Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta xente. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta xente. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20250613

Un comentario arredor da XXX Feira da Ciencia de Ribadeo

 Un comentario arredor da XXX Feira da Ciencia de Ribadeo

    Un ano máis, a Feira da ciencia inundou non só o edificio do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo senón tamén os espíritos de expositores e asistentes a este evento anual. A trixésima edición tivo sorpresas. E este ano, non só o foron as diversas experiencias amosadas, montaxes feitos polo alumnado ou explicacións de asombran en boca da xente nova que nos ensina cousas que sabe. Tamén tivo lugar o encontro dos centros educativos de Ribadeo. Un encontro que xa propiciara a Feira en algunha edición anterior, pero ó que este ano, co apoio da dirección xeral de educación, se lle puxo o nome de ‘I encontro’, na procura dunha continuidade que se ve como favorecedora para os centros educativos, pero tamén para Ribadeo no seu conxunto.

    O encontro propiciou así que os máis pequenos tamén estivesen representados, con informacións como a do CanSat, participando nun innovador concurso a nivel europeo que fai ós máis pequenos partícipes da aventura espacial en Europa, e non só como espectadores, senón como actores. Unha experiencia na que descoñecía tivera participación un centro ribadense, que a ten xa por segundo ano. Non é nin moito menos a única sorpresa que ofreceron os dous centros educativos dos pequeniños ribadenses. O CIFP Porta da Auga amosou a súa oferta educativa, con diversas montaxes, técnicas e demostracións que podo testemuñar chamaron a atención.

    E, da man de Susi Besteiro, o IES desenvolveu a feira en si, con cantidade de montaxes, maquetas, estudos, etc, que non se deben resumir só nos títulos e que abranguería abondo máis que estas liñas o adicarlle algún pequeno comentario a cada un. Aínda así, vaian tres títulos collidos ó chou:

– Otolitos de peixe. Ben, se non sabes o que é un otolito, sempre queda a Galipedia ou a intelixencia artificial, pero garántoche que a explicación non será o mesmo que en vivo e en directo na feira…

– Pedras no ril. Se por desgraza as tes, xa saberás algo delas, pero a completa descrición do que e do como dos tratamentos, xunto coa ponderación para a elección dun deles, podes tela estando san nesta XXX Feira da Ciencia.

– Soláforo. Non sabes o que é? Pois un semáforo autónomo funcionando a partir de luz solar e con vantaxes sobre os semáforos convencionais. A maqueta estaba clara, en conxunto coa explicación.

    Trinta anos, pandemia por medio, cambio de centro, alumnos que agora xa son profesores ou pais de alumnos que están participando, son algunhas das características desta feira da ciencia. Se miramos ó futuro, pode que o comezo cara á consolidación dun evento a nivel de tódolos centros de Ribadeo, que a nivel de Ribadeo – sociedade lévao sendo xa hai tempo. E, en calquera caso, algo que ten ó alumnado en primeiro termo, porque a feira é sobre todo, para eles e por eles, para o seu proveito e manexando eles mesmos os útiles que os fan avanzar na comprensión do mundo e na súa xestión.

Xardín de pensamentos de Rosalía. Obra do alumnado do CEIP Gregorio Sanz  
--- 
    A lembrar que o blog está en proceso de migración, e o outro enderezo, https://ribadeando.gal ou o equivalente https://blogs.amarinha.gal/ribadeando

20250302

7291? Gastronomía galega! Salvatierra e Ayuso

7291? Gastronomía galega! Salvatierra e Ayuso

    Non, non preguntes polos 7291 mortos das residencias madrileñas en pandemia. Pregunta polo impacto da gastronomía galega na presidenta madrileña.

    Coido que o anterior podería tomarse como resume informal da ¿conferencia? que Díaz Ayuso quixo dar en Ribadeo en días pasados, nos Foros de debate do Voar / Sargadelos. Foros polos que leva pasado dende hai anos unha morea de xente, 45 persoas ben coñecidas dende Calvo Sotelo a Isaac Díaz Pardo, e que polo de agora remata con Isabel Díaz Ayuso. Con ela e con José Ángel Salvatierra Rico. Salvatierra non estaba no cartel, non estaba na mesa, pero fixo a intervención necesaria, a máis longa e contestada na quenda de preguntas, e coido que o seu nome debe quedar asociado a esa charla do 14 de febreiro (San Valentín, patrón do amor e ben contraposto ó tema debatido).

    Vaiamos cara ó final da charla, que polo momento se pode ver en Youtube (“X FOROS DE DEBATE : Doña ISABEL DÍAZ AYUSO”). A pregunta preparada polo presentador como remate da sesión era sesuda, para deixar bo sabor de boca á presidenta e á concorrencia: ‘Que le gusta más a Isabel Díaz Ayuso, el lacón con grelos, el pulpo á feira, el marisco o la tortilla de Betanzos?’ A pregunta pódese escoitar aló polo 1:14:30 do vídeo, e hai que tomala como un intento de remate distendido, intranscendente, dunha charla de media hora e unha quenda de preguntas de tres cuartos, quizais alongada un pouco máis para que non quedara mal sabor de boca pola pregunta do protagonista da noite, Salvatierra.

    E imos agora con el. No minuto 55:50 do vídeo comeza a súa pregunta. Aconsello, de querer vela, facelo no vídeo completo e non en algún dos cortes e montaxes que tentan aproveitar a pregunta de xeito combativo. Aconsélloo por varias razóns. A primeira, porque nese vídeo non está retocada, é unha ‘fonte primaria’ sen mediatizar, e polo tanto vese mellor o que pasou. Aconsélloo tamén porque alí se ve o ambiente seareiro que fixo que as cadeiras estiveran ocupadas ben antes do comezo da sesión por afíns políticos da presidenta madrileña, pasando a ser case unha falla organizativa que Salvatierra chegara a estar de pé ó fondo da sala. Aconsélloo para ser conscientes da dificultade de facer unha pregunta desenvolta dun xeito lóxico nesas circunstancias. Non, non digo que sexa un modelo lóxico ou discursivo, por outra banda difícil de manter no ambiente que se palpa, senón máis ben unha pregunta cualificable de normal, iso si, documentada, e ó tempo, valente. A pregunta, sobre os 7291 mortos nas residencias madrileñas, e a resposta, sobre a ‘trufa de intencións políticas’ nunha charla con tema político, sobre a mentira (a pesar de que esa cifra que non acepta, 7291, saíu do gabinete que preside Ayuso) ou a descualificación (dunha persoa que só coñece por unha única pregunta que fixo) como dixen, coido que é ben escoitalas no vídeo máis que facer un resume, e por iso aquí paro.

    Cunha excepción, porque para remate, gustaríame reproducir as últimas verbas de Salvatierra: ‘En recuerdo de los mayores y para que esto no vuelva a ocurrir’.

    O vídeo: https://youtu.be/LdYVjzqTaCQ?t=3330


 

 

20250227

PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES. NOTA INFORMATIVA


PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES

NOTA INFORMATIVA

Ribadeo, 20250227

Dende a Plataforma pola defensa das árbores de Ribadeo queremos amosar o noso agrado pola poda realizada esta mañá (xoves 27 de febreiro) na rúa Clemente Martínez Pasarón. Consideramos que se fixo no momento axeitado e respectando as árbores afectadas. Os pequenos defectos observados, como a escasa aplicación de pasta de protección, non invalidan unha actuación que se encamiña cos criterios que vimos defendendo.

Cremos que é conveniente un seguimento do mantemento das nosas árbores por parte da xente do pobo, entre a que nos atopamos, e así o seguiremos a facer.

Por outra banda, felicitámonos polo feito de que as nosas accións en defensa das árbores do noso Concello vaian dando froito.

20250226

ALEGACIÓN O ESCUDO E BANDEIRA DE RIBADEO. Pancho Campos Dorado

ALEGACIÓN O ESCUDO E BANDEIRA DE RIBADEO

Pancho Campos Dorado

Parece ser que xa está resolto o asunto de “impoñer” un escudo e unha bandeira para o Concello de Ribadeo, sen ter contestado as nosas alegacións. Cuestión de mala educación e falta de ética do goberno con maioría absoluta do PP de Ribadeo, que sigue a fe cega, os “sanos usos e costumes” de non facer caso a ninguén que non sexa da súa corda política.

Quizais pensaron que non era preciso contestar a uns “vulgares veciños” de Ribadeo pois a Comisión de Heráldica estaba formada por personaxes relevantes e con nome propio como son: D. Eduardo José Pardo de Guevara y Valdés, que segundo a descrición de Google é historiador especializado no estudo da nobreza baixomedieval galega e profesor de investigacións do Consello Superior de Investigacións Científicas.

Outro membro da Comisión, D. Pablo Otero Piñeyro Maseda, licenciado en Historia pola universidade de Santiago de Compostela e director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. 

E por parte da comisión municipal de Ribadeo está: D. Eduardo Gutierrez Fernández, Cronista de Ribadeo e algún concelleiro máis dos que non coñezo o nome.

Pois ben, o escudo e a bandeira que nos propoñen e nos “impoñen” ambas as partes da comisión, é unha absoluta chorrada, pois desvirtúa, escurece e esquece a historia real de Ribadeo.

Non se pode consentir que veña xente de fora a impoñer sentencias inventadas, e encima apoiadas por árbitros locais que parece mentira deles. Polo menos iso creo eu.

Vamos ó asunto. O escudo mantén a colocación das armas e os esmaltes: “En campo de azur ondas de azur e prata en punta, unha chave no abismo colocada en banda co paletón cara á destra e o anel a sinistra, superada por unha estrela de prata”.

As ondas seguen como estaban; á chave “enriquecérona” con tres floreos no anel. Por qué engadiron esta variante na chave orixinal, señores Pardo de Guevara e Piñeyro Maseda? Quizais por que queda así máis guapiña?

A estrela de oito puntas, de onde sacaron, Señor estudoso do mundo baixomedieval? Aparece nalgún libro ou documento histórico de Ribadeo, señor Piñeyro? Teño a impresión de que nos queren impoñer unha estrela da “bordura compostelán” (oito estrelas de oito puntas), por ser Ribadeo porta marítima principal do Camiño de Santiago. Pois si é así, están inventando, e para inventar e entremeter este argumento, poderían ter posto toda a bordura, como sería debido; pois no caso de facer algo mal, facelo ben e a conciencia.

Por outro lado, non quero pensar que se fixaron nos escudos laterais do Pazo do Xulgado de Ribadeo, onde hai semellanza a un estrela con moitas puntas, cousa que xa comentou Francisco Lanza na súa magnífica obra o “Ribadeo Antiguo”, na que explica na páxina sete (7) o seguinte: “Poco después del año citado (1797), se encargaron al escultor D. Santiago Vaamonde los escudos de cantería que se ven en la fachada de la Casa Consistorial (hoxe Pazo do Xulgado). Los “armeros” locales habían descubierto ya la estrella de cinco puntas que luce sobre la llave del escudo. Pero la estrella no pasó aún a completar las armas populares de Ribadeo, porque el escultor, incurriendo en una confusión frecuente en Heráldica, labró, en lugar de aquella, un hermoso rodete de espuela, que también podía ser símbolo... En 1833 mandó el Ayuntamiento hacer un sello de bronce dorado, con las armas de la villa en relieve, y en ese sello es donde por vez primera -que sepamos- aparece el escudo tal como hoy se usa”.

Polo tanto a estrela de cinco puntas, é a do escudo de Ribadeo desde fai dous séculos. Onde está o documento que acredita a imposición dunha estrela de oito puntas, señores Pardo de Guevara e Piñeyro Maseda?. En ningún sitio.

Así mesmo, podemos ver que están impoñendo en toda a comunidade galega o timbre dunha coroa imperial en tódolos escudos municipais, pois é unha coroa real rematada cun orbe. Por qué se admitiu esta disposición, señores estudosos? Acaso Galiza é un imperio?

Polo menos, si se fora coherente coa nosa historia, haber posto a coroa real do Reino de Galiza; non lles parece, estudosos?

Non cabe dúbida ningunha que Ribadeo é un condado desde tempo inmemorial, é foi rubricado como tal en 1369 por Enrique II “O Fratricida ou o das Mercés”, que acababa de asasinar o seu medio-irmán, o rei Pedro I “O Xusto”, chamado “O Cruel” polos nobres casteláns que viron minguados os seus privilexios durante o seu reinado.

Entón si Ribadeo é un condado desde fai oito séculos, con condes tan relevantes como Villandrando que loitaba o lado de Xuana de Arco, fai seis séculos, a qué ven isto de perder a súa coroa propia de conde, e nosa coroa propia dun condado? Coñecen o escudo do Condado de Barcelona?, creen qué terían arrestos para cambiárllela os barceloneses?

Señores estudosos, espero que expliquen pública e claramente todas estas “anomalías”. Non se vaian de “rositas” pensando no “ben que o fixeron” pois foron aplaudidos por...

Referente a bandeira, expliquen tamén por qué se engadiron as ondas de mar en vertical, semellando raios cósmicos dos “marcianitos”, en vez de investigar nos arquivos da Armada Española, cal era o pavillón dos barcos de Ribadeo?. Moitas grazas, e a súa disposición.

Nota: este artigo refírese ó que deixa ver o texto da nota https://www.ribadeo.gal/ribadeo-xa-ten-listos-o-escudo-e-a-bandeira-oficial-a-sua-aprobacion-ira-agora-a-pleno/ , publicada na web do concello do ía 19 de febreiro, na que se da por feito o cambio de escudo e bandeira, e ás alegacións presentadas, das que se deu parte no blog en https://www.ribadeando.com/2025/01/escudo-e-bandeira-de-ribadeo-pancho.html ou en https://www.ribadeando.com/2025/01/ano-novo-escudo-novo.html

20250222

Os 300 baixo a choiva

    Pouco menos de 300 persoas nos xuntamos baixo a choiva na convocatoria pola defensa dos servizos de sanidade pública en Ribadeo, diantre do Centro de Saúde. Como se pode ver no vídeo do comezo do acto (o na foto, en baixo), o tempo non acompañou, a xente, si, e máis aínda pensando que os principais afectados de seguro tiveron dificultades para moverse cara á concentración, polo que fixo que faltou xente que querería estar... As verbas lidas por Raquel Ferreira e Pablo Vizoso, ó final.

    Unha foto da concentración: 



    O cartel chamando á concentración:

    Un vídeo curto dos primeiros momentos:


    O texto lido:

    Mentres, podía lerse no xornal unha nota do PP dicindo que eles cumpren...

    - Posterior: nota do BNG:

https://www.cronica3.com/wp-content/uploads/2025/02/WhatsApp-Image-2025-02-22-at-13.04.37-1536x1152.jpeg

Ribadeo, 22 de febreiro, 2025. A pesar do mal tempo na mañá deste sábado, en torno a medio milleiro de persoas acudiron á convocatoria do Bloque Nacionalista Galego de Ribadeo para reclamar todos os servizos cos que o Centro de Saúde non conta.

Nesta concentración o BNG quixo facerse eco do deterioro da atención primaria que os e as ribadenses levan moitos meses padecendo. “Preocupa especialmente a ausencia prolongada do pediatra no noso Centro de Saúde, ao igual que a falta de matrona e as múltiples vacantes de medicina de familia que van producirse e que xa se están a padecer”.

Desde o BNG “temos claro que a situación actual da nosa sanidade débese a máis de 15 anos de recortes e deterioro por parte dos gobernos do Partido Popular”. Así o fixo saber o voceiro municipal Pablo Vizoso: “Temos un goberno do PP máis preocupado en criticar ao BNG por defender os dereitos dos e das ribadenses ca en garantir unha Atención Primaria digna. Un goberno do PP que ten a sanidade pública abandonada, cuns orzamentos ridículos para a Atención Primaria e co obxectivo claro de deteriorar os servizos públicos en beneficio da sanidade privada. De pouco serve levantar ladrillos novos, se non temos médicos e profesionais que nos atendan”.

Tras esta concentración cun grande éxito a concelleira Raquel Ferreira quixo agradecer a todos e todas as persoas asistentes que se concentraron nunha mañá chuviosa para defender os dereitos de todos e todas.

 

20250219

Pleno Ribadeo 20250218 extraordinario

Pleno en Ribadeo 20250218, extraordinario


    Onte celebrouse un pleno extraordinario, que, mirado dende certo punto de vista, tamén foi un extraordinario pleno para reflexionar sobre o xeito de facer política na actualidade e en particular dende o concello de Ribadeo.

    Vaia por diante que o audio, tomado dende a zona de público do Salón dos Alcaldes, ten un corte de medio minuto a partir do 44:22 por mor dunha confidencia que me fixeron no momento, quedou gravada e estimo non está contrastada aínda, polo que lle podería traer problemas a quen ma fixo.

    Estabamos de público un grupiño de xente en contra de que se instale o novo centro de saúde ás afóras de Ribadeo (ó final, un do grupo díxolle a unha concelleira que terían que poñer liña de autobuses ó centro de saúde), grupo que entre outras cousas fixo xa hai máis dun ano unha enquisa na que resultou claro a improcedencia do lugar, e xa comezado o pleno entrou outra persoa máis. Por parte dos concelleiros, estaba ausente Pablo Vizoso.

    O que poda comentar aquí pódese escoitar de primeira man no audio, mais aínda así deixo un par de notas como orientación.

    A primeira, algo que xa notei en audios anteriores referidos a algún pleno, sobre as respostas do alcalde: se lle falan de algo que se está a facer mal agora e corrixible, ou ben considera opinións o que son feitos ou ben (ou  tamén) ponse a falar de cousas que segundo el sucederon en mandatos anteriores e só adica un pouco de tempo á contestación propiamente dita, ás veces mesmo con argumentacións que testemuñano contrario do que está a dicir, como no caso da compra dun camión o ano pasado, antes da aprobación dos orzamentos, nos que non entrou, e a pagar este ano cunha modificación orzamentaria. Na contestación tamén é normal que remate afeando ó seu interlocutor a súa disposición, o seu desoñecemento, ou outras cousas, veña ou non a conto (esto último, o máis probable)

    Por outra banda, e en relación ó centro de saúde, motivo polo que estabamos alí, a aprobación unánime da tramitación da expropiación, aínda con discusión sobre a falta de médicos en Ribadeo. Nin goberno nin oposición se fixeron eco das preocupacións documentadas que se teñen manifestado. Tampouco saíu -non era o tempo- que 'de saída' o novo centro de saúde non está previsto que teña Raios X, co que se perde xa un servizo dos que viña prestando.

    Unha última cousa: a excepción dun erro, a convocatoria parece que foi un segredo (aínda que houbera unha nova na prensa que alertou sobre o tratamento do centro de saúde), pois non a vin aparecer nin nas notas do concello nin na sede electrónica, nin chegou de ningún outro xeito. Unha costume que sería cousa de erradicar, o de non saber ó detalle os puntos que se van tratar...

 


 



20250218

Daquel San Cibrán mariñeiro a un pobo industrial. Pablo Mosquera


Daquel San Cibrán mariñeiro a un pobo industrial

Aquela xente tiña escoitado falar dun porto cantábrico no norte de Galicia, cando na Meseta comían peixe conxelado e crían que A Coruña e Pontevedra eran as únicas provincias galegas con mar, ás veces atrevíanse a ir ata o inmortal Mondoñedo, que Álvaro Cunqueiro describiu en marabillosas fábulas. Sen sabelo, aqueles exquisitos percebes viñan dos Farillós, illas batidas pola forza das mareas e iluminadas dende o solpor pola luz dun faro, dende unha atalaia baleeira que comezou a sinalizar o porto en 1864, ata os veleiros cuxa actividade costeira marcaba a fábrica de Sargadelos.

Levaban paseando pola Muralla Romana de Lugo, admirando a Praza de Santa María entre o Pazo Episcopal e unha das entradas da súa Catedral onde o Santísimo estaba exposto día e noite por privilexio eclesiástico dende o século XV. E así para os cristiáns, Lugo era a cidade do Sacramento no primitivo Camiño de Compostela.

San Cibrán e Burela foron os dous portos do concello de Cervo. O primeiro foi un concello entre 1831 e 1840. O segundo foi unha parroquia do Concello de Noís, logo en 1840 do Concello de Cervo. Finalmente en 1998 conseguiu separarse e consolidarse como Concello. Mentres o porto de Burela foi medrando grazas á súa vocación mariñeira, o porto de San Cibrán vai en declive dende 1980 pola presenza de Alúmina Aluminio, que tamén conta cun porto propio entre as parroquias de Santa María de Lieiro e Morás. Curiosidade!. San Cibrán pasa a ser San Cibrao, e o porto de ALCOA o de San Ciprián. Alguén me explica isto?

Son varias as etapas que sitúan a San Cibrán nas cartas náuticas, mapas portuarios e direccións de navegación. Un Castro Mariño Celta visitado por pobos mariñeros e onde os normandos no século IX ensinaron aos habitantes desa Illa, hoxe Atalaia, que as baleas pequenas son comestibles e accesibles desde barcos de coiro, e así a presenza de ósos do mamífero no concheiro.

Dende o século XII ata o XVIII a caza da balea foi o surxidoiro máis antigo de Galicia, sendo San Cibrán o centro de disputas cos vascos e coa Igrexa. Dende a praia da Concha e preto da illa máis destacada, os arrastreiros saen ao mar cando o vixía acende unha fogueira tras avistar o paso dos mamíferos, que logo serán descuartizados no Cabalo -Cubelas- No século XVIII, San Cibrán será o porto das Reais Fábricas de Sargadelos -que contará hoxe como praza de Os Campos-, con camiño de peaxe a Sargadelos e alfándega dende 1850. No século XX e tras o temporal do verán de 1961 co Decreto de decembro -plan renovador-, créase unha flota atuneira que daba traballo en terra e no mar, e cuxos ingresos -quiñones- melloraron exponencialmente a calidade de vida en todas as parroquias de Cervo.

Hoxe o meu querido porto é un pobo industrial que case vive de costas ao mar. Mirando o fume que saía das chemineas de Alcoa. Protestando contra ese po vermello que o invade todo. Desaparición de case todo o comercio. Substitución da arquitectura tradicional cántabro-mariñeira por edificios de cemento e cristal cuxos veciños non teñen nada que ver coa nosa cultura e aos que tamén lles costaría explicar como lles deron a licenza de obra a escasos cincuenta metros do mar.

Moita xente descoñece a orixe da piscifactoría, nin as ruínas da salgadura, e seguramente non as canteiras da ribeira nin a historia dos apelidos da estirpe merineira -Pillado, Rubiños, Fra, Pernas, Coldeira, Díaz, Mosquera, Correa,- nun fermoso recuncho que se levantaba de madrugada co son do corno do mar. Hoxe, as quendas e os xestores substituíron as mareas, os patróns costeiros e pesqueiros e costeiros.

 

20250215

Irresponsable

Irresponsable

    O tema viume por unha nova sobre o emérito, pero de xeito inmediato vin que pode aplicarse a unha presidenta da Comunidade Autónoma de Madrid, o que me levou a comprender que pode aplicarse tamén a outra xente, sempre que se cumpran unha serie de requisitos.

    Por se hai algunha dúbida, o dicionario da RAE dío ben claro. Collo a definición castelán porque ambos citados, emérito e presidenta, se expresan nesa lingua nas novas que nos chegan, pero podería ser dicionario da RAG. Irresponsable:

    "1.Dicho de una persona: A quien no se puede exigir responsabilidad. 2.Dicho de una persona: Que adopta decisiones importantes sin la debida meditación. Sin.: imprudente, insensato, irreflexivo, inconsciente, loco, desorejado, valeverguista, yoquepierdista."

Ayuso e Juan Carlos I, a partir de imaxes de Commons (por Cristina Cifuentes e Nicholas Gemini). Lic. CC BY SA 4.0

    O dicionario engade que tamén pode ser usado como substantivo. Dato importante, pois todos podemos actuar de xeito irresponsable nalgún momento -de feito, seguro que así é-, como humanos que somos, pero o chamarlle a alguén irresponsable, como nos casos citados dicir que el ou ela é un ou unha irresponsable, implica algo diferente, unha esencia. Poñamos por caso o do emérito: cando dixo aquelo de 'no volverá a suceder' referíase a un feito concreto, arrogándose o segundo significado da definición nun caso no que el tomou parte. Mais antes e despois daquelo seguiu a actuar de xeito irresponsable nesa segunda acepción, sabendo que tiña, -máis ben, que lle darían- certa cobertura (i)legal para ser irresponsable no sentido primeiro da definición: non é só que actuara de xeito irresponsable nalgunha situación, senón que como tal ser que é, sería irresponsable. Iso, en base o art. 56.3 da Constitución de 1978 ("La persona del Rey es inviolable y no está sujeta a responsabilidad", por certo, non dispoñible en galego na web a pesar de ser editados exemplares do texto constitucional en galego) mesmo saltando por riba do art. 64.1 ("Los actos del Rey serán refrendados por el Presidente del Gobierno y, en su caso, por los Ministros competentes.") que lle asigna a responsabilidade a quen refrenda ditos actos. Entraríamos por aí en cousas como se os ministros poden refrendar o levar cartos ó estranxeiro, xa que parece que por ser rei nalgún momento desas saídas hai quen di que estaría exento de culpa. Non parece que os episodios con Corinna poidan ser refrendados por ningún ministro, pero quen sabe se a doazón á súa conta pode meterse nalgún articulado. Digo, polas consecuencias-nulas- habidas. En tempos diríase doutores ten a igrexa, pero agora, nun estado que manifesta constitucionalmente "Ninguna confesión tendrá carácter estatal", aínda que pareza papel mollado, quizais se poda dicir 'xuristas ten o estado'...

    E, da irresponsabilide, a impunidade. Claro, se alguén non ten responsabilidade ou non se lle atribúe, non é punible, castigable, por esa responsabilidade que non ten. É dicir, queda impune por eses feitos sobre os que non ten responsabilidade.

    Collendo o título da obra 'Del Rey abajo, ninguno', poderíamonos preguntar sobre a irresponsabilidade na morte de 7291 persoas nas residencias de maiores madrileñas durante a pandemia, despois de serlles negada a atención debida dende a presidencia madrileña. En verbas de Isabel Ayuso, 'ían morrer igual'. Francamente, aí non sei de onde ven a irresponsabilidade, pois, segundo a constitución -cunha pequena excepción a algún xuíz- 'del Rey abajo, ninguno'. Será que as mortes están xustificadas? Será que a doutrina legal está amañada? Será que o das mortes é un invento progresista? Non sei o que será, pero mortos están, e as directrices foron impartidas, por moito que a irresponsable siga a sentar cátedra tamén en Ribadeo. Misterios.

20250205

Remata o pleno votando contra a lei?

Antes de comezar o pleno

Remata o pleno votando contra a lei?

A vida está chea de cousas absurdas

que poden dar a impresión de non ser verídicas.

Sabes por que?

Porque esas cousas absurdas son verdadeiras.

(L. Pirandello, Seis personaxes na procura de autor)

1.-    Lembremos: un pleno extraordinario obrigado pola oposición sobre a corta indiscriminada de árbores dos últimos tempos...

    O de onte -martes 20250204- foi curioso, si. Un pleno que encara o seu remate do seguinte xeito: pasando de votar as propostas ata que dende o público se pregunta por elas. Un pleno no que logo diso o alcalde continúa falando e dicindo que se está a cumplir a legalidade que piden as propostas, que por fin pasa a votación e o grupo maioritario vota en contra da mesma proposta que remata de ser declarada cumplida e legal por parte do alcalde... (a primeira, paralización inmediata das cortas, entendo que seguiu sen ser votada)

    A espera de solucionar problemas técnicos coa reprodución aquí do audio recollido, sigo o resumen do pleno, de xeito rápido: unha vez feita a exposición, longa e detallada, por parte da oposición ó comezo da sesión, o alcalde pasou a lembrar episodios de pasados mandatos ('lexislaturas', segundo el) por un bo tempo, e, do pouco que falou sobre o tema enriba da mesa, a contradicir as súas verbas anteriores -documentadas- e mesmo algunhas das ditas un pouco antes no mesmo pleno para tentar xustificar que todo estaba correcto, axustando que 'eles' (o equipo de goberno, do que só falou el) facían todo ben, e que se algunha vez erraban, non se lles caían os aneis por pedir perdón (ainda sigo esperando que o faiga). Cara ó final, o público interrompeu varias veces ó ver que o alcalde falaba dando voltas sen dicir nada relacionado coa corta indiscriminada de árbores, motivo do pleno.

    Pleno de hora e media, con asistencia de 35 persoas de público (con xente de pé), despois de celebrarse nun sitio non anunciado (estaba anunciado para o salón de plenos e celebrouse no de alcaldes por obras no outro), con accesos non ben sinalados (a escaleira principal resultou estar en obras, e o único cartel indicador que puiden ver estaba ó fondo do corredor, á beira das escaleiras que había que usar).

    Unha nota final: Hai só poucos días que escribín unha petición para que se colgase na web documentación sobre unha modificación do PXOM afectando a unha zona verde de Ribadeo, que debera estar exposta dende case un mes antes. Pouco despois da petición, púxose. A petición incluía un aviso: se non se pon, non corren os prazos e a votación realizada no pleno non serve de nada... Non citaba na petición a falta de transparencia que o desleixe implicaba. É só un de tantos dos episodios ocurridos ultimamente. Deixo en baixo unha copia parcial do documento de petición:

2.-    Como ampliación, unhas horas despois, aumento:

2.1.-A nova, en Crónica 3 (nota de prensa do BNG).

2.2.-Engado a entradilla do comezo.

2.3.-Vexo que vou tardar en solucionar o problema técnico para a publicación do audio, polo que é de esperar que ata os próximos días, en entrada aparte, non o dé feito.

20250203

Temos en común o coñecemento da Wikipedia. A Galipedia e o mundo

     Antes de fin de mes, o día 21, está previsto que amarinha.gal desenvolva unha nova actividade mensual, este vez relacionada coa Wikipedia. Un pouco como introdución, outro pouco como lembranza ou aínda para 'ir abrindo boca', queda aquí un pequeno escrito sobre o tema.

Collido da Galipedia, Lic. CC BY SA 4.0

Temos en común o coñecemento da Wikipedia. A Galipedia e o mundo

    Se te achegas algo por internet, de seguro te terás metido algunha vez na Wikipedia. Se estás a ler isto, por exemplo, na coñecida como Galipedia, gl.wikipedia.org, a versión en lingua galega da enciclopedia. Para poder usala e beneficiarte dela, alguén tivo que programar unha wiki, e logo alguén tivo que compartir coñecementos, imaxes... En realidade, hoxe por hoxe, aínda que se fala máis da Wikipedia, a Fundación Wikimedia ten desenvolto toda unha serie de espazos asociados que complementan ás diversas wikipedias, como no caso da Galipedia. Asi, MetaWiki, MediaWiki, e Wikifunctions, enfocadas á coordinación, desenvolvemento e libraría de funcións, e as máis afastadas do usuario común. Pero tamén Commons e Wikidata: un, o repositorio multimedia do que collen os vídeos e as imaxes a Galipedia e as demais Wikipedia, e a outra, unha auténtica base de datos dispoñible para todo o mundo. Ou Wikispecies, Wikinews, Wikiversity e Wikivoyage, as wikis especializadas nos detalles dos seres vivos, nas noticias, en presentar os coñecementos académicos ou en facer de guía turístico a nivel mundial. E, xa máis achegados a nós, tomando os nomes que se lles deu no caso galego, Galizionario, Galilibros, Galifontes e Galicitas. Estes últimos, nome da versión galega, farían de dicionario, editorial de novos libros, editora en internet de vellos libros cando o permiten os dereitos, e citas en galego. De Commons e Wikidata, podemos obter pantallas con indicacións en galego, pero o que se visualiza é para todas as linguas, e aínda que por verse en diferentes linguas poida parecer o contrario, teñen a mesma información para todas elas. Polo contrario, o grupo Wikinews e compaña, pode traducirse e ter diferentes versións en cada lingua. Mais o meter datos, imaxes, texto, implica traballo de voluntarios, e dado o número de xente en Galicia, tense desistido na práctica dunha ‘versión galega’ delas.

    Porque si, dende a súa creación vai para un cuarto de século, a Fundación Wikimedia, que mantén a familia de wikis, ten tamén medrado e recadado fondos de pequenas e grandes doazóns non só para manter os servidores, senón para un equipo técnico que desenvolva e faga medrar que xa hai, ou un equipo administrativo para xestionar cartos e a propia estrutura da asociación. Mais, aínda así, o traballo segue estando baseado en voluntarios e voluntarias.

    Ben, falando da Galipedia, glwiki ten contidos ben diferenciados dos da eswiki ou da enwiki, aínda que algúns sexan traducións doutras versións. Así, “Vilaselán, Ribadeo”, non existe como entrada da enwiki nin de outra wiki a excepción da eswiki, onde é un pálido reflexo reducido da entrada na Galipedia. Claro, se nos imos a unha entrada como “Vía Láctea”, aparece nas tres versións anteditas, e pódese pasar dunha a outra. E aínda que non poña o mesmo, si que máis dun redactor en galego pasou ver se podía aproveitar algo do que aparece noutras linguas, co que pode presentar unha certa semellanza.

    Semellanza, dentro da diversidade. Hai 17 anos un estudo amosou que a ‘calidade’ da enwiki xa era semellante á daquela louvada Enciclopaedia Britannica, e dende entón non deixou de mellorar. Pero mesmo daquela a Enciclopedia Espasa, o equivalente da Britannica, non recollía a entrada sobre a “Batalla de Trafalgar” no mesmo senso que a súa competidora inglesa, e hoxe nesa entrada da enwiki pódese atopar unha certa diferencia coa correspondente na eswiki, por moito que dunha se poda saltar directamente á outra. Algo semellante pasa coa entrada “Revolución galega de 1846” (glwiki) ou “Levantamiento de Solís” (eswiki), o que se pode apreciar xa só con fixarse no título.

    O mundo da familia Wikimedia é amplo, de xeito que é case imposible abranguelo máis aló da superficie, a menos que te adiques só a iso. A Deus grazas, non é necesario facelo, aínda que estaría ben ter en conta algunhas cousas que soen pasar desapercibidas, como que se pode baixar un artigo ou un conxunto, en pdf, facendo un libro. Que se pode ver as versións anteriores dun artigo, e cando e por quen foron variadas. Que en xeral se poden obter en Commons imaxes de máis calidade que as que aparecen nun artigo da Galipedia ou outra Wikipedia. Que se pode dispor de xeito estruturado os datos dun persoeiro a través de Wikidata, que tamén ten unha linguaxe propia para facer a súa procura. Ou procurar algún que outro libro vello en Galifontes ou manual novo en Galilibros. Entre outras cousas, porque ‘a familia’ non só é ampla, senón multiusos, unha especie de ‘navalla suíza’ para o coñecemento. Así, na Galipedia podes atopar coñecementos xerais, como o decurso da Segunda Guerra Mundial, especializados nun campo concreto, como o ESO, Observatorio Europeo Austral, pero tamén a historia íntima dun recuncho de Galicia que terá dificultade en aparecer noutros lugares, como a evolución da poboación, toponimia, monumentos e historia temporal de A Devesa, da ribadense parroquia de Santalla da Devesa, reunidos nun só artigo.

    Para rematar, tampouco se debería esquecer, séxase usuario, contribuidor, ambas cousas ou aínda ningunha delas, que a principal norma, guía para a edición, os chamados ‘cinco piares’, tentan garantir que esta enciclopedia, a Wikipedia, siga a medrar en cantidade e calidade. Poden resumirse como “Enciclopedia, neutra, libre, consensuada e cambiante”. Unha enciclopedia para aglutinar coñecemento común, que podes usar e á que podes contribuír e editar. Wikipedia é túa, é de todos e para todos. Usa e coida do patrimonio común. Ela e ti.

Antonio Gregorio Montes, (usuario:Agremon)

Collido da Galipedia, Lic. CC BY SA 4.0

 

20250202

20 toneladas de cascallos por gazatí

Composición, aproximadamente a escala, do presidente estadounidense e un camión, a partir de https://commons.wikimedia.org/wiki/File:A_Volvo_FM_truck_carrying_a_container_at_Taichung.jpg, lic. CCBYSA4.0 e imaxe en D.P.
 
20 toneladas de cascallos por gazatí>

    Os gazatís son deixados volver ó norte da franxa de Gaza. Ós seus fogares, din. A unha terra que o mesmo Donald Trump, que apoia a destrución impulsada por Netanyahu, considera un vertedoiro, consciente do que é, e tamén do futuro que albisca, un 'resort' sen palestinos, obrigados a migrar a Exipto ou Xordania.

    A quen vivimos lonxe do xenocidio que alí está a ter lugar, fáisenos difícil imaxinar a destrución, a pesar das fotos que chegan dos periodistas que aínda seguen alí pese a ser unha profesión diana do exército israelí. O caso é que segundo os cálculos que van chegando, a cada palestino habitante de Gaza e a súa franxa (máis de dous millóns de habitantes nunha superficie menos de catro veces a do concello de Ribadeo) correspóndenlle máis de vinte toneladas de cascallos. É dicir, como se cada persoa levara atado ó seu carón un camión remolque cargado de cascallo. Mesmo a figura de Trump parece pequena á beira dun camión semellante... Imaxinas agora a situación?

    Ben, agora, suma. As infraestruturas de auga e saneamento están destruídas, segundo a Oficina de Coordinación de Asuntos Humanitarios da ONU (OCHA). Iso significa sede, merda, e polo tanto, enfermidades derivadas. Incluídas enfermidades mentais despois de ano e medio de exterminio e moitos anos anteriores de ataque tras ataque.

    Unha nota antes de seguir: si, os palestinos tamén teñen guerrillas organizadas. De feito, din que están 'a resistir' o impulso israelí. Tamén causaron terror. E tamén deben ser xulgados. Se chegan vivos a xuízo, claro. Iso, aínda que lles quitaran as terras e o espírito mentres durante decenios e decenios eran decimados e reducidos a cidadáns de segunda ou terceira os que seguían vivos.

    Tras a nota, podes incluír o frío, ou a fame, por exemplo, entre outras cousas a sumar. Entre outras cousas que botar enriba deles. Entre outras cousas que a guerra, o exterminio, segue a facer notar. Vin hai uns días unha foto cun río de xente indo cara ó norte á beira dunha praia. E pregunteime, por que pola area, na que costa tanto avanzar? Non se podía ver na foto se había camiño, pero imaxinei que costa menos avanzar pola area que entre moreas de cascallos...

    E, para rematar, un pouquiño de luz: Colombia, Bolivia, Honduras, Cuba, Belice, Sudáfrica, Senegal, Namibia, Malasia. Nove nomes de países, de segunda, dirían algúns. De países que rematan de formar un grupo para impulsar os acordos do Tribunal Penal internacional. Non son de segunda. Serán pequenos, pero está á fronte.

20250131

O ataque á sociedade

 

O ataque á sociedade

    Os seres humanos somos sociais. De feito, temos convertido a sociedade nun piar fundamental dos que son baseamento da nosa vida, e somos conscientes de que a desaparición da sociedade causaría que o noso estilo de vida fose de novo semellante ó de calquera outro animal, retrotraéndonos milleiros e milleiros de anos na nosa evolución.

    A sociedade é unha asociación. De feito, son sinónimos. Iso, aínda que ás veces o noso comportamento pareza ter esquecido que a sociedade necesita mantemento por parte dos socios, como calquera asociación por parte dos asociados.

    No parque infantil no centro de Ribadeo había -poderíase dicir que segue a habela- unha casetiña con libros, a modo de biblioteca libre para os pequenos. No seu momento, considereino unha grande idea, e visto o uso que se lle comezou a dar por parte dos usuarios do parque, parece que non fun o único en consideralo así. Mais pouco a pouco, o descoido primeiro, e logo o maltrato desa humilde instalación, deixou a caseta sen porta, sen libros e sen vida. Pola súa construción, podería ter durado sen mantemento abondo tempo máis, pero vese que o pulo na súa construción polas autoridades deseguido se converteu en esquecemento, e aínda que o uso continuou a ser frecuente ata o total deterioro, tamén é evidente que houbo persoas que non consideraron que unha instalación así había que coidala, e que máis ben fixeron o contrario. Non é necesario que sexa moita xente, abonda con moi pouca para botar en baixo servizos dos que nos beneficiamos todos e dos que esquecemos que hai que manter entre todos, non só 'as autoridades' ou 'as institucións'.

    Manter entre todos significa poñer vontade e actuar en consecuencia. Non só en cartos a través dos impostos, que tamén, senón no coidado e defensa do que é de todos. Se se esquece iso, uns polos outros irémonos levando por diante a sociedade, anaco a anaco. E, no camiño, a nós mesmos, ó que somos. Pode que aínda pensemos nese proceso cara ó individualismo como un ‘ser máis nós’, esquecendo tanto aquela frase célebre de que somos o que somos en boa parte grazas ó noso entorno (‘yo soy yo y mi circunstancia’) como as múltiples manifestacións na vida diaria da nosa interdependencia dende o nacemento ate despois da morte.

    As veces, fálase da ‘traxedia dos comúns’ como se o común estivera destinado a ser peor solución que o mercado, diñeiro e finanzas, como se o común estivera destinado ó maltrato. Esquécese nesa situación que o común ten sido tradicionalmente unha fonte de vida e riqueza para a comunidade ó seu arredor. E está demostrado que só cando hai inxerencias externas, cando o común se deixa en mans alleas e pasa a ser controlado dende fóra, por quen ten outros intereses non baseados na comunidade, remata sendo destruído, con prexuízo para todos os implicados. O último exemplo disto? Aí temos as redes sociais privativas. E do outro? O maior pao ás empresas e dominación dos EUA en intelixencia artificial remata de ser dado pola apertura de código dunha IA china, na procura de formar unha comunidade ó seu arredor.

    E mentres, a pequena biblioteca no parque de Ribadeo?

20250127

Perder o 99 % do que posees


Perder o 99 % do que posees

     Ou moito me equivoco ou ti, que esteas a ler, se perdes o 99 % do que posees, converteríaste nun pobre. O que se chamaba 'un pobre de solemnidade'. Iso pasa porque ti non es multimultimillonario.

    Unha nota aclaratoria no medio deste escrito: cando se fala de multimillonarios, soe pensarse boa parte das veces, mesmo sen aclaralo, que eses 'moitos millóns' son de dólares. Pero ó cambio actual, pouco máis dá considerar euros que dólares, e por iso non ven a conto especificar máis. No sucesivo, toma as cifras como dólares ou euros, como prefiras, dá o mesmo.

    Volvendo ó tema, se ti estiveras entre as dez persoas máis ricas do mundo e perderas o 99 % do que tes, aínda seguirías a ser milmillonario. Máis aínda, se ti foras un dos algo menos de tres milleiros de milmillonarios que no mundo hai, e perderas ese 99 %, aínda seguirías tendo abondo ben máis patrimonio que todo o que eu levo percibido como soldo (agora, pensión) na miña vida. Bota contas no teu caso particular: alguén que, tendo mil millóns perdera o 99 % do que ten quedaría aínda con 10 millóns.

    De aquí en diante, podería tomar varios camiños. Por exemplo, seguir as investigacións que apuntan a que a abondo máis da metade dos multimillonarios actuais parten de herdanzas ou algún tipo de corrupción e/ou conexión co poder político. Si, non só en España. Pero vou continuar por outra beira que me vai permitir rematar dun xeito breve, a partir dunha nova de hoxe hai un par de semanas nun xornal español, a conta do incendio de Los Ángeles. Resulta que unha boa parte dos servizos de extinción de incendios nos EUA son privados. Iso traduciuse en que xente con moitos cartos contratou grupos de bombeiros para salvarse eles e só eles. Nun contexto no que quen máis ten máis contamina e inflúe no cambio climático. E no que mantemento dos equipos públicos de extinción levan anos vendo como se contraen os fondos dos que dispoñen en medio dunha baixada de impostos que na práctica afecta a quen menos ten só para que teña que detraer máis cartos para coidados médicos ou educación. Por certo, que o do incendio é só unha das facetas que expón que non só é que sexan máis ricos, senón que por selo, teñen menos posibilidades de perder a súa riqueza.

    Coido que do anterior chégase rápido á importancia da comunidade e de coidar o común. Mesmo para os ricos e aínda que poidan ter esvaecidas as nocións de 'común' e 'comunidade'

    E sempre nos quedarán cousas como a amizade, que os cartos non poden comprar (os amigos non se poseen). Aínda que vista a corte coa que se arrodeou Trump na súa investidura, comprar non se poderá, pero axudar a que se estableza a amizade, ao menos unha interesada, parece indubidable...

20250126

Contra vento e choiva, paz

Contra vento e choiva, paz

    Hoxe, 26 de xaneiro, un domingo máis, tivo lugar a concentración pola paz que se ven tendo en Ribadeo de xeito semanal, a partir do comezo da guerra de Rusia contra Ucraína, e logo de xeito renovado, de Israel contra Gaza, Palestina, Líbano, Siria, Iemen... polo de agora.

    Hoxe, co mal tempo, as vinte persoas que estabamos refuxiámonos baixo a protección do adro do concello, e comecei as intervencións dicindo da reanudación do envío estadounidense de armas a Israel retido ó final do mandato Biden. Eli García Bouso, Suso Fernández, Nana Montañés ou Jesús Irigoyen foron as seguintes intervencións que se poden escoitar no audio, malamente a raíz do tempo e as condicións acústicas no lugar con xente. Coma normalmente, as fotos son de Suso. Ó final, unha foto e un pequeno vídeo das bandeiras no concello, comezando a desgarrarse a galega e algo menos avanzado, a española.







20250122

Música para a banda


Música para a banda

      Hai xa máis de trinta anos que tivo lugar o Congreso de Bandas Música Populares de Galiza en Ribadeo. Alí púxose branco sobre negro que as nosas bandas dan pulo á música do noso pobo. Á música nas nosas vilas. Pero tamén, unha formación á nosa xente, e non só musical, senón tamén humana.

      Por suposto, en Ribadeo hai asociacións de moitos tipos. Por suposto, o clube de fútbol -quizais o tipo de asociación máis estendido na xeografía española-, de remo, náutico, e moitos outros clubs e asociacións de actividades diversas. Tamén no eido da música, onde cabe destacar a Coral Polifónica, que leva exercendo de xeito continuado abondo máis tempo que a asociación Amadores da Música, impulsora e o sostén legal, económico e organizativo da banda de música.

      Céntrome na banda porque a coñezo máis, xa que no seu momento participei con ela como músico, a máis de ter apoiado na posta en marcha e funcionamento da asociación. Tamén no congreso citado tiven un relatorio -rematado de artellar de madrugada por falta da recepción de datos doutras bandas ate horas antes-, que se titulaba 'As bandas dos músicos (I)', no que comezaba a analizar a textura desas nosas bandas. Ben, a que podemos chamar 'textura interna', o tecido que constitúen os músicos. Un tecido básico, si, mais que necesita tamén dunha 'textura externa', que lle facilite as cousas á formación no seu funcionamento, que a acompañe e que ó fin, fai á banda realmente nosa, que a estende a toda a sociedade que a rodea, que fai que non sexa só dos músicos. No caso de Ribadeo, habería que citar a máis de Amadores da música no seu conxunto social, a persoas individuais, como Choupín, impulsor desta última etapa da banda que xa leva máis de tres decenios en funcionamento, Evaristo, que contribuíu a que a idea se fixese realidade, ou Hernán, primeiro director e alma mater da formación, pero que a máis, ate o seu falecemento, deu carácter á banda e teceu unha rede de contactos e desenvolvemento da que un cuarto de século despois segue a beneficiarse a formación.

      Agora que se achega o 34 aniversario da presentación da banda ribadense, sexan estas verbas unha homenaxe. A esta banda no caso de Ribadeo, a estas bandas no caso de toda Galicia. Formacións que seguen con maior ou menor acerto, a ser artistas, berce de artistas e propagadoras da arte musical para todos nós. Iso, ó tempo que potencian a música na nosa terra, a música dos nosos músicos e a nós mesmos nesa faceta musical e humana.

      Así banda, e Amadores da Música, son historia musical de Ribadeo, historia de Ribadeo e dos ribadenses. Nosa historia.

20250120

Retomando o espazo comunitario

    O venres 24 terá lugar o primeiro acto do que esperamos sexa unha longa andaina. Trátase de facer actividades periódicas relacionadas coa tecnoloxía, a ciencia e o pensamento, coa mira posta na formación e debate entre a xente, incluídos organizadores. Esta primeira sesión, 'Retomando Prazas Públicas', que terá lugar na Biblioteca Pública Municipal Viejo Pancho tratará das alternativas libres ás redes sociais e aplicacións relacionadas coas megacorporacións. Alternativas non invasivas da privacidade, sobre as que o usuario teña algún control. Alternativas que volvan  o espazo dixital á praza pública e ás relacións non mediatizadas.

    Estas actividades serán xestionadas polo colectivo amarinha.gal, constituído en inicio por Lucía Ferro, escritora en varias linguas e autora de performances, José Manuel Ventoso, enxeñeiro desenvolvedor de software en varias compañías multinacionais e de xeito independente, e Antonio Gregorio, físico e profesor xubilado.

    Convidámoste a asistir e aportar a túa visión sobre a comunicación á marxe das grandes empresas, ou para saber máis sobre a nosa proposta. Entre outras cousas, temos preparado un fanzine que repartiremos de balde e podes descargar en https://blogs.amarinha.gal/#xuntanzas.

20250119

Concentración pola paz nun día frío en Ribadeo

Concentración pola paz nun día frío en Ribadeo

    Mentres en Gaza está por ver se se cumpre a tregua, mentres alí e noutros moitos lugares a xente morre polas bombas na guerra, ou polo frío e pola fame que deixa de rastro, deixo en baixo un par de fotos de Suso onde se amosa parte da concentración de hoxe, acubilladas de frío e choiva as trinta persoas asistentes no adro do concello. Unha concentración na que falaron Evaristo Lombardero, Julio César Rico, eu, Nana Montañés, Suso Fernández e José Ángel Salvatierra, a máis doutras intervencións puntuais. Antes do remate co Grândola, vila morena, Julio deu lectura ó poema vital recentemente coñecido de Pepe Mújica.

    E, baixo as fotos, en dúas partes, o audio.



20250106

Exercicio de ano novo: imaxina

Exercicio de ano novo: imaxina

     Imaxina. Imaxina que nos últimos 15 meses tiveran morto en Ribadeo (onde somos, arredondando, 10 000 persoas de censo) 600 persoas máis das que morreron. É dicir, a maiores das mortes habidas, 1 de cada 16 persoas das que aínda estamos vivas. E que o pobo e as parroquias estiveran totalmente destruídas, sen terra nin para cultivar. Todos os superviventes abocados á fame...

    Agora podes tentar imaxinar a causa de mortes extra... A estas alturas da historia, pódese dicir que as causas naturais son máis benévolas: deixarían algo de terra cultivable... Os humanos xa sabemos superar a natureza neste tema: con moita probabilidade, quedariamos nós, as propias persoas, como causa de tanta desolación. Claro que nese caso habería que procurar a causa que levaría ós causantes á destrución. Ambición e odio son os máis plausibles como motores. Dúas cousas que entendo son evitables con prevención, algo que non se fai.

    Despois do exercicio anterior, podemos facer un contraste coa realidade e dar unha mirada fóra: o equivalente ó exposto no primeiro parágrafo é o que está a pasar en Palestina. Tanto as porcentaxes como a somera descrición. E non fai falta imaxinar a causa, está á vista de todos aínda que cada vez sexa menos noticia (o mesmo que o feito xenocida): é que Netanyahu estaba a perseguir a mestres terroristas, médicos terroristas, mulleres terroristas, nenos terroristas, etc. 

    Traducindo, a Palestinos.

    Polo momento. Como segue a ter peticións de dimisión por corrupción e unha Gaza totalmente esnaquizada e morta por bombas ou fame xa pouco conta, pasa a Cisxordania, Siria, Iemen...

    Netanyahu está a perseguir a paz. Literalmente, perseguir. Perseguir non no sentido figurado de tratar de atrapar que aparece nalgunha das acepcións do dicionario da RAG, senón nas que indican "Seguir a [alguén] por todas as partes importunándoo, molestándoo." ou "Acosar e castigar [unha persoa] polas súas crenzas relixiosas, políticas etc.". Para el, coido, ten as súas vantaxes: mentres lidera a súa xente nunha tarefa mesiánica, non importa tanto que sexa corrupto, mantén o poder, etc. Que ten desvantaxes para outros? 'Outros'? Só hai el e os que están con el. 'Outros', non existen, ou como se non existiran como persoas. Un sentimento, este último, que está en plena expansión neste comezo de 2025 da era cristiá.

20241231

Comunicado sobre árbores e Ribadeo

    Onte tivemos unha xuntanza informal da Plataforma pola defensa das nosas árbores. De alí saíu unha nota de prensa que adxunto, e á que incorporo antes un plano do parque coa descrición das árbores que me faltou de poñer na entrada www.ribadeando.com/2024/12/o-parque-de-ribadeo-no-seculo-xx-do.html e deixo por poñer para máis adiante un moi pequeno resume da xuntanza que parecía mesmo unha concentración polo número de xente que nos achegamos.

    O folleto, feito con motivo do día da árbores de 1988 pola Del. de Educación do Concello con debuxos de Fermín Rodríguez baixo indicación indicación de Vicente Méndez, daquela xardineiro do concello. Teño que agrader á actual bibliotecaria, Mónica Martínez, a súa procura: 

 



    Tendo falado na xuntanza sobre facer unha lista de árbores, transcribo doutro xeito e con algunha corrección a última folla, incluíndo o nome, nome científico e número de exemplares, por se poidera servir cara ó futuro:

    Árbores no Parque de Ribadeo en 1988:

-    Zona do Parque de San Francisco (parque dos nenos, parque da igrexa, zona do palco da música...)

Choupo do Canadá / Populus canadensis - 12 exemplares

Choupo branco / Populus alba - 4

Plátano do Oriente / Platanus orientalis - 8

Castiñeiro das Indias / Aesculus hippocastanum - 2

Pradairo / Acer platanoides - 2

Robinia (Falsa Acacia) / Robinia pseudoacacia - 6

Salgueiro Chorón / Salix babilonica - 2

Acacia de tres espiñas / Gleditsia triacanthos - 1

Magnolia / Magnolia grndiflora - 1

-    Zona da Praza de España (Parque do Viejo Pancho, Parque do Cantón)

Castiñeiro das Indias / Aesculus hippocastanum - 16

Olmeiro Común (Negrillo) / Ulmus campestris - 2

Olmeiro (Olmo) / Ulmus pupila - 2

Olmeiro (Olmo) / Ulmus pendula -2

Cinamomo / Melia azederach - 5

Pradairo / Acer platanoides - 21

Robinia (Falsa Acacia) / Robinia pseudoacacia -1

Washingtonia / Washingtonia filitus -4

Moreira Branca / Morus alba (var. pendulae) -4

Cedro / Cedrus atlantica - 1

Palmeira Canaria / Phoenix canariensis - 5

Tuia de Oriente / Thuja orientalis -1

Tuia / Thuja plicata - 1

    O comunicado enviado á prensa:

 

COMUNICADO DE VECIÑ@S DAS VIVENDAS SOCIAIS DA RÚA CLEMENTE MARTINEZ PASARÓN


   Un grupo de veciri@s da vivendas sociais estamos recollendo sinaturas de apoio ao escrito que abaixo se reproduce. Como se pode ver no texto, o motivo de inquedanza está plenamente xustificado. En poucos días estará rematada recollida e serán presentadas no rexistro do Concello de Ribadeo.

 Sr. Alcalde de Ribadeo:

     Os abaixo asinantes, veciñas e veciños residentes nas vivendas sociais da Rúa Clemente Martínez Pasarón e colindantes desexamos
comunicarlle a nosa inquedanza polos rumores de unha posible reforma urbanística do espazo próximo aos nosos domicilios que suporía a tala das árbores alí existentes, a eliminación do espazo verde e a supresión dos vertedoiros de lixo subterráneos que prestan un inestimable servizo, sen cheiros nin outro tipo de incomodidades.
     Dado que descoñecemos o que terían de certo ditos rumores, solicitamos se nos facilite información oficial que confirme ou desminta a existencia do devandito proxecto.
    Asemade debemos transmitirlle as queixas de numerosos veciños e veciñas polo temor de que dito proxecto poda facerse realidade e que se teña en conta esta opinión e se deixe en suspenso o devandito proxecto en caso de existir.

    Ribadeo, 4 de Decembro de 2024

20241227

Amáñase un xenocidio sen paz?


 Amáñase un xenocidio sen paz?

    Un xenocidio é un unha guerra a morte contra un grupo concreto. Non entre dous grupos, senón 'contra un'. Algo que remata sendo unha guerra unidireccional, totalmente asimétrica, na que un grupo mata e outro morre, salvo algunha excepción que, como tal, dise que 'confirma a regra'.

    Por iso é difícil ver o xenocidio como guerra, pola asimetría. Por outra banda, mesmo é difícil para algunha sente velo, a secas: a asimetría fai que se vexa a quen ataca, pero non a quen morre. Non a quen ataca. Quen morre permanece na sombra, non exactamente oculto, senón con contornas non ben definidas, cunha existencia tal unha pantasma que non chega a existir realmente, que non ten existencia real como persoa. E, polo tanto, que non ten os atributos de persoa. Os dereitos de persoa. Que, á vista dos atacantes e quen escoita e comunga coa súa narrativa, xa perdeu o dereito a ser considerado, xa é ninguén, xa morreu antes de ser matado fisicamente. Ese mesmo esvaecemento dos que sofren o xenocidio fai que quen o comete non sexa visto como xenocida. Algo así como ‘se non aparece o morto, non se pode dicir que haxa un criminal’ que se ve nas películas da serie negra.

    Algo que non se pode amañar só coa falta dunha guerra declarada. Pero é que a paz non é a ausencia dunha guerra visible. Algo que non se pode amañar só coa falta dunha guerra declarada. Así, no caso palestino, Israel non ten que declarar a guerra, non ten sentido que o faga, a un territorio que controlaba xa previamente. De feito, non pode: quen declara a guerra a algo que di que é del mesmo?. Pero é que a paz non é a ausencia dunha guerra visible (aínda que no caso citado, hai visibilidade abonda de morte e destrución, mesmo en directo). De feito, hai quen lle pon adxectivos para destacar con énfase iso: unha paz 'xusta'. Unha paz 'na que todos teñan os mesmos dereitos'. Unha paz 'igualitaria'...

    A guerra comeza antes de que estale a propia conflagración bélica, enturbando a paz, poñendo as bases para que a loita sexa unha solución plausible. O xenocidio ten as súas bases abondo antes da primeira morte. Bases que se poñen cando se comeza a dicir que a desigualdade -e non hai dúas persoas iguais- fai que os dereitos duns e outros sexan diferentes. Cando se xera animadversión e logo, odio, ó diferente. Cando se deixa de consideras ó outro como persoa. E, ó consideralo como cousa, pódese facer con el o que se queira, mesmo desfacerse del. Xa non hai empatía, só utilitarismo a disposición de odios varios.

    Bo Nadal. E na Terra, paz. Só á xente de ‘boa vontade’?