20111013
Lembranza dun profesor: don Juan Suárez Acevedo
Hai xa uns 13 ou 14 anos que gardo un artigo do profesor Juan Suárez Acevedo que lle pedira co gallo do 40 aniversario do instituto de Ribadeo. Queríamos facer daquela unha recopilación de recordos, historias e glosas do que foi para algúns a etapa máis feliz e importante das súas vidas; coñecer a pegada que deixaran as vivencias e os estudos no Laboral en todos aqueles xoves que viñan dos catro puntos cardinais para obter un título en Ribadeo.
Coñecín pouco a don Juan, pero foi o suficiente para recoñecer nel un sabio tranquilo e sosegado no falar, un intelectual efervescente, indómito e implacable na análise das cousas, e un inagotable e orixinal conversador en calquera faceta que a vida ofrece a través da súa experiencia.
Moitos son os que evocarán o seu recordo e a súa imaxe como profesor de historia, e moitos tamén os que o citarán como provocador dos seus estudos ou dos seus recordos de adolescencia, a fin de contas nos seus 40 cursos de docencia (como el mismo recoñece) pasarían polas súas clases uns tres mil alumnos. Primeiro como profesor encargado do ciclo de Geografía e Historia no instituto Ramiro de Maeztu de Madrid entre os anos 1945 ó 1949, e logo xa como Director do colexio de ensinanza media recoñecido santo Tomás de Aquino de Ribadeo ata a súa incorporación ó Instituto Laboral de Ribadeo, no que sería Secretario (1961), xefe de estudos (1965), vicedirector (1966) e Director a partir do ano 1970.
Da súa obra haberá mellores ocasións e estudiosos para analizala, pero todos chegamos a lelo avidamente nas súas colaboracións na Comarca que afunden as súas raíces nos finais dos 40.
Este artigo que presento resume facetas importantes sobre a ensinanza ribadense nos anos 50, das circunstancias concretas que favoreceron a creación do Instituto e tamén de moitos protagonistas que, como el mesmo, contribuiron á cultura, formación, educación e progreso do que hoxe representa non só Ribadeo senón unha parte importante da nosa sociedade. Amosa tamén cun par de humildes pinceladas parte do seu perfil como docente e das súas pretensións como persoa. Queden pois aquí estas súas palabras como rendido homenaxe a un profesor culto, honesto e intelixente.
Artigo de D. Juan Suárez Acevedo
20230123
Ribadenses destacados: ENRIQUE SUÁREZ COUTO. Lourenzo Fernández Prieto
Unha nova biografía de Ribadenses Destacados: Enrique Suárez Couto, por Lourenzo Fernández Prieto.
Enrique Suárez Couto (Matanzas, Cuba,1881-Ribadeo, 1923)
Agrónomo e director da Granxa-Escola Pedro Murias
Lourenzo Fernández Prieto
Catedrático de Historia Contemporánea. Histagra. USC.
Enrique Suárez Couto na súa corta pero intensa vida foi, entre outras cousas, o primeiro director da Granxa Escola Pedro Murias. Era fillo de Juan Suárez Casas, médico e zootecnista preocupado pola mellora agropecuaria e irmán de Carlos e Amando Suárez Couto. Casou con Panchita Acevedo, filla dun rico e influinte habanero devesán e foi pai de Juan Suárez Acevedo, historiador e docente formado na Institución Libre de Enseñanza. Despois de mariño mercante, Enrique fíxose enxeñeiro agrónomo, daquela unha nova profesión para a que seguiu estudos en Bélxica, Alemania e máis no Instituto Agrícola catalán de S. Isidro. Como todos os técnicos agrarios galegos da época que non foron estritamente autodidactos houbo de procurar a súa formación no estranxeiro, en ausencia de estudos de agronomía en Galicia e, en xeral na España húmida e atlántica, agás o País Vasco.
![]() |
| Monólito para dar o nome dos Suárez Couto a unha vía en Ribadeo. |
Persoa de ideoloxía liberal e posicións laicistas que o levaron a unha estreita relación coa Institución Libre de Enseñanza, estivo na dirección da Granxa até 1923, ano en que finou. A súa elección como responsable da institución eran congruente coa súa formación e experiencia, co sentido da Granxa e máis coa súa posición e a da súa familia na bisbarra. Na institución coincidiu brevemente con Gregorio Sanz, formado no Instituto Escola e contratado en 1922 para dar pulo a compoñente educativa e formativa do centro. O seu prematuro falecemento, con só corenta e dous anos, deu paso a un período de interinidade na dirección da Granxa que pasou a ser dirixida por Ramón Blanco, quen axiña pasaría a ser enxeñeiro da Sección Agronómica de Lugo e en 1945 Catedrático de Botánica da Escola de enxeñeiros de Madrid.
![]() |
| A Granxa Escola Pedro Murias nos primeiros anos. Foto tomada da exposición conmemorativa. |
![]() |
| Grupo de alumnos da Granxa Escola. Foto collida en http://culturagalega.gal/albumdaciencia/detalle.php?id=385. |
![]() |
| Os terreos da granxa, na actualidade. Vista Sigpac. |
Bibliografía:
CABANA IGLESIA, A., (2006b): O labor de experimentación e divulgación agronómica da Granxa da Devesa (1916-1936), Recursos Rurais, 1, 2: 67-74.
FERNÁNDEZ PRIETO, L. (1992): Labregos con ciencia. Estado, sociedade e innovación tecnolóxica na agricultura galega, 1850-1939, Vigo: Xerais.
OTERO, Telmo (2022): A transformación da agricultura galega no camiño da especialización leiteira: ruptura coa innovación labrega, industria láctea e modernización (1900-1980). Tese de Doutoramento en preparación, Programa de Historia Contemporánea. USC.
20170907
Festas patronais, sesión concello en espera dos fogos do sete
E as festas voltaron. Onte, mentres que a rondalla prevista para amenizar todo o pobo debeu entender que o pobo era unha tira de 150 m coa maior concentración de lugares de bebida, decateime de que cousa de media hora antes o alcalde fixo colgar na páxina do concello un bando:
A súa lectura, coa diversión por mandato, non pode menos que levantar un sorriso, misturando dito mandato con cousas abondo serias como a regulación horaria do ruído que, tamén 'tradicionalmente', se asocia ás festas. Mentres, esta mañá, abondo antes das oito, a descarga dos contedores de vidro e o ruído asociado parece non estar regulada neste concello, aínda que entendo que non se adapta ó horario de actividades que supoñen un ruído considerable.
O decreto anterior ven acompañando unha nota de prensa, que reproduzo embaixo:
Novas
PROLONGARANSE ATA O 9 DE SETEMBRO
Festas da patroa 2017
06/09/2017
O alcalde, Fernando Suárez, ven de editar un bando con motivo da celebración das festas patronais no que o rexedor desexa á veciñanza e visitantes uns bos festexos. O rexedor aproveita para felicitar á comisión organizadora polo traballo realizado e lembra que se establecen uns horarios máximos para o remate das verbenas co obxectivo de poder conciliar o dereito ao goce das festas co dereito ao descanso dos que viven nos arredores.
Fernando Suárez manifestou que "agora en Ribadeo nesta prórroga do verán que significan sempre as festas da patroa do noso concello, acabo de emitir un bando onde dalgún xeito, de maneira desenfada quero case que obrigar por decreto a disfrutar e a pasalo ben a todos os veciños, a todos os que aínda están por aquí de visitantes e a todos os amigos e amigas dos concellos próximos que sempre se acordan de nós, de vir a Ribadeo. Neste bando explicamos os días e os horarios".
O alcalde subliñou: "sobre todo quixera valorar e agradecer publicamente o intenso traballo que desenvolveu esta comisión de festas da patroa deste ano 2017, porque é un grupiño moi pequeno, sobran os dedos dunha man para contalos, e porque deron o mellor de si, cónstame, para facer as mellores festas posibles. Hai que destacar tamén o esforzo de intendencia e de apoio, e económico tamén por parte do Concello de Ribadeo que ademais estivo apoiado pola unanimidade de toda a Corporación Municipal, cousa que tamén é de valorar, de agradecer e de destacar".
O rexedor contou que "as festas practicamente empezan esta tarde con actividades para os máis pequenos, despois á noite cun grupo no Cantón, e durante esta longa fin de semana con actuacións".
Fernando Suárez lembrou que "este ano como todo o mundo sabe as festas da patroa recuperan o espazo tradicional, onde sempre foron e onde a demanda popular da xente nos indicou que se debería traballar para que volveran a este sitio".
O alcalde ribadense confía en que "todo funcione ben. Os horarios que temos autorizados son os que marcan as normativas. Hai tempo máis que dabondo para gozar e para conciliar o dereito a descansar dos que teñen que traballar e o dereito á troula e á esmorga dos que queren pasalo ben, que sen dúbida vai ser moita xente".
Fernando Suárez declara que "confiamos que entre todos teñamos unhas das festas da patroa máis importantes e atractivas dos últimos anos, por suposto sen desmerecer ningunha das anteriores".
Coido que se debe salientar a minguada representación que este ano constitúe a comisión de festas, que se sempre necesita que se lle bote unha man, este ano necesítao máis aínda, e entendo que o concello, que fixo que xermolara, está facendo esa labor. Ben ou mal, de xeito apropiado ou inapropiado, sería cousa de discutilo, pero xa que non antes, despois, non agora. Deixo unha cita curta da nota de prensa do concello do 25 de maio:
Ao fronte da comisión está Juan José Otero, como presidente, acompañado por Avelino Martínez como tesoureiro, e Inmaculada Fernández como secretaria. O alcalde, Fernando Suárez, e o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, acompañáronos na súa presentación pública. A carón deles haberá máis xente, que xeito anónimo lles botará unha man.
E, coma homenaxe a estes tres valentes/temerarios, inclúo tamén aquí a foto da presentación da mesma nota de prensa:
O de onte (día 6) non é o primeiro bando que o concello adica ás festas. Deixo embaixo outro do día 3, que da nota do pregón (nota do concello, sobre o pregón das festas) e coido que enche espazo co programa das festas, que non leva adxunto.Pregón das festas 2017
03/09/2017
A ribadense Celia Castro Fernández, que é catedrática de Historia da Arte na Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón, de Lugo, abriu o sábado as festas patronais de Ribadeo na honra de Santa María do Campo cun emotivo pregón, que acompañou coa proxección de fotos antigas. O acto celebrouse no Cine Teatro de Ribadeo e contou con numeroso público.
Antes da pregoeira interviñeron o presidente da asociación organizadora dos festexos, Juan José Otero, e o alcalde ribadense, Fernando Suárez, que destacaron o traballo que supón a organización desta edición das festas patronais de Ribadeo debido a que cambian de situación respecto aos anos anteriores para volver celebrarse no parque de San Francisco e no Cantón dos Moreno.
No pregón Celia Castro, nacida en Ribadeo, falou das súas orixes familiares no Valadouro e recordou a destacados ribadenses como Gregorio Sanz, Sor Pilar de León, Mari Paz Otero Aenlle, Enrique López Galuá, Amando Suárez Couto, Claudio Pérez Prieto, Leonardo Fernández Reinante, Manuel Fernández Reinante, Carlos Álvarez Fernández Cid, Manolo Cortés, Pancho Maseda, Luisita Coldeira, Juan Suárez Acevedo, Daniel Cortezón, Dionisio Gamallo, Suso Peña, Benito Prieto Coussent ou Leopoldo Calvo-Sotelo.
Despois do acto de lectura do pregón actuou a Coral Polifónica de Ribadeo, dirixida por Mª Carmen Rodríguez Cancelo.
O acto foi presentado pola xornalista e locutora Carmen Cruzado, directora de Faro Norte Comunicación.
O vindeiro mércores, día 6, dará comezo a programación das festas patronais 2017 co día infantil, con actividades para os máis pequenos a partir das 16:30 horas no Cantón. A charanga Os Charangos percorrerá ás rúas da vila desde as 18:30 ás 22:30 horas, hora na que dará comezo a actuación de Claxxon. Antes ás 20:30 horas no Quiosco da Música do parque de San Francisco presentarase o cuarto disco CD de José Pulpeiro Doval O Gallopín.
O 7 de setembro, véspera da patroa, ás 11:30 horas sairán os Cocos e Cabezudos desde a Oficina de Turismo, acompañados polo grupo de gaitas Illa Pancha. A partir das 19:30 horas haberá pasacalles a cargo do grupo de música tradicional Tirapadiante. E ás 22:30 horas empezará a festa verbena amenizada polas orquestras Gran Parada e La Ocaband. Ás doce da noite terá lugar a tradicional sesión de fogos artificiais no peirao.
O día da patroa, 8 de setembro, ás 12 do mediodía haberá misa solemne na igrexa parroquial de Santa María do Campo cantada pola Coral Polifónica de Ribadeo, seguida de procesión y despois concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo. Ás 22:30 horas comezará a festa verbena, que estará amenizada polas orquestras D´Moda e Venezia.
E o 9 de setembro das cinco ás sete da tarde no Cantón haberá actividades dirixidas polo persoal do Centro Deportivo Ribadeo Be One. E ás 22:30 horas empezará a festa verbena coas orquestras Nueva Fuerza e Alma Latina.
E, esta noite, os fogos do sete, ós que asistirá unha delegación de Loctudy, o pobo francés irmán (polo momento, máis por decreto que por outra cousa) de Ribadeo.
20131227
Adicacións
Algo así deberon pensar dende que a humanidade ten lembranza quenes lle puxeron nomes ás cousas. Quenes lle puxeron nome de persoa pero tamén quenes lle puxeron nome de lugar, do que tiña antes o lugar.
Faláronme xa varias veces dun movemento internacional que deu lugar a orientacións para tentar aproveitar os nomes de lugares e que non se perdese a toponimia por facer unha honra a persoas, que sempre poderían ser cambiadas segundo os gustos ou ideas do momento. Isas directrices en Ribadeo parece que queren ignorarse ante a lenda que aparece nunha conmemoración no Salón de Plenos: honra merece quen ó pobo honra. E velaí que entre hoxe e mañá van dárselle nome oficial a oito novas rúas e prazas, a maioría de persoas, como di o comunicado, "nomes de persoeiros ilustres de aquí de Ribadeo ou que tiveran un compromiso importante con Ribadeo e coas súas xentes, un compromiso con Galicia ou un fondo espírito humanista". Voltarán a poñerse sen referenzas que faga delas algo máis ca un nome vacío que sexa necesario encher cun libriño coma iste? Cánto tardará en facerse?
Novas rúas
26/12/2013Mañá, 27 de decembro, ás 18 horas será a inauguración da praza da Música. A Corporación quixo darlle tratamento oficial ao nome popular deste espazo desde hai uns anos. Ás 18:30 horas será o acto na rúa do Pipelo. Neste caso a Corporación quixo recuperar o topónimo do regato que levaba ese nome e que ía desde Ove ata o casco vello pasando polo lavadoiro dos Fornos. E ás 19 horas terá lugar a inauguración da rúa Antonio Rodríguez Darriba. A Corporación quixo recoñecer a labor e o altruísmo deste médico ribadense cos máis necesitados.
Xa o sábado, 28 de decembro, ás 12 do mediodía será o acto de inauguración da rúa Juan Suárez Acevedo. A Corporación quixo recoñecer a importancia deste destacado ribadense, profesor e intelectual humanista. Ás 12:30 horas desenvolverase o acto na rúa da Lodeira. Neste caso a Corporación quixo manter o topónimo deste entorno dándolle o nome á rúa principal. Ás 12:50 será inaugurada a rúa Irmáns Suárez Couto, aos que a Corporación quixo recoñecer o traballo e entrega ao mundo da cultura, da técnica e da innovación destes ribadenses egrexios. Para as 13:10 está prevista a inauguración da ría Irmáns Pérez Prieto. A Corporación quixo recoñecer o traballo, o fondo espírito altruísta e o sobranceiro galeguismo destes dous ribadenses egrexios. E os actos rematarán ás 13:30 horas na rúa da Illa Pancha. A Corporación quixo oficializar o nome nunha rúa dun marabilloso e singular espazo da costa ribadense.
20240804
Dámaso Alonso e Gamallo Fierros. Eduardo Gutiérrez
(Publicado o 31 de xullo no 'El Progreso' sen ligazóns)
Dámaso Alonso e Gamallo Fierros
Eduardo Gutiérrez
Un artículo de Xosé María Palacios sobre os oitenta anos da publicación de 'Hijos de la ira' de Dámaso Alonso pon no disparador as vivencias persoais sobre o famoso poeta e académico. A nivel íntimo e irrelevante, cando facía o bacharelato accedín na Biblioteca El Viejo Pancho ás 'Soledades' de Góngora na edición comentada por Dámaso Alonso, unha inquedanza localista, unha migalla extemporánea. Pero uns anos despois, da man de Dionisio Gamallo Fierros, formei parte da organización dos actos conmemorativos dos centenarios de Dámaso e Juan Vicente Alonso, ou sexa o pai e o tío do poeta, ambos naturais de Ribadeo, pois naceran no daquela número 2 da rúa do Hospital, hoxe Villafranca del Bierzo, onde se colocou unha placa cos bustos modelados dos irmáns, composta polo escultor Eduardo Rodríguez Osorio.
O programa de actos tivo lugar o 9 e o 10 de xullo de 1972. A redacción minuciosa e prolixa do programa foi unha desas tarefas que caracterizan o xeito e estilo diplomático de Gamallo, ao que non se lle escapaba ningún detalle: ao acto académico que se celebrou no Salón de Plenos do Pazo Municipal acudiron representantes do Instituto de Estudios Asturianos e o presidente da Real Academia Galega. Gamallo mesmo me suxeriu algunha colaboración para 'La Comarca del Eo' sobre os irmáns Alonso, para non aparecer el como único facedor, que o era realmente; o que sucedía era que comunicábase sempre por medio de cartas a man, que eran unha marfallada de textos, pois primeiro cubria o folio e incluía as postdatas, logo enchía as marxes do papel, e despois as lapelas do sobre, e houbo casos nos que no exterior do envoltorio, inxería rogos ao servizo de Correos sobre o itinerario para chegar á rúa da Trindade, onde eu tiña daquela o domicilio; concretamente cunha referencia á das Angustias que logo foi Antonio Otero e despois un treito de El Viejo Pancho, ou sexa unha brincadeira cordial.
Nese acto escoitei falar por primeira vez a Dámaso Alonso que respostou ás palabras do señor alcalde, daquela Antonio Rodríguez Fernández que presidía a Comisión, que era moi numerosa pois había Presidencia de Honor e Vicepresidencia, ademais da presidencia efectiva, secretarios por Ribadeo, por Galiza e por Madrid apartre de vocais por Ribadeo, un cargo que me correspondeu en representación da Agrupación Cultural Francisco Lanza, e co mesmo posto José Juan Suárez Acevedo representando ao Instituto de Ensino Medio do que era Director. Tiven oportunidade de escoitar brevemente, as axustadas, sentidas e concisas palabras do presidente da Real Academia Española, de viva voz, porque no libro de Dionisio Gamallo Fierros de 1948 aparecen como prólogo unhas páxinas de Damaso Alonso que titula 'Carta íntima', asinada nun avión voando sobre o Atlántico norte o 10 de febreiro de 1948. O volume é 'Páginas abandonadas. Del olvido en el ángulo oscuro' e figura a xeito de prólogo unha carta íntima de Dámaso Alonso, unhas liñas moi reveladoras dos traballos do ribadense para compoñer o 'Ensayo biocrítico apéndices e notas'. Dámaso Alonso destaca a teimosía investigadora de Gamallo. "Valiente Dionisio, con tu carterón que pesa tanto, que se te va quedando rezagado siempre, como un niño gordo que llevaras de la mano y te cansara de andar, con tu carterón tan preñado."
Volvín ter ocasión de escoitalo a finais dos oitenta do século pasado nuns singulares ágapes que organizaba Dionisio en agosto, co gallo do seu aniversario nese mes, unha ocasión única para a distendida conversa. Os convidados eran tantos como anos que cumpría, e sempre había no menú unha sobremesa moi doce, tan agarimoso como as nosas lembranzas.
20160808
ESCUDO DE RIBADEO (I). Francisco José Campos Dorado
Dado que me interesa o bo nome e reputación do meu pobo, como ó que máis, e que é un pobo culto e Vila Excelentísima, voume permitir algunhas observacións respecto dos escudos de armas de Ribadeo que contemplamos pola nosa vila.
Hoxe en día, a coroa condal substituíuse nos selos e logotipos oficiais do Concello por unha coroa real, quizais seguindo a “moda” doutros concellos que non tiñan escudo de armas e baixo o actual Reino de España o fixeron. Cremos que este disparate da “moda da xeneralización e da globalización” é un erro contra da ilustración e cultura do noso pobo, pois aquilo de “café para todos” afecta a nobreza antiga do señorío de Ribadeo pois tira pola borda e agocha no esquecemento a xurisdición de seis séculos do Condado de Ribadeo do alto medieval Reino de Galicia, moito máis antigo co baixo medieval Reino de España, e por suposto, un esquecemento de máis oito séculos si nos remontamos os tempos da xurisdición do conde Velez Montenegro.
O escudo de armas máis antigo que se conserva de Ribadeo é o da Capela da Virxe do Camín (foto 2), situado sobre a fiestra do Levante de dita capela e labrado nunha pedra de cantería de grao groso onde pouco a pouco se van esvaecendo as figuras: sobre ondas unha chave en pau (vertical) co paletón de gardas arriba mirando a destra. Na parte sinistra, vemos parte da bordura vertical do escudo cuadrilongo, separada do canto da pedra, cousa que no lado esquerdo confúndese. Desde sempre, temos oído e lido, que as ondas representan a condición do pobo de Ribadeo de ser vila mariñeira e porto de mar, e a chave por ser porta de Galiza, debido precisamente a esta condición de ser porto de mar, e non como se di agora, por estar na “fronteira” con Asturias, cousa que só ocorre desde os tempos de Carlos I (1517-1556) época na que se allearon, en venta do ano 1555, as terras da Pobra de Navia ou Terras de Ribadeo entre os ríos Eo e Navia, que pasan a ser de Oviedo, cando estaba de Conde de Ribadeo o Conde de Salinas. Como convento xurídico, polas Terras de Ribadeo do Concello de Roboredo, orixe do de Castropol, xa houbera discordia entre o bispo de Lugo e o de Oviedo en 1104, onde tivo que intervir Afonso VI (Ribadeo Antiguo, páx.64), pero o Condado de Ribadeo aínda chegaba o río Frexulfe de Navia en 1555, cando se fixo a venta de ditas terras (ibidem. páx.44)
Pois ben. Referente as ondas non cabe dubida do seu significado de porto de mar, pero en cambio, da figura da chave, cremos que existe outra interpretación tamén lóxica, e máis en consonancia cos privilexios que representan os brasóns heráldicos, que son descrición detallada da historia dos edificios e das institucións, así como, figuras que recordan feitos heroicos que algún guerreiro fixo para gañalos.
A capela da Virxe do Camín, ten unha cruz de Malta pometeada (con pomas ou círculos cheos nas puntas) (foto 3) no hastial (na parte triangular superior) da fachada de Poñente, a cal, parece estar dando noticia da presenza dos templarios en Ribadeo (ver artigo de José Mª Rodríguez, “Templarios en A Vilavella", tamén en La Comarca del Eo, 16-Xullo-2016). Se a capela, data da época dos templarios estamos datándoa no século XII ou no XIII polo que o seu escudo, tamén datará de entros anos 1100 ó 1300, polo tanto, moi anterior o reinado de Carlos I e ó antedito sobre a “fronteira”.
En 1128 no reinado de Afonso VII, Ribadeo era moi importante para o comercio da época pois contaba con 21 parroquias, e había unha densidade demográfica considerable. Fernando II, en 1183, eleva o rango de Ribadeo a Vila Real e outórgalle carta de Foro, quedando protexido da usura do señor feudal e ten privilexio de Carga/Descarga no porto comercial (ata o século XVI), así como, concédelle a posibilidade de organizar un mercado. Esta pode ser a razón primixenia pola que se di que o pobo de Ribadeo é Porta de Galiza, pola condición por aqueles tempos, de ser o porto natural marítimo comercial máis o Norte de Galiza e non por ser fronteira con Asturias.
Pero, por outra banda, o escudo de armas cuadrilongo da Virxe do Camín, está sobre unha das fachadas da capela, un edificio eclesiástico, e non sobre unha fachada dun edificio civil ou militar, cuxas armas serían sinais propias do cargo e carácter da dignidade civil ou militar da xurisdición.
Por tanto, a chave en pau (vertical) na fachada da igrexa, pode ser o brasón de dignidade que representa a Xurisdición dun prelado ou dun bispo con prebendas en rendas reais, cuxa sede mindoniense, por aqueles tempos, tamén estivo en Ribadeo (1199-1218). As chaves en pau, na simboloxía heráldica, son brasón de cabaleiros que teñen xurisdición como superintendentes de rendas reais (dúas chaves en pau coas gardas de costas, son armas de Ministro de Facenda, cos aneis rematados con coroa real). No caso de Ribadeo, Vila Real, quen exercía a xurisdición do reino era o bispo, pois era “señorío de abadengo”, ou sexa, porción de señorío e xurisdición real da que os monarcas se desprendían a favor de igrexas, mosteiros e prelados (ibidem páx.36) polo que supoñemos, o Bispo era quen cobraba as alcabalas (imposto sobre permutas e ventas) en vez dun Conde, que daquela aínda non tiña título de Conde de Ribadeo (Velez Montenegro?), senón que era “simplemente” o conde do distrito feudal que ¿viviría das rendas adquiridas das súas propias propiedades e non das do reino?. Así, polo tanto, a chave representa a dignidade do que ten potestade sobre a facenda ou dito en “roman palatino” sobre a “caixa dos cartos” da recadación da renda. Para apoiar esta hipóteses, da chave en pau como cargo real de xurisdición, hoxe cargo con dignidade civil en Facenda, vemos en Ribadeo, dúas chaves en pau e coas gardas de costas, nas armas dos Quirós, no primeiro cuartel do escudo esquerdo da fachada da Casa dos Miranda de Ribadeo, iguais, pois son parentes, que a segunda partición do escudo do Marques de Camposagrado do Pazo das Alas de Avilés, D. Gutierre Bernaldo de Quirós de las Alas y Carreño (ano 1590), alguacil maior de Oviedo con vara de rexedor... correxedor de Burgos e de Madrid, etc.
Pero como podemos ver, a chave está sobre ondas do mar, polo que o escudo de armas da Virxe do Camín, á nosa forma de interpretalo, é como un “sello” que representaba a alta distinción de XURISDICIÓN MARÍTIMA DO PORTO DE RIBADEO, cuxa facenda e alfándega era recadada e rexentada por un prelado ou dignidade eclesiástica que dependía do bispo mindoniense nos séculos XII, XIII e parte do XIV.
¿Hai outros indicios tan antigos, ou máis recentes, desta dignidade eclesiástica en Ribadeo? A resposta é afirmativa: Si, hainos. ¿E cómo chegou esta pedra armeira a ser o escudo de armas de Ribadeo? ¡Iso é outro anaquiño da nosa historia!
20170904
...e as festas foron pregoadas
![]() |
| O pregón dende o patio de butacas |
![]() |
| O pregón dende o galiñeiro. |
20161101
CASA BRASONADA DA RÚA TRINIDAD. Francisco José Campos Dorado
Empezando a baixar a rúa da Trinidad, no antigo Colexio das Monxas do Sagrado Corazón de Xesús das Fillas da Caridade, atopamos un moi elegante escudo de armas cuadrilongo e por abaixo lixeiramente en punta (foto 1). Corresponde a un clásico escudo español, timbrado cun casco de fidalgo antigo mirando a destra, en cuxa rella se lle contan catro grilletas, e o yelmo está rematado cun burulete en forma de crista ao que se cosen plumas formando un penacho alargado. O artista en realidade mesturou as formas dun casco medieval e un casco romano, e saíulle o que saíu. Guapo, guapo, iso si. Está labrado en pedra de cantería de grao medio, e consérvase en moi boas condicións. Pena, de non sacarlle de vez en cando as “herbiñas” que vai criando.
Como soportes, e simétricos a ambos lados, en xefe, hai uns cabos enroscados ou volteados, xeralmente chamados “xiras”, que continúan, cara á punta, cunhas grilandas vexetais, onde o ornamento ábrese en abanico nun sostén grilado con forma de labor de encaixe rematada con bodoques, compoñendo un conxunto de forma moi harmónica, bela e sinxela. Esta abeirado da choiva vertical por un arco de medio punto formado por dovelas moldeadas de cantería que configuran un estreito tellado. Non ten data de construción pero, polas formas do abeiro, debe ser contemporáneo do escudo de armas da Rúa Bispo Veres da Casa de Vior ou do escudo do Pazo do Xulgado que tampouco están datados pero que apuntan a ser da centena do século XVIII
O campo está cuarteado en cruz ou en catro cuarteis.
No primeiro cuartel, vese unha árbore cun can atado o seu tronco. Son armas dos Acevedo: en campo de ouro un acivro de sinople (cor verde) cun lebrel branco atado o tronco. // Tamén poden ser armas dos Quiroga, apelido da provincia de Lugo con diversidade de esmaltes no campo, mentres uns o describen de gules (cor vermello) outros o fan de azur (cor azul) e outros de ouro, e un lobo de sable (cor negro) atado o tronco, en vez dun lebrel de prata (arquivo de Dª Petra Arias de la Maza) (Blasóns e Liñaxes de Galicia, de frei José Santiago Crespo del Pozo)
No segundo cuartel, dous lobos pasantes enmarcados cunha bordura con oito aspas. Son armas dos Osorio: en campo de ouro, dous lobos pasantes desollados e postos en pau (andando sen pel e un sobre o outro) con bordura de gules con oito aspas de ouro // Tamén puideran ser armas dos Prieto: en campo de prata, dous lobos de sable (cor negro) pasantes e postos en pau, con bordura de gules con oito aspas de ouro.
Terceiro cuartel, un castelo sobre ondas do mar e rematado cunha cruz. Parecen armas dos Villamil, aínda que puideran ser dos Portela ou dos Suárez de Deza.
Cuarto cuartel, tres barras saíntes. Son armas dos Barreira, Barrera ou de la Barrera.
Facemos esta diversificación de apelidos e distincións en cada un dos cuarteis, debido a que non sabemos os esmaltes do escudo, polo que a interpretación xusta só pode levarse a cabo polos apelidos da familia do fidalgo ou pola súa árbore xenealóxica.
Recordemos un pouco da historia do edificio, para poder chegar a interpretar algunha das peculiaridades do escudo. O edificio foi propiedade do matrimonio Rego Rodríguez e Agrelo Barrera de Cedofeita. Alí estivo a sede do Circulo de Recreo, constituído en 1851, e coñecido sempre como o Casino. En 1911 compartía directiva común coa Sociedad Filantrópico -Dramática, en cuxo ano era Presidente da xunta D. Pedro Osorio López. Ese mesmo ano de 1911 desaparece o Casino e o local pasa a ser oficina de Telégrafos... en 1935 o reorganizado Circulo de Recreo tiña como Presidente a D. Manuel de la Barrera Rodríguez... (Sociedade-Ribadense (1900-1936) José Mª Lombardero Rico, 1999, pax.91-92).
En 1917, escolleuse esta fermosa e ampla casa da Rúa Trinidad para facer un colexio para nenas, onde aínda naquel momento, estaban as oficinas de Telégrafos e Teléfonos, as cales trasladáronse para outro edificio próximo da Praza da Constitución ou Praza de Abaixo, e onde a central de Teléfonos estivo ata a década de 1970.
Ó edificio do colexio engadíuselle a capela, en cuxa fronte se labrou outro dos tantos tipos do escudo de armas de Ribadeo que hai distribuídos por todo o pobo (foto 2). Este escudo de Ribadeo ten uns soportes que asemellan ondas dun mar encrespado que, al menos o noso parecer, forman belas molduras para ser talladas nunha métopa de madeira.
Por outra banda, podemos ler nas crónicas dos semanarios da época que a xéneses do Colexio das Monxas para nenas, foi iniciativa do cura párroco D. Ricardo Mª Amor Méndez aló polo ano 1917, que tivo o apoio do Sr. Bispo da diocese, D. Juan José Solís, que o patrocinou con medios económicos. O Colexio foi deseñado para impartir instrución elemental completa na educación da muller: “para que saiban desempeñar ben e concienciudamente a difícil misión a que están chamadas a exercer na vida. Ademais abriranse clases de corte, debuxo, pintura, música, francés e mecanografía, procurando así, que o Colexio responda a tódalas necesidades e a importancia do progresivo desenrolo desta vila... as alumnas admitiranse gratuítas e de pago, e estas serán internas, medio pensionistas ou externas; as primeiras só poderán ser externas” (Las Riberas del Eo, 23 de Xuño de 1917).
“Un insigne fillo de Ribadeo abriu a lista de subscrición de donativos para as obras, con mil pesetas da época, e a caritativa dama Dª Elisa Rodríguez Malvares, doou a horta da calle Ibañez próxima o Colexio” que serviría de patio de recreo (ibidem, 23 xuño 1917)
“O Colexio foi inaugurado o día 1 de Abril de 1918... pola maña houbo misa coa asistencia do Bispo D. Juan José Solís, da Corporación Municipal e Autoridades Civís, Militares e Comisións da vila... cantou o coro de señoritas dirixidas pola profesora de piano do novo Colexio, Sor Adoración López Fernández... As catro da tarde, celebrouse unha velada na que tomaron parte as señoritas: María Parga, Gloria Martínez, Elvira Reinante, María Martínez, Carmen Fernández, María Rodríguez (2), Pilar Veiga, Justa Suárez, María G. Villamil, Bernarda Reimunde, Eudosia López, Rosita Rodríguez, Bértila Pérez, Elisa González, Mercedes G. Villamil, Leonor Reynante, Isabel López, Concha G. Villamil e Jesusa Nistal, que foron aplaudidísimas moi xustamente, pois todas bordaron materialmente os seus papeis... despois pronunciou un corto discurso o Párroco Sr. Amor e rematou o Sr. Bispo, eloxiando ao Párroco e á Visitadora Xeral das Fillas da Caridade... o Concello obsequiou o Sr. Solís cunha serenata para darlle así, proba do seu agradecemento pola súa protección...” (Ribadense, 4 de Abril de 1918).
Polo que relatan estas crónicas periodísticas da época da realización do colexio, non se di nin se desprende que dito matrimonio, Rego Rodríguez e Agrelo Barrera de Cedofeita, ou os seus descendentes continuaran sendo os donos do edificio que foi adquirido polo bispado. Sen embargo os presidentes, que mencionamos do Círculo de Recreo, si teñen apelidos das familias de dito escudo, e algunhas das nenas da citada velada de inauguración tamén teñen apelidos das liñaxes do escudo ¿teñen algo que ver uns e outros? Seguramente, si.
20170102
CASA BRASONADA DA RÚA DA ATALAIA. Francisco José Campos Dorado
A labra esta realizada sobre unha pedra cadrada de mármore branco e enmarcada por pedras de cantería rectangulares. Consta dunha bordura xeral onde malamente se poden ler algunhas letras da lenda, empezando por abaixo a esquerda: “ARMAS.(en punta); Y BLASON...(flanco destro); DE PEDRO GONCALEZ(?) (en xefe); DE ...COP..AIº.S” (flanco sinistro), o cal, fai difícil a identificación xenealóxica, e tampouco ten gravada unha data de execución que puidera ser esclarecedora. No campo desta pedra armeira aparecen unha serie de adornos simétricos en forma de cinta adentada, que realzan as figuras dun brasón nobiliario: un cabaleiro montado a cabalo, cara a sinistra, con armadura e casco sen visera, tipo borgoñota con penacho, lanza en riste (baixo o brazo), alanceando un animal, que parece un cérvido femia esvelto e de longa cola. A escena ocorre fronte a unha árbore de copa arredondada (un teixo) e arrancada ou desenraizada (unha árbore á que se lle ven as raíces de fora).
Se por un intre nos remontamos a Mitoloxía Grega e Romana poderemos ver certas similitudes nos gravados dos seus mitos e lendas con algúns dos brasóns da baixa Idade Media. É lóxico pensar que para idear un brasón descritivo dun feito heroico ou dunha escena campestre, os artistas gravadores da Idade Media se inspiraran en deseños debuxados nos pergamiños dos mosteiros ou nos gravados das ánforas, urnas, conxios, cotilas ou calquera outro tipo de pote cerámico decorado, e trasladaran a idea ás escenas dos seus tempos. Neste caso, o brasón aseméllase as ilustracións do mito de Belerofonte, neto de Sísifo que matou á Quimera montado sobre o cabalo alado Pegaso, nacido da sangre de Medusa. Este comentario, sirva só de apunte do arte, pois puidera ser motivo de investigación e estudio aparte.
Segundo as figuras do campo parece ser un dos brasóns dos Valledor. En Ribadeo había tres casas brasonadas dos Valledor (hoxe quedan dúas), con tres escudos de armas distintos, de dous dos cales, nos ocupamos neste artigo, e do outro nun próximo.
Revisando os arquivos da Chancillería de Valladolid, cremos que esta casa da Rúa Atalaia, pertenceu a D. Pedro González Navia y Valledor do val de Allande (Asturias), ou a algún dos seus sucesores, pois este señor aparece no ano 1597 preiteando con D. Pedro Fernández, cura, como herdeiro de D. Juan de Llano de Caldevilla sobre uns bens que comprou a D. Sancho de Ron y Osorio, xunto coa xurisdición, vasallos e rendas de Caldevilla (Asturias). Así mesmo, aparece en 1715, preito de Dª. Ana Fernández de Boal contra outro D. Pedro González Navia, e nunha data máis próxima, en 1818, hai executoria do preito litigado por D. Pedro González Trelles y Valledor, veciño de Avilés, con D. Antonio Suera y Trelles sobre unha entrega de bens.
Esta antiga casona, pola magnífica situación sobre a paisaxe da Ría de Ribadeo, e pegada o atrio da Capela da Atalaia, ten tódalas trazas de ter sido a casa familiar dalgúns dos membros desta familia que seguramente se ocupaban nalgún negocio do Comercio Marítimo de Ribadeo, ou onde pasaban grandes tempadas da súa vida gozando a diario da ría: bañándose na praia de Cabanela, pescando, mariscando, velexando ou zaleando dun lado para outro.
É unha pena a desgraciada e mal cualificada restauración externa que, o noso entender, lle fixeron a esta preciosa casona, pois aquelas magníficas fiestras, balconadas e portalóns dos días de esplendor desapareceron. Non queremos nin pensar, que sería daqueles alongados salóns interiores, daquela larguísima mesa de comedor onde os faladoiros da sobremesa duraban horas, daquela amplísima cociña con escudo nobiliario sobre a cheminea...! En fin!
Outro antigo escudo de armas dos Valledor (debuxo, tomado do Ribadeo Antiguo de Francisco Lanza, páx. 108 en diante) desaparecido de Ribadeo a primeiros da década de 1970-80, cremos que o levaron para o Museo de Lugo cando se derrubou a casa de D. Xusto Barreiros que estaba na esquina da Praza de España, ó comezo da Rúa de Figueirúa, hoxe Rúa de Bos Aires.
Segundo a ilustración debuxada por D. Amando Suárez Couto, é un escudo cortado, ou así parece, aínda que pode ser un só campo cunha escena en perspectiva, timbrado cun casco de fidalgo mirando a destra. Consta das seguintes figuras e mobles: un castelo de pedra de tres torres, entre as cales, sobre o adarve, asoma a cabeza dun home que asexa o campo. Adestrado dun teixo e sinistrado dunha flor de lis superada dunha estrela de oito puntas (en campo de gules, un teixo de sinople flanqueado por unha lis de ouro superada dunha estrela de prata). Abaixo, fronte o castelo, aparece unha escena de caza similar a da foto; neste caso, o cabaleiro está mirando a destra en actitude de lanzar un venabre ou unha xavelina a un oso ao que acosan un can e dous homes armados de lanzas (monteiros). Á sinistra un home, armado de lanza está sentado no chan e contempla a escena do campo. Tras do cabaleiro, á sinistra, outro home porta unha caldeira coa man dereita e na esquerda debe ter(?) “unha culler de madeira para revolver o pote”. Na bordura pódese parcialmente ler, comezando por xefe e flanco sinistro: “EL SOLAR DEL BALLEDOR ES ANTIGVO DE GRAN BALOR CABALLEROS DESTE APELLIDO NO LO ECHEIS EN OLVIDO” (o lema borrado, completámolo na obra: Heráldica de los Apellidos Asturianos, D. Francisco Sarandeses, Oviedo 1994, páx.367)
As ramas xenealóxicas desta familia, emparentan cos Arias de Lugo, cos Pose de Betanzos, e cos Sotelo e cos González de Carvajal de Viveiro. A rama familiar deste escudo do Ribadeo Antiguo (debuxo) parece ser a de D. Pedro Fernández Valledor, casado con Dª María Pardo de Ulloa y Losada (hai un preito de 1656 litigado por Dª Maria, viúva) cuxo fillo, D. Xacinto Valledor y Lavega, capitán, casado con Dª Sabela de Lamas Vaamonde de Andrade e Montenegro, tiveron por fillo a D. García-Manuel Valledor Presno Llamas Montenegro (hai un preito de 1698), capitán tamén, casado con Dª Catalina Trelles e Villaamil, cuxo fillo D. Xacinto Valledor e Presno, capitán, estaba casado con Dª Mariana Raimúndez Pardo Osorio Miranda e Azcuedo, e o seu fillo, D. García-Francisco y Presno, señor de Montealegre, casou con Dª Melchora Queipo de Llano... (Blasones y Linajes de Galicia, D. Xosé Crespo del Pozo do Mosteiro de Poio, Tomo V)
¿Como é posible que se estea perdendo sistematicamente tanto patrimonio histórico de Ribadeo? ...os castros do concello, o xacemento de Louselas, os pecios afundidos na Ría de Ribadeo, a propia Ría colmatada de area a causa de tanta obra civil mal pensada... se permitan demoler casonas históricas de Ribadeo, como o Colexio S. Clemente, a Casa de Villamil no Xardín, a casa de Leopoldo Boado en Figueirúa....e se cambien por vulgaridades totalmente fora de todo entendemento patrimonial? Incluso lles apetece agora levarse por diante “aeternum” a Illa Pancha e o seu Faro a catro empresarios, pero... ¿a qué intereses espurios están vendidas as “nosas autoridades” que sen ruborizarse un centímetro da súa cara permiten e firman estas obras? ¿Non fomos capaces nin os ribadenses, nin os galegos de votar a ninguén con raciocinio dabondo como para non hipotecar con estas absurdas resolucións o nosa esencia de ser? Porque, non nos chamemos a engano, machacado o patrimonio e cegada como está a Ría e Porto de Ribadeo, para barcos de 5000 Tm a 10 000 Tm para abrirnos ó Comercio Marítimo transoceánico que foi desde sempre o motor de riqueza de Ribadeo ¿qué facer? ¿seguir emigrando de Ribadeo? ¿Non lles importa a estas “autoridades de traballo eventual” o futuro dos seus propios fillos? Traballar por e para eles, baixo as condicións que sexan, onde sexa e como sexa, para crialos e estudalos, para que logo teñan que atopar traballo en A Coruña, Bilbao, Madrid, Cáceres, Hamburgo, Londres ou Nova York e que veñan á casa só nas Festas do Nadal. ¿Toda unha vida dedicada a traballar, para ó final, votar ós fillos da casa...? ¡tendo Ribadeo tantísimo potencial económico de riqueza, desprezado e tirado pola borda un día tras doutro! ¡que pena! ¿non?.













