20220719

Retroceder é doado

 Retroceder é doado

    Dicir as cousas en termos absolutos, sen precisar, leva normalmente a esaxeracións ou sinxelamente, a engano. Tamén neste caso o artigo vai precisamente diso, de matizar o título poñéndoo no seu contexto -no que o ideei eu- na actualidade no tempo e no que poderiamos chamar o aquí no espazo. Aquí e agora, e referido a temas tan diversos como as medidas sociais ou as medioambientais.

    No 2020 'apareceu' 'como se fose da nada' o covid19 como pandemia. Un coronavirus do que se tivo noticia en 2019 na China, e do que se pensou de xeito iluso que aí quedaría confinado, e que as medidas alí tomadas aquí serían imposibles. No 2022, en xaneiro, tiñamos conciencia de que as guerras eran cousa doutros lugares, outros continentes, países lonxanos, exóticos e atrasados. E iso por citar só dous feitos nos que se consideraba que había consenso, máis que nada polo lonxanos que parecían en todos os sentidos, e de aí, por considerar que non nos afectaban nin afectarían. É dicir, por considerar só dous casos 'fáciles'. Eses dous casos 'fáciles' leváronos a retroceder en dereitos e liberdades; a ser conscientes do retroceso en sanidade comunitaria, pública; a facer que se invistan en armamento (máis que en defensa) cartos que poderían servir para educación ou para construír a paz; a esquecer que en teoría somos unha sociedade libre e soberana, mentres na práctica seguimos coa lei mordaza vixente; determinada prensa a favor da rapina contra os máis débiles e o común; ou se fixo evidente, unha vez máis, a subordinación a intereses de lonxe das nosas fronteiras, a máis doutros xerados dentro delas pero fóra da xente común. Retrocesos realizados ou evidenciados de xeito rápido e case sen ter consciencia deles, menos aínda, recibidos con oposición efectiva.

    Non é doado volver atrás, polo contrario, cando se empeorou. É dicir, desfacerse do retroceso. Perder dereitos é doado, máis aínda cando alguén se postula literalmente para agasallalos de xeito mercenario a un terceiro a modo de cabeza cortada servida en bandexa de prata. Volver a recuperalos é difícil: significa loitar duramente para conseguilos. É moito máis doado privatizar que volver a montar unha estrutura pública funcional E se se opta por nacionalizar, os problemas veñen de xeito interno, de tentar facer pública unha estrutura que non o é e está orientada ós cartos e non ó servizo, incluídos os dirixentes encargados de manter esa liña. 

    E, sabendo a dificultade de conseguir algunhas cousas, non deberamos preguntarnos como deixamos que se perdan sen máis?

Ningún comentario: