20230731

El tren de Rosalía. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Parte dunha entrada da Galipedia relacionada co tren citado.

“EL TREN DE ROSALÍA”

(Xosé Carlos Rodríguez Rañón)

    Este é o título do ensaio publicado polo xornalista Tomás Cavanna Benet, no que se detalla e chegada do tren á Galiza en 1873 (hai 150 anos), concretamente da liña (duns 40 km) Carril-Santiago, para facer da ría de Arousa o porto de Compostela como o fora o de Noia na Idade Media. O libro comeza cunha ben acaída exhortación: “¡Lectores, al tren!”. Ilustrado con máis dun cento de imaxes, saíu do prelo baixo o selo da editorial Alvarellos e prologado polo premio nacional de narrativa Suso de Toro.

    Rosalía de Castro pasou os seus últimos anos na Casa da Matanza (desde a que vía a desembocadura do Sar no Ulla cara ao mar de Arousa) ás beiras das vías. Foi soterrada (como moito tempo despois Camilo José Cela nun día chuviñento no que acompañei o seu féretro) no cemiterio de Adina aos pés da colexiata de Iria Flavia, construída xusto a carón dos camiños de ferro. En tren sería trasladada pasados uns anos até Compostela de Santiago para repousar no Panteón de Galegos Ilustres.

    O madrileño Tomás Cavanna chegou á Galiza en 1993 requirido polo propio CJC para facerse cargo da súa fundación e do Museo Ferrocarrileiro (que tanto visitei cando vivía en Padrón) nas antigas Casas dos Coengos sitas tamén ao pé do ferrocarril, ese mesmo que dirixira o avó británico do Nobel.

Ningún comentario: