20230814

Ribadeo e a auga neste verán

    Levo varias entradas nos últimos días relacionadas coa auga, ou máis ben, coa falta de auga, mesmo con algún apunte como o de Evaristo Lombardero na entrada anterior. Hoxe fágome eco dun bando da alcaldía, que deixo en baixo xunto coa nota de prensa correspondente.

    Nota de prensa

A EMPRESA CONCESIONARIA FACILITA CONSELLOS Á POBOACIÓN

Consumo responsable da auga

11/08/2023

O alcalde, Dani Vega, a través dun Bando pide á veciñanza e aos visitantes que fagan un uso responsable da auga.

No Bando asinado no día de hoxe sinala que "todos somos coñecedores da problemática que estamos a atravesar en canto á escaseza de auga para o consumo humano no noso entorno, que derivou en que concellos veciños se visen na obriga de establecer restricións en canto ao consumo".

O rexedor indica que "analizando a situación concreta do Concello de Ribadeo, en base ao plan de emerxencia ante situacións de seca municipal, a día de hoxe pode afirmarse que nos encontramos nun escenario de escaseza do recurso na captación de Lexoso, mentres que no caso da captación de Vilarbetote, o escenario actual sería de normalidade, pero cun serio risco de entrar nun escenario de prealerta".

Dani Vega subliña: "é por iso que, chegados a este punto, prégase aos nosos veciños e visitantes facer un uso responsable da auga, limitando na medida do posible os consumos municipais non esenciais, como poden ser regos, baldeos e enchido de piscinas. Trátase de establecer medidas preventivas para adiantarse a unha posible escaseza de recursos para abastecer á poboación".

E engade: "evidentemente, de empeorar a situación, o Concello de Ribadeo verase na obriga de establecer medidas restritivas en canto ao uso da auga para consumo humano, máis aló das presentes recomendacións".

O Bando da Alcaldía acompáñase cunha serie de consellos sobre consumo responsable, facilitados pola empresa concesionaria do servizo de augas municipal, que é Viaqua.

    Información:


    Bando:



Ningún comentario: