NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA EN DEFENSA E PROTECCION DAS ÁRBORES
20250108
NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA EN DEFENSA E PROTECCION DAS ÁRBORES
NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA EN DEFENSA E PROTECCION DAS ÁRBORES
A máis da mesa de recollida de sinaturas, está aberta unha petición en Change.org: https://www.change.org/p/paremos-a-corta-dos-%C3%A1rbores-de-ribadeo-e-a-s%C3%BAa-contorna
20241231
Comunicado sobre árbores e Ribadeo
Onte tivemos unha xuntanza informal da Plataforma pola defensa das nosas árbores. De alí saíu unha nota de prensa que adxunto, e á que incorporo antes un plano do parque coa descrición das árbores que me faltou de poñer na entrada www.ribadeando.com/2024/12/o-parque-de-ribadeo-no-seculo-xx-do.html e deixo por poñer para máis adiante un moi pequeno resume da xuntanza que parecía mesmo unha concentración polo número de xente que nos achegamos.
O folleto, feito con motivo do día da árbores de 1988 pola Del. de Educación do Concello con debuxos de Fermín Rodríguez baixo indicación indicación de Vicente Méndez, daquela xardineiro do concello. Teño que agrader á actual bibliotecaria, Mónica Martínez, a súa procura:
Tendo falado na xuntanza sobre facer unha lista de árbores, transcribo doutro xeito e con algunha corrección a última folla, incluíndo o nome, nome científico e número de exemplares, por se poidera servir cara ó futuro:
Árbores no Parque de Ribadeo en 1988:
- Zona do Parque de San Francisco (parque dos nenos, parque da igrexa, zona do palco da música...)
Choupo do Canadá / Populus canadensis - 12 exemplares
Choupo branco / Populus alba - 4
Plátano do Oriente / Platanus orientalis - 8
Castiñeiro das Indias / Aesculus hippocastanum - 2
Pradairo / Acer platanoides - 2
Robinia (Falsa Acacia) / Robinia pseudoacacia - 6
Salgueiro Chorón / Salix babilonica - 2
Acacia de tres espiñas / Gleditsia triacanthos - 1
Magnolia / Magnolia grndiflora - 1
- Zona da Praza de España (Parque do Viejo Pancho, Parque do Cantón)
Castiñeiro das Indias / Aesculus hippocastanum - 16
Olmeiro Común (Negrillo) / Ulmus campestris - 2
Olmeiro (Olmo) / Ulmus pupila - 2
Olmeiro (Olmo) / Ulmus pendula -2
Cinamomo / Melia azederach - 5
Pradairo / Acer platanoides - 21
Robinia (Falsa Acacia) / Robinia pseudoacacia -1
Washingtonia / Washingtonia filitus -4
Moreira Branca / Morus alba (var. pendulae) -4
Cedro / Cedrus atlantica - 1
Palmeira Canaria / Phoenix canariensis - 5
Tuia de Oriente / Thuja orientalis -1
Tuia / Thuja plicata - 1
O comunicado enviado á prensa:
COMUNICADO DE VECIÑ@S DAS VIVENDAS SOCIAIS DA RÚA CLEMENTE MARTINEZ PASARÓN
Un grupo de veciri@s da vivendas sociais estamos recollendo sinaturas de apoio ao escrito que abaixo se reproduce. Como se pode ver no texto, o motivo de inquedanza está plenamente xustificado. En poucos días estará rematada recollida e serán presentadas no rexistro do Concello de Ribadeo.
Sr. Alcalde de Ribadeo:
Os abaixo asinantes, veciñas e veciños residentes nas vivendas sociais da Rúa Clemente Martínez Pasarón e colindantes desexamos
comunicarlle a nosa inquedanza polos rumores de unha posible reforma urbanística do espazo próximo aos nosos domicilios que suporía a tala das árbores alí existentes, a eliminación do espazo verde e a supresión dos vertedoiros de lixo subterráneos que prestan un inestimable servizo, sen cheiros nin outro tipo de incomodidades.
Dado que descoñecemos o que terían de certo ditos rumores, solicitamos se nos facilite información oficial que confirme ou desminta a existencia do devandito proxecto.
Asemade debemos transmitirlle as queixas de numerosos veciños e veciñas polo temor de que dito proxecto poda facerse realidade e que se teña en conta esta opinión e se deixe en suspenso o devandito proxecto en caso de existir.
Ribadeo, 4 de Decembro de 2024
20241204
Concentración en defensa e protección das nosas árbores
Onte á noite tivo lugar a concentración convocada pola plataforma en defensa das árbores da vila de Ribadeo. 250 persoas nunha noite desapacible diante do concello, cun acto principal: a lectura do manifesto elaborado para a ocasión. Pancartas, coros e a lembranza de que esta concentración é o comezo, non o final, acompañaron á lectura do manifesto que deixo abaixo en audio e, ó final, en texto:
Para palpar o ambiente, algunha das fotos tomadas por Suso, Isabel e Mati:
Texto do manifesto:
BOA NOITE, AMIGAS E AMIGOS!
O primeiro de todo, graciñas por acudirdes a esta convocatoria que ten lugar nesta desapracible e húmida noite de decembro.
Hoxe estamos aquí moita xente amosando a nosa protesta e repulsa polo acontecido nestas últimas tres semanas: as podas innecesarias e indiscriminadas e as cortas salvaxes perpetradas polo Goberno Municipal en varios espazos emblemáticos da vila: nas estradas do Faro e cemiterio, con anterioridade no parque infantil, Forte de S. Damián, Colexio Público Gregorio Sanz, nesta mesma praza do lado, etc.
Pero tamén estamos aquí para evitar que este Goberno Municipal siga con proxectos que pasan por levar a cabo actuacións similares no Parque de S. Francisco, na Praza do Campo (fronte a nós), nas vivendas sociais situadas cara ó Convento das Clarisas...
Esta situación é inaceptable a un proxecto dun Ribadeo máis habitable e saudable, e moi contraria á imaxe que debe dar a vila.
ESIXIMOS que se poña fin a esta exaltación do cemento en detrimento dun hábitat verde; PEDIMOS que finalice XA a destrución do noso patrimonio natural.
Moitas das especies que se cortaron ou que se podaron inadecuadamente, necesitaron de 20 a 30 anos para acadaren o desenvolvemento que mostraban. Unha motoserra necesitou poucos minutos para acabar coa vida do que son un dos máis grandes tesouros dos que dispón o noso planeta.
AMIGOS, AMIGAS, as árbores son máis que madeira e follas, SON VIDA.
As árbores transforman o dióxido de carbono en osíxeno. Nelas viven insectos, paxaros e pequenos mamíferos. Mesmo cando unha árbore morre segue dando vida en forma de fungos. Dan froitos e sombra, a súa contemplación énchenos de ledicia e plenitude. Algúns facultativos prescriben curas de natureza para baixar os niveis de estrés.
Os espazos con árbores son indispensables nos contornos urbanos porque melloran a calidade do aire. Unha grande árbore pode absorber ata 150 kg de gases contaminantes nun ano. Plantalas ó redor dos edificios arrefría o aire entre 2 e 8 graos.
Cortalas de forma basta e indiscriminada antes de analizar e xustificar moi ben por que se fai, é unha temeridade. Antes de facer un traballo tan agresivo débese levar a cabo un estudo onde se especifique moi claramente qué árbores están enfermas (seguramente irrecuperables) e aquelas nas que é necesaria unha poda por motivos de seguridade.
AMIGAS, AMIGOS, ás veces invádenos a sensación de que vivimos nun mundo do revés. Atopámonos nun escenario de cambio climático moi preocupante, aseveración contrastada e confirmada pola comunidade científica; pola contra, sabemos que hai xente que o cuestiona ou que o nega.
A loita contra este cambio climático pasa por diferentes accións que teñen que vir deseñadas polos estamentos que nos gobernan. Desde o estado, pasando polas comunidades autónomas e tamén dos concellos, loxicamente. Aquí, en Ribadeo, estamos asistindo atónitos á supresión e á non creación de novos espazos verdes (PXOM DE 2014), á corta e poda antiecolóxicas de árbores de moitos anos de vida. Todos, -as nós asistimos impotentes, e ó principio incrédulos, a estes feitos. POR ISO ESTAMOS AQUÍ, para BERRARMOS CON UNHA ÚNICA VOZ: BASTA XA!
Desta volta principiou a polémica pola corta de árbores (algunha de máis de 30 anos) no Colexio Público Gregorio Sanz, lugar que reunía as condicións idóneas para ser un espazo de liberación da catividade do cemento para devir nun espazo que cada ano que pasa está máis inmerso nel.
O feito de que unha nena ou neno se manteña en contacto coa terra é algo que lle vai proporcionar seguridade e calma. Xogar no campo, pisalo, respirar aire puro, é algo que nada ten que ver con facelo no asfalto.
Sabemos que para loitar contra as ondas de calor, cada vez máis intensas e longas, unha das solucións pasa por crear illas verdes; isto é, espazos con herba, árbores e plantas que fan o efecto de rebaixar a temperatura, xusto á inversa do que ocasiona o asfalto.
Ningunha xeración ten tanto que perder polos efectos do cambio climático como a Xeración Z. Pechar os ollos a esta realidade cuxas consecuencias son cada vez máis tanxibles NON É UNHA OPCIÓN.
Moitas e moitos dicimos que é tempo de actuar e o momento é AGORA.
Como final, queremos lembrar con todos vós este proverbio indio:
“A TERRA NON É HERDANZA DOS NOSOS PAIS
SENÓN UN PRÉSTAMO DOS NOSOS FILLOS”.
Moreas de bicos e graciñas. Boa noite!
20240701
Sobre Altri e a saúde
Só unhas poucas verbas para facerme eco dunha nova que máis que nova é un documento sobre os efectos da pretendida celulosa de Altri na Ulloa sobre a saúde. A nosa saúde, a de todos, por moito que afecte máis, naturalmente, á zona da Ulloa e río abaixo. Por certo, apoiado no único traballo que existe sobre o tema, que saíu do grupo de Sonia Villapol, de quen seguro que tes escoitado falar aínda que do traballo emncionado non se escoitara nada nos medios 'tradicionais'.
A ligazón: https://praza.gal/opinion/proxecto-altri-e-asma-bronquial
![]() |
Captura de pantalla do artigo mencionado. |
20240408
Da xuntanza de pensionistas de 20240406 en Ribadeo
Da xuntanza de pensionistas de 20240406 en Ribadeo
Sábado 6 de abril tivo lugar a concentración pensionista que se mantén dende hai tempo os primeiros sábados de mes en Ribadeo, nas escaleiras da Casa do Concello. 35 persoas, un día máis, en común.
Deixo dous audios (podcast) coas verbas de Evaristo Lombardero, que, na primeira parte reflectiu o comunicado que adxunto máis abaixo, e na segunda pasou a outras reseñas.
Comunicado da Unidade de Acción pensionista estatal ante a prórroga dos Orzamentos Xerais do Estado
25 de marzo 2024
A UAE pensionista rexistrou con data de decembro e febreiro dos anos 2023/2024 no Congreso as demandas urxentes que o colectivo consideraba necesario introducir na tramitación parlamentaria dos PXE.
Por mor do rexistro das nosas reivindicacións no Congreso dos Deputados, por parte das organizacións de pensionistas de Unidade de Acción Estatal fóronse celebrando diversas reunións cos grupos parlamentarios de BNG, SUMAR, EH Bildu, ERC e PODEMOS (o PSOE de momento non nos contestou), con diverso grao de compromiso respecto ao apoio das nosas reivindicacións, para levalas ao debate (que parecía inminente) dos Orzamentos Xerais do Estado.
Despois de celebradas esas reunións o calendario político cambiou, ese debate non se dará. Pero sexa cal for a situación, as organizacións que subscribimos este comunicado manifestamos a nosa vontade decidida e unitaria de esixir, ao goberno e aos paridos que lle apoian, os obxectivos da nosa táboa reivindicativa e os compromisos adquiridos. Os PXE prorróganse, pero as necesidades das persoas pensionistas son improrrogables. Se hai vontade de atendelas, seguro que son posibles, e desde as rúas e as prazas así o esixiremos.
Ao colectivo pensionista esta situación atrasa a posibilidade de que o goberno poña en marcha unha serie de medidas económicas, sociais e políticas que vimos esixindo. A non aprobación dos orzamentos pode poñer en cuestión algunhas das subidas previstas e vai seguir perpetuando a enorme brecha de xénero en pensións (máis do 30%) que afecta as mulleres, e ás pensións mínimas cuxa subida do 6,9% é insuficiente e seguen sendo pensións de miseria.
Así mesmo a prórroga orzamentaria consolida a desigual distribución da riqueza. As rendas do capital seguen aumentando. Este ano as empresas do IBEX tiveron un récord de beneficios, os bancos máis de 26.000 millóns, mentres que os salarios crecen por baixo da inflación, é dicir, redúcense en termos reais ao mesmo tempo. En todo o Estado 12,6 millóns de persoas (o 26% da poboación) atópanse no limiar da pobreza ou na exclusión social.
Observamos con preocupación que a actuación dos grupos parlamentarios, salvo algunha excepción, cada vez afástase máis dos intereses xerais da cidadanía. Hai unha crecente percepción, de que as nosas institucións e representantes non dan solución ás necesidades máis claras e concretas da xente: sanidade, educación, pensións públicas, condicións decentes de traballo, protección do dereito á vivenda etc.
Desde todas as institucións, desde a xudicatura ao Parlamento, erosiónanse cada vez con máis enerxía os dereitos de manifestación e expresión. Os movementos sociais vémonos baixo ameazas de todo tipo cando denunciamos inxustizas evidentes: desde a morte nas residencias, ao bloqueo do acceso á administración por medios telemáticos, os desafiuzamentos a persoas desamparadas, os abusos laborais, os incumprimentos de contratos, a corrupción ou as estafas estruturais aos consumidores por parte de grandes empresas. O Movemento Pensionista está a sufrir a aplicación da Lei Mordaza, desprazándonos de forma arbitraria da Praza do Congreso, do mesmo xeito que outros colectivos e movementos, e abriuse proceso sancionador a dous compañer@s de Alcalá de Henares. Esta perda de liberdades sociais non a imos a permitir.
As persoas pensionistas e calquera traballador@ están ameazadas pola perda ou a privatización do salario diferido que son as pensións públicas. Por iso, imos seguir expondo sexa cal for a situación institucional do país, as nosas reivindicacións:
- Pensións públicas mínimas equiparadas co SMI e ambas equivalentes ao 60% do salario medio segundo a carta social Europea. Plantexamos 1080 € xa!
- Habilitar partidas económicas para pechar a vergoñosa brecha de xénero. O complemento asignado e non consolidado de 33 € non resolve ningún problema.
- Aumentar a base reguladora da pensión de viuvez que permita unha pensión digna.
- Esiximos o cumprimento da lei 21/2021, segundo a cal se realizaría unha auditoría das contas da Seguridade Social (S.S.) que garanta a compensación derivada do desvío de cotizacións a fins alleos ao sistema público de pensións e da Seguridade Social.
- Rexeitamos os PPEs (Plans de Pensións de Emprego) que detraen diñeiro público á Seguridade Social, e só benefician ás empresas mediante exencións fiscais e deducións do 10% do Imposto de Sociedades.
- Esiximos eliminar os coeficientes redutores en longas carreiras de xubilación. A acción e a mobilización diante das institucións e nas rúas é o camiño!
Goberne quen goberne, as pensións públicas e os dereitos deféndense!
ASJUBI40 (Asociación Jubilación Anticipada sin Penalizar)
COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)
EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)
MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)
MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos)
UNIDAD COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)
PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badaxoz, Móstoles…
20240403
O chío de abril: Contraluz
Un novo mes, un novo número de Chío cheo de páxinas interesantes. Deixo abaixo a miña contribución.
Berrando máis que chiando
Abril indica primavera precedida da vivificante choiva, aínda que non sexa o maio dito florido. Mais o cambio de tempo a nivel global permite mesmo falar de flores en marzo como se fora maio, ou xullo, que tamén hai. De feito, neste xullo de 2024 haberá aló a cifra redonda de 88 anos, murcháronse moitas flores. Non foi por un fenómeno climático, senón político e guerreiro.
E como novo florecemento daquelas que se murcharon, aínda que só poida ser a nivel de recoñecemento e non vital, deixo aquí testemuña. Testemuña dunha iniciativa que se fixo realidade en Ribadeo hai un par de veráns: a colocación ó longo do pobo das chamadas ‘pedras da memoria’, versión ibérica das “Stolpersteine” en lembranza da xente represaliada a diferentes niveis, ata a morte, co motivo do a si mesmo chamado ‘glorioso alzamiento nacional’. As Stolpersteine naceron para lembrar ás vítimas nazis. Estas outras ibéricas, de cor diferente, foron feitas para lembrar unha dor semellante. Unha vez pasado o acto de celebración da súa colocación, quedan as ‘pedras’ no seu lugar. Un lugar relacionado con cada un dos e das (que tamén houbo mulleres, claro) que sufriron a represalia. Así, á porta da súa casa, ou do seu lugar de traballo... ou, nalgún caso, por falta de datos, por variación do trazado urbano ou outros motivos, nun punto común. Por exemplo, na ribadense praza de España teñen a súa pedra adicada boa parte dos represaliados do pobo.
O caso é que, en base a esas pedras, hoxe pódese visitar Ribadeo facendo un recorrido do pobo a través delas. Mesmo teño artellada unha rota que aquí presento para facer o recorrido. Como hai diferentes xeitos de facela, deixo unha ligazón que se pode tomar como indicación para ter una idea ser serguida dun xeito dixitalizado en Wikiloc: Ruta das pedras da memoria de Ribadeo. (https://es.wikiloc.com/rutas-a-pie/ruta-das-pedras-da-memoria-de-ribadeo-162891199).
Entendo que é mellor identificala como circular, comezala e rematala no centro dun parque, a pesar de que lle poña un comezo e un final como algo máis práctico. Así, o lugar de comezo é o mesmo que o de remate: o centro da Praza de España, a poucos metros da Casa do Concello, a parte do parque central de Ribadeo que dá ó representantivo edificio da Torre dos Moreno/Cantón de Ribadeo. Alí hai 24 pedras agrupadas, xunto cunha lembranza, no chan. Postos a camiñar dende a pza. de España, e antes de meterse polas rúas, a primeira pedra observámolanos soportais camiño de de Amando Pérez.
Baixando por esa rúa, entramos en Enxeñeiro Schulz, onde case no centro xeométrico hai catro placas máis. Seguimos baixando e pasamos a Antonio Otero. Ó pouco de comezar o descenso por ela, atopamos unha placa no soportal que dá acceso á entrada da biblioteca (nº 17 da rúa), logo outra diante do nº 23 e máis abaixo, outra no 31. En Guimarán, nun pequeno altiño entre os actuais restaurantes Solana e Marinero, na separación entre as dúas casas ás que se entra por alí, aparece outra. Seguindo cara á ría, no mesmo Porcillán, practicamente diante da virxe alí posta, ó pé do muro branco está á vista unha máis. Comezamos a subir bordeando a aduana vella por Amando Pérez, e subindo á esquerda, dous portais antes de chegar ó cruce con Bispo Veres, temos outra máis. Collemos subindo por Bispo Veres, pasamos á rúa Trinidade, Méndez San Julián, baixamos polas escaleiras e atravesamos os soportais de Cabanela (case intransitables hoxe por hoxe). Antes de baixar ás ruínas alí existentes, xiramos á dereita e subimos pola Baixada a Cabanela, onde na primeira casa da subida atopamos outra pedra. Seguimos cara arriba ata a Ruanova, atravesamos o aparcamento, chegando á Pza. de Pancho Maseda á beira da casa do concello, e logo de novo Pza. de España.
Atravesámola cara á esquerda e collemos cara a Clemente Martínez Pasarón, onde, na porta do hospital Asilo atopamos a antepenúltima do recorrido urbano. Volvendo ó parque, atravesámolo por unha das avenidas principais e enfilamos a peonil Vilafranca do Bierzo ata chegar ó cruce das catro rúas. Nel, xusto na esquina entre Reinante e Rodríguez Murias atopamos a penúltima, e un pouco máis adiante, diante do primeiro espazo sen construír desta última, vemos a que fai o número 39. A 40 das colocadas está en Rinlo (R. Esperanza, 27, https://www.openstreetmap.org/search?query=R%C3%BAa%20da%20Esperanza%2C%2027%2C%20Rinlo#map=19/43.55595/-7.10580) e necesita un desprazamento extra, co que para rematar a ruta, podemos volver sobre os nosos pasos ata a praza de España e dar alí remate, diante das 24 pedras alí situadas, á lembranza en forma de paseo.
Así queda este chío do mes de abril, máis berro que chío polos feitos lembrados.
20221110
Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó
Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó
Unha etapa non moi longa e que resultou ter un moi bo piso, case todo cunha lixeira inclinación cara abaixo. De feito, o desnivel acumulado deume só uns 140 m, todos despois de desviarme da vía verde, cara ó final da etapa. Xusto o tramo que me indicou que ao menos nesa zona da Comunidade Valenciana mesmo as estradas 'normais' teñen vías de servicio moi recomendables para as bicis. Os 65 km mantivéronme sobre a sella pouco máis de tres horas, nas que pasei de Castellón a Valencia (xusto ó desviarme da vía verde para coller a N 225) e de novo a Castellón (no alto da N 225).
Non comezou ben, pois no 'Albergue rural' de Barracas tivemos -eramos cinco, mais eu- que esperar un rato longo para que viñeran a abrir o local onde tiñamos as bicicletas, despois de estar listos ás oito da mañá: o dono quedara ata o final da post cea xunto a unha botella. O sistema de viaxe do grupo era ben diferente: collían unha furgoneta para servir de apoio e cambiaban de condutor cada media etapa. Falando con eles xa a noite anterior, a organización era froito de anos de compañeirismo. Facían a cea, non sempre eran exactamente os mesmos, había bicis eléctricas, pero sobre todo, das de tracción animal... Saíron despois ca min, e adianteinos no camiño, nunha parada deles, tras facer eu unha desviación.
Aínda que á saída de Barracas hai algunha subida e discontinuidade na 'vía' da vía verde, foi suave e apareceu pronto a vista do Alto Palancia ós pés. Vista con terra queimada de non había tanto tempo, por un televisivo incendio de abonda duración e extensión.
![]() |
Alto Palancia, mirado cara ó Sol nacente. |
Os restos do incendio daban testemuña da súa importancia, e a paisaxe era cambiante na mañá, o que me animou a tomar unha vista.
![]() |
Vista dende a zona de Bejís cara levante, beiras da serra da Espina. |
![]() |
Restos do gran incendio. |
![]() |
Oliveiras. |
![]() |
Non hai toxos só en Galicia. |
![]() |
Camiño e ponte. |
![]() |
Caudiel. |
En Caudiel parei a tomar a primeira comida do día. Si, xa levaba tempo sobre a bicicleta, pero a espera para collela cando quedaramos ás oito da mañá, falando cos outros ciclistas, non me permitiu tomala. Preguntei onde podía tomar o almorzo cando estaba co apunte da fonte / lavadoiro do pobo, e indicáronme que na outra beira do río, na parte que dá á estrada, e tras pasala atopei unha praciña con varios lugares que se foron ateigando dos grupos ciclistas e onde se estaba moi ben, ata que estimei oportuno deixar sitio. Iso si, puiden observar que o xeito de almorzar xa variara, podendo asimilar o que a xente tomaba ó 'esmorzaret', máis ó estilo do que vin despois na capital Valenciana.
![]() |
Fonte e lavadoiro en Caudiel. |
![]() |
Túnel iluminado. |
![]() |
Biblioteca de Jérica. |
![]() |
Refuxios da guerra civil. |
![]() |
Acueduto en Segorbe. |
![]() |
Muralla de Segorbe. |
Café en Segorbe. Aproveito para esbozar as ruínas na praza do concello, a praza do Alto Palancia, e anoto o lugar. Despois de visitar algunhas cousas no pobo, volto e como. E, o levantarme, recibo unha nota de Pedro do Barqueiro e despídome del antes saír e de que el coma no mesmo sitio ca min.
![]() |
Ruínas en pza. Alto Palancia, Segorbe. |
![]() |
Laranxeiras. |
![]() |
Rambla. |
![]() |
Adestramento canino. |
![]() |
Despois dos bous al carrer. |
Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península
Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo
Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada
Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga
Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León
Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero
Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos
Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos
Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria
Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud
Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha
Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel
Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel
Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques
Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó
Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto
Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia
Crónica dunha viaxe / e 17, rematando20221027
Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada
Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada
Levantarse a mañá do segundo día, segunda etapa, dá un pouco de pereza. O punto final (que non meta, non se trata dunha competición) queda aínda moi lonxe, e o corpo aínda non está recuperado do cansazo do primeiro día nin colleu a rutina diaria.
A partir de agora, territorio novo para a bicicleta. Polo deseño de programa previsto, vai pasada a primeira dificultade montañosa, pero será este día o que pase a segunda, nunha etapa longa para acortar a próxima, máis complicada por ter que subir a Cruz de Ferro dende o Bierzo.
Saír do Cádavo cara ó sur, costa abaixo, significa un novo cambio de cunca, de novo á do Miño polo seu afluente Neira. Será o primeiro de varios cambios semellantes en canto ó escorrer da auga, que non en canto ó esforzo necesario para pasalos. Despois, polo Cereixal (760 msnm) paso á cunca do Navia, primeiro vía Cruzul e logo, directamente, de novo escorrendo as augas cara ó Cantábrico. Chegado ó Pedrafita (1108 msnm), unha nova conca, a do Sil, vía o río Valcarce, con augas que rematarán no Miño e logo no Atlántico por Camposancos.
Ó pouco do Cádavo, un recorrido pola sinalada como Via XIX Romana, e chegada á capela de Todón, xa rematada a costa abaixo. Tras superar un pequeno alto, Becerreá pásase rápido pola axuda da gravitación, e chégase ó paso sobre o río Cruzul, podendo observar tres pontes, do modesto vello da N-VI, ó novo, polo que pasei, e ó da A 6, aínda máis alto e impoñente.
A chegada ás Nogais despois doutra pequena subida e o paso do primeiro túnel de estrada nacional, anuncia a subida do día, o Pedrafita. Pasar un túnel en curva nunha estrada nacional en bicicleta por primeira vez dá un pouco de medo, pero o tráfico era escaso.
![]() |
Torre de Doncos, dende o mirador, e igrexa de Pedrafita do Cebreiro. |
Ó pouco de comezar a subir cara a Pedrafita, unha parada no mirador da torre de Doncos é gratificante. Tanto, como desoladora un pouco máis arriba a entrada que conduce a Doncos por baixo da autovía dende a N-VI. Unha poboación illada nun lugar xa abondo illado de por si.
![]() |
Entrada a Doncos dende a N-VI. |
![]() |
San Nicolás, dende a praza Maior de Vilafranca do Bierzo. |
![]() |
Entrada á fortaleza templaria, Ponferrada |
Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península
Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo
Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada
Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga
Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León
Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero
Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos
Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos
Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria
Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud
Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha
Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel
Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel
Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques
Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó
Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto
20221026
Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo
Crónica dunha viaxe /01 Ribadeo - O Cádavo
Unha viaxe pódese comezar a calquera hora, pero como máis se aproveita o día é saíndo cos primeiros raios de luz. E iso fixen, poñerme en marcha por Ove camiño de Porto e en Santiso de Abres, coller un pequeno tramo da ruta de ferrocarril, salvando a costa de Santiso polo túnel, o mesmo que os últimos quilómetros antes de A Pontenova, evitando o tráfico da estrada nacional. Unha ruta tranquila á beira da auga, primeiro da ría de Ribadeo, logo do Eo, nunha mañá fresca. Os tractores dos Irmandiños transportan millo preto de Ribadeo nunha expresión de vida que continúa, e, na vía verde, un esquío pasa por diante e pérdese de vista despois de subir por unha árbore. Antes, e despois, os paxaros déixanse oír cos seus trinos.
![]() |
Saíndo de mañá a carón da ría. |
A Pontenova, afeito a outras viaxes, significa descanso, un café e algo de lectura ou debuxo na praza dos Fornos. Desta, foi o apunte da vella estación, hoxe oficina de turismo e extremo da ruta do ferrocarril, mentres escoito a un grupo de veciños falar do humano e do divino, queixa tras queixa na terraza: os tempos son convulsos. Apunto tamén: cousa de 1/30 da viaxe, feito!
![]() |
Antiga estación de Vilaoudriz |
Terreo coñecido todo, e unha mellora temporal nas condicións meteorolóxicas, xunto coa determinación de levar algún tipo de diario de viaxe ó tempo que ir remarcando concas hidrográficas polas que pasaba, fixeron que me desviara da ruta máis curta. Dende o alto do Marco de Álvare, primeiro fito de altura no camiño marcado (575 m sobre nivel do mar), puxen cara ó Pedregal de Irimia, nacemento do Miño, cambiando a caída de augas ó Cantábrico pola do Atlántico. Por estradas marxinais que controlaba menos do que pensaba, e que me levaron ó primeiro despiste do camiño. Amañei con varios quilómetros e unha centea de metros de desnivel máis, e o Pedregal estivo fronte a min e mesmo tiven ocasión de dar explicacións a un par de familias valencianas que me preguntaron sobre o Pedregal, confusos con Fonmiñá.
Baixar a Meira foi costa abaixo, e alí antes de comer tiven tempo de trazar unhas liñas da igrexa parroquial, antigo templo do mosteiro medieval. E tempo tamén para unha espera infrutuosa da apertura da oficina de turismo como estaba marcado. A cambio, un veciño dime que a igrexa ten pinturas do XV e do XVI.
![]() |
Igrexa do antigo mosteiro cisterciense de Santa María, Meira |
De Meira ó Cádavo, chuvia boa parte do recorrido, aínda que tampouco moita. Recorrido que se fixo curto por esas terras altas de Galicia, cabeceira de ríos e lugar de paseo tranquilo mesmo pola estrada con poucos coches.
![]() |
O nacemento do Eo. O sello do concello, á mañá do día seguinte. |
O pequeno descanso de Fonteo, relax dun lugar que como os nacementos, é máxico: a auga aparece e déixase ir cara o Cantábrico sen saber cal vai ser o seu fin, despois de pasar peripecias diversas entre canóns ou mantida queda por encoros.
E, despois duns 84 km e 1200 m de desnivel acumulado, 5 horas sobre a bici, O Cádavo. Un lugar pequeno para descansar, turístico para desfrutar da natureza, e sobre todo, con pequenas cousas que ó mellor non se descobren ó primeiro nin ó segundo paseo...
Primeira etapa, lista. E pode que pola motivación, ou a contención polo que falta aínda, resultou máis suave que outras veces.
Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península
Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo
Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada
Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga
Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León
Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero
Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos
Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos
Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria
Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud
Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha
Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel
Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel
Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques
Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó
Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto