Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta biblioteca viejo pancho. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta biblioteca viejo pancho. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20230626

Unha biblioteca

 Unha biblioteca

Publicación polos 50 anos da BPM El viejo Pancho

     Hai pouco tempo que se xubilou a por moitos anos bibliotecaria de Ribadeo, da Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho, Mª Jesús Rañón. Repasando un semanario atrasado na que un artigo de Chemi Lombardero mo lembrou, tamén se me viñeron á cabeza non só a publicación polos 50 anos da biblioteca, á que xa me teño referido algunha vez, senón outras lecturas, conversas e historias vividas en relación coa biblioteca -coa nosa/miña biblioteca de Ribadeo-, con bibliotecas ou mesmo dentro delas.

    A máis, a partir dun artigo de Jorge Mira, atopo no BOE que o ter unha biblioteca é obrigatorio nos concellos de máis de 5000 habitantes (Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, Art. 26). O anterior, e collendo datos do IGE, implica que en Galicia poderían quedar sen soporte bibliotecario público de xeito legal preto do medio millón de persoas, case un quinto da poboación total. E, na realidade, entre os concellos con menos habitantes que teñen biblioteca e os de máis habitantes que poden estar incumprindo a lei por diversos motivos, mesmo de xeito temporal, despois dunha pequena comprobación por internet, coido que os números anteriores poden achegarse abondo á realidade.

    É certo que vivimos na era de internet, pero non o é menos que a biblioteca xenérica -pública, aberta, a máis das privadas, que se supoñen a gusto dos seus donos ou donas- segue a ser un lugar tranquilo que permite adquirir coñecementos e construír con eles un mundo interior ó tempo que unha relación social non mediatizada. Entre outras cousas, e a máis dese acceso a internet que ás veces non é sinxelo nin barato conseguir nos arredores. É dicir, internet complementa, e compleméntase coas bibliotecas, pero non as suplementa máis ca dun xeito moi concreto de procura de información, mesmo considerando a diferenza de capacidnde e immediatez coa que non pode competir nin unha boa biblioteca.

    Así, a máis de servizo público en canto a cultura e educación, as bibliotecas ofrecen en xeral un remanso de paz, de tranquilidade ‘descansada vida la del que huye del mundanal ruïdo, y sigue la escondida senda, por donde han ido los pocos sabios que en el mundo han sido’, de benestar calmo no seu interior. Benestar que ás veces logra traspasar a parede da nosa pel e pasar a ser benestar calmo no noso interior. Crédeme, non estou a tratar de potenciar un turismo de biblioteca, mais non estaría de máis un pouco máis de recoñecemento bibliotecario, tanto no sentido de re-coñecer, coñecer ou coñecer de novo, como no de outorgar agradecemento a unhas institucións como as bibliotecas públicas que ben o acreditan. E tanto en relación a aquelas que organizan multitude de actividades porque son coidadas, apoiadas e xa recoñecidas dalgún xeito, como tendo na mirada aquelas outras máis humildes ou descoidadas que limitan a súa actividade a manter o acceso libre a unhas páxinas esquecidas e pouco anovadas. Aínda así.

20220617

Biblioteca

Biblioteca

    Si, teño libros na casa. Iso non quita para que non visite a biblioteca pública cunha certa asiduidade. Noutros momentos, á procura de títulos. Agora, máis ben á procura de datos, feitos, ideas... e si, tamén libros.

    De visita a unha vila de novo, procuro incluír algunha biblioteca pública. O seu porte, o seu contido, o número de usuarios, a súa adicación á lectura, o xeito no que se observa silencio, entre outras moitas cousas, son non só datos a valorar para calibrar aspectos da cidadanía e a cidade, mais tamén, fonte de desfrute e enriquecemento coas peculiaridades observadas.

    A biblioteca de Vilalba, da que a piques estiven de ser bibliotecario (esa é outra historia) marcou para min o acceso á diversidade lectora, enriquecendo as miñas posibilidades. Tamén marcou momentos da miña vida que moitos anos despois rememoro con agrado.

Portada do libriño do 50 aniversario da BPM El Viejo Pancho

    A antiga biblioteca santiaguesa dos Amigos do País marcou outras liñas de desenvolvemento nos curtos tempos que pasei por alí. Os fondos, maiores e máis variados, ou o vello edificio que lle daba acubillo deixáronme ás claras que se as bibliotecas tentan recoller mundos, tamén son mundos de por si.

    E de aí, a gozar da non tan pequena biblioteca da Veiga, o paso á nova (polo edificio) de Tapia de Casariego, co botar de menos o ambiente da vella, as dispares bibliotecas provinciais de Lugo e a vella provincial de Ourense, as chamativas (ao menos para min) de Vilanova de Cerveira ou Aveiro, as grandes bibliotecas de cidades como Valencia ou Valladolid, ou as concibidas co que nalgún momento se podería chamar outra mentalidade como a de Bregenz, ou a do parisino centro Georges Pompidou, ou polo contrario, as pequenas bibliotecas en centros sociais ou antigos teleclubes das aldeas (algunhas, en completo abandono), todas elas, forman un ecosistema non só de cultura, senón tamén de humanidade.

    Escribindo dende Ribadeo, un aparte meréceo a Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho. Quizais non na que pasei máis tempo, pero si a que máis levamos aproveitado na familia. Por suposto, particular no seu edificio actual, e a que máis levo recomendado. Cando no seu 50 aniversario se editou un pequeno libro -sen depósito legal, sen ISBN- as colaboracións das súas páxinas, máis ca un descubrimento foron un redescubrimento de cousas que, nunha biblioteca como esta intúense por transpiración, sen por iso dalas por sentado. Os artigos, de Santiago Sanjurjo a Eva Moreda, pasando polo moito máis extenso de Daniel Cortezón ou os realizados por outros lectores/escritores agradecidos, son para descubrir en directo. Por exemplo, na mesma biblioteca.

    Bibliotecas. Un mundo que parece destinado a ser estrangulado polos medios dixitais e polo torniquete económico ó público. Non quero saber a cantidade de bibliotecas que, despois de ser abertas e mantidas con sacrificio por diversas entidades, teñen agora pechadas as súas portas. Os libros necesitan lugar, coidados, orde. E a atención ten un custe. De adicación, e de cartos. E, mentres nas casas pasouse de non haber libros a mercar enciclopedias para adorno, ou, máis recente, de non ler a ler de pasada nunha pantalla móbil, o repouso das ateigadas -de libros- bibliotecas é non tanto minusvalorado como esquecido, camiño da perda de consideración e a indiferenza da xente.

    Unha biblioteca é das cousas que non se valora ben ata que non se ten. Mais despois, xa é tarde.

20231214

Pensando (moito) en ti, Lola

Autocaricatura do Viejo Pancho (D.P.)

    El Viejo Pancho non sei que pensaría. Despois de estaren as súas obras no D.P. (Dominio Público), no Uruguai e en España, o orixinal dunha obra -Pensando en ti, Lola- é deixada en depósito na biblioteca que leva o seu nome en Ribadeo. En decembro de 2023, retírase. No seu momento, unha vitrina de metacrilato sobre un podio-atril de madeira protexía o orixinal, cunha inscición en metal onde explicaba que era aquelo e como era que estaba alí.

    Hoxe o que hai no seu lugar é un papel resultado de imprimir un escaneo do orixinal (o texto pódelo atopar en 'Poema cedido'). Entendo que de xeito provisional, pois a retirada é moi recente. O resto non cambiou. como cara e cruz a como apareceu, marchou. Cando apareceu (refírome, na biblioteca) foi noticia, pero difícil de atopar para ler. Agora, pódese ler transcrito ou en directo da imaxe. Mais a noticia está desaparecida. O orixinal, imaxino que a bo recaudo.

    O dito, El Viejo Pancho non pode falar, non sabemos que pensaría. Pero si, a través dos seus escritos, seguirá a dicir eternamente que está a pensar en ti, Lola.

20221109

LEONARDO FERNÁNDEZ- REINANTE: Músico e compositor ribadense. Por Celia Castro

LEONARDO FERNÁNDEZ- REINANTE:

Músico e compositor ribadense.

Por Celia Castro

Coñecín a Leonardo Fernández-Reinante de cativa na Biblioteca Municipal “El Viejo Pancho”, onde iba a pasar moitas tardes sobre todo no veran. Él era entonces o encargado, o que nos daba os libros, aconsellábanos lecturas, e facíanos gardar silencio, esto último non o conseguía moi ben a pesar dos seus continuos esforzos. É comprensible, éramos novos.

Tamen ás veces escoitábao tocar o armonio na Igrexa Parroquial, esto e o coñecer que daba clases de música fixome saber que o seu papel no campo cultural ía máis aló que as súas tarefas na Biblioteca.

Un día, hai xa moitos anos, atopéi na casa unha vella fotografía manchada de tinta, na que figuraba él con outros tres músicos que compoñían o cuarteto Os Ribanova. A fotografía tiña o selo de Foto Sáez e non levaba escrita ningunha data,como era frecuente ata hai moi pouco tempo.

Lám 1. Fotografía nunha festa. Foto Sáez, Ribadeo.Ca1932-1936. Colección particular.

Polo aspecto do vehículo engalanado con banderines de papel e con bandeiras, podemos pensar que se tratase dalgún evento festivo, probablemente as Festas de Ribadeo, ou de algunha parroquia próxima como Villaselán ou Ove. A bandeira que adorna a carroza, co nome de Tintorería Americana explica a presenza do meu tío avó Xosé Manuel Fernández Candia que aparece sentado na fila inferior, no centro, flanqueado por outros dous personaxes que non coñezo. Meu tío Xosé Manuel, emigróu a La Habana moi novo, e establecéuse en Ribadeo cara a 1931, aquí fundóu dous negocios: La Casa Americana- de sastrería e confección- e a Tintorería Americana, que lle traspasaría ao meu avó en 1937.

Detrás dos personaxes sentados aparece o cuarteto ribadense Os Ribanova, vestidos co traxe típico galego.

De esquerda a dereita:

Leonardo Fernández-Reinante (caixa), Ramón Manso (gaita), Etelvino Méndez (clarinete) e Manuel Martínez (bombo) (1). Todos eles, xunto con o Fernando Salgado, Primitivo Díaz, Ramón Fuertes ( El Valenciano), e outros moitos, foron importantes figuras da música popular ribadense nos dous primeiros terzos do S.XX, xunto con Carlos Álvarez e Fernández-Cid, organizador e músico destacado tamen na música clásica e sacra.

E así comecei eu a interesarme pola figura de Fernández-Reinante que, neste campo, era para mín un descoñecido. Según os datos que aparecen na Gran Enciclopedia Galega (2), naceu en Ribadeo en 1906. Estudou no Colexio dos Agustinos solfeo ao mesmo tempo que cantaba como tiple na capela. Desde os 12 anos tocou na Banda de Música da vila, primeiro a caixa e despóis o clarinete, rematando a os 23 os estudos de solfeo, violín e piano. O seu labor como compositor comezou compoñendo tres pasodobles, unha marcha fúnebre para banda, e, algunhos bailables para piano.

En 1928 créase o cuarteto de música galega Os Ribanova, do que formou parte, que se mantería ata xuño de 1936, disolvéndose por mor da Guerra Civil. Tivo moito éxito, actuando en moitos lugares de Galicia e o occidente asturiano.

Pero tamén Fernández-Reinante tería un papel importante noutros ámbitos da cultura ribadense.

Colaborador da Biblioteca Popular Circulante de Ribadeo, creada en 1927 pola iniciativa de Gregorio Sanz García, Amando Suárez Couto e Camilo Barcia Trelles, xogaría máis tarde un importante papel na súa conservación e custodia.

Lám 2. Leonardo Fernández- Reinante na sede da Biblioteca popular Circulante. Ribadeo. Ca 1930. Colección particular

En 1923 o artista e intelectual ribadense Amando Suárez Couto creou o coro galego Cantigas da Mariña, que sería presentado oficialmente no Teatro de Ribadeo o 2 de setembro de 1924, co gallo das festas patronáis. Nun principio foi dirixido polo mesmo Suárez Couto, e, despois dun tempo sin actuar- vivindo Suárez Couto en Madrid- renaceu por iniciativa de Claudio Pérez Prieto, pasando a dirixilo Leonardo Fernández-Reinante en 1933. En 1934, pola renuncia deste, tomou a dirección Etelvino Méndez (Álvarez Lebredo , 2003: páx 116-117).

Lám 3 : Coro Cantigas da Mariña. Fotografía anónima. Ribadeo. 1933. Fototeca Ribadeo na memoria

O coro, en varias ocasións, interpretou composicións de Fernández- Reinante, que xa tiña un nome como compositor, como subliñei. Nas Riberas del Eo do 21 de xullo de 1928 (3) menciónase, con ocasión dun festival artístico celebrado no Teatro da vila a interpretación por parte da orquesta do seu pasodoble, La muñeca japonesa, aclarando nunha nota, que:

En esta velada se tocará por primera vez un bonito pasodoble compuesto por el joven músico ribadense Leonardo Reinante”

Durante o tempo no que dirixíu Cantigas da Mariña, nos festivais, actuacións, e veladas teatrais nas que a agrupación participaba, interpretáronse varias composicións polifónicas del, todas elas de temática galega, sempre dentro da liña que se pretendía dar a dito grupo coral, como reseñóu na súa presentación D. César López Otero:

A finalidade dos coros , que buscan a conservación do canto popular, para que no seu día sirvan eses cantos de orixe e fundamento a unha música de categoría, que sendo esencialmente galega, sexa ao mesmo tempo de universal aceptación (4).

Airiños Aires foi composta en 1933, tomando a letra do poema de igual título de Rosalía de Castro. É un madrigal que foi estreado no Teatro de Ribadeo o día 12 de abril de 1933, e interpretado máis tarde en varias ocasións. Outras pezas son Alalá de Ribadeo, Pobre Velliño, Miña Ruliña, e Mala Fola, as dúas últimas con letra do escritor Inocencio González.

Inocencio González Remior, nado en San Miguel de Reinante , emigróu a La Habana, onde residiu un tempo. Retornou a Ribadeo cara a 1932, e desde este ano ata 1936 foi un colaborador frecuente do semanario Las Riberas del Eo. Escribíu poemas, cantigas, relatos e artigos de opinión, en castelán e en galego, sempre desde unha perspectiva intelixente e moderada. A súa colaboración nos eventos da vila, e especialmente co coro Cantigas da Mariña, sería recollida na prensa contemporánea:

Mañana dará dos funciones en el Teatro de esta villa el coro < Cántigas d’a Mariña>, con un interesante programa, en el que figuran las obras de nuestros amigos D. Fernando Salgado <La Despedida> y <Miña Ruliña> de D. Inocencio González, con música del director del coro D. Leonardo F.Reinante” (5).

Nestas actuacións interpretábanse tamén composicións doutros autores afincados en Ribadeo como Etelvino Méndez ou o castropolense Fernando Salgado, á vez que de compositores galegos de sona, como Baldomir, Pascual Veiga,ou Xoan Montes.

En 1934 Fernández-Reinante abandonou a dirección do coro por discrepancias có presidente do mesmo, Jesús Díaz López, explicando os seus motivos nunha carta datada o 16 de agosto de 1934, e publicada en Las Riberas de Eo uns días despois (6). Desde a súa dimisión ata 1936 Cantigas da Mariña foi dirixido por Etelvino Méndez.

Con todo ata 1936 Fernández-Reinante seguíu participando nos eventos musicáis da vila formando parte de Os Ribanova-que actuaban en festas e romarías da comarca, e outros puntos de Galicia e Asturias- e dirixindo o Orfeón Obrero, que, aínda que non tan popular como o cuarteto de música galega, foi moi ben recibido polos ribadenses. Posiblemente a última actuación oficial deste Orfeón foi o 1 de maio de 1936 co gallo da celebración en Ribadeo da Festa do Traballo. O semanario Las Riberas del Eo describe con minuciosidad os diversos actos celebrados en varios lugares da vila, actos conmemorativos, ofrendas florais, mitines, reprentacións teatrais, e especifica que ao longo da xornada, e no remate da mesma, o Orfeón Obrero interpretou varias pezas que foron acollidas con gran éxito por parte do público.

Durante los diversos actos celebrados cantó con mucha afinación varios himnos el Orfeón Obrero, bajo la dirección del joven y competente maestro compositor Leonardo.F.Reinante”.

Al final de la obra el Orfeón Obrero interpretó bajo la experta dirección de Leonardo.F.Reinante los himnos proletarios, La Unión y La Internacional. Siendo al final de ellos efusivamente ovacionados” (7).

A partir do 18 de xullo de 1936 co levantamento militar e o posterior desencadeamento da Guerra Civil, foron paralizadas todas as actividades culturáis, que máis tarde, despois da toma da zona polo bando nacional iríanse recuperando en parte.

Fernández-Reinante, vinculado ao Ateneo e á Biblioteca Popular Circulante, xogou un importante papel na garda dos fondos bibliográficos da mesma, que custodiou persoalmente para evitar que foran requisados ou destruidos, devolvéndoos máis tarde, cando xa non corrían perigo.

Tras a Guerra Civil dedicouse a dar clases de piano e violín nun establecemento que tiña alquilado na rúa San Francisco, onde tamén afinaba pianos e vendía partituras e instrumentos musicáis. Tamén tocaba o armonio e o órgano nos servizos relixiosos e nas festividades nas que se lle requería.


Lám 4 : Anuncio de Leonardo F. Reinante. Las Riberas del Eo. 28 de marzo de 1942. Páx 4

Con todo no deixou de crear melodías. Escribiu duas serenatas, unha para piano e outra para violín. En 1945 compuxo a música dun tango , Todo en la vida es mentira, con letra do asturiano Conrado Villar Loza. Ambos dedicáronlle esta peza, composta para piano ao barítono gijonés Antonio Medio, “ en señal de admiración”.

Conrado Villar Loza, nado en Taramundi en 1873 escribiu varias cancións e libretos para obras musicáis en colaboración con outros músicos ribadenses. Quizáis a máis coñecida é Un feixe de tapiegadas, con música do mestre afincado en Ribadeo

Etelvino Méndez, é un sainete lírico con unha serie de cadros escénicos, que tivo grande éxito. Algunhas das melodías, interpretáronse soltas, facéndose moi populares.

En 1943 por iniciativa do músico ribadense Carlos Álvarez e Fernández-Cid -que tanto fixo pola música en Ribadeo- naceu o proxecto de crear unha Banda de Música como houbera no pasado. Para elo fundouse tamén unha Academia de Música co fin de formar aos estudantes que máis tarde serían os compoñentes de dita Banda.

Las clases se daban en lo que había sido el Club Republicano Radical, en los bajos del Cantón Bar, y comienzan con Ramón Fuertes Cruces (el Valenciano), Leonardo Fernández-Reinante y Faustino Pulpeiro Acebo (Gallopín), como profesores” (8)

Nos anos 60 Leonardo formou parte da exitosa orquestra L. Parinni, creada polo músico ribadense Rafael Parinni La Granda (Falucho), integrada ademáis por Gonzalo Montero, Trompeta, Antonio e Mocín. Fernández-Reinante tocaba o contrabaixo. Actuaban en festas populares e salóns de baile en Galicia e Asturias, sendo un dos grupos musicáis máis populares e contratados na época.

Lám 5 : Orquestra L. Parinni. Fotografía anónima. Ribadeo. Fototeca Ribadeo na memoria.

Ademais destas actividades musicáis, Leonardo proseguiu coas colaboracións no campo da cultura.

En 1957, inaugurouse oficialmente a Biblioteca pública El Viejo Pancho, tomando Amando Suárez Couto parte activa e desinteresada na empresa, como fixera anteriormente coa Biblioteca Popular Circulante. Ademáis de supervisar a organización da mesma deseñou os espazos e o mobiliario, e, pintóu in situ o enorme retrato sobre táboa (320 x 220 cm) de El Viejo Pancho, José María Alonso y Trelles Jarén, ribadense afincado en Uruguay onde foi gloria nacional e señeira figura das letras. Fernández-Reinante foi nomeado encargado da Biblioteca, función na que moitos o lembramos.

Cara a 1959 dátase esta fotografía, que agrupa a unha serie de artistas ribadenses que traballaban en varios campos da cultura. Nela aparece tamén Leonardo.

Lám 6 : Amigos da Arte. Ribadeo .Ca 1960

Sobre esta fotografía hai poucos datos, os únicos que se teñen son os publicados por Chemi Lombardero nun artigo en La Comarca del Eo en xaneiro do 2014 (9).

Según Lombardero o motivo da xuntanza non está claro, quizáis se pretendéu formar un grupo para realizar actividades en diversos campos das artes. O autor recoñece:

De esquerda a dereita, e ao fondo a Carlos Díaz Suárez (violinista e discípulo de Leonardo Fernández-Reinante e Paco Espina), a María Baixeras (pianista), Carlos Álvarez e Fernández-Cid ( Farmacéutico, músico, e creador de varias orgaizacións musicáis en Ribadeo), Lolo Rego Saavedra (debuxante e pintor),Amando Suárez Couto (músico e artista pástico), Pepe Cuervo (pintor e escritor), Emilio Carricoba (director de banda e compositor), Ramón Fuertes- El Valenciano-( músico, compositor e profesor de guitarra).

Na fila do medio: Dionisio Gamallo ( escritor, investigador e xornalista), Suso López Mosqueira ( pianista e pintor), Amador Fernández Mejeras ( escritor).

Na primeira fila: Antonio López García (músico e debuxante), Maximino Aramburu Mejeras (pintor), Leonardo Fernández-Reinante (músico e compositor), e Ramón Gutiérrez Raimunde ( ebanista e debuxante).

A partir de 1960, máis ou menos, as súas colaboracións no plano musical redúcense, penso, a dar clases e a tocar o armonio e o órgano nas funcións relixiosas da parroquia.

En xuño de 1971, doou ao Patronato Rosalía de Castro a partitura da súa composición Airiños airiños aires, sobre o poema do mesmo nome da escritora compostelana, séndolle agradecido o seu xeneroso xesto polo presidente de dito Patronato, D. Agustín Sixto Seco.

Tras unha dura enfermidade falecéu en Ribadeo en 1994.


Bibliografía:

Álvarez Lebredo,Carlos. Cincuenta años de música en Ribadeo. Biografía musical de Carlos Álvarez y Fernández-Cid. Diputación provincial de Lugo 2003

Gran Enciclopedia Galega.” Leonardo Fernández-Reinante Fernández”. T.17. Ed Novos vieiros.A Coruña. 1974. Páx 127

Gutiérrez Fernández, Eduardo. Do vello Ribadeo. Agrupación Cultural Francisco Lanza. Ribadeo. 2005

Lombardero Rico, Chemi. “Artistas ribadenses en 1960”. La Comarca del Eo. 4 de xaneiro de 2014.Ribadeo.2014. Páx 4
 

Periódicos e Revistas:

Las Riberas del Eo. Ribadeo 21 de xullo de 1928. Páx 6.

Las Riberas del Eo. 21 de octubre de 1933. Páx 6

Las Riberas del Eo. 25 de agosto de 1934. Páx 6

Las Riberas del Eo. 2 de maio de 1936. Ribadeo. Páx 6


Webgrafía:

osespigueiros.blogspot.com/2018/08/inocencio-gonzalez-remior.html

https://www.vivirasturias.com/arte-cultura-deporte/c/0/i/54824018/villar-loza-conrado

--

Notas:

1 Carlos Álvarez Lebredo. Cincuenta años de música en Ribadeo. Biografía musical de Carlos Álvarez y Fernández-Cid. Diputación provincial de Lugo 2003. Pp 155-156.

 

2 Gran Enciclopedia Galega.” Leonardo Fernández-Reinante Fernández”. T.17. Ed Novos vieiros.A Coruña. 1974. Páx 127

 

3 Las Riberas del Eo. Ribadeo 21 de xullo de 1928. Páx 6.

 

4 Eduardo Gutiérrez. Do vello Ribadeo. Agrupación Cultural Francisco Lanza. Ribadeo. 2005. Pp 9-10

 

5 Las Riberas del Eo. 21 de octubre de 1933. Páx 6

 

6 Las Riberas del Eo. 25 de agosto de 1934. Páx 6

 

7 Las Riberasdel Eo. 2 de mayo de 1936. Ribadeo. Páx 6

 

8 Carlos Álvarez Lebredo. Cincuenta años de música en Ribadeo. Biografía musical de Carlos Álvarez y Fernández-Cid. Diputación provincial de Lugo 2003. Páx 75

 

9 Chemi Lombardero Rico. “Artistas ribadenses en 1960”. La Comarca del Eo. 4 de xaneiro de 2014.Ribadeo. Páx 4

Nota do blog: Este artigo foi puvblicado de primeiras no libro das festas patronais de Ribadeo 2022.

20221025

Novidades na biblioteca pública municipal 'El Viejo Pancho'

     Hoxe pasei pola biblioteca (BPM El Viejo Pancho) e preguntei. O acceso ás novidades por vía telemática é posible, entrando co usuario da biblioteca en https://rbgalicia.xunta.gal e indo a inicio. Aquí quedan as novidades que aparecen hoxe:




     

    Unha nota: Pode que algún libro aínda non esté actualizado entre os quince remarcados (os quince que aparecen na web hoxe), pero é abondo fiable para que te achegues á biblioteca!

 

20110321

Presentación do libro de homenaxe a Daniel Cortezón

O acto do sábado 20110319 para a presentación do libro homenaxe a Daniel Cortezón fixo que o salón de plenos do concello estivera cheo a rebosar: 150 persoas que mantiveron a espectativa ó longo do máis dunha hora que durou, despois dun retraso de inicio pola espera do Subdirector Xeral de Bibliotecas e director da biblioteca de Galicia, José Daniel Buján Núñez. Na mesa, a máis del, estiveron o alcalde de Ribadeo, que oficiou de mestre de cerimonia, Antón Veiga Outeiro, Delegado de Cultura da Deputación, Manuel A. Valín Valdés, que coordinou a edición, Antonio Deaño Gamallo, profesor de literatura no IES Gamallo Fierros, e Matilde González, viúva de Daniel Cortezón e co-coordinadora.
Todos eles falaron, se ben cabe facer distincións entre os primeiros, que o fixeron de xeito máis institucional, e o resto do grupo: Valín, que o fixo como coordinador e amigo (as súas verbas, en transcrición aproximada, están a continuación), Antonio Deaño, que glosou nunha longa intervención a relación e devoción mutua entre Gamallo e Cortezón, e Mati, que embargada pola emoción tivo que suspender temporalmente a súa intervención, basada na lectura dun texto do mesmo Daniel. Texto iste sobre a importancia da biblioteca ribadense para a súa formación, o que explica a súa devoción polas bibliotecas públicas e a dozaón da biblioteca particular, (na actualidade en fase de clasificación, o mesmo que a de Gamallo, no edificio da casa do Viejo Pancho, restaurada recentemente).
A intervención de Valín, despois do saúdo e agradecementos, foi de recoñecemento a Manuel López, de Gráficas Lar, pola impresión e soporte en xeral, a Beatriz Mohedano, a filla de Daniel e Mati, polo coidado esmerado da edición (que se pode comprobar no pdf, aínda que sexa de baixa definición), e á propia Matilde, que aparece no libro como coordinadora ao seu carón, pasando logo a un curto discurso que tento transcribir dun xeito aproximado e ó tempo sucinto, a continuación:
"Eu tiven a sorte de poder disfrutar da amizade, nos derradeiros anos da súa vida, de dous ilustres ribadenses: Dionisio Gamallo e Daniel Cortezón; sen dúbida que coñecer de cerca a estas dúas persoas, xunto con John Rutherford, foron das mellores cousas que me sucederon na miña etapa como concelleiro de cultura.
Ademáis do seu cariño cara a miña persoa, formaron unha especie de equipo asesor. Detrás de proxectos que foron vendo a luz na historia recente de Ribadeo, como o Centenario de Dámaso Alonso, Congreso sobre El Viejo Pancho, Premio de Investigación filolóxica, Centro de estudios Iberoamericanos, melloras na Biblioteca Pública, ... estaban sempre as figuras de Dionisio e Daniel, co que como poderedes comprender, todo esra moito máis doado.
Os ribadenses temos a boa costume, polo menos nos últimos tempos, de recoñeoer a Iaboura desenvolvida polos nosos vecinos que destacaron en diferentes eidos da vida e que foron contríbuindo a engrandecer o nome de Ribadeo.
Así, Daniel puido disfrutar en vida de varios actos que se organizaron para recoñecer a súa calidade humana e literaria, como a adicación da Rúa Daniel Cortezón, o Certame de Teatro Afeizoado que leva o seu nome, o ser Socio de Honra da Coral Pol¡fónica, ...
Este libro, como os que no seu momento se fixeron na honra de Gamallo, Suso Peña, Calvo Sotelo, ... intenta axudar a perpetuar no tempo ó amigo, ó autor literario, en definitiva, ó bo ribadense que foi Daniel Cortezón.
A traverso de máis de 70 colaboracións entre textos, poemas, debuxos, fotografías, cadros, ... o lector pode achegarse á figura de Daniel e facer un percorrido pola súa dimensión humana e intelectual ó tempo que constatar o cariño que lle teñen as xentes que estiveron ó seu carón ó longo da súa vida.
O libro inclúe tamén unha sección cronolóxica, preparada por Mati, que permite de forma esquemática facerlle un seguemento ós acontecementos máis slientables dos 82 anos que viviu Daniel.
Non quixera rematar as miñas verbase sen antes poñer en común unha idea. Sabido é que ten que pasar un tempo, creo que dez anos, para que a un autor se lle dedique o día das Letras Galegas. Non sei onde estarei naquel momento, pero non esquecerei a Daniel para propoñelo cando chegue o tempo.
Reiterando os agradecementos, moitísimas gracias a todos."

20100825

Pequenas cousiñas, un feixe de novidades...

No verán, as actividades e a actividade acumúlase en Ribadeo. Tamén ocorre de cando en vez noutras épocas, pero por excelencia, o tempo que lle corresponde á acumulación é ista época do ano. Unha época na que non se para nin de noite nin de día, como remata de querer certificar nun comunicado a asociación de comerciantes felicitándose pola cantidade de público, como se os ollos non abondasen para ver que de novo se batiron índices de visitas en Ribadeo, en plena crise (e despois de varios comunicados do concello dando cifras de visitas da oficina de Turismo). Craro que os comunicados sempre teñen unha función. Non se para de noite, como pode certificar o anuncio xa onte en coche con altofalante (iso que está prohibido, si, polo mesmo regulamento de ruídos que di que está moi ben e non hai por que cambiar mentras se poda seguir a incumprir) dunhas novas xornadas festeiras nouturnas, neste caso no tamén novo lounge bar do náutico, con queimada e churrascada, outro establecemento máis que está agrupado nunha das cadeas que domina o sector en Ribadeo. Unha concentración que se vai facendo pouco a pouco dende hai tempo no sector de ocio nouturno en Ribadeo. Sen esquecer, respecto á actividade nouturna, mesmo cousas que non saen na prensa, como a última gresca do xoves noite (venres de madrugada, algo despois das 5, polas rúas Pasarón y Lastra, Viejo Pancho, ...) que se extendeu cousa de media hora e que non sei como rematou, pero craro, como todas estas cousas, rematou rematando. Eso, pola noite, que polo día pódense apreciar, a partre da cantidade de xente, por exemplo a existencia de novos comercios, como un kebap na zona vella, ou unha tenda naturista, baixando do Cantón ó porto deportivo, ou unha tenda de ocio (incluídas bicis con motor auxiliar ou clases de kite surf) na zona de San Roque, por poñer algúns exemplos e sabendo que hai outra morea de negocios de contido máis reservado, menos difundido por ser servicios máis puntuais á industria, ó comercio ou ós particulares, pero non menos activo. Despois están as iniciativas diversas. Como exemplo, as dúas exposicións que se están a poder ver estes días. Unha na oficina de turismo vella, da asociación de viúvas e simpatizantes (por certo, sempre digo que iso de simpatizantes parece como se houbera mulleres que simpatizaran con quedarse viúvas), que expoñen traballos manuais sobre telas despois dunha exposición parella de Gloria Lorenzo. A outra, na casa natal do Viejo Pancho, que agora serve para a Delegación de Cultura do concello e oficina da Asociación de comerciantes, pero tamén para sacarse algunha foto no patio traseiro (xa apareceu algunha na prensa estes días tomada alí) e para exposicións como a do Castro da Atalaia, en San Cibrao, da que deixo unha foto e acompaño outra tomada no mesmo castro. Por certo, se alguén se lembra de que sobre un castro máis próximo, o das Grobas, estaba previsto difundir hai xa un ano diversa documentación sobre as catas realizadas, que o esqueza, pois a información aínda non está difundida (máis ben está 'difusa'). De calquera xeito, a exposición é tamén unha excusa para a visita desta casa, que despois de tempo restaurada, polo momento estivo sen uso, pero a partires deste mesmo verán, pouco a pouco se lle vai dando. Deixo dúas fotos, unha parcial da biblioteca (futura polo momento, pois non ten libros, pero aproveitable como sá de estudo) e outra dos libros embalados da biblioteca de Daniel Cortezón, á espera de ser clasificados, ó mesmo que boa parte aínda dos de Dionisio Gamallo Fierros, e que pouco a pouco se irán incorporando ás estanterías. A casa, ademáis da sá que se está a usar para exposicións, ten un lugar para charlas, que é previsible teña un bo desenvolvemento futuro, aínda que a súa comunicación por medio de só unha barandiña sobre un lugar que debera ser silencioso como a biblioteca fai un pouco chocante o seu uso. Pódese seguir con actividades co anuncio do espectáculo Etheria, do Centro Coreográfico Galego, que terá lugar mañá no Cantón, ou os campamentos de verán urbanos e medioambientais que están a ter lugar, ou o anuncio xa feito das novas xornadas de medio ambiente, ... por actividade que non quede. Mesmo se pode engadir outro tipo de actividades, estas non para participar, senón para presenciar e desfrutar unha vez rematadas, como o adecentamento da rúa da Muralla grazas ós hortos que se cederán para cultivo dos maiores (xa se falou outra volta no blog sobre o tema), ou a finalización das obras na rua Deputación (ver foto final). Tamén, se pode ver estes días o resultado do comezo de obras doutro tipo, as que levarán nun próximo futuro ás Aceas dende a zona dos Bloques, visibles xa na desaparición dos cobertizos da fábrica de alxinatos, como aparece na foto penúltima. Tamén tardará en verse o resultado do comezo de novas rehabilitacións de casas, como a que onte mesmo se iniciou na r/Pasarón y Lastra. Asemade, unha actividade que dará que falar no final desta semana é a que ilustra a foto do peirao, con enormes estruturas que se están a montar (terán case 80 m de longo) e que servirán para levar un transformador ó comezo da liña de Pesoz. Transformador e liña que fan rememorar que en Ribadeo estamos á espera do trazado da liña eléctrica que alimentará ó polígono, xunto coa subestación transformadora correspondente, cousas ambas envoltas na polémica e das que non se sabe nada dende hai tempo. De calquera xeito, quen pase da altura de Santa Cruz polo Camiño de Santiago, camiño de O Valín, verá alí un pequeno centro transformador que xuraría que non había hai algún tempo. Voltando ó tema, costa traballo imaxinar como sairán esas estruturas do porto pola Vila vella. Pero sairán, estará calculado. Será un espectáculo. E tamén dará que pensar: vaia, o porto de Ribadeo serve para cargas especiais... No paseo por Ribadeo poderase ver tamén o ascensor recentemente inaugurado, que unha vez pasado o boom inicial serve e úsase para baixar as cestas de comida ós barquiños nos que se vai pasar o día (ou o medio día) na auga. E, polémica sobre gustos a parte, e mesmo deixando á beira que o mirador da Atalaia xa non o é tanto debido á estrutura, ou os cartos invertidos nela, pódese ver como as primeira choivas dende a súa inauguración deixaron charcos no chan, tanto na parte infeior como na superior (fotos nesta orde), o que volve a lembrar o tema do seu mantemento. En fin, no recorrido longo de hoxe quedan moitas cousas fora, mesmo curiosidades. Así, hoxe é mércores. Pasando polo mercado, lembrarase alguén do 'mercado alternativo' de Castropol? Unha soa, couas máis, por iso de que de mostra serve un botón: onte mesmo, na capilla lateral da igrexa de Santa María do Campo, que soe estar aberta moito tempo que a nave principal está pechada, deuse un caso curioso, un novo uso, a súa utilización como comedor infantil. Polo que parece, a cousa comezou cunha nai e un pequeno sentados 'tranquilamente'. Ó pouco, a nai saca as cousas e comeza a querer darlle de comer. O pequeno non para quedo, e cuchara en ristre, hai unha persecución pola nave. A persecución rematou detrás do altar, sentados ambos no chan. Está craro: Ribadeo 'is different'.

20070829

Tormenta sobre Ribadeo: a nova de hoxe

Por esta volta, non é en sentido figurado. A tormenta desta noite, máis aló das 5 da mañá (seino pola xente que saiu do local de enfrente) foi relampagueante, auténticos fogos de artificio naturais máis vistosos que os artificiais. Parece que anunciara as festas patronais, e deles poderia sacarse unha película para anuncialas.
Aproveito para poñer as convocatorias culturais que me chegaron antonte no correo:

Ribadeo cultural

MÚSICA … DE PELÍCULA

A Coral Polifónica de Ribadeo nun concerto de música de cine. Será o mércores 29 ás 21.00 horas no auditorio Hernán Naval.

Entrada de balde.

E ás 22.30 horas, ON & OFF despídese por este ano. A última proxección de

curtas será no campo da festa da parroquia de Santalla de Vilausende.

O MUSIQUEO acude á súa cita un ano máis. Desta vez, subindo ao escenario o mellor dos grupos musicais e djs da comarca. Organiza a Asoc. Cultural El Viejo Pancho.

Agardámosvos o xoves 30 ás 21.30 horas na praia dos Bloques

FADOS

Caixa Galicia convídanos a escoitar a María do Ceo no seu ciclo As nosas músicas. Será o venres 31 ás 22.00 horas no porto de Porcillán.

( Os que manexedes a axenda trimestral reparade en que muda o lugar.)

EXPOSICIÓNS

Comezamos setembro con dúas mostras diferentes. O sábado 1 inaugúrase ás 13 horas na OMIC Nazón de Breogán, que estará na nosa vila até o día 15. Percorre o país organizada pola Consellaría de Vicepresidencia.

“…Esta exposición quere explicar por que cantamos no himno galego a nazón de Breogán e mesmo por que temos himno. Por que hoxe somos recoñecidos pola Constitución Española como cidadáns dunha nacionalidade chamada histórica. Por que hai 70 anos tivemos xa un Estatuto de Autonomía. Quen foi que se empeñou en tal cousa e por que. Por que Galiza non acadou historicamente un Estado moderno propio. Por que deixamos de ser reino. Por que este territorio pasou de ser soar de tantas casas nobres a non ter ren…”

Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea. Comisario da mostra.

E desde o día 1 ao día 23 , fieis ao noso desexo de dar a coñecer o mellor da plástica na Mariña, Quique Guerra , logo de mostrarnos o seu mundo escultórico en Mariñarte, expón no forte San Damián a súa pintura.

Sábado 1 de setembro

50 ANIVERSARIO DA BIBLIOTECA EL VIEJO PANCHO

Ás 20.30 horas: Acto institucional e presentación da revista no salón de actos da casa do Concello.

Ás 21.30 horas , concerto de Álvaro Quintanilla (violonchelo) e Daniel del Pino (piano) no auditorio Hernán Naval.Obras de Beethoven, Mozart, Bach e Brahms.Entrada de balde.

Até o día 17 de setembro, exposición conmemorativa na biblioteca municipal.

125 anos de teatro galego

O 13 de agosto de 1882 estreouse no Liceo Brigantino “A fonte do xuramento”, de Francisco María de la Iglesia. Foi o primeiro texto teatral en galego do que temos noticia da súa estrea. A Consellaría de Cultura e Deporte , por medio da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, xunto co IGAEM , queren celebrar este aniversario.

Por iso, bota a andar unha xira na que 25 espectáculos erguen os panos dos teatros . Máis de 40 concellos reciben a visita.

A Ribadeo chegan dúas obras. A primeira delas, Romeo e Xulieta, de Teatro do Noroeste.Dez novos actores e actrices de menos de 23 anos cunha ollada nova sobre unha historia de sempre.Será no Hernán Naval, o domingo 2 ás 20.30 horas .

Entrada de balde.

20210514

Falando das letras galegas: premios en Ribadeo

   Sempre da gusto falar de premios ós cativos. Remata de darse a coñecer como nota de prensa do concello os premios deste ano convocados pola biblioteca El Viejo Pancho con motivo das Letras Galegas. Corto e pego: seguro que coñeces a algunha ou algún.


 

FORON PRESENTADOS MAIS DE 400 TRABALLOS

Premiados Letras Galegas

13/05/2021

Xa se coñecen os nomes das premiadas e premiados na fase local do Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2021, convocado pola Biblioteca El Viejo Pancho. A entrega de premios terá lugar o vindeiro luns, 17 de maio, ás 19:30 horas no quiosco do parque de San Francisco.

NARRACIÓN (Presentadas 162)

CATEGORÍA A (ata  8 anos) (Presentadas 56)
“A nena que inventaba libros”  Irea Barcia Castro (7 anos) C. Sagrado Corazón

“A miña vida con Mozart”. Fabián Pérez González (7 anos) C. Sagrado Corazón

“A miña primeira vez”. Álvaro González Rico (8 anos) C. Sagrado Corazón

CATEGORÍA B (9 a 11 anos) (Presentadas 63)
“O tesouro do Marqués de Sargadelos”. Victoria López Veiga  (9 anos) C. Sagrado Corazón

“Daniel”. Fernando García del Río (11 anos) C. Sagrado Corazón

“O dereito dos nenos e nenas a participar na vida cultural ”Xoel Nonide García”(10 anos) CEIP Gregorio Sanz

CATEGORÍA C (12 a 16 anos) (Presentadas 43)
“A tenda de música”. Claudia García López (15 anos) C. Sagrado Corazón

“Sempre no Prado”. Marta Ortiz González (16 anos) IES de Ribadeo Dionisio Gamallo

"Ideas brillantes”. María García del Río(15 anos) C. Sagrado Corazón

DEBUXO (Presentados 249)

CATEGORIA A (ata 8 anos) (Presentados 113)
Adriana García Martínez (8 anos) CEIP Gregorio Sanz

Álvaro Pascual Muñiz (7 anos) C. Sagrado Corazón

Mar López Cupeiro (7 anos) C. Sagrado Corazón

CATEGORÍA B (9 a 11 anos) (Presentados 80)
Aitana Monasterio Alonso (11 anos) C. Sagrado Corazón

Martina Castro Abad (11 anos) C. Sagrado Corazón

Nair Posada García (11 anos) C. Sagrado Corazón

CATEGORÍA C (12 a 16 anos) (Presentados 56)
Claudia García López (15 anos) C. Sagrado Corazón

Martina Utrilla Torviso (16 anos) C. Sagrado Corazón

Zoe Fernández Martín (13 anos) C. Sagrado Corazón

A entrega de premios terá lugar o vindeiro luns, 17 de maio, ás 19:30 horas no quiosco do parque de San Francisco. 

-

Programa letras no campo 2021

20070823

De 8 a 8

Onte, de casualidade, souben que a biblioteca de Burela estaba aberta 12 horas seguidas, co que pensei na de Ribadeo, que estivo aberta no verán menos da terceira parte dese horario. Na realidade, hoxe mesmo, o horario aumentou e abre non só a mañá, senón mañá e tarde, aínda que en menor horario que a burelesa.
De calquera xeito, é apra pensar a que se adican as bibliotecas. Despois do canon por préstamo de libros imposto en certo xeito pola UE (é dicir, máis ou menos cada biblioteca pública ten que pagar unha cota anual polos libros que ten; a solución a ese pago debe facela o titular, neste caso o concello), imaxino que as bibliotecas públicas xa non son tan públicas (aínda que polo funcionamento burocrático do tema en moitos casos non se debe de estar a pagar). Por outra parte, no verán, no que se supón que moita xente ten máis tempo para ler, a biblioteca reduce horario. E nos últimos días de agosto, cando moitos estudantes comezan a preparar os exames de setembro (parece unha contradicción que sexa nos últimos días, pero é a realidade), entón aumentan o servicio, prestando a imaxe de sá de estudio abondo ateigada, como pode verse estes días.
Entón, o que queda daquela función de difusión cultural aparece totalmente desdibuxada, e máis aínda cando a maioría dos que usan esa sá de estudo son universitarios e Ribadeo non optou nunca (a pesares das miñas indicacións de fai xa dúas décadas, non é a primeira volta que o digo no blog) a unha sé univeristaria como na actualidade teñen Viveiro ou Foz.
Ben, a sá fai un servizo. O fondo bibliotecario, menos. Coido que habería que reorientar o servizo para aumentar a dinamización do fondo de que dispón a Biblioteca Municipal Viejo Pancho, que está entrando xa nos actos da celebración do seu 50 cabodano, o que sería un momento idóneo para relanzar a utilidade e uso deses fondos. Por pór un exemplo, hai moita xente de aluvión que veu a Ribadeo vivir e que non sabe onde está a biblioteca. Ou outra que non sabe que nela disponse de cintas de vídeo e DVD, unha colección que foi medrando pouco a pouco e que representa fondos que necesitan moitas horas para velos. Ou que se dispón asemade de servizo de ordenadores conectados a internet (complementados polos máis numerosos da Casa da Xuventude á súa beira) Ou que as revistas que alí hai, aínda sendo abondo numerosas que noutras bibliotecas, dan pé a unha lectura variada. Ou que alí pode verse a historia de Ribadeo día a día a traverso das coleccións de A Comarca e outros xornais locais xa desaparecidos, ou ben a máis recente das seccións da Mariña de El Progreso ou La Voz de Galicia. Ou mesmo, como descubriron xa moitos estudantes, dispor dunha sá tranquila en xeral para ler.
En fin, non teño visto tampouco moitos carteis que indiquen dende calquera parte do pobo a situación da biblioteca, e os actos de animación á lectura son para escolares, que se ben son máis doados de facer e seguramente de maior rendemento que para os máis maiores, non deberan ser os únicos. E aí está a Casa do Libro que fai, como entidade privada, unha promoción cara á lectura a traverso da venta que non fai a BMVP a pesares da diferencia de custe de uso dos resursos bibliográficos que pode ofertar. Ó mellor era bó facer un concurso de ideas para a promoción da BMVP e da lectura: ás veces asombra o que pode saír de aí. Claro que hai que estar dispostos a levar a cabo as ideas, e eso implicaría con bastante probabilidade o aumento do orzamento adicado.
Algunha idea?