administrativo contra a resolución da Consellería de Traballo e Benestar de 18 de outubro de 2011 sobre cofinanciamento da prestación de servizos sociais (prestación básica servizo de axuda no fogar); control de órganos da Corporación; dación de conta de decretos da Alcaldía; rogos e preguntas; e mocións do BNG sobre plan concertado de servizos sociais e do BNG sobre violencia de xénero"

20171218

Perigos nas Catedrais


Despois de da Mancomunidade ás Catedrais, aínda quedan preto de 300 páxinas máis a comentar do Plan Especial de As catedrais.
O ultimo que ocmentei foi que recoñecía o risco da elevación do mar polo cambio climático, pero máis aínda o risco para a conservación derivado da aglomeración de xente (p.14, punto 4.6). Na mesma páxina prodúcese unha especie de esquizofrenia de concellos. Un par de lexislaturas despois e recoñecer que é necesario reducir o número de concellos en España, parece que séguese a loitar sen cuartel entre concellos veciños como indica que falando de transportes, se enumere para o tren non só o apeadoiro de Esteiro, senón tamén o dos Castros, pero non o de Reinante, no concello veciño. Faise nun marco no que se indica o baixo uso do transporte público (incluído autobús subvencionado que ademáis facilita a entrada polo seu mero uso, aínda que iso non se cite no documento), e no que se di que hai un aumento de transportes alternativos, referíndose ó uso testemuñal da bicicleta ou mesmo o bipedismo da xente do Camiño de Santiago. Enumera tamén na mesma páxina que na actualidade son 330 prazas de aparcamento de turismo e 14 de autobús as que hai en aparcamentos decentes, e esta vez si, incluído Reinante.
Na páxina seguinte, outra pequena sorpresa, pois entendo que non contempla na actualidade máis que un acceso, quedando o acceso oeste (o principal) como único, a máis de 'en marea baixa', o acceso directo dende Esteiro. E, como calquera sabe, moita area ten que haber e boa marea para poder facer ese paso sen mollarse.
Nesa mesma páxina, a 15, no punto 4.8, cartelería, fala doutra cousa que debera estar subsanada: a disposición de carteis informativos sobre o propio cantil.
E, un pouco máis abaixo, (4.10.2), descobre que a licenza de hostalería foi dada polo concello de xeito posterior ó establecemento da Rede Natura 2000 (aínda que tiña un permiso previo da Xunta) e que nos terreos de uso do local faise emprego de varias especies de plantas invasoras. Recoñecemento que parece que non implica en absoluto ningunha actuación de oficio.
Por último para esa mesma páxina, tamén fala das leis 42/2007 e a súa reforma pola 33/2015, que, referíndose ós monumentos naturais (como o caso das Catedrais) fala das actividades incompatibles, sempre e cando non quede recollida a actividade correspondente nas normas de declaración ou xestión, o que non é o caso. O mesmo que no parágrafo anterior, parece non ter consecuencias de oficio.
O Plan Especial (de agora en diante, PEC) da unha sorpresa de novo na p.16, punto 5.1.1. cando di claramente que os visitantes, en determinadas épocas do ano 'superan ampliamente a capacidade ecolóxica', que cada vez hai menos terreo para hábitas naturais e máis plantas invasivas, cunha zona de intensa acción humana... o que redunda na calidade da oferta turística do propio concello.
É evidente que as suaves indicacións á acción que deixa caer o plan pola mera constatación de datos necesitan resposta, pero de non ter un poder 'absoluto' (refírome a casos somo o cambio exprés da constitución), as cousas do pazo van despazo...
Na páxina 17, punto 5.1.3 fala de transformar visitantes en turistas. Que quede claro que o documento non é precisamente ambientalista, senón pragmático. No mesmo sentido cabe interpretar que non se contemple un novo apeadoiro, senón o traslado do de esteiro, coido que en contradición con novas de prensa nas que se lle pide a Adif  (RENFE-FEVe infraestruturas) precisamente iso, unha estación nas catedrais. Ou cando fala da captación de financiamento, insinuando a 'colaboración' público-privada, moi en consoancia cos tempos actuais. Outra cousa diferente no mesmo punto é que xa se esqueza da poboación cando fala dun 'marco de colaboración' administración-axentes implicados uníndoo á sostibilidade do éxito turístico das catedrais (lembremos o xa comentado da p.9).
Páxina inicial do punto 5.1.3
O dito, continuará.
--
Contiuou aquí.

20141118

Hoxe, pleno (coñecendo a orde do día)

É de agradecer que por fin se amose na web do concello a convocatoria e orde do día do pleno de hoxe. Non podo asegurar que fora con moita antelación, pois foi onte cando me decatei e non sei se levaba moito tempo. O caso é que aquí está a convocatoria do pleno de hoxe, coincidente en parte no tempo con outra actividade política en Ribadeo, a asemblea da plataforma Ribadeo en Común:
Secretaría Xeral
Negociado.02
A todos os membros da Corporación Municipal dos Grupos BNG,PP,UPRI e PSOE. e Intervención municipal
Secretaría Xeral.
NOTIFICACIÓN DE CONVOCATORIA DE SESIÓN PLENARIA
O Sr.Alcalde - Presidente usando das atribucións que lle confire o art. 21.1 c) da Lei 7/85 por Decreto desta data resolveu convocar ao Pleno do Concello para celebración de sesión para o día e hora que de seguido se expresa, sendo os asuntos comprendidos na Orde do día os que se indican:
PLENO ORDINARIO
LUGAR: Casa do Concello.
DATA: 18 DE NOVEMBRO de 2014.
HORA: 20,00 horas.
O que notifico a Vé. de orde do referido Sr.Alcalde para que concurra á sesión e, no caso de non poder asistir, se excuse xustificadamente coa anterioridade oportuna ante a Alcaldía, co fín de non incurrir nas sancións do art. 78 da Lei 7/1985, de 2 de abril. Espero da súa atención se sirva devolverme o duplicado da presente co seu recibín, para constancia.
Ribadeo, 14 de novembro de 2014.
O SECRETARIO EN FUNCIÓNS, Asdo./ JOSÉ RODIL VEIGA
ORDE DO DIA
1. - Aprobación se procede da acta da sesión anterior Ordinaria de data 25 de setembro de 2014.
2 . - Modificación da Ordenanza reguladora do Servizo de Praza de Abastos, mercadiños e venda ambulante no termo municipal de Ribadeo
3 . - Modificación da Ordenanza Fiscal T6 reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con elementos con finalidade lucrativa para o exercicio de 2014.
4 . - Refinanciamento de préstamos do Plan de pago a proveedores
5 . - Modificación de crédito 18/2014 por refinanciamento de operación de crédito FF.PP.
6 . - Depuración de saldos contables relativos ás contas de préstamos con entidades financieiras.
7 . - Convenio coa Xefatura de Tráfico de adhesión ao Convenio de colaboración entre o Organismo Autónomo Xefatura Central de Tráfico e a FEMP para o intercambio de información e a mutua colaboración administrativa.
8 . - Convenio básico bilateral entre a Xefatura Central de Tráfico e o Concello de Ribadeo polo que formaliza a adhesión ao Convenio específico de colaboración entre o Organismo autónomo Xefatura Central de Tráfico e FEMP en materia de seguridade viaria.
9 . - Modificación dos Estatutos da Mancomunidade da Mariña Lucense.
10. - Representante municipal no Consello Escolar da E.O.I.
11. - Representante municipal no Consello Escolar do Centro Dionisio Gamallo
12. - Representante municipal no Consello Escolar do CEIP Gregorio Sanz.
13 . - Modificación da Ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar do Concello de Ribadeo (adaptación ao Decreto 149/2013, de 5 de setembro).
14 . - Modificaciòn da Ordenanza do Prezo Público pola prestación do servizo de axuda no fogar no Concello de Ribadeo (adaptación imperativa ao Decreto Autonómico 149/2013, de 5 de setembro)
15 . - Modificación da Ordenanza reguladora das Bases de acceso ás prestacións económicas para familias do Concello de Ribadeo en situacións de emerxencia ou urxente necesidade.
16 . - Modificacion da Ordenanza reguladora das bases de acceso ás prestacións económicas para faciltar o acceso ás actividades dirixidas a menores, organizadas polas concellerías de Cultura, Educacion e Igualdade e de Facenda, Meio Rural, Obras e Deportes pertencentes a familias do Concello de Ribadeo en situacións e conómicamente desfavorables.
17. - Modificación da Ordenanza fiscal T24 reguladora da taxa pola utilización ou reserva de espazos públicos e inmobles de uso público no Concello de Ribadeo.
18. - Prórroga parcial do prazo de execución das obras de construcción do Centro de atención a maiores.
19 . - Control dos órganos da Corporación (art. 46.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local). Dación de conta de decretos da Alcaldía. Mocións. Rogos e Preguntas

20110514

A agulla no palleiro

Atopar unha nova que non sexa de política é, senón misión imposible, si alomenos moi dificultosa. A xeración de novas por parte de partidos e candidatos non deixa espazo, pero máis aínda, contamina o resto das novas. Polo momento, aparece sen contaminar en Ribadeo a celebración do concerto das letras galegas hoxe, coa lembranza de Hernán no fondo. Pero dende a acusación e réplica do enlace A8-N634 en Lourenzá ás idas e vidas, uso e abuso da Mancomunidade, pasando xa en Ribadeo da subestación eléctica (con planificación que se expoñerá despois das eleccións) á torre dos Moreno (máis pilastras, máis cartos...pero nada máis), todo está dirixido á próxima cita. E, en calquera dos casos anteriores, coido que falta información pública, tanto de acusadores como de acusados, porque as cousas plantéxanse así de cara ás eleccións: os bós, os malos. É dicir, a cidadanía, ó fondo, de espectadora, sen participación, esperando a mínima ventá do voto para ser, por un momento, cidadán.

20071229

Pleno para un día dos inocentes


28 de decembro, 10 da mañá. Coa falta de Begoña (PP) comezaba un pleno que podía resultar un pouco raro.
O pleno, extraordinario, comezou coa aprobación da cobranza de recibos pola Deputación. Dende tempos do PP véñense cobrando algúns recibos do concello ós veciños por parte da Deputación. Comisión, 6%. Votado en tempos de maioría abasoluta do PP. Hoxe, o BNG (e os outros grupos apoiáronno), prorrogou o sistema, engadíndolle outros impostos máis ó sistema, e tendo que pagar un 4% en troques dun 6%; ademáis, haberá un adianto de cartos para dispoñer de liquidez o primeiro mes do ano. A remarcar só que o PP lembrou que aogra haí máis persoal que antes (cousa que o BNG negou) e o BNG en tempos votara en contra. Chamoume a atención que o BNG se chamara a que houbera pouco tempo para esta decisión: 15 días. Coido que houbo anos para pensalo, pero...
No medio desta discusión alcei por un ratiño un cartel de protesta, ata que o alcalde o viu de xeito patente. É o que está fotografado nas escaleiras da casa do concello. Xa falei con alguén máis sobre o tema: non é algo de inocentes.
O seguinte punto, unha subvención para a redacción do PXOM, a pesares de que crin entender que implicaba unha reducción do orzamento pensado, pasou sen oposción.
Veu despois a elección de representantes do concello na Mancomunidade, que quedaron en mans do BNG (Fernando e suplente, Vicente)e do PP (José Carlos e suplente José Luis). O PSOE comezou a andanada de acusacións de connivencia PP-BNG para deixar sen representatividade ó resto, usándose no discurso termos como 'ostracismo' e 'cachondeo' (por sorte, a exaltación non chega a anteriores cotas). Este partido, (PSOE), tiña pensado facer unha proposta diferente á emanada da comisión informativa, pero non a fixo.
Despois, os representantes no CCA. Resultaron 2 do BNG e Begoña (PP), coa oposición de PSOE e UPRI, que consideraron que houbera unha informalidade porque na xunta de portavoces decidírase outra cousa, e logo fora convocado Paco (quen estaría indicado pola xunta) para unha xuntanza que non se deu celebrado, etc. o caso é que a xunta de portavoces non é un órgano de aprobación, snón de deliberación, e o resultado quedou así. Por certo, ó que parece levaba 2,5 anos sen haber ningunha xuntanza das correspondenteds ó CCA, o que non deixa de ser raro.
A adxudicación do depósito de residuos e os contedores amarelos, xa tratado (ver a serie 'pleno ó 13', por exemplo na ligazón final sobre o pleno en Ribadeo, Ribadeando ou o mes de novembro, pois son 5 entradas, e o post sobre a enmenda de UPRI en Ribadeo historia, a falta de conseguir máis documentación por parte do concello). Falouse de dose de mala fe, de espectáculo lamentable, e de que o punto se retirara o pleno anterior só por defectos de forma, non de fondo. En fin, ó pouco de comezar marchei, pero polo que parece, a resolución vai a consultas a Santiago nun tema no que os intereses abranguen moitas ramificacións,polo que se deixa entrever. Polo que me dixeron, houbo unha loita Balbino vs. Horacio co alcalde atemperando, e, se non responde unha nova entidade consultiva creada en Santiago antes de 1 mes, quedaría a concesión a Urbaser, pero dixéronme que sen necesidade nese caso de apsar polo pleno, o que non vexo claro.
Quedaban dous puntos máis, que parece que non tiveron dificultade.
... e ese foi o pleno do (día dos) inocentes, que tivo pouco de inocente.

20120118

Pleno con dous puntos (II)

O dito da parte 1ª
Apunto que xa está colgada a referencia ó pleno na páxina web do concello.
Continuando: O apartado de control dos órganos e rogos e preguntas suscitou coma sempre aun montón de pequenas preguntas focalizadas e moitas veces de difćil comprensión por quen non tivera a documentación diante ou coñecera o problema. Aínda así, tamén coma sempre, moitas outras (ou mesmo algunha das anteriores) chaman a atención na súa pregunta, na súa resposta ou sinxelamente na súa existencia.
Houbo preguntas sobre obras, como a da barandilla oxidada en Rinlo, na recentemente rematada praza de Calvo Sotelo, ou sobre a unificación dos tipos de sinais nas parroquias, con factura a cargo da Deputación. A televixiancia do punto limpo, 2 000 € subvencionados, chamou a miña atención non polo feito de poñer televixiancia, senón pola noticia de que houbera roubos no lugar.
4 000 €para o baleirado da fosa séptica da praia das catedrais, algo a facer periódicamente, aínda que sexa máis frecuente no verán.
Algún cargo curioso, como 330 € para a pegada fóra do noso concello de carteis anunciadores do mercado do Nadal, ou 3 776 € para un concurso de guións cinematográficos no pasado 2011 (algo que me choca porque se non lembro mal, o concurso foi adicado ós centros educativos e teño visto un folleto onde dicía que o custe total era abondo superior; será só unha parte)
Naturalmente, aquí, xunto coas epquenas preguntas e respostas, tamén hai pequenos aproveitos como para dicir a mans do PP que a Xunta subvenciona abondo, a conto da intervención no punto limpo nunha obra de tres millóns das antigas pesetas.
No futuro será desglosado o gasto en móbiles. Coido que no pasado, hai tempo, xa estaba; de feito, ténse comentado nos plenos o gasdo dos móbiles máis dunha volta.
Unha cousa que me chamou a atención foi á raíz dunha pregunta de M. Valín, o aporte do concello dos cartos para o gasto das dilixencias previas correspondentes á defensa do xa ex-secretario, ó ser imputado durante un tempo pola xuíza nun caso de prevaricación. Naturalmente, ó estar imputado (e continuar neste intre) o antigo alcalde, e o secretario ter despois deixado de estar imputado, non se citou a palabriña, pero si que o caso era polo tema de ruído. Como contraste, Barreiros, onde -segundo a prensa de onte mesmo- estando imputados no caso urbanístico alcalde e secretaria, o alcalde segue no posto pero apartou das súas tarefas á secretaria.
Tres pagos a Aquagest de 5 000 €, adxudicación directa, motivaron unha pregunta, pero o substancial quedoume sen comprender...
A licenza definitiva da xa vella tenda de Almacenes Bahía na r/ Vilalba chamou a atención polo seu retraso, e a pregunta de se era unha cousa habitual ou houbera algo extraordinario quedou sen responder ata próximo pleno.
Tamén curiosa foi a declaración (PP) de que había dúas empresas que si cobraban puntualmente, a responsable do gabinete de prensa e a de atención ó domicilio.
A expresión de 'costa un huevo' foi usada para referirse ó custe do congreso de pediatría, inquirindo se ese custe ía ser repetido periódicamente ou ou congreso fóra só unha vez.
Xa na parte de Rogos e Preguntas, comezou o representante do PSOE sobre o pago de 60 € mensuais nunha sentenza por ruído contra o concello, cun argumento que ten repetido hai tempo, preguntando se se estaba a facer algo para deixar de pagar. Pregunta contestada polo alcalde no sentido de que estaban á espera. Algo que polo que sei, podo dicir que como mínimo é incompleto.
O mesmo representante sacou a relocer o importante monto das multas por aparcamento en determiandas circunstancias, parece ser que a conto de que a el mesmo lle puxeran unha. 200 € por mal aparcamento en lugar non ORA. Ben, parece que a normativa e importes ven feita de xeito estatal polo seu partido (alomenos eso contestou o alcalde, non quedando convencido Eduardo Gutiérrez)
O subministro eléctrico ó polígono industrial foi a base da primeira pregunta de UPRi, sacando a relocer o alcalde o retraso da construcción da subestación e a lentitude en principio da compañía e a Xunta para os trámites.
Curiosa pregunta a seguinte. Resulta que para alugar bicis, pedíaselles o DNI, que quedaba na oficina de turismo, co que os ciclistas ían indocumentados. Algo que parece xa se subsanou, pasando a quedarse cunha copia do DNI.
A carpa do parque tivo a súa intervención diferenciada: 5 000 e do último custe son moitos cartos, pero negouse a viabilidade da compra porque hai que montala, desmontala, asegurala e conservala, e o concello non se ve capaz de facelo de xeito máis barato que o aluguer, a parte dos problems que representaría que ó ter o concello a posibilidade, todas as asociacións quixeran usala. A Mancomunidade está en mercar unha carpa, pero ise é outro tema.
A páxina web do concello centrou a primeira intervención de Campo Braña, pois está sen actualizar mesmo na composición dos plenos, por non falar de que o orzamento que aparece é do 2008, mentras que as novas que pon o alcalde aparecen periódicamente. E os novos medios, a segunda, pois pediu que a documentación previa ós plenos fora escaneada e enviada por correo electrónico ... pensei que ía dicir colgada na rede, pero iso sería demasiado.
Sobre o destino da Torre dos Moreno, e a conta das últimas declaracións do alcalde, Campo Braña pediu que se convoque ós grupos municipais para que decidan. Tamén neste caso pensei que ía pedir que se abrira un debate público en Ribadeo, pero tamén me equivoquei. A resposta do alcalde foi que a pesares do que saíra na prensa, non hai nada pensado sobre a Torre, incluíndo xunto a esta declaración de culpabilidade da prensa na comunicación un que 'nos collen en medio dunha historia complexa para explicar aquí'.
A obra do paseo das Aceas foi recepcionada. Unha volta establecido, unha pregunta sobre a 'Casa das algas', nome que parece será oficial: Pode usala calquera asociación?. A resposta é que en principio, si.
Outra pregunta do PP foi sobre o avance no tema das vidrieiras. O alcalde expuxo que a Asoc. Ponte dos Santos comunicoulle un próximo procedemento xudicial contra a empresa aseguradora. Contestou Campo que non valen excusas. E engado eu que parece que o tema desvíase polos cartos, sen responsabilidades ou proxecto de futuro.
Custe de apresar e mante cada res salvaxe (cabalos recollidos no monte, que xa tiveron unha primeira subasta para un grupo o mes pasado)? uns 225 € (a lembrar que a pasada adxudicación fíxose por 300 en conxunto)
Recadación por nultas na zona ORA? non hai datos aínda, pero falouse duns 800-900 € dende o 10N que se puxo en marcha, o que cubriría o aluguer o equipo, que 'entendín' que era o que se procuraba (o certo é que nesta resposta en concreto escoitábase abondo mal)[Nota de 20/1/2011: El Progreso apunta nun artigo que se recadan 1200€/mes].
M. Valín felicitou a E. Gutiérrez polo seu artigo 'Donde están las llaves?' a conto do albergue de peregrinos nunha pregunta difusa, que foi contestada no sentido de que que pasaba polo albergue xeraba gasto e poucos cartos deixaba en Ribadeo.
Valín pediu asemade a constitución dunha comisión para recoñecemento de José Calavera e a súa labor ó longo do tempo en relación á Torre dos Moreno, recoñecemento e comisión que podería extenderse a John Rutherford e que sen dúbida atoparía máis caso.