20150718

leite e tráfico, entre outras

Onte mesmo desenvolveuse unha manifestación a nivel Galicia polos prezos da leita pagada ós gandeiros, a súa recollida e en xeral, os problemas do sector. Dous días antes era a DGT, Tráfico, quen anunciaba que reducía en Galicia as sés dos exames de conducir, quedando na nosa zona afectado Foz e todos os usuarios previstos do servizo, (primeiro díxose que uns 800/ano, logo subiuse a cifra a 1300/ano)
O segundo, correspondente a unha medida dunha axencia encadrada no sector público, sen privatizacións á vista polo medio, levantou protestas de parte de entidades públicas (concellos) e privadas (autoescolas), e ven nos xornais de hoxe que non será levado a cabo: vitoria local, ao menos polo momento, pois no paquete de non levalo a cabo inclúese que o exame, nun futuro próximo, farase en papel nas pequenas sés que ían ser suprimidas, e en ordenador con pantalla táctil nas sés principais, establecendo unha diferenza que non poderá ser mantida moito tempo.
vaca rubia galega

O primeiro corresponde a unha serie de accións que manifestan o poder das empresas de recollida de leite fronte ós produtores illados. Podería ser tratada mediante normativa legal, implicando ás institucións públicas, pero pese a algunha tímida medida nese sentido, a desprotección é total. Falo de desprotección dos pequenos gandeiros, acogotados pola potencia dunhas empresas que os están maltratando. A diferenza do caso anterior, a parte impositora das medidas non é privada, nin ten atisbos de democracia, non é 'controlable' polos cidadáns, e trata de ti a ti coas institucións, pregadas tantas veces ós poderes económicos. A parte prexudicada polas medidas ten apoio máis directo (ata o punto de terse manifestado) por un sector dos concellos, pero minoritario, ó tempo que se ben existe un sindicato labrego, nun país que foi de base gandeira como Galicia, hoxe os gandeiros de leite, os que sofren de xeito directo o problema, representan menos do 1% da poboación, e máis aínda, contan coa lonxana indiferencia de boa parte da poboación urbana.
O tema de tráfico, aínda de xeito provisional, está resolto. O tema do leite segue na indiferenza... a racionalidade na toma de decisións, evidentemente non ten moita relación co impacto sobre a xente desas decisións; en todo caso, é a posteriori, se chega a haber unha rebeldía que pode significar inconvenientes, cando se pode introducir algo que xa non representa racionalidade, senón influenzas.

Ningún comentario: