20230730

Cara á Xira de Santa Cruz 2023

    Achegámonos ó primeiro domingo de agosto, é dicir, á Xira de Santa Cruz. Este ano o concello enviou unha nota de prensa e acompañou un bando curioso na forma, de impacto para a festa. Deixo ambas cousas en baixo:

O ALCALDE FAI UNHA CHAMADA AO RESPECTO CO ENTORNO

Xira de Santa Cruz


26/07/2023

As concelleiras de Cultura e Turismo, Begoña Sanjurjo e Marta Saiz, amosan o apoio do Concello á nova edición da Xira de Santa Cruz, que terá lugar o vindeiro 6 de agosto. A festa, de interese turístico galego, está organizada pola asociación Amigos da Gaita.

Os actos dan comezo o sábado, día 5, ás 19.30 horas cun pasarrúas a cargo de Amigos da Gaita e seguirá co pregón de Felipe Rea Otero e coas actuacións das escolas. O día grande será o domingo, xornada na que haberá diferentes actuacións musicais a partir das 12 horas como o grupo Donaire, no monte de Santa Cruz, e Recuncheiros e Axeiros no Cantón dos Moreno. Seguidamente, terá lugar a subida ao monte e o tradicional xantar.

Begoña Sanjurjo, concelleira de Cultura, manifestou que "a Área de Cultura do Concello de Ribadeo convida a todo o mundo á edición número 72 da Xira de Santa Cruz e día da gaita galega. Acompañemos á asociación Amigos da Gaita no pregón o día 5, aplaudindo o traballo das diferentes seccións da escola e subamos ao monte o domingo 6 para desfrutar de música, amizades e natureza á sombra do monumento ao gaiteiro. Este ano os concertos da tardiña correrán a cargo dos grupos Tres Pesos e Aliboria. Alí vos esperamos a todos e todas".

A edil de Turismo, Marta Saiz, comentou que "o vindeiro día 6 como cada primeiro domingo de agosto celebrarase o principal romaxe da Xira de Santa Cruz. Trátase dunha festa de interese turístico e na que se homenaxea o día da gaita nun marco incomparable como é o monte de Santa Cruz, un fermoso mirador sobre a ría e sobre toda a comarca e onde unha extensa fraga abraza ese monumento gaiteiro, a día de hoxe único en toda Galicia". E engadiu: "agradecer á asociación Amigos da Gaita a súa organización e a continuidade desta romaxe ao longo dos anos. Desde o Concello de Ribadeo seguiremos apoiando e poñendo en valor as nosas festas, a nosa tradición e a nosa cultura".

A través dun Bando, o alcalde, Dani Vega, fai unha chamada aos asistentes para que sexan respectuosos con ese entorno natural, no que estará prohibido facer recintos pechados con plásticos agrícolas ou a instalación de mobiliario como sofás ou colchóns: "resultando todo isto unha mala imaxe para a festa, co serio agravante de que practicamente nada se recolle ao finalizar a romaría, parecendo aquilo un auténtico vertedoiro. Incumprir o anterior considerarase como disposición de residuos nun lugar non autorizado, coa consecuente posibilidade de incoación de expediente sancionador para os responsables".

No Bando sublíñase que "estará permitido reservar espazos da área recreativa dun xeito tradicional e respectuoso co entorno, como pode ser corda ou cinta plástica, dispoñer toldos ou parasoles para protexerse do sol ou da chuvia que nunca supoñan o illamento dun espazo, así como subir aqueles obxectos directamente relacionados coa festa, coa consecuente obriga de recoller todo ao abandonar o lugar. E por suposto, permítese gozar dunha romaría en familia e cos amigos e veciños, da música e baile tradicional galego, co fin de non perder a esencia da Festa da Xira de Santa Cruz".

A Xira foi presentada no Monte de Santa Cruz por Amigos da Gaita. Xunto a eles estiveron o alcalde, Dani Vega, e as concelleiras de Turismo e Cultura, Marta Saiz e Begoña Sanjurjo.




Ningún comentario: