Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta protección das árbores. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta protección das árbores. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20250227

PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES. NOTA INFORMATIVA


PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES

NOTA INFORMATIVA

Ribadeo, 20250227

Dende a Plataforma pola defensa das árbores de Ribadeo queremos amosar o noso agrado pola poda realizada esta mañá (xoves 27 de febreiro) na rúa Clemente Martínez Pasarón. Consideramos que se fixo no momento axeitado e respectando as árbores afectadas. Os pequenos defectos observados, como a escasa aplicación de pasta de protección, non invalidan unha actuación que se encamiña cos criterios que vimos defendendo.

Cremos que é conveniente un seguimento do mantemento das nosas árbores por parte da xente do pobo, entre a que nos atopamos, e así o seguiremos a facer.

Por outra banda, felicitámonos polo feito de que as nosas accións en defensa das árbores do noso Concello vaian dando froito.

20250219

NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA EN DEFENSA E PROTECCIÓN DAS ÁRBORES DE RIBADEO

O teixo de Arante, árbore senlleira dada onte por desaufizada polo alcalde. Autor descoñecido

NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA EN DEFENSA E PROTECCIÓN DAS ÁRBORES

O pasado mércores 12 de febreiro celebrouse unha nova asemblea da Plataforma en Defensa e Protección das Árbores na que se acordou dar unha nota informativa ca valoración das últimas novas e publicar os resultados da recollida de sinaturas via internet. Aquí referirémonos ao primeiro punto.

En primeiro lugar observamos algúns movementos e declaracións ou comentarios por parte do concello que nos levan a pensar que a nosa acción ten algún tipo de impacto no día a día ribadense.

Por exemplo, recollemos unhas declaración (personais) do Sr. Alcalde nas que, segundo as nosas fontes, non se van tocar os contenedores das vivendas sociais. Se esto se confirma sería unha boa nova porque eses aparellos están dando un bo servizo e sería mágoa que se suprimisen. Naturalmente, hai que anotar este detalle na movilización da veciñanza e nas sinaturas recollidas nos días pasados.

Outro dato a suliñar é a retirada de maleza que se estivo facendo en algunhas ribadas, concretamente xunto do restaurante San Miguel, onde puidemos observar que tamén se provocou o desprendemento e derrubamento de pedras e terra, o que dá que pensar que cecais os técnicos non andiveron moi afinados.

Mais sorprendente da finura dos técnicos foi o sulfatado de alguhnas palmeiras no parque o venres, sete de febreiro, a media mañá, cando chovía a mares e ventaba sen conto, e polo tanto, os eventuais beneficios do tratamento foron parar ao chan en poucos segundos. Por certo, esta actuación levouse a cabo sen protección algunha coas consecuencias que nos podemos imaxinar.

Outra sorpresa xurdiu ao comprobar que na reforma da Praza de Pancho Maseda (entre o Concello e a Aduana) non se deixou ningún paso para as ambulancias, que segundo a declaración grabada do Sr. Alcalde, era un dos motivos da obra. Ainda ben, o paso que había antes quedou obstruido por un bloque de granito para suxetar unhas bandeiras. Unha contradicción mais nun relato inverosímil.

E para rematar, lembramos que no pleno do día 4 de febreiro o Sr. Alcalde referiuse repetidamente ao teixo da eirexa de Arante, suxerindo, anque non o dixo claramente, que hai anos fora obxecto dalgunha actuación impropia ou prexudicial. Como consecuencia, desprazámonos a visitar o teixo de Arante e a sacarlle unhas fotos, e puidemos observar que presenta un aspecto magnífico, por non dicir esplendoroso, como sempre.

E sen mais que comentar, suliñamos que segue sen haber información oficial sobre o proxecto de reforma do Parque Municipal e do Campo de Santa María, e que seguirémonos xuntando e tratando de levar adiante accións para preservar e mellorar as árbores e zonas verdes de Ribadeo e daremos información pública de canto nos vaia chegando. Proximamente daremos outra nota co resultado das sinaturas vía internet.

PLATAFORMA EN DEFENSA E PROTECCION DAS ÁRBORES

Ribadeo, 19 de Febreiro de 2025

20250204

Última hora sobre as árbores en Ribadeo

     Á espera do comezo esta tarde do pleno sobre a situación das árbores en Ribadeo, unha nova noticia sobre o tema da protección das árbores: a presentación no Parlamento Galego dun requerimento de información sobre o convenio asinado polo Concello de Ribadeo coa Axencia de Turismo de Galicia para a 'mellora' da Praza de Pancho Maseda.


20241204

Concentración en defensa e protección das nosas árbores

    Onte á noite tivo lugar a concentración convocada pola plataforma en defensa das árbores da vila de Ribadeo. 250 persoas nunha noite desapacible diante do concello, cun acto principal: a lectura do manifesto elaborado para a ocasión. Pancartas, coros e a lembranza de que esta concentración é o comezo, non o final, acompañaron á lectura do manifesto que deixo abaixo en audio e, ó final, en texto:


    Para palpar o ambiente, algunha das fotos tomadas por Suso, Isabel e Mati:








    Texto do manifesto:

BOA NOITE, AMIGAS E AMIGOS!

O primeiro de todo, graciñas por acudirdes a esta convocatoria que ten lugar nesta desapracible e húmida noite de decembro.

Hoxe estamos aquí moita xente amosando a nosa protesta e repulsa polo acontecido nestas últimas tres semanas: as podas innecesarias e indiscriminadas e as cortas salvaxes perpetradas polo Goberno Municipal en varios espazos emblemáticos da vila: nas estradas do Faro e cemiterio, con anterioridade no parque infantil, Forte de S. Damián, Colexio Público Gregorio Sanz, nesta mesma praza do lado, etc.

Pero tamén estamos aquí para evitar que este Goberno Municipal siga con proxectos que pasan por levar a cabo actuacións similares no Parque de S. Francisco, na Praza do Campo (fronte a nós), nas vivendas sociais situadas cara ó Convento das Clarisas...

Esta situación é inaceptable a un proxecto dun Ribadeo máis habitable e saudable, e moi contraria á imaxe que debe dar a vila.

ESIXIMOS que se poña fin a esta exaltación do cemento en detrimento dun hábitat verde; PEDIMOS que finalice XA a destrución do noso patrimonio natural.

Moitas das especies que se cortaron ou que se podaron inadecuadamente, necesitaron de 20 a 30 anos para acadaren o desenvolvemento que mostraban. Unha motoserra necesitou poucos minutos para acabar coa vida do que son un dos máis grandes tesouros dos que dispón o noso planeta.

AMIGOS, AMIGAS, as árbores son máis que madeira e follas, SON VIDA.

As árbores transforman o dióxido de carbono en osíxeno. Nelas viven insectos, paxaros e pequenos mamíferos. Mesmo cando unha árbore morre segue dando vida en forma de fungos. Dan froitos e sombra, a súa contemplación énchenos de ledicia e plenitude. Algúns facultativos prescriben curas de natureza para baixar os niveis de estrés.

Os espazos con árbores son indispensables nos contornos urbanos porque melloran a calidade do aire. Unha grande árbore pode absorber ata 150 kg de gases contaminantes nun ano. Plantalas ó redor dos edificios arrefría o aire entre 2 e 8 graos.

Cortalas de forma basta e indiscriminada antes de analizar e xustificar moi ben por que se fai, é unha temeridade. Antes de facer un traballo tan agresivo débese levar a cabo un estudo onde se especifique moi claramente qué árbores están enfermas (seguramente irrecuperables) e aquelas nas que é necesaria unha poda por motivos de seguridade.

AMIGAS, AMIGOS, ás veces invádenos a sensación de que vivimos nun mundo do revés. Atopámonos nun escenario de cambio climático moi preocupante, aseveración contrastada e confirmada pola comunidade científica; pola contra, sabemos que hai xente que o cuestiona ou que o nega.

A loita contra este cambio climático pasa por diferentes accións que teñen que vir deseñadas polos estamentos que nos gobernan. Desde o estado, pasando polas comunidades autónomas e tamén dos concellos, loxicamente. Aquí, en Ribadeo, estamos asistindo atónitos á supresión e á non creación de novos espazos verdes (PXOM DE 2014), á corta e poda antiecolóxicas de árbores de moitos anos de vida. Todos, -as nós asistimos impotentes, e ó principio incrédulos, a estes feitos. POR ISO ESTAMOS AQUÍ, para BERRARMOS CON UNHA ÚNICA VOZ: BASTA XA!

Desta volta principiou a polémica pola corta de árbores (algunha de máis de 30 anos) no Colexio Público Gregorio Sanz, lugar que reunía as condicións idóneas para ser un espazo de liberación da catividade do cemento para devir nun espazo que cada ano que pasa está máis inmerso nel.

O feito de que unha nena ou neno se manteña en contacto coa terra é algo que lle vai proporcionar seguridade e calma. Xogar no campo, pisalo, respirar aire puro, é algo que nada ten que ver con facelo no asfalto.

Sabemos que para loitar contra as ondas de calor, cada vez máis intensas e longas, unha das solucións pasa por crear illas verdes; isto é, espazos con herba, árbores e plantas que fan o efecto de rebaixar a temperatura, xusto á inversa do que ocasiona o asfalto.

Ningunha xeración ten tanto que perder polos efectos do cambio climático como a Xeración Z. Pechar os ollos a esta realidade cuxas consecuencias son cada vez máis tanxibles NON É UNHA OPCIÓN.

Moitas e moitos dicimos que é tempo de actuar e o momento é AGORA.

Como final, queremos lembrar con todos vós este proverbio indio:

“A TERRA NON É HERDANZA DOS NOSOS PAIS

SENÓN UN PRÉSTAMO DOS NOSOS FILLOS”.

Moreas de bicos e graciñas. Boa noite!

20241127

Corta na praza

Totem en Ribadeo

 Corta na praza

    Ribadeo, século XXI. Novembro. Ribadeo parece seguir os pasos de Madrid. Evidentemente, non en tamaño. Neste caso, en relación á natureza. Cando isto escribo, van tres semanas dende as cortas das árbores no Colexio Público Gregorio Sanz de Ribadeo. Algo que no seu momento me lembrou as cortas arboricidas de Madrid e o encher de asfalto ou semellante o lugar: menos natural, menos purificación de aire, menos protección contra os cambios de temperatura, adeus ás avantaxes de ter á vista ou pasear por un entorno natural, máis gasto... Pero máis que polo anterior, que teño que recoñecer que me comín as vantaxes (várrese mellor) lembroumo por outra cousa: pola falta de escoita da xente.

    Dende aquela, ten sucedido a 'limpeza' de árbores dunha praza, a de Pancho Maseda, e todas as olladas pósanse no parque, na 'Praza de España', a zona axardinada fronte á Casa do Concello, que din estaría sinalada para unha 'entresaca' próxima, que hai unha palmeira que está a morrer.

    Coido que, máis aló de sinalar feitos, cabería lembrar algunha cousa sobre os xa citados.

    Na evolución dunha vila como Ribadeo, os cambios son unha constante de xeito case obrigado. A construción do que é o actual C.P. Gregorio Sanz non se fixo baseada nunha corta de árbores, senón máis ben rodeada de novas plantacións, parte das que agora foron cortadas. Os exemplares cortados na praza de Pancho Maseda pasaron no seu momento non só a adornar, senón a facer máis humano ese espazo, que ó longo do tempo viu outras modificacións. O actual parque, sexa a zona de 'Parque de San Francisco' ou a coñecida como 'Praza de España', bebe o seu uso do antigo campo da feira, por moito que o nome tradicional de 'O Campo' vaia decaendo; un lugar que dende que os documentos gráficos dan testemuña, vese con árbores, aínda que, pola súa dedicación comercial, menos que na actualidade.

    As cortas no C.P. Gregorio Sanz teñen xerado fortes protestas a posteriori. Tivo que ser así porque ata que houbo evidencia, non houbo noticia, e moito menos consulta. Dos da Praza de Pancho Maseda, moitos menos e menos visibles, tampouco houbo consulta nin noticia. Do parque, polo momento, non hai noticia (nin consulta). Pero nestas circunstancias, que xa se chame ‘Praza de España’, evocando algo diferente a un parque, non dá lugar a tranquilidade.

    Non quero entrar en discusións diversas que se veñen dando, como digo, a posteriori. Sen poder substituír o que sería necesario diálogo anterior, claro. E sen poder aspirar a máis que a cambiar a forma de facer as cousas en diante. Os feitos pasados e os temores cara ó futuro, sinxelamente están aí e pódese aprender.

--

Novas relacionadas coa corta de árbores en Ribadeo en 2024.

20230910

En relación á Casa da Ría

En relación á Casa da Ría

Árbores na terraza da Casa da Ría

    Días atrás o concello emitía unha nota de prensa na que mencionaba a casa da ría. A conta diso, e dos comentarios que se fixeron nos xornais, decidín facer unha relación de puntos salientables na historia da casa da ría, que non chegou a ser 'Casa da ría de Ribadeo'. Polo camiño, a nova de non ter localizados dous telescopios.

    A Casa da ría tivo un custe de 55 millóns de pesetas, a prezos actualizados cousa de medio millón de euros de hoxe. A planta baixa conta cun distribuidor que dá á sala de charlas e actividades múltiples, na que hai tamén un mostrador para recepción. O outro grande espazo da planta baixa, a sala de exposicións, ten unha montaxe sobre a ría arredor da columna soporte do telescopio. Dispón tamén a parte baixa de varias divisións interiores que inclúen almacén e servizos. A planta superior, con acceso diferente, está ocupada pola terraza, a dúas alturas, cun observatorio astronómico para acoller o telescopio.

    Foi inaugurada o Día Mundial do Medio Ambiente, en xuño de 2001, con asistencia de Manuel Fraga Iribarne. 

    No 2002 a protección da maquinaria de arrastre para apertura da cúpula do observatorio quedou danada nun temporal, e sen reparación, no 2003 a maquinaria que protexía estaba tocada impedindo a correcta apertura e cerre da cúpula.

    Anos despois quedou de manifesto un problema estrutural que se facía visible nas filtracións de agua. O encharcamento na parte superior por baixo do terrazo e sobre a estrutura deu, e segue a dar, lugar ó nacemento de árbores nas terrazas, tendo eu mesmo arrincado algúns abondo máis altos ca min hai cousa dunha ducia de anos.

    Ente outros avatares, o concello propúxoa como sede da Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón, pero non foi aceptada. Encheuse de pintadas, ten habido algún niño de avespas nas súas contras... e cada vez menos uso e máis necesidade de mantemento.

    En canto ó funcionamento, a casa da ría depende do concello. Por iso, a A.C. Xerfa asinou un convenio co concello no 2001, ampliado no 2003 xa con outro alcalde para instalar alí o telescopio que viña usando de xeito itinerante anos antes da súa construción. O telescopio é un reflector de tipo Newton de focal 1500 mm e diámetro 255 mm, sobre unha montura ecuatorial. Nun episodio que me segue a desconcertar, a instalación levou consigo o pé do telescopio, impedindo o seu uso fóra dela. 

    Conforme á degradación das instalacións foi progresando, fíxose máis difícil o uso, e así, mentres nalgún caso chovía por riba do aparello (o que motivou que comezara a cubrirse cunha lona a pesar de estar baixo cuberto), oxidándose o espello, aínda que para observacións xeralistas seguía a ter un bo aproveitamento, cambiouse a pechadura máis dunha vez sen ter chaves Xerfa, e a larma pasou a mellor vida. Francisco Rivas, xa clave no seu momento para a consecución do telescopio principal, engadiu un telescopio pequeno que gañara un equipo no que participaba a súa filla.

    Nos anos 2000 fixéronse diversas observacións e cursiños de astronomía, a carón doutras actividades máis dispersas e puntuais. Mais, nun momento, o concello optou por un convenio coa Universidade de Santiago polo que, a cambio dun monto económico que só no primeiro ano superou de longo o gastado no tema con anterioridade en Ribadeo, se deron un par de cursiños de verán e realizaron varias observacións astronómicas, sempre no verán, xa no mesmo pobo en condicións de luminosidade máis precarias. O que non se fixera con Xerfa, fíxose cunhas actividades que logo decaeron para pasar a ser sinxela propaganda para uso turístico. Así, Xerfa, que nacera no 1991 para axudar a dinamizar as actividades culturais do daquela Instituto de Formación Profesional de Ribadeo e a inserilo no pobo, quedou pouco a pouco reducida ó nome dunha revista que aínda se segue editando no actual CIFP Porta da Auga, sen conexión xa coa A. C. A Casa da Ría, sen mantemento, sen actividade, pasou a ser unha carga na que tan pronto medraban árbores na súa terraza como servía para acubillo de transgresores humanos ou animais, a pesar dos sucesivos avisos (pódese ver aquí un en particular, e en xeral a historia en Ribadeando ou entre outras actividades en FQRibadeo).

    Polo medio, tentouse amañar a situación, como cando, tendo xa observado que a óptica dos telescopios pouco a pouco ía deteriorándose, e vendo conveniente darlle un repaso e motorizalo, foi pedida unha subvención á Asoc. Puente de los Santos, comandada no 50% polos concellos de Castropol e Ribadeo. Foi denegada porque pretendíase que tiveramos alí alguén de xeito permanente para atender o local (a Casa da Ría, do concello, non só as observacións).

    Ata chegar a hai uns días, cando primeiro se anuncia dende o concello que se vai poñer orde no caos e recuperar a casa e logo se difunde a 'non localización' de dous telescopios. Un suma e segue que non sei onde rematará e que tampouco sei se se reverterá. Un suma e segue no que aparecen testemuñas que aseveran que o dia seguinte á xira, o 7 de agosto, a porta de acceso á terraza estaba aberta e a do observatorio forzada, pero co telescopio dentro, o que puxo en coñecemento da Policía Local por teléfono e da Garda Civil de xeito presencial, levando alí a máis a outra persoa que pode actuar tamén de testemuña.

20221108

Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques

Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques

    Despois dun día de descanso, unha etapa sinxela, como o resto das que quedan. Aínda que, ben pensado, non hai etapa sinxela a priori!

    Tras o porto do Escandón (1223 msnm), paso á conca do Mijares. Queda para a próxima etapa, despois do Porto do Ragudo, o cambio á conca do Palancia. Mais esta é a última vez que me refiro de xeito específico a un cambio de conca, pois xa preto do mar, as pequenas concas sucedéronse ó apartarme desta par ir a La Vall dÚixó: Belcaire, de novo Palancia, canles de rego diversas que non permitían distinguir moi ben o río (se é que non era unha simple rambla) ...

    Un último axuste antes de comezar o camiño: Barraques ou Barracas? No concello, o selo testemuña Barracas, o que reafirma que o termo en Valenciano está en desuso. Aínda así, como escollera para a planificación da viaxe Barraques, sigo mantendo o título desta etapa: Teruel - Barraques.

    A saída de Teruel ben, guiándome por Dinópolis, un parque temático sobre dinosauros, á beira do que tiña que pasar. Pero tiña empeño en coller de novo vías verdes para evitar a estrada, e xa retirado da camiños, preguntei a outro ciclista por se o gps non era adecuado. Resultou ser outro Antonio, de Teruel, que me levou ó entronque coas vías verdes e co que fixen preto de vinte quilómetros, a maioría de ascensión por un camiño que cualifico de moi bo e que me reconcilia coas vías verdes, que xa non abandonaría mentres coincidiran co meu destino.

Antonio de Teruel, guía e compañeiro por cousa dunha hora.
    A dedicatoria de Antonio non di que me acompañou máis do que tiña pensado facer, o que lle produciu un baixón de azucre que necesitou unha barriña enerxética para compensar. Tampouco cousas como que para min tamén foi un pracer ser acompañado e guiado por un camiño en moi bo estado, ascendente con varios túneles e cambio de paisaxe a mediterráneo.
    A dicir verdade, os cambios non se produciron de xeito brusco, senón ós poucos. Quede como testemuña un leito seco á saída de Teruel, xa apartado da estrada e antes de atopar a Antonio e chegar á vía verde, a engadir ós comentados en etapas anteriores. 
Leito seco despois de Teruel.
    A ascensión ó porto, suave pola antiga vía do tren, tamén foi benvida polo novo tipo de piso. As vías verdes de Ollos Negros (Ojos Negros) están divididas nun par de tramos, pero a maior diferencia no piso está no interior de cada tramo, que de calquera xeito, é superior á maioría das vías fóra de asfalto que pasei. Estas vías, recomendables para usar se se vai de viaxe ou sinxelamente para facer unha viaxe por alí. De feito, xa as recomendei antes de rematar ese día.

Antonio de Teruel, a piques de entrar nun dos túneles das vías verdes de Ollos Negros.
    Ás beiras do recorrido, a paisaxe cambiante, de montaña a chaira, propicia os túneles (uns cantos), encaixamentos (moitos, con paredes de tipo variable, a maioría, en estratos rochosos) e pontes (menos) cos seus terrapléns que anticipan as vistas da parte chá máis alta.  
Un porto? Si, un porto.
    A chegada ó porto do Escandón, 1223 msnm, é imprevista pola pouca pendente mesmo na estrada á beira, e anticipa o cruce coa estrada a Javalambre, á estación de esquí (alugueiro de esquís á beira do cruce) e ó lugar do observatorio astrofísico de Javalambre (OAJ). Naturalmente, non collín a estrada para ascender, aínda que me apetecía.
    E, de alí en diante, máis baixada que subida ata Sarrión. Notando plantacións de árbores e atopando alguén do lugar, a conversa levou a que eran aciñeiras carrasco, plantadas porque acubillan entre as súas raíces a prezadas trufas, como xa me adiantara un pouco antes Antonio. E resulta que Sarrión é o campión das trufas.

Aciñeira carrasco para trufas.
    Un pobo con costas, despois de abandonar a chaira do porto. Sarrión está ben coidado, e apetece unha voltiña, un café, un debuxo...
Ermida do sangue de Cristo en Sarrión.
    E en Sarrión tamén, unha curiosidade pola que preguntei por se non era o que pensaba. Si, era: protección nas portas para que a auga non entre nas casas cando chove de xeito torrencial.

Sarrión, protección para as augas.
    O punto máis alto do pobo: a ermida, coa caseta meteorolóxica no parque á súa beira.
Sarrión, ermida e estación (meteorolóxica).
    Saíndo de Sarrión, un empeoramento no piso fai pensar que pode seguir a peor. Pero non, xa dende Teruel se ve un aumento do uso da vía verde, con máis ciclistas, e un mantemento mellor que outras vías para bicicletas.
Vía verde dos Ollos Negros: non sempre tan boa.
    As ondulacións do terreo permiten vistas como a de Albentosa, que quedo con ganas de visitar, o que non fago por non subir a costa empinada que leva ó pico do pobo.
Albentosa, para mirar.
    E antes de Barracas, cambio de comunidade autónoma, deixando Aragón pola provincia de Teruel para pasar a Valencia por Castellón, como testemuña o mapa levantado en cemento á beira da autovía para quen entre en Aragón.
Límite entre comunidades autónomas na autovía Mudéjar.
    Na Comunidade Valenciana, en Barracas, éntrase pola antiga estación do Palancar, aproveitada como lugar de diversión e punto de arranque dun itinerario 'paisaxístico-etnolóxico' co cartel en castelán o mesmo que o nome do concello: Barracas.
Estación do Palancar, Barracas.
    Barracas? Un pobo pequeno, con pouco de especial, pero que conserva unha fonte de 1576 á que lle fixeron parque e zona de diversión próximas. Chego á saída dunha concentración de xente, e decátome de que teñen o mesmo problema que agora na zona próxima a Ribadeo: os eólicos. Problema calcado, método semellante, tanto por parte das eólicas e administración a nivel Comunidade Valenciana como polos veciños, agrupación e loitar, neste caso parece que co alcalde entre os promotores da loita.
    Aproveito para que entre no concello e me poña o selo.
Fonte en Barracas (datada no século XVI).

    Ó chegar a Barracas levo uns 67 km, de recorrido, cun desnivel acumulado de 500 m e unhas 3,5 h sobre a bici.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

20210202

Programa eleitoral da UPRI - 2007

(extraído do seu blog) 101 medidas para transformar Ribadeo 

“O Ribadeo que queremos está nas túas mans” 101 medidas para transformar Ribadeo 

1. MEDIOAMBIENTE 

1. Continuación da senda costeira E-9 en todo o Territorio Municipal , creación e sinalización de novas rutas de sendeirismo. 2. Executar o proxecto de recuperación como senda verde a ruta do antigo tren mineiro de Vilaodrid. 3. Creación dunha planta de tratamento de residuos agrarios. 4. Aplicación da Axenda 21 Local. 5. Novo Plan Municipal de Residuos (PMR) contemplando: • Creación de compost. • Eliminar contenedores casco urbano. • Recollida neumática. • Separación de aguas fecais/fluviais. • Adquisición dun camión de limpeza viaria. • Adquisición dun camión lavacontenedores. • Adquisición dun camión baldeador. • Fomento da ampliación da recollida selectiva. • Plan anual de educación ambiental (xornadas, conmemoracións, celebracións…). . Instalación do servizo de limpeza viaria en Rinlo. 6. Creación dun bosque-escola no entorno da “Casa da Ría”, a súa reapertura durante todo o ano e posta en marcha do teléfono verde. 7. Limpeza y repoboación con alevins de troita e reo dos ríos do Térmo Municipal. 8. Apoio á recuperación e rehabilitación de hórreos, pombais e muíños. 9. Creación de tres novos parques: un infantil, outro para educación ambiental con material reciclado e un xuvenil. 10. Creación dunha gran zona verde de expansión no casco urbano. 11. Fomento e protección da ría, así como a repoboación da súa marxe con especies autóctonas. 12. Execución dos proxectos de rehabilitación de antigos muíños: regato, vento e mareas. 13. Atención permanente a Áreas Recreativas de parroquias. 14. Construcción do saneamento en tódolos núcleos rurais. 15. Recuperación do río Vilaselán e a súa desembocadura como zona de ocio. 16. Instalación de depuradoras biolóxicas en Vilaselán e Rinlo e nova construcción en Porto. 17. Catalogación e protección de árbores centenarias. 18. Recuperación da antiga fábrica de algas de A Vilavella para “Casa das cunchas” 19. Eliminación da taxa por recollida de enseres. 

2. URBANISMO E INFRAESTRUCTURAS 

1. Aprobación dun PXOM e dun PEPRI. 2. Construcción do Polígono Industrial. 3. Creación do Xulgado de 1ª Instancia. 4. Construcción de novos aparcadoiros no casco urbano, un para vehículos pesados. 5. Peonalización de novas rúas. 6. Reparación e ampliación de beirarrúas no casco urbano e mellora e adecentamento dos accesos. 7. Apertura de novas rúas na zona de expansión do casco urbano. 8. Creación do servizo de resposta ao cidadán a través de INTERNET (Servicio de Atención ao Cidadán) oficina virtual. 9. Acceso gratuito a INTERNET universal, tamén para a zona rural. 10. Rehabilitación do casco histórico e da “Torre dos Moreno”, cedéndose locais para subdelegacións. 11. Adquisición de edificio para Centro de Desenvolvemento Comarcal. 12. Remodelación do entorno da Capela de San Roque e do Colexio Sagrado Corazón. 13. Novo alumeado para Amador Fernández, Avda Asturias e Avda Galicia e O Xardín, mellorando o alumeado público en parroquias e resto do casco urbano. 14. Actuación no entorno do Polideportivo e Avdas de Luarca, Paco Lanza e IES Dionisio Gamallo 15. Construcción de servizos públicos no Parque San Francisco 

3. VÍAS DE COMUNICACIÓN, TRÁFICO E SEGURIDADE CIDADÁ 

1. Construcción de novos aparcadoiros no casco urbano, un para vehículos pesados. 2. Construcción dunha segunda ronda polo borde do litoral para conectar coa circunvalación por Vilaselán. 3. Proxecto da estrada de segunda circunvalación. 4. Asfaltado en parroquias de vías con aglomerado e cunetas en formigón 5. Mellora dos accesos ao Punto Limpo e Depósito de Escombros 6. Mellorar as comunicacións Porto-Casco Urbano 7. Ensanche estrada de Ove-As Aceñas e pontes de FEVE 8. Finalización da estrada Reme-Vilela. 9. Eliminación de tódalas barreiras arquitectónicas e facilitar o acceso de persoas con discapacidade ás praias do concello mediante a construcción de servizos e accesos adecuados 10. Loita contra o tráfico de drogas e prevención do seu consumo. 11. Redacción dun plan de tráfico. 12. Realización de xornadas de Educación Vial. 13. Facer de Ribadeo sede de xornadas de Seguridade para Policías Locais. 14. Instalación de semáforos. 15. Creación dun GRUMIR profesional. 16. Adquisición dun camión contraincendios dotado dunha escaleira para acceder a edificios de máis de sete alturas. 17. Adquisición dunha nova desbrozadora de pistas para zona rural. 

4. EDUCACIÓN E CULTURA. 

1. Creación do Consello Escolar Municipal. 2. Transformación do Observatorio Astronómico da Casa da Ría en Planetario e adquisición dun novo telescopio para cursos de astronomía. 3. Ampliación da oferta educativa: Solicitude de ampliación de estudos de Galego para a Escola Oficial de Idiomas. 4. Potenciación do centro integrado ocupacional (para dar saída aos alumnos que no obteñan o graduado en ESO). 5. Apoio aos centros educativos (celebracións, xornadas, seminarios, programas europeos…) e programación de actividades en colexios despois da xornada escolar. 6. Fomento da lectura a través de bibliotecas na zona rural e nas praias con bandeira azul (bibliopraia) 7. Facer de Ribadeo sede de congresos de profesionais en temporada baixa e sede permanente de cursos de verán; firma dun convenio estable coa EGAP, Colexios Oficiais e as tres Universidades galegas. 8. Posta en marcha e potenciación da “Casa da Xuventude”. 9. Creación dunha Fototeca na antiga “Casa Viejo Pancho”. 10. Adquisición e rehabilitación da Aduana Vella para creación dunha Escola Náutica. 11. Posta en valor do cine-teatro: rehabilitación e ciclos de cine. 12. Fomentar o censarse en Ribadeo (obxectivo pasar a máis de 10.000 habitantes que de feitoo xa existen) a través de campañas informativas con incentivos e como consecuencia solicitude de creación da Comisaría de Policía. 13. Creación da Casa da Música. 14. Potenciación da Banda e a Escola de Música a través de cursos especializados e ampliación de estudos musicais 15. Acercamento da cultura ás parroquias e potenciación das comisións de festas locais. 16. Potenciación da Granxa Escola Pedro Murias. 17. Fundación dun museo 

5. SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS. 

1. Construcción de novas vivendas e rehabilitación das do casco histórico para xóvenes. 2. Atención a persoas dependentes e creación dun grupo de voluntariado. 3. Ampliación da oferta de plazas de Gardería Infantil e creación do servizo de recollida e entrega a domicilio. 4. Creación residencia da Terceira Idade. 5. Creación dun parque para a Terceira Idade. 6. Servizo de autobús para asistencia á Piscina Municipal (xubilados) 7. Servizo de soterramento gratuito en todolos cemiterios do Térmo Municipal. 8. Incentivar o Centro de Día: . Servizo de comedor. . Adecuación dun local para ximnasio. 9. Incentivar o Hospital-Asilo: . Ximnasia Mantemento. . Servizo Fisioterapeuta e callista. 

6. DEPORTES E ASUNTOS MARÍTIMOS. 

1. Creación dunha gran zona deportiva e de ocio en Vilaframil que conteña: . Dous campos de fútbol: un con herba artificial . Un polideportivo. . Unha pista de atletismo. . Dúas pistas de fútbol sala . Dúas pistas de baloncesto . Dúas pistas de tenis . Dúas pistas de padel 2. Habilitar área recreativa de Vilaframil para refuxo de pescadores e Centro de Recursos de pesca deportiva marítima. 3. Fomento dos deportes náuticos. 4. Apoio a clubes deportivos, ao Clube Náutico e clubes de deportes náuticos. 5. Fomento do deporte de base. 6. Contratación dun licenciado de INEF para ximnasia de mantemento a adultos e dirección de escolas deportivas. 7. Solicitar a Escola de Náutica para Ribadeo. 8. Creación dun edificio para deportes náuticos. 9. Construcción dun segundo porto deportivo (o actual está saturado, incluso con os novos pantaláns) en “A Vilavella”. 10. Reparación e ampliación do Polideportivo Municipal. 11. Creación da Concellalía do Mar e Asuntos Marítimos. 12. Fomento dos deportes de praia e organización de campeonatos. 13. Creación dun campo de tiro olímpico en Obe (antigos terreos do vertedoiro municipal). 14. Potenciación do Aeródromo de Vilaframil con apoio institucional para realizar actividades alternativas. 15. Creación dunha pista polideportiva na Vía transversal. 

7. TURISMO, MERCADOS E PRAZA DE ABASTOS. 

1. Potenciar a Praza de Abastos e o mercado semanal. 2. Proxecto de Excelencia Turística: “Q” calidad turística para establecimentos hoteleiros. 3. Renovación da páxina WEB MUNICIPAL e inclusión de tódolos establecimentos hoteleiros. 4. Apoio á creación dunha Estación Náutica. 5. Fomento das relacións cos Centros Galegos. 6. Edición dunha nova Guía de Comercios e Servizos 7. Fomento da celebración de Xornadas Gastronómicas entre os Establecimentos hoteleiros. 8. Impulso para a creación do Patronato de Turismo: “ A Mariña Lucense” 9. Creación dun mirador desde Calvo Sotelo á Capela de S. Miguel. 10. Posta en valor do Castro de “As Grobas” 11. Potenciación zona de “As Catedrais” mediante: . Construcción dun parking. . Autocar desde oficina de turismo para praias. . Acceso desde “Os Castros”. . Instalación dunha oficina de turismo .Construcción dun centro de interpretación

20201120

A LENDA DE SAN CRISTOVO. Celia Castro

 A LENDA DE SAN CRISTOVO
Celia Castro

(Publicado Boletín do Museo do Castro de Viladonga en nov. 2020)

Introdución
Desde antigo, atopámonos con figuras protectoras, ás que as persoas acoden nos momentos azarosos da vida. Desde o Neolítico é frecuente atopar santuarios nos que os devotos depositan ofrendas, para pedir sorte e saúde.
Co nacemento das relixións e a súa institucionalización, isto xeneralízase e xorden rituais preestablecidos que os fieis aceptan e transmiten aos seus familiares e achegados, de xeración en xeración.
Na Europa cristiá, sobre todo na Alta e Baixa Idade Media, períodos de forte inestabilidade política, social e económica, acúdese moito ás figuras dos santos, especialmente cun fin taumatúrxico, por mor das terribles pestes e enfermidades que abordelan á poboación, reducíndoa en ocasións nunha terceira parte.
As figuras de San Roque, San Sebastián, e San Lázaro, protectores contra a peste e a lepra, son sobradamente coñecidas. En case todas as cidades existe algunha capela ou santuario dedicada ao seu culto.
Un pouco menos popular é a devoción de San Cristovo, pese a ser un dos santos máis venerados na Baixa Idade Media, e os séculos posteriores.
Santo protector contra a peste e outras enfermidades, é tamén o que protexe da morte súbita, algo moi temido nos s. XV e XVI, pois o morrer sen recibir os auxilios espirituais podía, con moita probabilidade, facer que a alma do defunto non chegase ao desexado ceo e tivese que vagar no Purgatorio eternamente ou por un longo espazo de tempo.


San Cristovo
Cristovo significa Portador de Cristo.
O seu culto remóntase ao s. V en Asia Menor (Bitinia), de onde se irá estendendo polo Mediterráneo Oriental e de alí a toda Europa, onde o atopamos vixente xa no s. X.
Santiago de la Vorágine ou de Varazze, dominico xenovés, recolle na súa Leyenda Dorada 1 , (escrita en latín cara o ano 1264 e que é un compendio das vidas dos santos máis populares) a lenda de San Cristovo.
Pero será nos s. XV-XVI cando a devoción a este santo adquirirá máis forza, por mor das pestes e enfermidades que asolaban Europa e ao temor á morte súbita, punto considerado polos luteranos como superstición dos católicos. 2
O santo, de orixe cananeo, chamábase inicialmente Réprobo, ou Rebrobus, nome ao que renunciou máis tarde ao bautizarse e tomar o de Cristovo. Conta a lenda que era un home de gran corpulencia, de “doce codos de estatura”, que infundía temor a aqueles que o vían.
Quixo poñerse ao servizo do monarca máis poderoso da terra e percorreu o mundo na súa procura. Un día atopouse cun rei que dicían que era superior aos demais, e presentouse a el, incorporándose á súa corte. Nun banquete palaciano, escoitou unha cantiga que falaba do demo como alguén temible. O rei, que era cristián, persignábase cada vez que oía ese nome. Cristovo (que aínda se chamaba Réprobo), preguntoulle por que facía aqueles sinais e o rei contestoulle que era para protexerse do demo.
Cristovo sentiuse desilusionado ao ver que había alguén a quen o seu rei temía, entón dixo: “non sirvo ao rei máis poderoso da terra”, buscarei outro mais forte a quen servir. E abandonou aquel reino.
Seguiu a súa procura polo mundo, ata que un día, nunha paraxe desolada, viu un exército que viña fronte a el, conducido por un xefe de aspecto fero que lle preguntou “Que fas aquí?”. “Pois ando buscando ao señor demo para poñerme ao seu servizo”, dixo Cristovo.
Entón o soldado respondeulle: “Eu son o Demo”.
Cristovo, moi ledo por atopar o amo máis forte do mundo, púxose ao seu servizo.
Un día, atopáronse unha cruz de pedra e o demo púxose a tremer e fuxiu. Ao preguntarlle Cristovo, por que facía iso, respondeulle: “Porque existiu un home moi poderoso, chamado Cristo, que foi crucificado".
Cristovo ao ver que o demo non era o home máis forte do mundo, abandonouno e foi ver si atopaba a Cristo.
Chegou a unha paraxe onde había un anacoreta e preguntoulle se coñecía a Cristo, porque quería poñerse ao seu servizo. O anacoreta díxolle que Cristo era un señor que lle pediría moitos sacrificios, rezar, xaxuar, e servir aos demais. Para isto último e, aproveitando a súa colosal estatura, podería facer de barqueiro, pasando sobre os seus ombreiros aos viaxeiros que querían atravesar o río, que era moi perigoso.
E fíxoo así. Construíu unha cabana á beira do río, colleu un gran varal e dedicouse a pasar aos viaxeiros á outra beira.
Un día, chegou xunto a el un neno que lle pediu pasar o río. Cristovo botouno ás costas e empezou a atravesalo. O neno era moi pesado e o caudal do río empezou a medrar. Con todo, conseguiron chegar ben á outra beira. Canso, Cristovo díxolle ao neno: “Sentín como se nas miñas costas levase o peso do
mundo”.
“Si”, respondeulle o neno, “dixeches unha gran verdade”. “Eu son Cristo, o teu rei. Estás facendo un bo traballo. Cando chegues á túa cabana, afinca o teu varal no chan e verás que mañá dará froitos”. E desapareceu.
Ao outro día, o caxato de Cristovo era unha palmeira chea de dátiles.
Dende entón, Cristovo dedicouse a expandir a mensaxe de Cristo por moitas terras, convertendo á fe cristiá a moitas persoas. Finalmente foi decapitado en Licia, por orde do rei, despois de facer moitos milagres, converter ao cristianismo ás prostitutas Aquilina e Nicea e curar a moita xente de pestes e enfermidades varias.

Cristovo é o prototipo do home forte en corpo e espírito, xusto e valoroso, unha figura poderosa e taumatúrxica á que acudir nos momentos críticos.
De aí, penso, a importancia da súa devoción, nuns séculos marcados pola peste e as epidemias derivadas das guerras.


Iconografía de San Cristovo.
Como é frecuente nas figuras dos santos, a iconografía de San Cristovo sufriu unha evolución ao longo do tempo. Nos seus comezos poderíase conectar con lendas exipcias e grecorromanas. Nas súas primeiras representacións figura cun corpo de home e cabeza de can, quizais un transunto do deus exipcio Anubis e así permanecerá no Imperio Romano de Oriente durante toda a Idade Media.
Posteriormente, en occidente, representarase como un home de anatomía colosal e gran forza, que recorda aos heroes gregos Eneas, Hércules e ao Sansón bíblico.
“A súa representación en occidente queda fixada a partir da Lenda Áurea, no s. XIII. Durante a Idade Media o seu culto foi moi extenso, tanto en oriente como en occidente, aínda que as súas iconografías sexan diferentes”. 2
“Su representación más común es la de un gigante caracterizado como peregrino y pasador. Rostro barbado, a veces tocado con un sudario, cubierto con un manto sobre una saya remangada hasta las rodillas sujeta por un cinturón en el que lleva prendidos a los pasajeros, lleva a hombros al Salvador Niño que porta el orbe y se apoya en una palmera a modo de cayado.
Es habitual también la representación de los peces del río entre sus piernas sumergidas y en ocasiones del ermitaño con linterna en la otra orilla. En muchas de las representaciones medievales cuelga de su brazo una gran piedra de molino posiblemente alusiva a su fortaleza”. 4
A súa figura foi considerada protectora para viaxeiros e peregrinos e colocada a miúdo á entrada das igrexas.
Tamén foi considerado protector contra a morte súbita, algo moi temido, pois supoñía morrer sen a administración do sacramento da extremaunción, o que dificultaba a entrada no ceo.
Polo tanto era frecuente que o viaxeiro ou peregrino levara unha estampa do santo metida nunha caixiña e colgada do pescozo, o que probablemente avisaríalle da súa morte polo menos vinte e catro horas antes, para que puidese prepararse debidamente.
Co advento da Reforma de Lutero e a desvalorización do culto aos santos e a súa ridiculización polos protestantes, a Contrarreforma decidiu controlar estas manifestacións de piedade popular.
A Oración a San Cristovo é unha das que figuran prohibidas no Índice español de 1559, aínda que nela non hai ningunha fórmula que xustifique isto.
“Sin embargo su inclusión a partir del Índice Español de 1559 permite suponer que los censores la relacionaban con prácticas supersticiosas o con formas reprobables de piedad”. 5
Todos os poderes que se atribuían ao santo, incluso á mesma imaxe do santo, que os peregrinos levaban consigo, puido ser causa do rechazo ao seu culto.
Marcela Londoño refírese no seu artigo ao “papel primordial que tuvo la representación pictórica del mártir para ejercer las funciones apotropaicas que se le atribuirían.” E tamén “San Cristóbal recibe de Dios la bendición para aquellos que estén en posesión de sus reliquias; las ciudades por donde estas pasen o se encuentren serán liberadas de las tormentas de granizo, de las plagas en los cultivos y de las vides estériles, y recibirán la gracia para recoger siempre el producto de la cosecha. La sola invocación de su nombre alejará demonios, enfermedades físicas o malos deseos, así como la ira, el fuego, el hambre o la muerte. A través de su intercesión, todos los pecados, incluso los de los malhechores y endemoniados, serán perdonados.”

Ademáis: “Protege del mal de ojo, es el protector contra los dolores de muelas y contra la inflamación de los dedos, conocida en español como panadizo. Es el patron de las profesiones arriesgadas, que se ven continuamente enfrentadas al peligro de la muerte súbita. Por su gran tamaño y fuerza es también el patrón de los atletas y de aquellos que tienen que transportar físicamente cargas pesadas. Su oficio lo convirtió, en la Edad Media, en abogado de los peregrinos y de quienes tenían que atravesar un río. Finalmente, el bastón florido que se popularizó en el relato de Vorágine, lo tornó apto para proteger a los jardineros y a los arboricultores y sus cultivos.” 6

Malia a censura que tivo a súa devoción, a partir do s. XVI, seguiu sendo o protector de múltiples enfermidades e a morte súbita na devoción popular. Moitos fogares tiñan unha imaxe do santo. A proba é que hoxe en día e considerado oficialmente patrón dos condutores.
Neste artigo analizarei tres representacións de San Cristovo coa iconografía tradicional dos séculos XIV e XV: San Cristovo de Buxheim, San Cristovo da igrexa de San Marcos de Salamanca, e San Cristovo da igrexa lucense de San Facundo de Ribas de Miño. A protección do santo sobre os viaxeiros ten nas dúas últimas representacións a peculiaridade de que se relaciona cos peregrinos que facían o Camiño de Santiago, suponse que estes encomendábanse especialmente ao santo. A súa representación ten na porta das igrexas onde se erixe este sentido específico.

 

San Cristovo de Buxheim

Unha das primeiras representacións de San Cristovo, coa iconografía máis difundida que é a que coñecemos na actualidade, atopouse na abadía de Buxhein, en Alemaña, e é tamén un dos primeiros gravados xilográficos. Está datada en 1423.

De aí estenderíase a Centroeuropa e Inglaterra.

Atopouse pegado no interior dun manuscrito (libro de oracións) da cartuxa de Buxheim no distrito de Augsburgo. Tiña ao pé da imaxe un texto latino coa data e a inscrición seguinte: Chistofori faciem, die quocunque tueris. Illa nempe die morte mala non morieris. Millesino CCCCXX tercio”. 7
Por esta inscrición, suponse que sería unha destas estampas que os peregrinos levaban encima, nunha caixiña, para protexerse da morte súbita. Aínda que non se coñece o nome do autor, cabe supoñer que sería alemán, da zona de Augsburgo 8 , polo temperán desenvolvemento do gravado nesta zona, e probablemente sería á vez debuxante e gravador.
Artisticamente é moi superior a outras da época, ademais, as letras que aparecen debaixo, están gravadas na mesma prancha (en caracteres góticos), nunha data bastante anterior á invención da imprenta.
A escena está tomada desde un punto de vista baixo, a modo de tapiz, algo moi frecuente no estilo gótico e presenta tamén unha serie de características comúns a outras obras europeas do s. XV, como son, a bidimensionalidade e a falta de técnica á hora de representar a perspectiva e os diferentes planos e a uniformidade nos trazos, sen gradación nin claroscuro. Cando se quere dar unha sensación de sombreado, fanse trazos pequenos moi xuntos.

Con todo, isto compénsase coa riqueza de detalles, sobre todo á hora de representar a natureza, incluso, a veces, detalles da vida cotiá, o que fai desta unha obra singularmente atractiva.

 


Na figura 1 pódese ver a xilografía orixinal, e na figura 2 a mesma xilografía coloreada.
En ambas represéntase a San Cristovo como un xigante barbado que pasa un río apoiándose nunha palmeira e leva sobre o seu ombreiro ao Neno Xesús, coroado cun nimbo crucífero. O Neno bendice coa man dereita, sostendo a esfera do mundo coa man esquerda.

O grande encanto desta imaxe é que o artista sitúa a escena nunha paraxe que el coñece moi ben, quizais na campiña de Alemaña. Coloca personaxes da vida contemporánea. Na marxe esquerda pódese ver un muíño da época e un campesiño que vai co seu asno moer. Saíndo do muíño, outro campesiño leva ao lombo un saco e diríxese a unha granxa próxima.
Na marxe dereita, vemos ao ermitán da lenda diante da súa ermida, prostrado de xeonllos e sostendo o farol coas mans.
Ademais, o artista ilustra a estampa cunha flora e unha fauna tamén autóctona: árbores, flores, triscos de herba, un simpático coello asomando a cabeza e, no río, entre unhas ondas moi pouco naturalistas, que parecen febras de la, asoma un peixe que parece nadar.
Todos estes detalles dan credibilidade a escena e fan que á xente lle resulte máis próxima e entrañable a lenda de San Cristovo.
Ao mesmo tempo hai que pensar que este gusto por representar a natureza é unha tendencia xeneralizada no estilo gótico: a plasmación da paisaxe, a realidade e o cotián.

 

San Cristovo da Igrexa de San Marcos de Salamanca.

A igrexa de San Marcos de Salamanca atópase ao norte da cidade, ao lado da que sería a antiga Porta de Zamora e ao comezo da Calle Zamora, unha das que van a dar á Plaza Mayor.

Non se sabe de certo a súa data de fundación, algúns autores falan do s. XI e outros de finais do s. XII (1178), pois noméase nalgúns documentos como “parroquia del barrio de Castellanos”. 9

Posiblemente a igrexa xa estaba construída en 1208, cando o rei Alfonso IX de León deulle o seu goberno á Clerecía. Posteriormente engadiríanse o pórtico, a sacristía e outros elementos.

As pinturas murais descubríronse en 1967 durante unha restauración.
Este fresco de San Cristovo (chamado polo pobo Cristovoón), encádrase no s. XIV, no estilo gótico, e é unha das máis fermosas e temperás mostras da imaxe do santo coa súa iconografía máis xeneralizada e popular. Atópase á beira da porta, entrando a man esquerda, situación que se repite noutras igrexas.
A pintura está enmarcada, a modo de tapiz, cunha orla con motivos de cintas planas.
Á dereita do santo, que ocupa practicamente toda a altura do recadro, atópanse figuras de outros santos en tamaño máis pequeno. O do recadro superior leva un bordón na man dereita e está identificado como Santiago Apóstolo. O do recadro intermedio porta unhas tenaces na man dereita. Non está identificado, puidera tratarse do bispo San Dustan de Canterbury, que adoita levar na man unhas tenaces, para defenderse do demo (unha das atribucións de San Cristovo é precisamente protexer ao fiel das emboscadas do demo). A figura que estaría no recadro inferior, presumiblemente outro santo, non se conserva.
Quizais a representación de Santiago teña que ver co sentido da protección do viaxeiro, encarnado na figura de Cristovo.
Segundo Tomás Gil, a igrexa de San Marcos ten moita relación có Camiño de Santiago porque formaba parte dos lugares de acollida ao peregrino: “Primero se les acogía en la iglesia de Santiago, junto al río; de ahí, pasaban a San Martín, con los comerciantes y, finalmente, se les ofrecía auxilio espiritual en San Marcos, donde existía y existe una pintura de San Cristóbal, patrón de los desplazamientos”.10

A figura de San Cristovo é de moi boa factura para o momento. Incluso algúns autores non descartan que sexa posterior ao s. XIV. Presenta un naturalismo e unha expresividade notables: o rostro ten faccións realistas, a anatomía está bastante ben tratada, os pregados da túnica adáptanse ao corpo e, o máis significativo, a figura do Neno adáptase á figura do santo de forma natural. Todo isto fálanos dun artista experto.

A súa iconografía é a usual dos séculos XIV e XV. San Cristovo pasa o río co Neno Xesús nos ombreiros, (que leva a esfera do mundo na man esquerda e bendice con dous dedos da man dereita), apoiándose nunha palmeira coa man dereita, para axudarse a atravesar o caudal de auga, representado cunhas ondas.
Con todo, hai moito máis detallismo que na xilografía de Buxheim e, como dixen anteriormente, unha referencia máis específica á protección dos viaxeiros, representada nas tres pequenas figuras que leva suxeitas no cinto: os peregrinos aos que axuda a pasar o río.
Tamén na marxe dereita do río hai outra pequena figura (posiblemente outro viaxeiro) en actitude de orar. Á esquerda do santo aparece outra pequena figura cunha man levantada, que ben puidera ser o eremita que adoita representarse. O estado de deterioro desta imaxe non nos permite ver máis detalles que o puidesen esclarecer.
Outro elemento que non aparece na imaxe de Buxheim e si nesta pintura, é a roda de muíño que, quizais en alusión á fortaleza do santo, este leva colgada do seu brazo esquerdo.
O artista, quizais para evitarse unha complicación técnica ou tal vez por moda, fuxe das representacións paisaxísticas complexas, poñendo un fondo decorativo, como de azulexo, contra o que se recorta a figura, solucionando así o problema espacial.
Polo realismo e a colocación da figura, vexo factible que esta composición date da segunda metade do s. XV.


San Cristovo da igrexa de San Facundo de Ribas de Miño.
San Facundo de Ribas de Miño, pertence ao concello de Paradela, na Ribeira Sacra. Neste lugar, á beira do río Miño, fundouse cara a 1120 un mosteiro beneditino.
Crese que co fin de auxiliar aos peregrinos que ían a Santiago de Compostela. Aínda que este dato está por avalar documentalmente. Trala destrución da ponte de Portomarín por orde da raíña Dona Urraca en 1119 (para impedir o paso do seu marido Alfonso I de Aragón, O Batallador), os monxes axudaban a pasar o río Miño aos peregrinos nas súas barcas.
Cando a ponte foi reconstruída, albergaban no seu mosteiro aos peregrinos sen recursos e continuaban transportando a aqueles que non dispoñían de diñeiro para pagar o portádego de dita ponte. 11

A finais do s. XII ou 1o do s. XIII, estableceuse alí unha comunidade cisterciense que no ano 1620 pasou a depender do mosteiro de Santa María de Montederramo, en calidade de priorado.
Das antigas construcións consérvase actualmente a igrexa e, á beira, os restos das edificacións monacais.
A igrexa é sinxela, dunha soa nave, cunha ábsida semicircular cuberta cunha bóveda de nervios que parece bastante antiga.
En 1982 foi nomeada monumento de interese nacional e en 1997 foi restaurada.
A nave está decorada con pinturas ao fresco, catalogadas como de estilo gótico hispanoflamenco e, segundo unha inscrición que figura na imposta, mandadas facer polo prior Frai Pedro da Somoza, na Era de 1474, ou sexa, no ano 1436. 12 Están moi deterioradas, quizais pola humidade do lugar.
No muro norte, non moi distante da porta, atópase a figura de San Cristovo, seguida das de San Bartolomeu, San Francisco de Asís e a da Virxe María dándolle o peito ao Neno. No muro sur, a de San Sebastián e un Calvario (O Crucificado entre a Virxe María e San Xoan Evanxelista).
A figura de San Cristovo está moi deteriorada, pero aínda así podemos ver que sigue os parámetros iconográficos doutras obras contemporáneas, representándose os elementos máis esenciais da lenda do santo.

A imaxe de San Cristovo figura nun recadro enmarcado como un tapiz o que adoita ser frecuente nas pinturas murais dos séculos XV e XVI.
A figura do santo, xigantesca, como é común nas representacións do santo, ocupa case toda a altura do marco. Representado de fronte, cunha lixeira torsión, está cruzando o río, apoiándose nun tronco de palmeira florecido. Viste unha túnica arremangada un pouco máis abaixo dos xeonllos e cinguida cun cinto por riba do que asoman tres cabeciñas, sen dúbida as dos viaxeiros aos que axuda a pasar o río. Leva nos seus ombreiros ao Neno Xesús que, como é habitual, parece bendicir coa man dereita mentres leva na esquerda unha cruz.
O debuxo é moi claro e a factura moi sinxela, pero non está exento de graza.
Debido á mala conservación da pintura, non se pode analizar en profundidade pero si acértanse a ver outros elementos que resultan comúns ás obras anteriores.
Á dereita do santo, en pequeno tamaño -por mor da ausencia de perspectiva lineal e do punto de vista baixo- distínguese unha pequena figura orante que, polas súas longas vestiduras e o que parece unha tonsura, algúns autores identifican cun monxe, quizais o doante. 13 Eu penso que, como é común nas outras representacións, trátase simplemente dun orante que agarda para pasar o río.
Á esquerda do santo, na outra marxe do río, distínguese con claridade a un monxe que sostén un farol. Detrás del vese unha pequena igrexa ou mosteiro. Contrariamente ao que pensan outros autores, que pode tratarse dun monxe que aluma o camiño aos peregrinos, parécenos que é o ermitán da lenda que xa aparece representado na xilografía de Buxheim coas mesmas características: está no lado esquerdo do santo, no lado dereito da pintura, porta o farol en alto, parece estar axeonllado e detrás del vese unha igrexa ou mosteiro.
Por todo isto podemos deducir que o autor, ou autores, coñecían ben a historia e a iconografía de San Cristovo, figura moi popular entre os viaxeiros, moitos dos que, probablemente, portaban estampas coa súa imaxe.
Así, nun lugar secundario no Camiño Francés, esta devoción cobrou singular importancia, ocupando a imaxe do santo, como noutras igrexas, un lugar preferente, próximo á porta principal da igrexa.


Conclusión
A figura de San Cristovo, nos séculos XIV, XV e XVI, nunha Europa asolada polas guerras, as enfermidades, pestes e demais perigos, tivo unha especial relevancia, sendo unha referencia espiritual para os viaxeiros que se lle encomendaban na procura de protección e amparo.
En España (aínda que este non é un estudo en profundidade da proxección da figura do santo), non somos alleos a esta corrente e, polos dous exemplos expostos, podemos ver como o seu culto pode relacionarse co Camiño de Santiago. A imaxe de San Cristovo ocupa un lugar preferente en dúas igrexas que recollen a peregrinos xacobeos e represéntase coas doutros santos que tamén lles ofrecen protección, aparecendo na de San Marcos de Salamanca asociada á de Santiago Apóstolo.
Penso que esta devoción a San Cristovo en España, na baixa Idade Media, quizais traída por peregrinos desde Centroeuropa, merece un estudo en profundidade polas súas características relixiosas e antropolóxicas.


Bibliografía
DE LA TORRE VILLAR, E., Ilustradores de libros: guión biobibliográfico, Universidad Nacional Autónoma de México, México, 1999.
DE LA VORÁGINE, S., La Leyenda Dorada, T. I., Ed . Alianza Forma, Madrid, 1982.
FERNÁNDEZ LÓPEZ, A., Os mosteiros de Santa María de Castro de Rei e San Facundo de Ribas de Miño, Artes Gráficas Lucenses, Lugo, 2018.
HERNÁNDEZ, C., ”Secretos de la Historia de San Marcos”, El Norte de Castilla, 24 abril 2017.
GARCÍA CUADRADO, M. D., “San Cristóbal: significado iconológico e iconográfico”, Antigüedad y cristianismo: Monografías históricas sobre la Antigüedad tardía, no.17, Universidad de Murcia, Murcia, 2000 La Colmena, Vol III.
LONDOÑO RENDÓN, M. “La imagen de una oración prohibida. El culto supersticioso en torno a san Cristóbal”, Studia Aurea, No 9. Universitat Autònoma
de Barcelona, Barcelona, 2015.
MANZARBEITIA VALLE, S., “San Cristóbal”, Revista Digital de Iconografía Medieval, Vol. I, No 1, Universidad Complutense de Madrid. Departamento de Historia del Arte, Madrid, 2009, ISSN: 2254-853X.
REÁU, L., Iconographie de l’art Chretien, Tome III/1, Iconographie des saints, París, P.U.F., 1958.

 

Webgrafía

BAENA YERÓN, C., “Salamanca, San Marcos”, La Guía digital del Arte Románico. http://www.castillodeloarre. org/Salamanca/02-SanMarcos.htm

Ribeira Sacra. Iglesia de San Facundo de Ribas de Miño. https://turismo.ribeirasacra.org/es/iglesia-de-san-facundo-de-ribas-de-mino 


Notas
1

Santiago de la Vorágine. La Leyenda Dorada, T. I, Ed. Alianza Forma, Madrid, 1982, pp. 405-409
2

Santiago Manzarbeitia Valle, “San Cristóbal”, Revista Digital de Iconografía Medieval, Vol. I, No 1, Universidad Complutense de Madrid. Departamento de Historia del Arte, Madrid, 2009, ISSN: 2254-853X, pp. 43-49.
3

Ma Dolores García Cuadrado, “San Cristóbal: significado iconológico e iconográfico”, Antigüedad y cristianismo: Monografías históricas sobre la Antigüedad tardía, no. 17, Universidad de Murcia, Murcia, 2000, pp. 343-366
 

4Santiago Manzarbeitia Valle. “San Cristóbal”, Revista Digital de Iconografía Medieval, Vol I, No1, Universidad Complutense de Madrid. Departamento de Historia del Arte, Madrid, 2009, ISSN: 2254-853X, páx 43.
5

Marcela Londoño Rendón. “La imagen de una oración prohibida. El culto supersticioso en torno a san Cristóbal”. Studia Aurea, No 9, Universitat Autònoma de Barcelona, Barcelona, 2015, pp. 361-390. Páx 363.
6

Marcela Londoño, Idem, páx 377. Cita o libro de Luis Reáu, Iconographie de l’art Chretien, Tome III/1, Iconographie des saints, París, P.U.F., 1958, páx. 306.
7

Ernesto de la Torre Villar, Ilustradores de libros: guión biobibliográ- fico, Universidad Nacional Autónoma de México, México, 1999, páx. 345
8

La Colmena, Vol III, páx. 181
9

Carmen Baena Yerón, “Salamanca, San Marcos”, La Guía digital del Arte Románico. http://www.castillodeloarre.org/Salamanca/02-SanMarcos.htm.
10

Cecilia Hernández,”Secretos de la Historia de San Marcos”, El Nor- te de Castilla, 24 abril 2017.
11

Ribeira Sacra. Iglesia de San Facundo de Ribas de Miño. https://turismo.ribeirasacra.org/es/iglesia-de-san-facundo-de-ribas-de-mino.
12

Ángel Fernández López, Os mosteiros de Santa María de Castro de Rei e San Facundo de Ribas de Miño, Artes Gráficas Lucenses, Lugo, 2018.
13

Ángel Fernández López, Idem, páx. 287.