Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta novas concello. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta novas concello. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20230927

Novas do concello

    Sabido é que o concello de Ribadeo (igual que outros moitos) mantén un servizo de novas que distribúe ós medios para a súa difusión, ó tempo que as colga na web. Máis ben isto último con algo de retraso para dar avantaxe ós medios.

    O que as novas teñan un lugar na propia páxina web do concello permite facer análise dos datos. Mesmo sen meterse en temas como que unha nova poda ser o cambio de horario da biblioteca municpal mentres outra dá difusión á recepción dun deportista no concello ou outra máis avisa dunha actividade que se realizará. Por exemplo, ver a evolución das novas publicadas nos 100 primeiros días despois de constituírse o concello tras as eleccións, collendo varias eleccións. A isto corresponde a gráfica que deixo a continuación

    E, na gráfica vese un ascenso do número de novas emitidas polo concello nos 100 días posteriores á constitución da corporación. Algo que hai que matizar en varios sentidos.

    En primeiro lugar, o concello en conxunto, e o alcalde en particular, non só se comunican cos medios mediante as notas. Así como hai anos, de non emitir notas pasouse a que ese fora a forma preponderante na relación coa prensa, coido que en certa forma está habendo un retroceso no sentido de que as notas cada vez son máis de trámite.

    En segundo, as notas do concello dirixen a actualidade das noticias: non son só información senón tamén propaganda e orientación de ideas e miradas. A proporción dunha e outra cousas pode ser moi variable, a pouco que se vexa só o titular das novas. Pero é evidente que non todas as notas teñen o mesmo peso (e difusión).

    Xa en relación só ó número, e á vista do gráfico, hai que ter conta que hai un aumento dunha elección a outra, pero non debe enganarnos o feito de que o aumento sexa menor entre as eleccións de 2015 e as pasadas que entre estas e as máis recentes, pois foi nas de 2019 cando houbo unha diminución de membros da corporación e do equipo de goberno. É dicir, de posibles 'emisores de notas'. De feito, noutro gráfico poderíase ver que foi no 2015 cando máis aumentou o número de notas en relación ós cen días correspondentes do ano anterior (non que non tiveron lugar eleccións locais) mentres neste 2023 mesmo diminuiu lixeiramente o número.

    De calquera xeito, a vista do histórico dos números, coido que se poden facer varias previsións e/ou constatacións. Entre elas, que o número de notas emitidas polo concello, e polo tanto, a guía que dende a alcaldía se exerce sobre a opinión pública dos administrados, segue coa tendencia a aumentar. Ou que a relación entre notas emitidas, coas características de 'nota de prensa', documentos colgados na sede electrónica e outras novas sobre o concello -que dun ou outro xeito necesitan da colaboración da estrutura política ou administrativa do mesmo- segue a estar en mans de quen manda no pazo de Ibañez, aproveitando unha ou outra posibilidade ó seu chou. Ou que, en relación á formación da cidadanía, segue a dominar a idea de provocar seguemento sobre o exercicio da crítica e potenciación cidadá. Ou aínda que dar as novas xa feitas ós medios facilita o seu traballo ó tempo que os afai a unha certa dependencia. Entre outras.

20150401

Unha curiosidade: propaganda institucional en Ribadeo

Fai moita propaganda institucional o concello de Ribadeo? Aprovéitaa o equipo de goberno para facer propaganda partidista?
Son algunhas das preguntas que teñen relación coa propaganda institucional e ás que se ten dado resposta dende diversos puntos partidistas, tendo en conta que o servizo de xestión de novas foi contratado hai non tantos mandatos, e que a web do concello, onde agora tamén se publican, comezou aínda despois.
De cara ás próximas municipais, dun xeito ou outro, máis tenue ou máis claro, ha voltar saír o tema da propaganda institucional. Certo que os temas tratados nas novas do concello son do máis diverso, dende os de interese informativo ata os que se poderían clasificar de só propagandísticos, pero dende a intrusión dos estados nas comunicacións é algo popularmente coñecido que cada dato pode ser importante, pero que o conxunto de información xeral sobre os datos é tan importante como os mesmos datos. E unha das informacións sobre as novas, neste caso, pode ser o número de novas que se producen en cada momento. Tamén é certo que non só se producen novas do concello cando libera unha nota de prensa, pero o certo é que parece que hai unha correlación abondo boa entre ambas cousas, as notas do concello e o número de veces que sae unha nova relacionada co concello nun día determinado, ou mesmo coa frecuencia que sae a foto do alcalde.
Dende o 1 de abril de 2014 ó 31 de marzo de 2015, ambos os dous incluídos, o concello liberou 253 novas, ou sexa, 0,69 novas diarias, ou 1 nova cada 1,44 días. Boa parte dos días non houbo novas, pero outros houba ata catro.
Pero máis que a media, coido importante a distribución. E vese que antes das europeas hai un pequeno repunte, sendo o seguinte repunte a comezos do verán. E os descansos, xusto despois das europeas un anaco planiño, e outros dous antes das vacacións e despois das patronais. Por meses, xaneiro/febreiro son os de menor intensidade de novas.
O que pasará agora, de cara ás municipais, saberémolo pouco a pouco e só significará incrementar as gráficas un par de meses máis, aínda que poden dar indicacións máis valiosas.
Deixo embaixo as gráficas. A primeira, o número acumulado de novas de de o 1 de abril do ano pasado ata onte mesmo. As outras dúas, as novas que foro datándose día a día en dous formatos diferentes, para poder facerse mellor á idea entre tanto dato.



20091128

Novas do concello

Cada vez máis, parece que si, que a web do concello pouco a pouco vai subministrando unha ligazón entre adeministración e administrados. Aínda o comentaba hai pouco no blog. Hoxe atópome que case todas as novas de Ribadeo na prensa están recollidas en versión de notas de prensa na web do concello. Así, a revisión por parte de Intemac (quen non escoitou falar nunca de José Calavera?) das zapatas da torre dos Moreno, o destino do novo fondo estatal, o 'Plan E 2010', ou as obras en Porcillán, que parece que achegarán algo máis á historia o que agora é Porcillán (esperemos que de paso tamén eliminen o escalón da rampa que meteron as últimas obras alí) son todas novas que se poden consultar nas notas de prensa do concello. A outra que sae é a folga dos empregados da piscina, que, ó igual que os das outras piscinas mariñanas, reclaman en particular máis soldos (e seguen coa iniciativa de ofrecer papeles para que os asociados reclamen por non poder a usar a piscina nun tempo de abono).
Ben, si, está ben a comunicación concello-xente, que está aumentando, o mesmo que tamén (mellor aínda) o estaría que aumentara a xente-concello, e que na realidade vai moito máis lenta. A cousa é que neste aumento de novas rexido polo concello, a prensa pode meterse na boca do lobo pasando a ser unha sinxela correa de transmisión. Hai quen cree que esa correa de transmisión xa existe (ver unhas cantas entradas do blog Im-pulso, por exemplo) e está rexida por forzas maiores que as dos concellos do tamaño do de Ribadeo. Eu opino algo polo estilo, pero tamén que, aínda que me agrada esa conexión 'direta' de novas do concello, temo que, a existencia de sobrecargo de traballo nas redaccións e a chegada de información (ó fin é o cabo, 'pre-tratada') como a do concello poda chegar a unha manipulación (local) da información local. Cousas polo estilo e con máis profundidade e mellor ditas pódense atopar en diversos medios, dende blogs ata a mesma prensa, en artigos de opinión. Comentaba hai xa polo menos un par de anos no blog que case tódalas novas en Ribadeo eran relacionadas co concello, en xeral, coa política. Non variou o tema dende entón, pero si variou a influenza do propio concello nas novas.

20160105

Oito anos de novas do concello

O concello comezou coas súas 'novas' hai máis de oito anos. Hoxe ten 328 páxinas (a última só con 5 entradas, o resto con 6), o que fai 1967 'novas' dende o 24/11/2007, isto é, en 2984 días, 2 novas cada tres días, ritmo que se mantén, aumentando só moi lixeiramente: hoxe, oito anos longos despois, é un 'servizo consolidado' que axuda a perfilar o que aparece nos xornais sobre o concello, aínda que non o determinte totalmente, nin por parte do grupo e funcións de goberno nin naturalmente, tampouco por parte dos grupos da oposición.
En 2014 foron 262 notas emitidas polo concello á prensa, segundo a web do concello. En 2015 aumentou lixeiramente, ata 272.
Botando as contas doutro xeito, en todo o período que abranque a web do concello, de media fixeron falta 1,52 días para cada nota. A cousa foi collendo ritmo pouco a pouco, pois en 2014 saiu unha nota cada 1,38 días e en 2015 só fixeron falta 1,34 días. Un matiz necesario: un ritmo que tampouco é sempre mantido, pois no ano anterior, 2013, foron 286, unha cada 1,28 días.
Esta comparación hai que repetir que está feita seguindo a web do concello, axustando que dita web non ten todas as notas notas de prensa emitidas. Algo que se pode comprobar por comparación entre a web de prensa do concello e un blog que mantiven durante boa parte do ano 2008, 'Notas de prensa do Concello de Ribadeo', no que na mesma cabeceira especificaba que non era un blog oficial do concello. Publicación que din por rematada ao pouco de poñerse en funcionamento a nova web do concello, no que xa aparecían as novas de prensa (antes recibíaas por correo electrónico de alguén que as recibía de xeito directo)
Quede polo tanto unha tendencia aproximada: que pouco a pouco o número de novas do concello vai aumentando co tempo, aínda que como se pode observar nas gráficas, non se vexa demasidada diferencia entre unhas épocas (de maior cantidade de notas, que se poderían considerar 'campañas') e outras máis 'normais'.

20171231

Resumindo

Co ano rematado, é costume facer revisións diversas. Comezando por unha das que soo facer nestas datas, as novas do concello, o resume e comparativa anuais son estas:
1.Gráfico de novas do concello por ano, mais limitado ós anos nos que xa foi normal o seuuso. Así, pódese ver que hai unha tendencia ó aumento do número de novas do concello (lembremos, ás que saen para toda a prensa, non as novas xeradas no concello nin as metidas como tal polos periodistas), aumentando 5-6 por ano de media. O aumento de concelleiros pode dicirse que se nota nos dous últimos anos, pero de ser así, non habería un aumento anual xeral, senón só por aumento de concelleiros. a medio prazo, saberémolo.
 2.O número de novas do concello ano a ano, dende o comezo do sistema:
3.E os últimos catro anos detallados en número de novas diario, co axuste que nos di que este ano, cada dez días (festivos incluídos) xeráronse máis de 9 novas:
4.A táboa correspondente:

20220826

Sobre as novas do concello

    Nestes menos de oito meses que levamos de 2022 lévanse publicadas 275 novas polo concello. Iso significa que a estas alturas de ano, séguese a marcar máximos de emisión, con trinta máis que o ano pasado, que tamén foi ano de máximos.

    Polo momento, lévanse publicado tantas novas como no 2015, superando a anos como 2014, 2012 ou 2011.

    É dicir, a inflacción de novas tamén afecta ás enviadas polo concello, que vemos que se consolida como fonte produtora principal non só das novas que lle atinxen, senón en xeral, das novas que teñen lugar no territorio municipal. Iso implica cousas como o desprazamento nos medios doutras novas, como poden ser as xeradas polas asociacións veciñais, ou como a capacidade de dirixir e focalizar a atención sobre uns ou outros feitos dos que se producen, ou mesmo dos que se deixan de producir, entre outras consecuencias.

Táboa coas novas poblicadas polo concello anualmente.


20051024

Antenas, tamén en Ribadeo



Dúas fotos de antenas. Unha, en Ribadeo, cuberta e disimiulada como unha cheminea. Outra, en Tapia, a peito descuberto. Sinifica eso que en Ribadeo somos máis avanzados estéticamente? Significará que en Tapia non se molestan en disimilar as antenas? Significará que alguén quere pasar desapercibido para facer o que queira sen que ninguén se altere?
Cada quen que pense que queira, pero que pense, e que se de conta de que, aínda que as antenas non teñen por que ocultgar perigos, depende de como se poñan, a potencia que teñan, ... e debe darse toda a información dispoñible, o que en Ribadeo (coido que o teño demostrado en papeis presentados xavai tempo no Concello) non se está a dar.
--
Do vello blog:
Sobrepasado Outra vez en clave só ribadense, vexo o rápido que poden pasar as cousas e calquer intento de seguilas vai lento. O artigo anterior sobre a banda, que sairá aínda en La comarca o fin de semana (sábado, pasado mañá) xa está hoxe desfasado. Por que? É moi longo para o tempo que teño hoxe. O caso é que comezou o tiroteo entre os implicados direitos na banda. Novas variables que non tiran polo momento para arriba da formación. Mentras, a diretiva vai mandar unha carta ós socios non para anunciar unha asamblea, como esba previsto, senón para explicar a súa nova postura, que, segundo noticias, será o negar o novo convenio, despois de pedir unha solución ó Concello, que respostou con dito deocumento (...o certo é que, vivindo esto dende fora, seguramente haberá quen discrepe: nestes momentos, todo o mundo discrepa sobre alto, como se os feitos foran opinables, como se os feitos foran equivalentes a opinións ou posturas particulares ou colectivas, ...) en fin, continuará.
Thursday, May 20, 200411:05 p.m.
Un tema particular sobre Ribadeo: A banda e o seu momento actual Negra con puntiño Vai de música. Non se trata de ir coa música a outra parte, senón concervar e cultivar o que xa hai, sen desperdicialo sen vir a conto: música celestial en momentos de rock duro.
1.Introducción
1.0.Poñámonos en situación. Deixando á vista, achegada, pero a unha beira, a historia dunha formación que Hernán levou ó pano internacional, collamos a actualidade. Que temos en cada unha das partes implicadas?
1.1.Un convenio vello de dez anos entre Amadores e o Concello que estipula que a banda levará o nome de 'Municipal' e que actuará 10 veces ó ano para o Concello. A cambio, os músicos da Banda alumnos da Escola Municipal de música teñen matrícula gratuíta e o director será pagado polo Concello. O convenio leva unha cláusula de rescisión: cunha antelación de tres meses pode denunciarse e deixará de ter validez.
1.2.O Director da Escola é, segundo recolle o convenio e marca o contrato correspondente, Director da banda e dependente do Concello. Tras pasar un período de baixa, non se reincorporou aínda como Director da Banda (si está a facer as funcións correspondentes na Escola), estando outra persoa desenvolvendo ditas labores. Esta persoa remata o contrato o próximo mes.
1.3.A principios de curso establécese un contencioso co Concello por parte dunha exprofesora da Escola no que se reclama o pago de actuacións coa banda, dándolle a razón o xuíz en base a que tanto ella como o director dependían do Concello laboralmente, e a Banda ten asemade unha relación asimilable á contractual (o convenio) co Concello, levando o nome d eMunicipal. Non é a única persoa que actuou en circunstancias semellantes nos últimos tempos.
1.4.O estado da banda. Dende o fenecemento de Hernán, a banda tivo un director no verán, un director provisional o curso seguinte, un director definitivo (coincidente co anterior, o actual titular), un período sen director, substituído por un vello participante da banda, e outro curso que está a piques de rematar co director substituto xa citado. Os músicos parecen responder ó Director substituto e boa parte deles estar en confrontación co Director titular.
1.5.A Directiva de Amadores convoca unha xuntanza para propoñer un cambio no convenio, de xeito precipitado e misturado cunha proposta tardía e que sábese de antemán que terá a unanimidade: o nomeamento de Hernán como socio de honra. Na convocatoria non se da máis explicación da actualidade.
2.Hoxe
2.0.Nesta situación, o Concello bota os seus cálculos parece que a raíz da decisión xudicial e para evitar futuros problemas, e suxire o cambio do convenio.
2.1.O novo convenio proposto deixaría a obriga de 10 actuacións ó ano para o Concello e a Escola de Música paga para os músicos. Cambiaría o período de tempo necesario para a denuncia, pois é renovable de ano en ano. Cambiaría que a banda xa non levaría o nome de 'Municipal'. E cambiaría que en troques do pago directo do director, o concello asume o pago de 15.000 euros (2.500.000pts) ó ano a Amadores. De onde sae esta cifra? Básicamente dun cálculo polo alto de dividir en dous o costo do posto de bidirector e engadirlle unha porcentaxe para englobar posibles subvencións e aumentos, ou, de xeito alternativo, do cálculo das necesidades de presuposto para un horario de dirección de banda e ensaios, e un aumento por subvencións.
2.2.O novo convenio é apoiado pola Directiva de Amadores e a Concellería de Cultura, e nese sentido se presenta na asamblea de Amadores do pasado día 8 de maio.
2.3.Previsiblemente, o actual director en funcións da banda continuaría polo momento, tras estar en acordo coa Directiva de Amadores. De calquera xeito, o posto non sería fixo no sentido que non dependería do Concello e previsiblemente (aínda que non ten por que ser así) tería un carácter de contrato entre Amadores e unha persoa considerada autónomo.
2.4.O Director de Escola e Banda pasaría a ocuparse só da Escola. O seu trato pasaría a ser polo tanto de xeito único co Concello, coa súa variación de contrato correspondente ó cambio de funcións como algo no que non ten incumbencia Amadores, aínda que poda ser de interese xeral do pobo como contrato co Concello suxeito a un convenio de traballadores públicos.
2.5.Apréciase unha dificultade de comunicación entre as partes implicadas, de xeito que á Asamblea non asiste o Director titular da Banda nin o Director en funcións, persoas implicadas nas longas discusións que se manteñen e que fixeron que o pasado 8 de maio se tivera a Asamblea máis longa de Amadores. 3.E despois...
3.0.Poden estimarse varias posibilidades para o futuro segundo a aprobación ou non do novo convenio pola Asamblea de Amadores, ou mesmo de outras novas posibilidades de convenio.
3.1.De calquera xeito, e dado que ata o momento tanto a información previa como os tratos sobre o novo convenio son polo xeral escasamente coñecidos, sempre caben interpretacións diferentes da que eu faigo, se ben intentei poñer o exposto aquí en xeito de información o máis obxectiva posible.
3.2.E, antes de chegar a calquera consideración posterior, hai xente que trataría de presionar tanto ó Concello (principalmente) como a Amadores (por eso de que unha directiva de asociación, mentres non se amose o contrario, nunca fai abondo) para lograr deixar as cousas tal como ata agora, ou parecido. Nembargantes, parece que está pedido e a falta de ultimar trámites, concedido, a separación do posto de Director da Banda do de Director da Escola. Esto introduce un factor legal a considerar en calquera negociación, a parte das causas e situacións que se deran para ter chegado a esa división, e tendo en conta que por outra parte pode considerarse normal dita separación debido á carga de traballo de ambos postos.
3.4.Por último, é necesario un par de precisións: sendo socio de 'a pé' seguro que hai datos que descoñezo, máis outros que terán lugar entre o momento no que estou a escribir e a publicación, polo que sería convinte que quen teña máis datos que os de a coñecer, ou as explicación pertinentes, para ter unha visión completa da situación. E segundo, creo que eso debe ser o lóxico: a apertura dun debate do que esto só sería un prolegómeno escrito a voapluma. Por certo, o de negra vai por como ven algúns a situación, e o de puntiño porque moitas veces son as pequenas cousas as que permite a solución para as grandes, ás que lle dan o 'puntiño' e que non hai que confundir con 'dar a puntiña'. É dicir, unha alusión a que pretendo non ver 'negra' a situación, senon 'clara', e que non está rematada, senón esperando ser rematada por ese tempo extra que fai a nota ocupe xusto o necesario, nin menos, nin máis.

20201231

As notas de prensa do concello: 2020 e anteriores

   Aló polo 2007 poñíase en marcha de xeito experimental un mecanismo que se normalizou a partir do 2009. A publicación polo concello das súas propias notas de prensa. En realidade, a edición e publicaciń na web do concello foron contratadas cunha empresa, non sendo raro ver a noticia publicada nalgún medio antes que na propia web do concello. De igual xeito, as fotos adxuntas ás notas na páxina web teñen unha calidade abondo máis baixa que as que se envían ós medios. Iso fai que, cando se sinala algunha das notas aquí -e faise con frecuencia- as fotos deban ser complementadas por outras ilustracioóns se se quere unha certa calidade e é posible conseguilas: a definición que se usa de medios non parece incluír este blog. Polo demais, a comparación das notas de prensa e as novas publicadas admite diferenzas que moitas veces non pasan de ser cosméticas. Outra cousa son as novas conseguidas polos periodistas, que, ó non saír nas notas, non teñen esa referencia para comparar e seguen liñas que non teñen por que coincidir coas marcadas polo concello como sucede cando a noticia é o trasvase unha nota de prensa ó papel ou ás ondas.

   O caso é que as notas producidas polo concello (notas de prensa do concello de Ribadeo, sección 'novas' na web do concello) son máis ben notas de prensa do equipo de goberno, o que, falto de importancia nunhas, é manifesto nalgunhas outras. E que serven para marcar o rumbo da actualidade (ao menos, mediática, mais dunha amplitude moit máis xeral dun xeito máis tenue), como diversos estudos teñen analizado noutros lugares.

   O recorrido das notas de prensa foi aumentando co tempo. Nestes momentos, a falta dun día para rematar o ano 2020, levo contabilizadas 3611 notas de prensa emitidas polo sistema actual dende 2007, 335 delas este ano. Ano tras ano, pasado o 'período de proba' inicial, manifesta unha tendencia ó aumento lixeiro da frecuencia de emisión, como amosan os dous gráficos seguintes:

A curva tende a torcerse lixeiramente cara arriba


A gráfica indica a tendencia ó aumento do número de notas anuais: 7 notas máis cada ano.

   Claro que, ó anterior, hai que sobrepoñerlle que no mandato anterior houbo un número superior de concelleiros, e de concelleiros do equipo de goberno, explicando en parte ese aumento dos anos 2016 a 2019. En parte, pois vemos que o ano actual, aínda que baixou algo en relación ó anterior, segue estando en produción de notas por riba dos outros.

   A tendencia á alza pode observarse doutros xeitos. Por exemplo, o número de días do ano que se necesitou para pasar las 50 notas, e onde se apreza de xeito doado unha diminución:

   En canto á evolución dentro do ano, non hai moitas diferenzas dun ano a outro, se ben cabería axustar que, de non ser pola diminución de ritmo durante o confinamento, este ano volveríase marcar un novo fito no número de notas, polo que se apreza entre os días 100 e 140, aproximadamente:

Evolución do número de notas ó longo de cada ano. 2020 en verde escuro groso.
 
   En resume, durante 2020 o concello produxo 9 notas de prensa cada 10 días, incluídos fins de semana e festas, cunha tendencia a aumentar o número.


20151111

Mañá xoves, pleno

Por fin, un pleno anunciado na web do concello con máis de 48 horas de antelación. Colgado o anuncio ás 11 da mañá de onte, martes, coido que bate a marcade antelación de aviso de plenos na web do concello. Noraboa!
Non deixa de ser novidade tampouco a hora: ás oito e media da noite téñense celebrado poucos plenos, que tradicionamente son ás oito.
Certamente este pleno ten novidades. Por fin parece que se vai impulsar a sede electrónica en https://ribadeo.sedeelectronica.gal (o de https, é dicir, con sitio seguro, é de supoñer, aínda que non aparece así na nota de prensa). Non era sen hora, despois dun abandono da web só rachado por algún que outro aviso e as 'omnipresentes' novas da alcaldía/grupo de goberno (que non do concello).
O perfil do contratante debera implicar tamén unha mellora substancial para a transparencia do concello, ó dar aire ós procedementos de contratación da entidade. Aquí, dado que mal que ben, segundo palabras do alcalde, xa se usaba o perfil do contratante da Xunta, hai que expresar máis reservas, pois a tentación da opacidade está sempre presente, e os mecanismos administrativos ás veces parece que se fixeran para incumprilos ou non usalos.
O tema seguinte a tratar de seguro levará á sala algúns espectadores que non soen estar presentes. A ocupación das terrazas foi tratada no blog en diversas ocasións dende o xa o ano 2007 (1, 2, 3, 4, 5, ... n), mesmo a raíz de actuacións de O Tesón. Hai unha ordenanza, pero... parece que as contas de ocupación non saen, poderíamos dicir que pola picaresca dos locais tendendo a maximizar a concesión realizada. Sobrepasamentos semellantes de ordenanzas hai máis, pero quizáis este é dos que ven recibindo máis atención. Tamén se vai afrontar o aspecto das terrazas, o que se supón implicará unha mellora estética, en particular do verán ribadense.
A convocatoria descoñece o texto da moción do PP en favor da unión de España , "para a defensa do Estado de dereito e da Cohesion de España", pero non sería raro que houbera algún tipo de discusión sobre un tema que máis que legalidade estimo que debera implicar fortalecemento de relacións.
A outra moción, do PSOE sobre a sanidade universal, non creo que teña probelmas de ningún tipo, aínda que tamén supoño que o PP tentará a discusión para a defensa da postura do goberno central.
Así pois, máis, mañá á noite. Anímaste?
Embaixo, a nota de prensa do concello:
"
TAMÉN SE CREARÁ O PERFIL DO CONTRATANTE E A SEDE ELECTRÓNICA

Pleno, este xoves

10/11/2015
A modificación da ordenanza reguladora das terrazas hostaleiras será un dos asuntos que se abordarán no pleno ordinario do Concello ribadense convocado para o vindeiro xoves, 12 de novembro. O alcalde subliñou que "sexa compatible o uso por parte dos clientes das terrazas dos bares coa utilización da vía pública por parte dos viandantes", cousa que ás veces se complica.
O rexedor explicou que "para este vindeiro pleno ordinario, que se vai celebrar este xoves ás oito e media da tarde, hai varios asuntos importantes, algúns deles vinculados coas novas tecnoloxías da información e da comunicación, como é a idea do Concello de crear a sede electrónica para permitir o exercicio do dereito que teñen os cidadáns a relacionarse coas administracións públicas a través de medios electrónicos. Esta sede electrónica, baixo a url ribadeo.sedeelectronica.gal, vai ser accesible a todos os veciños e veciñas e a todos os cidadáns, sexan ou non veciños do concello, todos os días do ano durante as 24 horas do día. Con isto poderán facer tramitacións electrónicas e de xestión que ata agora non era posible. Só se podían facer indo en persoa á Casa do Concello, pero a partir de agora, unha vez que se poña isto en marcha nos próximos días, será unha realidade".
Outro dos asuntos que se abordará na sesión plenaria deste xoves é a creación do perfil do contratante: "tamén queremos crear un novo perfil do contratante; é dicir que o Concello de Ribadeo como órgano de contratación quere asegurar a transparencia e o acceso público na súa actividade contractual dun xeito claro para o cidadán, de tal maneira que neste perfil do contratante municipal debe constar a información de anuncios de licitación de obras ou servizos, de composición das mesas de contratación, de adxudicacións, de procedementos de adxudicación anulados, así como calquera outro tipo de información xeral sobre a actividade contractual do Concello que se considere pertinente. Nos últimos tempos xa había un perfil do contratante pero era prestado, da Xunta de Galicia, e é necesario que Ribadeo teña o seu propio", seguiu a relatar Suárez Barcia.
O alcalde de Ribadeo indicou que "tamén levamos para a aprobación inicial unha modificación da ordenanza reguladora da taxa de ocupación de terreos de uso público con elementos de finalidade lucrativa. É o que ten que ver coas terrazas. É unha ordenanza que nos últimos anos sufriu algúns cambios para adaptala e agora é necesario darlle unha volta a maiores, porque desde o goberno municipal e entendo que desde toda a Corporación pretendemos que haxa dinamismo, que haxa movemento económico a través do sector da hostalería, coas terrazas, e queremos favorecelo. Pero a mesmo tempo desde o Concello temos que garantir que eses dereitos non choquen coa libre circulación dos viandantes e dos peóns, que moitas veces practicamente parece que teñen que pedir permiso para pasar pola vía pública". Fernando Suárez engadiu: "e iso é algo ao que quixemos darlle unha voltiña na redacción da ordenanza, para o que tomamos como modelo exemplos de ordenanzas de cidades, como Lugo, Santiago, Xixón ou Avilés, e quixemos engadir algúns articulados no sentido de non limitar pero ao mesmo tempo indicarlle ao hostaleiro interesado que queira solicitar unha ocupación de vía pública que determine como se vai utilizar dentro dese espazo: cantas mesas e cadeiras se van poñer e como vai ser a forma. Porque moitas veces pídense uns determinados metros cadrados e ao final aí acábanse metendo un gran número de mesas e cadeiras e despois os clientes acaban ciscándoas por toda a vía pública. E iso non pode ser".
O rexedor ribadense considera que "hai algunhas circunstancias que fan necesario revisar, non para subir a taxa, nin moito menos, porque non se vai tocar o aspecto económico, senón para regular e ordenar para que sexa compatible o uso por parte dos clientes das terrazas dos bares, pero tamén a utilización da vía pública por parte dos viandantes. E tamén ten algunha modificación de cara a que as novas autorizacións terán que poñer uns elementos cunha certa estética, bastante homoxénea, non se van utilizar as mesas ou as cadeiras de propaganda de casas comerciais senón que, seguindo a estela de moitos outros concellos con cascos históricos e que queren ter a súa vila o máis bonita posible, teñan unha determinada estética. Ao mesmo tempo para aqueles que xa teñen autorizado e que igual fixeron un investimento dáse un período de carencia de 5 anos sen que se lles esixa que cambien o seu mobiliario para adaptalo con estas tonalidades e formas de madeira adecuadas para o caso de Ribadeo".
"

20170307

Acurtando prazos

Un día intrascendente, unha entrada intrascendente... Hai xa no blog varias entradas relacionadas coas estatísticas de novas xeradas polo concello. Esta podería ser unha máis. Cun dato claro: dende que entrou en funcionamento e consolidou o sistema de novas do concello, cada ano se necesita menos tempo para que se pase de 50 novas publicadas. Este ano, case un mes menos que hai dous anos.

É algo normal que cando un mecanismo se fai habitual, sexa usado de xeito máis natural, menos consciente, máis asiduo. Significa isto que se están a producir máis 'novas reais'? Non. Nin que as novas publicadas sexan máis importantes: só é algo que reflicte un mecanismo de habitude, de integración no sistema. Sinxelamente, un mecanismo ó que se recurre usándoo como xeito natural de expresión e control de datos, feitos, expectativas.
Hai tempo (oito anos) alertaba dun mecanismo que mete na 'boca do lobo' á prensa. Teño tamén posto comentarios de grupos de novas concretas, como estas tres producidas nun mesmo día, xa hai dous anos, que cualifico de propaganda, e non institucional. E contrastado coa trasparencia, a traverso das actas dos plenos que aparecen tamén na web do concello.
Tamén no blog teño comentado que quen establece a axenda de temas a tratar ten feito moito para que as cousas se faigan como queira, e as actas do concello son a tema pasado, pero as novas moitas veces se empregan para pre-dicir o que se tratará, ou contra-dicir outras informacións (non só negando ou contraargumentando, senón creando outra nova que mingue a importancia da que se quere contrarestar).
E, mentres, estamos acurtando prazos nunha información dirixida.

20161230

Unha nova do concello de Ribadeo por cada día de diario

A falta dun día para que remate o ano, xa non poden variar moto algunha estatísticas. Unha delas, a de notas de prensa do concello de Ribadeo. A estas alturas do ciclo anual, van 313 notas dende o un de xaneiro. Case unha nota diaria, quitados só os domingos.
A táboa onde se van poñendo o número de notas en función do ano é clara: houbo un ano de proba (unha soa nota), outro de adaptación (comezaron a editarse notas a mediados de ano) e logo, funcionamento normal, fase na que tras unha época de máis entusiasmo, baixou o número de notas para logo ir subindo dun xeito irregular.
Unha primeira gráfica, dende o comezo, representa a columna da táboa en vermello:
 Unha segunda gráfica coa tendencia unha vez establecida a habitude de publicación de novas, coa liña de tendencia (e a ecuación correspondente na parte inferior esquerda) que indica que, de media, cada ano que transcorre, o concello publica tres novas máis que o anterior:
Certamente, non é unha subida moi grande, pero é abondo como para que se deixe notar na gráfica e (algo que non se pode ver nas gráficas) como para que os medios sexan cada vez máis dependentes desa fonte de novas.
Dentro de cada ano, vai sendo cada vez máis distribuído o número de novas ó longo de cada semana, variando de menos días con máis novas hai uns anos a máis día con algunha nova. este ano resultou:
É dicir, aínda que o grupo maior de días é o daqueles nos que non houbo publicación, xa lle segue moi de cerca o grupo de 1 nota, e hai un solitario día con 5 notas (con 4 non hai ningún). Asemade, vese que a distribución ó longo do ano é abondo regular, quizáis máis aínda que os anos pasados:
Isto vese mellor na gráfica seguinte, só referida a este ano 2016, comparando coa liña de axuste. A maior diferencia atópase nas semanas posteriores ás festas, onde houbo un relax nas comunicacións, sen o que estariamos preto de unha nova ó día (de diario ou non)
 Quedaría por ver posibles influencias de feitos como as diversas eleccións no número de notas, pero iso, xa é 'para nota'.
--
Actualización: Despois de todo, o mesmo día 30 de decembro de 2016, o concello emitiu dúas novas notas. Claro está, non están contempladas nas táboas e gráficas presentadas aquí.

20180706

A torre dos Moreno e o concello: documentos

Comoqueira que estes días están a verse na prensa diversas novas sobre o futuro da Torre dos Moreno, deixo aquí un brevísimo resume do pasado e as notas que o concello puxo a disposición o día 4 de xullo a raíz da xunta mantida o día 3, deixando o dar a miña opinión para outro momento:
A.Resume:
Dende hai varios anos, Paisajes de Asturias ten mercado pouco a pouco a maioría da propiedade. Hoxe, o concello ten unha parte minoritaria que ademais estivo documentada de xeito deficiente, e outra parte, a máis pequena segue en mans de descendentes de emigrantes dispersos por sudamérica. A Torre necesita de conservación e hai xa máis unha década que se comezou con algún traballo para atallar as necesidades máis urxentes cara a evitar a súa caída. Os custes xuntáronse ás técnicas necesarias para unha rehabilitación integral como impedimento para facer posible o futuro da torre. O concello comezou un proceso para poñer en claro a súa propiedade e, no medio, pasou o centenario da Torre dos Moreno sen celebración.No medio tamén, novas coma esta do 2011 do El País: "La incierta vida de la Torre dos Moreno. Una firma asturiana se hace con la mayoría del inmueble de Ribadeo y planea rehabilitarlo antes de 2015" (pola metade do orzamento previsto polo arquitecto encargado das rehabilitacións previas, Ernesto Cruzado)
B1.Nota de prensa do concello.

A REHABILITACIÓN DO EDIFICIO É MOI COSTOSA
Torre dos Moreno
04/07/2018
O Concello segue a dar pasos para a busca dunha solución definitiva para a Torre dos Moreno. A proposta adoptada nas últimas horas pola xunta de goberno, e explicada aos voceiros municipais, consiste na permuta da parte da propiedade municipal (o 21,25%) por unha edificación situada na praza de Abaixo, a carón do Cine Colón. Dito inmoble entregaríase ao Concello rehabilitado e a el trasladaríase o xulgado de paz de Ribadeo.
O alcalde, Fernando Suárez, explicou que "onte demos varios pasos para a busca dunha solución definitiva, legal, posible e segura para a pervivencia da Torre dos Moreno, como un dos emblemas mais salientables de Ribadeo e con unha seguridade e un ornato público que disipen os problemas de seguridade que pode ter a futuro de persistir nesta situación de semi ruina".
Para o rexedor "hai ter en conta que o Concello só é propietario dunha parte minoritaria da Torre dos Moreno, un 21,25%, correspondendo a parte maioritaria, un 60%, á empresa Paisajes de Asturias. Desde hai anos estivemos traballando nunha saída razoable con esta titular maioritaria, polo que despois dun complexo expediente instruído e informado nos últimos meses coas aportacións dos técnicos e xurídicos municipais, a xunta de goberno aprobou unha serie de medidas encamiñadas a dar a mellor saída posible a este reto que temos desde hai anos".
Suárez Barcia relatou que "a proposta adoptada, que onte foi explicada tamén aos voceiros municipais polos técnicos do Concello, supón varias situacións. Por unha banda, a permuta da parte da propiedade municipal por un inmoble situado na Praza de Abaixo, a Carón do antigo Cine Colón. Este inmoble entregaríase ao Concello rehabilitado e a el preténdese trasladar o Xulgado de Paz de Ribadeo, despois que non fructificase acordo algún coa Xunta de Galicia para que nos axudase a rehabilitar o actual, tal e como nos demandan desde hai tempo os sindicatos de funcionarios da administración galega. Esta permuta conta co informe favorable dos técnicos e xurídicos municipais posto que o importe entre o aportado e o recibido é favorable ao interese público municipal".
E engadiu: "e por outra banda, darase conta á Xunta de Galicia por se, en atención á Lei de Patrimonio de Galicia, esta quere exercer os seus dereitos de tanteo e retracto por se quere asumir a parte da propiedade municipal, dado que ela (a Xunta) si que ten infinitamente mais recursos económicos e competencias legais para facerlle fronte á conservación e uso desde edificio. Outras posibles saídas como a adquisición total da Torre dos Moreno ou mesmo a colaboración na súa rehabilitación integral coa nosa porcentaxe de participación foron sendo descartadas por motivacións de desproporción económica e por cuestións de legalidade".
O alcalde ribadense subliñou: "hai que ter en conta que unha valoración aproximada do custo de rehabilitación integral suporía uns 5 millóns de euros, o cal sería comprometer toda a inversión municipal durante moitos anos para funcións que non son propias para un Concello nin útiles para os veciños. A opción de participación na rehabilitación na parte que nos correspondería (21,25%) superaría o 1.000.000 euros e supoñería investir fondos públicos a un ben de natureza maioritariamente privada cando a porcentaxe do Concello son partes proindivisas de todo o edificio, polo que tampouco se podería obter ningún rendemento destas inversións (polo menos nun período razoable de tempo, e estando a expensas das condicións da parte propietaria maioritaria)".
Fernando Suárez dixo: "estamos seguros que calquera das saídas que se poidan propoñer, xerarán debate e controversia, ideas de todo tipo, etc, etc. Pero aquelas persoas que temos a representación pública dos veciños temos que atender sempre a garantir o mellor interese público, xunto coa salvagarda da seguridade pública, algo que a día de hoxe non está garantida. Queremos polo tanto que iso mude e que a Torre dos Moreno poida estar rehabilitada e segura nun curto período de tempo".
Esta nota de prensa ía acompañada en teoría, na web de dous documentos:
B2.Certificación do acordo da Xunta de Goberno

B3.Proposta da alcaldía (maio 2018)
O segundo documento dispón dunha ligazón na web, http://ribadeo.gal/actualidade/nova.php?id=2805&lg=gal que non está operativa, e polo tanto non se pode descargar, pero que espero que pase a estalo nalgún momento. Tentando procurala pola rede, non aparece tampouco. Se a logro, poñereina aquí...
--
O acordo, noutras plataformas:

Acordo de Xunta de Goberno para a Torre dos Moreno (20180703) by Antonio Gregorio on Scribd


20231207

Inflación... de notas do concello

Inflación... de notas do concello

    Non é a primeira vez que teño comentado non unha nota de prensa do concello, senón o uso desas notas. Con referencia a Ribadeo, por ser o que teño máis a man, pero sendo consciente de que é unha vila máis das que manifestan un fenómeno que se foi estendendo. Notas moitas veces empregadas, de xeito consciente ou non, máis para dirixir a atención da xente que para informar. Atención que se toma desviándoa doutros temas que poden resultar inconvenientes ou capturándoa para resaltar asuntos concretos máis convenientes ós intereses de quen as emite.

    Para estudar un pouco o tema, hai anos que levo unha pequena estatística. Datos que o día 1 de decembro chegaron a outra marca. Ese día bateuse o anterior máximo de número de notas emitidas polo concello nun ano, desde que foi comezado a usar o sistema, aló hai algo máis de tres quinquenios. E aínda quedaba un mes para rematar o período anual de 2023. Unha tendencia á alza que se ve reflectida na imaxe que se atopa dende hai pouco tempo ó entrar na páxina web do concello, que asigna un espazo máis significativo ás novas producidas que a anterior versión.

    Con só dous gráficos, aparece ben clariño que dende 2007/2008, anos de proba do tema, a tendencia foi a emitir cada ano máis notas, con poucos retrocesos. Nun, representando o número de notas por ano, vese que o 2009 déronse a razón de 0,76 notas diarias (un total de 278), que pasaron a ser 1,16 notas diarias no 2022. Este ano, a 1 de decembro, totalizaran xa o mesmo número que o ano anterior, 425. Isto é, máis de 1,27 notas diarias, contabilizando os días naturais, non só laborais. Ou, visto doutro xeito, superando o aumento a porcentaxe de inflación anual, que este ano non foi das pequenas.

    De calquera xeito, mirando o outro, o gráfico que compara a evolución dentro de cada ano, podemos observar que a correspondente a 2023 ten dúas partes diferenciadas. Unha primeira, con máis inclinación da raia, e unha segunda con algo menos (hai unha terceira parte, horizontal, polo tempo que falta de ano). Iso indica que o aumento anual ven dado polo aumento da primeira parte do ano, mentres na segunda, polo momento, mantense a un ritmo semellante ó do ano pasado. Algo polo estilo sucedeu no 2019, tamén ano electoral, aínda que o cambio no goberno foi menor ó continuar a mesma formación na alcaldía. Así que supoño que o cambio no concello, e o afacerse a estas cousas, terá algo que ver.

    De seguir o ritmo actual, Ribadeo remataría o ano cunhas 460 notas de prensa emitidas, unhas 35 máis ca o pasado ano. 460 intervencións que constitúen parte substancial das novas relacionadas co concello que aparecen nos medios. Mesmo parte substancial das novas de calquera cousa relativa a Ribadeo. Notas que, vía difusión nos medios, reclaman e dirixen boa parte da atención dos ribadenses.

Datos a 1 de decembro

Datos a 1 de decembro

20211231

As novas do Concello no 2021

    Entendo que a mensaxe do alcalde polo fin de ano é a última nova deste ano 2021, como o foi nos anteriores, polo que xa se pode sacara a estatística do ano completo no que a emisión de novas do concello de Ribadeo se refire.

    Este ano batiuse a marca anterior, sobrepasando por primeira vez a media de unha nova por día, pois quedou en 1,055 novas por día (é dicir, unha nova 'de máis' cada 20 días), cun total de 385 para os 365 días. As gráficas:

    A primeira, como foi evolucionando o número de novas emitidas polo concello en relaicón coa liña que daría 1 nova/día. Vese que a frecuencia baixou cando as restricións do coronavirus da primavera.

    A segunda a comparación da evolución das novas des te ano (liña verde craro máis grosa que as outras) en relación a anos anteriores:

    E por último, a evolución do número de novas ano tras ano dende que se 'normalizou' no ano 2009 (2007 e 2008 foron 'de proba'), onde se ve que de media, cada ano emítense 9 novas máis que o anterior, e que en só tres anos dos doce considerados vbaixou o número en relación ó ano anterior:


 


20150414

Tres propostas, ou tres informes?

Unha das funcións que pretendo co blog -non sei se a cumpre ou será demasiada presunción- é a formativa. Non tanto en canto a formación de opinión como formación para poder opinar.
O caso de hoxe iría nese sentido. O día un deste mes, logo hai xusto trece días, publicaba unha entrada sobre a propaganda institucional do concello, titulada precisamente así: "Unha curiosidade: propaganda institucional en Ribadeo". Daquela poñía que no ano anterior a contar xusto dende o día antes, publicárase unha nova no blog do concello cada 1,44 días. Nestes trece días, a cousa foi unha nova cada 1,08 días (12 novas en 13 días). Como alí dicía, achéganse as eleccións, e o certo é que trece días non fan fe, son demasiados poucos para marcar unha tendencia continuada preelectoral. Hai que dar unha marxe de confianza ó concello.
Outra cousa diferente é a análise das novas. Vexamos as tres de onte:
"O REXEDOR ASISTIU ONTE Á FESTA DOS COMERCIANTES
Novos desafíos e retos"
"O ALCALDE ENTREGOULLE UN AGASALLO
Veciño centenario"
"SOFREN GOLPES DOS CAMIÓNS DA RECOLLIDA E DE PARTICULARES
Suxeitacontedores"
As dúas primeiras, con fotos do alcalde.
Entendo que o blog do concello e o servizo de novas do concello deberan ser informativos, formativos, de propostas... E non de propaganda institucional. Coido que onte o servizo non se podía cualificar de propaganda institucional, senón de propaganda persoal. Nin propostas para a cidadanía nin información, senón propaganda, e non institucional.
Pode cambiarse? Debe. E deberamos esperar que así fora.
Deixo embaixo tres fotos. Unha, dunha acción do concello: a posta de tutores na plantación da costa no Costal. Outra, máis ben unha deixación: un rexistro moi recente de auga nas parroquias, xa machacado (por como está posto). A terceira, a vista de Vilaselán entre a neboeira onte pola mañá, nin positiva nin negativa: algo que pasou alleo a nós (e ó concello).


20201110

Ribadeo : licenzas á carta

Ribadeo e a Illa Pancha nun mapa de 1880

 

Nota de prensa de Por Nuestro Faro

Ribadeo : licenzas á carta

   O concello de Ribadeo ven de dar unha nova versión do procedemento de concesión de licenzas que contradí abertamente as reiteradas declaracións, respecto das licenzas concedidas para os apartamentos e o novo proxecto de cafetería na Illa Pancha.
    Segundo a versión anterior as licenzas son procedementos regrados e o concello ten que concedelas si ou si, dentro do regulamento. Segundo a versión actual o concello pode poñer “unha serie de esixencias administrativas” que leven ao promotor a desistir do proxecto. E isto lévanos de novo á motivación do noso recurso contra o proxecto da nova cafetería e á resposta do concello respecto dos informes do Defensor del Pueblo.
   Aínda que xa é coñecido lembraremos brevemente os trámites deste procedemento.
1º.- En maio de 2019 a empresa concesionaria da explotación turística da Illa Pancha presenta no concello un novo proxecto de cafetería nos antigos garaxes do faro. O concello mantén o segredo mais absoluto ata xaneiro de 2020 que aparece na prensa.
2º O colectivo “Por nuestro Faro” solicita o acceso ao expediente e xorden novas “disposicións administrativas” que nos impiden exercer ese dereito ata xuño de 2020. Mentres tanto tramitase o expediente perante o período de confinamento e a Xunta de Goberno aproba a licenza de obra o 18 de maio.
3º Por Nuestro Faro presenta un recurso ao abeiro dos 6 informes do Defensor del Pueblo que pedían un Estudo de Impacto Ambiental Simplificado para avaliar os efectos do proxecto, dacordo ca normativa vixente para protección da Rede Natura 2000. Lémbrese que a A. Portuaria acabou aceptando a realización do Estudo de Impacto Ambiental simplificado pero non se chegou a realizar.
4º O concello resposta que as licenzas teñen un procedemento regrado e que neste novo proxecto non procede aplicar os criterios do Defensor.
   Obsérvese o criterio político, que non administrativo para decidir cando se aplica unha norma ou outra ou se segue sen aplicar unha norma que nunca se aplicou. Os informes do Defensor van dende o 17 de febreiro de 2017 ata o 10 de outubro de 2018, pero nen a Autoridade Portuaria, nen a Xunta de Galicia, nen o concello de Ribadeo deron unha resposta coherente en dereito con argumentos xurídicos. En realidade non deron ningunha resposta que non fose a negación da evidencia. A última resposta da Autoridade Portuaria comprometíase a realizar o Estudo Simplificado pero non se levou a cabo. Caese do seu peso que se ese estudo era preceptivo para os proxectos anteriores, como así o recoñeceu a Autoridade Portuaria, con mais motivo o será cando se engaden novos proxectos e actividades que non foron avaliadas anteriormente. E segundo este criterio poderíanse seguir engadindo novas obras e proxectos obviando calquera avaliación.
    Aínda máis, seguen incumpríndose as condicións da licenza de apertura, como a non apertura la porta da Illa Pancha ao público en xeral, segue sen aclararse a situación da fosa séptica, a normativa ambiental e as promesas feitas pola alcaldía, como temos denunciado outras veces.
    En resumen o Concello de Ribadeo prescinde dos informes do Defensor de Pueblo para a concesión de determinadas licencias seguindo criterios políticos e non administrativos e declara que as licencias seguen protocolos regulamentados, pero non sempre.

20160401

Un novo pleno baleiro (de xente, non de contido)

Como manda a costume e o impón o xeito de facer as cousas, o martes houbo un pleno no que asistiron de público catro persoas, periodistas incluídos. Non debía de ser moi importante, pois total, só se trataban cousas de pouca monta como o orzamento municipal.
Por partes. O documento que apareceu na web do concello dando difusión á convocatoria do pleno de martes 29 de marzo de 2016 teno tempo de colgado na rede en 'Lun 28 Mar 2016 21:01:21 CEST'. Tendo en conta que o se comezo eran as 20:30 do día seguinte, menos de 24 horas de antelación 'con nouturnidade'. De calquera xeito, aínda que non se chegue ó recomendable, representa unha mellora sobre o xeito de facer as cousas tan só un ano atrás, onde dita difusión non existía máis aló dun papel perdido no taboeiro do concello.
Por certo, como pequeno comentario: hai xusto un ano outro pleno modificaba outra vez a ordenanza municipal da praza de abastos. E hai ano e medio, outra vez. A pobre debe estar xa mareada.
A convocatoria estaba incluída nunha nova de difusión do concello:
"

Novas

Foto Concello
A SESIÓN DARÁ COMEZO ÁS 20:30 HORAS

Pleno ordinario

28/03/2016
No pleno ordinario que se celebrará mañá, martes, no Concello ribadense someterase a aprobación o presuposto municipal para 2016 que ascende a 9 447 000 euros, o que supón un incremento do 4% con respecto ao do ano pasado. Nos orzamentos destínanse a investimentos reais 1 767 000 euros, segundo explicou esta mañá o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor sinalou que á sesión de mañá "van varios asuntos de interese municipal e dos mais transcendentes pode ser o presuposto municipal para este 2016, que ascende a 9 447 000 euros. Sofre un incremento do 4% con respecto ao do ano pasado e no que hai que destacar que en materia de ingresos de impostos directos e indirectos seguen sen experimentar subidas mais aló do que ten que ver co IBI, mais aló da regularización que levou a cabo o Ministerio de Facenda, a través da Dirección Xeral do Catastro, derivadas de unidades que non foran declaradas anteriormente polos seus propietarios. E hai outro incremento, que é o do imposto da plusvalía, non porque subiramos os ratios nin as taxas nin as porcentaxes, senón motivado por un maior movemento que se está a experimentar nos últimos tempos nas compra vendas de bens inmobles aquí en Ribadeo".
Suárez Barcia indicou que "no que ten que ver co gasto e coas transferencias correntes incrementan un 7,85% para transferencias a distintas áreas como pode ser educación, servizos sociais, medio rural, cultura, deportes, turismo, etc… e no que ten que ver cos investimentos reais ascenden a 1 767 000 euros. Mantemos o nivel de investimentos do ano 2015 e destacan para este ano as partidas para a anualidade da residencia e para as obras de reparación de rúas da Área de Rehabilitación Integral de Ribadeo, e tamén doutras actuacións importantes en obras e asfaltado en rúas e camiños, en mobiliario urbano, en instalacións deportivas, etc".
O alcalde subliñou que "tamén neste ano contemplamos, e esperemos que sexa de inicio nada mais, a posible concertación dunha operación de crédito bancaria para facer fronte, si é preciso, para financiar a construción da residencia, desa parte non comprometida inicialmente polo Concello, si comprometida por algunha outra administración como a Xunta, que a día de hoxe nin está nin se lle espera, si o compromiso da Deputación Provincial de Lugo, pero en tanto non teña aprobados os seus orzamentos obríganos ao Concello de Ribadeo a concertar esta operación de préstamo que inicialmente establecementos en 550 000 euros. Si efectivamente a achega da Deputación despois chega esta operación cancelaríase e quedaría amortizada, pero en todo caso é boa cousa prevela porque queremos que a residencia se acabe con toda normalidade". E engadiu: "e relacionado con isto último destacar que se reducen os xuros da débeda bancaria que había no pasado, porque hai anos que non se pide préstamo algún e reduciuse o 64% por vencemento de préstamos, é dicir remataron a súa vida aínda que foran solicitados hai anos. Durante estes últimos anos estivemos pagando e reducíronse moitísimo e iso nos da capacidade de certo endebedamento, que tentaremos que sexa o mínimo posible, por suposto".
Na sesión ordinaria de mañá, 29 de marzo, ás 20:30 horas tamén se someterá a aprobación a modificación puntual de varias ordenanzas: "propoñemos as modificacións puntuais de varias das ordenanzas que temos. No que ten que ver coa nosa compañeira Luz, que é a concelleira encargada da escola de música, prevé a modificación da ordenanza deste centro para incorporar varias posibilidades formativas, como poden ser os obradoiros de instrumentos para alumnado de 6 a 7 anos ou mesmo, en vista da demanda que está a ter como complemento da música tradicional, tamén se quere propoñer a creación da materia de percusión tradicional, así como a ampliación de catro a cinco cursos académicos das materias de danza moderna e de ballet clásico; por outra banda, a concelleira de Sustentabilidade Ambiental, Paz Ermida, propón a modificación da ordenanza vixente de medio ambiente, que data do ano 2006, para a creación dun espazo exclusivo para o esparexemento, para o lecer e para o baño de cans, que ao mesmo tempo teremos que sinalizar axeitadamente".
Suárez Barcia dixo que "na actualidade hai un grande número de persoas no concello que teñen un can como animal de compañía e sabemos que teñen restrinxido o seu acceso a moitas zonas, como espazos públicos, e entón desde o Concello somos sensibles a unha demanda crecente e estivemos nestes últimos tempos a traballar na habilitación dun espazo que fora utilizable para estes potenciais usuarios e ao mesmo tempo que garanta o cumprimento das condicións hixiénico sanitarias para a poboación de Ribadeo. E o espazo que eliximos como área exclusiva de esparexemento e lecer para os cans atópase situado debaixo da Ponte dos Santos practicamente, indo para o Cargadeiro nunha baixada cerca da primeira pilastra da ponte, que é un lugar moi pouco concorrido e por esas condicións parécenos axeitado como un primeiro espazo público para que os donos de cans poidan estar con eles alí con total normalidade e ao mesmo tempo que non molesten noutros espazos, singularmente noutras praias. Tivemos varias posibilidades e inicialmente decantámonos por esa, sen prexuízo de que no futuro se poidan estender a outros emprazamentos".
Ademais "hai outra ordenanza na que a nosa compañeira Ana Martínez, a concelleira da praza de abastos, do mercado e de Desenvolvemento Local, pretende facer pequenas modificacións: é na da praza de abastos e dos mercados en xeral, dado que ultimamente hai novas tipoloxías, modificacións de mercados e de postos, polo que hai unha suma de pequenas cousas que debemos ir facendo para adaptarnos aos tempos e que os mercados e a praza de abastos de Ribadeo estean cunhas ordenanzas modernas, dinámicas e flexibles", seguiu a explicar o alcalde ribadense.
E finalmente "como outro punto neste pleno prevense unhas modificacións da Relación de Postos de Traballo (RPT), que son uns cambios moi pequenos, moi concretos, moi puntuais derivados basicamente do que ten que ver co posto de traballo do xefe da Policía Local, en cumprimento dunha sentenza que indica o deber de subsanación das deficiencias no tocante ao seu complemento específico; por outra banda, a consignación económica do posto de Tesourería, dado que foi incluído polo Ministerio de Facenda hai moi poucos meses no concurso estatal reservado a funcionarios de habilitación estatal precisamente e como ata agora sempre estivo vacante debémolo consignar por este requirimento legal. E ao mesmo tempo tamén queremos facer unha pequena reordenación das funcións do posto de ordenanza municipal e a adaptación a outra praza similar, neste caso diminuíndo as retribucións do posto en cuestión", concluíu o alcalde.
"
Como se ve, a nova remata cunha longa cita do alcalde.
Despois do pleno, outra nova cun título que expresa ás claras os puntos importantes do pleno, e como non, remata con outra cita do alcalde (despois de ser outras citas o groso do texto, como no caso anterior). Por certo, aparecen aclaracións: o alcalde asegura que os partidos recibiron hai 11 días a documentación do orzamento, e iso porque no pleno queixáronse de non ter tempo a leela, e por iso as abstencións que houbo:
"

Novas



RIBADEO CONTARÁ CUN LUGAR DE BAÑO PARA OS CANS

Orzamento para 2016

30/03/2016
No pleno celebrado onte no Concello foi aprobado o orzamento municipal para 2016 que ascende a 9,5 millóns de euros. O alcalde, Fernando Suárez, asegurou que os partidos da oposición recibiron hai 11 días a documentación correspondente e cualificou de rechamante a súa actitude. O rexedor considera que si tiveron problemas coa recepción por correo electrónico da información puideron dirixirse ao Concello e consultar en formato papel dita documentación.
Suárez Barcia dixo que "foi un importante pleno este ordinario que celebramos onte á noite, no que se abordaron unha serie de puntos importantes para Ribadeo. Eu penso que todos son importantes, pero hai un que destaca, que é o orzamento do Concello de Ribadeo, que neste ano ascende a practicamente 9 millóns e medio de euros, o cal supón un aumento dun 4,03 por cento. Cóbrense investimentos importantes que nos afectan a todos, tanto á xente que vive nas parroquias como á que reside na vila. Hai que ter en conta que cubrimos practicamente 1 800 000 euros de investimentos reais, que son financiados con recursos propios do Concello e con outros procedentes doutras administracións. Son para poder manter e repoñer nas distintas áreas do concello con obras de asfaltados en rúas e camiños, en mobiliario urbano, instalacións deportivas, etcétera, aparte de todo o investimento que queremos seguir mantendo en servizos sociais, en cultura, en deportes, en igualdade, etcétera".
Sobre a actitude mantida polos partidos da oposición na sesión plenaria dixo "debo destacar que é un pouco sintomático que estes puntos outros anos sempre daban lugar a debates, pois é lóxico que a oposición a veces queira expoñer os seus argumentos e contrastalos, o cal nos parece moi ben, pero este ano é un pouco rechamante que a maioría da oposición dixo que non recibira ben o correo electrónico con esa información e que polo tanto non o podía debater. Eu quero dicir que toda a documentación que se manda a través dos procedementos electrónicos chegou 11 días antes da celebración do pleno e se houbo algunha incidencia tiveron tempo para vir comunicarllo ao funcionario responsable dos envíos; e en todo caso, máis aló dos envíos a través dos correos electrónicos, sempre obra na Secretaría do Concello unha copia en papel e todos os expedientes, como todas as Corporacións e todos os gobernos anteriores foron facendo ao longo da historia, xa que antes non se mandaban as convocatorias nin a documentación por correo electrónico. Agora, por unha deferencia, faise, pero desde logo se alguén non as recibe pode comunicalo porque se mandan con moita antelación. Varios grupos da oposición abstivéronse, non quixeron votar a favor deste orzamento, pero non por discrepar con el nas cifras ou polas liñas de traballo, senón porque dixeron que non recibiran o correo electrónico 11 días antes".
O alcalde indicou que "este presuposto acaba de nacer, pero afortunadamente hai unha parte que tíñamos comprometida a través dun préstamo bancario, que en función destas noticias positivas para a provincia, e tamén para Ribadeo, de que a Deputación Provincial no día de onte aprobou o seu orzamento anual, entendemos que o compromiso que o goberno provincial do PSOE e do BNG con Ribadeo para asumir aquela parte que case toda a Corporación, non toda lamentablemente, lle pedíramos porque se a Xunta non facía fronte ás súas responsabilidades e aos seus compromisos de financiar aquela parte de 500 000 euros para rematar a residencia de maiores si o faría a Deputación. Como finalmente no día de onte o organismo provincial aprobou o seu orzamento, confiamos e entendemos que nos próximos días se fará un convenio para garantir economicamente ese compromiso político con Ribadeo. E así o Concello de Ribadeo non terá que acudir a un préstamo externo para poder sufragar esa cifra".
Fernando Suárez manifestou que "hai que ter en conta que nestes últimos anos, e así se reflexa no orzamento deste 2016, os xuros da débeda con entidades financeiras reducíronse un 64 por cento; por unha banda polo vencemento dos préstamos, dado que hai anos que non se piden, e por outra banda pola tendencia á baixa nos tipos de xuro para as operacións que están aínda en vigor de anos atrás. Pero con todo, con esta boa noticia da Deputación o nivel de endebedamento crediticio non sufrirá aumentos, senón todo o contrario".
O rexedor dixo que "na orde do día foron aprobados de xeito unánime ou case unánimes, tanto a modificación da ordenanza municipal medioambiental na que contemplamos un espazo para esparexemento e baño para os cans. Empezaremos cunha zona moi pequeniña situada debaixo da Ponte dos Santos. Se iso funciona ben igual poderíamos crear outras zonas, pero de momento empezamos por aquí. Tamén foi para adiante a modificación da ordenanza reguladora da praza de abastos, mercadiños e venda ambulante e por unha ampla maioría se aprobou a modificación da ordenanza da escola de música para prever algunha nova incorporación de servizos, aumentar algún curso no que ten que ver con baile moderno e ballet, percusión tradicional e algúns outros cursos e obradoiros demandados pola cidadanía. Non hai que esquecer que esta Escola de Música de Ribadeo da servizo a más de 300 alumnos e é un orgullo para Ribadeo e para Galicia contar con ela".
Suárez Barcia engadiu que "dentro do apartado de rogos e preguntas que fai a oposición moitos deles con total fundamentación como poñer algúns espellos que faltan, amañar algúns camiños que non están ben dos que tomamos boa nota sobre todo nun acceso a Ribadeo que depende do Ministerio de Fomento, na rotonda da Opel, que se fixo hai uns meses un corte e que a reposición non está correcta, e desde logo xa dimos conta ao Ministerio de Fomento desta incidencia". E tamén se referiu "a estas incidencias que se dan no polígono industrial de Ribadeo a conta dos fallos de telefonía de Movistar, no que lles comentamos aos corporativos que hai moi pouquiños días por parte desta operadora se nos  asegurou o compromiso de resolver dunha vez por todas esta incidencia e que os máximos responsables a nivel galego ían vir aquí a dar a cara diante de todos os usuarios e empresarios do polígono industrial de Ribadeo".
"
Polo que me contaron (non asistín), debeu de ser un pleno realmente curioso [non sei como non vai máis xente para observar as curiosidades] que mesmo tivo un receso que foi ofrecido para que o membro dun partido clarificara as ideas en relación a unha proposta do propio partido, chamando a quen correspondera. Os orzamentos non tiveron discusión, cousa inédita aínda tendo maiorías absolutas o equipo de goberno, e que é reseñada na glosa do alcalde.
E, despois das verbas do alcalde... nada máis que dicir.