Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta miscelánea da antiga. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta miscelánea da antiga. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20210711

Presentación do libro Miscelánea da antiga provincia de Mondoñedo

    Deixo a ligazón ó audio da presentación do libro Miscelánea da antiga provincia de Mondoñedo xunto con algunhas fotos do acto entre as tomadas por Ánxela e Sabela Fernández.

   O acto, que tivo lugar onte, 10 de abril de 2021 na Casa do Viejo Pancho de Ribadeo, inaugurando esa función do edificio que, entre outras cousas, alberga a biblioteca de Daniel Cortezón, contou coa presenza de Fernando Suárez Barcia, alcalde de Ribadeo, que falou en primeiro lugar, pasando despois a min, Antonio Gregorio Montes, como secretario de O Tesón, a Pancho Campos Dorado, Presidente da mesma asociación, e ó autor do libro, Xosé Isidro Fernández Villalba.

   Ó audio fáltanlle os primeiros momentos. Asemade, é posible que tarde un tempo en comezar a executarse ou que sexa necesario descargalo para escoitalo (segundo configuración do equipo)

   -Nota posterior: incorporo ó final a foto da entrevista que lle fixeron a Xosé Isidro Fernández con anterioridade á presentación, e publicada dous días despoisd dela.

Explicación do autor, nun momento da quenda de preguntas

O autor, nun momento da charla

Compoñentes da Mesa. De dereita a  esquerda segundo se mira, Pancho Campos, Fernando Suárez, Xosé Isidro Fernández e Antonio Gregorio


20210620

Perpetuamente noutro tempo. Miscelánea da antiga provincia de Mondoñedo

   Perpetuamente noutro tempo. Esa foi a idea que me pasou polos miolos ó ler o primeiro dos dous capítulos adicados a Ribadeo en 'Miscelánea da antiga provincia de Mondoñedo', de Xosé Isidro Fernández Villalba. Trata o capítulo das actas do concello de Ribadeo entre 1936 e 1940. E alí, nun curto resume, pode verse a xénese de situacións que dun xeito ou outro estenden a súa sombra ata a actualidade, e que teñen paralelismo con outras que se lles asemellan noutros concellos.

   Ante a Semana Santa de 1937, o pleno decidiu 'restablecer o vello costume de acudir ós actos eclesiásticos da Semana Santa'. Restablece, é dicir, xa non se estaba a ir. Pero dito restablecemento chega ata a actualidade, despois de cambios constitucionais e, supostamente, ‘de réxime’, de gobernos variados nos que se inclúen partidos no poder e alcaldes que en principio non se chamarían eles mesmos ni nós lles chamaríamos golpistas, fascistas ou anticonstitucionalistas. E iso a pesar de voces críticas que expresamos a idea do estado aconfesional, aquela do artigo 16 da Constitución do 78 que enuncia que ningunha confesión terá carácter estatal.

   O concello daquela non era democrático... era unha ‘comisión xestora’ encargada ‘pola autoridade’ para iso, para xestionar. Hoxe as cousas cambiaron, hai votacións. Pero as listas son cerradas, os partidos confecciónanas e moitas veces o pobo pouco decide nesa confección. Mesmo se se quere presentar unha candidatura á marxe de partidos, como pasou por exemplo no 2015, é necesario -en Ribadeo, daquela coa poboación que tiña, pouco máis de 10 000 habitantes- dispoñer de 500 avais, o que fai difícil, moi difícil, esa participación máis directa (baixando de 10 000 veciños o número redúcese moito) polo número, polo que cada aval supón e pola fiscalización que se fai dos avais.

   Comezando 1937, o pleno decidiu facer vertedorio de lixo do foxo do forte de San Damián. Hoxe, mantense máis ou menos limpo, pero outros lugares de recoñecemento histórico seguen descoidados e cubertos de maleza e lixo. De feito, aínda esta mesma semana se anunciou o comezo de xestións para a recuperación dun elemento que marcou o progreso de Ribadeo durante décadas, a estación de ferrocarril da liña Ribadeo-Vilaodriz, comezada con transporte de mineral e que vertebrou unha comarca enteira impulsando a súa entrada na modernidade. Anúnciase, logo aínda está por facer...

   Coa guerra xa decidida, na segunda metade de 1938, a corporación municipal comprometeuse a enviar representación perpetuamente á misa e solemne procesión que no día dos Remedios se celebra en Mondoñedo. Instituída por certo a causa de ‘non ter sufrido a comarca a dominación marxista’ e que se segue a celebrar ata hoxe. Algo parello ó que comentaba da asistencia ós actos da Semana Santa, pero ademais, desta volta, non só cun significado político senón que ven acompañado de orzamento ad hoc: 100 pesetas para a asistencia. Algo que hai que poñer en situación se se ten en conta que a festa de reis do ano seguinte, 1939, custou 101 pesetas. Agasallos a poderes e festas que se lles fan, competindo polos magros orzamentos públicos con servizos sociais ou ilusión do pobo. Algo que segue en competición hoxe.

   Pódense engadir moitos máis detalles. Detalles que, ás veces meras anécdotas, en conxunto permiten interpretar a historia e mesmo ver unha estrutura. Así, en 1938 o consistorio decide instalar un teléfono a conta do concello na casa do alcalde. Supoño que no seu momento, empregarían algunha xustificación que lles pareceu plausible, pero visto dende hoxe non deixa de ser unha actuación en favor propio por parte de alguén con poder, na máis pura tradición de corrupción de ese poder que debera emanar do pobo.

20210703

Miscelánea da antiga provincia de Mondoñedo

 Unha semana. Esa é a distancia en tempo para a presentación, o próximo 10 de xullo en Ribadeo, do libro 'Miscelánea da antiga provincia de Mondoñedo' que teño citado xa algunha vez.

   Deixo abaixo o cartel, que estes días se poderá ver polo pobo, para anunciar o acto, e un plano para ver a situación da casa natal do Viejo Pancho.


   E a Casa natal do Viejo Pancho, sinalada cun punto negro: