20220404

Botín de guerra

    Procuro non mirar constantemente as novas da guerra. Tentar desactivala no que poda, edificar a paz, si, pero absorber unha tras outras as miserias humanas que se manifestan nunha guerra é nocivo, é instaurar a guerra no noso propio corpo, no noso propio ser. Aínda así, de cando en vez escoito ou paso os ollos por diante de noticias de guerra. Non de partes de guerra, senón en xeral. E non de calquera guerra, que a guerra coa que nos están bombardeando agora ten unha serie de nomes asociados: Ucraína, Putin, Rusia, Zelenski... Para min, ten xa un nome máis: muller.

    As atrocidades diversas de tódalas guerras impactan, e tentar clasificalas parece unha labor inhumana, de colaboración coa propia guerra. E esa clasificación coido pode variar coa guerra ou a época na que se desenvolve. Mais como guerra, fixo que hai algunha constante. E unha delas está asociada coa parte que leva a muller nas guerras.

    'Nesta', na guerra na Ucraína, sabemos que saíron xa millóns de persoas do país, tentando refuxiarse en Europa. Nunha Europa que di que vai acollelas de xeito dilixente mentres no Mediterráneo segue a morrer xente e mesmo algún país traizoa a cidadáns seus no deserto do Sáhara axudando coa escusa de evitar recibir máis inmigrantes. Ben, pois esas persoas que fuxiron a Europa son mulleres e nenos: os homes non poden saír.

    Nesta guerra sucédese a desinformación, pero non cabe dúbida do sufrimento da xente. Hoxe, con minutos de diferenza, xunto unha noticia na que unha ucraína tería sido violada a punta de pistola por un ruso -unha violación máis-, con outra na que outra ucraína é atada indefensa a un poste co cu ó aire no medio dunha cidade despois de ser violada e ante a indiferenza dos transeúntes -unha muller máis-. No primeiro caso, a muller estaría gorecéndose cunha crianza nun grupo nun soto, pero ante as armas, pouco que facer, como se o ser un acto de guerra variara moitas consideracións. No segundo, a muller sería unha 'terceira columna' do inimigo na poboación, como se encadrando o acto nunha guerra volveran variar as consideracións. En ámbolos dous casos, de ser home seguramente o sucedido sería diferente.

    É unha constante nas guerras. As mulleres son botín de guerra. Dende hai moito. Polo menos está documentado dende o mitificado rapto das Sabinas que deu pulo ó nacemento do Imperio Romano. Non son o único botín nin as únicas persoas prexudicadas, pero si unha constante que pasa por machacar ó máis débil. Sona, non? O típico acoso, que de ‘escolar’, o máis escoitado nos últimos tempos, pasa a calquera outra faceta, tempo ou lugar na vida: machacar a quen ten menos poder, está máis illado, vese máis débil. Segue a soar, verdade? E moitas veces, coa complicidade doutra xente, que se sinte poderosa polo feito de poder machacar a quen é máis débil. Revisa. Revísate.

20220403

Primeiro sábado de abril, concentración de pensionistas (20220402)

    Ata corenta persoas participaron ca concentración de pensionistas nun tempo chuvioso, pero que abriu a partir daquela. Deixo en baixo o lido por Evaristo Lombardero, desta volta o único orador, e un par de fotos de Suso Fernández.

    Unha nota: comezouse unha recollida de sinaturas.



 

Bo día.

 

Imos comentar tres temas da máxima actualidade para o colectivo de pensionistas, aínda que como todo o que nos afecta son asuntos que veñen de vello aínda que se están agudizando recentemente.  

 

En primeiro lugar temos o informe presentado por Enriqueta Chicano, presidenta de Tribunal de Contas, o martes 22 de marzo diante da comisión mixta Congreso-Senado sobre “gastos impropios” cargados ás contas da Seguridade Social dende 1989 ate 2018. O Tribunal de Contas calculou que neses 29 anos cargáronse aos fondos da Seguridade Social 103 690 millóns de euros como   mínimo en partidas non contributivas, e que polo tanto deberan haber sido financiados polos presupostos da Administración Xeral do Estado. E fixádevos que traigo este dato que xa coñecemos porque ven de ser presentado polo Tribunal de Contas, cuxos 12 membros son nomeados polo Congreso e polo Senado pero a súa independencia dos partidos políticos é bastante grande xa que unha vez nomeados teñen un regulamento autónomo para fiscalizar as contas do estado.

 

Pero é que a cousa vai bastante mais alá porque o mesmo tribunal de contas recoñece que unha gran parte dos gastos impropios financiados pola Seguridade Social son agora imposibeis de calcular como consecuencia da transferencias ás CCAA e de financiancións doutras partidas máis complexas nas que non me vou extender.

 

E esto ven a conto ademais porque recordaredes que en outubro de 2021  as plataformas de pensionistas presentamos diante do parlamento a esixencia de que se fixese unha auditoría das contas da seguridade social e aquela proposta foi discutida e aprobada polas plataformas do movemento de pensionistas a nivel de todo o estado e posteriormente recolléronse penso que unhas trescentas mil sinaturas e agora vemos o resultado. Ademais dos 63 mil millóns de euros transferidos aos bancos, dos que non devolveron máis que uns seis mil millóns. Aínda que sobre esto segue habendo certo obscurantismo, temos a que cifra real de gastos impropios cargados aos fondos da seguridade social é moi superior á que se recoñecía, que foi descuberta pola iniciatva dos movementos de pensionistas ao esixir a auditoría de contas da Seguridade Social e que supón polo menos o monto total das pensións do estado español dos dous últimos anos. Non me extendo, so insistir no cinismo dos que seguirán repetindo que a S. Social non é sustentable e todas esas lerias da dereita e de unha parte do goberno.   

 

O segundo tema que quero comentarvos é que o día 24 de marzo, ou sexa o xoves da semana pasada, o goberno, o PP, Ciudadanos e Vox sumaron os seus votos para rexeitar a enmenda a totalidade do proxecto de lei para o impulso dos Plans de Pensións de Emprego presentada por Esquerra Republicana de Cataluña, EH-Bildu, Más país-Equo, BNG e Compromis. Non me vou extender nesto porque xa o temos moi comentado estas semanas e como sabedes o Proxecto de lei foi aprobado polo Consello de Ministros o 22 de febreiro. Este proxecto, como é sabido, é un paso importante cara á privatización do sistema de pensións. Por unha banda favorecendo a capitalización dos particulares que só poderán asumir os colectivos con ingresos mais altos, en segundo lugar facilitando a xestión privada de estes fondos, e sobre todo reducindo a cotización das empresas de xeito que a descapitalización dos fondos de pensións será inevitablemente progresiva. Máis unha vez compre suliñar que este proxecto é o resultado de unha decisión política, que non ten a mais mínima xustificación dende o punto de vista da planificación económica, que non aporta nada para garantir o futuro da sustentabilidade do sistema de pensións e que só conduce a poñer nas mans  das grandes financieiras enormes cantidades de capital que destinarán onde estimen máis beneficioso para elas sen ningunha compensación para as clases traballadoras.  

 

Finalmente quero comentarvos o que xa esiximos por enésima vez. E é que agora imos iniciar a recollida de sinaturas para presentar ao goberno no mes de xunio para que se aplique a subida das pensións de acordo co IPC real e non con eses sistemas de cálculo retorcidos que non reflicten o aumento verdadeiro dos prezos para a as clases traballadoras. Como sabedes estamos diante de unha suba que está a carón do 10 por cento, por unha serie de razóns anteriores ás que se suma a recente guerra de Ucraína e as políticas económicas arredor dos mercados das enerxías. Non me vou meter na trampa ou no bucle de si esta suba de prezos e por culpa de Arabia Saudí, de EEUU, de Rusia, ou de calquer outra  potencia petrolífera ou enexética. O único que quero suliñar é que as clases traballadoras non se poden  poñer como pardillos a discutir se foi antes o ovo ou a galiña que é o que eles queren. Naturalmente eu leo, como todos vos, noticias, declaracions e artigos sobre a suba dos preczos, pero por un ouvido me entran e por outro me saen ou por un ollo me entran e por outro me saen. Non digo que non esteña ben ler, informarse, recoller información e opinións de medios e dirixentes serios. O que non se pode facer é tomar partido polas regueifas entre os poderes políticos e económicos alleos aos interses das clases traballadoras. Os prezos suben sencillamente porque os que teñen a sartén polo mango queren gañar máis e porque esa é a dinámica natural do sistema capitalista. Pode haber algún empresario moi rico que polos motivos que sexa dea algunas doazóns ao terceiro mundo, aos hospitais ou a calquer outra actividade caritativa, pero eso non ten nada que ver ca estratexia de acumulación de capital á que esta abocado inexorablemente o sistema capitalista e que conduce sempre e en todos os países ao aumento dos prezos para aumentar as ganancias do conxunto do sistema independentemente de que algunhas empresas ou algúns capitalistas se arruinen no proceso devorados por outros da competencia. Pero ese é problema deles. Entón esto ten que quedar moi claro para todos os sectores das clases traballadoras: todas as disculpas e excusas sobre que se aumentan os salarios e as pensións aumenta a inflación son falsos argumentos para xustificar as ganancias desorbitadas do capital e a sua voracidade insaciable especialmente no momento actual que a chamada financiarización fai que a economía especulativa domine a economía produtiva e poña os prezos e os produtos de primeira necesidade fora do alcance das economías da clases mais necesitadas.  

 

Polo tanto esiximos sen ningún tipo de dúbidas o noso derito a reclamar a suba das pensións con arreglo ao IPC real e non manipulado nen afeitado, moi especialmente das pensións mais baixas..  

 

GOBERNE QUEN GOBERNE AS PENSIONS DEFENDENSE!!!   

20220402

Eoalimenta!

    Esta semana pasou medio inadvertida unha xuntanza que pode ter un impacto forte no futuro da zona. Os partícipes de Eo Alimenta  reuníronse en Ribadeo o pasado día 30, e, a pesar da nota de difusión do concello, coido que a información quedou coxa. Por iso recollo, a máis da nota do concello que deixo a continuación, un tríptico e fago diversas ligazóns dende o texto da nota a outras web ou a outras entradas de Ribadeando para completar a visión.

Foto Eo Alimenta

INICIATIVA PIONEIRA A NIVEL ESTATAL

Eo Alimenta

31/03/2022

O proxecto Eo Alimenta avanza cara un modelo de produción, distribución e consumo capaz de alimentar á súa poboación. Onte, mércores, tivo lugar unha xuntanza no salón de plenos do Concello de Ribadeo

O proxecto Eo Alimenta celebrou onte en Ribadeo un momento importante coa presentación do borrador da estratexia alimentaria diante dos socios do proxecto: concellos do territorio, USC, GDR Terras de Miranda, CEDER Oscos-Eo, Fundación Edes e Sindicato Labrego Galego.

Este mércores, día 30 de marzo, ás 17.00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Ribadeo, tivo lugar a reunión do Comité de Seguemento do proxecto Eo Alimenta, un proxecto participativo financiado pola Fundación Carasso, no que traballan dende hai dez meses e de forma colectiva diversos axentes vinculados ao sector da alimentación (administración, persoas consumidoras, organizacións agrarias, proxectos de produción agroecolóxica, universidades, grupos de desenvolvemento rural, etc.).

O obxectivo deste proxecto é elaborar unha estratexia alimentaria para o territorio do río Eo que aborde o reto de conseguir autoabastecer de alimentos a todo o territorio a partir dos produtos ofrecidos polo propio territorio e a través de diferentes medidas que redunden no fortalecemento e a articulación da produción agroecolóxica a pequena escala, no impulso do consumo de proximidade, no apoio ao comercio local ou no compromiso por parte das administración públicas de levar a cabo procesos de compra pública responsable.

En dita reunión, onde foron presentadas as 11 medidas e 33 accións que conforman o borrador da Estratexia Alimentaria Participativa da biorexión do río Eo, participaron representantes dos concellos de Ribadeo, Barreiros, San Tirso de Abres, A Veiga, A Pontenova,representantes da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Lugo, representantes da asociación Inter Eo e representantes do resto de socios do proxecto: Sindicato Labrego Galego, Fundación EDES, Universidade de Santiago de Compostela, do GDR Terras de Miranda e do CEDER Oscos-Eo.

Tras a boa acollida de dito documento na reunión de onte, os socios do proxecto farán as súas últimas aportacións ao documento, para posteriormente levala aos plenos municipais dos nove concellos participantes -cinco da parte asturiana e catro da parte galega- no proxecto. A partir de aí, comezará o traballo de implementar as medidas contempladas na mesma, que contan cun horizonte temporal de aquí a 2026.

Eo Alimenta representa un proxecto pioneiro a nivel estatal, por ser o único das súas características que reúne a traballar a persoas axentes de dúas comunidades autónomas e comeza a súa fase de implementación nun contexto, atravesado polas crises de subministro e abastecemento xeradas pola invasión de Ucraína, a suba dos prezos dos combustibles os paros do leite, que poñen de manifesto a necesidades de avanzar cara modelos de produción, distribución e consumo de proximidade que poidan resistir as embestidas da economía globalizada.

 



 

 

Cantos de taberna 2022

    Deixo anota de prensa do concello despois da panificación:

Cartel Cantos de Taberna

TRÁTASE DA EDICIÓN MÁIS NUMEROSA, SEGUNDO PABLO VIZOSO

13 grupos nos Cantos de Taberna

31/03/2022

A quinta edición dos Cantos de Taberna, que organiza o Concello de Ribadeo, celebrarase este sábado, 2 de abril. Trece grupos de Galicia e Asturias percorrerán coa súa música tradicional e popular os 25 establecementos hostaleiros que se dan cita neste evento a partir das oito da tarde.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, dixo que "este sábado, 2 de abril, vaise celebrar a quinta edición de Cantos de Taberna, organizado unha vez máis polo Concello de Ribadeo. Deste xeito recuperamos un evento que tivo lugar por última vez no ano 2019 e que non puido ter continuidade debido aos efectos da pandemia".

O edil ribadense explicou que "a partir das oito da tarde en máis de 20 establecementos da vila poderase gozar coa música tradicional e popular interpretada por 13 grupos procedentes de diferentes lugares de Galicia e de Asturias. De Galicia concretamente desde Outeiro de Rei, As Pontes, Vilalba e Lugo; e de Asturias, de Castropol e Navia, que xunto coas formacións locais ribadenses recordarán os vellos cantares de cada zona. En total máis de 130 persoas cantando, tocando e bailando volverán a encher Ribadeo de ledicia e de animación".

Vizoso Galdo manifestou que "con esta actividade preténdese un reforzo da programación nos meses baixos, fóra da temporada estival, procurando sempre ofertar actividades e recursos desestacionalizadores que apoien ao sector servizos".

E engadiu que "dende as Concellarías de Turismo, de Educación e de Cultura animamos a sumarse a esta actividade aos veciños e veciñas de toda a contorna, para participar e disfrutar dunha noite chea de tradición; sempre é unha boa ocasión para estar coas amizades e para percorrer Ribadeo ao son da música tradicional". 

O concelleiro de Desenvolvemento Local destacou "a gran acollida que está a ter esta edición pois estamos a falar da máis numerosa, polo que agradezo enormemente aos participantes a súa colaboración".



Pedras da Memoria. O vídeo

    Despois do acto, o vídeo:



O tríptico da Semana Santa de Ribadeo 2022

    Como outras semanas santas, aquí deixoo tríptico de actividades desta:



20220401

Unha nova convocatoria polas pensións: 20220402

    Un mes máis, o movemento pensionista non se retira, non recula. E non só iso, senón que os seus membros están detrás das iniciativas máis salientables para a sociedade ribadense dos últimos tempos. Primeiro sábado de mes, concentración en Ribadeo.



Falando de dúas guerras: a paz é única

    Onte xoves 20220331, houbo en Ribadeo actos referidos a dúas guerras e a procura da paz. Primeiro, pola mañá, sobre a guerra 'civil' a falta doutro nome en España. En concreto, sobre algo que non é só historia, sobre os represaliados, con motivo da instalación de adoquíns con lenda dos represaliados en Ribadeo, as 'pedras da memoria' (do orixinal alemán 'stolpersteine'). No parque, os que non se sabía doutro lugar para colocalos, noutros lugares -vivenda, traballo...- cando se sabía. Unha carpa no medio do parque nun día chuvioso acolleu a toda a xente que puido mentres se dicían as palabras protocolarias e se proxectaba un vídeo, mentres no exterior o artista Gunter Demnig, que imaxinou a homenaxe e vai prodigándose por toda Europa, comezaba a colocar os adoquíns no mesmo parque e un diante do antigo bar Cubano.

Antes de comezar o acto

As pedras do parque

Outro aspecto

Adoquíns a colocar noutros lugares

Adoquín colocado diante do antigo bar Cubano

     Deixo o audio, e, ó final da entrada, a nota de prensa do concello. A máis, están accesibles máis materiais, como o vídeo proxectado no acto (máis de media hora, abaixo de todo)

    E, pola tarde, nova concentración -e van 5- dos xoves por Ucraína, unha loita que se transforma, pero segue a deixar morte e destrución un día tras outro sen que polo momento se vexa claro o final. Unhas trinta persoas no día de chuvia que foi onte atenderon as verbas de Evaristo Lombardero, Arturo Mogo, Jesús Irigoyen e Beatriz Irigoyen.

    Deixo o audio e algunha foto de Suso Fernández, así como a convocatoria.



--

Nota de prensa do concello sobre o acto 'Pedras da memoria'

Foto Pedras da Memoria   

OS ASISTENTES PUIDERON VER TAMÉN UN VÍDEO CON TESTEMUÑAS

Ribadeo, lugar de memoria

31/03/2022

O Concello coloca hoxe 40 lastros (adoquíns) en homenaxe ás vítimas do franquismo. As Pedras da Memoria formarán parte das máis de 75 000 que a Fundación Stolpersteine leva postas desde 1997 en 20 países en toda Europa. Ribadeo é o primeiro Concello de Galicia en contar con este recoñecemento, que se celebrou no parque de San Francisco. Familiares, amigos e o artista alemán Gunter Demnig déronse cita neste acto, que foi conducido polo alcalde, Fernando Suárez, e no que interviñeron a concelleira de Cultura, Pilar Otero, o cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, así como Ramón López e Miguel Freire, familiares de vítimas ribadenses do franquismo. 

O rexedor na súa intervención dixo que "o obxectivo desta homenaxe é romper un dramático e prolongado silencio arredor dos crimes cometidos durante o franquismo, recuperando a memoria dos homes e mulleres asasinados, paseados, fusilados ou mortos, vítimas da represión franquista durante a guerra e a posguerra". 

Suárez Barcia, que leu o nome das 40 persoas homenaxeadas nesta xornada, sinalou que "os Concellos temos que facer obras, actos culturais, etc, pero tamén temos que facer memoria, porque antes ca nós, aquí viviu xente, que tiña familia, que traballaban honradamente e que ademais tiñan nobres ideais de humanidade, e de progreso colectivo, de fraternidade. E tiñan unha cousa que lles arrincaron: todo o dereito a vivir". 

O alcalde explicou que as Pedras da Memoria estarán situadas en lugares onde esas persoas homenaxeadas viviron ou traballaron. 24 dos 40 lastros foron colocados por Gunter Demnig, mentres se celebraba este acto, no parque de San Francisco e o resto estarán diante dos domicilios ou lugares de traballo das vítimas do franquismo en diferentes rúas de Ribadeo e tamén unha delas en Rinlo.

Pilar Otero, a concelleira de Cultura, sinalou que "a memoria non é algo que poidamos reprimir nin eliminar, non se pode esquecer e xa está. Sabemos que unha ferida temos que limpala para que cure ben, e senón inféctase e cheira. Por iso é tan importante este pequeno xesto que hoxe facemos en Ribadeo: porque ás persoas non se lles fai desaparecer e xa está, porque non son ósos nada máis. Por iso oxalá todos os concellos, sexan da cor política que sexan, fixeran un xesto pequeniño que axude a poden lamber as feridas para que cicatricen; non se van ir, pero seguramente deixarán de doer tanto". 

O cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, manifestou que "todas estas historias de fuxidos, asasinados, agachados, etcétera, circulaban de boca e boca pero silandeiramente; eran tamén un acto clandestino. Fíxose verdade aquel verso de Luis Pimentel, dun poema que se chama Cunetas, que di: non chores, poden escoitarte. Escribiuno en 1937, un ano, desde logo, significativo". No acto tamén tomaron a palabra Ramón López e Miguel Freire, familiares dalgunhas das persoas que foron lembradas hoxe en Ribadeo.

A continuación proxectouse un vídeo coas testemuñas recollidas nas últimas semanas. Ducias de persoas asistiron a este recoñecemento que se celebrou no parque de San Francisco. Ao principio e ao remate profesores da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo interpretaron varias pezas musicais.

    Vídeo encargado polo concello e realizado por 'El Farero' sobre represaliados do franquismo, proxectado no acto sobre as 'Pedras da memoria':
 
Reportaxe a cargo da Deputación sobre as pedras da memoria, co autor poñendo pedras en Ribadeo:

    Versión 2024 da ruta das pedras da memoria: https://www.ribadeando.com/2024/03/ruta-das-pedras-da-memoria-de-ribadeo.html