Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta novas do concello. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta novas do concello. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20250228

Sobre as notas de prensa do Concello de Ribadeo

Sobre as notas de prensa do Concello de Ribadeo

     Hai tempo que as notas de prensa do Concello, que a finais da primeira década do sećulo foron concebidas como unha ferramenta para transmir ó pobo novas do concello e en xeral un método para pasar o que o poder quería que o pobo asimilara, deixaron de ser o mecanismo de transmisión case exclusivo. É dicir, en parte, hai tempo que deixaron de ter a importancia que chegaron a ter. Só en parte, pois non só o concello pasou a estar nas redes socias (polo momento non en Mastodon -como en amarinha.gal- ou noutra rede libre, que saiba, senón só en redes propietarias como Facebook) senón que volveu incrementarse o número de novas transmitidas de xeito directo, non formal mediante o mecanismo de notas do concello, pero sen que deixara de manterse ou mesmo incrementarse o número de notas emitidas ano tras ano.

    O caso é que o concello (na realidade, o alcalde e o equipo de goberno) segue a transmitir ditas notas cunha frecuencia superior a unha diaria, co que seguen sendo un instrumeto funamental para dirixir a atención a dicdadanía en Ribadeo. Por iso mesmo, continúo coa estatística o mesmo que fixen en anos anteriories, se ben dun xeito máis relaxado. De feito, era a comezos de xaneiro cando soía facer o resume do ano anterior, e desta volta, xa finalizado febreiro, case podo facer un resume do comenzo de ano. Aí vai:

    O 2024 non marcou un máximo anual, senón que quedou de terceiro, se ben a unha distancia mínima do segundo, o 2022. O 2023, ano electoral, segue marcando o máximo de número de notas emitidas pola alcaldía.  O certo é que non ter cambiado a tendencia a final do ano 2024 (despois da ponte da Constitución), non habería moita diferenza entre o nḿero de notas de 2023 e 2024.

    Como se pode observar no gráfico seguinte, a velocidade á que se ían xerando notas aumentou en maio-xuño e logo en outubro-novembro, quedando case en cero cara a finais de decembro.
    En canto á evolución por ano, a pesar da baixada do último ano, está claro que a tendencia é a seguir aumentando.
    Algo que se pode ver tamén na acumulación temporal, contabilizando xa máis de 5000 notas prensa dende que este sistema viu a luz aló polo 2007 de xeito experimental.

    En relación ó que levamos de ano, a tendencia segue o mesmo camiño...




 

20250219

NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA EN DEFENSA E PROTECCIÓN DAS ÁRBORES DE RIBADEO

O teixo de Arante, árbore senlleira dada onte por desaufizada polo alcalde. Autor descoñecido

NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA EN DEFENSA E PROTECCIÓN DAS ÁRBORES

O pasado mércores 12 de febreiro celebrouse unha nova asemblea da Plataforma en Defensa e Protección das Árbores na que se acordou dar unha nota informativa ca valoración das últimas novas e publicar os resultados da recollida de sinaturas via internet. Aquí referirémonos ao primeiro punto.

En primeiro lugar observamos algúns movementos e declaracións ou comentarios por parte do concello que nos levan a pensar que a nosa acción ten algún tipo de impacto no día a día ribadense.

Por exemplo, recollemos unhas declaración (personais) do Sr. Alcalde nas que, segundo as nosas fontes, non se van tocar os contenedores das vivendas sociais. Se esto se confirma sería unha boa nova porque eses aparellos están dando un bo servizo e sería mágoa que se suprimisen. Naturalmente, hai que anotar este detalle na movilización da veciñanza e nas sinaturas recollidas nos días pasados.

Outro dato a suliñar é a retirada de maleza que se estivo facendo en algunhas ribadas, concretamente xunto do restaurante San Miguel, onde puidemos observar que tamén se provocou o desprendemento e derrubamento de pedras e terra, o que dá que pensar que cecais os técnicos non andiveron moi afinados.

Mais sorprendente da finura dos técnicos foi o sulfatado de alguhnas palmeiras no parque o venres, sete de febreiro, a media mañá, cando chovía a mares e ventaba sen conto, e polo tanto, os eventuais beneficios do tratamento foron parar ao chan en poucos segundos. Por certo, esta actuación levouse a cabo sen protección algunha coas consecuencias que nos podemos imaxinar.

Outra sorpresa xurdiu ao comprobar que na reforma da Praza de Pancho Maseda (entre o Concello e a Aduana) non se deixou ningún paso para as ambulancias, que segundo a declaración grabada do Sr. Alcalde, era un dos motivos da obra. Ainda ben, o paso que había antes quedou obstruido por un bloque de granito para suxetar unhas bandeiras. Unha contradicción mais nun relato inverosímil.

E para rematar, lembramos que no pleno do día 4 de febreiro o Sr. Alcalde referiuse repetidamente ao teixo da eirexa de Arante, suxerindo, anque non o dixo claramente, que hai anos fora obxecto dalgunha actuación impropia ou prexudicial. Como consecuencia, desprazámonos a visitar o teixo de Arante e a sacarlle unhas fotos, e puidemos observar que presenta un aspecto magnífico, por non dicir esplendoroso, como sempre.

E sen mais que comentar, suliñamos que segue sen haber información oficial sobre o proxecto de reforma do Parque Municipal e do Campo de Santa María, e que seguirémonos xuntando e tratando de levar adiante accións para preservar e mellorar as árbores e zonas verdes de Ribadeo e daremos información pública de canto nos vaia chegando. Proximamente daremos outra nota co resultado das sinaturas vía internet.

PLATAFORMA EN DEFENSA E PROTECCION DAS ÁRBORES

Ribadeo, 19 de Febreiro de 2025

20250122

NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES

NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES

O noso colectivo ven de presentar no Rexistro do Concello de Ribadeo as sinaturas recollidas da veciñanza contra as cortas indiscriminadas de árbores no Colexio Público e noutros puntos do casco urbano, e solicitando que se repoñan as árbores derrubadas, que non se prodiguen estas cortas no sucesivo e que se informe ao vecindario dos proxectos de obras no Parque Municipal, no Campo de Santa María e fronte das vivendas sociais que foron anunciadas polo Sr. Alcalde nos medios de comunicación.

En total recolléronse 541 sinaturas, o domingo, día 12 de xaneiro na Praza de España e o mércores, día 15, no mercado, que non chegaron a catro horas.

Destes datos cómpre suliñar o seguinte:

1º Nos últimos anos nunca se recolleron tantas sinaturas por colectivos sociais, que no mellor dos casos nunca chegaron ás 350.

2º Faltan por contabilizar as que se están recollendo por medios telemáticos, que a día de hoxe pasan das 300 e das que daremos conta no seu momento.

3º A estas hai que engadir as presentadas polas veciñas das vivendas sociais, que pasan das 150.

En resume, tendo en conta que esta recollida de sinaturas produciuse no mes de xaneiro, en poucas horas e en condicións climáticas moi adversas, pode entenderse que en Ribadeo existe unha grande sensibilidade social en relación cas cortas indiscriminadas de árbores e un temor xustificado a que estas se extendan nos próximos meses. Maiormente cando o Concello segue sen dar unha información axeitada dos seus proxectos e existen moitas dúbidas e contradiccións nas declaracións do Sr. Alcalde.

Agardamos que se teña en conta esta opinión de un sector significativo de veciñanza e seguiremos na teima de vixiar e denunciar novas cortas en caso de chegarse a producirse e pular por un Ribadeo mais verde, onde as árbores conviden a unha maior proximidade ca natureza, unha mellor convivencia, un medio ambiente máis sano e uns espazos públicos máis atractivos para os visitantes.

PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES

20241209

NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES

NOTA  INFORMATIVA DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES
 
        Como xa temos informado, o pasado dia 26 de novembro un grupo de veciñas s e veciños de Ribadeo decidimos constituírnos na Plataforma para a Defensa das Árbores da Vila e do Concello diante das repetidas cortas que se viñeron producindo nos últimos meses.
        Nas xuntanzas deste colectivo decidiuse pedir unha entrevista ao Sr. Alcalde e convocar unha concentración veciñal para deixar constancia do malestar  existente na sociedade ribadense.
        Da concentración, que tivo lugar o martes, dia tres de decembro, xa deron conta os medios de comunicación e nas fotos pódese apreciar que pese a estar un tempo moi desapacible asistiron como mínimo unhas duascentas persoas.
        Da entrevista co Sr. Alcalde que se celebrou o mesmo martes ás nove da mañá e á que asistimos seis persoas, imos dar conta de seguido, se ben adiantamos que non é doado por ser unha entrevista que non tivo unha liña regular, con participación de todas e todos os asistentes e numerosos comentarios e valoracións persoais de difícil comunicación.
       Os aspectos que queremos suliñar da devandita entrevista son os seguintes:
    
1º Segundo o Sr. Alcalde, as cortas de árbores no Colexio Público foron realizadas tras un informe técnico por unha empresa acreditada. Deixando aparte que se alude á suposta infalibilidade dos técnicos cando non hai outros argumentos, debemos suliñar que o devandito informe –que xa coñecíamos uns días antes por unha vía paralela– foi redactado pola mesma empresa que despois fixo a corta ordenada pola alcaldía. Como non queremos entrar en insinuacións nen suspicacias só diremos que este procedemento de contratación entra no que se chama un clarísimo conflito de intereses e que neste contexto os informes técnicos quedan autodescualificados sen entrar sequera a lelos, como pode entender calquera estudante de segundo de primaria. Pola outra banda temos acreditado con documentos oficiais que as datas que figuran nalgún destes informes son posteriores ás cortas realizadas no colexio.
 
2º O Sr. Alcalde repetiu ata a saciedade as accións e omisións dos gobernos anteriores, insinuado que a nosa plataforma podería ter algunha relación cos partidos políticos ou persoas de gobernos anteriores. Temos particular interese por suliñar que esta é unha insidia política e que esta plataforma non ten a mais mínima relación con ningún grupo ou partido político real ou imaxinario.
 
3º A pregunta directa de se existe un proxecto de reformas no campo de Sta. María e no Parque Municipal que suporían a corta de mais árbores, o Sr. Alcalde manifestou que non existía tal proxecto.  Sin embargo ao día seguinte atopamos tres  declaracións á prensa e radio  do Sr. Alcalde dos últimos meses nas que afirma  que se van realizar reformas nos parques sen concretar. Diante de esta contradición, que nos abstemos de cualificar, estaremos á espreita de calquera movemento na liña de novas cortas de árbores e esiximos que se publiquen eses proxectos e non se actúe por sorpresa ás sete da mañá como veu sucedendo. Asemade preguntóuselle ao Sr. Alcalde sobre un suposto proxecto de cortar as sete arbores que existen enfronte das vivendas sociais, na rúa Clemente Martinez Pasarón e respostou que existía ese proxecto, que se ían suprimir os colectores de lixo subterráneos por motivos “técnicos” e que non se ían cortar as árbores, pero non presentou o proxecto nin prometeu presentalo ao público.
 
        Nos próximos días anunciaremos un acto público para informar e debater sobre este asunto e anunciamos que seguiremos loitando por evitar que se produzan mais cortas de árbores inxustificadas no concello de Ribadeo e que se publiquen os proxectos de obras que podan afectar ao benestar, á calidade de vida da veciñanza e á imaxe de un Ribadeo verde, moderno e humanitario.
 
PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS ARBORES DO CONCELLO DE RIBADEO. 9/12/2024

 

Foto de orixe descoñecida. O parque de Ribadeo.

20241127

Corta na praza

Totem en Ribadeo

 Corta na praza

    Ribadeo, século XXI. Novembro. Ribadeo parece seguir os pasos de Madrid. Evidentemente, non en tamaño. Neste caso, en relación á natureza. Cando isto escribo, van tres semanas dende as cortas das árbores no Colexio Público Gregorio Sanz de Ribadeo. Algo que no seu momento me lembrou as cortas arboricidas de Madrid e o encher de asfalto ou semellante o lugar: menos natural, menos purificación de aire, menos protección contra os cambios de temperatura, adeus ás avantaxes de ter á vista ou pasear por un entorno natural, máis gasto... Pero máis que polo anterior, que teño que recoñecer que me comín as vantaxes (várrese mellor) lembroumo por outra cousa: pola falta de escoita da xente.

    Dende aquela, ten sucedido a 'limpeza' de árbores dunha praza, a de Pancho Maseda, e todas as olladas pósanse no parque, na 'Praza de España', a zona axardinada fronte á Casa do Concello, que din estaría sinalada para unha 'entresaca' próxima, que hai unha palmeira que está a morrer.

    Coido que, máis aló de sinalar feitos, cabería lembrar algunha cousa sobre os xa citados.

    Na evolución dunha vila como Ribadeo, os cambios son unha constante de xeito case obrigado. A construción do que é o actual C.P. Gregorio Sanz non se fixo baseada nunha corta de árbores, senón máis ben rodeada de novas plantacións, parte das que agora foron cortadas. Os exemplares cortados na praza de Pancho Maseda pasaron no seu momento non só a adornar, senón a facer máis humano ese espazo, que ó longo do tempo viu outras modificacións. O actual parque, sexa a zona de 'Parque de San Francisco' ou a coñecida como 'Praza de España', bebe o seu uso do antigo campo da feira, por moito que o nome tradicional de 'O Campo' vaia decaendo; un lugar que dende que os documentos gráficos dan testemuña, vese con árbores, aínda que, pola súa dedicación comercial, menos que na actualidade.

    As cortas no C.P. Gregorio Sanz teñen xerado fortes protestas a posteriori. Tivo que ser así porque ata que houbo evidencia, non houbo noticia, e moito menos consulta. Dos da Praza de Pancho Maseda, moitos menos e menos visibles, tampouco houbo consulta nin noticia. Do parque, polo momento, non hai noticia (nin consulta). Pero nestas circunstancias, que xa se chame ‘Praza de España’, evocando algo diferente a un parque, non dá lugar a tranquilidade.

    Non quero entrar en discusións diversas que se veñen dando, como digo, a posteriori. Sen poder substituír o que sería necesario diálogo anterior, claro. E sen poder aspirar a máis que a cambiar a forma de facer as cousas en diante. Os feitos pasados e os temores cara ó futuro, sinxelamente están aí e pódese aprender.

--

Novas relacionadas coa corta de árbores en Ribadeo en 2024.

20241105

Informe sucinto: 'actuación' no Gregorio Sanz

Informe sucinto: 'actuación' no Gregorio Sanz

    Informe realizado cos datos dispoñibles de xeito público na mañá do 5 de novembro de 2024.

    Feito que cobre o informe: Corta de árbores. Tala de diversos exemplares.

    Lugar: Colexio público Greogrio Sanz

    Momento no que se constata a actuación: mañá do 5 de novembro de 2024.

    Criterio seguido: descoñecido de xeito público

    Motivo: non se coñece xustificación (ver 'Futuro do terreo' e 'Uso actual do terreo')

    Execución da corta: empresa privada contradada polo concello, titular da propiedade

    Idade das árbores: variable, en todo caso, plantados o século pasado.

    Uso actual do terreo: patio e xardín para xogos e esparcemento do alumnado

    Futuro do terreo: dise que para facer un xardín

    Informe técnico: parece ser que favorable

    Opinión de usuarios, pais e sociedade en xeral: descoñecida

    Nota complementaria e comentario ó final





     Nota: 

    Citación difundida nas redes sociais: "Ante a desagradable sorpresa que nos levamos hoxe pola mañá al levar as nosas crianzas o cole e descubrir que o que parecía ser unha poda dos árbores do patio estase convertindo nunha corte dos mesmos, que xa está afectando a moitos dos exemplares  que forman parte da historia do colexio desde os seus inicios e que vai afectar a moitos mais, queremos convocar a todas as familias que poidades estar preocupados por esta medida a reunirnos hoxe a hora de recollida (3:30-3:45) diante do edificio do profesorado, para transmitirlle o noso malestar a dirección pola situación e pedir o Concello que reflexione sobre a misma e si realmente e neceseraria e axeitada"

    Comentario:

    A feito pasado, corta realizada, coido que a reflexión sobre a necesidade e axeitamento pouco pode aportar cara ó futuro.

--

Novas relacionadas coa corta de árbores en Ribadeo 2024.

20240827

Un moderno Ribadeo Antigo

     A A.C. Francisco Lanza presenta a edición facsímile do Ribadeo Antigo. Aquí a nota de prensa e o cartel:



PRESENTACIÓN DA EDICIÓN FACSÍMILE DO “RIBADEO ANTIGUO” DE FRANCISCO LANZA.

SOBRE O AUTOR:

(tomado da Galipedia: https://gl.wikipedia.org/wiki/Francisco_Lanza)

Francisco Lanza (26-3-1892; Ove, Ribadeo/14-1-1951; Buenos Aires) foi un xornalista e escritor galego de conviccións republicanas e galeguista. Cursou os seus estudos en Ribadeo. Colaborou con Celestino Pérez Andrade e Camilo Cancio Quindós en La Voz del Pueblo e en 1912 en El Eco Mercantil. Foi un dos impulsores do Ateneo de Ribadeo en 1915. Fundou en 1919 o semanario local La Comarca (aínda hoxe en circulación), de tendencias liberais e progresistas, no que escribiu, ó parecer en colaboración co seu sogro Celestino Pérez Andrade, numerosos artigos baixo os pseudónimos de El Montañés e Un labrador gallego. Estes artigos eran de tal dureza que Celestino tivo que ausentarse da vila en numerosas ocasións por perigo da súa integridade.

En 1927 comezou a súa relación co Seminario de Estudos Galegos, no que entrou en 1929 co seu traballo 'Ribadeo bajo el señorío de sus condes', formando parte das seccións de xeografía e de historia. Colaborou na revista Nós e no Boletín da Real Academia Galega, onde publicou diversos traballos históricos e etnográficos sobre Ribadeo. Tamén colaborou en Faro de Vigo e El Sol (Madrid).

En 1931 emigrou a Buenos Aires, incorporouse á comisión de prensa de Galicia e traballou en diversos periódicos e publicacións ata o momento da súa morte. Entre outras obras, durante a súa estancia na Arxentina, traballou como tradutor (José Maria Eça de Queirós, Immanuel Kant) para a editorial Sopena Argentina, asinando como F. L. Álvarez.

Á súa morte foi soterrado no cemiterio de La Chacarita. A Agrupación Cultural Francisco Lanza fundouse en Ribadeo ós vinte anos do seu pasamento. Unha das rúas ribadenses leva o seu nome.

Obra

• Ribadeo antiguo: noticias y documentos (Madrid, 1933; reeditado por Ediciós do Castro en 1973 e logo polo concello de Ribadeo en 1999).

• Falan os de Ribadeo (publicado en Nós en 1933, nn. 114, 116 e 118) (reeditado pola Agrupación Cultural Francisco Lanza e Ediciós do Castro en 1974, o Día das Letras Galegas). Recolle tres traballos, o primeiro, que dá nome o volume, foi publicado na revista Nós en 1932. O segundo, 'O ensino en Ribadeo dende o século XVI ó XIX' tamén foi publicado en Nós en 1932. O terceiro, 'Ribadeo, baixo o señorío dos seus condes' publicárase no segundo volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos en 1929. A súa edición de 1974 foi prologada por Eduardo Gutiérrez Fernández.

• Dos mil nombres gallegos (Ediciones Galicia, Centro Gallego de Buenos Aires, 1953).

SOBRE A EDICIÓN FACSÍMILE:

A idea de editar unha edición facsímile do “Ribadeo Antiguo”, de Francisco Lanza, partiu dunha proposta da Agrupación Cultural Francisco Lanza, despois de termos escoitado en moitas ocasións as suxestións feitas por parte das librarías ribadenses (transmisoras das peticións das e dos lectores). Cremos que as novas xeracións, e calquera persoa que se estableza en Ribadeo, ou sinta curiosidade pola súa historia, ben merece poder facerse cun exemplar de tan significativo texto para a historia de Ribadeo.

A diferencia deste proxecto con respecto á última edición consiste en manter a esencia daquela impresión do ano 33, impresión e maquetación feita nos talleres da imprenta Mercurio, cun traballo tipográfico digno de amosar, e acompañado dos grabados de Amando Suarez Couto. A edicion facsímile é a que nos permite garantir esa fidelidade. Para manter a esencia da vella publicación escollemos unha gama de papel Arena Rough Ivory (a non ser as achegas iniciais para conmemorarmos esta nova edición). O libro foi entapado en formato rústico.

CHAMAMENTO ÁS NOVAS XERACIÓNS E ÁS XENTES QUE AMAN A HISTORIA LOCAL:

Agardamos que xente nova poida atopar neste texto (en capítulos breves e de lectura doada) un feixe inmenso de historias coas que aprender do noso pasado, pero tamén coas que botar a voar a imaxinación para encheren de contido os seus murais, as súas composicións musicais, as súas curtametraxes, vídeo-xogos...

Tamén agardamos que todas aquelas persoas que pouco a pouco van desenvolvendo o seu proxecto vital en Ribadeo e na contorna poidan atopar nestas páxinas un referente que lles permita comprender un pouco máis de onde vimos para así podermos reflexionar máis a fondo cara a onde queremos camiñar.

PALABRAS DE PABLO PÉREZ FERNÁNDEZ, DE LAR LIBROS:

“Desde libros LAR, a editorial que nace en Gráficas LAR, lanzámonos á aventura de reeditar o “Ribadeo antiguo”, de Francisco Lanza, despois de propoñérnolo a Agrupación Cultural ribadense que leva o seu nome. Esta imprenta viveirense leva máis de 40 anos no mundo das artes gráficas. O seu vínculo coas letras ribadenses, coas da Mariña en xeral, está máis que constatado. Daniel Cortezón ou Suso Peña son dous bos exemplos. Toca agora poñer en valor a figura de Francisco Lanza e o seu “Ribadeo antiguo”. Agardamos que con esta reedición se vexa satisfeita a demanda de novos exemplares que as librerías ribadenses notan desde hai anos.”

PALABRAS DO DEPUTADO PROVINCIAL DANIEL GARCÍA FERNÁNDEZ.

“Convidamos a asistir este xoves á presentación do libro "Ribadeo Antigo", unha reedición que recupera a publicación orixinal, dos anos 30, e que nos achega aos case oito séculos de historia de Ribadeo a través dos ollos do seu autor, Francisco Lanza.

Desde a Vicepresidencia da Deputación estamos moi satisfeitos de contribuír, a través do Servizo de Publicacións, a rescatar esta versión primixenia e valorizar a figura de Francisco Lanza”.

20240717

Nos indianos, das indias ó CERN

Nos indianos, das indias ó CERN

    13 de xullo de 2024. Hoxe está a celebrarse a festa dos indianos en Ribadeo. É aínda media mañá e xa levo intercambiado diferentes opinións con amigos e coñecidos sobre varios aspectos da festa. Dende a xente que enchía locais aínda ó amencer ate o esquecemento e desaparición da existencia da gran masa dos e das emigrantes que, se voltaron á terriña algunha vez, voltaron pobres. Remato de ver os haigas entrar na praza de España. Mentres, Félix Jorquera improvisaba unha entrevista comigo ó aparecer eu por alí estando en marcha o seu programa extraordinario de radio dende as escaleiras do concello. Antes ca min foi entrevistada Jesusa da Mariana, encarnación daqueles tempos da miña amiga e teatreira Susi. A xente, con traxes de época (é dicir, con traxes imitando ós mellores traxes daquela época) xa se vía nas rúas horas antes en cantidade superior á de outras xornadas de diario ou festa común ó mediodía. Catro ou cinco actividades ó tempo fan difícil escoller o que facer a continuación no propio ocio. E así sucesivamente.

    Un 'xornal anual' está a ser repartido a milleiros por Ribadeo, a máis das diversas novas que nos xornais diarios ou na radio levan difundíndose dende hai tempo e que atraen e son consecuencia da cantidade de xente que atrae o conxunto de eventos indianos de Ribadeo, nunha espiral que medra de ano en ano sen vérselle teito.

    Mentres, esta mesma semana unha nova, unha, saíu nalgún medio: unha ribadense, María Vieites Díaz, foi nomeada co coordinadora do experimento LHCb do CERN. Total, nada, é só un equipo que se vai achegando ás dúas mil persoas repartidas polo mundo para investigar algúns detalles das partículas que constitúen a base do cosmos. Unha investigación punteira a nivel mundial.

    Os indianos (e os seus coetáneos que despois da viaxe ás américas seguiron pobres) eran emigrantes ó igual que o foi María. Un século de separación, unha formación ben diferente e unhas expectativas que non teñen nada que ver entre si marcan a diferenza. Pero, a vista de hoxe, sobre todo a diferenza está na celebración dunha visión totalmente parcial dunha realidade que foi fronte á escasa relevancia que ten unha nota de prensa especializada de algo que se mira no futuro.

    Os indianos, os ricos e os pobres, tiveron un impacto grande polas súas aportacións a ambos lados do charco, e costa facerse unha idea de como podería ser a vida nunha e outra beira oceánica de non existir o sistema capitalista que favoreceu o ascenso indiano. Nese sentido, vivindo no mesmo sistema, é de celebrar hoxe unha festa como a de indianos, máis aló de como atracción turística, negocio ou contribución á xentrificación. Da outra banda, collendo a última verba do título, celebremos o nomeamento de María como un brinde a un futuro mellor, tanto seu en particular como do coñecemento en común, pois ao menos en parte, diso se trata, de investigar para ter ferramentas e coñecemento para mellorar o futuro. De todos

20240706

Sobre A Mariña

    Aproveito unha entrevista que me fixeron hai uns poucos días para dar difusión a un programa, Mariña Marabillosa, que, ó tempo, sirveume tamén de plataforma para dar a coñecer un pouco amarinha.gal. Deixo a ligazón ó programa (que non escoitarei directamente na rede por estar en Facebook pero si en parte nalgunha das radios que ten asociadas) e a nota de presentación que me pasou o seu director, Pepe Peinó:


HOXE, SÁBADO 6 DE XULLO, A PARTIR DAS 16,00 HORAS, PROGRAMA 32 DE MARIÑA MARABILLOSA.
Vacacións e festa! Chega o verán e a Mariña énchese de turistas e de ganas de diversión.
No concello de Barreiros, terra de praias por excelencia, proliferan os chiringuitos. Para referirnos a este sector, visitaremos a Evelio Barrera e Jorge Marful, dous socios simpáticos e emprendedores que hai tres anos que rexentan Maba, un lugar para relaxarse e divertirse a carón da praia de Lóngara.
No eido das festas, visitaremos O Vicedo e falaremos con dous irmáns: José Antonio Quelle e Mónica Quelle, promotores da famosa Romaxe Viquinga, que terá lugar na praia de San Román a finais de xullo.
A hospedaxe e a gastronomía teñen un lugar destacado na Espiñeira, en Foz, onde visitaremos a Finca Goleta, casa rural situada nun lugar paradisíaco, xusto na desembocadura do río Masma. Alí falaremos co seu xerente, José Manuel Villapol.
Abordaremos varios aspectos culturais interesantes na nosa comarca. Coñeceremos en Mondoñedo a histórica imprenta Sucesores de Mancebo, falando con dous homes que deron o mellor de si traballando nela: Fernando López e Suso Robles.
Coñeceremos a Edelmiro Rodríguez, de San Adriano, en Lourenzá, un antigo emigrante en Suíza que agora, xa xubilado, lembra a súa historia e inventa outras novas dedicándose á literatura.
En Ribadeo, falaremos co antigo profesor Antonio Gregorio, o cal, ademais de ensinar, desenrolou unha intensa actividade reivindicativa a nivel social e cultural e, ademais, escribiu varios libros, principalmente centrados na comarca ribadense.
No concello de Cervo, da man de Paco Piñeiro e Bernardo Penabade, coñeceremos a un xornalista novo e vocacional, Ramón González Rey, que nos contará a súa historia e nos falará do seu traballo.
Falaremos, igualmente, de dous deportes. Visitaremos a parroquia de Alaxe, no Valadouro, para conversar con Rosana Carballés, unha futbolista histórica na elite do fútbol sala nacional, que xogou no Burela Pescados Rubén e no Atlético de Madrid, entre outros, e que agora desenrola a súa vocación profesional como fisioterapeuta.
Asistiremos en directo en Xove á inauguración do novo circuíto de Pump Track, unha modalidade ciclista que está tendo moito pulo nos últimos anos e que consiste en percorrer en pouco máis de 15 segundos un circuíto ondulado e retorcido, impulsando a bicicleta so coa inercia das curvas e a forza das cadeiras; o circuíto de Xove está entre os mellores de España.
No eido da sanidade, irémonos a Burela, á clínica Virxe da Mariña, onde a doutora arxentina Cecilia Díaz Maciel nos falará da súa profesión e da súa edificante historia vital.
O sector gandeiro tamén será protagonista en Mariña Marabillosa por partida dobre. Coñeceremos a ancestral festa da Rapa das Bestas de Candaoso, en Boimente (Viveiro), da man do secretario da asociación organizadora do evento, Carlos Martínez.
E na Augaxosa, concello de Riotorto, visitaremos a explotación gandeira de leite ecolóxico “Juan Elías”, rexentada por Juan Seco, que cría as vacas leiteiras en réxime de liberdade.
Falando do sector servizos, visitaremos Vilaúde, en Alfoz, e coñeceremos a tenda de roupa Lencería Lila, onde Elvira Castro Lamelas continúa o labor comercial iniciado polos seus pais.
No polígono industrial da Pontenova coñeceremos o tanatorio Lourido, da man dun dos seus propietarios, José Luis Lourido, co que falaremos tanto do seu establecemento como dos temas profundos relacionados co pasamento e o trato dos defuntos.
Finalmente, centrarémonos tamén na experiencia relixiosa, conversando en Ourol con Jose Lage Grandío, o cura párroco, que leva unha chea de anos como director espiritual da comarca, mentres que en Trabada entrevistaremos ao beneditino e organista José Pérez Coto, tamén intensamente comprometido coa fe católica.
Dorinda e Venancio continúan de vacacións, mais contaremos coa presenza e a fácil conversación de Toñito de Soomede, que comentará o contido das nosas entrevistas.
Coñeceremos tamén o gañador ou gañadora do noso concurso de fotos para o pasado mes de xuño, que obterá como premio dous quilos do saboroso mel “O Trobo”, así como un lote de candeíñas de cera e unha visita en grupo ao Museo do Mel do Valadouro, da man da súa propietaria, Marifé Sixto.
O programa “Mariña Marabillosa” emítese seguindo o seguinte horario:
Sábado a partir das 16,00 horas en Radio Valadouro (107.9 FM), Radio Foz (107.4 FM) e a través do Facebook de Mariña Marabillosa, na páxina https://www.facebook.com/marinamarabillosa , na opción de vídeo en directo.
Na noite do sábado ao domingo, a partir das 0,00 horas en Radiofusión (pódese oír en calquera lugar vía internet a través da páxina https://www.radiofusion.gal/radio-fene-en-directo).
E naturalmente, a través do teléfono ou do Facebook de Mariña Marabillosa, unha vez que o programa xa estea emitido, en calquera momento, a través do enlace oportuno.
Outro primeiro sábado de mes agardamos por vós. Escoitámonos en Mariña Marabillosa!

20240513

Falando do telescopio en Santa Cruz en 2024


Falando do telescopio en Santa Cruz en 2024

    Aló por setembro pasado (2023), o día 10 en Ribadeando e o 16 en La Comarca del Eo, publiquei un artigo titulado 'En relación á casa da ría'. Na Comarca, coincidiu con outro titulado 'El gobierno de Ribadeo busca dos telescopios desaparecidos', entre eles o da A. C. Xerfa, noticia que xa fora dada a coñecer con anterioridade en xornais. No meu artigo facía un resume da historia do telescopio da A.C. Xerfa e a súa relación coa Casa da ría, a instalación do concello de Ribadeo en Santa Cruz, convenio mediante.

    Meses despois coido conveniente facer algunha anotación máis.

    A raíz da nova da desaparición do telescopio da asociación, e a falta de chave e acceso á Casa da ría e á cúpula astronómica da mesma, púxeme en contacto co concello para tentar esclarecer a situación. O caso é que a cousa foise retardando ata que axustei unha xuntanza co alcalde para o 24 de febreiro. Por enfermidade miña, esa xuntanza non puido ser, rematando a espera o sábado 9 de marzo, no que o alcalde, cun operario do concello, un fillo de Calvo Sotelo e eu, nos achegamos á Casa da ría. Visitamos primeiro a parte de abaixo, zona separada da do telescopio, vendo os estragos acumulados nela. E logo, fomos á porta de acceso á parte superior. Tras constatar que estaba aparafusada ó marco como único peche, e non abrila a falta de aparellos o operario do concello, axustei que volvería eu e a abriría. Non foi tan doado: as dimensións e estado do parafuso fixeron que tivera que ir por máis ferramenta que a que inicialmente levaba, pero tras un bo tempo, o parafuso estaba fóra e puiden subir e tomar fotos e vídeo. Nese momento (25 de febreiro) a máis do estado da porta de acceso, un graffiti decoraba as escaleiras, a porta da cúpula estaba tumbada, os dous telescopios pequenos que alí había (cedidos para o seu uso alí despois de ser ganados en un concurso no que participaba a filla de Francisco Rivas) tiñan desaparecido, numerosas baldosas da terraza estafan fóra do seu sitio, de novo había árbores da altura dunha persoa polo medio, e o telescopio encastrado, o da A.C. Xerfa, estaba coa tapa do tubo caída, descuberto da cobertura que se lle puxera no seu momento para evitar que puidera chover sobre el, e desequilibrado. De todo elo informei ó alcalde, quen me comunicou que estaba previsto acometer diversas accións para volver ó seu as instalacións pero non me dixo nada máis sobre a desaparición por el difundida. Naquel momento tamén lle transmitín que, despois das novas e o artigo de setembro, consideraba que, sen présa, debía volver a tratar o tema de xeito público, o que estou a facer.

    O certo é que, aínda ignorante da movida evidente que houbo en setembro, non quedei contento pero si máis tranquilo ó comprobar que o telescopio principal seguía alí en marzo. Volvín a cerrar a porta de acceso á terraza do mesmo xeito que estaba (a da cúpula non se pode cerrar, está esnaquizada), pero dando lubricante para poder operar mellor. Extremo que tamén lle comuniquei á autoridade pois non consideraba nin considero que sexa xeito de cerrar nin aporte algún de seguridade.

    Así as cousas, e logo de falar cun coñecido, volvín a presentarme na Casa da ría este domingo 12 de maio, comprobando que, como se me comunicara, a porta de acceso á terraza estaba aberta. Supostamente mediante un bo golpe, o parafuso seguía chantado, pero a porta estaba esnaquizada nesa zona. A parte superior do edificio estaba tal como a deixei cando entrei a vez pasada e especifiquei máis arriba.

    O conxunto hoxe por hoxe é un completo desastre. Algo que podería estar rendindo cretos a Ribadeo está convertido en ruínas descoidadas, e cara ó verán, de non poñerse os medios para polo menos impedir o paso, só pode empeorar.

20240309

Do pasado ao presente e ante o futuro. Pablo Mosquera Mata

Do pasado ao presente e ante o futuro

1ª entrega

A nosa Mariña, provincia de Mondoñedo do antigo reino de Galicia, Diócese Britoniense-Dumiense, é un Territorio con patrimonio histórico que viviu da agricultura, a minería e a pesca, así como daqueles teares para o liño, muíños de fariña, e fábricas de salgadura de sardiñas e arenques, sen esquecer os estaleiros que construían barcos para Sargadelos e posteriormente para as costeiras ao bonito, onde San Cibrao foi o segundo porto da provincia. É fundamental analizar, coñecer e recoñecer o que significou a caza da balea e a industria de Sargadelos coa súa flota de 22 buques, que transportan armamento, ferro forxado e porcelana, e xustifica a creación dunha aduana de cuarta categoría dependente da de Viveiro. A balea foi a primeira industria transformadora en obter do mamífero o saín que actuaba como aceite na Idade Media. A industria en Sargadelos foi unha actividade que supuxo os primeiros fornos de fundición da Península Ibérica, unha fábrica de armas, unha fábrica de cerámica, pero tamén sería básica para a normativa que serviu para organizar a primeira lei forestal do reino de España.

Pero voume centrar na actividade pesqueira. No ano 1973 son máis de 3000 as persoas dedicadas a esta actividade. A provincia de Lugo, que algúns descoñecen corresponde á Galicia Cantábrica, conta cunha frota pesqueira rexistrada de 369 embarcacións. Aínda que con dúas puntualizacións: os barcos son vellos e de madeira. Os portos non reúnen as condicións de calado ou servizos para equipar os buques e xestionar as capturas. A pesar diso, é a actividade económica máis importante da provincia de Lugo.

Segundo describiu o patrón maior da Confraría do porto de San Cibrao en 1972, Marcelino Mosquera "Chelito", no primeiro cuarto do século XX produciuse unha frenética actividade marítima que conformou veleiros para o transporte de mercadorías. Neses barcos que navegaban por todos os mares peninsulares forxábanse dende pequenos homes mariñeiros que comezaron sendo "chos-muchachos" e pasaron a recibir o título de patróns na Escola Oficial de Náutica.

Os costumes a bordo establecían tarefas para cada un dos tripulantes, ata que chegaba o momento de acender a "lantia" -luz de bitácora- na que a tripulación se dirixía á popa a rezar e descansar ata que soaba a voz do "rancho"! Cada garda duraba catro horas antes do cambio.

Dende A Vila Mariñeira de Foz, o seu cronista e gran amigo Suso Fernández publicaba en 1973: como hai unha formidable frota pesqueira e cinco estaleiros ademais da tradición da salgadura e da conserva ou a elaboración de artes de pesca onde aquelas mulleres do lugar eran as mellores artesás. A todo o dito hai que engadir a actividade nos portos de Celeiro, Ribadeo, Burela e Vicedo. Deixándolles ben claro aos actuais veciños da Mariña que moito antes da instalación da fábrica de Inespal -ALUMINA ALUMINIO- a costa máis setentrional de España contaba cunha actividade marítima pesqueira moi importante que daba emprego e riqueza á Galicia Cantábrica.

No ano 1974 tomáronse as medidas legais necesarias para instalar na Mariña un complexo industrial con dúas plantas, unha dedicada á alúmina e outra ao aluminio. Tal construción supón o desprazamento dunha impresionante cantidade de man de obra que ten un impacto humano brutal ata o punto de que algún autor a cualifica como un "claro símbolo da colonización". Pero tamén se xeran novas necesidades que transformarán o territorio; estrada para o transporte de mercadorías e traballadores así como o acceso directo á fábrica ou ao estanque onde se depositan os lodos vermellos. O antigo proxecto do século XIX da FEVE, que se concibiu nun principio para unir o cuartel de Ferrol coas fábricas de armas de Asturias, terá agora un importante destino, o traslado de mercadorías da planta de aluminio. De 1976 a 1980 realizouse unha das obras máis importantes no pasado, presente e futuro, que é o porto que desde Morás será asentamento de buques de gran calado, pero que non utilizará a dársena norte para tráfico xeral -a concesión rematou no seu primeiro tramo en 2022-.

Tres feitos requiren unha análise moi especial debido aos cambios que se producen no medio. A balsa de lodos vermellos -cunha capacidade de vinte e cinco millóns de metros cúbicos- e o encoro de Riocobo -cinco millóns de metros cúbicos de auga embargada do río Covo-. A central térmica situada nas Pontes de García Rodríguez está considerada unha das máis contaminantes de España e foi unha alternativa necesaria cando a central nuclear da Roncadoira de Xove non prosperou por problemas sísmicos.

Tamén cabe lembrar e non esquecer a gran cantidade que supuxo para algúns a compra de 3709 inmobles, adquiridos pagando sesenta pesetas por metro cadrado de terreo cando o seu valor era de cento oitenta pesetas.

A cambio da ocupación en lugares pertencentes a Cervo e Xove onde se levantan os poblados de Riocobo, Palmeiro e A Veiga, que tratan de asentar a poboación unha vez que remata a fase de montaxe, e dende 1980, inaugurase a factoría que transformará as cargas de bauxita arribadas por mar ó porto da factoría, en alúmina e logo en bloques de aluminio.

O proceso non só cambia a estética da paisaxe. Aumenta a poboación. Incide na cultura tradicional galega coa cultura dos traballadores do aluminio doutras rexións de España, especialmente dos asturianos, onde se está a vivir unha crise moi grave.

As descargas de fluor, CO2, cadmino, cloro, cromo, comezan pola terra, o mar e o aire. Sabemos que estas substancias ​​teñen efectos negativos sobre a saúde e, co paso do tempo, vaise estendendo a sospeita dun aumento da morbilidade e mortalidade por enfermidades oncolóxicas.

Desde 1975 indúcese unha transformación integral nunha comarca galega mariñá, na que prima a industria e desaparece un mar de cultura, sobre todo no Concello de Cervo e no histórico Porto de San Cibrao, que paradoxalmente conserva ese nome, pero só se refire ao peirao da fábrica de aluminio.

Para continuar...

Parte II

Parte III

Parte IV

Parte V

Parte VI

 

Pablo Mosquera Mata




20240121

E Deus dixo: 'Haxa Paz!'. E a paz fíxose...

E Deus dixo: 'Haxa Paz!'. E a paz fíxose...

    O certo é que procurando na biblia non atopo a frase do título por ningures. Será que Deus deixou esa labor como menor, para a xente, para nós.

    Mais, visto o visto, coido que se debeu equivocar. Tanto pola dificultade da tarefa como pola falta de valoración da nosa intención de lograr a paz.

    Unha semana máis, ás 12 e media da mañá deste terceiro domingo do ano, unha pequena asemblea de xente estendía a súa voz en favor da paz nos chanzos de acceso ó concello de Ribadeo. Neste caso, pouco máis de quince persoas que comentábamos que nos gustaría estar en varios lugares á vez, pois o facerse escoitar polos grans de plástico, último ataque ó mar da zona polo momento, era outra posibilidade que queríamos defender, uníndonos ás manifestacións celebrándose ó largo do país no mesmo momento. Comentarios que tamén se facían eco das estatísticas: neste caso, 15 entre 10000 é o 0,15 % da poboación de Ribadeo. Menos aínda tendo en conta que había xente doutros concellos da bisbarra.

    E mentres, a guerra continuando.

    A guerra pode comezar por unha chispa, atizada por intereses de moi pouca xente, pero é sufrida por moita, moita xente en diferentes niveis, e necesítase moita xente para parala. Esa sí é unha 'loita asimétrica'! Non só pola diferenza para impulsala ou parala, senón pola escasa xente que saca beneficios fronte á moita que sofre, ou polo pouco esforzo que parece levar provocala fronte ó moito para volver a unha situación de paz. Mesmo pola diferenza entre as palabras: as verbas en relación coa guerra e coa loita son omnipresentes, sen que moitas veces nos decatemos de que estamos a usar palabras que saen do contexto bélico, mesmo con connotacións positivas, animando ó emprego desa lingua de guerra. En troques, a paz vese soa, acompañada dunhas poucas verbas ás que mesmo se lles atribúen aspectos negativos: ser pacífico parece estar reclamando un 'miña xoia!' conmiserativo, mentres 'ser loitador' infunde ánimos.

    A paz, unha construción diaria. A guerra, a chispa dun momento que pode estenderse ate o infinito. Un desequilibrio, unha asimetría que todos sufrimos, aínda que cando vemos lonxe o conflito seguimos coa nosa vida como se non fora con nós. Lonxe no espazo -a pesares de que hoxe o mundo é pequeno- ou no tempo -a pesares de que a documentación de feitos actuais e pasados avanza a tal velocidade que ata teñen cabida as loiadas desinformadoras-. Quen se lembra do auténtico motivo da primeira guerra mundial, indo máis aló do asasinato dun príncipe? Ou da segunda, de antes da invasión de Polonia? Ollos que non ven, corazón que non sinte: pasan as novas a un segundo plano e logo á súa desaparición, así 'non sufrimos' as guerras máis que as que son notificadas como 'interesantes', é dicir, con intereses, para interesarnos nunha postura favorable a unha das partes...

    Imaxes de hoxe, tomadas por Suso Fernández:





20240107

Un día 'de reis' pola paz

Un día 'de reis' pola paz

    6 de xaneiro de 2023. Despistado -polo día ‘máxico’ que é- das concentracións semanais pola paz nas escaleiras da Casa do concello de Ribadeo, paso por diante pouco despois das doce, no momento dunha concentración e lémbrome. Un grupo de concentrados, uns vinte ou trinta, están atendendo as verbas dun orador. Un pouco máis adiante no tempo vexo no xornal que volve aumentar a tensión entre os dous estados que dividen ós coreanos. O xornal tamén fala de que a guerra na Ucraína está sendo unha guerra de desgaste, como se as outras non o foran tamén. Pero sobre todo, as novas céntranse en Gaza de paso que a guerra se descentra de alí. Máis novas de que se vai acudir un delegado norteamericano a Israel mentres por unha beira a extensión da guerra á fronteira libanesa case se dá por feita, sumándose Hezbolá e detrás seu, Irán. E por outra beira, o mar Roxo xa se converteu en zona de ataques, volvendo perigoso o paso de Suez polos grandes buques que nos traen produtos da China e que terán que alongar miles de quilómetros a ruta a Europa, encarecendo en tempo e cartos as mercadorías. Logo, máis inflación: o que importa máis á moita xente, o peto, ardendo de novo. Consecuencias laterais dunha guerra que hai quen chamamos doutro xeito. As violacións do dereito internacional menciónanse menos, e aínda menos a verba xenocidio, igual que os números -sempre por riba da centea- de palestinos mortos o día anterior. Do Sahara, Iemen, Afganistán ou Sudán, nin palabra. Parece que teñan menos consecuencias, ningunha, para nós. E xa se sabe o dito: ‘ollos que non ven, corazón que non sinte’.

    Pouco máis dá que unha vez pensado o anterior me decatase de que a concentración semanal pola paz era ó día seguinte, domingo 7 de xaneiro, ás 12:30. Día 6, día de reis, ou día seguinte, domingo día 7, en ambos casos nun día festivo, mesmo de celebración de agasallos, un grupo de persoas segue apelando á xente, ó mundo, pola paz. Pedindo un agasallo precioso para todos. Sobre todo, para os que caen baixo a metralla. Pero tamén para os que a milleiros de quilómetros de calquera guerra, sufrimos as consecuencias, entre as que as económicas son en xeral as menos importantes -aínda que sexan propostas como as máis vistosas-. A degradación que sufre a humanidade enteira, o medrar do odio no seu interior, son máis difíciles de que nolas conten os medios. Máis difícil tamén de que nos decatemos nós mesmos. Pero de efectos peores. Por dicilo dun xeito gráfico, do ceo nos envían carbón a través dos reis magos, debemos ter sido malos... ou sinxelamente pobres de poder por non poder acceder a outra cousa.

    As fotos de Suso da concentración:




 

 

20231207

Inflación... de notas do concello

Inflación... de notas do concello

    Non é a primeira vez que teño comentado non unha nota de prensa do concello, senón o uso desas notas. Con referencia a Ribadeo, por ser o que teño máis a man, pero sendo consciente de que é unha vila máis das que manifestan un fenómeno que se foi estendendo. Notas moitas veces empregadas, de xeito consciente ou non, máis para dirixir a atención da xente que para informar. Atención que se toma desviándoa doutros temas que poden resultar inconvenientes ou capturándoa para resaltar asuntos concretos máis convenientes ós intereses de quen as emite.

    Para estudar un pouco o tema, hai anos que levo unha pequena estatística. Datos que o día 1 de decembro chegaron a outra marca. Ese día bateuse o anterior máximo de número de notas emitidas polo concello nun ano, desde que foi comezado a usar o sistema, aló hai algo máis de tres quinquenios. E aínda quedaba un mes para rematar o período anual de 2023. Unha tendencia á alza que se ve reflectida na imaxe que se atopa dende hai pouco tempo ó entrar na páxina web do concello, que asigna un espazo máis significativo ás novas producidas que a anterior versión.

    Con só dous gráficos, aparece ben clariño que dende 2007/2008, anos de proba do tema, a tendencia foi a emitir cada ano máis notas, con poucos retrocesos. Nun, representando o número de notas por ano, vese que o 2009 déronse a razón de 0,76 notas diarias (un total de 278), que pasaron a ser 1,16 notas diarias no 2022. Este ano, a 1 de decembro, totalizaran xa o mesmo número que o ano anterior, 425. Isto é, máis de 1,27 notas diarias, contabilizando os días naturais, non só laborais. Ou, visto doutro xeito, superando o aumento a porcentaxe de inflación anual, que este ano non foi das pequenas.

    De calquera xeito, mirando o outro, o gráfico que compara a evolución dentro de cada ano, podemos observar que a correspondente a 2023 ten dúas partes diferenciadas. Unha primeira, con máis inclinación da raia, e unha segunda con algo menos (hai unha terceira parte, horizontal, polo tempo que falta de ano). Iso indica que o aumento anual ven dado polo aumento da primeira parte do ano, mentres na segunda, polo momento, mantense a un ritmo semellante ó do ano pasado. Algo polo estilo sucedeu no 2019, tamén ano electoral, aínda que o cambio no goberno foi menor ó continuar a mesma formación na alcaldía. Así que supoño que o cambio no concello, e o afacerse a estas cousas, terá algo que ver.

    De seguir o ritmo actual, Ribadeo remataría o ano cunhas 460 notas de prensa emitidas, unhas 35 máis ca o pasado ano. 460 intervencións que constitúen parte substancial das novas relacionadas co concello que aparecen nos medios. Mesmo parte substancial das novas de calquera cousa relativa a Ribadeo. Notas que, vía difusión nos medios, reclaman e dirixen boa parte da atención dos ribadenses.

Datos a 1 de decembro

Datos a 1 de decembro

20231205

Dúas visións do pleno do luns en Ribadeo

Dúas visións do pleno do luns en Ribadeo

    Luns houbo un pleno no concello de Ribadeo, do que xa puxen a orde do día. Non asistín, polo que teño que falar por terceiros. Polo momento, polos comunicados da alcaldía e do principal partido da oposición, mais algún comentario solto. Quizáis, como única matizción pola miña parte, á nova do concello onde se di que van mellorar os orzamentos entre todos. Entendo que están aprobados e que que entón non caben melloras a non ser que se lles poñan parches...

    Polo demais, os estilos de ambos son abondo diferentes como quen vexa máis abaixo poderá comprobar. Unha nota máis: como ven sendo habitual, corrixo a puntuación dos números que aparecen para adaptala á normativa actual. Cousa de deformación profesional miña.

    Deixo primeiro o comunicado do concello, anotando que na sección de 'novas' da web municipal xa teñen imaxes dunha calidade abondo superior á que viñan colgando (que non eran as que se enviaban ós medios, de máis peso dixital). Máis abaixo, a nota de prensa do BNG:

    -- Nota de prensa do Concello:

Ribadeo é un dos primeiros Concellos en aprobar os orzamentos para 2024. Ascende a 12,3 millóns de euros

05/12/2023

Dani Vega subliña que son os máis altos da historia ribadense.

Ribadeo é un dos primeiros Concellos en aprobar os orzamentos para 2024. Son 12,3 millóns de euros, “o que os converte nos máis altos da historia ribadense”, destacou o alcalde, Dani Vega.

O rexedor explicou que “son uns orzamentos que se incrementan significativamente en dúas partidas: benestar social e inversión. A benestar social destinamos 3,5 millóns de euros, dos que 1,6 millóns de euros van para o servizo de axuda no fogar; outra partida de 1,6 millóns de euros destínase á reforma integral do hospital asilo; 250 000 euros para a compra dos terreos do novo centro de saúde; nas actividades Preto de Ti, que realizamos nas parroquias e na vila, o Concello con fondos propios investirá 10 000 euros e con fondos da Xunta de Galicia 40 000 euros; na residencia de maiores investiremos 20 000 euros e tamén incrementamos as axudas a todas as entidades asociativas no conxunto do benestar social pasando de 11 000 a máis de 15 000 euros. Non so incrementamos as axudas senón que incorporamos á Cruz Vermella, xa que non contaba con colaboración económica por parte do Concello e no 2024 si que a vai ter”.

No apartado de inversións Daniel Vega indicou que “si no 2023 investíamos 1,1 millóns de euros neste orzamento investiremos 1,7 millóns de euros. Hai un incremento nesta partida de 600 000 euros. Si queremos que melloren as infraestruturas necesitamos orzamento: Plan Único da Deputación, á que lle agradezo a súa colaboración, 356 000 euros; novo plan de infraestruturas que nos financia a Xunta de Galicia outros 350 000 euros; aos que ai que sumarlle 95 000 euros do Agader (tamén da Xunta); á mellora das contornas significativas de moitas parroquias destinamos 120 000 euros”.

O alcalde aposta por un Ribadeo máis sostible e máis verde: “e imos mellorar dous puntos moi importantes como son o Parque de San Francisco no que investiremos 200 000 euros e tamén no Parque de Indianos ao que destinamos 50.000 euros, porque precisa dunha mellora integral. En edificios significativos, como pode ser a Casa do Viejo Pancho, son 50 000 euros os que vai investir a Xunta e na nova xefatura da Policía Local. Non podemos permitir que estea nunhas instalacións que mais ben parecen doutro século. Precisa dun novo espazo, que vai ser a antiga Casa de Teléfonos e imos investir máis de 60 000 euros coa colaboración da Xunta”.

Para Daniel Vega “hai un traballo moi importante. En tan so cinco meses Ribadeo é un dos primeiros Concellos en aprobar os orzamentos. Creo que é algo a destacar e que lles quero agradecer a todos os técnicos municipais a súa colaboración e o seu traballo. E tamén a todo o goberno, a tod@s @s concelleir@s que están traballando todos os días. Tamén lle agradezo a colaboración tanto ao PSOE como ao BNG. Votaran o que votaran creo que imos traballar todos e colaborar todos e mellorar estes orzamentos”. 

 O rexedor agarda que “a colaboración dos grupos da oposición sexa total e absoluta. Nos contamos con eles, escoitamos as súas propostas e seguimos contando coa colaboración de todas as institucións: a Deputación de Lugo, o Goberno do Estado e a Xunta de Galicia. Entre todos aprobamos os maiores orzamentos da historia de Ribadeo, pensando única e exclusivamente en Ribadeo”.

    -- Comunicado do BNG:

O BNG DE RIBADEO DENUNCIA A ACTITUDE CÍNICA, DEMAGÓXICA E ESCURANTISTA DE DANIEL VEGA NO PLENO DOS ORZAMENTOS DO ANO 2024.

No pleno deste luns 4 de decembro, o alcalde de Ribadeo adoptou unha actitude cínica, demagóxica e escurantista ocultando información e xogando coas palabras e coas quendas de intervención. Como podemos entender, senón, que no debate co concelleiro responsábel da área de Facenda, Vicente Castro, o alcalde se negara a responder á pregunta acerca de convenios que se puideran ter asinado con outras administracións, e despois, en rogos e preguntas, dixese que si coa boca pequena? Por que non aclara o alcalde de Ribadeo que convenios hai asinados, se é iso verdade, e con que administración? Como podemos cualificar a actitude dunha alcaldía que un día sobe documentación cunhas cifras e, ao día seguinte corrixe dita información sen avisar á oposición? Non contento con tanto despropósito, despois, no debate, acusa ao noso compañeiro, ben coñecedor da facenda local, de non ter estudado a fondo a información. Máis cinismo é imposíbel!

Pero o grupo municipal do BNG estudou ben a fondo as contas. E comprobou que son uns orzamentos faltos de rigor e esaxeradamente inflados ao servizo da vaidade desenfreada de Daniel Vega. Son uns orzamentos que inclúen inversións subvencionadas por convenios dos que se negou a falar durante o transcurso do pleno. Inclúen tamén previsións de ingresos irrealizábeis no exercicio 2024. Así, por exemplo, hai previsións de ingresos polo imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), ou polo canon da concesión administrativa da auga, que non se van poder concretar no ano 2024. E iso, porque toda a tramitación que está aínda pendente de realizar (estudos previos, licitación, etc.) lévannos mesmo a finais do ano 2025. O alcalde quere gastar xa o diñeiro do ano 2025 e aínda non rematou o 2023. Imos apañados!

Tamén temos detectado, en base ás previsións feitas nestes orzamentos, que o lixo vai acabar subindo case un 40 %. Si: aqueles que nunca subirían os impostos. Iso mesmo dicía Rajoy antes de gañar as eleccións en 2011. E despois fixo o que fixo. Bo alumno o noso alcalde. Pero non estivo moi fresco ao intentar refutar a crítica do BNG pola suba do lixo pois, primeiro achacou tal suba á incorporación do contedor marrón (para materia orgánica), e que iso xa vén do anterior goberno do BNG, que comezou o proceso. Pero máis tarde destacou que se debía dito incremento á suba do canon de SOGAMA. Pouco rigor nos orzamentos e pouco rigor nas intervencións.

Temos visto así mesmo erros graves de tramitación con partidas erróneas que non se corresponden con inversións reais; mesmo temos detectado algún apartado en branco, como o do Fondo de Compensación. Que pouca elegancia! Corrixiron ese dato, así o recoñeceron no pleno, pero non tiveron a decencia de comunicalo á oposición. Sería para despois poder reprocharnos que non coñeciamos ben os orzamentos? Nós si que os miramos. A concelleira delegada de Facenda, mirar miraríaos, pero tan só lle dedicou ao tema dous minutos no pleno cando os presentou.

En canto aos gastos de persoal, non son recollidos con fidelidade nestes orzamentos: así, aparecen partidas que non se axustan ao anexo ademais doutras que están duplicadas. Mesmo no resumo de gastos por capítulos non se recollen os importes reais de gastos de persoal, que en realidade van ascender a 5 064 656,71€.

Polo que se refire a gastos sociais hai unha clara redución de partidas. Así, en subministración para alimentos redúcese drasticamente a partida e no CIM (Centro de Información á Muller) diminúe até un 50%. O programa de actividades de animación social e a partida de mocidade para actividades de verán e nadal tamén sofren importantes recortes. Iso si: os gastos protocolarios e de publicade mantéñense (que conste que, visto o visto, lograr que se manteñan até pode chegar a ser unha virtude ante a desgraza de tanto dispendio!).

En fin: trátase duns orzamentos carentes de rigor, inflados artificialmente de cara á galería e pensados para gastar sen control nin medida. O goberno municipal do PP ten nestes momentos a maioría e procedeu á súa aprobación. Pero, xa o iremos vendo ao longo do ano 2024, estes desaxustes han traer consecuencias para a estabilidade financeira do Concello, a casa común de todos e todas as ribadenses. Por iso o grupo municipal do BNG de Ribadeo votou en contra. Non gustou nada ao alcalde de Ribadeo a nosa coherencia: na fase de rogos e preguntas volveu a proferir insinuacións faltas de toda consistencia e que raian na calumnia. Cando o señor Daniel Vega se emprega tan a fondo é porque non lle queda nada serio e rigoroso que dicir e acode ao insulto e á infamia.

20231121

Mar por Medio do galego

Mar por Medio do galego

    Están convocadas as novas Xornadas Mar por Medio. De feito, en baixo deixo o cartel e programa. Está aberta a inscrición.

    Por outra banda, chócame algo curioso. Convocadas pola 'Academia Xacobea', con enderezo en internet rematado en .gal, cando entras na páxina principal sintes que algo non vai como debera. Na primeira liña aparece 'inscrición' e non 'inscripción', mais tamén 'noticias/novas'. Se colles a nova da presentación das xornadas en Ribadeo, o primeiro que te atopas é 'noviembre', e logo unha foto e un texto en galego. Logo, sen transición algunha, a mesma foto e o mesmo texto en castelán. E para remate, de novo unha liña encabezada con 'noviembre'. Os de 70 Mandarinas Comunicación rematan o pé de páxina (de todas as páxinas) con opcións en castelán.

    A páxina adicada ós académicos fundadores está en castelán. 'Only'. Iso si, se se entra nalgunha das páxinas adicadas a un só dos académicos, aparece algo máis, primeiro en castelán, e logo, en letra con menos contraste, o mesmo en galego. Tanto a páxina de contacto como a de inscrición preferencian o castelán.

    Estiven tentando entrar na web de 70Mandarinas, pero hai problemas polo que parece, aínda que no buscador di que é unha empresa nada en santiago con vocación de servir a toda Galicia. Tampouco na web de Academia Xacobea puiden acceder a novas máis aló do 14 de novembro, nin ós apartados ¿Qué es la Academia Xacobea? e ¿Cuáles son sus funciones y fines? (apartados que tamén aparecen na mesma páxina, á beira dereita, en galego con tipo menos destacado)

    Nas novas, tanto do concello como da 'Academia' salientan entre outros nomes como Víctor F. Freixanes ou a ribadense Celia Castro, os fundadores Manuel Valín e John Rutherford. A máis de Xesús Palmou, presidente da Academia, ou o Secretario de Política Lingüística, Valentín García. Manuel Valín aparece ademáis como socio fundador da Academia, pero non na páxina de Fundadores. O financiamento non ven especificado, nin a súa procedencia.

    O programa é atraínte. Deixo a versión del en galego, á que, para acceder, esta si, aparece nun pulsador á esquerda do da versión castelá.