Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Ucraína. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Ucraína. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20220909

Non é por a Ucraína, é por nós

Convocatoria da concentración pola paz de Ribadeo, para o xoves 15

Non é por a Ucraína, é por nós

    Non, non nos deixemos levar nin nos levemos nós mesmos a engano: en boa parte dos casos, diría que na grande maioría, das (poucas) concentracións que se fan contra a guerra hoxe en día, non é "pola agresión rusa", nin "pola guerra contra Ucraína", senón pola paz, pola paz en todos os lugares e contra todas as guerras, incluídas as guerras internas de máis dun estado contra parte da súa poboación. E, aínda que só sexa por lembranza do dito de "primeiro viñeron polos (...), logo polos (...), logo viñeron por min, e non quedaba ninguén para defenderme", dicir que as concentracións fanse por todos nós. Un nós amplo, que non exclúe a ninguén, mesmo nin á xente que decide atacar. Iso, aínda tendo en contra meses de propaganda bélica ‘na procura paz por apoio a unha das partes’. E non, non se trata de dicir que a Ucraína comezou a guerra, e non Rusia, como parece abandeirar certa xente, pero tampouco de comungar con rodas de muíño dicindo que os atacados foron, son e serán santos, e os atacantes, demos. Calquera pode rastrexar que Rusia comezou atacando, pero antes Ucraína (e a OTAN) incumpriu palabras dadas, que antes había un conflito ás beiras do río Don coas dúas partes implicadas, rusos e ucraínos, que Rusia ocupou Crimea, onde xa tiña unha base nese territorio adxudicado a Ucraína na división da URSS, ou que, mentres Rusia corta o subministro gasista a Europa por Polonia ou o Báltico, aínda pasa gas ruso a Ucraína, ou aínda, que Europa lega pagado, dende que comezou o ataque a Ucraína, máis cartos a Rusia do que lle leva costado a esta a guerra. Botóns de mostra, entre sorprendentes e hilarantes se non fora polo que implican, de feitos que se pretenden ocultar e descartar ou ben magnificar e manipular por riba, ou ó tempo que os desastres da guerra. E iso por non mentar o que supón a guerra e as medidas tomadas en consecuencia para outras cousas, como a emerxencia climática.

    Hai tempo xa que a concentración que sigo, a de Ribadeo, vai case para trinta xoves ás oito da tarde diante da casa do concello, ven diminuíndo en número de asistentes. Nas últimas, mesmo sobraba algún dedo para facer a contaxe. Pero segue a facerse, segue a lembranza de que hai guerra, de que non debera habela e de que a paz constrúese. A historia desa concentración comezou cunhas poucas deceas de persoas a partir dunha convocatoria anonimizada, chegou rápido ó par de centos de participantes, e logo sufríu unha caída longa ata hoxe, na que a asistencia vaise mantendo, ímonos mantendo, de xeito irregular: algunha vez falta alguén das persoas habituais, algunha outra ven alguén que non soe aparecer outras semanas.

    Nas primeiras convocatorias escoitábase falar moito sobre o ataque ruso. Pouco a pouco, foron predominando e quedando en solitario os chamamentos á procura activa da paz, das paces en tódalas guerras, famosas e visibilizadas ou non, guerras con décadas de existencia ou recentes, aquela que están no seu punto álxido ou as que continúan de xeito larvado, sexan entre estados ou internas dun estado contra parte do seu pobo...

    Non, non é por Ucraína, senón por nós, que debemos seguir a lembrar que a paz necesita un traballo para preparar o ambiente.

20230110

A batalla do Ebro

Esquema sobre a batalla do Ebro. https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Ficheiro:Batalla_Ebro.png lic. CC BY SA 3.0 por PACO

A batalla do Ebro

    Pouco sei da batalla do Ebro, importante eixo de operacións na guerra civil española. Entre ese pouco, está que foi unha batalla de desgaste, con capítulos como a tentativa de cruce do Ebro de soldados da República que non sabían nadar (en xeral), uns quilómetros río abaixo dun encoro controlado polos sublevados, e que rematou en desastre, como -visto dende agora- era previsible.

    Entendo que o desenvolvemento inicial da batalla xurdiu sobre o terreo, sen unha planificación xeral previa no sentido de aproveitar a liña da fronte como vía de desgaste do inimigo, pero despois foi aproveitado por unha forzas que estaban a ser fornecidas de material bélico polas 'potencias do eixo' que provocarían a segunda guerra mundial. Fronte a esas forzas, estaba unha República sen colchón externo de ningún tipo, que poucas armas puido mercar, literalmente, a prezo de ouro, a sumarlle o desgaste da división interna, e que rematou exhausta, o que propiciou a perda da guerra.

    Viñéronme á cabeza estas ideas xerais a conto da guerra na Ucraína. O mesmo que no golpe fascista que se deu en España, na Ucraína, Rusia tiña pensado rematar en pouco tempo a invasión, uns poucos días. E o resultado non está sendo así, o mesmo que non o foi en España.

    O mesmo que en España, onde se rematou librando en certo xeito unha guerra por delegación, na Ucraína inicialmente as forzas ucraínas, pero logo tamén as rusas, están a recibir material estranxeiro, sexa máis ou menos doado (Ucraína) ou mercado (Rusia).

    Evidentemente, hai máis paralelismos, pero tamén moitas diferencias, comezando polo feito de ser nun caso unha sublevación militar contra un estado democrático e noutro unha invasión, ou, noutro aspecto totalmente diferente, que en España o intercambio económico daquela co estranxeiro era máis ben escaso, e agora tanto a Ucraína como Rusia son subministradores de materia primas a escala global, abondo como para distorsionar os mercados mundiais como está a suceder, en parte, por ese motivo.

    Volvendo ó comezo, o desgaste. Máis aló do mando actual do 'xeneral inverno' na zona, que a máis de implicar unha certa diminución nas operacións militares está sometendo á poboación ucraína a unhas condicións invernais difíciles de soportar, os fluxos de subministracións de Ucraína a fóra, como os de cereais, están a verse moi dificultados e implicando unha suba no prezo de determinados alimentos, mentres a Rusia non lle resulta moi difícil desviar as súas exportacións de hidrocarburos a outros países, máis aínda coa 'colaboración desinteresada' dos EEUU tirando da UE para que lle compre hidrocarburos máis caros, elevando con elo o prezo desas materias primas e a caixa de Rusia. De xeito evidente, é máis complicado, pero esas son as liñas xerais.

    Por outra banda, o material militar está sendo consumido de xeito rápido, e a UE, como subministradora e subvencionadora principal sufre ese desgaste, ó tempo que Rusia, tamén o sufre, pero necesita menos tirar das subministracións doutros países, como Turquía (a quen, por certo, se lle leva dando largas varios decenios para a súa entrada na UE, cun aparente cansazo do tema xa hai tempo) pois ten unha industria militar potente propia.

    Así as cousas, todo leva a unha guerra, que máis aló da inxustiza propia de toda guerra e das supostas causas desta en particular, é un desgaste de competidores adxuntos ós grandes xogadores mundiais. Por unha beira, os EEUU, coa delegación de axuda na UE, que é quen sufre as represalias rusas, e pola outra, China, animando a Moscú e facéndoo caer máis nas súas redes. 

    Falábase hai algún tempo de mundo multipolar. Si, parece que cada vez máis, pero ó tempo, os grandes teñen como tradición non deixar medrar ós pequenos, e cando os pequenos logran ser grandes, seguen coa tradición, esmagando ós que son máis pequenos (aínda que antes fosen grandes, como os países da UE).

    Vivir para ver? Neste caso, está visto na historia moitas veces antes...

20220404

Botín de guerra

    Procuro non mirar constantemente as novas da guerra. Tentar desactivala no que poda, edificar a paz, si, pero absorber unha tras outras as miserias humanas que se manifestan nunha guerra é nocivo, é instaurar a guerra no noso propio corpo, no noso propio ser. Aínda así, de cando en vez escoito ou paso os ollos por diante de noticias de guerra. Non de partes de guerra, senón en xeral. E non de calquera guerra, que a guerra coa que nos están bombardeando agora ten unha serie de nomes asociados: Ucraína, Putin, Rusia, Zelenski... Para min, ten xa un nome máis: muller.

    As atrocidades diversas de tódalas guerras impactan, e tentar clasificalas parece unha labor inhumana, de colaboración coa propia guerra. E esa clasificación coido pode variar coa guerra ou a época na que se desenvolve. Mais como guerra, fixo que hai algunha constante. E unha delas está asociada coa parte que leva a muller nas guerras.

    'Nesta', na guerra na Ucraína, sabemos que saíron xa millóns de persoas do país, tentando refuxiarse en Europa. Nunha Europa que di que vai acollelas de xeito dilixente mentres no Mediterráneo segue a morrer xente e mesmo algún país traizoa a cidadáns seus no deserto do Sáhara axudando coa escusa de evitar recibir máis inmigrantes. Ben, pois esas persoas que fuxiron a Europa son mulleres e nenos: os homes non poden saír.

    Nesta guerra sucédese a desinformación, pero non cabe dúbida do sufrimento da xente. Hoxe, con minutos de diferenza, xunto unha noticia na que unha ucraína tería sido violada a punta de pistola por un ruso -unha violación máis-, con outra na que outra ucraína é atada indefensa a un poste co cu ó aire no medio dunha cidade despois de ser violada e ante a indiferenza dos transeúntes -unha muller máis-. No primeiro caso, a muller estaría gorecéndose cunha crianza nun grupo nun soto, pero ante as armas, pouco que facer, como se o ser un acto de guerra variara moitas consideracións. No segundo, a muller sería unha 'terceira columna' do inimigo na poboación, como se encadrando o acto nunha guerra volveran variar as consideracións. En ámbolos dous casos, de ser home seguramente o sucedido sería diferente.

    É unha constante nas guerras. As mulleres son botín de guerra. Dende hai moito. Polo menos está documentado dende o mitificado rapto das Sabinas que deu pulo ó nacemento do Imperio Romano. Non son o único botín nin as únicas persoas prexudicadas, pero si unha constante que pasa por machacar ó máis débil. Sona, non? O típico acoso, que de ‘escolar’, o máis escoitado nos últimos tempos, pasa a calquera outra faceta, tempo ou lugar na vida: machacar a quen ten menos poder, está máis illado, vese máis débil. Segue a soar, verdade? E moitas veces, coa complicidade doutra xente, que se sinte poderosa polo feito de poder machacar a quen é máis débil. Revisa. Revísate.

20140830

Pensamentos lixeiros para agosto: pensando en lonxe de Ribadeo

    A foto foi tomada esta mesma mañá de sábado ne Ribadeo, no porto de Mirasol. Un par de camións adicados o transporte internacional a tres mil quilómetros da súa casa, en Ucraína. Alí, cóntannos, hai unha guerra. E antes, un golpe de estado, e actuacións de grupos paramilitares de ultradereita, e expresidentes que a pouco de deixar o mando son acollidos na cadea, e abondo máis que se foi configurando como habitual dende que se formou este estado a partires da URSS, como o máis importante despois de Rusia.
    Coido que habería que dicir abondas cousas sobre a 'crise ucraína' despois das evidentes campañas de desinformación duns e outros, pero esta mañá, ó pasar por alí, o que se me ocorreu foi tentar poñerme no lugar dos camioneiros ante un conflito que o teñen que ter presente, no que están involucrados, e, ó tempo, a tres mil quilómetros. Unha conexión Ribadeo-Ucraína a traverso das súas cabezas. Intenteino, pero ninguén me poderá dicir nunca que o conseguira. Todo o máis, poderáseme dicir que seguramente nin me aproximei.

20230215

Que guerra?

Que guerra?

    Facendo un repaso, atopamos a guerra na Ucraína (entre a Ucraína e Rusia, lembramos) como a máis potente a nivel noticias mundo adiante. Mais non é a única que se libra con armas convencionais. De calquera xeito, hoxe as guerras que se fan con armas 'de fogo', con mortos que se poden fotografar cunha ferida de bala, e que se transmiten nos medios como guerra, son as menos. Pouco se fala da guerra a través da internet para conseguir dominar ó declarado como inimigo sen disparar un só tiro, por moito que de cando en vez aparezan titulares indicando que un ou outro país está detrás dun ataque ó funcionamento de determinada infraestrutura ou actividade dun terceiro. Ou das guerras económicas, na procura da asfixia dalgún grupo por falta de financiamento ou por non permitirlle acceder a recursos, (aínda que produzan mortos que non son noticia) como o caso dos EEUU e Cuba, ou a guerra económica solapada agora mesmo coa de Ucraína e Rusia, co resultado secundario do acaparamento de gas por parte de Europa que asfixia a países do terceiro mundo. Aínda así, hai outros tipos de guerra, a máis deses, ao que parece...

    Hai pouco, nun xornal asturiano, atopeime cunha carta ó director que titulaba 'Morte ás empresas!'. Como o título me chamou a atención, pasei ó contido. O contido, no que aparecía o goberno insípido desabrido inhóspito comunista terrorista de España, tróuxome á cabeza varios temas relacionados coa economía, a sociedade e o medio no que nos desenvolvemos. E si, nesa carta, aparecía tamén o termo 'guerra': "guerra contra as empresas" (iniciada e protagonizado polo goberno, enténdese). As verbas aguantan todo, e isto tamén, case o mesmo día que outro empresario, tras unha referencia semellante contra o mesmo goberno, non se explicaba os beneficios récord que obtivo a súa empresa.

    A carta-diatriba á que me refiro corresponde a un tipo de matonismo, e está inserta nun chamamento ó combate interno nunha sociedade: esa é unha chamada para a rotura, e que gane o máis forte, que resultará a maioría das veces o que ten máis recursos de todo tipo. É a mesma táctica que se empregou dende tempo inmemorial para machacar a un inocente designado contrario cando alguén se cre seguro e superior, pensando en que as ganancias posteriores superarán as (súas) perdas iniciais -por suposto, que os outros, vistos como perdedores, non podan dicir o mesmo, non importa-. Seguro, porque se non, non atacaría, e superior, porque atacar a iguais non é 'ético' (debido ós perigos que acarrea). De aí que non sexa o común que os corruptos se ataquen os uns ós outros tomando como base a súa corrupción, sendo máis doado que cooperen nela. E de aí que, quen se sente seguro economicamente e superior por considerarse independente de estado e sociedade (como se as empresas viviran illadas dos clientes e non se beneficiaran das estruturas artelladas a través de entidades sociais) se dea o gusto de desbarrar protexido en modo abuso mesmo fronte a entidades teoricamente poderosas como o goberno. E lembrar, sen defender todas as accións gobernamentais nin moito menos, que o goberno, debido a accións anteriores (e sobre todo, de gobernos anteriores) vese atado en moitas ocasións.

    É así que quen se cre seguro pode desenvolver unha sensibilidade ó agravio por outros, pero desentendéndose do inflixido por el. Unha mentalidade que se dopa entre iguais, entre quen sente algo semellante e fai que o propio constrúa e constitúa un mundo aparte, onde o que conta son 'eles' ('nós'), e o resto, sinxelos 'recursos' ó seu servizo, recursos dos que teñen o poder e mesmo o deber de aproveitar ó seu favor, sexa auga, vento ou xente.

    Unha nota final: está demostrado que toda guerra é mala... e que a aceptación dun resultado electoral depende da aceptación dos outros (como iguais). Non esperes que outro acepte as túas decisións se non te ve como igual.

20230420

Do descontrol do mundo

Do descontrol do mundo

    Vai bo día. É dicir, o que se lle chama hoxe en meteoroloxía bo día, co ceo despexado e tranquilo, moita luz e temperatura agradable, vento suave... En Ribadeo, día de mercado, cun bule bule normal, e as típicas relacións da xente na rúa, nos comercios, nos bares, incrementadas respecto a outros días polas persoas que baixan mercar. Imos cara ó verán, os días medran e ata parece que o espírito ‘é máis’. Estamos falando na pequena escala dun pobo galego nun momento determinado.

    Se collemos algún tipo de medio de comunicación, dende o papel a internet, pasando pola radio ou a televisión, a cousa pinta diferente, tanto pola escala temporal das noticias como pola súa escala espacial. E non fai falta mirar á natureza, co cambio climático e os efectos sobre a seca ou a temperatura, ou á contaminación, de plásticos a produtos químicos pasando por ruído ou ata por luz, ou a escaseza de recursos, ou a mala distribución, de alimentos e tamén de poder. Chega con mirármonos uns ós outros, a propia xente entre nós e de forma grosa, de sociedades ou estados en conxunto.

    Escoitaremos que China vai entregarlle armas a Rusia, agora xa á vista, sen ocultación, par usar na guerra da Ucraína, esvaecendo así a neutralidade que esgrimía mesmo para propoñer un tratado de paz. Mentres, en ‘occidente’ clámase contra esa entrega, deixando á beira sen pudor a propia entrega de armas e información á Ucraína. O conflito escada, pouco a pouco, e de pouco serven as semellanzas históricas con períodos pasados para frear o avance non dunhas ou outras tropas, senón da destrución. E iso dende unha causa que se clama como tal por algúns ou doutra causa reclamada así por outros, ou mesmo por outras causas -mesmo esquecidas ou escondidas- que non se reclaman, pero que o son máis cas reclamadas por uns ou outros.

    Onte botaban na tele ‘Tora, tora, tora!’, película sobre o ataque a Pearl Harbour que deu pé a que os EEUU entraran na guerra do Pacífico despois de entrar xa efectivamente en guerra contra Alemaña, converténdose así as guerras que viñan desenvolvéndose nunha única guerra mundial con só uns poucos países neutrais. Mais a película céntrase nun relato novelado e épico, e elude todos os feitos previos, que son moitos e que representan unha escalada, como calquera pode colixir, sen ir máis lonxe, na Galipedia (https://gl.wikipedia.org/wiki/Segunda_guerra_mundial). Remexendo nos anos anteriores, hai quen di que a segunda guerra mundial comezou non coa invasión de Polonia en 1939, senón case dez anos antes, en Asia, cun pequeno conflito e foi medrando ó tempo que xurdían metástases ata chegar ó conflito xeneralizado. Ás veces, abondaba cunha mera declaración dun político secundario dun país tamén secundario, ou unha nova de prensa apoiando a posibilidade dun cambio de postura do país para dar un pasiño máis cara á guerra mundial.

    Do mesmo xeito que nos anos trinta do século pasado non había drons dirixidos dende unha poltrona dunha oficina nalgures lonxe de onde depositan a súa carga mortífera, mesmo con axuda da intelixencia artificial, tampouco había constancia instantánea vía satélite dos posibles movementos de tropas, nin armas atómicas, nin mísiles que as portaran ata as antípodas se é necesario. A guerra era mundial porque se estendía polo mundo adiante, pero loitando en frontes, mentres na actualidade a posibilidade é que non haxa frontes, que o fronte sexa a túa propia casa, a miña e a de Igor Vasilenko se existe, onde queira que viva. Todos, en conxunto, e ó tempo.

    O que si había era escalada. Coma hoxe.

20220227

De Ninguén a Don: compañeiros de viaxe, ecoloxistas e outras composturas

De Ninguén a Don: compañeiros de viaxe, ecoloxistas e outras composturas

    A guerra sempre é mala, mais se a hai é porque hai quen a considera un mal menor.

    Na escola estudei Dniéper, Dniéster e Don como os ríos que corrían cara ó mar Negro no que daquela non sabía territorio Ucraíno. Mais Don, ten abondo máis significados que o nome do río. De habilidade a concesión, pasando polo tratamento de respecto, sexa de xeito debido / ganado ou indebido / roubado, herdado, semellado por impostura ou outras posibilidades. E, en moitos tratamentos administrativos, emprégase o título de 'Don' (ou dona) por defecto para calquera persoa. Pode que por iso, para aproveitar o que se interpreta como contraste, haxa quen use a expresión 'Don Ninguén' para remarcar que hai persoas que non se teñen que considerar por moito que poñan algún tipo de Don diante, ou sinxelamente, que poden non considerarse. Entendámonos: non é que non se consideren persoas, é 'como se non se considerasen'.

    Hoxe están literalmente de moda as novas sobre a guerra de Ucraína. Que si Putin, a OTAN, incumprimento de tratados, imperialismo, fascismo, a economía... Cinguíndonos a Rusia e Ucraína, rondan os douscentos millóns de persoas. Pregúntome cantas delas estaban hai, poñamos, un mes, traballando para que houbese guerra. E se precisamente son elas as máis prexudicadas pola guerra. Claro, unha vez comezada a guerra, xa non é tan doado a todos eses millóns saír dela, deixala atrás, ou á beira, zafarse como se nada: o normal é que quen queira facelo sexa considerado como traidor a quen, quen tén agarrado o mango, di que son 'os seus'.

    E iso ocorre en tódolos campos, con moitas guerras que parecen máis incruentas, ben porque non se ven as mortes ou a dor tan cerca no tempo ou no espazo, ou nas noticias.

    De aí que me considere un Ninguén, sen nin tan só o don diante. Iso si, un Ninguén como moitos outros millóns de ninguén. Mesmo os Don son tamén Ninguén, forman parte desa constelación de ninguén que somos as persoas no mundo. Do mesmo xeito, todos somos Don, pois a todos se nos debe respecto. Pero, para non caer na tentación de crer que ese respecto é un privilexio, ou de usalo como arma, o ser ninguén Ninguén, está ben. Un ninguén máis.

    Ser persoa (coma ti) implica ter moitos compañeiros de viaxe neste mundo, queridos ou non, de ideas parellas ou opostas, pero compañeiros na sociedade. Aí está o intríngulis de quen cre que quere cousas diferentes ás que ti: o facerte crer que estás illado, que non tes contigo máis que a algún despistado e a quen por unha ou outra razón, é difícil que te diga ‘non’. Porque illado es tan pouca cousa que non es ninguén. Mais, Ninguén, pensa que si hai xente coma ti, aínda que non os vexas ou non os identifiques. En relación a unhas cousas, serán uns. Respecto a outras, outros.

    Quen vai parar o quecemento global ou a contaminación? Os ecoloxistas? Necesarios, si, pero sós, non. Os Don? Cos seus intereses inmediatos, non. Entre todos pode ser posible. Isto é, todos os ninguén, coas contradicións que arrastramos entre nós e internas a cada un, conscientes de que tamén temos intereses inmediatos, árbores que non nos deixan ver o bosque. E sabendo que ó final, tamén os Don son ninguén, tamén con moitas contradicións e poucas solucións a estas alturas. Iso, ou non se fará. Igual que para a paz somos necesarios todos, pero para a guerra, chegado un punto, fan falta poucos. Se houbera dúbidas, aí están os ‘botóns nucleares’.

    A sociedade leva poñendo regras dende que existe. Esas regras son cada vez máis complicadas. E non deberan, porque complican a vida. Pero se hai unha carreira cara á complicación, ó menos en parte é porque tamén se procuran cada vez xeitos máis artellados de saltar o espírito co que se constrúen. E iso non soe poder facelo un ninguén dentro deste sistema. Un sistema, como moitos outros posibles, inestable de por si, aínda que capaz de reproducirse se ten recursos. Se os ten.

    Aprecio a moitos Don. Pero non por iso deixo de saber que non deixan de ser, tamén, ninguén. Por sorte para todos. Por sorte para a humanidade.

Ninguén, un ninguén.

20221112

A guerra na Ucraína e o novo contexto internacional

      Onte asistín a unha charla sobre "A guerra na Ucraína e o novo contexto internacional", impartida na Casa do Viejo Pancho por Duarte Correa, que foi presentado por Farruco Graña. A pesar de que tanto o vídeo como o audio son moi malos, por se alguén quere remedar o non ter asistido e se anima, aquí quedan ambos. Primeiro, o vídeo da charla, do que faltan os dous primeiros minutos (e a curta presentación de Farruco). Logo, o audio da rolda de preguntas, e por último, o cartel anunciador.

    O vídeo:

    O audio da rolda de preguntas, que se pode escoitar aquí.
    E o cartel anunciador:

20240216

A emigración da paz

A emigración da paz

    Hoxe, cando escribo isto, é o último día de campaña electoral. Pasado mañá, 18F, toca votar, aínda que se pode pasar, como unha opción máis.

    Mañá, sábado, será día de reflexión e non quero interrompela. Ou sexa: se cando considere rematado este escrito xa rematou tamén este día, nese caso, o escrito non verá a luz en ningures ata luns 19. Así pois, irei ‘polo libro’.

    Mais o libro, ese libro, debe estar mal escrito. Resulta que en Ribadeo, tódolos domingos, vense celebrando unha concentración pola paz (12:30, nas escaleiras da casa do concello) da que tan necesitado anda o mundo. Tenta ser neutra no sentido de non chamarse nin a dereitas nin a esquerdas, senón de chamar a aglutinar vontades coa idea de que o importante é a paz, unha paz que hai que construír e para a que hai que poñer as bases. E, de feito, aínda que non soe ser numerosa, ven xente de decenas de quilómetros á redonda. Pídese permiso para a concentración semana a semana, e, para este domingo, eleccións, resulta que por ser un ‘acto político’ non foi permitida en Ribadeo, polo que se traslada a Navia, en Asturias. Alí non hai eleccións, logo pode pedirse a paz... Hai que emigrar para pedir a paz. Galicia, terra de emigrantes para ter futuro, agora tamén o é para poder pedir a paz.

    Non sei se pasará igual noutros lugares. Imaxino que en máis dun, si. Pero iso non quere dicir que sexa o adecuado, nin tan sequera, lóxico. Pode dicirse que iso de pedir só a paz para Palestina (así pode malinterpretarse o dicir do cartel da convocatoria difundido esta volta) é política de groso calibre. Por que non para a Ucraína, por exemplo, xa que foi o anterior ardor guerreiro animado polos medios? Por que a bandeira palestina e non a israelí? Poderíase argumentar que están en loita uns contra outros... Despois mesmo de ter sido reclamado un alto o fogo varias veces, con desestimación por parte do goberno israelí, ou de falarse a nivel ONU de masacre e xenocidio palestino, coido que o texto está xustificado aínda que opine que mellor ningunha referencia ningunha guerra, ou que eu non poñería a bandeira. Nin esa, nin a ucraína, nin ningunha. E non porque as bandeiras non sirvan ou porque estea contra delas, senón porque como símbolos poden dar lugar a malas interpretacións. E non fai falta máis alboroto, que xa hai de máis nas loitas múltiples ó longo e largo do mundo.

    Pero, indo ó feito sinalado no título: pedir a paz pode considerarse unha opción política? Non é simple humanidade? Manter esa postura, aquí e agora, non é raro -vai en liña con- que por estes lares siga vixente unha lei que amordaza as protestas, mesmo pacíficas, cando contrarían a algo ou alguén que ten poder para activala.

20220309

Non á guerra. Nota sobre a concentración en Ribadeo para o 10 de marzo

Dunha foto de Suso Fernández

     O próximo xoves, día 10 de marzo terá lugar en Ribadeo, diante do concello, a segunda concentración contra a guerra e a invasión da Ucraína polos exércitos rusos e pola paz mundial. 

    A primeira concentración tivo lugar o pasado día 3 de marzo con asistencia de máis de cen persoas e cóntase que na próxima se amplie ese número. 

    A convocatoria foi realizada por un grupo de veciños y veciñas, maiormente por redes sociais, e agora estanse a procurar contactos para extender as movilizacións polos restantes concellos de A Mariña e posiblemente crear unha plataforma aberta de libre inscripción, se hai persoas que o desexen, e se se prolonga a gravísima crise producida ca invasión da Ucraína. E sempre lembrando o risco real de extensión da guerra e do uso de armas nucleares, que podería dar ca extinción da especie humana.  

    Por este motivo convídase ás persoas interesadas a poñerse en contacto co grupo convocante (móbil: 669752495).


20220424

Estatísticas de guerra


 

Estatísticas de guerra

    Na nosa modernidade, onde os mortos son estatística, as guerras son transmitidas e visibilizadas tamén por ese medio, as estatísticas. E hainas que presentan un balance de tanques feitos anacos, avións derribados ou persoas mortas, sen necesidade de facer unha presentación gráfica, senón sinxelamente achegando números. Números que soen ser abondo diferentes segundo as fontes, que cada bando ten que manter a moral e presentarse como os bos do conto. Ás veces, mesmo parece como se se puidesen eliminar tanques sen dispararlles, ou disparar e causar grandes danos materiais sen 'vítimas civís colaterais'. O caso é presentar números. Números que complementan: para elevar os ánimos doutro xeito xa están as imaxes impactantes, moitas veces repetidas, que esquecen os números de estatísticas ós que irían asociadas, e mesmo ás veces esquecen que foron tomadas noutro lugar e tempo: estamos a falar de estatísticas ou de imaxes, non de veracidade.

    Ó tempo que as estatísticas e as imaxes da guerra saen fóra, tamén se poden producir estatísticas (e imaxes) dende fóra sobre a guerra. Ilustrativas dunha realidade máis achegada, máis nosa, se non estamos implicados directamente como sociedade librando a guerra. Estaba pensando en cousas como as estatísticas de número de asistentes ás concentracións pola paz. Estaba pensando nunhas concretas, ás que vou, os xoves dende que comezou a invasión da Ucraína. Porque se di invasión, non guerra, non?

    Volvendo ó tema, de xeito aproximado, en oito edicións da protesta que van, o primeiro día (xusto unha semana despois do comezo) a xente non se deu decatado -algo normal- e houbo que considerou que era pouca asistencia. O segundo a xente duplicouse. Polo que estimo un erro de táctica (o xeito no que se fixo ese segundo día) e coa colaboración do mal tempo, a participación comezou a baixar, semana tras semana, reducíndose na oitava edición -aúltima cando isto escribo- a só unha fracción da primeira vez.

    Vale... resulta que na segunda semana de guerra foi máis ou menos cando máis medo se pasou pola posibilidade dunha guerra nuclear. Logo, a cousa foi a menos. Tamén foi cando máis énfase se puxo nos efectos posibles da suba do gas, e aínda non chegara a disrupción mental que supuxo a entrega virtual do Sáhara, outra guerra máis. Despois a guerra foi relativizándose, non tanto en intensidade como en efectos sobre a nosa vida diaria. Con altibaixos, o temor nuclear cotiza á baixa, os combustibles fósiles baixaron o prezo 'á vista', a electricidade o mesmo, os refuxiados están máis invisibilizados polo momento e sen eleccións en curso que puideran axitar as augas, e así sucesivamente. Por exemplo, pasaron as máscaras (o poder quitalas, abondo máis que as comisións á súa conta) a ter unha importancia relativa maior que a guerra, que volve a estar lonxe. Iso explicaría a baixada de asistencia ás concentracións pola paz abondo máis que o que se podan convocar mellor ou que teñan un ou outro formato.

    De calquera xeito, as estatísticas poden servir para medir o impacto de algo. No caso da guerra, da invasión rusa de Ucraína, a máxima asistencia ás concentracións no noso concello, Ribadeo, situouse nun 2% da poboación do concello. Evidentemente, moita máis xente quere a paz (asumindo que non toda), pero, ata que punto se quere? Querer a paz non significa ter que ir, si ou si, a unha concentración, pero iso, a manifestación sobre o que se quere a paz, lémbrame o conflito entre Lutero e a Contrarreforma: a contraposición das concepcións relixiosas elucubrando sobre se 'a fe sen obras é unha fe morta' ou a idea 'dádeme obras, que eu vos darei a fe'. Por certo, contraposición que levou a unha longa e cruel guerra da que se aproveitaron outros intereses. Non, cando nalgueres hai guerra, remata afectándonos a todos, aínda que pareza lonxe.

20231217

A eficacia do exército israelí

A eficacia do exército israelí

    O exército israelí, dende a guerra dos seis días (polo menos) foi a envexa doutros exércitos do mundo. Un país pequeno convertido nun xigante bélico. Dende o de Gaza, xa non tanto. E non por cousa dos crimes cometidos, que baten marcas día tras día, senón por outras razóns, relacionadas coa mecánica guerreira.

    Dende antigo, sabemos o que di Sun-Tzu no seu 'Arte da guerra', que a mellor guerra é a que non chega a comezar. Aí, o primeiro dos fallos do exército estrela (como dixen, non só pola estrela de David da insignia israelí). Non evitou, a pesar da intelixencia, a célebre intelixencia israelí, o ataque. Vaia eufemismo: non se refire á IA, intelixencia artificial, que tamén usan nese exército, senón á espionaxe común. E xa no ataque, non puido opoñelo, co que tería evitado 1200 mortes/asasinatos a máis dos feridos. E despois, non evitou tampouco os douscentos secuestros/reféns. Antes, durante e despois, os feitos dan fe de que na prevención, sexa dende a espionaxe, nos medios de contraataque inmediato ou do que sexa, o exército israelí non funcionou como se esperaba del. E iso levou a un líder/xefe de goberno, acusado de varios delitos, a unha saída de un paso adiante, 'eu máis: póñome diante e tras de min todos os decentes'. Polo demais, unha saída típica para manterse no poder.

    Naturalmente, o anterior, en resume e visto como unha guerra e non como un ataque terrorista. Estou a coller os feitos tal como os presenta o goberno israelí.

    Segunda parte, a 'ofensiva-masacre' sobre Gaza, segundo a ONU, máis mortos nun mes (10 000) que nun ano na guerra ruso-ucraína, sobre un territorio menor que o concello de Vilalba. Resulta que acurrunchan á poboación, bombardean, matan... e non dan rematado a 'guerra' (que así a chaman...) nin evitado pequenos ataques terroristas de Hamás dende a franxa de Gaza. Por certo, nesta 'guerra' non se oe falar de 'danos colaterais'. Pode que porque a súa cantiade pareza indicar que os 'danos colaterais', neste caso, sexan os obxectivos militares e non a poboación civil. E resulta que están a usar a IA para escoller obxectivos, porque nas anteriores guerras (todas as chamadas así polo exército israelí) se lles acababan os obxectivos rápido. O ter potencia de fogo é o que resulta: faise o traballo rápido e quedan sen ter que facer, teñen que procurar máis. Algo tamén común, iso de procurar máis traballo aos exércitos.

    Coido que deberan usar a IA para ter a paz e non un futuro onde a falta de saídas, de futuro, para a xente de Palestina os condena a tirar para adiante de calquera xeito, mesmo da forma que está usando Israel, o terrorismo, a guerra.

    E, no medio, crimes de guerra, (i)lexítima defensa contra un estado que como tal non atacou. Estou collendo información de fontes da ONU. Por certo, un estado non recoñecido -por iso o de 'Autoridade Palestina'-, un non estado dende o punto de vista de Israel, e a pesar dos acordos de Oslo. Mentres, nada de guerra asimétrica nin nimiedades: ese conflito é terrorismo sempre, guerra cando nos din.

    Ante a rección internacional, da que cabería moito que falar, non sei por que se me ven á cabeza o Nobel de Obama, recibido antes de que chegara algún mérito na presidencia novelada pola que se lle concedeu. Antes, porque mesmo o recibiu sen ter comezado o mandato. Pode que se me veña á cabeza porque en ningún dos dous casos a xente e o sentido común tivo moito que dicir fronte ó poder de cartos e intereses diversos.

    E así vai o mundo. Seguimos? Sahara, Iemen ou Ucraína están na lista, con tantos outros lugares, con persoas esperando dun exército (aínda que non sexa tan poderoso e eficaz), unha bomba, unha bala como alternativa a un futuro a construír en paz.

20220322

Un papel en branco

Un papel en branco

    Isto non vai da Ucraína (nin de Siria, nin do Sáhara, ...). Vai de nós.

    As novas da semana pasada deixaron un pequeno titular que pode resultar chamativo: algunha persoa tería sido arrestada en Rusia por asistir a manifestacións pola paz portando nas mans un papel en branco. Si, o primeiro motivo das concentracións tería sido a protesta pola invasión da Ucraína, mais o titular centraríase no ‘papel en branco’, é dicir, en ter sido levadas á cadea por ‘nada’, un ‘nada’ resumido nun papel en branco.

    Mais a cousa non é así. Admite outras visións, un papel en branco é moito máis ca nada, e o portalo e ensinalo é un xesto que pode valer moito para a persoa e para quen o ve.

    Nun papel en branco colle todo, calquera cousa. Pode acoller todo. A liberdade das posibilidades. Mais necesita de alguén, quen o use, para poder ser algo máis aló que nada. En certo xeito, tamén é un símil. É igual ca paz, acolledora pero que necesita ser coidada, que está necesitada de acollida: o papel pode acoller ideas, tanto escritas como simbolizadas na súa brancura, mais necesita ser usado, un xesto humano, para acollelas. E é ese o motivo de ir parar á cadea: a defensa das posibilidades que leva consigo o alzar un papel en branco. A defensa da liberdade. Incluíndo a paz.

    E é que un papel en branco non é un cheque en branco. Pode selo, se se usa dun determinado xeito, pero tamén pode ser moitas máis cousas, dende un manifesto pola paz a un acordo vinculante. Por certo, vinme obrigado a incluír o de ‘vinculante’ porque parece que os acordos á vella usanza, de palabra, todo o máis co selo dun apretón de mans, sería no mundo actual equivalente ó ‘papel mollado’. Por outra parte, o mesmo que moitos tratados, acordos e dereitos internacionais que, se impresos, parece que poden servir para limpar algún cu.
 
    Volvendo ó branco, non deixa de parecer curioso que sexa usado como símbolo espiritual, de paz (e de inocencia e pureza) e ó tempo, como símbolo en rendicións en guerra (bandeira branca). Ó fin, pola rendición chegaríase á paz, aínda que sexa unha paz con diferente significado segundo que a interprete o bando rendido (que soe ser o atacado) ou o vencedor (que soe ser o atacante, que, consciente das súas posibilidades, meteríase ó ataque)...

    Está visto que a paz hai que construíla. Entre todos. Colaborando. En igualdade. Dia a día. En todos os lugares. Como un papel en branco que hai que encher do mellor xeito posible. Usando a imaxe do papel, é tan fráxil como rachable o papel: vale con que alguén queira facer a guerra, que considere a guerra como un mal menor, como unha alternativa onde ten pouco ou nada que perder.

    Pola liberdade de poder levar un papel en branco. Non esborranches o papel. Úsao para ben (e antes de que non te permitan alzalo, para poder seguir a facelo...).

20220315

Chamamento á paz dende Ribadeo

 

    O pasado día 3 de marzo celebrouse unha concentración de veciños e veciñas de Ribadeo para manifestarse contra a invasión de Ucraína polos exércitos rusos, e contra as guerras en xeral. A este acto asistiron unhas cen persoas. 

    O seguinte xoves, día dez de marzo, repetiuse a concentración cos mesmos obxectivos e asistiron perto de duascentas persoas. Nesta segunda concentración tamén participaron persoas que están artellando actos de solidariedade cos afectados pola guerra, recollida de alimentos, roupas e apoio en distintas necesidades. 

    O próximo xoves, día 17 ,celebrarase unha terceira concentración, ás oito da tarde diante do concello na que poderán participar libremente todas as persoas que o desexen e mesmo manifestar a súa opinión particular polos micrófonos dispoñibeis. 

    Asemade , o día 18, venres, as 20:00 h terá lugar unha xuntanza aberta a todas as persoas que o desexen no salón de actos da Casa do Mar para prantexar a posibilidade de crear unha plataforma con participación veciñal que se encargue de manter estas movilizacións, e se se considera oportuno organizar debates sobre as guerras, o fornecemento da paz mundial e este tipo de cuestións. Tamén se trataría de buscar a maneira de coordinarse con outros movementos semellantes que están xurdindo en outras localidades da Mariña ou da contorna asturiana. 

Evaristo Lombardero Rico

20250206

Concentración pola paz en Ribadeo, de novo: sábado 9 de febreiro de 2025

    Un día máis, pola paz. Pola paz no mundo, como cando a Igrexa convocaba nas igrexas a petición (pode que aínda o siga a facer...). Agora, dun xeito máis pesado polo xenocidio de Israel / Netanyahu pobre os palestinos, acompañado do goberno de Trump, pero sen deixar de lembrar ese outro xenocidio no Congo, ou tantas guerras da Ucraína ó Sáhara, pasando por Sudán ou Myanmar...

    Queda o cartel de Suso Fernández:
 

20231008

Concentración de pensionistas en Ribadeo (sábado 8 de outubro de 2023)

    Un novo primeiro sábado de mes, unha nova concentración pensionista en Ribadeo, da que subo o cartel e unha foto de Suso e o texto lido e comentado por Evaristo:


    O texto lido e comentado por Evaristo lombardero foi o seguinte:

Bo dia companeiras e compañeiros.

Hoxe imos tratar dous temas da actualidade. En primeiro lugar, o que falamos sobre a ubicación do novo Centro de Saúde que proxectan a Xunta de Galicia e o concello de Ribadeo fronte á estación de servicio, a un km do centro actual e do casco urbano. E despois, da manifestación das plataformas de pensionistas en Madrid o 28 deste mes. 

Pero antes quero dar conta ás persoas que lles interese de unha xuntanza do Foro Social da Mariña na que participei o pasado luns en Barreiros. Aínda que o tema non é específico dos pensionistas, moitas das persoas que participan nas concentracións e actividades de MODEPEN tamén participan nas concentracións pola Paz e se me permitides vou dedicar un minuto a este asunto por non convocar outra xuntanza; é só un minuto. 

Ben, a cousa é que na ultima concentración pola Paz que tivo lugar na Veiga o domingo 26 de setembro falamos de buscar contactos en outros concellos da mariña con persoas que puderan estar interesadas nestas concentracions xa que viamos que se estaban mantendo con certa continuidade e asistencia e eu quedei de chamar ao grupo do Foro Social da Mariña. E dado que tiñan prevista esa xuntanza en Barreiros o luns pasado invitaronme a ir alí. Había xente de Mondoñedo, Barreiros, Foz etc. Eu limiteime a contarlles o que eran estas concentracións pola paz e estiveron moi interesados. Aínda que tiñan outros temas que tratar, fixeronme moitas preguntas e amosaron moito interese. En resume, quedaron de vir algún á próxima concentración en Ribadeo o 29 de outubro e falaron sen concretar sobre a posibilidade de organizar unha charla e unha concentración en Foz o 24 de febrero, coincidindo ca invasión da Ucraína polo exército ruso, porque antes xa tiñan outras actividades programadas. Nada máis, so isto a título informativo.

Respecto do asunto do centro de saúde, tampouco é un tema que afecte directamente as pensións pero sen dúbida pode afectar as persoas de idades avanzadas, polo que imos ver. Como sabedes, en outubro de 2021 a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia anunciou que se propoñia construir un novo centro de saúde en Ribadeo, dado que o edificio do actual presentaba algunas deficiencias. Nos meses seguintes os representantes da Consellería e do Concello de Ribadeo tiveron varias xuntanzas, e finalmente acordaron construir un novo centro de saúde nun prado que hai en fronte da estación de servizo, onde se poñen habitualmente os circos e que queda exactamente a un kilómetro do centro actual e do casco urbano de Ribadeo. Con este motivo fixemos algún comentarios no grupo de whatsapp e acordamos xuntarnos para comentar o tema. Todos estivemos de acordo en que poñer un centro de saúde a un km do centro do casco urbano é unha barrabasada que afecta especialmente ás persoas de idade mais avanzada, que terán que ir andando ou en taxi ou depender dun familiar ou veciño para levalos, cando hoxe o centro de saúde está moi céntrico e a un paso da maioría das persoas residentes en Ribadeo. En consecuencia acordamos redactar un escrito cas cousas que falamos en aquela xuntanxza e que agora exponemos para ver se hai acordo ou ben se hai outras opinións ou propostas. Eu vou ler o escrito e como sempre queda o micrófono aberto para calquer opinión.

PUNTOS BASICOS QUE PRANTEXA O COLECTIVO MODEPEN DE A MARIÑA SOBRE O PROXECTO DE CENTRO DE SAÚDE DE RIBADEO – a discutir -.

1º Consideramos que o proxecto pactado pola Xunta de Galicia e o Concello de Ribadeo de trasladar o Centro de Saude do centro do casco urbano a un lugar tan alonxado como a estación de servizo é un ero histórico e vai traer graves inconvenientes para os usuarios e usuarias, maiormente para as persoas maiores. Entendemos que o Concello de Ribadeo debe reconsiderar esta decisión e buscar unha ubicación mais axeitada se non se decide reformar o centro actual.

2º Como todo o mundo sabe, a distancia entre o centro do casco urbano e a nova ubicación que se propón é de un kilómetro, que as persoas usuarias deberán recorrer a pé ou mesmo recurrir a un familir ou taxi cas correspondentes molestias e gastos que eso supón. Ainda máis: unha gran parte do percorrido transcurre por zonas de difícil acceso, cruces, rotondas etc.

3º Diariamente acuden ao centro de saude un mínimo de 50 ou 60 persoas para realizar análises, sintrom e outras probas, e tendo en conta as consultas e as visitas a urxencias, moitos días pasan das 700 persoas as que acuden a este servizo. Sen contar o incremento das tempadas de vacacións.

4º O concello de Ribadeo ten actualmente ao pé de 10 000 persoas censadas, máis varios centos non censados. Como mínimo o 70 % de estas persoas residen no casco urbano, pero as persoas que residen no rural, cando veñen ao centro de saúde non sendo por urxencias, soen realizar outras compras ou actividades, polo tanto estarán igualmente prexudicadas pola nova ubicación.

5º Ata o día de hoxe non se ten publicado ningún informe técnico onde se especifique cales son as deficiencias que pode ter o actual centro de saúde e porque esas non se poden correxir cas obras que se precisen.

6º En todo caso, se non se considerase axeitado reformar o actual edificio do centro de saúde, todos somos plenamente conscientes de que no centro do casco urbano hai abondos solares onde se pode ubicar un novo centro de saúde e os trámites para recualificar o solo e xestionar a sua adquisición son os mesmos que se precisan para levalo ao extrarradio como agora se propón. O mesmo se pode dicir das promesas verbais de crear novas dependencias ou servizos.

7º O noso prantexamento é de tipo social. E pensando nos intereses dos veciños e veciñas de Ribadeo e usuarios de centro de saúde, e non entramos en prantexamentos políticos que cadaquen fará pola sua conta según considere axeitado.

En resume, e como conclusión, solicitamos do concello de Ribadeo que reconsidere esta decisión e adopte as medidas administrativas axeitadas para atopar unha solución que sexa beneficiosa e non prexudicial para a veciñanza.

Da manifestación de Madrid suliñar que xa se ven falando desta posibilidade dende maio, na Unidade de Acción na que están a gran maioría das plataformas de pensionistas do estado español, e que en setembro acordouse poñer a data do 28 de outubro. O tema tratouse no consello nacional de MODEPEN do 6 de setembro e debatiuse abondo. Algunhas persoas comentaban que nesas datas non haberá gobernó e que lles parecía mellor retrasala aínda que todos estábamos de acordó en facela. Ao final houbo unha votación e saiu 14 votos a favor da facela o 28 de outubro e tres a favor de retrasala pero ningún en contra de non facela. O principal motivo de esta manifestación é lembrar que estamos aquí, que o movemento de pensionistas ten ainda moitas reivindicacións pendentes e moi importantes e que a movilización na rúa e a unidade son as nosas principais armas de loita e as que nos identifican como colectivo fronte a outros que fan mais fincapé na negociación ou en outro tipo de actividades. Ademais, temos a tradición de que as principais manifestacións do noso colectvo foron sempre por estas datas e antes da redacción dos presupostos do estado, e nós marcamos a nosa axenda e as nosas prioridades goberne quen goberne e con independencia do ritmo que leven outras actividades políticas como é a formación dun novo goberno. Ou no seu caso, de que haxa novas eleccións. Debendo suliñarse que a fixación desta data ten moito que ver coa nosa autoafirmación como colectivo independente e que as nosas actividades non están sometidas as prioridades ou decisión de partidos políticos, parlamentos etc. Vou ler o comunicado que deu MODEPEN que resume os pontos e os motivos de esta manifestación. Pola nosa banda temos que valorar a situación e ver as persoas que queren ou poden ir e os custos que nos vai supoñer e naturalmente como sempre o micrófono está aberta para todo tipo de opinións. O comunicado de MODEPEN di o seguinte.

MODEPEN

28 de outubro. Manifestacion en Madrid

Defende o valor adquisitivo da túa pensión!

A mobilización desenvolvida por milleiros de pensionistas desde 2018 conseguiu importantes avances:

1º.- A suba anual das pensións segundo o IPC, que supuxo un 8,5% en 2023.

2º.- O aumento do 15% das pensións mínimas e non contributivas.

3º.- A modificación do discurso sobre as pensións. Agora, acéptase que ao aumentar a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos sobre a poboación total, será necesario aumentar os ingresos do sistema público de pensións.

4º.- As pensións non contributivas, e outras partidas, pagaranse con cargo aos orzamento xerais do Estado.

Mais aínda, temos reivindicacións pendentes: 

1ª.- Garantía de que ningunha persoa pensionista perciba menos do salario mínimo interprofesional (SMI), actualmente 1080 €.

2ª.- Eliminación dos coeficientes redutores da xubilación anticipada para as persoas que cotizaron 40 ou máis anos.

3ª.- Derrogación da Lei de promoción e impulso dos plans de pensións de emprego para impedir o desvío de cotizacións sociais da Seguridade Social aos bancos, fondos de investimento e compañías de seguros.

4ª.- Realización inmediata da auditoría das contas da Seguridade Social aprobada no Parlamento español e que debera estar finalizada en xuño de 2022.

5ª.- Derrogación das reformas de 2011 e 2013 e recuperación da xubilación aos 65 anos.

6ª.- Aprobación de novas medidas legais, a curto prazo, para rematar coa fenda de xénero:

• Mulleres e homes: a igual traballo, igual salario, igual pensión.

• Incremento da porcentaxe do haber regulador percibida como pensión de viuvez.

O 28 de outubro viaxaremos a Madrid para participarmos nunha manifestación unitaria de todas as plataformas do Estado español en defensa da suba das pensións segundo o IPC real e de todas as reivindicacións pendentes. Participa!

GOBERNE QUEN GOBERNE, AS PENSIÓNS PÚBLICAS DEFÉNDENSE!!!

20240207

De paz e outras cousas

    A masacre de Gaza xa ten reemprazo nas novas: as revoltas de agricultores, primeiro en Francia e agora tamén en España, conseguiron o relevo, ao menos parcial, nestes momentos. Non importa que se estea a obviar o meollo da cuestión e se estea polo tanto, a desinformar. O caso é que xa hai substituto para que os palestinos podan ser masacrados en silencio, o mesmo que a falta de atención sobre a Ucraína está levando á falta de axuda occidental nesa guerra, de xeito independente das sinrazóns da mesma.

    Por iso, para evitar o noso propio esquecemento, son tan convenientes as manifestacións conxuntas, de xente que pensa relativamente parello e a base de apoio mutuo fai que as xuntanzas rematen sendo de amigos. Así ocorre co caso das xuntanzas de pensionistas, primeiro sábado de mes, 12:00 en Ribadeo, ou, a poucos metros de distancia, as xuntanzas pola paz tódolos domingos, 12:30.

    Ás veces non vou, que a vida leva por outros derroteiros, pero teño claro o seu valor. E aproveito para a súa lembranza aquí, de mans doutra xente, boa parte das veces, de Suso Fernández coas súas fotos. Aquí queda pois a lembranza das dúas concentracións desta fin de semana en Ribadeo:

    Concentración de pensionistas 20240203: Audio e dous momentos do acto.

 



    Concentración pola paz 20240204:



20230927

A guerra non quere quedarse soa. A paz non pode facelo.

Comparativa de imaxes na NASA no Dominio Público

 A guerra non quere quedarse soa. A paz non pode facelo.

    Na última (ata o de agora) asemblea pola paz celebrada entre xente do Occidente Astur e a Mariña Lucense lembrouse un tema sobre a descrición da guerra mundial continua. Coido que dá abondo que pensar, acéptese ou non o de 'mundial' e o singular (en varios sentidos) dunha guerra continua.

    Como anécdota, a asemblea tivo lugar diante do concello no que dous días despois se reuniron os Presidentes de Asturias e de Galicia. Pódese ler entre liñas o comunicado ou as entrevistas pertinentes, mais dubido que se poda atopar o tema da paz entre o tratado na xuntanza, aínda que a guerra teña influencia a través de múltiples recovecos.

    As concentracións e asembleas pola paz comezaron en Ribadeo coa invasión da Ucraína, mais dende o comezo mantívose o 'pola paz' primeiro, e por se non se entendera, o 'non á guerra'. Hai un rexeitamento á guerra, claro, pero coa conciencia de que é a paz o que hai que construír, o positivo, antes de poder rexeitar o negativo, a guerra. Antes, para evitar conflitos que den lugar á guerra. Mais tamén durante, para, se hai guerra, tentar parala. E despois, para reconstruír a normalidade. Por iso pódese dicir que a guerra non quere quedarse soa, mais a paz non pode facelo. A guerra non xurde de xeito espontáneo, senón seguindo unhas causas na que a humanidade vai perdendo importancia en favor doutras cousas como o poder ou os cartos. A guerra necesita esas causas, necesita non quedar soa. Polo contrario, a paz podería quedar soa no sentido de que a paz funciona. Pero ese 'quedar soa' implicaría tamén quedar desamparada, cos medios, os cartos ou os intereses de diversos tipos desequilibrando a balanza, desequilibrando a paz. E iso é o embrión da guerra.

    Non penses agora se os ucraínos teñen máis ou menos razóns que os rusos. Só con ler un par de soflamas de Putin e Zelenski chégase á conclusión de que eles non teñen razón, e os seus pobos (así, 'seus') teñen que posicionarse entre dúas posibilidades que só poden clasificar entre mala e peor. O mesmo pode dicirse do estado de Israel e a 'autoridade' palestina, e máis canto máis tempo pasa e por máis que a asimetría en danos inflixidos (á poboación, non tanto a 'estado' e á 'autoridade') sexa evidente. De xeito semellante para outros conflitos, guerras, sublevacións (= guerras internas), terrorismo (≈ guerra asimétrica), 'guerras de baixa intensidade', etc.

    Ó final, o mesmo que as guerras (a guerra, sexa nun ou outro lugar, nun ou outro tempo, entre unha ou outra xente) son provocadas por unhas causas dirixidas por uns intereses, e teñen unhas consecuencias en xeral afectando de xeito máis negativo a quen menos quere a guerra, tamén axudan a alimentar outros conflitos e emerxencias. As guerras fan dano a todos. Sexa un maior menoscabo na loita contra o cambio climático, a menor posibilidade de aproveitamento de recursos e o seu malgasto, o incremento de problemas medioambientais, ou o deixar os problemas sociais a unha beira para poder 'atender' máis á guerra, o dano transmítese. E iso, aínda que quen se lucra con elas, ou adquire mediante elas un poder máis absoluto, ou se beneficia doutras moitas formas, crea que 'para el' (ou ela) as guerras / a guerra son boas..

20240627

A paz, asignautra pendente. Domingo 30 de xuño

     Este domingo trinta de xuño, ás 12:30, no Cantón, lembra a concentración semanal pola paz. Esta volta, cun 'extre': encadrada dentro da mobilización estatal

    Lévase xa moitas semanas centrando o que alí se di en Palestina, sen esquecer Ucraína. Sudán do Sur, Afghanistán e outros moitos lugares fóra do 'radar' dos medios que por aquí nos prestan noticias. Iso si, cada vez se fai máis evidente, mesmo para os medios máis proisraelís, que a guerra de exterminio en Palestina é unha fuxida cara adiante dun gobernante que o que quere é manterse no poder. Sen sentido (como en xeral as guerras), suma o castigo á poboación civil e o seu exterminio no seu haber, anunciándoo ó mundo como o fin que persegue... E os intereses a certos niveis, incomprensibles para a grande maioría, fan que non teña prácticamente consecuencias para o gobernante. Nas nosas mans está, aínda que sexa en moi pequena medida, que isto cambie.



20240515

Xuntanza pola paz. A que vén, e a que foi

    Deixo a convocatoria da xuntanza pola paz deste domingo próximo en Ribadeo, xunto cunha referencia ás verbs ditas o domingo pasado.

    Guerras hai moitas, e semana tras semana lémbranse o Sahara ou Ucraína, mais o cartel está centrado en Palestina, onde hai tempo que a guerra ten dexenerado en xenocidio.

    A lembrar tamén que están a producirse diversas outras concentracións semellantes, como a que ten habido o día 6 en Foz e deixo o cartel ó final, de perioricidade nese caso, quincenal:

    Sobre a que foi domingo pasado, deixo unha foto previa do fondo e unha parte do dito na xuntanza, na que participamos 40 persoas:


    A gravación. Comeza coas verbas de Suso Fernández.

E o cartel da pasada xuntanza de Foz: