Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Ecoloxistas en Acción. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Ecoloxistas en Acción. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20210214

Nota de Prensa de Ecoloxistas en Acción. Illa Pancha

Denuncian o uso indebido do Faro da illa Pancha en Ribadeo

  • Ecoloxistas en Acción demanda á Autoridade Portuaria de Ferrol – San Cibrao que indague como se concedeu permiso de explotación do Faro da illa Pancha sen o Estudo de Impacto Ambiental preceptivo. O propio Defensor do Pobo corrobora na súa resposta que non consta que fora elaborado o obrigado Estudo de Impacto Ambiental preceptivo.
  • A organización ecoloxistas denuncia que a avaliación das repercusións sobre a Rede Natura 2000 resulta obrigatoria para todos os proxectos que poidan afectar de forma apreciable ás especies ou hábitats obxecto de conservación na Rede Natura 2000 á que pertence a illa Pancha – Ría de Ribadeo.
  • Veciños e veciñas de Ribadeo preocupados polo uso da illa Pancha por unha empresa privada para apartamentos turísticos da illa Pancha constituíronse no colectivo “Polo noso faro”. Dito colectivo demandou a colaboración de Ecoloxistas en Acción ante o desleixo das administracións por responder así súas solicitudes administrativas e peticións de informacións.

A lexislación portuaria parte da regra xeral de prohibición de uso habitacional ou residencial, coincidindo co tenor da Lei de Costas que sinala que no dominio público portuario só poderán levarse a cabo actividades, instalacións e construcións acordes cos usos portuarios e de sinalización marítima, de conformidade co establecido na Lei de Portos do Estado e da Mariña Mercante.

Os requisitos legais que permiten o eventual levantamento da prohibición para o seu uso hostaleiro deben obedecer a razóns de «interese xeral» debidamente acreditadas. En todos os casos, ha de intervir preceptivamente Portos do Estado emitindo o correspondente informe, o cal debe ponderar os motivos que xustifican a implantación do uso hostaleiro, e a súa harmonización co interese xeral informado pola Autoridade Portuaria.

Ecoloxistas en Acción reclama á Autoridade Portuaria de Ferrol – San Cibrao o informe no que se recollan os motivos que xustifican a implantación do uso hostaleiro e a súa harmonización co interese xeral. Ademais solicitan copia da autorización da Dirección Xeral da Costa e o Mar pola ocupación do dominio público marítimo-terrestre. A organización ecoloxistas sinala que no expediente debe constar tamén a autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Natural ou, no seu defecto, do departamento que corresponda da Consellería de Medio ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.

Na denuncia presentada Ecoloxistas en Acción solicita á Autoridade Portuaria de Ferrol – San Cibrao que se ordene incoar o correspondente procedemento sancionador e que na resolución que recaia no mesmo, ademais das sancións que procedan, impóñase ao infractor a obrigación de reparar o dano causado, e subsidiariamente, que indemnice os danos e prexuízos que non poidan ser reparados, impoñéndose ao infractor as multas coercitivas necesarias para cumprir o ordenado, en caso de non realizar voluntariamente a reparación ou indemnización impostas.

Ubicación e características do faro da illa Pancha

Faro da illa Pancha (Rede Natura 2000).

A dous quilómetros da localidade de Ribadeo (Lugo) localízase a illa Pancha. Esta illa está na parte máis occidental da Ría de Ribadeo e alberga un faro construido no 1857, operativo ata 1983 e dependente da Autoridade Portuaria de Ferrol – San Cibrao.

Polas súas características a Ría de Ribadeo ten recoñecidas varias figuras de protección:

  • Zona Especial de Conservación «Río Eo», ZEC ES1120002 de 982 h.
  • Humidal Protexido “Ría de Ribadeo”, de 614 h.
  • Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) “Río Eo”, de 1.003 has. e “Ribadeo” de 536 h.
  • Reserva da Biosfera “Río Eo, Oscos e Terras de Burón”.
  • Zona Húmida de Importancia Internacional (Convenio Ramsar) «Ría do Eo», con 1.740 h (Compartidas con Asturias).
  • Zona de Especial Protección das Aves, ZEPA ES0000085 625 h.

A illa alberga os dous faros de Ribadeo. O antigo foi construído no século XIX e posteriormente substituído polo actual a finais do século XX. Segundo algunhas guías turísticas, está considerado como un dos faros máis fermosos de Galicia e tamén é o primeiro deles entrando nesta comunidade desde Asturias. Forma parte do Roteiro dos Miradoiros. Ademáis a illa está a 8 quilómetros da praia das Catedrais, declarado Monumento Natural segundo a Orde do 5 de xullo de 2020 da Xunta de Galicia de julio de 2020.

Concentración en 2016

20210707

POR NUESTRO FARO SAÚDA A INICIATIVA DE ECOLOXISTAS EN ACCION. Nota de prensa


POR NUESTRO FARO SAÚDA A INICIATIVA DE ECOLOXISTAS EN ACCION

Como saben os lectores, o colectivo POR NUESTRO FARO ven denunciando dende mediados de 2015 a privatización do Faro e da Illa Pancha, promovida polo Ministerio de Fomento e apoiada sen folgos polo Concello de Ribadeo. Aínda mais temos post negro sobre branco moitas irregularidades (presuntas) deste proxecto con escaso éxito pola negativa das autoridades competentes. No outono de 2020 entramos en contacto con Ecoloxistas en Acción que agora ven de denunciar diante da Fiscalía do Xulgado de Lugo a falla de Estudo de Impacto Ambiental na concesión do faro da Illa Pancha para a explotación privada de dous apartamentos turísticos. Lembremos os feitos mais salientables.

En decembro de 2013 o Ministerio de Fomento do goberno de Mariano Rajoy puxo en circulación o programa Faros de España. Baixo un discurso desenrolista pretendíase privatizar unha gran parte dos faros de sinais marítimas das costas españolas. Pasados sete anos e medio o saldo non pode ser mais ridículo: dous faros funcionando como servizos de hostelería e non se sabe cantos cartos gastados en publicidade, festas, etc.

Pouco tempo despois anunciouse no BOE a solicitude dunha empresa privada para explotar o faro de Ribadeo, pero o asunto pasou desapercibido grazas ao agochamento propicidado polo concello. Xa no 2015 o Sr. Alcalde declaraba ao diario El Pais que era “un premio para Ribadeo”, ou sexa un emporio turístico que nos iba deixar encantados. Esa foi a primeira “información” pública e poucos día despois formouse o COLECTIVO POR NUESTRO FARO, que axiña acadou mais de 700 apoios (o 95 % xente de ou vinculada a Ribadeo) sen contar as mais de 1600 sinaturas recollidas naqueles días. O 30 de xuño do mesmo ano a Autoridade Portuaria aprobou o proxecto de apartamentos e cafetería e a concesión por vía directa, ou sexa sen concurso público.

En maio de 2016 o colectivo POR NUESTRO FARO denunciou a falla de Estudo de Impacto Ambiental, diante do Defensor del Pueblo, despois de asesorarse ca Sociedade Española de Ornitoloxia (SEO-BIRD LIFE) e despois de publicitalo e informar ao concello, que non se deu por aludido. O 16 de febreiro de 2017 a Oficina do Defensor remitiu un amplo informe xurídico a todos os actores do programa comunicándolles que se incumpría o art 7.2 da lei de Avaliación Ambiental 21/2013 de 9 de decembro, que esixía sen ningún xénero de dúbidas a realización de E.I.A. Simplificado para proxectos de este tipo. Sin embargo o Concello de Ribadeo e a Autoridade Portuaria botáronse a andanas porque había que sacar adiante como fose o único proxecto do famoso Programa Faros de España. O día 1 de decembro de 2017 o concello concedeu a licencia de actividade para os apartamentos ca condición, incumprida ate hoxe, de que a porta de acceso á illa estivese aberta aos veciños e visitantes. (Aquí habería que facer un inciso para analizar en que beneficiou ao turismo e á economía de Ribadeo, nestes tres anos e medio, o “premio” que auspiciaba o Sr. Alcalde en maio de 2015).

Como antes dixemos no outono de 2020 entramos en contacto con Ecoloxistas en Acción, estudaron a documentación e puxeron en marcha os trámites preceptivos ata levar a denuncia á Fiscalía de Lugo. Insistimos en que todos os pasos foron anunciados de xeito público e notificados ao concello sen que houbese unha resposta ou polo menos unha reacción de análise ou dúbida sobre as consecuencias que poderían derivarse.

Convén suliñar aquí que Ecoloxistas en Acción é unha das organizacións ecoloxistas mais potentes do estado español, con importantes contactos internacionais, cunha gran experiencia en temas deste tipo, que se apoia en unha estrutura apartidista con equipos de asesores xurídicos acreditados e que ven de gañar un preito con algunhas similitudes co noso caso, en Extremadura, despois dun longo proceso de varios anos. Calquera pode entender que un grupo deste tipo non se implica en calquera chilindraina se non aprecia que existe unha xustificación xurídica potente e que están en xogo intereses xerais, mesmo de ámbito europeo, na defensa dos valores medioambientais consolidados na sociedade actual. Pola nosa banda temos que poñer no primeiro plano, unha vez máis, que o obxectivo do noso grupo é loitar contra a privatización do Faro e da Illa Pancha, por consideralo un ben común dos ribadenses, e sexa cal sexa o resultado deste procedemento xudicial seguiremos adiante ata conseguir o uso público do mesmo, debendo constatar que, pese ao tempo trascorrido, os apoios que recibimos tanto en Ribadeo como fóra son cada vez maiores.

20220621

Bandeira Negra para a Illa Pancha. Comunicado da AVV Por Nuestro Faro


Bandeira Negra para a Illa Pancha

    O 14 de xuño, a confederación de grupos ecoloxistas de España coñecida co nome de Ecoloxistas en Acción, presentou o informe «Bandeiras Negras 2022». Como cada ano, os ecologistas publicaron a lista dos casos máis relevantes de contaminación e mala xestión ambiental do litoral español. E desas 48 bandeiras negras, unha delas foi para a Illa Pancha de Ribadeo.

    Nese informe, 22 páxinas están dedicadas a Galicia, das cales, nada menos que catro foron destinadas a explicar exclusivamente a situación da illa Pancha. O motivo para esta deshonrosa distinción é, en palabras de Ecoloxistas en Acción, a mala xestión ambiental, en concreto, a falta de estudo de impacto ambiental malia as figuras de protección coas que conta ríaa de Ribadeo: «Zona Especial de Conservación ‘Río Eo’, ZEC E1120002, Humedal Protexido ‘Ría de Ribadeo’, Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) ‘Río Eo’ e ‘Ribadeo’, Zona Húmida de Importancia Internacional (Convenio Ramsar) «Ría do Eo» e Zona de Especial Protección das Aves, ZEPA E0000085.»

    A confederación ecologista lembra que o Defensor do Pobo pedira un estudo de impacto ambiental trala intervención da asociación de veciños Por Nuestro Faro. Finalmente Puertos de Ferrol-San Cibrao comprometeuse a esixirllo á empresa concesionaria, pero nunca chegou a cumprir tal esixencia. Doutra banda, o Concello de Ribadeo tampouco tiña expresado ningún reparo nin efectuado ningunha reclamación respecto diso.

    O informe de Ecoloxistas en Acción sinala á Autoridade Portuaria e ao Concello como as institucións responsables da actual situación en Illa Pancha. Nos antecedentes deste caso subliñan permanentemente as decisións e as evasivas de Puertos, así como as licenzas e silencios do Concello de Ribadeo, claves en todo o proceso. Tamén repasa a historia da actividade da A VV Por Nuestro Faro, o seu compromiso co patrimonio e o medio ambiente fronte ás irregularidades na tramitación do expediente para o uso privado e turístico da illa.

    O informe lembra tamén a opacidade fronte a certos problemas, por exemplo a falta de información con respecto aos vertidos á Ría de Ribadeo. Lembremos que se descoñece o sistema de evacuación, dado que a illa Pancha conta cunha fosa séptica a día de hoxe sen legalizar, con todo o que iso supón, sen que de portas para fóra os ribadenses poidan imaxinarse a xestión dos residuos.

    Para rematar, o informe achega a solución para mellorar esta situación:

    «Solucións ou propostas de mellora: Revisión do expediente completo de concesión, realización dos estudos preceptivos e reevaluación das solicitudes de licenza das dúas actividades. Restitución inmediata do dereito de libre acceso do público á Illa Pancha. Suspensión da eficacia das licenzas de actividade por parte do concello de Ribadeo mentres non se cumpra o anterior, por afectar non só ao impacto ambiental e ao dereito de acceso senón tamén á seguridade dos usuarios e usuarias en caso de urxencia.»

    Só nos queda dicir que Por Nuestro Faro seguirá de cerca os esforzos das institucións por corrixir a situación que levamos 7 anos denunciando.

A VV Por Nuestro Faro

20220614

Illa Pancha? Bandeira Negra. Informe de Ecoloxistas en Accion

    Non só se conceden bandeiras azuis, as comercias que diríase que se ofrecen ó mellor postor por unha entidade cualificable de comercial. Tamén se conceden bandeiras negras, esta vez por unha asociación ecoloxista, Ecoloxistas en Acción (na súa versión galega). E, despois de todo o que Por Nuestro Faro leva sacado á luz, e posto tamén en coñecemento de Ecoloxistas en Acción, non é de estranar que unha delas sexa para a nosa querida Illa Pancha.


 

    O informe, no que Galicia se refire, ten 22 páxinas e pode atoparse aquí, E, en relación á illa Pancha, ocupa por si só catro desas 22 páxinas, estas:




    Tamén, a modo de nota de prensa, emitiron un resume, que pode atoparse aquí.

    E, o resume do referido á Illa Pancha, di: "Na provincia de Lugo, a Bandeira Negra por mala xestión recaeu na privatización da Illa Pancha, no concello de Ribadeo. A pesar de atoparse afectada por diferentes figuras de protección, esta illa está dedicada ao aproveitamento turístico por unha empresa privada. Ese aproveitamento está a producirse desde decembro de 2017 sen que se achegase o Estudo de Impacto Ambiental requirido polo Defensor do Pobo e sen que Autoridade Portuaria nin o Concello de Ribadeo tomen medidas administrativas concretas para permitir o acceso libre dos veciños que esixe a lei de costas." O resume vai acompañado dunha foto:

Acceso restrinxido á illa Pancha


20060328

Tres reunións pedindo o mesmo

A ambigüidade do título paréceme clara: Os xefes mariñanos 'pedindo' a apertura do parque de bombeiros, e o parque inhábil con cinco incendios pullando. Os pubeiros pedindo unha xuntanza mentras (segundo a prensa) califican o ruído de puntual e 'presuntas molestias'. O caso é que na primeira das situacións, teñen eles a posibilidade de abrilo, sen que ninguén interveña, e na segunda, o mesmo. Os alcaldes botan a culpa 'ós outros', e os puberos non o sei moi ben, despois de anos quitándose a culpa, se pretenden que a culpa sexa de quen sufre o ruído.
O certo é que aínda que o título se me ocorreu polo tema dos incendios, coñezo abondo mellor o dos ruídos, e por eso me decato das 'pequenas cousas' que se me escapan co do parque, como que agora leven varias reunións seguidas, cando hai a presión da sentencia. Pero sen acordar nada, só saíndo na prensa, despois de dicir que teño afán de protagonismo e da ducía de anos anteriores estar case parados. En fin, parece que non leen moito este blog, aínda que algún si o faga de cando en vez como quedou demostrado polo comentario que fixo.
En positivo, remarcar que esta fin de semana está pensada a creación da plataforma de defensa litoral, loitando contra a destrución do entorno na nosa cosata e literalmente contra o tempo. anímate a ir a Foz sábado.
--
... Que vaia logo pola nova plataforma que se pretende, publicado o 19/08/2003:
O ecoloxista

Nos tempos que corren, todos pretendemos defender a "nosa natureza", por moi afastados dela que esteñamos, pretendendo pripiedade ou aínda que non conozamos que é unha miñoca ou unha bidueira. Cada un o fai ó seu xeito, cada un na súa "parcela". Tras ver o tratamento que se fai dalgúns problemas ecolóxicos grandes (como o Prestige, pero tamén pequenos como dexar limpo un campo tras unha merenda) é necesario clarificar que se entende por ecoloxista, separando deste grupo aqueles outros que se din a si mesmos defensores da natureza, pero que teñen un concepto de natureza, así como de defensa, cando menos, particular ou de propiedade. Aquí vai o meu gran de area.

O ecoloxista debe ser consciente de que o mundo enteiro non se pode comprender, pero debe intentalo. Ninguén pode comprender todo o mundo, pero está en xeral máis cerca de facelo quen o intenta. E ese é o primeiro paso para a posterior actuación en favor do equilibrio planetario(*).

O ecoloxista non ten adxectivos pre-fixados. Aproveitará os adxectivos cando poda, voltando positivos algúns que poden ser adxudicados como denigrantes. A primeira idea deste artigo xurdiu de que nun semanario local se fixo referencia reiterada ó "ecoloxista coñazo". Un adxetivo así non é prato de gusto, pero ben mirado, se alguén quere conseguir algo debe loitar por logralo, aínda que a outra xente lle poda parecer "coñazo"; nese sentido, pode ser un orgullo ser chamado "coñazo", e xa sabemos aquelo de que "quen non chora, non mama"

O ecoloxista ten que selo día a día, momento a momento, aínda que non sempre faiga todo de xeito adecuado. Ninguén é perfecto pode ser unha frase recorrida, pero é unha verdade. Mais, se voltamos ler os párrafos anteriores, xuntos, dan unha idea clara de que unha vez que alguén asume unha postura ecoloxista, non pode selo a tempo parcial, aínda que por necesidade (mesmo estratéxica) non se poda adicar ó ecoloxismo como profesión (... mesmo profesión de fe) ou en primeiro lugar en relación a outras actividades.

O ecoloxista sabe do longo do seu obxectivo. Por eso non se cansa con facilidade na súa actividade como tal. O ecoloxismo busca o equilibrio ecolóxico, e nun sistema en cambio e adaptación constantes, non é algo que se poda conseguir dunha vez por todas, aínda que estivéramos no mellor dos supostos. É evidente polo tanto que a acción ecoloxista non ten límites temporais marcados.

Os ecoloxistas saben que non teñen toda a verdade, pero tamén que teñen ganas de coñecela toda, e que en caso de dúbida, o refrán "máis vale previr que curar" debe ser considerado con moita atención. En calquera situación medianamente complexa pódense aplicar diversas solucións a un mesmo problema. Unhas serán mellores que outras, pero ningunha resolverá tódolos aspectos do mellor xeito posible: hai que buscar un compromiso adecuado, e eso implica tratar de coñecer a natureza e á demais xente que ten relación coa situación problema.

Non hai "proba do algodón“ do ecoloxismo. Hai xente que busca. E todos nós somos ecoloxistas en menor ou maior medida. A diferencia está en que, nalgúns, non é abondo. Os por que desa insuficiencia... sería mellor que cada un descubrise os seus.

Unha nota final: Parece que o dicir "non é abondo" é relativo a algo. E en certo sentido, si, podemos falar de que non é abondo para asegurar que a terra poda seguir a soportar a nosa especie en termos semellantes a como o fixo ata o momento.


(*) Termo usado en sentido amplio a posta: non se pode cinguir o ecoloxismo a plantas e outros animais sen facelo extensivo ó ambiente onde se atopan ditas especies ou á mesma especie humana, e tendo en conta cousas como que tan malo pode ser ter moitos individuos dunha especie como ter moi poucos ou meter a tódalas especies no mesmo caixón de sastre e consideralas como exactamente iguais en tódolos sentidos.

20221202

A insoportable levedade de «Por nuestro faro». Covadonga Suárez

A illa da Creba, na ría de Muros e Noia

 A insoportable levedade de «Por nuestro faro»

En 7 anos de loita polo público, nunca nos sentimos tan pequenos como o pasado verán, cando todos os xornais recollían en portada a chegada salvadora do señor alcalde de Ribadeo ás portas de ferro da illa Pancha, para abrilas por mandato da Autoridade Portuaria, como se estivese a liberar aos prisioneiros dun campo de concentración. O espectáculo, dunha teatralidade sen precedente, parecía escenificar unha heroicidade onde en realidade só había acatamento. Con todo, as ameazas de aparecer cunha radial para acabar despegando unha placa, marcaron os titulares dun momento cinematográfico entre «A matanza de Texas» e o desembarco de Normandía.

A resolución do TSXG contra a empresa concesionaria e a resolución de Portos de abrir a illa son unha excelente noticia, a pesar da inacción da Autoridade Portuaria durante todo este tempo e os notables esforzos do Concello por cubrir de silencio o asunto, sen esquecer a súa gran habilidade para surfear as ondas do Panchorro segundo van vindo.

Por nuestro faro dirixiuse a Portos de Ferrol-San Cibrao en numerosas ocasións, pero aínda máis ao Concello de Ribadeo, por ser este, en última instancia, quen daba as licenzas de obra e de apertura, a pesar de non contar con fosa séptica legalizada, con informe ambiental, e non respectar a apertura ao público, que era a condición explícita para a concesión de devandita licenza. Tiveron que aparecer sentenzas do TSXG (tras unha denuncia do concesionario ao Concello, non por ningunha iniciativa do alcalde) e a resolución definitiva de Portos para que Fernando Suárez acudise ás portas dunha Illa Pancha que levaba 7 anos pechada aos ribadenses.

Nestes anos a asociación de veciños Por nuestro faro dirixiuse ó Valedor do Pobo, organismo en Galicia encargado de facer respectar a transparencia e o dereito á información, para reclamar respostas ao Concello de Ribadeo. Tamén nos diriximos ó Defensor do Pobo en varias ocasións, quen nos deu a razón e pedira o informe ambiental a Portos de Ferrol-San Cibrao: trátase dun informe inexistente aínda a día de hoxe, xa que Portos non o esixiu á empresa concesionaria nin o Concello mostrou ningún interese por esixilo a Portos. Igualmente dirixímonos a Ecoloxistas en Acción para exporlles o problema, quen ante o silencio reiterado das institucións, decidiron outorgar a bandeira negra 2022 á Illa Pancha.

Tamén chamamos recentemente ás portas do grupo parlamentario do BNG cando nos decatamos de que o Bloque reclamaba a illa da Creba como pública, traballando de xeito conxunto xunto á 'Plataforma pola recuperación da illa da Creba'. Un BNG en defensa do público era todo o que a asociación «Por nuestro faro» quería para Ribadeo. Pouco despois empezaron a moverse as cousas, e, aínda que ninguén dos de aló arriba nos mencionounos en ningún momento, os agradecementos doutros fannos pensar que estes anos de loita non foron en balde.

Pero non imos perder o tempo dándonos palmadiñas no ombreiro. En primeiro lugar estimamos, e así o di a lei de Costas, que a natureza e o mar non debe ter portas. Dicir que podemos entrar de tal hora a tal hora nunha praia como se fose un museo é pouco menos que ridículo. Porque, se pór portas ao campo é posible é debido á privatización dun espazo que nunca debeu ser explotado por particulares. Seguimos pensando que a illa Pancha é de todos, e iso non será efectivo mentres haxa unha porta e un negocio dentro.

Obtivemos o acceso libre en horario restrinxido, e é un triunfo, pero non a panacea que nos vende estes días na prensa o noso alcalde. É inaceptable declarar: «nada temos que obxectar ás actividades que o Estado poida concesionar nesta illa», como xa declarou outras veces, e despreocuparse das consecuencias. Iso significa que a illa non é de Ribadeo senón do goberno español de quenda, -neste caso foi o PP de Rajoy o que impulsou a reconversión dos faros en hoteis a través do programa «Faros de España»- e que pode facer o que considere oportuno. É dicir, que alí poden montar a marimorena, sexa ou non patrimonio público, sexa ou non un lugar emblemático para Ribadeo, sexa ou non un espazo protexido pola lei Natura 2000.

Seguimos sen estudo de impacto ambiental, e descoñecemos se o alcalde vai esperar outros 7 anos para reclamalo como mensaxeiro de Portos, a Xunta ou o goberno español, así que pese á nosa insoportable levedade como asociación, dende Por nuestro faro imos seguir esixindo garantías para que a illa Pancha sexa un espazo público e protexido, para todos os efectos. Non como agora, unha illa en mans alleas onde, grazas á sinalización explícita, todo o espazo transitable é unha cafetaría e os seus accesos, en horarios comerciais.

Covadonga Suárez, presidenta da AVV Por nuestro faro

20210125

Nota de Prensa: SENTENZA TRIBUNAL CONSTITUCIONAL


Por Nuestro Faro

Nota de Prensa

SENTENZA TRIBUNAL CONSTITUCIONAL


O día 20 de xaneiro tivemos coñecemento a través das redes sociais da sentenza do Tribunal Constitucional 134/2019, na que se declara inconstitucional o proxecto de urbanización da illa de Valdecañas, nun encoro da provincia de Cáceres. O proxecto, promovido pola Xunta de Estremadura e unha empresa privada, ven a trancas e barrancas dende 2005 polas reiteradas irregularidades e sentencias en contra. Pese ao cal a empresa e a Xunta de Estremadura seguiron adiante.

O colectivo Por Nuestro Faro ven de notificarlle a sentenza ao alcalde de Ribadeo, polas consecuencias que poda ter para os proxectos que se levan desenvolvido na Illa Pancha e os que se están a realizar na actualidade, coa anuencia e licenza do concello sen ter en conta as condicións legais que esixe a normativa sobre a rede Natura 2000.

O substancial desta sentencia -e onde garda paralelismo co caso da Illa Pancha- é que se trata dun proxecto de privatización de un espazo declarado Zona de Especial Protección de Aves, e acollido as normas da Rede Natura 2000, onde non se tiveron en conta as disposicións legais europeas asumidas e aprobadas polo estado español. Mesmo chegouse a unha modificación da lexislación autonómica, sobrepasando as competencias lexislativas como deixa moi claro o documento emitido polo Tribunal Constitucional. Dentro da mesma sentencia é moi destacado que as zonas afectadas pola Rede Natura 2000 non poden ser urbanizadas e que a “utilización dos terreos con valores ambientais que sexan obxecto da protección pola lexislación aplicable será sempre sometida á preservación de ditos valores e comprenderá de xeito único os actos de alteración do estado natural dos terreos que aquela lexislación expresamente autorice. Protección que acada aínda maior intensidade, se cabe, no caso dos espazos naturais especialmente protexidos e os incluídos na Rede Natura 2000”.

O parágrafo citado é moi interesante por coincidir plenamente cos informes do Defensor del Pueblo, emitido o primeiro o 17 de febreiro de 2017 e ratificado posteriormente en cinco informes máis ate o 10 de outubro de 2018. Informes que, como é sabido, foron obviados pola Autoridade Portuaria e polo concello de Ribadeo, tanto no proxecto inicial de apartamentos, como no da cafetería que se está executando actualmente.

Hai outro punto no que coinciden ambos proxectos e que non queremos deixar de suliñar. O mesmo que o proxecto estremeño ven de atrás, dende 2005, o de Ribadeo ten o seu comezo xa no 2013, e o mesmo que as autoridades estremeñas veñen apostando pola privatización da illa, o concello de Ribadeo ven dende o comezo renunciando a facer un uso público, cultural ou promocional e turístico do Faro e da Illa Pancha en beneficio de un uso privativo. Uso que mesmo impide a entrada da veciñanza e dos visitantes en contra das condicións esixidas polo propio concello no intre da concesión da licenza de actividade dos apartamentos o día 1 de decembro de 2017. Por se houbese algunha dúbida sobre esta intención privatizadora do concello, aí están as hemerotecas cas célebres declaracións do Sr. Alcalde -ao diario El Pais do día 25 de abril de 2014- cando afirmou que se trataba de “un premio para Ribadeo”.

No Colectivo por Nuestro Faro seguimos adiante procurando o ben do pobo e da illa. Entre as accións da última tempada, entramos en contacto coa organización Ecoloxistas en Acción, coa que estamos a estudar o emprender as acción legais que consideremos acaídas tras a revisión de todos os factores implicados.

Antes diso, resulta evidente que o concello de Ribadeo está desenvolvendo unha dinámica que o ten levado a un calello sen saída, con resultados moi negativos ata o momento. Nos próximos tempos verase forzado a un cambio de rumbo que levará a recuperación do equipamento público do faro da Illa Pancha para o servizo comunitario. Como debeu ser dende que a Autoridade Portuaria anunciou a sua intención de abrir os faros a outros usos distintos dos tradicionais.

Por último, compre suliñar que hai xa semanas preguntamos ao Sr. Alcalde para que se necesitaban dúas palas mecánicas non pequenas na Illa Pancha se a obra que agora se executa era a simple reforma do antigo garaxe para instalar unha cafetería. Preguntamos pero non temos resposta. Parece que só preguntar non sirve de nada.

20130618

UTILIZACION DE HERBICIDA TOTAL SISTEMICO POR PARTE DO MINISTERIO DE FOMENTO, TANTO NAS ESTRADAS NACIONAIS COMO NAS AUTOVIAS

Artigo de José Ángel Salvatierra Rico

Desde hai aproximadamente dous anos, o Ministerio de Fomento, no que compete a provincia de Lugo, está aplicando herbicida total nas cunetas, arcéns e taludes das estradas da súa competencia, e da autovia do Cantábrico dende Ribadeo dirección Baamonde. Non o está a facer polo momento, na autovia A Coruña - Lugo, mais tamén o fixo nas estradas N- 634 e N-642.
Este tipo de desbroce químico, pola información que recollín en internet, estáse a facer noutras partes de España, en Andalucía por parte da Conselleria de Obras e tamén na Comunidade de Castela a Mancha. Nesta última mesmo nas estradas das Deputacións. Desgraciadamente parece que a fumigación de cunetas con herbicida non é exclusiva de Galicia, aínda que aquí, eso si, sempre copiámolo peor. Coa diferenza agravante que aquí chove máis que en calqueira outro sitio de España, e así pois a posibilidade de contaminación por arrastres de augas a regatos e mananciais é maior.
Esta forma de limpar de maleza as estradas (eu diria que de ensuxar) tan só se ve en España. Eu, que levo percorrendo distintos países de Europa nos últimos vinte anos, non vin o mesmo polo mundo adiante. Fai un mes que percorrín Portugal de norte a sur, e viceversa, con rota distinta, e non atopei estradas fumigadas. Se a disculpa é a crise para aforrar, Portugal esta peor ca nós, económicamente me refiro, e non fan esto.
Ó secar a maleza co herbicida, as cunetas e arcéns convertense nunha gran “mecha” permanente todo o verán ó longo das estradas para a propagación do lume. Aquí se produce unha contradición máis entre as distintas Administracións, pois a mesma Conselleria de Medio Rural na Lei de montes de 23 de xullo do 2012, recolle a obrigatoriedade de gardar distancias de plantación, dende o límite do dominio público das distintas vias, como autoestradas, autovías, corredores, estradas convencionais, pistas forestais, etc, con distancias que van dos 2 ós 6 m dependendo da especie de árbore do que se trate. Todo elo para evitar a facilidade de propagar os incendios e ó mesmo tempo propiciar que as vías fagan de cortafogos. Pois xa vemos a coherencia dos nosos responsables políticos. No papel do BOE ou no DOGA se recolle, e logo na realidade de cada dia, esto non fuciona. Que di a Conselleria do Medioambiente? Nada. Véndennos Reservas da Biosfera, Redes Natura, ZEPAs, LICs etc, etc. e logo envenenan o medio, cando verdadeiramente non é necesario, a parte de provocar un gran impacto ambiental. Non teñen a máis minima sensibilidade, nin gusto pola paisaxe. Ata esto nos quitan, que é do pouco que a natureza en Galicia nos da gratis, pero entre todos empeñámonos en destruir. Ecoloxistas en Acción de Andalucia ten denunciado estas fumigacións diante da Conselleria de Medio Ambiente, pois estánse a facer fumigacións con herbicida ata en pistas de Parques Naturais. Esto xa é o máximo. Hai que facer algo.
Respecto o Concello de Ribadeo, está permitindo que -na estrada do monte e algunhas outras tamén- se aplique este tipo de herbicida dende fai abondos anos, por parte dos titulares das distintas fincas, tanto en cunetas como en taludes. Eu xa lle comunicara esto a concelleiro de medio Ambiente no seu dia, pero a cousa non se detén, se non que vai a máis.

20100113

Mirando cara ó ecoloxismo

"Por certo, ó final liberaron por fin ó voso colega manifestante López de Uralde". O comentario de pasada que me chegou insertado nun correo sobre outro tema referiase ó Presidente de Greenpeace (ou sexa, 'paz verde') en España, facendo un contacto entre el (e polo tanto Greenpeace), participante na manifestación contra a construcción dunha macronave no porto sobre a ría ribadense, e a AVV O Tesón, convocante da manifestación. De calquera xeito, non deixou de chamarme a atención a redacción do parágrafo por varias razóns.
A primeira, o de 'ó final'. Coido que estar retido 20 días, illado, cunha lei sacada da manga poucos días antes do cumio sobre o clima para permitir facer retencións de ata 40 días, sen ter usado en ningún momento a forza, sempre en acción pacífica, e máis ben ensinando ós gardiáns do cumio os seus puntos fracos, violando a policía noutros casos a liberdade de asociación das leis danesas e europeas, ... non é para comezar cun 'ó final'. A liberación, ise final, debera darse por sentado dende o primeiro momento. 'Ó final' só implica unha disfunción, algo que non viña a conto facer así pero logrouse, o que non é o caso respecto da liberación.
Outros aspectos que me chamaron a atención son digamos máis lúdicos: 'Ó voso'. Coido que López de Uralde, como calquera persoa, 'é súa'. En todo caso, calquera persoa é 'un pouco de todos', como ser social. Pero nunca debera catalogarse como 'noso' ou 'voso', como algo que se pode adquirir ou traspasar. E menos, se cabe aínda, cando se trata de encasillar a alguén nunhas ideas de defensa de todos (aínda que para defender a todos teña que enfrontarse a algúns)
'Colega'. A pesar dunha foto publicada na 'Comarca' de 20100109, pode dicirse que non coñezo á persoa da que estamos tratando. Coido que comparto algunhas ideas e algúns anhelos, pero non sabería dicir, por exemplo, se ten familia. Pode que me gustara poder chamarlle 'colega', pero a pesares do antedito, ou do respeto e o apoio que pode ter da miña parte ou da xente que conforma O Tesón, non me sinto como un 'colega'.
'Colega manifestante'. Se collemos e xuntamos o de 'manifestante' á verba 'colega', así limitada a verba, a relación entre López de Uralde e eu ou calquera outra persoa manifestante en Ribadeo na manifestación na que el estivo, achegariase máis ó que di o diccionario: parece que si, estivemos nunha acción xuntos, que é unha das posibilidades que contempla a definición de 'colega' por parte da RAE. Pero a verdade é que non sei nin como se enterou da manifestación.
Unha vez aclarado iso sobre unha persoa que estivo en Ribadeo e compartiu algún desexo connosco, coido que xa hai abonda información nos medios para ter claras varias cousas en relación ó seu encarceramento. Entre elas, resaltaría unha precisamente pola pouca relevancia que levou nas informacións: que o trato dado ós ecoloxistas na xuntanza de Copenhague non é moi diferente do que se lles da outras veces a eles ou a outros grupos que actuando acertada ou equivocadamente tentan poñer algo de cordura nas relacións humanas ou dos humanos coa natureza. Que trato?. Tentar de quitalos de enmedio porque molestan a quenes lles foi outorgado (ou colleron de por si) o poder de decisión no tema correspondente.
Outra cousa esquecida entre as informacións é que por desgraza é necesario a presión da prensa a posteriori dos sucesos para voltar as cousas ó seu cauce, en troques de que sirva de xeito previo a consulta á cidadanía, a súa implicación en problemas que lle afectan. Algo así como a normalización do dereito ó pataleo, que cando é abondo e prolongado, pode facer variar decisións anteriores.
Unha terceira, que os problemas quedan eclipsados polo 'glamour' ou a 'impresión' das noticias, primando a foto de quen decide por riba do que se decide, esquecendo ademáis xa non só a orde causa-efecto das cousas (neste caso, respecto da detención dun grupo de ecoloxistas), senón tamén pasando páxina moito máis rápidamente sobre as decisións (mellor, a falta de decisións) tomadas sobre o clima na xuntanza a alto nivel de Copenhague que sobre o propio feito da detención. Algo que, se ben pode ter servido para que 'ó final' remataran liberados os detidos uns días antes do prazo dado pola nova lei ad-hoc, tamén serve para trivializar unha decisión que non é, nin moito menos, trivial: a de non facer nada mentras que o planeta segue ó garete debido ás nosas accións anteriores, despois de primar un tipo de economía que lle da cartos a quen máis ten contrarestándoo con retirada de prestacións a quen máis as necesita.

20230524

Por Nuestro Faro fala con Greenpeace

 Por Nuestro Faro fala con Greenpeace

A asociación Por Nuestro Faro contactou con Greenpeace para pedirlle que interveña na situación irregular da illa Pancha.

Lembremos que Ecoloxistas en Acción xa ten dado en 2022 a bandeira negra á illa Pancha pola carencia de garantías de protección medioambientais, no marco dun proceso irregular, pero neste caso temos decidido ir máis aló e, tras varios contactos telefónicos, temos enviado un escrito a Greenpeace para expoñer a situación.

No texto de dito escrito falámoslles das irregularidades e ocultismo na tramitación dos expedientes a partir do mesmo momento no que se produce a adxudicación dese espazo de forma directa sen concurso público, pero centrándonos sobre todo en «la falta de Estudio de Impacto Ambiental del proyecto que estaba ubicado en la Ría de Ribadeo, incluída en Red Natura 2000 por su declaración como zona ZEPA (art 7.2 de la ley 21/2013 de 9 de diciembre)». Na nosa comunicación explicamos as autorizacións sucesivas (licenzas de obra, de apertura, etc. …) expedidas polo Concello de Ribadeo ós proxectos alí autorizados sen ter esigido en ningún momento o estudo de impacto medioambiental obrigatorio por lei.

Para argumentar a nosa petición, apoiámonos nos informes do Defensor del Pueblo emitidos en 16/02/2017 e 10/02/2023 con motivo das nosas queixas, e que foron remitidos no seu momento por «la Oficina del Defensor al Ayuntamiento de Ribadeo y a la Autoridad Portuaria sin que estos organismos adoptasen ningún tipo de medidas para que se realizase la evaluación de impacto preceptiva».

«En resumen, nuestra comunicación con Geenpeace pretende resaltar el incumplimiento flagrante y sostenido por parte del Ayuntamiento de Ribadeo y la Autoridad Portuaria de la norma española y europea que exige estudios de impacto para realizar determinados proyectos en zonas afectadas por la Red Natura 2000, como es este caso.» 

Ante o inmovilismo persistente de ditas administracións, a nosa petición central a Greenpeace é que estuden o caso para denuncialas ante a Comisión Europea «por su incumplimiento sistemático de las normas mencionadas».

Por Nuestro Faro segurá informando ó pobo de Ribadeo da evolución da nosa petición e das nosas comunicacións con Greenpeace.


AVV Por Nuestro Faro


20220423

Capitán Galiza. Covadonga Suárez

Capitán Galiza

Temos un superheroe. Para que procuralo en Marvel ou en Hollywood, cando temos un que arrecende a costa verdecente?

O amor -como dixo Will Smith despois de arrearlle unha labazada ó presentador dos Oscar- faite facer toleadas. Iso explica que o amante da terra galega poda facer auténticas toleadas segundo sopre o vento nos rumorosos pinos. Sen deixar de amar de xeito tolo ó patrimonio e á natureza local, pode declarar na prensa que dálle igual que na illa Pancha poñan un bar ou un Zara, como pode afirmar sen poñerse vermello que o Defensor del Pueblo ó mellor é un incompetente por pedir respecto á lei Natura 2000, como non gurguta se na illa hai unha foxa séptica sen legalizar dende hai anos. Porque non saber como vai o das verteduras á la Ría también é amar a terra a tope.

Rei da transparencia nos seus momentos de ocio, retén e nega información á AAVV Por Nuestro Faro e ó pobo de Ribadeo sobre a illa Pancha dende fai, ao menos, 7 anos. Tamén se fai o preguizoso co Defensor e o Valedor, que tiveron que chamalo á orde varias veces para que remitira a información solicitada por eles. Por suposto, temos a lista de todos eses correos, por se alguén puidera estar interesado. Quen queira tamén pode procurar na páxina web do Concello de Ribadeo e ver cantas veces se ten mentado a praia das Catedrais nestes últimos anos e comparar co número de veces que se informou sobre a illa Pancha.

Por iso, a nosa sorpresa foi maiúscula cando a pasada Semana Santa vimos publicado na web o resultado dun contencioso polo que tíñamos preguntado varias veces, sen éxito. A xulgar polo titular parece como se o Concello sempre tivera defendido o acceso á illa Pancha e rematara de ganar a batalla. «Informando», pode lerse tamén en facebook. Vaia expansión. E todo por ter ganado un contencioso derivado dunha denuncia da empresa concesionaria. Igual ata acaba cumpríndose a lei de rebote.

En Por Nuestro Faro estamos moi contentos de que un tribunal teña recoñecido que a porta de Illa Pancha debe estar aberta. O que non sabemos é por que Capitán Galiza cos seus superpoderes non mandou nunca que se abrise a porta da illa, así, de xeito sinxelo, dado que a obriga de tela aberta ó público en xeral está nos papeis dende 2017. Por que espera a unha denuncia do promotor e a resolución do TSXG para sacar o tema. E por que segue sen mover un dedo.

Por suposto, o autobombo de quen nos pon tropezos de xeito máis acérrimo xa se ten estendido como a pólvora. Que grande es, Capitán Galiza, agora abanderado dunha causa que sempre te deu urticaria. Durante todo este tempo a illa Pancha foi usada como unha propiedade privada: montouse hotel e cafetería, e ábrese e pecha cando lle apetece ó hostaleiro en función do seu calendario de tempada. Ah, e sen presión de ningún tipo por non respectar as condicións da licenza de apertura.

E así segue a ser, a pesar do que digan xuíces, defensores, valedores, ecoloxistas en acción, e a AAVV Por Nuestro Faro.

Nós, aínda que non levemos capa, seguiremos adiante. Os tempos son chegados/ dos bardos das edades/ que as vosas vaguedades/ cumprido fin terán.

Covadonga Suárez, presidenta da AAVV Por Nuestro Faro

--

Nota: primeiro foi publicado coa ilustración seguinte:


20070202

Falta conciencia, a 'conciencia dos novos ecoloxistas'


Neste caso, de que a Terra está en perigo pola acción humana: onte non se notou o apagón para apoio das posturas enfrontadas ó quencemento da Terra... ou acaso se considerou que non viña a conto. De calquera xeito, se tomamos o tema como indicativo, é unha indicación máis de que queda moito camiño por percorrer para evitar o cambio climático, o quencemento da Terra. Esta fin de semana nun xornal leín un artigo sobre a 'coincidencia dos novos ecoloxistas', referíndose a Bush e empresas contaminantes ata hoxe, día no que se presenta o informe do panel sobre o clima en París. polo momento, un ecoloxismo visible e en certo xeito polo menos maioritario está sendo o de aproveitamento máximo sen importar contaminación máis que para dar boa imaxe cando esta sae. Cambiará. A tempo?
E mentras, en Ribadeo, trifulca vai, trifulca ven...antes das eleccións e na procura de maximizar o resultado electoral. Mellor en Cervo, con cartas e poesías de amor en liza para un concurso no día de san valentín, que aquí, onde sigo sen comprender que o partido (non en Ribadeo, senón a nivel superior) suspenda onte a Santiago de militancia, pero quede como delegado de facenda nin na Deputación. Debo ter entendido mal. Pero en torno ás declaracións sobre edificabilidade e trato de favor, sigue o tema; agora é Fernando Suárez o que di que non se aumentou edificabilidade, e de paso, que a rúa Luz Pozo por fin vai a ver a luz dun amaño (mentras sigue na primeira o edificio cunha altura que se non é de favor é cando menos incomprensible alí, e na segunda, a poucos metros máis aló no xardín, unha rúa ocupada ¿dous anos? por unha obra que en teoría xa rematou...)
En canto á declaración da xente do concello (secretario, arquiteco, alcalde) sobre o tema de concesión de licencia a Acuinor, polas novas dispoñibles xa se manifestaron irregularidades. Outra cousa é que se consideren punibles: xa veremos que di a xustiza.
A imaxe, unha foto xa vella (2 anos) do Cantón dos Moreno, Ribadeo.

20230511

ILLA PANCHA BIC E OUTROS OBXECTIVOS. AVV Por Nuestro Faro

Foto de Suso Fernández

ILLA PANCHA BIC E OUTROS OBXECTIVOS

    O pasado 3 de xaneiro solicitamos ó Concello de Ribadeo que comezara a tramitación para que o faro de Ribadeo sexa declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en base á súa escaleira de caracol e balcón circular da lanterna, pezas feitas nas Antigas Forxas Artesanais de Sargadelos, a finais do século XIX.

    Uns días despois desta petición, o alcalde poñíase á entrada da illa e arrincaba a porta. Sabemos que este xesto non respondía ó noso requerimento de forma directa, pero marcaba as prioridades efectistas do momento, despois de tantos anos pedíndolle que abrira aquela porta sen éxito.

    De feito, tres meses despois seguimos sen resposta á nosa petición de BIC pero séguese a falar da porta. E en exclusiva.

    En consecuencia, esta semana a asociación «Por Nuestro Faro» dirixiuse á Xunta de Galicia para pedir a axuda que o Concello nin considera. A relevancia social e cultural dos elementos históricos presentes no antigo faro é evidente, e cremos que o seu estudo e contemplación no deberan reducirse ós clientes dos apartamentos turísticos. Cualquera persoa interesada debe poder visitar esas pezas da arquitectura tradicional gallega sen máis limitación que a establecida pola normativa vixente.

    Agardamos que a Xunta dé comezo á tramitación e lamentamos que o Concello de Ribadeo no teña estudado estes elementos antes de aprobar a privatización dese espazo, nin teña aproveitado a ocasión de rectificar cando llo pedimos hai uns meses, acordándolles o interere que merecen, como elementos artísticos e históricos do patrimonio ribadense.

    A pesar disto, queremos declarar sinceramente que nos aleda que o alcalde de Ribadeo, ó fin comprendera (e así temos podido lelo na prensa e na páxina web do Concello) que «manda na totalidade do concello. E como mandamos, temos a obriga e a responsabilidade de cumprir e facer cumprir as leis», que é algo que esta asociación leva pedíndolle dende hai 8 anos.

    Aproveitando estas declaracións, queremos lembrarlle que existen outras irregularidades no relativo á xestión do faro e do seu entorno e a tramitación dos proxectos que alí se desenvolven, que conviría comezar a resolver unha vez que a simboloxía publicitaria da porta quede amortizada. Por exemplo, e xa que o Concello deu difusión á obtención de bandeiras azuis nas praias de Ribadeo, queremos subraiar que ten pendente a bandeira negra outorgada por «Ecoloxistas en Acción» á illa Pancha, como consecuencia da falta de estudo de impacto medioambiental preceptivo, carencia que tamén ten sinaldo en varias ocasións o Defensor del Pueblo. Así, para ir comezando.

AVV Por Nuestro Faro

20211206

#eolicosnamarinhaasinon en marcha

    Eólicos na Mariña, así non, é unha plataforma que se engloba na rede #eolicosasinon, organizándose contra a invasión sen sentido de eólicos na zona mariñá. En concreto, un dos parques eólicos que se tenta construír, agora chamado 'Fonte Barreiros' (agora, porque antes xa houb algún intento semellante) chega dende o concello de Foz ó de Ribadeo.

    Para amosar e visibilizar esa realidade, está a organizar charlas (en baixo deixo a convocatoria para a de Ribadeo, este xoves 9 de decembro) e unha concentración o sábado, día 11 de decembro, que para o caso da Mariña será en Foz, da que deixo tamén o chamamento. A plataforma está a botarse a camiñar ante unha falta de información e a presenza de información con nesgo para impoñer os eólicos. Teñen apoio nestes momentos do Sindicato Labrego Galego, Ecoloxistas en Acción ou ADEGA.



20220805

Un paso cara a liberdade da Illa Pancha


 A VV Por Nuestro Faro

Nota de prensa

20220805


Un paso cara a liberdade da Illa Pancha


Dende a AVV Por Nuestro Faro acollemos con satisfacción a nova que hoxe transmiten os medios sobre a rectificación da Autoridade Portuaria en relación ó acceso da IllaPancha. Por ese motivo, e á espera de coñecer máis detalles, deixamos aquí de xeito sucinto o noso comentario á pouca información que coñecemos polos medios.

Facemos unha valoración positiva polo que a nova actuación da Autoridade Portuaria supón de recoñecemento dunha situación que Por Nuestro Faro ven denunciando dende hai 7 anos diante da Autoridade Portuaria e do Concello de Ribadeo.

De calquera xeito, recalcamos que na actualidade a Autoridade Portuaria só ten na illa Pancha en activo o novo faro, debendo volver ó pobo o edificio das vellas instalacións e o resto da illa. Por que ten que expropiar a Autoridade Portuaria a illa Pancha ó pobo de Ribadeo? Debe a illa Pancha ter diferentes criterios de acceso e peche que o faro da Punta da Cruz que ten fronte a ela? Ten acaso diferentes condicións climáticas e de seguridade que a punta da outra beira da ría de Ribadeo? Son diferentes as condicións climatolóxicas e de seguridade para un ribadense que para un cliente do hotel?

Ademais doutros aspectos que tamén nos preocupan e dos que temos alertado, queremos lembrar que seguimos á espera do estudo de impacto medioambiental prometido pola autoridade Portuaria e denunciado por a nosa asociación, polo Defensor del Pueblo e por Ecoloxistas en Acción.

Para rematar, tamén lamentamos que a difusión da nota de prensa do Concello polos medios teña sido parcial, e o que implica que dita nota certifique que o Concello podía ter actuado hai anos.

Á espera de coñecer detalles concretos, damos tamén as grazas a tanta xente que nos ten apoiado e á que as novas expectativas de uso da illa Pancha veñen a dar, tamén, a razón.

20060125

Citas e fotos; ó fondo, Ribadeo.

    Comecemos polas fotos. A primeira, unha clásica: a saída da ría, máis ben a illa Pancha co faro e a casa. Para calquera que ande por Ribadeo, sobra comentario.
A segunda, tamén clásica, pero noutro sentido: na rúa 'Viejo Pancho', un caserón antigo que agora tamén se pode calificar de vello (non 'bello'), debido ó descuido de anos, de abondos anos para que xa constitúa un perigo pasar á súa beira, sen que ninguén se remangue e se poña mans á obra.
    A terceira, Pena Furada, outro clásico da ría. Así, un bocata clásico, entre os 'pans' naturais da ría, o 'magro' dun abandono no interior do pobo. Ás veces dáme polo pesimismo: así, véuseme á cabeza que dentro de pouco, todo pode ser 'magro': todo desatendido e destartalado.
Pode que sexa polas lecturas dalgún artigo que vin estes días. Por eso o das citas:
Comezo cunha para ter unha especie de autoxustificación para as seguintes: 'en estes tempos de impostura universal, dici-la verdade é un acto revolucionario'. Parece que o dixo George Orwell, segundo o cita Ignacio Ramonet. Despois desta cita de dous 'pesos pesados, sigo.
    'España elixiu un mal camiño: crecer económicamente a costa do medio ambiente, algo que a longo termo pasa factura'. Eso di o director do informe sobre o índice internacional de xestión ambiental.
    Máis?
    'O Ministerio de Medio Ambiente e Ecoloxistas en Acción denuncian que as cidades españolas superan os límites de contaminación fixados pola UE' ... o mesmo Ministerio.
    Quen quera saber máis, que mire aquí.
    Máis?
    'O dereito de propiedade non é ilimitado'; eso di J.A.Martín Pallín, do Tribunal Supremo, a conta do urbanismo que se practica en España.
    'Unha operación devastadora que só ten como obxectivo os cartos fáciles e rápidos que se reparten de xeito desigual entre entidades públicas e privadas', no que o mesmo citado se refire a 'unha nova especie de depredadores' que actúan mesmo co consentimento de 'irracionais conciudadanos' que permiten que actúen '... como auténticos cuatreros, chantaxeando a cidadáns...'. Sen máis comentarios ou citas por hoxe.
    ... Pero si un titular: o precio medio das vivendas na Mariña subiu un 50% nos tres anos pasados.

20190726

Glifosato na política municipal. Nota de prensa de en Marea


O pasado día 2 de xullo de 2019 fará historia na vida do herbicida Glifosato. O parlamento austriaco decidiu ese dia que os productos que contivesen glifosato estarían prohibidos en aquel país alpino. Este herbicida, comercializado pola empresa Monsanto nos anos 70 do século pasado, foise extendendo por todo o mundo a través de unha campaña de marketing centrada na sua indiscutible eficacia e na sua suposta inocuidade. Ainda no 1993 a OMS e a EPA (USA) calificabano “ de baixa toxicidade”. Despois de infinidade de estudos e manipulacions pola empresa productora (agora Bayer), o 20 de marzo de 2015 a OMS declarouno “probablemente canceríxeno para a especie humana”. Dende entón unha morea de colectivos ecoloxistas, cidades e movementos sociais veñen loitando activamente para acadar a supresión definiva de este produto ca resistencia do sector produtor e comercializador e concretamente da Unión Europea que mantén unha moratoria ate 2022. Debemos suliñar aquí a laboura de un grupo de deputados europeos, entre eles de Lidia Senra para acadar unha prohibición definitiva que non acaba de chegar. Non é custión de centrarse agora nos efectos do glifosato sobre a saúde humana e sobre o medio ambiente porque están amplamente documentados nas redes e na mais diversa literatura.

O que queremos suliñar son tres cousas:

1.- O Glifosato estase usando de xeito moi extendido na nosa comarca, concretamente nos cultivos de fabas, millo, cunetas espazos públicos etc.

2.- Non existen iniciativas, nen da xunta, nen dos concellos, nen de colectivos sociais, ou estas son mínimas e de escaso impacto, para acadar a sua supresión en un prazo razoable.

3.- Faise imperativo poñer en marcha programas locais e comarcais ca máxima urxencia para reducir e suprimir este produto “probablemente canceríxeno” según a OMS ten recoñecido xa hai mais de catro anos.

O colectivo En Marea suxire unha serie de medidas de baixo custe e de escasa complexidade técnica que poden servir para iniciar un camiño nos concellos da Mariña.

1.- Constituir grupos de traballo abertos e transversais a nivel de concello ou de varios concellos e marcarse unha data límite para que toda a Mariña se teña declarado libre de glifosato, seguindo a iniciativa do Concello de Viveiro que xa adoptou este acordo no ano 2016.

2.- Adoptar programas de erradicación progresiva, comezando pola prohibición de uso en espazos públicos e administarcions a tódolos niveis.

3.- Aprobar programas de analises periódicos e programados, con métodos contrastados, de augas, alimentos, orina humana e outros parámetros que se acorden previos informes técnicos, para un seguimento programado debendo marcarse uns indicadores pbxectivos orientados á erradicación.

4.- Establecer planes de información e educación da veciñanza, agricultores, estudantes, etc. tanto a nivel de concello como comarcal, con proxección mediatíca e redes sociais escalonada e programada.

5.- Coordinación a nivel comarcal entre concellos, colectivos sociais, sindicatos do campo, AAVV, pais de alumnos, xubilados, sanitarios etc. Nos propoñeríamos unha coordinadora aberta de carácter comarcal pero se non fose posible poñela en marcha a corto prazo seríamos partidarios de iniciar coordinoras locais ou que agrupasen a varios concellos con carácter provisional.

En resumen trátase de pasar da inacción actual e a posición de “expectativa” a unha actitude activa, coordinada e orientada á supresión deste produto “probablemente canceríxeno” e altamente prexudicial para o medio, no prazo mais curto posible. O que aquí se prantexa son unas sinxelas suxerencias pero o noso grupo está aberto a calquer outro tipo de acción orientada no mesmo sentido

20210326

A illa Pancha, na Ecocanle

   Ecocanle é unha canle mantida en youtube por xente relacionada con Ecoloxistas en Acción. Un programa que se colga mensualmente, e que entre outras novas, na súa edición de marzo contempla a illa Pancha. Deixo abaixo a entrevista que me fixeron dentro do programa (minuto 11), un resume curto de como leva transcorrido a oposición de Por Nuestro Faro ó desenvolvemento da concesión da illa Pancha.



20230621

As bandeiras negras ondean na zona

    Se o ano pasado era a Illa Pancha quen se levaba a bandeira negra de Ecoloxistas en Acción, este ano úneselle a multinacional Alcoa e a súa tristemente célebre balsa de lodos vermellos. Mellor deixar que a ficha da bandeira fale por si, polo que copio o informe correspondente, e o da praia de Areoura, o outro negro de bandeira da provincia este ano, que ós chalets construídos sobre ela uniu o 'accidente' que cortou a Mariña en dous:







 

20151102

Crónica informal sobre unha xuntanza, coa illa Pancha ó fondo

Distendida, clarificadora, produtiva: estimo que os adxectivos anteriores definen boa parte do que foi a xuntanza de onte sobre a illa Pancha. Sobre a illa, e non só sobre o faro, porque quedou claro que o faro, o edificio, é só unha parte afectada pola cesión para o seu uso hostaleiro.
Pouco a pouco vai cristalizando, medrando e poñéndose en marcha un grupo de persoas que recollen ideas do grupo de internet, no que tamén participan, e as levan á práctica, como diriamos, á rúa, máis aló do dixital, máis acó coa xente.
Coido que quedaron establecidas tres ideas básicas na xuntanza de onte:
1.Fai falta máis información, para facer un seguemento, ver o que estiman ou desestiman os técnicos, pero sobre todo para ter unha base máis sólida de razoamento e actuación.
2.Evidentemente, ten que haber criterios técnicos que guíen a resposta do concello, pero tamén políticos. A nota do alcalde, a pesar de aludir á trasparencia e ser forzada despois de ata cinco meses sen resposta ás peticións, non dixo moito novo, e non respondeu a cousas que se lle pedían, quedando cunha versión restrinxida da petición máis reducida das varias que se fixeron. Por exemplo, non comprendemos por que o concello non publicou xa o informe preceptivo sobre o faro, que foi emitido hai xa tempo, e pedido tamén xa dende antes do verán.
3.Aínda coas fallas anteriores, entendemos que se pretende unha actuación na illa que vai en contra da protección establecida. E mesmo a retórica na nota da alcaldía non evita o poñer en claro algunha contradición, como ocorre no punto 2 da nota, a pouco que nos fixemos no título, que debera corresponder co convenio sobre a illa, e o que se pretende no proxecto presentado: "instalacións complementarias do mesmo en edificación independente (cafetería e aseos), polo que se deberá informar sobre o proxecto presentado, baixo o titulo de “Proxecto Básico e de Execución de Reforma interior e de fachada do faro antigo para uso hoteleiro e de bar cafetería”".
Naturalmente, a xuntanza non quedou aí, senón que continuou con liñas de actuación. Básicamente:
-O concello recibirá esta mesma semana unha renovación de peticións xa feitas, concretándose no acceso ó expediente (onde ten que estar incluído o informe do concello), xa sexa mediante a submionistración dunha copia, ben a partires dunha entrevista co alcalde e acceso ós documentos ou doutro xeito.
-Complementariamente, o grupo recabará máis información sobre a convocatoria que deu pé á cesión da illa e tentará entrar en contacto con organizacións ecoloxistas, recabando información das mesmas ó tempo que informándoas dos efectos que pode ter unha instalación deste tipo sobre a natureza no entorno da illa.
-Como o grupo ve probable no futuro o ter que facer un chamamento á acción cidadá, comezar a desenvolver accións sinxelas que poideran apoiar e facer máis rendible ese chamamento.
Para rematar, deixo algunha foto collida da rede:
Posteada por Covadonga Suárez en Facebook
Noite na illa, por Suso Fernández
O faro no lusco fusco, por Suso Fernández
Obra de José Manuel Yáñez Rodríguez (xa a puxera e retirara noutro post, ó non chegar a tempo a autorización)