Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta coronavirus en Ribadeo. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta coronavirus en Ribadeo. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20220109

A mortalidade durante a pandemia en Ribadeo e Vilalba (2020)

    Dende hai tempo levo seguindo a incidencia do coronavirus en Ribadeo, e, dende pouco despois, tamén en Vilalba. Nos primeiros tempos, ano 2020, a confusión foi grande en tódolos sentidos. Tamén estatística. Tense amosado que houbo fallos e manipulación, dificultando o cómputo non só de afectados, senón tamén de falecidos, con casos flagrantes, como o de seguimento do que pasou nas residencias de maiores, que esperemos se aclare máis algún día e no seu caso se trate á xente responsable dun xeito máis humano do que eles trataron a quen sufriu a súa actuación e a disfunción institucional. 

    En relación ó número de mortes debidas ó coronavirus, hai que ter en conta que a pandemia non actuou soa: a interacción con outras causas non pode resolverse con un 'esta morte é debida ó 60 % polo coronavirus e ó 40 % por "x"', e listo. Non pode a moitos niveis, tampouco a nivel estatístico. De calquera xeito, unha vez coñecido o número de mortes total de cada localidade, pode verse a variación en relación a outros anos e de aí apuntar a incidencia de novas causas que non existiran neses anos. Iso foi o que fixo entre outras entidades eldiario.es hai xa un tempo para tentar aclarar as cifras, e o que comento aquí para os concellos sinalados.

   Na noticia do diario, https://www.eldiario.es/sociedad/radiografia-70-000-muertes-peor-pandemia-exceso-mortalidad-municipio-municipio_1_8567930.html, poden atoparse mapas como os que deixo abaixo, que indican que en Ribadeo morreu no 2020 menos xente que a media da que morreu ano a ano nos cinco anos anteriores, cinco falecidos menos. O mesmo pasou en Vilalba, dous falecidos menos.

    Quere iso dicir que a pandemia mellorou a saúde en ambos lugares? Fiemos un pouco máis fino.

    En primeiro lugar, as estatísticas tenden a ser menos precisas nos datos e predicións canto menor é a poboación afectada. Aínda así, a poboación de ambos concellos é abonda como para que a variación esperada sexa pequena, pero non tanto como para tomalas ó pé da letra e considerar que o exceso ou defecto observado (cinco mortes sobre 132 nun caso, dous sobre 211 noutro) teña que ser debido de xeito exacto ó coronavirus ou a outra causa concreta, sen máis apuntes. É dicir, sen que poidamos non considerar outra explicación.

    No 2020 os dous concellos tiñan menos poboación que na media dos anos anteriores, un 0,6 % e un 1,9 % menos para Ribadeo e Vilalba, respectivamente. Como as variacións en porcentaxe de mortes son do 4%menos para Ribadeo e do 1 %menos para Vilalba, xa temos unha visión diferente da inicial: en Vilalba a mortandade xa superaría a media dos anos anteriores. En Ribadeo, a situación sería diferente, a variación de poboación foi relativamente tan pequena que non daría explicación de máis dunha das 'non mortes'.

    Mais é de aquí de onde se pode comezar a facer elucubracións. Todos sabemos que o uso das máscaras case extinguiu a gripe, incluídas as mortes a ela debidas. No ano 2019 morreron de gripe en España 3900 persoas, isto é, algo menos de unha por cada 10000. E iso daría conta de outra persoa máis salvada en Ribadeo e en Vilalba. Dese xeito, restando esa morte, Vilalba aumentaría os números vermellos nas mortes de 2020 en relación ós cinco anos anteriores, mentres Ribadeo aínda tería un 'saldo a favor' doutras tres mortes.

    Se pasamos ós accidentes de tráfico, no 2020 causaron case 500 mortes menos que no 2019, coido que explicables en boa parte polas restricións de movemento. E, aínda que iso representa unha diferenza de mortes de só unha por cada 100 000 habitantes a nivel estatal, así seguiríamos sumando.

    Recollendo o que xa indiquei ó comezo, que as estatísticas non son en xeral algo que determine totalmente incidencias para ser atribuídas a unha causa, coido que a pandemia fixo posible unha certa mentalidade de coidado dos demais e de autocoidado, ao menos durante un certo tempo, o que propiciou un pequeno descenso da mortalidade 'normal' ata entón. En España, no 2020 morreron unhas 75 000 persoas máis que no 2019. Esa tamén é a cifra aproximada que dá o INE para as mortes por coronavirus. Polo que remato de dicir, entendo que o número de mortes que tiveron ó coronavirus como causa 'principal' ou como 'agravante' foi algo superior, aínda que facendo números non me leve máis aló dos 80 000 casos, algo menos de dous por cada 1000 habitantes, que de xeito proporcional -só a nivel de exercicio mental, pois a incidencia en ambos casos, mesmo en Vilalba co brote no asilo, foi inferior á media española- levarían a uns 17 mortos en Ribadeo e uns 25 en Vilalba. O número exacto? Cóidate.





20210112

Progresión do coronavirus en Ribadeo (III)

   Cando parecía que as cousas retornaban á súa canle, despois dunha semana da entrada anterior sobre o tema, veu a nova: dous mortos. E é que (ver o gráfico) tal parece que o brote está controlado, así o indica a liña de tendencia, coa ralentización da aparición de novos casos. Segue sen dicirse nada de xeito oficial sobre a orixe do brote ou o seu esparcemento. Deixo as dúas últimas notas de prensa do concello abaixo.

Datos coa liña de tendencia.

 

O RESTO DO ENFERMOS EVOLUCIONAN CON NORMALIDADE

Volta ao Hospital Asilo

09/01/2021

Volven ao Hospital Asilo, despois de superar o covid-19, catro dos usuarios que foran trasladados ao Cegadi en Santiago de Compostela, segundo deu a coñecer este sábado o alcalde, Fernando Suárez.  Estas persoas superaron a doenza, deron negativo nos controis de PCRs e teñen inmunidade xerada contra o coronavirus.

O rexedor dixo que "tal e como se veu indicando nestes últimos días, queremos sinalar con toda a precaución e prudencia necesarias que o tempo está a xogar a favor de ir recuperando a normalidade. Camiño das 3 semanas desde que se detectaron os primeiros casos de positivos en coronavirus a situación é a seguinte: entre antonte e hoxe 4 persoas que estaban desprazadas no Cegadi (Centro Galego de Desenvolvemento Integral) volven para o Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro, unha vez que superaran a doenza e deran negativo nos controis de PCRs e que nos tests de anticorpos revelasen que teñen inmunidade xerada contra o covid19".

Suárez Barcia comentou que "o resto de persoas usuarias, tanto as que continúan no Cegadi como as que sempre permaneceron no Hospital Asilo, evolucionan con normalidade e manteñen, en termos xerais, uns niveis aceptables de sintomatoloxía, a pesares de que moitas delas teñen unha idade moi avanzada e presentaban xa patoloxías previas. En canto ao persoal e á relixiosa, tamén se atopan en proceso de recuperación".

O alcalde contou que "ademais, segundo nos manifestan responsables do Cegadi, outras persoas están superando tamén esta doenza aínda que seguirán alí uns días máis dado que a súa recuperación física xeral recoméndao. Así temos que: os  4 traballadores afectados están nos seus domicilios gardando a corentena necesaria e cos protocolos pertinentes. En canto aos usuarios, e ao longo deste gromo producido hai días,19 deles foron trasladados ao Cegadi. 4 deles superaron a doenza e xa foron trasladados a Ribadeo polo que o número actual que aínda segue alí é de 15 persoas. Outros 3 usuarios diagnosticados como positivos, e de acordo cos criterios das autoridades sanitarias, permanecen no Hospital Asilo debido ao seu elevado nivel de dependencia previo ao contaxio vírico. Tamén se atopa nesta situación, desde o primeiro día detectado, a relixiosa afectada de covid19. Para todas estas persoas están habilitados igualmente os protocolos de atención, coidado e protección indicados polos servizos sanitarios e sociais".

Fernando Suárez seguiu a relatar que "tamén se atopa 1 persoa usuaria no Hospital da Costa en Burela, indicándose que cando supere a situación hospitalaria será derivada segundo o seu grao de dependencia ben ao Cegadi ou  ben ao Hospital Asilo de Ribadeo". 

O rexedor insistiu en que "se segue valorando como moi positiva a actuación coordinada na aplicación dos Protocolos e Planes de Continxencia por parte da  dirección do centro e do seu persoal, así como a actitude dos residentes á hora de enfocar esta crise sanitaria. Igualmente se continúa a valorar moi positivamente a actuación coordinada das autoridades sanitarias do Hospital da Costa e das do Cegadi por ir desprazando a Santiago a estas persoas afectadas, logrando así dous obxectivos estratéxicos neste momento: o primeiro é que os afectados estean nas mellores condicións de atención residencial e hospitalaria posible. E o segundo é que o Hospital Asilo de Ribadeo vexa diminuído de xeito moi importante o risco de transmisión vírica para o resto de persoas que viñeron dando negativo en todo este tempo e que actualmente suman 22 entre usuarios y persoal, aos que agora hai que sumar as 4 persoas que retornan por estar curadas facendo un total de 26". 

E engadiu que "como sempre indicamos, manteremos informada á cidadanía sexa cal sexa a situación á que nos teñamos que enfrontar, coa confianza de que ter pasado xa polo pico de madurez deste gromo que se iniciou hai unhas tres semanas. Seguirémolo a facer a medida que vaiamos obtendo información, ben por nós mesmos ou ben proporcionada polas autoridades sanitarias autonómicas en canto nola vaian facilitando, sempre co mellor ánimo informativo e para dar a confianza necesaria que evite rumoroloxías ou situacións de confusión".

ESTE MÉRCORES FARASE UN NOVO CRIBADO XERAL NO CENTRO

Situación no Hospital Asilo

11/01/2021

Dous residentes do Hospital Asilo, que foron trasladados a Santiago hai días, faleceron nas últimas horas. Trátase de persoas de  avanzada idade (99 e 91 anos), que se atopan nun estado moi fráxil e con patoloxías previas ao coronavirus, segundo ven de informar o alcalde, Fernando Suárez. Tres usuarios mais retornan a Ribadeo despois de superar o covid e de ter xerado inmunidade contra este virus.

O rexedor sinalou que "segundo puidemos ir sabendo, temos dous tipos de noticias que fan que esta nota de prensa teña un carácter agridoce. Dúas das persoas que levaban xa días trasladadas ao Cegadi (Centro Galego de Desenvolvemento Integral) faleceron nestas últimas horas. En ambos os dous casos trátase de persoas de moi avanzada idade, unha de 99 e outra de 91 anos, que se atopaban nun estado moi fráxil e con patoloxías xa previas ao contaxio por Covid19. Como estaban nun estado de atención delicado, non se lles chegou a facer as PCR para saber se xa chegaran a superar a doenza do coronavirus, (tal e como se lles fixo a outras persoas que ingresaron ao mesmo tempo no Cegadi). Con todo, é de supoñer que nas estatísticas oficiais aparecerán como falecemento por coronavirus".

Fernando Suárez subliñou que "por outra banda, e segundo nos indican os responsables do Cegadi, nas vindeiras horas serán trasladadas ao Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro 3 persoas máis, unha vez que superaran a doenza e deran negativo nos controis de PCRs e que nos tests de anticorpos revelasen que teñen inmunidade xerada contra o Covid19. Igualmente soubemos que, segundo as autoridades sanitarias do Hospital da Costa, prevese que este mércores se faga un novo cribado xeral no Hospital Asilo para comprobar de novo a progresión ou estabilización deste gromo".

O alcalde dixo que "o resto de persoas usuarias, tanto as que continúan no Cegadi como as que sempre permaneceron no Hospital Asilo, evolucionan con normalidade e manteñen, en termos xerais, uns niveis aceptables de sintomatoloxía, a pesares de que moitas delas teñen unha idade moi avanzada e presentaban xa patoloxías previas.En canto ao persoal e á relixiosa, tamén se atopan en proceso de recuperación. Así temos que: os 4 traballadores afectados están nos seus domicilios gardando a corentena necesaria e cos protocolos pertinentes; en canto aos usuarios, e ao longo deste gromo producido hai días, dos 19 que foron trasladados ao Cegadi, 7 deles superaron a doenza e xa foron ou van ser trasladados a Ribadeo polo que o número de persoas que alí seguirá vese reducido a 10; outros 3 usuarios diagnosticados como positivos, e de acordo cos criterios das autoridades sanitarias, permanecen no Hospital Asilo debido ao seu elevado nivel de dependencia previo ao contaxio vírico. Tamén se atopa nesta situación, desde o primeiro día detectado, a relixiosa afectada de covid19. Para todas estas persoas están habilitados igualmente os protocolos de atención, coidado e protección indicados polos servizos sanitarios e sociais. A día de hoxe tamén se atopa 1 persoa usuaria no Hospital da Costa en Burela, indicándose que cando supere a situación hospitalaria será derivada segundo o seu grao de dependencia ben ao Cegadi ou  ben ao Hospital Asilo de Ribadeo".

Suárez Barcia engadiu que "se segue valorando como moi positiva a actuación coordinada na aplicación dos Protocolos e Plans de Continxencia por parte da  dirección do centro e do seu persoal, así como a actitude dos residentes á hora de enfocar esta crise sanitaria. Igualmente se continúa a valorar moi positivamente a actuación coordinada das autoridades sanitarias do Hospital da Costa e das do Cegadi por ir desprazando a Santiago a estas persoas afectadas, logrando así dous obxectivos estratéxicos neste momento: o primeiro é que os afectados estean nas mellores condicións de atención residencial e hospitalaria posible. E o segundo é que o Hospital Asilo de Ribadeo vexa diminuído de xeito moi importante o risco de transmisión vírica para o resto de persoas que viñeron dando negativo en todo este tempo e que actualmente sumando os que sempre deron negativo e os que viñeron do Cegadi coa doenza superada ascenden 29 persoas entre usuarios e persoal. Como sempre indicamos, manteremos informada á cidadanía sexa cal sexa a situación á que nos teñamos que enfrontar, coa confianza de que ter pasado xa polo pico de madurez deste gromo que se iniciou hai máis de tres semanas. Seguirémolo a facer a medida que vaiamos obtendo información, ben por nós mesmos ou ben proporcionada polas autoridades sanitarias autonómicas en canto nola vaian facilitando, sempre co mellor ánimo informativo e para dar a confianza necesaria que evite rumoroloxías ou situacións de confusión".

--

 Anteriores sobre Coronavirus e Ribadeo:

Covid 19 no Hospital-Asilo de Ribadeo (1) . Evaristo Lombardero 

Progresión do coronavirus en Ribadeo (II) 

Nota de prensa con ledicia: vacina 

Progresión do coronavirus en Ribadeo

20210123

Progresión do coronavirus en Ribadeo (IV)

   Os datos varían, fanse vellos antes de ser publicados, porque corresponden a casos observados días atrás... Hai que ver a tendencia a longo prazo, e non sirven moito as predicións estatísticas individuais  para un concello coas normas cambiantes, precisamente ditadas para tentar cambiar a forma das gráficas e con elo, as espectativas vitais. A liña de axuste é máis unha constatación que unha proxección. Unha constatación que se vai voltando máis complicada de representar só porque hai máis datos acumulados no tempo.

   Fala o alcalde na última nota emitida con data de antonte (outra cousa é cando se colgou na web) "Estamos observando xa que logo, un descenso de casos neste gromo no Hospital Asilo ao tempo que un incremento paseniño e continuado dos contaxios no conxunto do Concello". Pois depende. Nos últimos días, si, e non tan paseniño. Pero en total, no concello, os 29 casos da primeira semana non foron superados aínda despois. Claro que incluían á xente do Hospital Asilo.

   Deixo a nota da alcaldía a continuación, e as entradas anteriores desta serie 'progresión do coronavirus en Ribadeo':

Foto Hospital Asilo

RIBADEO ACUMULA 24 CASOS NOS ÚLTIMOS 14 DÍAS

Contaxios por covid19

22/01/2021

Seguen a baixar os casos positivos por covid19 no Hospital Asilo de Ribadeo. O último cribado realizado hai dous días arroxa a cifra de 6 persoas contaxiadas, segundo ven de informar o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor dixo que "seguindo a estela das últimas notas de prensa emitidas, debemos falar dunha situación agridoce na situación do Hospital Asilo, aínda que a medida que o tempo vai pasando o número de casos, no seu conxunto, seguen a baixar". 

Suárez Barcia confirmou que "actualmente xa non quedan usuarios desprazados ao Cegadi (Centro Galego de Desenvolvemento Integral) pois as 2 persoas que quedaban alí, das 19 que chegou a haber, xa retornaron a Ribadeo".

O alcalde comentou esta tarde que "os responsables sanitarios do Hospital da Costa indícannos que o cribado feito hai dous días deu como resultado que os casos activos entre usuarios e persoal do Centro ascenden a 6 persoas. Tamén nos din que actualmente hai 2 persoas que permanecen no Hospital da Costa por mor do covid19. Polo tanto, no momento de facer esta nota de prensa temos un total de 8 persoas positivas en coronavirus. Sendo esta unha cifra importante, o certo é que xa queda moi lonxe das 26 que chegou a haber no momento de maior incidencia deste gromo".

Fernando Suárez contou que "con todo e iso, debemos indicar que hai dous días faleceu una persoa que aínda non dera negativo nas probas de inmunidade ao coronavirus. Tiña 92 anos de idade e presentaba patoloxías previas".

O rexedor insistiu en que "se segue valorando unha vez mais como moi positiva a actuación coordinada na aplicación dos Protocolos e Planes de Continxencia por parte da  dirección do centro e do seu persoal, así como a actitude dos residentes á hora de enfocar esta crise sanitaria.  E como sempre indicamos, manteremos informada á cidadanía sexa cal sexa a situación á que nos teñamos que enfrontar, coa confianza de que ter pasado xa polo pico de madurez deste gromo que se iniciou hai cinco semanas. Seguirémolo a facer a medida que vaiamos obtendo información, ben por nós mesmos ou ben proporcionada polas autoridades sanitarias autonómicas en canto nola vaian facilitando, sempre co mellor ánimo informativo que evite rumoroloxías ou situacións de confusión".

Sobre a situación global que se vive en Ribadeo o alcalde sinalou que "segundo os datos que vén de publicar a Consellaría de Sanidade no día de hoxe, Ribadeo aparece con 24 casos nos últimos 14 días. Estamos observando xa que logo, un descenso de casos neste gromo no Hospital Asilo ao tempo que un incremento paseniño e continuado dos contaxios no conxunto do Concello, polo que queremos insistir novamente na obrigada concienciación nas actuacións individuais e colectivas, como persoas e como sociedade, para cumprir a diario as recomendacións e as obrigas que as autoridades sanitarias nos indican. De todos nós dependerá que a cifra siga a subir nas vindeiras horas".


20201229

Progresión do coronavirus en Ribadeo

   Nunha semana, o alcalde leva difundido tres notas de prensa sobre o coronavirus en Ribadeo. En concreto, sobre o brote que afecta ó hospital asilo (non á nova residencia de maiores). Aínda que sobre a orixe circula un rumor insistente, non está recollido nelas, polo que queda como iso, como rumor.

Coa liña de tendencia engadida.

   Á espera de máis novas (é de supoñer que mañá día 30 apareza outra), deixo as novas que recollo na web do concello por orde cronolóxica, tal cal. É dicir, recollendo única e exclusivamente a versión do concello (mesmo sen corrixir posibles erratas):

1.-

Foto Hospital Asilo

POLO MEMENTO QUEDAN SUSPENDIDAS AS VISITAS AO CENTRO

Hospital Asilo de Ribadeo

23/12/2020

Tres residentes do Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro, de Ribadeo, deron positivo por covid-19, segundo informou esta mañá o alcalde, Fernando Suárez. A detección produciuse dentro dos cribados periódicos que o Sergas realiza nas distintas residencias e centros de maiores. Estas tres persoas atópanse con sintomatoloxía leve e foron trasladadas a unha residencia médica que a Consellería de Sanidade ten habilitada para estes casos en Santiago de Compostela.

O rexedor contou que "tivemos no día de hoxe coñecemento verbal por parte dos responsables do Hospital da Costa de Burela, que dentro dos cribados periódicos que o Servizo Galego de Saúde está facer nas distintas residencias e centros de maiores, producíronse tres positivos de persoas residentes no Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo".

Suárez Barcia dixo que "estas tres persoas, segundo nos indican os responsables da Consellaría de Sanidade, atópanse cunha sintomatoloxía leve e xa foron trasladadas a unha residencia médica que a Consellería de Sanidade ten habilitada para estes casos en Santiago de Compostela. Por outra banda, infórmasenos de que a totalidade de traballadoras e traballadores do centro están sendo chamados para facer unha nova proba de diagnóstico para estar completamente seguros da situación á que nos temos que enfrontar".

O alcalde subliñou que "entrementres, por parte da dirección do Hospital Asilo xa se activaron de xeito inmediato os plans de continxencia e protocolos previamente establecidos para este tipo de situacións coa fin de controlar esta situación para que non vaia a máis. O funcionamento desta residencia en toda a xestión desta pandemia estivo sendo impecable tanto pola dirección como pola do persoal traballador, usuarios e familiares destes. Sempre se cumpriron todos os estándares fixados polas autoridades Sanitarias competentes, así como tamén neste Centro se foron implementando desde o inicio da crise sanitaria todas as melloras posibles de limpeza e desinfección". 

Fernando Suárez engadiu que "tamén se foi, e se é moi estrito, cos contactos dos residentes cos familiares ou achegados e todos estes posibles contactos nas visitas se fan cumprindo os mais estritos protocolos. E igualmente, o persoal traballador estivo cumprindo cos protocolos establecidos para a correcta actuación. Con todo, e a partires deste mesmo momento, e en tanto a situación non sexa normalizada, suspéndense as visitas aos usuarios e  usuarias do Hospital Asilo por parte de familiares".

Para o alcalde ribadense "débese ser consciente de que nesta situación de crise sanitaria por mor do Covid19 non existe risco cero, aínda que o centro está preparado para afrontar esta situación, tanto a nivel de persoal como de medios".

O rexedor engadiu que "ofrecemos toda a transparencia coa información que poidamos saber por nós mesmos ou pola información que as autoridades sanitarias autonómicas nos vaian dando nas vindeiras horas, ao tempo que queremos pedir cautela en comentarios ou rumoroloxía, a fin de evitar situacións de confusión ou malos entendidos. Todo parece indicar que a esta emerxencia sanitaria que dura mais de nove meses, estase traballando arreo con todos os medios e por todas as administracións e nos vindeiros días, previsiblemente na semana que vén,  as vacinas chegarán, empezando precisamente por estes centros residenciais como é o caso do Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo".

2.-

Foto hospital asilo

ESTA MAÑÁ FOI REALIZADO UN NOVO CRIBADO NO CENTRO

Novos positivos no hospital asilo

26/12/2020

Rexistrados tres novos positivos por covid19 no Hospital Asilo de Ribadeo. Trátase de dúas usuarias e unha relixiosa. Todas presentan sintomatoloxía leve, segundo o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor explicou que "tivemos coñecemento de que ás tres persoas que deron positivas como contaxiadas de Covid19 temos que engadir tres persoas máis nestas últimas horas. Neste caso, dúas usuarias e unha relixiosa. Unha delas foi traslada onte á residencia médica que a Consellaría de Sanidade ten habilitada para estes casos en Santiago de Compostela. Outra presentou síntomas hoxe á mañá e foi trasladada ao Hospital da Costa para analizar o seu estado. En canto á relixiosa, está mantendo o confinamento total preceptivo para estes casos". 

Suárez Barcia dixo: "cabe destacar que a totalidade das seis persoas positivas, as tres do primeiro día e estas tres últimas, atópanse polo momento con sintomatoloxías leves".

O alcalde contou que "segundo nos manifestan os responsables do Hospital da Costa de Burela, na mañá de hoxe procedeuse a facer un novo cribado xeral para determinar se pode haber algún contaxio máis ou se pola contra a situación permanece estable. Agardan ter os resultados en breve".

Fernando Suárez indicou que "desde o Hospital-Asilo de San Sebastián e San Lázaro, mantéñense os protocolos e plans de continxencia establecidos para estas situacións e con limpezas e precaucións reforzadas para tentar controlar a situación. Reitérase que nesta crise sanitaria por mor da pandemia que estamos a vivir non existe risco cero, aínda que o centro está preparado para afrontar esta situación, tanto a nivel de persoal como de medios".

O rexedor ribadense engadiu que "manteremos informada á cidadanía a medida que vaiamos tendo información, ben sabida por nós mesmos ou ben proporcionada polas autoridades sanitarias autonómicas en canto nola vaian facilitando, sempre co mellor ánimo informativo e para dar a confianza necesaria que evite rumoroloxías e situacións de confusión ou malentendidos".

3.-

Foto alcalde Ribadeo

OS USUARIOS PRESENTAN SINTOMATOLOXÍA LEVE

Situación no Hospital Asilo

28/12/2020

Confirmados 8 novos positivos por covid19 no Hospital Asilo de Ribadeo, segundo deu a coñecer esta mañá o alcalde, Fernando Suárez. En total son 14 as persoas afectadas polo gromo detectado a pasada semana, 13 usuarios que foron trasladados á residencia do Cegadi en Santiago e unha relixiosa que segue en estrito confinamento en Ribadeo.

O rexedor contou que "este sábado pasado, despois de detectarse novos casos de positivos en Covid19, as autoridades sanitarias fixeron un novo cribado xeral. Os resultados recibidos indican que hai 8 novos casos de positivos confirmados. Trátase de persoas residentes. En canto aos do persoal traballador, todos eles deron negativo. Polo tanto, e aplicando o criterio dos días anteriores, a totalidade dos residentes diagnosticados como positivos xa foron trasladados á Residencia do Cegadi (Centro Galego de Desenvolvemento Integral) que a Xunta de Galicia ten habilitada para estes casos en Santiago de Compostela, onde tamén se encontran as persoas que xa deron positivo nos días anteriores, facendo un total de 13 persoas alí desprazadas. A esta cifra débeselle sumar a da relixiosa que se mantén en estrito confinamento".

Suárez Barcia dixo: "segundo nos confirman nas últimas horas os responsables do Cegadi, todas as persoas manteñen uns niveis leves de sintomatoloxía. Esta residencia habilitada posúe as características de residencia de maiores co engadido de que dispón de funcionalidades hospitalarias, que o resto de residencias non teñen. Estas mesmas autoridades, tanto as sanitarias do Hospital da Costa como as de Política Social do Cegadi, indican que esta situación actual deriva dunha previa que vai desencadeando un gromo, por canto unha grande parte dos afectados son compañeiros de cuarto de persoas previamente contaxiadas".

O alcalde seguiu a relatar que "tamén nos indican os responsables sanitarios do Hospital da Costa que de cara a mediados de semana farase un novo cribado xeral para comprobar se o gromo se estabiliza ou se pola contra hai novos contaxiados, sen prexuízo de que se poidan realizar novos test de antíxenos de xeito inmediato se algún outro residente mostra síntomas de contaxio antes dese cribado".

Fernando Suárez fixo unha valoración positiva das medidas adoptadas: "valórase polo tanto como moi positiva a actuación coordinada na aplicación dos Protocolos e Planes de Continxencia por parte da  dirección do centro e do seu persoal, así como a actitude dos residentes á hora de enfocar esta crise sanitaria. Igualmente se valora moi positivamente a actuación coordinada das autoridades sanitarias do Hospital da Costa e das do Centro Galego de Desenvolvemento Integral por ir desprazando a Santiago a estas persoas afectadas, logrando así dous obxectivos estratéxicos neste momento: o primeiro é que os afectados estean nas mellores condicións de atención residencial e hospitalaria posible. E o segundo é que o Hospital Asilo de Ribadeo vexa diminuído de xeito moi importante o risco de transmisión vírica para o resto de usuarios, que viñeron dando negativo en todo este tempo e que actualmente suman 24 persoas".

O rexedor engadiu: "como sempre indicamos, manteremos informada á cidadanía sexa cal sexa a situación á que nos teñamos que enfrontar, coa confianza de que en poucos días estaremos no pico de madurez deste gromo que se iniciou a principios da semana pasada. Farémolo a medida que vaiamos obtendo información, ben por nós mesmos ou ben proporcionada polas autoridades sanitarias autonómicas en canto nola vaian facilitando, sempre co mellor ánimo informativo e para dar a confianza necesaria que evite rumoroloxías ou situacións de confusión".

20210103

Progresión do coronavirus en Ribadeo (II)

   Despois de ter esperado varios días dende o artigo 'Progresión do coronavirus en Ribadeo', por fin aparece na web do concello unha nova nota de prensa que copio abaixo.

A data de 30/12 como data de cribado é indicativa, ó non terse difundido información sobre o tema máis que as notas do concello, coas deficiencias á vista.   

   Segue sen falarse da orixe do brote ou de como, seguindo os protocolos, xurdiu a expansión. Asemade, tamén se deixa sen cubrir a expansión fóra do asilo: a día de hoxe non se fixo cribado nin seguemento, que se saiba. E na páxina do SERGAS leva varios días a indicación de que Ribadeo ten 28 casos.

Nota do concello:


Foto Hospital Asilo

A VINDEIRA SEMANA REALIZARASE OUTRO MAIS

Cribado no Hospital Asilo

02/01/2021

O último cribado realizado no Hospital Asilo de Ribadeo deixa 10 novos positivos por covid, 7 de usuarios e 3 de traballadores do centro, segundo ven de confirmar o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor relatou que "este pasado xoves as autoridades sanitarias do Hospital da Costa fixeron un novo cribado xeral para comprobar a progresión do gromo detectado hai uns días no Hospital Asilo. Os resultados das probas indican que hai 7 novos casos de usuarios e 3 casos de traballadores do centro residencial".

Fernando Suárez dixo que "tal e como foi pasando nas situacións similares anteriores, iniciáronse de inmediato as actuacións coordinadas entre as autoridades Sanitarias, as autoridades de Política Social e máis as do Hospital Asilo. Así os traballadores afectados están nos seus domicilios gardando a corentena necesaria e cos protocolos pertinentes. En canto aos usuarios, 5 deles xa foron trasladados ao Cegadi (Centro Galego de Desenvolvemento Integral), que é unha Residencia con funcionalidades hospitalarias que a Xunta de Galicia ten habilitada para estes casos en Santiago de Compostela. Este Centro está preparado para a atención de persoas consideradas válidas ou con nivel de dependencia baixa. Agora neste momento xa se atopaban alí as persoas usuarias do Hospital Asilo que deran positivo nos días anteriores, facendo así un total de 18 persoas de Ribadeo nese Centro".

O alcalde sinalou que "outros 3 usuarios diagnosticados como positivos, e de acordo cos criterios das autoridades sanitarias, permanecen no Hospital Asilo debido ao seu elevado nivel de dependencia previo ao contaxio vírico. Tamén se atopa nesta situación, desde o primeiro día detectado, a relixiosa afectada de Covid19. Para todas estas persoas están habilitados igualmente os protocolos de atención, coidado e protección indicados polos Servizos Sanitarios e Sociais. No momento de ser emitida esta nota de prensa, tamén se atopa 1 persoa usuaria no Hospital da Costa en Burela, indicándose que cando supere a situación hospitalaria será derivada segundo o seu grao de dependencia ben ao Cegadi ou  ben ao Hospital Asilo de Ribadeo".

Suárez Barcia manifestou que "segundo nos indican os responsables sanitarios do Hospital da Costa, de cara a principios de semana farase un novo cribado xeral para comprobar se o gromo se estabiliza ou se pola contra hai novos contaxiados, sen prexuízo de que se poidan realizar novos test de antíxenos de xeito inmediato se algún outro residente mostra síntomas de contaxio antes dese cribado. Tamén nos informan nas últimas horas os responsables sanitarios e sociais que as persoas afectadas polo coronavirus manteñen, en termos xerais, uns niveis leves ou aceptables de sintomatoloxía. Estas mesmas autoridades, tanto as Sanitarias do Hospital da Costa como as de Política Social do Cegadi, indican que esta situación actual deriva dunha previa que vai desencadeando un gromo, por canto unha boa parte dos afectados son compañeiros de cuarto de persoas previamente contaxiadas".

O rexedor ribadense engadiu: "séguese valorando como moi positiva a actuación coordinada na aplicación dos Protocolos e Planes de Continxencia por parte da  Dirección do Centro e do seu persoal, así como a actitude dos residentes á hora de enfocar esta crise sanitaria. Igualmente se continúa a valorar moi positivamente a actuación coordinada das autoridades sanitarias do Hospital da Costa e das do Cegadi por ir desprazando a Santiago a estas persoas afectadas, logrando así dous obxectivos estratéxicos neste momento: o primeiro é que os afectados estean nas mellores condicións de atención residencial e hospitalaria posible. E o segundo é que o Hospital Asilo de Ribadeo vexa diminuído de xeito moi importante o risco de transmisión vírica para o resto de usuarios, que viñeron dando negativo en todo este tempo e que actualmente suman 16 persoas".

çFernando Suárez indicou que "como sempre indicamos, manteremos informada á cidadanía sexa cal sexa a situación á que nos teñamos que enfrontar, coa confianza de que en moi poucos días estaremos no pico de madurez deste gromo que se iniciou a principios da semana pasada. Farémolo a medida que vaiamos obtendo información, ben por nós mesmos ou ben proporcionada polas autoridades sanitarias autonómicas en canto nola vaian facilitando, sempre co mellor ánimo informativo e para dar a confianza necesaria que evite rumoroloxías ou situacións de confusión".


20200506

Artigos en Galicia Digital, ata o momento

Listados en https://www.galiciadigital.com/opinion/autor.189.php

20200224

Coronavirus en eleccións

CC-by-sa 3.0, Obra de Crenim, collido de en.wikipedia.org

Está cantado. O coronavirus será un factor electoral de primeira magnitude. De agora ó 5 A a súa importancia aumentará e só queda por saber o seu impacto, baseado na intensidade -non só da enfermidade, senón tamén da paranoia ou o simple medo- e na decantación cara a unhas ideas e opinións sobre as medidas vistas pola xente como mellores ou peores. Iso, en función tamén de como lles afecten de xeito particular, etc, ou outros factores -está por ver que forzas políticas rematarán asociadas ó coronavirus e cales se erixirán entre a xente como asociadas á defensa da saúde.
O pánico é xa, hoxe, unha profecía autocumprida en moitos lugares, e esténdese de xeito parello. Coido que peor aínda que o virus, pois atende menos ós razoamentos e a prevención. E os efectos, coido que tampouco terán moito que envidiarlle: o virus mata dun xeito, o pánico fai estragos -posibles mortes incluídas- de moitos.
O impacto do coronavirus en relación coas eleccións, evidentemente tamén estará asociado á evolución en termos médicos, e non só en Galicia ou España, senón a nivel mundial. Pois o mundo será un espello no que se mirará o que se fai aquí. E por suposto, ‘no medio’, os medios, como axuste entre unha realidade que se transmitirá como se non estivese iso, ‘mediatizada’, e a sociedade, soliviantada ante unha ameaza que non é capaz de visualizar en termos relativos. Os medios xa están a esaxerar polo mesmo sistema lóxico que mantén os titulares: máis que informe, impacto. É dicir, chega con que haxa un grupo con psicose para que esa mesma psicose, ou as consecuencias dela, escalen ata o titular da noticia, propagando a mesma psicose e contaxiando a un maior grupo social, de xeito máis eficiente quer a propagación vírica. Iso, sen contr coas teorías sobre ocultación de datos.
Non, non se sabe aínda como afectará, pero de aquí a menos de vinte días, comezo de campaña electoral, é abondo probable que poda afectar ós desprazamentos dos candidatos, ou á realización dos mítins, por non falar dos comentarios sobre a xestión da epidemia –na que a bó seguro, a maioría seremos expertos- ou da xestión do medo cidadán -que haberá quen tenda a incrementar para aproveitalo-, entre outras posibilidades que haberá que considerar.
Mentres, a Organización Mundial da Saúde á cabeza doutras institucións sanitarias tenta dicir que que é pouco máis grave que a gripe normal. Pero xa que nestes momentos en toda China (pero poñamos que está concentrado en Wuhan) cóntanse 77 000 infectados, e 2500 mortes, para unha poboación (Wuhan) de 8 millóns de habitantes, podemos visualizar que é algo así como se en Ribadeo se contasen 100 casos e catro mortes nestes dous meses. En Ribadeo, en 2 meses, morren de media 23 persoas, e máis no inverno... Si, é grave, e calquera pode verse afectado, con peor prognóstico para a xente maior, e evidentemente non me gustaría que me afectara, e hai que poñer medidas tan sinxelas como lavar as mans, pero teño abondas máis probabilidades de morrer doutra cousa.
E, nuns dias, a campaña electoral terá un ingrediente inesperado hai un par de meses (ben, daquela tampouco sabíamos da campaña en marzo)

20210205

Progresión do coronavirus en Ribadeo (XII)

 

Hoxe, 5 de febreiro, segue o descenso que esperemos se profundice: 23 casos, cunha incidencia de  casos de 230 / 100 000 habitantes:

  Anteriores desta serie (no blog ‘tradicional’): https://www.ribadeando.com/search?q=Progresi%C3%B3n+do+coronavirus+en+Ribadeo&max-results=20&by-date=true

Nota: esta entrada foi publicada primeiro en https://ribadeando.wordpress.com/2021/02/05/coronavirus-en-ribadeo-xii/

20200526

Da neve en Katmandú. Da realidade do coronavirus en Ribadeo

De mañá sobre a ría de Ribadeo.

Ribadeo. Día de sol e vento, 24 de maio. 
Nunha vila como a nosa non é doado percibir o cambio que o COVID-19 induce no clima. Máis aínda cando a cantidade dalgúns contaminantes como o dióxido de carbono, a nivel mundial, segue a incrementarse como amosan as medidas no observatorio de referencia, no alto das montañas de Hawaii. E se segue a incrementarse é porque a variación non é tanta como se pensa, aínda que sexa moita. [Nota: Se o observatorio está no alto e nunha zona apartada é precisamente para permitir que a atmosfera se mesture ben antes de medir. E iso leva o seu tempo, o que aminora as variacións puntuais]
O caso é que aínda así, co parón industrial, a redución da queima de combustibles fósiles, as 'necesidades sociais', etcétera, que se manifestan en plena pandemia, tamén queda patente a resiliencia -máis ben, a súa falta- da sociedade ante os cambios necesarios. 
Os satélites teñen documentado xa o ciclo de desaparición de contaminantes en diversas zonas coa rebaixa da actividade pola pandemia, e tamén, despois, o comezo do novo aumento a medida que se van restablecendo condicións de máis actividade, mesmo sobrepasando a contaminación anterior. Pero iso 'dos satélites' ás veces quédanos moi lonxe sobre as nosas cabezas para darnos por aludidos, vese como maxia e, ó tempo, algo irreal, virtual, cunha relación connosco abondo laxa -a non ser que nos interesen os datos para 'xa', como na predición meteorolóxica-. Por iso resulta ás veces máis práctico caer na conta de detalliños. Como o é nunha grande cidade notar que se ven as montañas ó lonxe. Así, en Katmandú rematan de ter á vista o Everest, a 200 km de distancia, algo que hai moito tempo que non era posible pola contaminación dunha cidade de dous millóns e medio de habitantes. Polo que parece, a última xeración non coñecía tal. En Europa, ten sucedido o mesmo coa vista do Mont Blanc dende Lyon, unha distancia parella.
Coido que esta tempada de verán que se achega teremos ocasión de preguntar á xente que vive na vila e corte se en abril vían mellor Navacerrada ou non. Aínda que é posible que, afeitos a vela entre a néboa, moitos nin se apercibiran dos posibles cambios. Ou sexa, como sucede en Ribadeo cos cambios menores. Os atardeceres destes primeiros días de saída tralo confinamento, co Sol sobre o Cantábrico, moitos deles asombrosos, non son moi diferentes dos doutros momentos antepandemia. Sorte que temos.
Pero esa falta de percepción pode levar a desligar dúas cousas moi relacionadas: a incidencia da pandemia nas nosas vidas e os efectos 'prácticos' da resposta que lle estamos a dar para protexernos, e a incidencia nas enfermidades do desastre ambiental que temos montado a nivel mundial, aumentando o dióxido de carbono e o efecto invernadoiro tanto como diminuíndo a biodiversidade ou envelenando aire e agua. Cousas que, unha vez desligadas na nosa consciencia, farían que quedara sen xustificar o necesario cambio no noso desenvolver como especie para ir cara un mundo mellor. Para que, se algo que xa se nos foi da cabeza, que non é máis cunha pantasma dun pesadelo que 'xa pasou'? Para que? Se non vemos a necesidade dun cambio para manter o noso mundo, se deixamos escapar a posibilidade que nos ofrece este cataclismo, o mundo seguirásenos a escapar e golpearános máis forte.

20200506

Artigos en Praza.gal, ata o momento

Listados en https://praza.gal/xornalista/antonio-gregorio

20210225

SOBRE A OBRIGATORIEDADE DAS VACINAS. Evaristo Lombardero

   O día 11 de febreiro de 2021 o Sr. Alcalde de Ribadeo colgaba unhas declaración na páxina web do concello (ver a parte final deste post) onde pedía á Xunta de Galicia que acelerase os trámites para facer obrigatoria a vacina anticovid e acusaba de “negacionistas e egoístas” aos familiares de unha usuaria da nova residencia da terceira idade de Ribadeo que rexeitaron a vacina exercendo a sua opción legal de vacinarse ou non dacordo ca normativa vixente en todo o estado español.

    No día de onte, o Parlamento Galego, cos votos exclusivos do PP aprobou a reforma da Lei de Saúde que esixia o Sr. Alcalde de Ribadeo e a partir de agora a obligatoriedade das vacinas anticovid poderase implantar en Galicia deixando tranquilo e satisfeito a este alcalde do BNG dende 2007.

    Namentras, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública emitía un comunicado o día 22 de febrero rexeitando a devandita obligatoriedade, o día 20 faciao a Plataforma Sanitaria de A Mariña e o día 18 pronunciábase en contra a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia. Asemade a deputada nacionaista María Albert pronunciábase en contra do proxecto do PP por “restrinxir dereitos fundamentais creando un estado de alarma permanente”.

    En realidade a rexeita da obligatoriedade é prácticamente unánime no estado español, en Europa, entre as autoridades sanitarias, nomeadamente na OMS e mesmo entre os profisionais do ramo.

    Ao marxen do debate sobre a restricción de deritos individuais que ten abondas referencias nos medios e nas redes imos suliñar brevemente os aspectos mais salientables para rexeitar a vacina obrigatoria.

1º Non se coñece ainda con certeza cal vai ser a eficacia das vacinas que se están aplicando hoxendía. Non se coñece o grado de inmunidade que van conferir en distintas edades, en diferentes estados da situación inmunolóxica de cadaquén, non se sabe canto tempo pode durar a inmunidade, nen se será necesario seguir vacinándose periódicamente.

2º Non se coñece o posible efecto rabaño. Se vai ser pequeno ou grande ou nengún. Seguramente dentro de poucos meses xa haberá mais evidencias sobre esta cuestión nas distintas vacinas, pero ate agora é un asunto descoñecido aínnda que sexa moi desexable que se confirmen as expectativas mais optimistas.

3º Non hai abonda experiencia para saber as posibeis complicacións ou efectos secundarios nos diferentes grupos de idade, sobre todo a medio e longo prazo por razóns obvias.

4º Calquer medida coercitiva suscita un efecto bumerán que pode ser moi perxudicial para os obxectivos inicias. Particularmente nun país onde as vacinas tradicionais teñen unha aceptación voluntaria superior ao 98 % e a vacina do Covid está tendo unha aceptación superior ao 95 % nos colectivos prioritarios carece de sentido prantexarse a obligatoriedade.

    Con estes condicionantes non hai que esmagarse a cabeza para entender que a vacinación obrigatoria non é necesaria, pode ser perxudicial e non é esaxerado cualificarla de medida publicitaria, demagóxica e dictatorial.

    Finalmente convén lembrar que sobre o dia 22 de decembro de 2020 iniciouse un brote de coronavirus no Hospital Asilo de Ribadeo (a antiga residencia da terceira idade) no que resultaron afectadas unhas 30 persoas entre persoal e usuarias, das cales catro resultaron falecidas e moitas delas foron trasladadas a outros centros de Galicia. E debe suliñarse que o primeiro caso dese brote foi unha persoa que entraba e saía acotío nas instalacións do Hospital Asilo e a súa actividade ou profesión (que tiña numerosos contactos sociais e amplos desprazamentos) non estaba incluída nas que prevee o regulamento aprobado pola Xunta de Galicia o día 17 de setembro de 2020 para o control e prevención da infección por coronavirus nos centros da terceira idade. Folga crarexar que o concello de Ribadeo é o único responable da xestión do Hospital Asilo de Ribadeo e que neste caso concreto non se aplicaron as medidas de control de acceso de persoas e profesionais que establece a norma devandita de 17 de setembro de 2020. Pola súa banda o concello de Ribadeo non recoñeceu estes datos amplamente contrastados e negou a existencia do primeiro caso, perfectamente referenciado por numerosas testemuñas. Asemade compre suliñar que dende o comezo deste brote as actividades do profieional que puido ser o causante do brote no Hospital Asilo foron suspendidas e agora fanse polo televexo.

Evaristo Lombardero Rico