Hai un ano xa que tivo lugar a colocación das 'Pedras da memoria' en Ribadeo. Pouco despois, o concello editou un QR con indicacións para atopalas, pero estimo nel dificiencias. Así, dúas delas aínda non as din localizado despois dunha procura cunha certa amplitude. Por iso se me ocorreu, primeiro, facer a xeolocalización, e logo, máis sinxelo e atraínte, o realizar esta ruta, a ruta das pedras da memoria, que colguei en wikiloc na súa versión 2 (polo momento) para quen quera darse un paseo diferente por Ribadeo, e agora comento.
-Nota 20230817, 18:45:
dende a publicación desta entrada, dúas persoas me enviaron máis datos, co que espero, nos próximos días, ter unha nova versión en wikiloc, e a modificación dalgunha cousa desta entrada-.
É unha ruta de algo máis de dous km e con dificultade de paseo, aínda que haxa que subir algún desnivel.
A ruta comeza e remata no centro da Pza. de España, no lugar no que foron colocadas a maioría das pedras, correspondendo a aquelas persoas relacionadas con Ribadeo das que non se teñen datos precisos para situar a súa casa ou lugar de traballo. Polo paseo central, cara ó norte, chégase á casa do Cubano, diante da que, pegada a unha columna, hai locada a primeira das pedras individuais.
Pasando despois por diante do Cantón e baixando pola rúa Ibáñez, bordeamos a gardería e pola travesía da Rúa Nova, chegamos ó calexón de Cabanela. Baixando, diante da última casa á dereita, atópase a pedra seguinte.
Podemos continuar cara a Cabanela e subir polos antigos soportais cara a Ibáñez e logo por Méndez Sanjulián, Trinidade e Vispo Veres chegar á seguinte parada, diante da segunda casa á dereita segundo se baixa Amando Pérez. Para chegar alí tamén se pode dar a volta por Cabanela e subir pola Atalaia, mesmo aproveitando o ascensor.
A seguinte pedra, diante do 31 de Antonio Otero, pode verse seguindo polos escalóns continuacion de Vispo Veres e baixando un pouco.
A seguinte máis, baixando de alí a Porcillán, está no medio das casas do pequeno altiño que se titula como Peirao de Porcillán, xusto cando se accede a diante da nº 5.
Subindo cara a Guimarán, no alto, poderíase atopar a seguinte pedra, se ben non está marcada no recorrido, que xa con pouca inclinación, toma a rúa San Miguel para irnos achegando, pola Fonte nova, Calexón do Pai Sarmiento e Viejo Pancho, a Enxeñeiro Schulz, que practicamente no seu centro ten catro pedras colocadas.
Subindo por Amando Pérez ata a travesía Álvarez de Miranda, chegamos ó cruce das catro calles, de onde sae Rodríguez Murias, que diante do hoxe solar ó que lle corresponde o número 24, ten a seguinte pedra.
Retrocedemos e na esquina das catro calles que dá a Rodríguez Murias e Reinante, atopamos outra máis.
Por Reinaante, atravesando as galerías, chegamos á rúa san Francisco, onde, torcendo á dereita, se atopa a seguinte pedra.
Retrocendendo para pasar por diante da igrexa, bordeamos o parque e chegamos ó Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro. Ó pé do poste turístico indicando que é ese edificio, atópase a última pedra reseñada en Ribadeo.
Só queda retornar á praza de España e, diante do conxunto das pedras alí instaladas, reflexionar sobre o conxunto de mulleres e homes reseñadas no paseo e os feitos da nosa historia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario