Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Nadal. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Nadal. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20211204

Mercado de Nadal en Ribadeo, 2021 (e programa mensual)

    Nun momento de pouca afluencia, despois dun descargue de choiva, o mercado de Nadal está apacible... Sábado 4 de decembro pola mañá.

    E o mes de decembro en Ribadeo, Nadal incluido, claro:

    ... e a nota de prensa do concello:

AS RÚAS ESTÁN CHEAS DE LUZ E DE COR

O Nadal chegou a Ribadeo

03/12/2021

Foto alumeado Nadal 

Hoxe deu comezo o XVIII Mercado do Nadal e procedeuse ao acendido do alumeado destas datas.

Esta tarde tivo lugar a apertura do tradicional Mercado do Nadal, que organiza o Concello de Ribadeo, e que se poderá visitar ata 8 de decembro no parque de San Francisco. Son 25 postos de artesanía e alimentación os que poderán atopar aquelas persoas que se acheguen a Ribadeo estes días. Ademais haberá actuacións musicais e actividades para as mais pequenas e os mais pequenos da casa. Ata o Mercado do Nadal se achegaron o alcalde, Fernando Suárez, e os concelleiros de Desenvolvemento Local, Medio Ambiente, Cultura e Igualdade, Pablo Vizozo, Jorge Díaz, Pilar Otero e Mariluz Álvarez Lastra.

E coincidindo coa apertura do XVIII Mercado do Nadal o Concello procedeu a inaugurar o alumeado de Nadal, que inclúe unha grande árbore no parque de San Francisco.


20171207

7 de decembro? Xa chegou o Nadal a Ribadeo

O de que é o Nadal, iso xa é fariña doutro costal. Alumedado, Mercado, Pista de xeo... os atributos que se foi colgando o Nadal ribadense xa están preparados ou funcionando, e as vendas e a ocupación hostaleira, eses outros atributos procurados, parece que tamén van. Será pois cousa de redefinir o Nadal. Ó cabo, o misterio relixioso está de capa caída na crenza da xente, e Papá Noël hai tempo que campa pola terra dos reis Magos.
As fotos dan testemuña:
Preparación dos postos do mercado, este ano, en torno ó parque de San Francisco

Preparación da pista de xeo

Unha novidade dentro dos postos do mercado do Nadal

Parecería que a árbore quere arrodear a luz, como un misterio máis do Nadal

Animación no parque

As luces, o mercado, a xente. O Nadal desdibuxado

Unha entrada ó ceo dende Ribadeo
Programa do Mercado de Nadal 2017

20180107

E continúa o Belén!

Cos reis pasados, as festas de Nadal tocan ó fin. Nunnha continuación tradicional, os beléns de exposición aínda non serán desmontados. Non sei o da Orde Terceira, mais o da Asociación Belenista, na antiga Casa Maseda, na esquina da r/ Villafranca coa Praza de España, continuará visitable ata cousa de fin de mes. Este belén está conformado seguindo a etapa do camiño de Santiago Ribadeo-Mondoñedo, seguindo as diferentes capelas polas que pasa (non todas: está o mosteiro de S. Salvador de Lourenzá, pero non a súa igrexa, e a praza da catedral de Mondoñedo, pero non o edificio da catedral). Deixo como mostra varias fotos de capelas, tomadas por Goyi Gómez:
Capela da Virxe do Camiño
Igrexa de S. Vicente de Covelas
Igrexa de S. Xusto (Barreiros)
Praza da Catedral de Mondoñedo
Pza. da catedral de Mondoñedo, outra vista.
--
Sobre Beléns:
Nadal 2015
En Vilalba (2015)
Beléns de Ribadeo (Asoc. belenista, Orde terceira, etc)
Nadal 2013 (actuación)
Nadal 2012
Nadal 2011
Nadal 2010
Nadal 2008
O Facebook da Asociación Belenista.


20061221

Festival de Nadal da Escola Municipal de Música e Danza "Hernán Naval" de Ribadeo

Paso a postear a nota íntegra da actuación que terá lugar mañá:
A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo celebra o seu t

A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo celebra o seu tradicional Festival de Nadal

  • Actuarán un total de dez formacións xurdidas no seo do propio centro

  • O festival ten preparadas moitas sorpresas para os máis pequenos


Ribadeo. 21 decembro 2006. A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo celebra hoxe, venres día 22 de decembro ás 20.30 horas no Auditorio Municipal “Hernán Naval” o seu tradicional Festival de Nadal. Un total de dez formacións xurdidas no seo da propia Escola e integradas polos máis de 250 rapaces e rapazas que se atopan matriculados no centro son as que van poñer en riba do escenario un programa onde o espírito de nadal se respira polos catro costados. “Queremos contribuir con música á celebración das festas de nadal así como que os nenos e nenas se divirtan e disfruten facendo tocando”, sinalou Lourenço Cruz, director da EMMeD de Ribadeo. Para que isto ocorra en cada unha das pezas vai haber algún elemento sorpresa que, nalgúns casos, nin os propios alumnos e alumnas nin a direición do centro coñecen. “Este é un festival onde a maxia e a ilusión son compoñentes fundamentais pois moitas das cousas que se van facer non as coñecemos nin os propios profesores, son sorpresas que cada director das agrupacións ten preparadas e polas que tan só nos queda agardar”, comenta con sorna o director do centro ribadense.
Grupos de iniciación á música, de ballet, de saxofóns, guitarras ou percusión así como a banda infantil van interpretar diferentes versións de temas clásicos do nadal así como versións de pezas de música de cinema como a banda sonora do filme Titanic.

O prato forte do festival está reservado para as actuacións conxuntas da Orquesta sinfónica xuvenil e do Coro da EMMeD. Ambas e dúas formacións van escenificar un dos momentos máis especiais do festival. “Algo que si podemos adiantar é que a estrutura do cocerto é in crescendo xa que a súa intensidade e espectacularidade vai ir medrando a medida que vai avanzando”, sinalou Lourenço Cruz.

Unha vez máis a EMMeD de Ribadeo mantén nos seus concertos a premisa de que exista presenza de todos os estilos de música. Boa proba delo é que polo escenario do Auditorio “Hernán Naval” van desfilar dende un corpo de ballet que se move ao ritmo de “Campana sobre campana” até un coro que canta “O Tamborileiro”, unha banda infantil que versiona “Titanic” ou un grupo que fai música heavy e que se atreve con “Red Barum”.

O concerto de nadal da EMMeD de Ribadeo vai estar presentado por Suso López.

20221227

Un belén e unha ausencia

    Un ano máis, a asociación belenista de Ribadeo montou unha exposición, que inclúe un belén florentino, outro belén que recorre o camiño norte, unha mostra de pequenos beléns recollidos dos lugares máis recónditos... entre outras cousas. En baixo deixo catro vídeos para dar fe da maioría do exposto (que non de todo) nos baixos da praza de José María López en horario de 18 a 20 h, como pon o cartel da entrada.
   
Este ano recolle tristeza dende a cartelería exterior. Non porque sexa un belén triste, que non o é, senón pola ausencia de Álvaro Lamas Pedreira, finado o 26 de marzo, pilar do equipo de colaboradores e da montaxe e do que en certo xeito o belén é unha herdanza. Con el teño recorrido edicións anteriores, nos antigos baixos que ocupaba o supermercado San José, en Casa Maseda ou na ubicación actual. A máis, tenme ensinado documentación e os planos, que continuou facendo no vetusto programa Paint ata o último momento, dun xeito laborioso, de moitas horas. En fin, coido que xunto con esa tristeza da ausencia, a mesma continuación da labor da asociación belenista e a montaxe de Nadal deste conxunto de máis de 400 m2 é un motivo de lembranza e agradecemento.

    Os vídeos:

    1.Beléns do mundo:


    2.Belén do camiño norte:
     

 3.Belén Florentino:


     4.E máis (pero non todo).


    E tamén deixo un vídeo dun belén desta asociación de anos anteriores:

--

Sobre Beléns: 

Beléns da asociación belenista de Ribadeo en 2019
Belén do camiño de Santiago en Ribadeo (2018)
Nadal 2015
En Vilalba (2015)
Beléns de Ribadeo (Asoc. belenista, Orde terceira, etc)
Nadal 2013 (actuación)
Nadal 2012
Nadal 2011
Nadal 2010
Nadal 2008
O Facebook da Asociación Belenista.
 

20191205

Aquí, como en Vigo

   Esta tarde agasalláronme co titular: aquí, como en Vigo. Remedando o concerto 'aquí, como en Viena', este Nadal Ribadeo 2019 competimos en iluminación con Vigo. En iluminación, que din que en luces non, que o de ter moitas luces ou poucas luces é outra cousa, que, outros sentidos aparte, hai zonas do pobo sen iluminar, e non se compite para quedar último. E tampouco ven moito a conto competir en iluminación mentres siga a haber cortes de luz en Ribadeo, pois aínda que siga sen callar de todo a iniciativa #cortesdeluzRibadeo para acumular datos para reclamar, periódicamente aparecen notas do concello ou do comercio con queixas, aínda que sen datos precisos.
    Aparte o anterior, hoxe foi en Ribadeo o momento 0 deste Nadal para o que aínda quedan tres semanas: a inauguración e posta en marcha do 'mercado do Nadal' e tamén da 'iluminación visible dende toda a Mariña e occidente astur'. Por iso deixo algunha foto da iluminación no centro de Ribadeo (incluído unha mala foto da semiseparatista en adornos Avda. de Galicia) e os actos do mercado. A foto da iluminación de rúas menos céntricas ou das parroquias queda para outro momento, ó igual que a valoración do mercado do Nadal que faigan o concello -que se espera positiva- ou ACISA -que, despois do mercadillo das festas patronais de Ribadeo 2019, pode ser máis aleatoria ou non ser-.
    Momento para felicitar o Nadal? Pois coido que non, por moita luz comercial tras o black friday ou venres negro, con vinte días para o Nadal implica estar felicitando máis dun mes ó ano, e coa que está a caer pola zona con Alcoa e cia.
Pero, voltemos ó tema: Aquí, como en Vigo!
    --Nota: Declaración institucional no Parlamento pedindo ver a noite en Galicia (2015)









20191030

Os deslumbrados non poden ver o ceo

Nebulosa nas Pléiades. Obtida de https://www.spacetelescope.org/images/opo0036a/
    25 de outubro, nota de prensa. Resultado: Ribadeo terá máis luces de Nadal por persoa que Vigo. Os xornais destacaron a competición con Vigo, pero aínda así, non chegaron a ese dato: en Vigo, ao parecer, instalaranse unhas 10 000 000 de luces, ou sexa, sobre 25 por persoa. En Ribadeo, 800 000, iso é, contando a toda a xente do concello, 80 por persoa, máis de tres veces máis (máis de cen por persoa se se considera só os habitantes da vila).Parece que as árbores non deixan ver o bosque, e os visitantes no Nadal non poderán ver a magnificencia do ceo estrelado ou as nubes cambiantes ocultando a Lúa de noite, pois para algo están as luces. Neste caso, para deslumbrar ós visitantes (e, efecto colateral, ós locais)
A nota do concello destaca o esforzo para que Ribadeo sexa visible en toda a bisbarra. Custe, contaminación enerxética e visual, ou gusto, son arrumbados fronte as luminosas cifras postas sobre a mesa. Non en van dispónse de 23 900 €/ano que van ser radiados na noite ribadense como un extra sobre a iluminación normal. Se o ano pasado foron 13 500 €, implica un aumento do 77 % fronte a un ano atrás. Haberá quen diga, non importan os cartos cando se trata de fardar. Aínda que o pretendido, segundo a nota de prensa, é que 'se nos vexa' na bisbarra para que a xente consuma en Ribadeo. Ou sexa, trátase de consumir máis para facer que a xente consuma máis nese mesmo lugar. Enténdese pois que a acción está proposta non de cara ós ribadenses, senón como como subvención extra a ACISA (lembranza: asociación de comerciantes, industriales, servicios y autónomos de Ribadeo).
    Non se pode dicir moito máis, pois o único a considerar para o contrato da iluminación das oitocentas mil luces será 'a oferta económica máis ventaxosa'. Con iso, enténdese que as luces outras luces, como as do campo de fútbol, que levan anos deslumbrando ó ir pola estrada de Vilela, serán reforzadas para quedarmos máis deslumbrados, e, co deslumbre, convertidos os visitantes e tamén os ribadenses en consumistas.
    É posible que sexan 'luces bonitas', pero coa súa visión non poderei menos que pensar noutras cousas a máis de xulgar a intensidade da súa beleza. Por exemplo, a eficacia da medida na potenciación do consumo, o retorno directo ós ribadenses desa inversión ou se o Ribadeo que queremos é un Ribadeo 'deslumbrado' por luces artificiais.

A nota de prensa do concello:

AS EMPRESAS TEÑEN 15 DÍAS NATURAIS PARA PRESENTAR OFERTAS

Alumeado de Nadal

25/10/2019
O alumeado de Nadal en Ribadeo contará por primeira vez con 800 000 luces led entre farolas, arcos, árbores e figuras en 3D. O Concello sacouno hoxe a licitación por 23 900 euros ao ano. A vixencia do contrato será de dous anos con posibilidade de prórroga dun máis.
O alcalde, Fernando Suárez, anunciou que "no día de hoxe sacamos desde o Concello de Ribadeo, a través da plataforma electrónica de contratos, a licitación do contrato de subministro e instalación de elementos de decoración luminosa durante as festas do Nadal".
O rexedor dixo que "si ben é certo que cada ano imos tentando mellorar un pouquiño a iluminación do ano anterior, seguindo nesta liña, quixemos dar un paso adiante no senso de consolidar todo o que viñemos facendo para incrementar máis os espazos públicos de iluminación do Nadal, cambiando e renovando o aspecto das luminarias e incorporando novos elementos que confiemos sexan do agrado de todo o mundo".
Suárez Barcia subliñou que "segundo os datos que me pasan os técnicos, se sumásemos todas as microluces que conforman a totalidade dos arcos, das iluminacións nas farolas, das iluminacións das árbores e das figuras en 3D, estaríamos aproximadamente nas 800 000 luces led en total, unha cifra importantísima e nunca chegada ata agora en Ribadeo. Non imos ser como Vigo, que seguramente se vexa desde o espazo exterior a súa iluminación, pero a nós seguro que desde toda A Mariña e máis desde o Occidente asturiano se nos verá sen ningún problema. É moi importante que se nos vexa para que a xente siga vindo a mercar ao noso comercio e a disfrutar da nosa hostalería, e en xeral dos servizos que ofrece Ribadeo".
O alcalde explicou que "o importe deste contrato ofertado é de 23 900 euros ao ano, cunha vixencia de dous anos, coa posibilidade de prórroga dun ano máis. E o criterio de selección do adxudicatario será o da oferta económica máis vantaxosa. Polo tanto, o prazo para presentar as ofertas as empresas cualificadas que queiran facelo será de 15 días naturais a partir de hoxe, ou sexa ata o 9 de novembro".

20151223

O nacemento da asociación belenista. Belén do Nadal 2015 en Ribadeo

Unha visita ao nacemento da asociación belenista no 'espazo Pulpeiro Doval' da antiga Casa Maseda.
Este ano poden visitarse ademais na Orde Terceira e no local de exposicións na r/Ramón González 37, nos locais do antigo supermercado S. José.
Sobre Beléns:
En Vilalba (2015)
Beléns de Ribadeo (Asoc. belenista, Orde terceira, etc)
Nadal 2013 (actuación)
Nadal 2012
Nadal 2011
Nadal 2010
Nadal 2008

20161214

Foto natural, propaganda... artificial?

Que máis natural que dúas persoas calzándose? Aínda que sexa patíns de xeo. A foto acompaña á penúltima nova deste Nadal, coa apertura da pista de xeo ACISA-Concello de Ribadeo:
Ribadeo contará este Nadal, por segundo ano consecutivo, con pista de xeo natural, que estará situada no parque de San Francisco do 17 de decembro ao 8 de xaneiro. É moito máis grande que a de 2015 e trátase da única destas características da que se poderá gozar na provincia de Lugo, segundo subliñaron hoxe o alcalde e o presidente de Acisa.
O Concello e ACISA traen por segundo ano consecutivo a Ribadeo unha pista de xeo natural, que estará situada no parque de San Francisco do 17 de decembro ao 8 de xaneiro, en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 22:00 horas. As persoas que fagan as súas compras nos establecementos asociados a Acisa terán un desconto dun 50% no prezo da entrada, que é de 6 euros. O alcalde, Fernando Suárez, salientou na presentación celebrada esta mañá, que este Nadal a pista é de maior tamaño que a do ano pasado e que é a única destas características da que se poderá gozar na provincia de Lugo. O presidente de Acisa, David Martínez, contou que a partir de mañá, martes, xa se poden obter os tíckets de desconto por compras superiores a 20 euros nos establecementos asociados.
O alcalde declarou que "vendo o notable éxito que tivo o ano pasado, queremos neste ano volver a ter esta nova iniciativa da man de Acisa e o Concello para poñer en marcha esta pista de xeo natural este Nadal. Hai que ter en conta que isto facémolo para que a xente o pase ben, para que os nenos e os non tan nenos teñan un lugar de ocio durante todos estes días. Pero seríamos inxenuos se non dixéramos que o que realmente queremos é que a xente veña mercar a Ribadeo. De aí que poñamos esta pista de xeo natural coa intención de que se un compra aquí sendo de Ribadeo ou de fora, terá un desconto dun 50% no custo do tícket. O prezo da entrada é 6 euros, pero si se compra en Ribadeo, nos establecementos asociados de Acisa, o vale desconto suporá o 50%".
Suárez Barcia dixo que "a partir deste vindeiro sábado, 17 de decembro, e ata o 8 de xaneiro de maneira ininterrompida estará esta pista de xeo natural en Ribadeo. Ten novidades con respecto ao ano pasado e a máis importante é o tamaño. É moito máis grande que o ano anterior, xa que a pista que o ano pasado era duns 200 metros cadrados, este ano leva case o 60% máis de superficie chegando aos 320 metros cadrados, que van facer as delicias de todo o que veña patinar".
Fernando Suárez asegurou que "buscamos a autofinanciamento, a autosustentabilidade de todo este proxecto, pero se non é así e ao final acabamos tendo unha perda para o Concello, non será tal perda porque suporá que moita xente veña a Ribadeo, que moita xente compre en Ribadeo e que moita xente lle dea vida a este sector que temos importante en Ribadeo, como é o comercio local".
O alcalde ribadense subliñou que "este ano temos un reto e case considerámonos un centro moi atractivo en moitos quilómetros á redonda. O ano pasado tivemos que competir cunha moi importante que había en Lugo e este ano en toda a provincia luguesa soamente está Ribadeo con pista de xeo natural, porque esta non é unha pista de xeo artificial. Competimos con outras cidades, pero que están ben distantes a nós".
Suárez Barcia convida "a todos aqueles, non soamente do concello senón do Occidente de Asturias, da Mariña de Lugo, incluso da provincia de Lugo e doutras provincias, que estou convencido de que van vir durante estes días de Nadal a facer as súas compras aquí a Ribadeo".
Pola súa banda o presidente de ACISA, David Martínez, cre que "é unha boa oportunidade patinar durante 50 minutos por tres euros facendo as compras en Ribadeo. Ribadeo ten de todo, pódese vir comer aquí, vir de compras e logo gozar desta pista, que é a máis importante de toda a provincia, eu creo que é unha delicia".
David Martínez lembrou que "xa a partir de mañá, martes, pódense facer as compras nos establecementos asociados para entrar na pista de xeo á metade de prezo". Por compras superiores a 20 euros farase entrega dun vale do 50% de desconto na entrada á pista de xeo. Os vales deberán ir selados na parte posterior polo establecemento que o entregue e os clientes deberán presentalos na taquilla grapados ao tícket de compra.
O presidente de Acisa dixo que "aqueles establecementos que non sexan asociados e queiran dispoñer destes vales de desconto para a pista de xeo, poden achegarse ao longo dos vindeiros días polas nosas oficinas e facerse socios de Acisa. Dese xeito poderán participar nesta interesante campaña para Ribadeo, o seu comercio e a súa hostalería".
O Concello procede estes días a ultimar a contratación das 4 persoas que traballarán a xornada completa na pista de xeo ao longo deste Nadal. 
O cartel:
E a montaxe:
Nota posterior: o 16/12 aparece outra nota de prensa do concello con outra foto tamén co alcalde e o Presidente de ACISA a conto de que o 17/12 se abre a pista.

20161209

Novas de Ribadeo

Ribadeo está en festas. Festa contínua, parece. Onte inaugurouse o mercado de Nadal, e xa temos nota de prensa da visita do alcalde, xunto co aviso dun sorprendente (din) sistema de iluminación no Nadal. O título da nota está en consoancia coa 'festa contínua': a 8 de decembro, chega o Nadal a Ribadeo.
E, no mercado, tampouco este ano haberá carpa, senón casetas: 25. O éxito de visitantes, dende o primeiro día
Encadre do mercado

Aínda que non resalte, o luminoso está anunciando o mercado de Nadal...



O mercado como éxito.


O alcalde visitando o mercado, a foto da nota de prensa do concello.

A máis, hoxe, ata podemos aprender a aforrar no gasto da luz (non na parte fixa, a que se leva as ganancias tamén fixas para as elećtricas) hoxe ás 12 do mediodía (para quen non teña que traballar, claro).
O cartel do merdado de Nadal en Ribadeo en 2009, recollido con algunha foto en 'en perspectiva'

O mercado, no ano 2006 (collido de 'A identidade de Ribadeo')
O mercado, no ano 2008 (collido de 'cinco imaxes, un só Ribadeo')

20071206

De enfermidades e para esquecer

Comecemos pola parte negativa: achégase eso dea lingua azul nas vacas. As últimas, en Castropol, concello que tamén foi expedientado por medio ambiente por verquido de residuos industriais sen depurar.
A nivel social tamén hai unha certa doenza, como se manifesta en que os alcaldes de Burela, Ribadeo e Viveiro descarten a capitalidade mariñán única: Os dous últimos xa teñen capitalidades sub-marriñáns e correrían risco de perdelas; o de Burela non a ten legalmente, pero si de facto, e sabe que tería en contra ó resto da Mariña de plantexar unha capitalidade única... mentras, a Mariña, dividida, irase separando cada vez máis dun xeito lóxico nos tres trozos xa coñecidos.
Mentras, para esquecer, esta ponte é o pistoletazo de saída para as celebracións do Nadal. En Ribadeo, o Mercado de Nadal inaugurarase dentro de hora e pouco a pesar de non ser aínda Nadal, e os altofalantes de Nadal xa comezaron a funcionar (por sorte, este ano parece que cunha intensidade de son que ten en consideración a veciños, tendeiros e mesmo visitantes) Parece logo que sexa cousa de dicir: Bo Nadal!

20161202

A excepción do Nadal

O Nadal é excepción?
De novo chega o Nadal. Xa comezan a aparecer as voces que din algo así como que quererían durmirse o 23 de decembro e despertar o 7 de xaneiro, xunto coas novas que indican cousas como unha semana especial no Nadal (referíndose á da ponte da Inmaculada Constitución) Ou a ampliación de horarios da hostalería nocturna 15 días dende agora a fin de ano (máis -avisan- os correspondentes ós días do novo ano, máis a petición de non restricción da noite de fin de ano.
Posturas encontradas e que case se alimentan unha á outra, mais cunha diferencia fundamental nesa retroalimentación. Nun caso, prodúcese por fastío de estímulos e sentementos da xente, mentras no outro é debido ós estímulos e hipersensibilidade inducida por intereses principalmente económicos.
Aínda hai poucos días que con motivo do black friday os xornais facíanse eco de que nun quinquenio, de ser descoñecido pasou a estar totalmente instalado en España, mentras a súa contrapartida conceptual, o giving tuesday, segue a ser descoñecido. A diferencia está entre o impulso (e intereses e cartos invertidos) na promoción do primeiro e como moito a indeferencia en relación ó segundo. Influencia norteamericana que se deixa sentir noutras celebracións, como a crecente importancia de Santa Claus ou Papá Noel en contra da importancia dos Reis Magos, a pesar de ser unha e outra xa festas comerciais por riba do sentido relixioso que poideran ter noutras épocas, e que representa unha tentativa de duplicación de gastos a máis de presentación de posibilidade de desfrute extra. Ía contrapoñelos asemade ó Apalpador, mais polo momento, o apalpador representa só algo de segunda orde fronte ós mitos maiores.
Seguindo coas comparacións, Halloween (ou menos. a súa versión para equilibrar en Galicia, Samaín) foise instalando paseniñamente, menos comercial e tamén festeira, impoñéndose a unha celebración calmada e meditativa do culto ós mortos que representa Santos e defuntos. E poderiamos seguir.
Mentras, ó abeiro de celebración tras celebración, hai normas que se convirten case en excepcións, levadas en boa parte por intereses económicos. Aí está a consideración da ampliación de horario de apertura nocturna con todo o que leva consigo. E permítese o pedido sen medidas paliativas dos efectos negativos, pasando así a ser o 'anormal' o desenvolver diario, forzado de discurrir do tempo coa cenoria da diversión -mesmo nun intento de forzar dito sentemento- e o atributo do gasto como compañeiro inseparable. Porque ó fin, o que se potencia é o gasto, non a diversión ou o benestar, que pasan, no mellor dos casos, a ser subprodutos de propaganda enganosa metidos a presión nunhas cabezas como as fartas de cantos de Nadal.

20201228

Ladan

   Non soa mal... 'Ladan'. Por se alguén non se decatou, 'Nadal' ó revés. Un nome novo, algo así como dicir 'prepárate e date a volta' ante unha festa tradicional. Tampouco me soa mal a idea de dar a volta a esta festa. Non se trataría dun anti-Nadal, senón doutra cousa. A ver se aclaro a idea.

   Que vos parecería comezar o ano no Nadal? Refírome a preparármonos para dar a volta e volver a través do 2020. Ou cres que o 2021 vai ser mellor?  Pois estou por dicir que non alucines, que o 2020 tampouco tiña mala pinta...

   Virus na primavera. Virus no outono. Segunda onda. Terceira onda, din xa algúns. Máis cansazo. Histérese, poderíase dicir: Fenómeno polo cal o estado dun material non depende só da forza que actúa sobre el senón tamén dos estados anteriores o que se manifesta polo retardo do efecto con relación á súa causa, segundo a RAG. Si, a xente estamos cansos de máximos repetidos dos contaxios, de medidas que van e veñen, de incerteza, e respondemos peor. E no outono caía a luz.

   Chegou o solsticio de inverno. Agora a renacer a luminosidade, aínda que baixen as temperaturas ata febreiro. Coa luminosidade retómase a esperanza: é un mecanismo ó que respondemos os humanos. Esperanza, un termo que en tempos 'nadocoronavirus' pode ser equívoco. Esperanza: chegou a vacina... pero non se sabe moi ben, pode transmitirse o virus igual, non está claro o tempo de protección, segue a haber mutacións... Esperanza, pero non se pode baixar a garda, mentres a economía tradicional afunde e tampouco está claro que para solucionar o afundimento o sistema vaia adaptarse moito, por máis que sexa evidente que o que funcionou foi 'outra economía' de solidariedade, resistencia, coidados...

   De calquera xeito, hei de confesalo: a idea Ladan chegou a raíz de que todo o mundo dixera que este ía ser un Nadal atípico. Nadal atípico? Que é o 'típico' nunha celebración que non ten tanto que ver coas que lembro de pícaro -tamén algo evidente para quen teña unha certa idade-. Este ano dábase por descontado un cambio imposto máis que a continuidade desa evolución que se ven dando. Quizais unha miguiña de 're-volución', pero por suposto ninguén -ou case ninguén- contaba cunha involución. E pode que sexa isto último o que tivo máis importancia: máis que revolucionar a celebración, volveuse a vista atrás, recollendo algo dun sentido perdido ante un mercado que se adaptou, pero non de xeito total.

   Somos animais de costumes, pero paga a pena intentalo, o ser feliz sen que as costumes constrúan unha cárcere ó noso arredor, si. Como calquera día da nosa vida. Iso pode significar un pouco de 'involución', mais sobre todo debera ser mostra de sabiduría, un moito herdada, pero outro moito anovada para adaptarse a uns tempos que necesitan diso, de adaptación.

   Feliz 'día', de calquera xeito. Mais, como esta verbas chegarán despois do 25D, quizais para rematar debera preguntar: (tiveches) Feliz Ladan?

20081219

De cara ó Nadal


Antonte, inicio do reparto de árbores de Nadal entre os comercios. Onte, actuacións fin de trimestre nun colexio. Hoxe, na escola municipal de música e danza. Hoxe rematan as clases nos centros de ensino antes do Nadal. Anuncian para o mércores 30 na Capela da Orde Terceira, ás 20.30 horas un concerto do grupo de música de cámara de Ribadeo ARCO-VENTO con obras de Mendelsson, Brahms, Häendel, .... Tamén, o concerto de Nadal da banda para o día 2 ás 20:30. Mesmo como agasallo, a rúa Calvo Sotelo rematada por sitas datas (é de esperar que non pase como no xardín e non a abran ata as eleccións convocadas onte para marzo). Tamén parece unha especie de agasallo que a Xunta por fin anuncie a disponibilidade de cartos para facer algo consistente a Reserva da Biosfera na zona do Eo. Estamos xa no Nadal.
Quizais sexa isa a nova da fin de semana, a preparación para unhas datas un pouco raras que significan o camio de ciclo anual. Un pouco raras nas que se convoca de novo ós políticos para facer piña para unha solución para o mercado, que tocaría de novo o día 24 e o 31, dous dos 'días raros' destas datas. E si, despois de encastillarse cada quen nas súas posicións, mercaderes e alcalde, e recibir os comentarios da oposición o outro día, a xuntanza política está convocada para luns.
Esta semana nas rúas de Ribadeo apareceu en diversos lugares un comunicado do alcalde coa convocatoria ós viciños para contribuír á homenaxe a Calvo Sotelo. Cando quixen sacarlle foto para as páxinas de Ribadeo-historia atopei que uns cantos cartes foran retirados. Parece mesmo que de xeito sistemático, aínda que despois poiden ver algún aínda colocado. Claro que tampouco se colocan grandes cantidades destes pasquines.

20160109

Oio soar o vento, non a 'música do Nadal'

O día 7 de xaneiro unha lembranza automática nunha rede social retrotraeume por un momento a un ano pasado coa mensaxe deixada naquel momento por outra persoa: era sete de xaneiro e en Ribadeo estarían soando os altofalantes reclamo coas pretendidas cancións de Nadal. Este sete non tocaban os altofalantes. Nin o fixeron tampouco o seis, nin o cinco...
Este inverno na Coruña ou en Xixón non había altofalantes inundando a rúa con cánticos de Nadal. Quizais iso fixo que este ano foran máis visibles os comentarios contra desa práctica en Ribadeo, que ten unha 'tradición' orixinada cara comezos de século. Comentarios, protestas e demais que deron lugar a algún altofalante clausurado por molestar (recoñecendo polo tanto causar prexuízo) xa a comezos deste período, e que remataron (o proceso concreto non sei cal foi) por eliminar os cánticos sobre as rúas a partir do día 3 de xaneiro, despois de estar mesmo ano novo soando á mesma hora de sempre, aínda que o pavimento non tivera por riba máis que o ceo a media mañá. E, co ceo, chega con cerrar os ollos. Co son, non chega con tapar os oídos.
É dicir, ó final desta tempada de Nadal, Ribadeo igualouse á Coruña, (e, dentro de Ribadeo, as zonas 'sonoras' coas 'non sonorizadas') despois de ter comezado cun horario máis racional que outros anos e cunha intensidade sonora máis adecuada que a atronadora dalgún outro (aínda que con diferenzas apreciables entre as diversas obras). De calquera xeito, máis de dúas semanas de música controvertida ben pola súa existencia, ben pola elección, pola repetición... xa deixaron máis de 100 horas de 'panxoliñas' mesturadas, en número de 100 (din, que non as contei, aínda que algunhas podíanse escoitar ao menos tres veces ó día).
Altofalante en Rodríguez Murias

Quero lembrar as razóns esgrimidas para poñelas, que coido se resumen no contido dunha entrada nunha rede social: "as ventas en Ribadeo, pueblo de servicios, son muy importantes nas Navidades". En relación a iso, levo anos abondo na procura dalgún estudo que diga que o ruído estimula as vendas, pero non o dou atopado, e si moitos que confirman que é malo para a saúde. E sobre a música, a cousa varía segundo cal, como e en que circunstancias, sen considerar que a máis das vendas, habería que ter en conta á xente: unha vila non é (ao menos só) un centro comercial. Polo demais, díxose que se fixo unha enquisa e saiu que si (entendo que sería entre os comerciantes que responderon), que había 100 cancións, tres horas de música para que non se repetiran...

Deixo como ilustración algunha cousa que se puido ver nas redes en contra da 'ambientación musical do Nadal':




20241229

Chegou o Natal. Manuel Rivero

    O que se acompaña en baixo foi publicado en La Región o 24 de decembro:

Chegou o Natal

A maxia do Natal é contaxiosa, sen apenas darnos conta desandamos o tempo e revivimos escenarios, modos, espazos, rituais, falares e cantares da nosa infancia. Recuperamos a intensidade dos recendos e dos sabores da cociña das nosas avoas, tan sabia, equilibrada,  completa e dixestiva.
Memoria dos tempos idos, que se fai  presente nas nosas historias de vida; eu sigo botando en falta o bacallau cocido coa verza branca e patacas, co refrito de allo e pemento;  do polbo a feira; das uvas pasas; dos figos secos; dos fríos intensos;  xeadas;  neves que duraban semanas  e  das panxoliñas que lle cantábamos ao neno Deus, no lugar de Vilela da freguesía do Baño de Bande.
Lembro este Natal, dándolle a voz ás nosas e aos nosos poetas, somos uns afortunados, temos tantos e de tanta calidade, que se fai difícil escoller. Quero agradecer a José Martinho Montero, a Pepe Boullosa e Alfonso Blanco, a súa axuda para darlle forma a esta breve escolma.

Manuel María: “Verbas pro tempo do Nadal”

Agora é o tempo do Nadal.
Agora é o tempo de poner
en pé o noso amor
e percurar a Estrela
que nos alume sempre o corazón.

Agora é o tempo do Nadal
O tempo da neve
e mais o da canción
¡Agora é o tempo
de encender pra sempre o noso amor!


Ricardo Carvalho Calero: “Natal”

O Neno Jesus nas palhas
é um sol com raiolas de ouro.
A estrela que veu de Oriente
baixa a bicá-lo nos olhos.

Ai, quem viu cousa parelha:
que o sol alume na noite?
As estrelinhas murchecem
ao brilhar da sua fronte.

Deus meninho, Deus meninho,
o teu abrente hoje é.
Na terra a tua mãe alegra-se,
no céu o teu Pai também.

As luzes de festa acende
Jesus no céu e na terra.
A Nossa Senhora veste
o manto azul com estrelas.


Ernesto Guerra da Cal: “Sagrada Família marinheira”

Dois anjinhos marinheiros
ajudam a São José,
grão-calafate do céu.
Nossa Senhora da Barca
tinha de ir à sua romagem.
A barca estava rachada!

O neno Jesus brincava
sentado numa pedrinha
a fazer papas de lama.

São José disse: «– Maria,
isso é uma coisa de nada:
isso eu o componho aginha».

Duas sereias de prata
desassossegam na espera
para jungirem-se à barca.


Xosé Díaz Xácome: “Ai, Dios canto Amor”


“Ai, Dios canto amor!
Nun berce de palla
naceu el Señor…”

“Nun berce de palla
naciches para nós,
folerpa de gloria,
froliña de amor…”



Manuel-Luís Acunha “Nadal”

Uma, duas, vinte, cem
estrelas estrelecidas
na noite em luz de Belém.
Uma, duas, vinte, cem...

Os anjos, canta que canta;
os pastores, as pastoras,
canta que canta também:
“Glória a Deus que nasceu pobre,
e paz pra os homens de bem!”

Uma, duas, vinte, cem...
Canta que canta que canta
na noite em luz de Belém:
“Glória a Deus que nasceu pobre,
e pra  os homens de bem!”


Sebastião Martínez Risco: “Nadalinha”

Uma pombinha ferida
foi ao portal a parar,
e ao ver no colo brilhar
da Virgem o sol da vida,
da sua dor esquecida

rompeu a arrolar tão leda
como quando na arvoreda
o dia vinha luzir.
(O neno deu em sorrir
e a mãe mirava-o, queda...).


Pura Vázquez: “O Deus pobrinho”

Panos de ingelas pontilhas
e savãs de linho quero,
para envolver o pobrinho
neno bonito do céu.

Ai, que doce, que pequeno
este amor dos meus amores!;
ponde-lhe no berce duro
ternuras de beijo e flores!

Ponde-lhe lã da mais fina
na têpeda cabeceira,
e alegrai-lhe a Noite Boa
com gaitas e pandeiretas!

Fazei-me doce regaço,
Senhor, pra este pequeninho!;
pra que possa cobijá-lo
fazei-me flor, pluma e ninho!

Vinde todos, vinde aginha,
romeiros dos mil caminhos:
a estrela aluma em Belém
o Deus de azuis olhinhos.


Dora Vázquez: “Meu caravelinho”

Coitado, coitado,
meu caravelinho!,
nasceste nas palhas,
não houve outro ninho...

Rengia a geada
em cristais de frio,
e o teu tenro corpo
estava espidinho.

Por que, sendo rei,
nasceste pobrinho?
Coitado, coitado,
meu caravelinho!.

Como Tu me dóis
a mim, meu rulinho,
que também de palhas
te tive o meu ninho!


Celso Emílio Ferreiro: “Baixo os telhados da noite”

Baixo os telhados da noite
cavalgam os três Reis Magos.

Uma estrela pequeninha
vai-lhes as vias marcando,
e o vento marcha por diante
para avisar ao bem nado.

Baixo os telhados da noite
cavalgam os três Reis Magos.

No lusco-fusco da alva
rechouchiam os paxaros.
A Virgem arrola o neno,
o boi quenta-o co seu bafo.

Baixo os telhados da noite
cavalgam os três Reis Magos.

Pombas com azas de neve
vão-se na rua pousando.
Nos seus cavalos da lua
já chegam os três Reis Magos.

Baixo os telhados da noite
cavalgam os três Reis Magos.


Júlio Sigüenza: “Alá vem”

Alá vem o vento
pola noite fria:
alá vem o vento
cantar-lhe a Maria.

Alá vem a lua,
jeitosa de luz:
alá vem a lua
cantar-lhe a Jesus.

Alá vem a névoa,
ligeira de pé:
alá vem a névoa
cantar-lhe a José.


Xosé Díaz Xácome: “Agasallo a Virxen e ó Neno”


“Un doce agarimo
a brincar no ceo:
A Virxen sorindo
anainaba ó Neno

Na frol do mencer
o gozo máis ledo:
A Virxem cantando
para adomecelo

Mollada da lúa
frolía un recendo:
A Virxen, soñando,
bicaba ó pequeno



José-Martinho Montero Santalha: “Ternura do Natal”

Que a quente ternura   do santo Natal
afaste as tristezas   e todo outro mal.

Que o neno Jesus   que nasce em Belém
nos traga esperança   e colme de bem.

Que o santo José   e a Virgem Maria
nos encham a casa   de paz e alegria.

E que o novo ano   venha com bondade,
e renove a fé  e a felicidade.


Manuel Rivero

20201125

O lume deste Nadal. Pablo Mosquera

O lume deste Nadal

    Comparto que o lume máis solemne, que xunta ás xentes mentres falan, é o de Nadal. Pode ser por esa lenda campesiña que asegura que en tales datas as almas do Purgatorio acoden a quentarse, ou o fume que produce a leña que se queima, sae polas chemineas dando sinal de vida no lugar.

    Hoxe xa non é así. Case non quedan lareiras, ou polo menos hai moitas menos nas nosas parroquias onde as campanadas da igrexa son o son que choca coa pedra e a pizarra daquelas casas con balcóns en madeira de carballo. Por iso é polo que tales construcións sexan base de asento para os establecementos de turismo rural, que se me antoja como unha solución moi acertada para refuxio navideño en tempos de pandemia.

    Hai pouco tempo, en Trabada, un amigo levoume a coñecer a colección etnográfica dun personaxe que ben se merece que alguén con respecto e creatividade municipal ou provincial, recolla o seu legado reunido durante anos e convértao nun museo do mundo rural próximo a Mondoñedo. Amén de obsequiarnos coa súa hospitalidade e unha excelente tortilla, regaloume o vello e tradicional chisqueiro, co que os meus antepasados acendían aqueles pitillos feitos con mans encallecidas, rodeando o tabaco de cuarterón co papel do librillo. Pero tamén servía para acender a palla seca que xunto ás piñas, daban lume para as madeiras cortadas coa tradicional "brosa", para poñer calor nas estancias que se organizaban en torno ás cociñas de ferro, en cuxo forno preparábanse asados, ou simplemente, no oco que deixaba a primeira arandela para poñer a quentar a vella pota de café, mentres se aproveitaba para asar castañas que acompañaban ao viño tinto quente.

    Algúns que somos unha mistura entre nostalxia de recordos e dúbidas razoables sobre se aqueles tempos pasados eran máis nosos, xa que logo menos cautivos da publicidade, consumo ou globalización cultural e costumbrista, por unha vez, temos a esperanza de como unha pandemia vainos a devolver ao pasado. Cando as festas de Nadal tiñan como núcleo para falar e atoparse, o lume. Aquel animal capaz dunha insaciable potencia devoradora, volvíase unha mansa chama que xuntaba xeracións en son de paz, para volverse atopar tras un ano de ausencias máis ou menos xustificadas.

    Se de verdade confírmase a indicación pola autoridade competente ?, sobre o perigo de contaxios en relación directa con aglomeracións e expresións festivas compartidas con xentes ás que apenas coñecemos; para regresar ao ambiente familiar -contactos convivenciales- os Nadais non serán ledos desde o calidoscopio de quen fai negocio con tales condutas, pero serán máxicos desde o momento que nos farán retroceder no tempo. E é que a maioría de nós, si facemos un exame retrospectivo para evocar o mellor dos Nadais, de seguro será algunha rescatada no pasado e en torno ao lume que quentou as nosas almas.

20191125

Luz sobre a luz: Nadal 2019/2020

O acendido da 'luz do Nadal' nalgunhas cidades con máis dun mes de antelación á celebración do Nadal voltoume lembrar o tema que xa tratei en 'Os deslumbrados non poden ver o ceo' e en 'A pista de xeo de Ribadeo morreu', e levoume a facer como complemento a táboa seguinte:
Aí se pode ver que se nos fixamos nas cifras relativas, o custe por persoa do alumeado de Nadal en Vigo é superior ó de Ribadeo, e o de ambos, ó de Madrid. Cabe lembrar neste punto que nos xornais houbo un certo desafío entre Vigo e Madrid, e na nota de prensa correspondente do alumeado de Ribadeo saíu esa referencia: Vigo. En canto ó número de led por persoa, Ribadeo gánalle ás dúas grandes cidades de longo, e é que os cartos non só van destinados ás led en número, senón tamén conta a potencia ou a que sexa un conxunto 'artístico'. E, claro, nas grandes cidades tamén se ve a diferencia entre o centro e os barrios
Por último, lembrar que o orzamento adicado ó tema en Ribadeo aumentou nun 77 %, mentres en Madrid fíxoo un 28 %.
Como comentario á marxe, tocoume pasar pola periferia de Vigo despois de terse acendido a iluminación extra: destacaban algunha rúas  sobre o que sei que é a iluminación normal, pero nada máis. E rúas fóra do centro non tiñan ningunha luminaria extra. O ceo seguía sen poderse observar ben, como nos arredores da cidade calquera outra noite. Máis adiante, algunas nubes iluminadas debilmente pola por unha Lúa minguada formaban unha paisaxe cambiante sobre a que destacaban as estrelas. Unha paisaxe inaccesible no seu esplendor en lugares con contaminación lumínica como o centro de Vigo ou de Madrid.

20051223

É Nadal en Ribadeo



Xa con anterioridade fixen unha entrada co artigo 'Nadal en Ribadeo', co que non debo voltar a titular de xeito exactamente igual, máis, é Nadal, tamén en Ribadeo (en realidade, agora mesmo, día de Noiteboa), e hoxe compre dicilo: Bó Nadal.

20160118

Restos do Nadal

Esta fin de semana foi a 'Gala do Comercio'. Visto o visto, e como non podía ser doutra maneira, concluiu oficialmente o Nadal (non eclesiásticamente, que xa o estaba). Polo tanto, é de esperar que os adornos do Nadal sexan retirados en datas próximas. Aí van algunhas lembranzas deles:
Estrela en Viejo Pancho

Santa Claus pasando por r/Villafranca
Ata o vindeiro ano!