20230407

Homenaxe a Xavier Miró

    

    Deixo a nota de prensa do concello:

A ENTRADA É DE BALDE. AS PORTAS ABRIRÁN ÁS SETE DA TARDE

Homenaxe a Xavier Miró

06/04/2023

O Concello renderá homenaxe ao músico ribadense Xavier Miró nun acto que terá lugar o vindeiro 15 de abril no auditorio Hernán Naval a partires das 20:00 horas. O evento foi presentado no salón de plenos polos concelleiros de Cultura e Desenvolvemento Local, Pilar Otero e Pablo Vizoso, e polas artistas Ugía Pedreira e Marina Oural, encargadas da súa posta en escena.  

A edil ribadense dixo: "desde a Concellería de Cultura de Ribadeo queremos informar que estamos a organizar a homenaxe do músico e óptico ribadense, Xavier Miró. Para iso contamos coa colaboración da Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento. Este evento reunirá a diferentes persoas vinculadas á iniciativa e a 120 músicos da Mariña versionando, con diferentes xéneros, os seus singles dos anos 70". 

A compositora Ugía Pedreira contou que "Xavier González Miró (Ribadeo 1948), estudante de óptica no Consello Superior de Investigacións Científicas en Madrid, combina a carreira de óptica coa música e irrompe na autoría discográfica española cantando en galego, con varios temas editados entre os anos 1969 e 1973. Dous deles, Brilla raio de aurora e Miña ruliña, ocupan postos relevantes nas listas de éxitos dos devanditos anos. Xavier vinculouse artisticamente con María, asinando varios vinilos como Xavier e María, entrando daquela en estudios de gravación de calidade, na compaña de produtores e arranxistas tan prestixiosos como Antoni Ros Marbá, coincidindo con Mocedades, Serrat ou Cecilia. Chegaron a facer promoción de radio por toda a península e axudaron a popularizar a cantiga mariñá Catro vellos mariñeiros, de José Travieso Quelle".

E engadiu que "Xavier e María chegaron a participar no que foi no seu momento un paralelo ao actual Benidorm Fest, o Festival da Canción de Torremolinos, presentado pola finada Laura Valenzuela.  A súa achega á musica galega ven marcada pola lingua e o territorio mariñao como lugar de inspiración e saudade, que levou a Xavier Miró a compoñer estas cancións na súa época universitaria en Madrid".

Homenaxe: cancións,  participantes e intervintes
Cancións e participantes:

1. BRILLA RAIO DE AURORA – Erikas e Peluxías, arranxos de Ugía Pedreira para percusión tradicional e voces de mulleres da mariña galega e occidente asturiano.

2. O BORRACHO_ Pedro del Río, cantor veciño de Rinlo, arranxos para guitarra e voz.

3. FOI UNHA NOITE_ Beetle Judge, arranxos de Miguelito (Cherry) para grupo local de rock/metal.

4. MIÑA RULIÑA_ Escola Municipal de Música de Ribadeo, arranxos de Hugo García para alumnado de música.

5. AS FESTAS DOS POVOS_Coral Polifónica de Ribadeo, arranxo para voces corais.

6. AS FESTAS DOS POVOS_ Escola Municipal de Danza de Ribadeo, coreografía de María Justo para alumnado de danza.

7. ADEUS_Banda Municipal de Ribadeo, versión instrumental, arranxos de Eli García-Bouso para banda municipal.

8. CANCIÓN DE RIBADEO_ Corazones Jóvenes, grupo local ao que perteceu Xavier Miró, música anos 70.

9. OS CISNES_ Guadi Galego, canción iniciada por Xavier Miró, completada e arranxada por ela para piano e voz.

10. CANTAR HEI GALICIA _ Dory Yáñez, poema Rosalía de Castro levado ao rap-voz.

Intervencións:
-Alumnado de lingua galega do IES Dionisio Gamallo Fierros. Guión de Suso Fernández Acevedo.

-Ugía Pedreira, compositora e cantora mariñá, ‘O valor das autorías’.

-Xavier Campos, xestor cultural, ‘Xavier Miró no contexto musical da época’.

-Pilar Otero, Concelleira de Cultura de Ribadeo, ‘O coidado da arte ea cultura local. O profeta na súa terra’.

-Xavier Miró/Marina Oural, conversa interxeracional entre homenaxeado e organización.

Otero Cabarcos indicou que "desde o Concello de Ribadeo en xeral e desde a Concellaría de Cultura en particular estamos moi orgullosas de levar a cabo este evento homenaxe que segue a liña marcada de apoio á comunidade".

A concelleira de Cultura manifestou: "que apostamos pola arte en comunidade é un feito que se fai visible cando programamos ciclos como o de Música nas parroquias, no que participaron grupos e asociacións locais, aproveitando todos os espazos que temos e imos conservar, como parte do noso patrimonio en arquitectura de usos sociais, ou como o ciclo de Cultura nas parroquias, no que tivemos ocasión de ver a contadores de prestixio como Celso Sanmartín, Paula Carballeira e Cándido Pazó en varias das nosas parroquias. Tamén en diversas parroquias actuaron varios grupos de teatro da Mariña, deu concertos a Coral Polifónica de Ribadeo e disfrutamos das sesións de música e teatro con Argadelo, que non é outra cousa que un xeito de xuntar persoas de todas as idades arredor dunha idea común, comunitaria, de verse unha vez por semana e crear cultura tendo como espazo a aldea. Idéntico obxectivo nos guía no Soa forte, ese pequeno ciclo de eventos culturais que nace na mesma liña de aproveitar todos os espazos que temos e poñer en valor o noso patrimonio, tamén en territorios rurais, neste caso nun dos lugares emblemáticos de Ribadeo, no Forte de San Damián".

A artista Marina Oural sinalou que "por iso o feito de nomear e render homenaxe a un dos nosos músicos, que tivo a afouteza de cantar en galego no festival de Torremolinos no 71, cando aínda era o tempo da ditadura franquista, non é máis que un acto lóxico e necesario. Temos en Ribadeo alguén que fixo nos anos 70 o que as Tanxugueiras están a facer agora e isto había que contalo e celebralo. Para o presente e tamén para o futuro". 

E subliñou: "a Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento que  labora en arte, saúde e cultura comunitaria, onde a autoría e posta en escena son focos de investigación e coidado, considerou de vital importancia celebrar a vida deste autor que nos deixou sementes creativas conscientes desde o eixo fértil e expansivo do norte Cantábrico. É pois unha necesaria divulgación para as novas xeracións mariñás, e tamén para as persoas coetáneas do propio homenaxeado, sendo forza presente para a saúde social e o ámbito relacional no espazo que habitamos".

Marina Oural engadiu: "así pois, o Concello de Ribadeo a través da concelleira de cultura, Pilar Otero, xunto coa Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento, Ugia Pedreira e mais eu mesma, Marina Oural, dámonos a mao para deseñar, implementar e valorar a transformación dunha realidade mariñá que empuxe na calidade de vida. Emprégase neste caso o noso patrimonio inmaterial, a educación e a creatividade como elementos de edificación comunal. Con interese polo protagonismo colectivo incentivouse nesta homenaxe a participación, a circulación de coñecementos, o acceso á cultura da zona e o desenvolvemento endóxeno da nosa cultura popular, procurando así o sentimento de autoestima para a comunidade.Traballo en rede, cooperación, intercambio e diálogo interxeracional fixeron posible este grande evento localizado fóra das cidades cunha equipa de profesionais e amadores que representan moitos concellos da Mariña e do Occidente astur".

Cartel e Exposición Monográfica O álbum de Miró
Oural seguiu a relatar que "a familia de Xavier Miró xunto co propio autor, coidou rigorosamente o material ligado á súa carreira musical nos anos 70. Un percorrido gráfico que mostra como o compositor mariñao compuxo, gravou, produciu e xirou coas súas cancións en diversos singles que os medios de comunicación da época recolleron". 

Pablo Vizoso contou que "o Obradoiro de Dinamización, Programación e Desenvolvemento de Accións Culturais do Concello de Ribadeo encargouse do deseño de cartel do evento, así como dos paneis que se exporán na entrada do auditorio, onde os asistentes poderán gozar de ver fotografías, procesos de composición, portadas de discos, contratos musicais, cancións escritas á man, entrevistas, etc".

Os concelleiros ribadenses convidan a asistir a este acto: "así pois queremos convidarvos, especialmente á veciñanza de Ribadeo, a compartir esta homenaxe que quixemos renderlle a Xavier Miró, para amosarvos a súa pegada musical. Ogallá o disfrutedes tanto como nós xa o fixemos na súa organización".

A homenaxe a Xavier Miró, organizada polo Concello de Ribadeo coa colaboración da Asociación Cultural Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento, terá lugar no Auditorio Hernán Naval o 15 de abril. A apertura de portas está prevista para as sete da tarde. A entrada é de balde.

20230405

Anda! Se onte houbo pleno!

    O mirar as novas do concello vexo que onte houbo pleno. Avisado nela o mesmo día, a nota non incluía a convocatoria, que tampouco está na sede electrónica, seguindo unha vella e mala costume que ultimamente parece que pouco a pouco poidera ir rachando. Xa foi. A nota emitida déixoa a continuación, coa perspectiva de que habería pouca cousa a engadir despois do pleno:

TAMÉN SE ABORDARÁN ASUNTOS DE ÍNDOLE CONTABLE

Pleno, esta tarde

04/04/2023

Hoxe terá lugar o último pleno ordinario do mandato no Concello de Ribadeo. O novo centro de saúde e a praza de abastos forman parte dos asuntos que figuran na orde do día desta sesión, na que ao seu inicio a Corporación Municipal gardará un minuto de silencio pola memoria das vítimas do grave accidente de circulación ocorrido o pasado sábado en Xove, segundo deu a coñecer esta mañá o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor explicou que "temos convocado desde a semana pasada un pleno ordinario para estar tarde-noite, que por certo, vai ser o derradeiro deste mandato, e onde se han tratar, coma sempre, temas importantes para Ribadeo. Pero o primeiro que imos facer a Corporación vai ser gardar un minuto de silencio pola memoria destas catro marabillosas persoas que perderon a vida no fatal accidente de tráfico desta pasada fin de semana. Sabemos que a vida debe continuar, pero queremos, sempre co máximo respecto ás familias e como xesto de apoio e de cariño dos representantes públicos, expresar humildemente o noso sentimento de que nunca os imos esquecer".

Varios asuntos figuran na orde do día: "no pleno trataranse asuntos de índole contable, como a liquidación do orzamento do ano pasado, como dotación de remanentes de crédito para facturas que do 2022 foron presentadas no rexistro de entrada neste 2023, así como unha serie de axustes contables que hai que facer no cambio de ano para que todo flúa e se poida seguir traballando con normalidade".

Suárez Barcia subliñou que "levaremos neste pleno tamén a proposta de modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal para delimitar e clasificar con precisión os terreos urbanos comprometidos coa Consellería de Sanidade para a futura construción dun novo Centro de Saúde. Despois dun proceso de meses de tramitación técnica e de recibir os necesarios informes autonómicos, procederemos agora á aprobación inicial e posterior exposición pública así como coa petición do resto de informes sectoriais que marcan as leis".

O alcalde engadiu que "outro dos puntos será o inicio do expediente de contratación dunhas necesarias obras de mellora na Praza de Abastos coa substitución das vellas reixas e persianas dos postos comerciais por outras novas. Este asunto debe vir ao pleno pola demora excesiva e inxustificada por parte da Xunta de Galicia, xa que tras pedir unha subvención o Concello, recibimos a resposta informal da súa concesión, e logo a resposta escrita denegándoa. Diante desta curiosa situación, o Concello tivo que recorrela, o que levou seguidamente aos técnicos da Xunta a informarnos de que efectivamente ían rectificar na súa mala praxe. Pero o caso é que as semanas pasan e debemos licitar as obras porque con axuda ou sen axuda da Xunta de Galicia, algo ao que xa estamos afeitos, estas obras vanse facer".

20230403

Estudio sobre toponimia de Ribadeo

    Hai xa longo tempo que o libro 'Estudio sobre toponimia de Ribadeo' foi presentado (3 de novembro de 2007). Hora era de que ocupara asemade un lugar accesible na rede, hora que chegou.

    Deixo asemade a ligazón para velo doutro xeito: https://www.slideshare.net/AntonioGregorioMonte/estudio-sobre-toponimia-de-ribadeo


Chío dende Ribadeo

    Remata de saír o número de abril de Chío, revista dixital da capital provincial na que Ribadeo ten un oco. Neste caso, este:

Chío dende Ribadeo

    O seu límite con Inglaterra, mar por medio, fai de Ribadeo non só un lugar de fronteira (múltiple) senón tamén de encontro e cosmopolitismo. O mar leva sećulos comunicando esta terra co resto do planeta. E hai que dicir que, se ben por toneladas de mercadoría as contas estén en máximos nestes século, por importancia comercial hai máis de dous séculos que se manexaba o liño ou o Kummel báltico, embarcado alí en embarcadoiros co nome de Ribadeo. Un porto ao abrigo da ría de Ribadeo que é unha xoia no Cantábrico, cunha historia que inclúe o asentamento do bispado, que veu e volveu, a Mondoñedo, un entorno ó que se lle chamou Terras de Ribadeo e unha ría que a máis de levar o nome de Ribadeo polo mundo, contribuíu a sacar ferro de Vilaoudriz ou a acubillar naves da vencida invincible.

    E si, tamén fronteira. Unha fronteira en retroceso dende hai tempo, hai xa moitos séculos, do que a lenda conta que se cambiou o territorio eonaviego por unha muller, despois dunha disputa entre bispos por ambas cousas, quedando as terras do lado de aló. De xeito abondo máis recente, pouco máis dun século, a Veiga de Ribadeo cambiou o seu nome polo de Vegadeo, conservando aínda detalles como o nome no seu palco da música. E a día de hoxe, unha decisión dun organismo asentado en Madrid quere que Ribadeo comparta o nome da ría co río que comeza en terras de Baleira. Polo momento, espérase o xuízo para anular esa decisión, que de xeito xuizoso non debera ser tomada contra un nome que leva séculos asentado nas cartas mariñas de todo o mundo. Diso, igual que da illa Pancha, volveremos a tratar: Ribadeo dá de si para que unha introdución nunca se quede curta ó tempo que sempre sexa convinte. 

    A ría, que pode estar en disputa, en troques, na realidade, une. Hai tempo que se evitaba o dar a volta pola Veiga simplesmente collendo a barca de pasaxe, e a xente das Figueiras ou da súa capital de concello, Castropol, ó mercar en Ribadeo tiña moitas veces un desconto para contribuír ó pago da pasaxe. Hoxe as lanchas non son de pasaxe, senón turísticas. O que fixo posible ese cambio foi unha ponte, a Ponte dos Santos, chamada así por estar trazada entre a beira de dúas capelas, a de San Miguel en Ribadeo e a de San Román nas Figueiras. Unha ponte que comezou sendo de estrada nacional (N-634) e logo pasou, ampliación mediante, de autovía (A-8). Visitáchela por baixo? Non? Faino, é outra visión diferente. 


 Antonio Gregorio Montes

Superpoboación, infrareprodución


Superpoboación, infrareprodución

    Non somos os únicos. Dise que Galicia ten un problema de natalidade. Polo que parece, en Corea do Sur están aínda peor (que España, non que Galicia). E empeorando.

    Ó tempo, no mundo fálase de superpoboación e falta de natalidade. Superpoboación que afectaría a todo o planeta. Falta de natalidade en 'occidente' (sexa o que sexa iso, incluíndo Xapón e Corea) e en China, o que indica que a presión sobre determinados recursos, perda de diversidade ou contaminación poderá ter no futuro unha distribución diferente á actual.

     A poboación mundial segue a medrar, esperando acadar os 8 000 000 000 de habitantes en cousa de tres anos, despois de superar os 7 000 000 000 hai doce, e ter a metade de poboación que hoxe hai só uns 50 anos. Están a nacer dúas persoas por cada unha que morre. E claro, máis poboación, maior consumo de recursos, etc, aínda que tamén sexa certo que unha persoa media da parte rica do planeta consume os mesmos recursos que unhas cantas da parte pobre: mesmo os pobres 'medios' dun país rico poden consumir máis que a media dun país pobre...

    Ó tempo que sucede o anterior, diversos países, como o máis poboado, teñen unha crise de natalidade. A China está tratando de desfacerse da política de fillo único mentres a idade media da súa poboación segue a medrar: ate os anos 70 do século pasado non chegaba a 20 anos, e hoxe vai camiño dos 40. Claro que a idade media en Galicia está en 48 anos, sobrepasando en Lugo e Ourense os 50; en Ribadeo está en preto de 50, parello a Galicia en xeral. Na Corea do Sur, anda polos 44 anos, cunha taxa de fertilidade de 1,11 fillos por muller, aínda maior ca galega, de 1,01 fillos por muller. Con eses números, en principio a poboación da seguinte xeración surcoreana ou galega tería a metade de xente que a que a está a enxendrar. De feito, como Galicia xa leva moitos anos en cifras semellantes (Corea do Sur aínda non tantos), a pesar da inmigración, leva baixando poboación durante décadas de xeito continuado ano tras ano; se un ano aumenta un par de milleiros, ó seguinte baixa cinco veces máis.

    O anterior incide nunha morea de problemas, dende as causas do cambio climático á falta de materiais para a electrónica, pasando pola perda de diversidade ou a contaminación, e sobre todo, nunha distribución anómala de posibilidades para cada persoa. Poden facerse moitos comentarios e apreciacións ós números anteriores, pero quedaríame para considerar cuns poucos que están relacionados e que entendo que tentan a procura de solución a un problema sen mirar as causas. Son aqueles que ven á poboación só como unha variable para o que chaman movemento económico, o medrar en produto industrial bruto ou taxas semellantes. Aqueles xerados por xente á que non se lle pasa pola cabeza un comentario do tipo dun que vin esta semana na rede: "Organizas un país en el que no vale la pena vivir y luego te preguntas por qué la gente no quiere tener hijos en él. Me recuerda a mi país". Xente que considera normal que na rúa se vexan abondo máis cans que nenos (claro, inflúe a hora do colexio, os cans non van... e necesítase sacalos varias veces ó día!). Pode que xente coma nós mesmos.

    E é que se se mira só dende a economía, iso de non ter xente a quen vender pode ser unha catástrofe tan grande ou máis como non ter a xente que produza para levarse unha tallada do seu produto, e saen ideas como permitir que as empregadas domésticas estranxeiras podan cobrar menos do salario mínimo (algo legal nalgún país), ou perseguir e 'tratar médicamente' a homosexualidade. Pode que porque en Galicia o neoliberalismo aínda está a impoñerse non se teñan proposto aínda ideas semellantes. Todo pode chegar.

20230402

Concentración pensionista en Ribadeo, 20230401

Foto de Suso da concentración do 20230401

    Un novo primeiro sábado de mes, concentración pensionista en Ribadeo. 52 persoas contadas no Cantón, á beira do Pazo de Ibáñez coas bandeiras a media pao por mor do accidente de tráfico de poucas horas atrás con catro mortos, que tamén foi lembrado na concentración cun minuto de silencio. Falaron Evaristo Lombardero, José Ángel Salvatierra, Básaro López e Antonio Gregorio

Texto (aproximado) lido por Evaristo Lombvardero:

Sábado 1 de Abril de 2023 (minuto de silencio polos xoves falecidos en accidente de tráfico)  

 

Bo día compañeiras e compañeiros, agardemos que non nos colla a choiva e menos ainda os incendios que están asulagando tanto en Asturias como en Galicia miles de hectáreas de monte.  

 

Quixera comentar hoxe dous temas da máxima actualidade de gran interese para os xubilados e xubiladas e para os que o van ser nos próximos anos. Pero antes quixera facervos un chamamento para que haxa mais intervencións e opinións porque todas son necesarias para que esto non se convirta nun monólogo aburrido e repetitivo.  

 

De estes dous temas vou tratar primeiro o de Francia, que se ben xa o coñecemos todos polos medios de comunicación, anque estes tratan de manterlo o mais caladiño posible hai algún aspectos que quero suliñar. Como xa sabemos as movilizacións en Francia comezaron por un grupo de estudantes e posteriormente foron apoiadas por todos os sindicatos, incluido o mais próximo ao goberno, que pretende a xa aprobou por decreto a subida da edade de xubilación de 62 a 64 anos. O que quero suliñar é que as movilizacións en Francia tiveron unha importante repercusión nas esixencias da Unión Europea á hora de negociar co goberno español o texto do último decreto lei que logo comentaremos, tal como recoñeceron diferentes medios nos días pasados, beneficiando así as reivindicacións dos pensionistas españoles. Pero non so eso, senón que en unha crónica publicada onte por axencia aparece o relato de que o goberno inglés acaba de conxelar a decisión tomada xa en 2017 de subir a edade de xubilación dos 66 aos 67 anos entre 2026 e 2028, pero agora este goberno conservador, absolutamente sumiso as ordes do Banco Mundial e dos líderes do neoliberalismo aplaza a execución de ese proxecto para despois das eleccións xerais de 2024, tomando nota as movilizacións francesas que están sendo as maiores dos últimos 40 anos e por medo a que se reproduzan as movilizacións en Gran Bretaña, ou sexa entroulles o medo no corpo como se soe decir. Naturalmente que non imos descubrir agora que as movilizacións das clases traballadoras son a principal ferramenta que temos para presionar aos gobernos de calquer color e conseguir melloras sociais ou laborais e este é un exemplo actual que demostra unha vez mais a lei da gravedade e como unha actuación en un país repercute en outro porque os problemas son moi similares e están determinados polas políticas mundiais do FMI, a UE, a banca e as multinacionais. Como sabedes hai poucos días celebrouse un encontro no Pais Vasco de plataformas de pensionistas do estado español e alí estiveron catro compañeiros e compañeiras de Modepen e tiveron conversas e debates con compañeiros franceses e de outros países europeos de maneira que se está xestando unha coordinación interestatal europea que traguerá avances nas loitas por unas pensións dignas e uns dereitos sociais que nos foron arrebatadas nos últimos anos na estratexia neoliberal de derrubar o chamado estado de benestar. Non me extendo mais neste tema que xa coñeces pero que debe servir para convencer a moita xente que ainda sigue pasiva e desmovilizada, agardando o maná, da importancia de participar e sair da casa e xenerar grandes ou pequeñas movilizacións en todos os pobos e ciudades.  

 

O segundo tema que quero comentar hoxe é o asunto do último decreto lei sobre pensións publicado no BOE o 17 de marzo que leva por pomposo título “ Medidas urxentes para a ampliación dos dereitos dos pensionistas, a reducción da brecha de xénero  e o establecimento dun novo marco de sostibilidade do sistema público de pensións”. Sobre este decreto xa tedes coñecemento pola prensa e polas notas que publicaron as plataformas de pensionsitas agrupadas na Unidade de Acción e que foi convalidado  antonte polo Congreso dos Deputados con 179 votos a favor do PSOE, Unidas Podemos, Más País, Compromís, PNV, ERC, EH Bildu y PDeCAT e outros e 104 votos en contra,  PP  Ciudadanos a CUP e o BNG e ca abstención Vox, se ben hai que suliñar que os votos en contra da CUP e o BNG foron por motivos radicalmente diferentes dos argumentos do trifachito. Sen entrar en moitos detalles os argumentos do BNG e da CUP están moito mais cercanos aos das plataformas de pensionistas de pensionistas que esixen reformas de mais calado, mentras que os do trifachito rexeitan ata as pequenas melloras de este último decreto lei.  

        Imos pasar revista brevemente aos contidos que nos benefician e os que nos perxudican desta nova norma legal, pero antes hai que suliñar mais unha vez que o escenario político e parlamentar que nos atopamos sería impensable sen a existencia das plataformas de pensionistas e das movilizacións sustentadas ao longo de estes anos. A UXT e CCOO, que tamen aprobaron o decreto e  mesmo os partidos a esquerda do PSOE e o mesmo goberno nunca presionarían polas pequenas reformas conqueridas se non estivésemos nos na rua semana tras semana en todas as CCAA do estado español.  

   Tomando como referencia un informe de Xabier Pérez Davila, o comunicado das Plataformas do estado español e  outros comentarios podemos decir que o decreto aumenta os ingresos do sistema público de pensións por varias vías sen poñer o inzo nos recortes como pretenden os grupos de dereitas e como pretendia o 0.25 de Rajoy e este é un aspecto positivo . Ou sexa no momento actual o goberno e os seus aliados non cuestionan a viabilidade económica do sistema público de pensións o cal conceptualmente é un avance anque despois dependerá de como se executen as medidas concretas ao longo dos anos. Sin embargo non podemos ser tan parvos de non lembrar que está sen realizar a auditoria de contas da Seguridade Social, que o Tribunal de Contas xa ten recoñecida unha débeda do estado ca Caixa de Pensións de 103 690 millon de euros e que dacordo ca propia lei de 2021 aprobada por este goberno a auditoría  xa debera estar rematada a 30 xunio de 2022.  Querse dicer que buscar vías de financiaciacón do sistema público de pensións como prevé o decreto lei incrementando as cotizacións dos salarios mais altos que actualmente están limitadas aos 45 000 euros ao ano, ou sexa que un salario de 90.000 euros ao ano so cotiza polos primeiros 45 000 e por esa via vanse aumentar sensiblemente as cotizacions como tamén polo incremento do porcentaxe do PIB dedicado as pensións que pode acadar o 15 % así como outras medidas, pero que en última instancia hai que saber con exactitude cal é o estado dos fondos da Caixa de Pensións e iso non se vai saber mentras non se faga a auditoria que dará datos concretos sobre os millons de euros que foron desviados ao longo de mais de trinta anos da caixa de pensións a outras actividades económicas como o xa citado repetidamente dos 64 000 millons de euros desviados por ´Rajoy aos bancos en 2008 e dos que non se devolveron mais de 6000. Naturalmente as dereitas e os seus ideólogos seguen negando a viabilidade económica das pensións públicas pero hai que lembrarlles duas noticias frescas, unha a crise bancaria suiza das semanas pasadas que supuxo a caída do xigante Credit Suizse e tivo que ser rescatado con fondos públicos con unhas perdas multimillonarias e un impacto extensivo a numerosos países e economías que chegou a xenerar un gran temor a que se extendese a todo o sistema bancario mundial como sucedeu en 2008 ca crise de Lehman Brothers, a maior creba da historia en Estados Unidos con un poderosísimo efecto dominó en todo o mundo e tamén desexo lembrar porque afecta en certo modo a Ribadeo da fuxida de Ferrovial a Holanda da man do fillo de Rafael del Pino que como sabedes o pai construiu unha mansión en Riocainzos en Vilaframil con unha enorme propiedade e casou con unha irmá de Leopoldo Calvo Sotelo. Pois ben este grupo que naceu en 1952 grazas as vantaxes e enchufes que lles deu a victoria na guerra fascista, agora para evadir centos de millons de euros en impostos vaise aos Países Baixos despois de zugar miles de millons en subvencions do estado español e dase a circunstancia de un membrode este grupo económico é un dos ideológos mais activos do neoliberalismo español e dos que mais escriben en contra das pensións públicas e da sua viabilidade, pero cando chega este momento económico de crises bancaria e de fuxida do irman maior Rafel del Pino Calvo Sotelo que ten a maioria das accions de Ferrovial para eso non teñen nada que analizar sobre a viablidade de eses emporios de capital e poder que son os verdadeiros causantes das crisis económicas, do paro, da suba de prezos e da falta de recursos, se os houbera, para os servizos públicos. Este é o contexto económico e social no que nos movemos, estos son osverdadeiros poderes económicos e nos podemos esquecelo nin por un segundo anque critiquemos e comentemos as políticas deste goberno de esquerdas.          

    O decreto tamén  introduce algunhas melloras para reducir a fenda de xénero, por exemplo incrementando os anos dedicados aos coidados que se considerarán cotizados e o aumento dun 10% do complemento por fenda de xénero, medidas que non serán suficientes para acabar con esta fenda, mais si a reducirán. Asemade aumenta as pensións mínimas, se ben queda moi lonxe da reivindicación dunha pensión mínima de 1080€/mes. E tamén foi rexeitada a proposta inical de aumentar de 25 a 30 anos o período de cálculo da base reguladora das novas pensións iniciais deixando a opción durante un tempo de elexir entre o calculo dos últimos 25 anos ou  dos últimos 29 suprimindo os dous mais desfavorables, elección que será optativa para as persoas pendentes de xubilarse. Pero a esto temos que respostar que o periodo de calculo da base reguladora ampliouse dos 15 aos 25 anos no 2011, tamén co respaldo de CCOO e UXT e que aquela norma non foi derrogada como vimos esixindo as plataformas de pensionistas. Ou sexa que quedarnos nos 25 anos e menos malo que chegar aos 30 pero non é recuperar os 15 como entende calquer parvo.  E moi ben sabemos que na situación de precariedade laboral na que nos atopamos moitos traballadores e traballadoras non van ter uns 25 anos cotizados a niveis dignos cando lles chegue a edade de xubilación. Polo tanto o decreto neste ponto tampouco é para botar foguetes.  Como tampouco derroga a lexislación de 2022 que introuciu mais facilidades para a privatización das pensións a través de facilitar a xestión dos fondos públicos por bancos e entidades privadas e dos convenios de empresa.  

En resumen o novo decreto non reproduce os pronósticos mais negativos que se esperaban da política e da cultura filobancaria do Sr. Escriva,  pero está moi lonxe de satisfacer a demandas mais urxentes das plataformas, a suba das pensións mais baixas, a fenda de xenero e a garantía definitiva da sustentabilidde do sistema público de pensións a través dos presupostos xerais do estado.  

        Para rematar vou ler a lista de reivindicacións mais urxentes que ten prantexada na actualidade a coordinadora de platafomas Unidade de Acción non sen antes insistir en que a única ferramenta útil para defender os intereses dos pensionistas e en xeral das clases traballadoras e a movilización na rua, o debate, a transmisión de información veraz nun mundo absolutamente manipulado polos medios de desinformación e por tantos e tantas profisionais e políticos dedicados en corpo e alma as 24 horas do día a engañar ás clases trabaladoras a meternos na cabeza bulos e fantasías propias do sistema neoliberal e a dividir e enfrontar aos distintos sectores da sociedade traballadora creando a impresión de uns quitamos o traballo a outros ou as persoas que veñen de outros países non a xogar aofutbol senon a traballar son os reponsabeis das dificultades económicas dos mais necesitados.  

Esta lista é a seguinte:  

  1. Pensión mínima de 1080 euros.  

 2. Eliminación efectiva da fenda de xénero.  

 3. Período de cómputo para o cálculo das pensions, dos mellores quince años de cotización de cada persoa.  

 4. Auditoría xa, das contas da Seguridade Social, en cumplimento da Ley.  

 5. Xubilación aos 65 anos, no camiño cara aos 60.  

 6. Actualización de pensions e salarios según o IPC real e anual, e recuperar a paga compensatoria anual pola pérda do poder adquisitivo das pensions.  

 7. Derrogación das reformas de 2011 e 2013 e as seguintes de 2021, 2022 e 2023.

 8. Non aos  plans de pensions privados de empresa, nen á xestión privada das pensions públicas.  

 9. Xubilación anticipada sen penalización a partir dos 40 anos cotizados.  

 10. Non á descapitalización da Seguridade Social, nen á  liquidación do seu patrimonio inmobiliario. ¡¡¡ GOBERNE QUEN GOBERNE AS PENSIONS E SERVIZOS PUBLICOS DEFENDENSE   ¡¡¡¡

20230401

Comunicado da Parroquia: accidente e Semana Santa

    Deixo a continuación o comunidado da parroquia con motivo da suspensión de actos de Semana Santa por mor do accidente mortal ocorrido esta mañá:


 

 

Accidente mortal

    Reproduzo a nota do concello a raíz do accidente con varios mortos e do que aínda non se coecen todos os detalles: