20220613

Nin cos bos, nin cos malos

Pintada en Ribadeo, lateral da oficina de turismo. 20220614

Nin cos bos, nin cos malos

    Un coñecido contoumo o outro día. O seu avó, adulto novo na guerra civil, respondía cando el lle preguntaba con quen loitara: 'Non loitei nin cos bos nin cos malos'. A cousa pódese interpretar, pero a verdade ía con sordina e con sorna xogando coas palabras. Entre 'o bo' e 'o malo' estaría 'o regular': loitara integrado nun batallón de Regulares. E como se lembrará, os Regulares, corpo do exército español creado no 1911 e combatentes no Rif, participaron na guerra civil integrados no exército franquista. É dicir, poderíase interpretar que non importaba que os do propio bando foran bos ou malos. Sinxelamente, en xeral, aplicábase iso de que eran os 'meus'.

    Non sei nin quixen preguntar máis sobre as circunstancias particulares dese home nin o que podía entender el por bos ou por malos na guerra civil. Para o que vén ó caso, pouco importa. O que importa é que esa actitude, en teoría de non toma de partido, implica ao menos un dobre engano, quizais máis que implícito, autoinducido. Primeiro no sentido de que non é que o home non loitara, como parece indicar o descarte que fai no enunciado da resposta, senón que si que loitou, logo encadrado nun bando. E segundo, porque non especifica a identidade de bos e malos, referida en relación á mentalidade de quen é contertulio, mais tampouco o especifica en relación á súa propia mentalidade, á súa idea. Non só se trata entón dun engano para o resto da xente, senón dunha negación e engano que é interior a quen propón a resposta. Mais o esquema de bos e malos está presente (estaba e está), e actuando: de feito, a resposta establécese neses termos, de bos e malos.

    Dun avó para un neto, unha resposta enxeñosa dunha vez, pode resultar un motivo dun sorriso, pero para o conxunto social, a construción da resposta e a súa asimilación representa unha toma implícita de partido. Diríase que por inacción, por non querer actuar para definirse. Pero só é unha inacción mental, quizais desencadeada por un espírito de supervivencia, de submisión a un poder que se ve como perigoso. Pode. Ó fin, é algo que parece que se volve levar moito hoxe en día e que representa un aliñamento tácito co poder, co que se percibe como poder, claudicando antes de poñer en práctica que as persoas somos o poder e que ese poder poténciase coa unión. E así nos vai.

Ningún comentario: