Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta represaliados. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta represaliados. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20220401

Falando de dúas guerras: a paz é única

    Onte xoves 20220331, houbo en Ribadeo actos referidos a dúas guerras e a procura da paz. Primeiro, pola mañá, sobre a guerra 'civil' a falta doutro nome en España. En concreto, sobre algo que non é só historia, sobre os represaliados, con motivo da instalación de adoquíns con lenda dos represaliados en Ribadeo, as 'pedras da memoria' (do orixinal alemán 'stolpersteine'). No parque, os que non se sabía doutro lugar para colocalos, noutros lugares -vivenda, traballo...- cando se sabía. Unha carpa no medio do parque nun día chuvioso acolleu a toda a xente que puido mentres se dicían as palabras protocolarias e se proxectaba un vídeo, mentres no exterior o artista Gunter Demnig, que imaxinou a homenaxe e vai prodigándose por toda Europa, comezaba a colocar os adoquíns no mesmo parque e un diante do antigo bar Cubano.

Antes de comezar o acto

As pedras do parque

Outro aspecto

Adoquíns a colocar noutros lugares

Adoquín colocado diante do antigo bar Cubano

     Deixo o audio, e, ó final da entrada, a nota de prensa do concello. A máis, están accesibles máis materiais, como o vídeo proxectado no acto (máis de media hora, abaixo de todo)

    E, pola tarde, nova concentración -e van 5- dos xoves por Ucraína, unha loita que se transforma, pero segue a deixar morte e destrución un día tras outro sen que polo momento se vexa claro o final. Unhas trinta persoas no día de chuvia que foi onte atenderon as verbas de Evaristo Lombardero, Arturo Mogo, Jesús Irigoyen e Beatriz Irigoyen.

    Deixo o audio e algunha foto de Suso Fernández, así como a convocatoria.



--

Nota de prensa do concello sobre o acto 'Pedras da memoria'

Foto Pedras da Memoria   

OS ASISTENTES PUIDERON VER TAMÉN UN VÍDEO CON TESTEMUÑAS

Ribadeo, lugar de memoria

31/03/2022

O Concello coloca hoxe 40 lastros (adoquíns) en homenaxe ás vítimas do franquismo. As Pedras da Memoria formarán parte das máis de 75 000 que a Fundación Stolpersteine leva postas desde 1997 en 20 países en toda Europa. Ribadeo é o primeiro Concello de Galicia en contar con este recoñecemento, que se celebrou no parque de San Francisco. Familiares, amigos e o artista alemán Gunter Demnig déronse cita neste acto, que foi conducido polo alcalde, Fernando Suárez, e no que interviñeron a concelleira de Cultura, Pilar Otero, o cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, así como Ramón López e Miguel Freire, familiares de vítimas ribadenses do franquismo. 

O rexedor na súa intervención dixo que "o obxectivo desta homenaxe é romper un dramático e prolongado silencio arredor dos crimes cometidos durante o franquismo, recuperando a memoria dos homes e mulleres asasinados, paseados, fusilados ou mortos, vítimas da represión franquista durante a guerra e a posguerra". 

Suárez Barcia, que leu o nome das 40 persoas homenaxeadas nesta xornada, sinalou que "os Concellos temos que facer obras, actos culturais, etc, pero tamén temos que facer memoria, porque antes ca nós, aquí viviu xente, que tiña familia, que traballaban honradamente e que ademais tiñan nobres ideais de humanidade, e de progreso colectivo, de fraternidade. E tiñan unha cousa que lles arrincaron: todo o dereito a vivir". 

O alcalde explicou que as Pedras da Memoria estarán situadas en lugares onde esas persoas homenaxeadas viviron ou traballaron. 24 dos 40 lastros foron colocados por Gunter Demnig, mentres se celebraba este acto, no parque de San Francisco e o resto estarán diante dos domicilios ou lugares de traballo das vítimas do franquismo en diferentes rúas de Ribadeo e tamén unha delas en Rinlo.

Pilar Otero, a concelleira de Cultura, sinalou que "a memoria non é algo que poidamos reprimir nin eliminar, non se pode esquecer e xa está. Sabemos que unha ferida temos que limpala para que cure ben, e senón inféctase e cheira. Por iso é tan importante este pequeno xesto que hoxe facemos en Ribadeo: porque ás persoas non se lles fai desaparecer e xa está, porque non son ósos nada máis. Por iso oxalá todos os concellos, sexan da cor política que sexan, fixeran un xesto pequeniño que axude a poden lamber as feridas para que cicatricen; non se van ir, pero seguramente deixarán de doer tanto". 

O cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, manifestou que "todas estas historias de fuxidos, asasinados, agachados, etcétera, circulaban de boca e boca pero silandeiramente; eran tamén un acto clandestino. Fíxose verdade aquel verso de Luis Pimentel, dun poema que se chama Cunetas, que di: non chores, poden escoitarte. Escribiuno en 1937, un ano, desde logo, significativo". No acto tamén tomaron a palabra Ramón López e Miguel Freire, familiares dalgunhas das persoas que foron lembradas hoxe en Ribadeo.

A continuación proxectouse un vídeo coas testemuñas recollidas nas últimas semanas. Ducias de persoas asistiron a este recoñecemento que se celebrou no parque de San Francisco. Ao principio e ao remate profesores da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo interpretaron varias pezas musicais.

    Vídeo encargado polo concello e realizado por 'El Farero' sobre represaliados do franquismo, proxectado no acto sobre as 'Pedras da memoria':
 
Reportaxe a cargo da Deputación sobre as pedras da memoria, co autor poñendo pedras en Ribadeo:

    Versión 2024 da ruta das pedras da memoria: https://www.ribadeando.com/2024/03/ruta-das-pedras-da-memoria-de-ribadeo.html

20231024

AS MILICIANAS DE RIBADEO. Pancho Campos Dorado

Mural sobre as asasinadas 13 Rosas en Gandía. Foto de Francesc Fort para Commons.Wikimedia.org con lic. CC BY SA 4.0

AS MILICIANAS DE RIBADEO

Pancho Campos Dorado

As Milicianas foron aquelas mulleres que apoiaron e pelexaron no bando da democrática II República Española contra os golpistas franquistas. Foron mulleres desprezadas e moitas delas represaliadas polo xenocidio fascista tanto durante a Guerra Civil que comeza o 18 de xullo do 1936 como despois de declarado o final da guerra aquel sábado 1 de abril de 1939.

Aquel xenocidio da posguerra, nunca o poderán esquecer os familiares que sufriron as perdas de seres queridos, e que os nosos maiores nos contaron para que non permitamos que aquela masacre sexa repetida daquela maneira tan cruel, inhumana, brutal e desprezable.

Creo que durante a guerra o dano que se lle fai o inimigo que loita contra de ti, sempre é cruel e bárbaro, pero o bando que o infrinxe chámalle “patriotismo”. O peor da Guerra Civil Española non estivo na fronte, nas trincheiras, non, o peor da Guerra Civil foron as felonías da retagarda, denuncias feitas por veciños contra veciños. Eu estiven navegando con iugoslavos, e un electricista croata contábame barbaridades que ocorrían durante a súa guerra (1991-2001) e o peor non eran as accións de combate no fronte, senón as barbaridades cometidas na retagarda entre veciños de porta con porta.

O réxime fascista de Franco denigraba todo canto podía a imaxe da muller miliciana, tanto das que participaban na guerra empuñando un fusil, como das que estaban na retagarda axudando en mil tarefas humanitarias. A imaxe da muller para fascistas e falanxistas era unha exaltación da submisión, aquela idea de submisión que proviña dos exércitos ancestrais, o papel da muller tiña que ser simplemente “o repouso do guerreiro”. Cousa que nunca foi propiamente certa naqueles exércitos, pois aqueles guerreiros pelexaban de sol a sol durante días ou meses, e a muller era a compañeira do guerreiro, a que o coidaba entre os intervalos da guerra, a que o curaba das feridas, e a que o compracía tamén, pois eles amaban e querían ser amados para despexar a mente e poder seguir pelexando ao día seguinte.

Pero na Guerra Civil o desprezo fascista cara ás mulleres milicianas era obvio, había que atemorizar aos “roxos” con castigos exemplares cara as súas mulleres, humillar ás mulleres era humillar máis aos homes, aos fillos e a toda a familia. A brutalidade e a crueldade máxima era exercida tal cal o fixeran no seu día con “bruxas e meigas” o fato de cans inquisitoriais dos Torquemadas.

Menos mal que aquí en Ribadeo non as queimaban nunha estaca chantada no chan á saída do pobo para que non atufaran có cheiro que desprendían as fogueiras á poboación da vila amurallada. Quizais aquela estaca estivera chantada nalgún tempo entre a capela da Virxe od Camiño e a capela de San Lázaro, por aquelo de deixar unha esmola nos cepillos das ánimas do Purgatorio, lugar do infra-mundo hoxe en día abolido por un decreto do Papa Benedicto XVI. O que hai que ver e oír agora de vello!!, cando eu xa non cría en nada desde que tiña 13 anos, despois de ler “O Xudeu Errante” de Eugenio Sue, agora danme a razón de que non son de crer tantas paparruchadas.

Aquí en Ribadeo non houbo nunca fronte de guerra, pero había “roxos” que foron represaliados, fusilados e paseados por pseudo-tropas franquistas armadas que obraban con total impunidade. E por suposto, había milicianas de retagarda, mulleres “roxas” que non calaban os seus principios republicanos e democráticos nin debaixo da auga. Foron apresadas e levadas á cadea onde lles practicaban un “hábil interrogatorio” entre gritos espantosos e labazadas sen cuartel durante horas ou días, e logo remataba a crueldade no Pazo de Ibañez cun trasquilado brutal do pelo ao cero, para burlarse das “pelonas”, procurando facer o maior escarnio posible e se algún tixeirazo levantaba sanque no coiro, mellor que mellor.

As paredes da hoxe Casa do Concello poderían testemuñar as historias daquelas atrocidades que nos contaron os nosos maiores, daquelas torturas e palizas que inflixían “os patriotas” vencedores, despois dun discurso grandilocuente, ampuloso e afectado para xustificar un fallo de “culpable” decidido de antemán. Veciños crueis e sádicos, asasinos tamén si se terciaba o caso. Canto se rían, canto gozaban aqueles que desde a Praza do Campo contemplaban algunha daquelas escenas de maldade.

Temos a sorte de poder rescatar da documentación histórica os nomes daquelas mulleres ribadenses que padeceron prisión, e dalgunhas sabemos por oídas de boca en boca que sufriron todo tipo de vexacións. Mulleres das que non había dato incriminatorio algún, pero había veciños malditos e cobizosos que querían facer méritos aos ollos dos vencedores delatando maldades inexistentes. Aqueles verdugos esnaquizaban a beleza das mulleres roxas, dándolles labazadas sen cuartel, empurrándoas, espíndoas e gritándolles falsidades á cara para atemorizalas máis do que estaban. Deixábanas tiradas nunha cela, nunha habitación cerrada a cal e canto, se acaso cun vaso de auga, e facendo por si as súas necesidades; un pudrideiro de xente, tal cal explicaban as normas da Gestapo. Ó cabo de dous ou tres días eran letrinas andantes; estaban convertidas nun espectáculo noxento que nunca esquecerían. O medo quedoulles no corpo de por vida.

Pasaron pola cárcere de Ribadeo entre xullo de 1936 e abril de 1939, 525 homes e mulleres, incluso rapaces e rapazas menores de idade. Unha barbaridade de xente tendo en conta que Ribadeo tiña unha poboación de 2500 habitantes. Dos homes paseados e fusilados está a súa memoria gravada na Ruta dos Represaliados, e as trinta e catro mulleres das que temos relación foron: (1)

1) Aurora Puerta Zunquera (23 de agosto a 10 setembro 1936)

2) Pelva Díaz Trochez (23 agosto a 11 setembro 1936)

3) Amparo Bellón Fernández (24 agosto a 10 setembro 1936)

4) Encarnación Mosquera Álvarez (22 a 26 setembro 1936)

5) Josefa Rodríguez Loriz (29 a 31 outubro 1936)

6) Juana Fernández Fernández (7 marzo 1937)

7) Luciana González Álvarez (7 marzo 1937)

8) Estrella González Díaz (7 marzo 1937)

9) Dominica Álvarez Martínez (23 abril a 12 xuño 1937)

10) Esperanza Vázquez Lastra (23 abril a 12 xuño 1937)

11) Rosalía García Bravo (28 a 31 maio 1937)

12) Rosalía García Bravo (12 xuño a 14 marzo 1938)

13) Lucía López Méndez (22 a 23 xuño 1937)

14) Alicia Fernández Iglesia (9 a 23 agosto 1937)

15) Laura Fernández Iglesia (9 a 23 agosto 1937)

16) María Fernández Iglesia (9 a 15 agosto 1937)

17) Rosario Soliño Media (9 a 12 agosto 1937)

18) Ramona Nogueira Arves (9 a 11 agosto 1937)

19) Esther Alonso Rodríguez (9 a 23 agosto 1937)

20) Carmen Pérez Alonso (9 a 23 agosto 1937)

21) Rosa López Fernández (9 a 23 agosto 1937)

22) Elvira Fernández Méndez (9 a 23 agosto 1937)

23) Agustina Fernández Méndez (9 a 23 agosto 1937)

24) Rosa Montenegro Rodríguez (18 a 21 agosto 1937)

25) Rogelia Billa Velasco (19 setembro a 9 outubro 1937)

26) Josefa Díaz Gallo (17 a 18 xaneiro 1938)

29) Julia Lima Núñez (18 a 19 xaneiro 1938)

30) Encarnación Fernández Rodríguez (11 abril a 14 xullo 1938)

31) María Rivera (28 setembro a 8 novembro 1938)

32) Carmen Álvarez Fernández (30 decembro 1938 a 23 xaneiro 1939)

33) Luzdivina Martínez López (30 decembro 1938 a 5 xaneiro 1939)

34) Consuelo Lombardero (3 a 9 xaneiro 1939)

35) Luzdivina Martínez López (23 xaneiro 1939)

36) Selina Díaz Reigada (24 a 25 abril 1939)

Con todo o noso agarimo de ribadenses demócratas e solidarios, esperemos que NUNCA MÁIS tal barbarie volva acontecer, pero mentres vivamos non as esqueceremos xamais.

--

1 Miscelánea da antiga provincia de Mondoñedo, Xosé Isidro Villalba, Xunta de Galicia, 2021, p.101 a 140.↩

20230704

Un paso na memoria histórica de Ribadeo

    Esta mañá comezou a escavación de dúas foxas de represaliados na guerra civil. O proceso comezou hai cousa dun ano, periodo no que, a máis dos permisos, se recabou información da posición das dúas foxas (están no número 6 e 7 dun conxunto en liña, nº 129 e 130 dunha zona común) ou se puxeron en coñecemento da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.

    Os corpos que se exhuman son os de Manuel Mon Miranda, carabinero burelés de 44 anos de servizo en Ribadeo, e Justo Fernández Suárez, 'Galochía', condutor de Vilaronte residente na Veiga de 26 anos, morto nunha detención na estrada en Covelas o 23 de xullo de 1936.

    A Primeira foto é para dar unha idea da posición no cemiterio. No exterior non se distinguía nada de xeito previo.

    Na segunda aparece o 'camiño' de foxas que houbo que descobrer para chegar á posición deas procuradas.
    É un traballo lento, non se trata de cavar, senón de facelo con xeito para non estragar os restos.
    Un traballo onde se van sucendendo de xeito periódico as labores.
    Esta mañá non chegaron ata os corpos. Os traballos continuarán pola tarde.

    Segundo Xavier Lombardero hoxe no El Progreso, Xosé Miguel Suárez Fernández, da ARMH, apunta que varios carabineros do posto de Ribadeo participaron na defensa da vila, baixo o mando do teniente Ramón Lorenzo Fernández e o alférez Antonio Trujillo Rodero, ambos executados en Lugo despois dun consello de guerra. A foxa común, según Miguel Freire, tamén da ARMH, apareceu reseñada no rexistro de Ribadeo, especificando posicións dos corpos.

    BOP coa tramitación: https://deputacionlugo.gal/sites/deputacionlugo.org/files/inline-files/31-05-2023_0.pdf#page=26

20240403

O chío de abril: Contraluz

    Un novo mes, un novo número de Chío cheo de páxinas interesantes. Deixo abaixo a miña contribución.

    A contribución:

    Berrando máis que chiando

    Abril indica primavera precedida da vivificante choiva, aínda que non sexa o maio dito florido. Mais o cambio de tempo a nivel global permite mesmo falar de flores en marzo como se fora maio, ou xullo, que tamén hai. De feito, neste xullo de 2024 haberá aló a cifra redonda de 88 anos, murcháronse moitas flores. Non foi por un fenómeno climático, senón político e guerreiro.

    E como novo florecemento daquelas que se murcharon, aínda que só poida ser a nivel de recoñecemento e non vital, deixo aquí testemuña. Testemuña dunha iniciativa que se fixo realidade en Ribadeo hai un par de veráns: a colocación ó longo do pobo das chamadas ‘pedras da memoria’, versión ibérica das “Stolpersteine” en lembranza da xente represaliada a diferentes niveis, ata a morte, co motivo do a si mesmo chamado ‘glorioso alzamiento nacional’. As Stolpersteine naceron para lembrar ás vítimas nazis. Estas outras ibéricas, de cor diferente, foron feitas para lembrar unha dor semellante. Unha vez pasado o acto de celebración da súa colocación, quedan as ‘pedras’ no seu lugar. Un lugar relacionado con cada un dos e das (que tamén houbo mulleres, claro) que sufriron a represalia. Así, á porta da súa casa, ou do seu lugar de traballo... ou, nalgún caso, por falta de datos, por variación do trazado urbano ou outros motivos, nun punto común. Por exemplo, na ribadense praza de España teñen a súa pedra adicada boa parte dos represaliados do pobo.

    O caso é que, en base a esas pedras, hoxe pódese visitar Ribadeo facendo un recorrido do pobo a través delas. Mesmo teño artellada unha rota que aquí presento para facer o recorrido. Como hai diferentes xeitos de facela, deixo unha ligazón que se pode tomar como indicación para ter una idea ser serguida dun xeito dixitalizado en Wikiloc: Ruta das pedras da memoria de Ribadeo. (https://es.wikiloc.com/rutas-a-pie/ruta-das-pedras-da-memoria-de-ribadeo-162891199).

    Entendo que é mellor identificala como circular, comezala e rematala no centro dun parque, a pesar de que lle poña un comezo e un final como algo máis práctico. Así, o lugar de comezo é o mesmo que o de remate: o centro da Praza de España, a poucos metros da Casa do Concello, a parte do parque central de Ribadeo que dá ó representantivo edificio da Torre dos Moreno/Cantón de Ribadeo. Alí hai 24 pedras agrupadas, xunto cunha lembranza, no chan. Postos a camiñar dende a pza. de España, e antes de meterse polas rúas, a primeira pedra observámolanos soportais camiño de de Amando Pérez.

    Baixando por esa rúa, entramos en Enxeñeiro Schulz, onde case no centro xeométrico hai catro placas máis. Seguimos baixando e pasamos a Antonio Otero. Ó pouco de comezar o descenso por ela, atopamos unha placa no soportal que dá acceso á entrada da biblioteca (nº 17 da rúa), logo outra diante do nº 23 e máis abaixo, outra no 31. En Guimarán, nun pequeno altiño entre os actuais restaurantes Solana e Marinero, na separación entre as dúas casas ás que se entra por alí, aparece outra. Seguindo cara á ría, no mesmo Porcillán, practicamente diante da virxe alí posta, ó pé do muro branco está á vista unha máis. Comezamos a subir bordeando a aduana vella por Amando Pérez, e subindo á esquerda, dous portais antes de chegar ó cruce con Bispo Veres, temos outra máis. Collemos subindo por Bispo Veres, pasamos á rúa Trinidade, Méndez San Julián, baixamos polas escaleiras e atravesamos os soportais de Cabanela (case intransitables hoxe por hoxe). Antes de baixar ás ruínas alí existentes, xiramos á dereita e subimos pola Baixada a Cabanela, onde na primeira casa da subida atopamos outra pedra. Seguimos cara arriba ata a Ruanova, atravesamos o aparcamento, chegando á Pza. de Pancho Maseda á beira da casa do concello, e logo de novo Pza. de España.

    Atravesámola cara á esquerda e collemos cara a Clemente Martínez Pasarón, onde, na porta do hospital Asilo atopamos a antepenúltima do recorrido urbano. Volvendo ó parque, atravesámolo por unha das avenidas principais e enfilamos a peonil Vilafranca do Bierzo ata chegar ó cruce das catro rúas. Nel, xusto na esquina entre Reinante e Rodríguez Murias atopamos a penúltima, e un pouco máis adiante, diante do primeiro espazo sen construír desta última, vemos a que fai o número 39. A 40 das colocadas está en Rinlo (R. Esperanza, 27, https://www.openstreetmap.org/search?query=R%C3%BAa%20da%20Esperanza%2C%2027%2C%20Rinlo#map=19/43.55595/-7.10580) e necesita un desprazamento extra, co que para rematar a ruta, podemos volver sobre os nosos pasos ata a praza de España e dar alí remate, diante das 24 pedras alí situadas, á lembranza en forma de paseo.

    Así queda este chío do mes de abril, máis berro que chío polos feitos lembrados.


 

20230817

Ruta das Pedras da Memoria en Ribadeo


     Hai un ano xa que tivo lugar a colocación das 'Pedras da memoria' en Ribadeo. Pouco despois, o concello editou un QR con indicacións para atopalas, para atopar lugares asociados os represaliados e represaliadas, pero estimo nel dificiencias. Así, dúas delas aínda non as din localizado despois dunha procura cunha certa amplitude. Por iso se me ocorreu, primeiro, facer a xeolocalización, e logo, máis sinxelo e atraínte, o realizar esta ruta, a ruta das pedras da memoria, que colguei en wikiloc na súa versión 2 (polo momento) para quen quera darse un paseo diferente por Ribadeo, que complemento co artigo 'Fotografando as pedras da memoria' e agora comento. 

                - Nota 20230817, 18:45: dende a publicación desta entrada, dúas persoas me enviaron máis datos, co que espero, nos próximos días, ter unha nova versión en wikiloc, e a modificación dalgunha cousa desta entrada-.

                - Nota 20240303: Nova versión da ruta en https://www.ribadeando.com/2024/03/ruta-das-pedras-da-memoria-de-ribadeo.html

    É unha ruta de algo máis de dous km e con dificultade de paseo, aínda que haxa que subir algún desnivel.

    A ruta comeza e remata no centro da Pza. de España, no lugar no que foron colocadas a maioría das pedras, correspondendo a aquelas persoas relacionadas con Ribadeo das que non se teñen datos precisos para situar a súa casa ou lugar de traballo. Polo paseo central, cara ó norte, chégase á casa do Cubano, diante da que, pegada a unha columna, hai locada a primeira das pedras individuais.

    Pasando despois por diante do Cantón e baixando pola rúa Ibáñez, bordeamos a gardería e pola travesía da Rúa Nova, chegamos ó calexón de Cabanela. Baixando, diante da última casa á dereita, atópase a pedra seguinte.

    Podemos continuar cara a Cabanela e subir polos antigos soportais cara a Ibáñez e logo por Méndez Sanjulián, Trinidade e Vispo Veres chegar á seguinte parada, diante da segunda casa á dereita segundo se baixa Amando Pérez. Para chegar alí tamén se pode dar a volta por Cabanela e subir pola Atalaia, mesmo aproveitando o ascensor.

    A seguinte pedra, diante do 31 de Antonio Otero, pode verse seguindo polos escalóns continuacion de Vispo Veres e baixando un pouco.

    A seguinte máis, baixando de alí a Porcillán, está no medio das casas do pequeno altiño que se titula como Peirao de Porcillán, xusto cando se accede a diante da nº 5.

    Subindo cara a Guimarán, no alto, poderíase atopar a seguinte pedra, se ben non está marcada no recorrido, que xa con pouca inclinación, toma a rúa San Miguel para irnos achegando, pola Fonte nova, Calexón do Pai Sarmiento e Viejo Pancho, a Enxeñeiro Schulz, que practicamente no seu centro ten catro pedras colocadas.

    Subindo por Amando Pérez ata a travesía Álvarez de Miranda, chegamos ó cruce das catro calles, de onde sae Rodríguez Murias, que diante do hoxe solar ó que lle corresponde o número 24, ten a seguinte pedra.

    Retrocedemos e na esquina das catro calles que dá a Rodríguez Murias e Reinante, atopamos outra máis.

    Por Reinante, atravesando as galerías, chegamos á rúa san Francisco, onde, torcendo á dereita, se atopa a seguinte pedra.

    Retrocendendo para pasar por diante da igrexa, bordeamos o parque e chegamos ó Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro. Ó pé do poste turístico indicando que é ese edificio, atópase a última pedra reseñada en Ribadeo.

    Só queda retornar á praza de España e, diante do conxunto das pedras alí instaladas, reflexionar sobre o conxunto de mulleres e homes reseñadas no paseo e os feitos da nosa historia.

20210615

Recuperando a memoria de Ribadeo


 

   Un apunte na rede, imáxenes dunha exposición no IES San Isidoro de Sevilla (as que ilustran estas liñas), lémbrame algo que no seu momento causoume sorpresa: o coñecer que antes de 1936 en Ribadeo había un instituto de segundo ensino (comezando a súa andaina nos anos 20 como Instituto Local), cando parece que a historia do ensino medio en Ribadeo comezou aló polo 1958, coa inauguración do edificio do actual IES Dionisio Gamallo (que comezou sendo sé do Instituto Laboral Carlos Mª Rodríguez de Valcárcel, 'afecto ó réxime'), o mesmo día que o inaugurou Franco, ó tempo que o Parador de Turismo.

   O caso é que a exposición comentada ten un tema histórico: a historia dos profesores que impartían clase no centro e que foron represaliados e depurados polo franquismo. E é que a memoria histórica tamén é ensino das experiencias do pasado, mesmo próximas no espazo e no ambiente.

   E volvo a Ribadeo. O curso 1936-1937 aínda funcionou o instituto. O curso 1937-1938, xa non, e non se repuxo ata anos despois, funcionando só unha escola que fixo o que puido xestionada dende o propio Ribadeo por individuos concretos e non dun xeito institucional. Como non son historiador e collo os datos do libro 'Miscelánea da antiga provincia de Mondoñedo' de Xosé Isidro Fernández Villalba, próximo a presentarse en Ribadeo, só un apunte máis: no 1936 tamén se queimaron libros e se cerrou a biblioteca municipal, que se volvería a abrir de novo en 1941 despois dun acordo en pleno de abril de 1939.

   Ou sexa que si, en Ribadeo tamén houbo depuración no ensino, e coido que non estaría de máis difundir os afectados o alcance e as circunstancias. É coñecido o caso de Gregorio Sanz a raíz do seu libro 'Uno de tantos', pero é iso: debeu ser 'un de tantos'.

Un último apunte: o nome do Instituto seguiu sendo Rodríguez de Valcárcel sen que fose deposto, aínda que antes da súa desaparición pasara por 'nº 1 de Ribadeo' (como se non tivera nome anterior) a finais do século pasado, e logo 'Gamallo Fierros', ata a súa desaparición.


20130818

Unha finde diferente

Onte o Ribadeo FC cumpriu 100 anos. Coido que é unha nova etapa para un clube en forma. Celebracións, si, pero as xustas nunha é poca de crise e cun equipo que coido valora o esforzo actual máis que o recrearse nun pasado por bo que sexa. Sen esquecer o pasado, claro.
Iso, non esquecer o pasado, é o que fai que hoxe se celebre o día da Galiza Mártir. Os represaliados ribadenses recibirán unha homenaxe ás 12 no Cantón.
Mentras, o Sol xa siu e promete un día buscando sombra.
Despois da chamada virxe de agosto e o San Roque, un domingo para rematar unha finde con bo tempo na que se comezan a despedir os primeiros veraneantes...

20240301

Un novo Chío en marzo: Máscara

    Comeza un mes, e con el un novo Chío que deixo no seu medio de paso que o collo ó vo e volo transmito por se vos tamén o queredes coller.

    E, como nos últimos números, unha colaboración:

O chío das mulleres mariñás: 8M na Mariña 

    Marzo non é o mes das flores, tampouco na Mariña. Mais é o tempo no que, tamén na Mariña, se prepara a vexetación para ese maio florido que din os versos para aplicar en todo o hemisferio norte da Terra.

    En marzo, dende hai un tempo, tenta florecer o día oito. Séculos e séculos de traballo tentan verse asemade condensados nese día, destilados da vida das mulleres. Mulleres. Cantadas tamén moitas veces como repouso dos guerreiros e silenciadas aínda máis como guerreiras elas mesmas, traballadoras acompañando ó mar ou o campo ó tempo que ós fillos e ó home.

    Estou afeito, na Mariña, a ter presente a terra e a xente, engarzadas. Coido que é algo natural, aquí e en calquera parte. Mais hai momentos que obrigan -ao menos, que me obrigan- a escudriñar algo máis, a separar de xeito máis fino. Unha celebración, por exemplo, obriga a mirar máis cara a cara ó que se celebra. Neste caso, o 8M. Un día que leva cambiado a súa presentación dende hai tempo: día da muller traballadora, día da muller, ‘a secas’. Sexa como sexa o título, o referente feminino é claro na Mariña. A súa pegada é a que permite á nosa sociedade manterse como tal. E exemplos de mulleres recoñecidas non faltan, como non sobran tampouco exemplos de mulleres non recoñecidas na súa valía e nos seus feitos.

    Collamos algunha das primeiras, só recorrendo as rúas de Ribadeo, ou as que saian a bote pronto. -Por certo, pásame pola cabeza, de cantas das que vou nomear oíches falar?- E, outra cousa a lembrar, as mulleres mariñás, aquí citadas ou non, forman parte dun conxunto moito máis amplo dentro da humanidade enteira... Para comezar. Por estar involucrado no proceso, lembro que estes días está a presentarse un libro sobre Aurora Sampedro Piñeiro, barreirense pioneira investigadora no campo dos oligoelementos ou das aliaxes, entre outras facetas da súa vida.

    As Meniñas de Saudade, que co seu grupo déronlle un pulo á tradición cultural galega que con elas suxeriu un rexurdimento. Unha por unha, todas colleron a testemuña que o conxunto cultivou, obtendo a sociedade un rédito coral e non só cultural.

    Que dicir das 34 mulleres represaliadas que pasaron polo cárcere en Ribadeo tras a toma da vila polos sublevados, e que Pancho Campos detalla en ‘As milicianas de Ribadeo’? Entre elas, Rosalía Alonso Lastra, sinxelamente, ‘asasinada’, como consta nunha das ‘pedras da memoria’ que lembran ós represaliados na vila. 

 

    Corona Gonzalez Santos, muller de Ramón González, unha desas mulleres que fan grandes ós homes que son os que aparecen como mascarón de proa dos actos que elas impulsan, idean, viven. Non naceu na Mariña, pero por aquí pasou, e deixou a súa pegada xunto coa das mulleres de aquí.

    Luz Pozo Garza, poeta, cun monólito de homenaxe na nomeada súa rúa, xunto á ribadense capela da Virxe do Camiño. Virxe, por certo, representada ó longo da Mariña unha e outra vez, sexa como Carmen, Inmaculada, Dores ou outra denominación. 

 

    Manuela Barreiro Pico, farmacéutica pioneira moito antes do tempo de hoxe no que está normalizada a presenza de mulleres nas farmacias, pasando mesmo a ser maioría. Pioneira non só detrás do mostrador, senón nos estudos para os que tivo que pedir permiso por tratarse dunha muller... 


    E para rematar esta escolma mínima -e por tanto, parcial-, a memoria non me deixa esquecer que son fillo, marido, pai, avó, e tamén irmán de mulleres que saben, todas, do meu recoñecemento, amén do que representa esa palabra ás veces caixón de xastre que é amor. Recoñecemento, si. E soporte. Como sería eu, que faría, sen esa outra faz miña, a modo de ‘cara b’, a muller da que son marido?