Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta dani vega. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta dani vega. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20231205

Dúas visións do pleno do luns en Ribadeo

Dúas visións do pleno do luns en Ribadeo

    Luns houbo un pleno no concello de Ribadeo, do que xa puxen a orde do día. Non asistín, polo que teño que falar por terceiros. Polo momento, polos comunicados da alcaldía e do principal partido da oposición, mais algún comentario solto. Quizáis, como única matizción pola miña parte, á nova do concello onde se di que van mellorar os orzamentos entre todos. Entendo que están aprobados e que que entón non caben melloras a non ser que se lles poñan parches...

    Polo demais, os estilos de ambos son abondo diferentes como quen vexa máis abaixo poderá comprobar. Unha nota máis: como ven sendo habitual, corrixo a puntuación dos números que aparecen para adaptala á normativa actual. Cousa de deformación profesional miña.

    Deixo primeiro o comunicado do concello, anotando que na sección de 'novas' da web municipal xa teñen imaxes dunha calidade abondo superior á que viñan colgando (que non eran as que se enviaban ós medios, de máis peso dixital). Máis abaixo, a nota de prensa do BNG:

    -- Nota de prensa do Concello:

Ribadeo é un dos primeiros Concellos en aprobar os orzamentos para 2024. Ascende a 12,3 millóns de euros

05/12/2023

Dani Vega subliña que son os máis altos da historia ribadense.

Ribadeo é un dos primeiros Concellos en aprobar os orzamentos para 2024. Son 12,3 millóns de euros, “o que os converte nos máis altos da historia ribadense”, destacou o alcalde, Dani Vega.

O rexedor explicou que “son uns orzamentos que se incrementan significativamente en dúas partidas: benestar social e inversión. A benestar social destinamos 3,5 millóns de euros, dos que 1,6 millóns de euros van para o servizo de axuda no fogar; outra partida de 1,6 millóns de euros destínase á reforma integral do hospital asilo; 250 000 euros para a compra dos terreos do novo centro de saúde; nas actividades Preto de Ti, que realizamos nas parroquias e na vila, o Concello con fondos propios investirá 10 000 euros e con fondos da Xunta de Galicia 40 000 euros; na residencia de maiores investiremos 20 000 euros e tamén incrementamos as axudas a todas as entidades asociativas no conxunto do benestar social pasando de 11 000 a máis de 15 000 euros. Non so incrementamos as axudas senón que incorporamos á Cruz Vermella, xa que non contaba con colaboración económica por parte do Concello e no 2024 si que a vai ter”.

No apartado de inversións Daniel Vega indicou que “si no 2023 investíamos 1,1 millóns de euros neste orzamento investiremos 1,7 millóns de euros. Hai un incremento nesta partida de 600 000 euros. Si queremos que melloren as infraestruturas necesitamos orzamento: Plan Único da Deputación, á que lle agradezo a súa colaboración, 356 000 euros; novo plan de infraestruturas que nos financia a Xunta de Galicia outros 350 000 euros; aos que ai que sumarlle 95 000 euros do Agader (tamén da Xunta); á mellora das contornas significativas de moitas parroquias destinamos 120 000 euros”.

O alcalde aposta por un Ribadeo máis sostible e máis verde: “e imos mellorar dous puntos moi importantes como son o Parque de San Francisco no que investiremos 200 000 euros e tamén no Parque de Indianos ao que destinamos 50.000 euros, porque precisa dunha mellora integral. En edificios significativos, como pode ser a Casa do Viejo Pancho, son 50 000 euros os que vai investir a Xunta e na nova xefatura da Policía Local. Non podemos permitir que estea nunhas instalacións que mais ben parecen doutro século. Precisa dun novo espazo, que vai ser a antiga Casa de Teléfonos e imos investir máis de 60 000 euros coa colaboración da Xunta”.

Para Daniel Vega “hai un traballo moi importante. En tan so cinco meses Ribadeo é un dos primeiros Concellos en aprobar os orzamentos. Creo que é algo a destacar e que lles quero agradecer a todos os técnicos municipais a súa colaboración e o seu traballo. E tamén a todo o goberno, a tod@s @s concelleir@s que están traballando todos os días. Tamén lle agradezo a colaboración tanto ao PSOE como ao BNG. Votaran o que votaran creo que imos traballar todos e colaborar todos e mellorar estes orzamentos”. 

 O rexedor agarda que “a colaboración dos grupos da oposición sexa total e absoluta. Nos contamos con eles, escoitamos as súas propostas e seguimos contando coa colaboración de todas as institucións: a Deputación de Lugo, o Goberno do Estado e a Xunta de Galicia. Entre todos aprobamos os maiores orzamentos da historia de Ribadeo, pensando única e exclusivamente en Ribadeo”.

    -- Comunicado do BNG:

O BNG DE RIBADEO DENUNCIA A ACTITUDE CÍNICA, DEMAGÓXICA E ESCURANTISTA DE DANIEL VEGA NO PLENO DOS ORZAMENTOS DO ANO 2024.

No pleno deste luns 4 de decembro, o alcalde de Ribadeo adoptou unha actitude cínica, demagóxica e escurantista ocultando información e xogando coas palabras e coas quendas de intervención. Como podemos entender, senón, que no debate co concelleiro responsábel da área de Facenda, Vicente Castro, o alcalde se negara a responder á pregunta acerca de convenios que se puideran ter asinado con outras administracións, e despois, en rogos e preguntas, dixese que si coa boca pequena? Por que non aclara o alcalde de Ribadeo que convenios hai asinados, se é iso verdade, e con que administración? Como podemos cualificar a actitude dunha alcaldía que un día sobe documentación cunhas cifras e, ao día seguinte corrixe dita información sen avisar á oposición? Non contento con tanto despropósito, despois, no debate, acusa ao noso compañeiro, ben coñecedor da facenda local, de non ter estudado a fondo a información. Máis cinismo é imposíbel!

Pero o grupo municipal do BNG estudou ben a fondo as contas. E comprobou que son uns orzamentos faltos de rigor e esaxeradamente inflados ao servizo da vaidade desenfreada de Daniel Vega. Son uns orzamentos que inclúen inversións subvencionadas por convenios dos que se negou a falar durante o transcurso do pleno. Inclúen tamén previsións de ingresos irrealizábeis no exercicio 2024. Así, por exemplo, hai previsións de ingresos polo imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), ou polo canon da concesión administrativa da auga, que non se van poder concretar no ano 2024. E iso, porque toda a tramitación que está aínda pendente de realizar (estudos previos, licitación, etc.) lévannos mesmo a finais do ano 2025. O alcalde quere gastar xa o diñeiro do ano 2025 e aínda non rematou o 2023. Imos apañados!

Tamén temos detectado, en base ás previsións feitas nestes orzamentos, que o lixo vai acabar subindo case un 40 %. Si: aqueles que nunca subirían os impostos. Iso mesmo dicía Rajoy antes de gañar as eleccións en 2011. E despois fixo o que fixo. Bo alumno o noso alcalde. Pero non estivo moi fresco ao intentar refutar a crítica do BNG pola suba do lixo pois, primeiro achacou tal suba á incorporación do contedor marrón (para materia orgánica), e que iso xa vén do anterior goberno do BNG, que comezou o proceso. Pero máis tarde destacou que se debía dito incremento á suba do canon de SOGAMA. Pouco rigor nos orzamentos e pouco rigor nas intervencións.

Temos visto así mesmo erros graves de tramitación con partidas erróneas que non se corresponden con inversións reais; mesmo temos detectado algún apartado en branco, como o do Fondo de Compensación. Que pouca elegancia! Corrixiron ese dato, así o recoñeceron no pleno, pero non tiveron a decencia de comunicalo á oposición. Sería para despois poder reprocharnos que non coñeciamos ben os orzamentos? Nós si que os miramos. A concelleira delegada de Facenda, mirar miraríaos, pero tan só lle dedicou ao tema dous minutos no pleno cando os presentou.

En canto aos gastos de persoal, non son recollidos con fidelidade nestes orzamentos: así, aparecen partidas que non se axustan ao anexo ademais doutras que están duplicadas. Mesmo no resumo de gastos por capítulos non se recollen os importes reais de gastos de persoal, que en realidade van ascender a 5 064 656,71€.

Polo que se refire a gastos sociais hai unha clara redución de partidas. Así, en subministración para alimentos redúcese drasticamente a partida e no CIM (Centro de Información á Muller) diminúe até un 50%. O programa de actividades de animación social e a partida de mocidade para actividades de verán e nadal tamén sofren importantes recortes. Iso si: os gastos protocolarios e de publicade mantéñense (que conste que, visto o visto, lograr que se manteñan até pode chegar a ser unha virtude ante a desgraza de tanto dispendio!).

En fin: trátase duns orzamentos carentes de rigor, inflados artificialmente de cara á galería e pensados para gastar sen control nin medida. O goberno municipal do PP ten nestes momentos a maioría e procedeu á súa aprobación. Pero, xa o iremos vendo ao longo do ano 2024, estes desaxustes han traer consecuencias para a estabilidade financeira do Concello, a casa común de todos e todas as ribadenses. Por iso o grupo municipal do BNG de Ribadeo votou en contra. Non gustou nada ao alcalde de Ribadeo a nosa coherencia: na fase de rogos e preguntas volveu a proferir insinuacións faltas de toda consistencia e que raian na calumnia. Cando o señor Daniel Vega se emprega tan a fondo é porque non lle queda nada serio e rigoroso que dicir e acode ao insulto e á infamia.

20231130

Pleno en Ribadeo o 4 de decembro: orzamentos

    Onte vin o que deixo aquí: a convocatoria do próximo pleno do concello de Ribadeo. Engadín a nota de prensa correspondente e deixo unha conta sinxela: o orzamento previsto implica un gasto total polo concello de 1230 €/persoa ó longo de 2024.

Orzamento Ribadeo 2024

Ribadeo contará en 2024 cun orzamento de 12,3 millóns de euros, dos que 3,5 millóns van destinados a benestar social

29/11/2023

Dani Vega destacou que son os presupostos máis sociais e máis altos da historia do Concello.

Ribadeo contará cun orzamento de 12,3 millóns de euros en 2024. O alcalde, Dani Vega, subliñou que é o máis alto da historia do Concello ribadense e que son tamén os presupostos máis sociais.

O rexedor declarou: “Ribadeo presenta as súas contas. Ribadeo contará un orzamento de 12,3 millóns de euros para o ano 2024. Poucos Concellos teñen os orzamentos aprobados, Ribadeo farao en tempo e forma e tamén hai que destacar que somos un goberno que so levamos cinco meses e xa acreditamos unha xestión e tamén rigorosidade nos presupostos”.

Vega explicou que “a inversión increméntase e chega a 1,7 millóns de euros, que son 600 000 euros máis que en 2023. Tamén traballamos durante estes meses para mellorar as condicións de todos os traballadores e así o negociamos con todos os sindicatos. A todos lles quero dar as grazas polo traballo e pola dedicación e nosoutros cumprimos en so cinco meses con vellas demandas ás que non se daba resposta. Vai haber dous técnicos administrativos máis da administración xeral, tamén un chófer para a desbrozadora e os socorristas, técnicos en emerxencias sanitarias e técnicos de limpeza de praias van traballar tres meses. Esta era unha vella reivindicación, coa que este goberno cumpriu e deu unha resposta”.

O alcalde dixo que “tamén queremos un Ribadeo máis social. Nas subvencións nominativas pasamos de 11 000 euros a preto de 15 000 euros para os colectivos que están a traballar coas persoas. Incorporamos á Cruz Vermella, que nestas subvencións nominativas non estaba”.

Daniel Vega subliñou que “para a licitación do SAF imos aprobar unha cantidade de 1,6 millóns de euros. Para o hospital asilo, onde estamos a realizar a reforma integral, tamén van 1,6 millóns de euros. E imos xa comprar os terreos para o centro de saúde, iso é un compromiso absoluto e total, por un valor de 250 000 euros. No centro de día neste momento estamos a investir 20 000 euros e imos incrementar esa cantidade ata 50 000 euros máis no 2024. Nas actividades de Preto de Ti, que se están a realizar por todas as parroquias a Xunta de Galicia investirá 40 000 euros e nós achegaremos 10.000 euros. E á residencia de maiores destinamos 20 000 euros. Son 3,5 millóns de euros os que van destinados a benestar social no 2024. É a partida máis grande destinada a este fin da historia de Ribadeo”.

O rexedor manifestou que “queremos un Ribadeo mais rural e por iso aprobamos o Plan Único dotado con 356 000 euros e tamén contaremos cun novo plan de infraestruturas, en colaboración coa Xunta, que estará dotado con 350.000 euros mais o plan do Agader con 95 000 euros. E para a mellora das contornas significativas das parroquias van 120 000 euros. Tamén queremos un Ribadeo mais sostible. Ao parque de San Francisco destinamos 200 000 euros e para o parque de Indianos 50 000 euros. E no plan de recollida de lixo imos investir 600 000 euros. Ese Ribadeo máis sostible tamén vai ser un Ribadeo máis limpo e máis verde. E imos mellorar o edificio do Viejo Pancho no que investiremos 50 000 euros e nas instalacións da Policía Local máis de 60 000 euros”.

Vega destacou que “son uns orzamentos moi importantes para Ribadeo os de 2024. Son 12,3 millóns de euros, os máis altos da historia de Ribadeo. Acredítase unha xestión e unha colaboración coas distintas administracións. Hai que destacar a da Xunta de Galicia e a da Deputación, esperemos que invistan mais durante este ano, e tamén se acredita que somos rigorosos e estritos nas contas, onde aprobaremos en tempo e forma estes orzamentos, que son froito do traballo conxunto entre os técnicos e o equipo de goberno municipal”.

20230814

Ribadeo e a auga neste verán

    Levo varias entradas nos últimos días relacionadas coa auga, ou máis ben, coa falta de auga, mesmo con algún apunte como o de Evaristo Lombardero na entrada anterior. Hoxe fágome eco dun bando da alcaldía, que deixo en baixo xunto coa nota de prensa correspondente.

    Nota de prensa

A EMPRESA CONCESIONARIA FACILITA CONSELLOS Á POBOACIÓN

Consumo responsable da auga

11/08/2023

O alcalde, Dani Vega, a través dun Bando pide á veciñanza e aos visitantes que fagan un uso responsable da auga.

No Bando asinado no día de hoxe sinala que "todos somos coñecedores da problemática que estamos a atravesar en canto á escaseza de auga para o consumo humano no noso entorno, que derivou en que concellos veciños se visen na obriga de establecer restricións en canto ao consumo".

O rexedor indica que "analizando a situación concreta do Concello de Ribadeo, en base ao plan de emerxencia ante situacións de seca municipal, a día de hoxe pode afirmarse que nos encontramos nun escenario de escaseza do recurso na captación de Lexoso, mentres que no caso da captación de Vilarbetote, o escenario actual sería de normalidade, pero cun serio risco de entrar nun escenario de prealerta".

Dani Vega subliña: "é por iso que, chegados a este punto, prégase aos nosos veciños e visitantes facer un uso responsable da auga, limitando na medida do posible os consumos municipais non esenciais, como poden ser regos, baldeos e enchido de piscinas. Trátase de establecer medidas preventivas para adiantarse a unha posible escaseza de recursos para abastecer á poboación".

E engade: "evidentemente, de empeorar a situación, o Concello de Ribadeo verase na obriga de establecer medidas restritivas en canto ao uso da auga para consumo humano, máis aló das presentes recomendacións".

O Bando da Alcaldía acompáñase cunha serie de consellos sobre consumo responsable, facilitados pola empresa concesionaria do servizo de augas municipal, que é Viaqua.

    Información:


    Bando:



20230730

Cara á Xira de Santa Cruz 2023

    Achegámonos ó primeiro domingo de agosto, é dicir, á Xira de Santa Cruz. Este ano o concello enviou unha nota de prensa e acompañou un bando curioso na forma, de impacto para a festa. Deixo ambas cousas en baixo:

O ALCALDE FAI UNHA CHAMADA AO RESPECTO CO ENTORNO

Xira de Santa Cruz


26/07/2023

As concelleiras de Cultura e Turismo, Begoña Sanjurjo e Marta Saiz, amosan o apoio do Concello á nova edición da Xira de Santa Cruz, que terá lugar o vindeiro 6 de agosto. A festa, de interese turístico galego, está organizada pola asociación Amigos da Gaita.

Os actos dan comezo o sábado, día 5, ás 19.30 horas cun pasarrúas a cargo de Amigos da Gaita e seguirá co pregón de Felipe Rea Otero e coas actuacións das escolas. O día grande será o domingo, xornada na que haberá diferentes actuacións musicais a partir das 12 horas como o grupo Donaire, no monte de Santa Cruz, e Recuncheiros e Axeiros no Cantón dos Moreno. Seguidamente, terá lugar a subida ao monte e o tradicional xantar.

Begoña Sanjurjo, concelleira de Cultura, manifestou que "a Área de Cultura do Concello de Ribadeo convida a todo o mundo á edición número 72 da Xira de Santa Cruz e día da gaita galega. Acompañemos á asociación Amigos da Gaita no pregón o día 5, aplaudindo o traballo das diferentes seccións da escola e subamos ao monte o domingo 6 para desfrutar de música, amizades e natureza á sombra do monumento ao gaiteiro. Este ano os concertos da tardiña correrán a cargo dos grupos Tres Pesos e Aliboria. Alí vos esperamos a todos e todas".

A edil de Turismo, Marta Saiz, comentou que "o vindeiro día 6 como cada primeiro domingo de agosto celebrarase o principal romaxe da Xira de Santa Cruz. Trátase dunha festa de interese turístico e na que se homenaxea o día da gaita nun marco incomparable como é o monte de Santa Cruz, un fermoso mirador sobre a ría e sobre toda a comarca e onde unha extensa fraga abraza ese monumento gaiteiro, a día de hoxe único en toda Galicia". E engadiu: "agradecer á asociación Amigos da Gaita a súa organización e a continuidade desta romaxe ao longo dos anos. Desde o Concello de Ribadeo seguiremos apoiando e poñendo en valor as nosas festas, a nosa tradición e a nosa cultura".

A través dun Bando, o alcalde, Dani Vega, fai unha chamada aos asistentes para que sexan respectuosos con ese entorno natural, no que estará prohibido facer recintos pechados con plásticos agrícolas ou a instalación de mobiliario como sofás ou colchóns: "resultando todo isto unha mala imaxe para a festa, co serio agravante de que practicamente nada se recolle ao finalizar a romaría, parecendo aquilo un auténtico vertedoiro. Incumprir o anterior considerarase como disposición de residuos nun lugar non autorizado, coa consecuente posibilidade de incoación de expediente sancionador para os responsables".

No Bando sublíñase que "estará permitido reservar espazos da área recreativa dun xeito tradicional e respectuoso co entorno, como pode ser corda ou cinta plástica, dispoñer toldos ou parasoles para protexerse do sol ou da chuvia que nunca supoñan o illamento dun espazo, así como subir aqueles obxectos directamente relacionados coa festa, coa consecuente obriga de recoller todo ao abandonar o lugar. E por suposto, permítese gozar dunha romaría en familia e cos amigos e veciños, da música e baile tradicional galego, co fin de non perder a esencia da Festa da Xira de Santa Cruz".

A Xira foi presentada no Monte de Santa Cruz por Amigos da Gaita. Xunto a eles estiveron o alcalde, Dani Vega, e as concelleiras de Turismo e Cultura, Marta Saiz e Begoña Sanjurjo.




20230622

Repartidas as áreas de goberno municipal

    Copio a nova do concello de hoxe, que anuncia tamén ás 20:30 un pleno de organización, ó tempo que deixo a ligazón ás actas do pleno de constitución da nova corporación municipal:

ACTA DO PLENO 2023-0010 [ACTA SESION PLENO. CONSTITUTIVA CORPORACION E ELECCION ALCALDE]

Nota de prensa: 

 
CON VOCACIÓN DE SERVIZO PARA QUE RIBADEO MEDRE

Áreas de goberno

22/06/2023

O alcalde, Dani Vega, ven de dar a coñecer o reparto das áreas do seu equipo de goberno. Esta tarde ás 20:30 horas hai pleno de organización no Concello.

O rexedor explicou que "convocamos o pleno extraordinario, o pleno de organización, onde aprobaremos o calendario de sesións que celebraremos ao longo do ano, as xuntas de goberno local, as retribucións económicas do equipo de goberno… en definitiva organizaremos o que será o vindeiro mandato".

O reparto das áreas do novo equipo de goberno queda da seguinte maneira, segundo confirmou o alcalde esta mañá: "Begoña Sanjurjo será a concelleira de Facenda, Cultura, Educación e Igualdade. Marta Saiz levará Promoción Económica, Iniciativa Empresarial, Turismo e Comercio, Montse Seijo será a concelleira de Recursos Humanos, Seguridade e Atención Cidadá. Diego Dos Santos será o responsable de Medio Rural, Medio Ambiente e Infraestruturas, Elena Sierra será a concelleira de Benestar Social, Saúde e Familia e Francisco Silvent levará Deportes e Mocidade".

Dani Vega subliñou que "somos un goberno que o que pretende con total vocación é escoitar, gobernar para todos, entre todos e tamén contar coa Corporación Municipal, que é algo fundamental para chegar a acordos".

Para o alcalde ribadense "este será un mandato con moita vocación de servizo, con moita ilusión, con moitas ganas para que Ribadeo avance e medre e creo que entre todos ímolo facer".

20230618

Discurso de investidura de Daniel Vega

    Deixo a continuación o discurso de investidura de Daniel Vega e logo, tal como aparece na nota de prensa do concello onte, xunto con dúas fotos:

Foto Dani Vega

NUN SALÓN DE PLENOS ABARROTADO

Investidura de Daniel Vega

17/06/2023

O novo alcalde, Dani Vega, aposta polo traballo conxunto da nova Corporación para que Ribadeo siga a medrar como pobo. Na súa primeira intervención como rexedor tivo palabras de agradecemento para toda a veciñanza facendo fincapé en que "todos construímos Ribadeo". Tamén subliñou que "para min ser alcalde de Ribadeo é a maior honra como veciño que naceu e viviu neste concello e que sempre o levou na cabeza e no corazón".

Igualmente, deixou constancia do seu compromiso de traballo para todos os ribadenses en igualdade da man dun goberno que se marca como obxectivo "traballar nunha dirección única: impulsar Ribadeo e achegar investimentos clave para mellorar e avanzar". Vega dixo que o seu goberno apostará por dinamizar a economía local, impulsar o polígono industrial e por introducir industria en Ribadeo, polas infraestruturas, pola sanidade e o benestar social, polos investimentos na zona rural e por un novo plan de residuos, entre outras medidas.

O alcalde declarou: "comeza unha nova lexislatura e o primeiro que queremos facer é dar as gracias  a todos os veciños por ese respaldo tan rotundo e maioritario que supuxo un cambio de goberno en Ribadeo. Un sincero agradecemento a todos os veciños".

O novo rexedor sinalou que "agora toca seguir traballando, xestionando e abrindo as portas á inversión. Nos xa o diciamos desde oposición e seguímolo a dicir: debemos traballar todos como Corporación. Agora o PSOE e o BNG son a oposición, pero poden seguir traballando e colaborando con nós como goberno. Nos imos escoitar as propostas, imos recoller todas as iniciativas que sexan para medrar como pobo. Creo que entre todos o podemos facer". 

Dani Vega aludiu aos retos marcados polo novo equipo de goberno: "temos grandes retos e necesitamos a axuda de todas as administracións. Cando diciamos na pasada lexislatura que hai que abrir as portas á inversión farémolo realidade porque somos o goberno de todos, non so duns poucos, senón de todos os ribadenses".

Para o alcalde de Ribadeo "traballar como Corporación significa que entre todos debemos traballar para impulsar a economía de Ribadeo. Imos impulsar o polígono industrial, imos baixar impostos e imos introducir industria en Ribadeo, porque queremos emprego para a nosa mocidade, para todas as persoas, co obxectivo de que non se teñan que ir de Ribadeo".

O turismo e o benestar serán outros dos piares nos que se centrará o traballo de Dani Vega e do seu equipo: "tamén queremos e cremos nunha economía diversificada e por iso imos apostar polo turismo, por ese turismo diverso, da vila e do rural.  Ademais imos facer un novo plan de residuos porque queremos un Ribadeo máis limpo. Apostamos pola sanidade, por iso imos aportar enseguida os terreos para a construción do novo centro de saúde. Queremos un Ribadeo de benestar, por iso imos reformar o Hospital Asilo e imos seguir nese traballo de reubicar ás persoas que alí viven". 

O rexedor seguiu a relatar que "sempre dixemos que eran necesarias novas infraestruturas, por iso imos facer novos aparcamentos e tamén investiremos nas estradas e nas rúas. Imos investir nas parroquias, precisan maiores investimentos, é necesario apostar polo rural . E tamén apostaremos pola cultura, por esa cultura viva e diversa que necesita Ribadeo e eses grandes eventos e festivais que vai ter Ribadeo este verán. Nos apoiámolos desde a oposición e agora desde o  goberno apoiarémolos máis. Quero trasladar o meu agradecemento a toda esa iniciativa xuvenil, que impulsa a economía e tamén a cultura do noso pobo". 

E tivo palabras de agradecemento para os deportistas locais: "e tamén o agradecemento de todos os deportistas que levan o nome de Ribadeo por todo o mundo, gracias ás entidades deportivas. Imos seguir apoiándovos desde o Concello agora máis". 

Dani Vega insistiu no seu discurso: "e quero dicilo con moita claridade debemos traballar todos como Corporación para dar pasos en firme, para traballar por ese Ribadeo en igualdade. Entre todos podemos mellorar o pobo que amamos e respectamos. Dicía Brañas sexa todo por Galicia e para Galicia e eu creo que debemos dicir alto e claro sexa todo por Ribadeo e para Ribadeo".

    Engado dúas fotos dende o muro de Facebook do novo alcalde, a primeira recibindoo bastón de mando de mans de Vicente Castro e a outra, o novo equipo de goberno: 




20141118

Entrevista a Manuel Valín Valdés


Vin a entrevista, pareceume interesante ó vela este fin de semana na Comarca e pedinlla para reproducir aquí (grazas!):
ENTREVISTA A MANUEL VALIN VALDES
(Reprodúcese aquí integramente a entrevista que o diario EL PROGRESO, na súa edición de A Mariña, me fixo e da que xurdiu a publicada o domingo 9 de novembro de 2014)
Acaban de presentar ao candidato do PP á alcaldía de Ribadeo. ¿Qué opina del como persoa e como político?
Como persoa, soamente podo dicir cousas boas; coñézoo desde fai bastante tempo, compartimos anos de traballo no Partido o que nos permitiu forxar a relación de amizade que mantemos na actualidade. Trátase dunha persoa amable, accesible, honrada,…, un bo tipo.
Desde o punto de vista político, penso que é un home de Partido, con todo o que iso implica; foi concelleiro na oposición 4 anos (formou parte do último grupo municipal que capitaneou Andina) e leva 2 anos ao fronte do Pp local en Ribadeo. Se ben este bagaxe non supón unha grande experiencia, ninguén nace aprendido e seguro que co tempo a súa figura medrará politicamente sobre todo agora que vai a encabezar un equipo de traballo que pretende acadar á alcaldía de Ribadeo.
Eu poñeríalle dous “peros” á súa labor política durante estes dous últimos anos (é algo que xa o teño falado moitas veces con el e sabe que llo digo desde unha crítica construtiva); en primeiro lugar, Suso López e Dani Vega deixáronse utilizar por Barreiro e Balseiro para defenestrar definitivamente a Rodríguez Andina como Presidente do Partido Popular de Ribadeo; foi un proceso autoritario, nada democrático, que supuxo que por imposición do Presidente e Secretario Xeral do Partido en Lugo, dun día para outro, Suso López pasaba a ser Presidente dunha Xestora que se facía cargo da agrupación local do Pp en Ribadeo. Visto o visto, tratábase dunha folla de ruta que deseñada desde Lugo remataba esta mesma semana co seu nomeamento como candidato á Alcaldía. Eu defendo e defenderei que se puido chegar a este mesma situación, dialogando con Andina, escoitando aos afiliados e simpatizantes do partido en non entrando coma un “elefante en cacharrería”; nos estatutos do Pp aparece a creación dunha xestora en casos que a situación sexa caótica e se vexa a necesidade de actuar desde a provincial. En Ribadeo, non se daba tal circunstancia e o mesmo Andina, estaba disposto a dar paso a unha profunda renovación do partido que se lle pedía desde as bases locais.
En segundo lugar, tamén lle critico ( insisto en que desde un punto de vista construtivo) ese xeito de levar o de “home de Partido” ata as últimas consecuencias; en varias ocasións, defendeu posturas oficiais que se poden interpretar como un antepoñer os intereses partidistas aos veciñais. O exemplo máis evidente é a postura adoptada co tema da Residencia de Maiores, sabendo que era o punto máis importante do programa electoral co que acudimos ás eleccións un equipo de traballo do que formaba parte, xa que o considerábamos a necesidade máis importante que tiña Ribadeo. A postura da Xunta con respecto a esta infraestrutura foi e, lamentablemente, segue a ser errónea e polo tanto indefendible.
Quizás ao ser a aposta do Pp provincial para reconquistar á Alcaldía, non lle permitiu actuar como el desexaría; estou seguro, polo que temos falado, de que está a favor de que Ribadeo conte cunha nova Residencia de Maiores.
¿Propuxéronlle formar parte da lista electoral que se está confeccionando?
Non me propuxeron formar parte da lista para as próximas eleccións; de tódolos xeitos, teño tomada a decisión de retirarme da política municipal.
¿Cómo chegou a ser Penabad o Presidente do Pp ribadense?
Creo que na pregunta anterior dou a miña versión deste proceso, insisto, imposto e nada democrático que deseñaron Barreiro e Balseiro. Noutros concellos da Mariña, nas mesmas circunstancias, foise dialogando e acadando acordos que propiciaron unha transición xeracional tranquila e sen ningunha polémica.
¿Por qué non acudiu vostede á presentación do candidato, nin ningún “peso pesado” do Pp ribadense como Andina?
Eu recibo unha chamada de Suso López Penabad o mesmo xoves ao medio día onde me informa de que esa tarde acoden a Ribadeo Barreiro e Balseiro para presentalo en rolda de prensa como candidato á Alcaldía de Ribadeo; tamén me di que vai a falar co resto do grupo municipal para informalos.
Eu decido non acudir por dous motivos: En primeiro lugar non me parece serio que, por exemplo en Viveiro, reúnan ou informen á executiva local previamente a facer público o nome do candidato e en Ribadeo non. Por outra banda, Barreiro e Balseiro podían ter a deferencia de informar directamente ao Grupo Municipal.
Ao mellor é que non tiñan interese en que asistíramos algún membros do Grupo Municipal.
En canto aos compañeiros concelleiros, creo que Campo Braña estivo presente; Azucena González traballa na Coruña e por cuestión laborais non lle foi posible estar presente. Manel Yañez tivo traballo no IES Gamallo Fierros e unha reunión do Consello da Muller no Concello e non lle foi posible asistir.
É posible que si soubéramos o tema con máis antelación (non catro horas antes da rolda de prensa), algún podería acudir.
De Andina, non podo dicir nada pois descoñezo si foi avisado ou si estaba en Ribadeo ese día.
Dito todo isto, quero que quede claro (é Suso López sábeo por que o teño falado con el) que espero e desexo o maior éxito posible no intento de recuperar á Alcaldía de Ribadeo por parte do Pp`.
É vox populi que existen desacordos internos no Pp ribadense. ¿Qué hai de certo nesto?
A ninguén se lle escapa que existen diferenzas entre o Grupo Municipal e a Executiva local. Relendo as miñas anteriores respostas é facilmente deducible que nalgúns temas (Residencia de Maiores, Pavillón Polideportivo, o xeito de criticar o día a día,…) si discrepamos. Critícasenos que non facemos oposición (lembro que tamén se lle achacaba isto mesmo ao Grupo Municipal do mandato anterior onde, por certo, Suso López era concelleiro), que estamos “vendidos ao goberno”, ….. Desde un principio, decidimos antepoñer os intereses veciñais aos partidistas, convencidos de que sería o mellor para Ribadeo, o noso pobo, onde vivimos e polo que algún, levamos loitando máis de 20 anos.
Na relación entre Grupo Municipal e Executiva Local (da que eu mesmo formo parte e acudo a tódalas reunións) tamén pesa o que teño comentado nesta entrevista sobre o xeito de constituírse, primeiro a Xestora e logo a propia Executiva.
En canto á relación entre os membros do Grupo Municipal, penso que non é mala, aínda que evidentemente mantemos diferenzas en temas puntuais; non é a primeira vez, nin seguro será a última, que nun pleno teñamos liberdade de voto (rompendo o que se coñece como disciplina de partido).
Temos repartidas desde o minuto un as áreas de traballo e así se pode comprobar nas notas de prensa, defensas en pleno,…. Penso que é a primeira vez que nos plenos e nos medios de comunicación falamos todos os membros do Grupo Municipal e non so o portavoz.
Estou seguro de que, cada un dos catro concelleiros populares, desexamos o mellor para os ribadenses e defendemos os seus intereses do mellor xeito posible. Da capacidade de traballo en política de Campo Braña e Azucena González non me sorprendeu nada; son dous persoas de partido, con experiencia sobrada na actividade pública e que penso que aínda non escribiron a súa última páxina na política local ribadense.
Quixera salientar a labor de Manel Yañez; sen experiencia política e mesmo desde a súa condición de independente (non afiliado ao Pp), non sen esforzo pola súa parte, soubo adaptarse e ademais da súa capacidade de traballo aportou “aire fresco” á hora de afrontar temas que se nos foron dando ao longo do mandato.
¿Cómo son as relación de vostede con Andina, Suso L. Penabad e Dani Vega?
De Andina, que podo dicir. Eu sempre o considerei como un irmán. Tiven a sorte de formar parte dun equipo de traballo capitaneado por el que transformou Ribadeo. Parece que levan aí desde sempre, pero nos 8 anos de goberno do Pp (1995-2003) fíxose un Auditorio, Estación de Autobuses, Escola de Idiomas, aparcadoiro municipal, novo Paseo Marítimo, 80 vivendas sociais, Casa da Ría, albergue de peregrinos, levouse a traída de auga municipal a tódalas parroquias, pavillón polideportivo, porto deportivo, …… Sen minusvalorar o traballo de ningún dos alcaldes que tivo Ribadeo, estou convencido que foi o mellor.
Lamentablemente, a diferenza do acontecido noutros concellos da Mariña, o Pp provincial non se portou con el como debería.
A nivel persoal, sigo tendo unha moi boa relación con el; é un tipo que merece moito a pena e que espero seguir conservando da súa amizade moitos anos.
De Suso López, creo que xa falei anteriormente.
Con Dani Vega pásame o mesmo que con Suso nalgúns temas; esa fidelidade inquebrantable á Barreiro e Balseiro, lévao a non entender algunhas das posturas que eu, como portavoz municipal, adopto na miña labor como concelleiro e discutimos bastante. De tódolos xeitos, temos unha boa relación.
Dani é unha persoa que “criamos” politicamente nós en Ribadeo e que hoxe desenvolve unha actividade a nivel provincial; é moi traballador e ás veces, a súa xuventude o traizoa no xeito de formular as súas posturas políticas. Estou seguro de que co paso dos anos, acougará e será un elemento moi activo do Pp en Lugo e na provincia.
¿Cal será o seu papel no Pp ribadense a partir de agora?
Ata as vindeiras eleccións seguir traballando como concelleiro, Portavoz Municipal e membro da Executiva Local . Depós das eleccións, pasarei a ser un militante de base e tratarei de aportar o meu graíño de area para que Ribadeo teña un Alcalde do Partido Popular. Levo 24 anos en primeira liña a nivel local e xa vai sendo hora de dar paso a xente máis nova, en idade e con frescor de ideas.
Son un profundo defensor da renovación xeracional, tanto a nivel local, provincial, autonómica e nacional. Algúns compañeiros de partido parece que naceron para ter un cargo e levan na vida pública máis da metade da súa vida; este “sistema” impide que xente nova, moi válida, teña a mínima posibilidade de mostrar a súa valía.
Deberíanse de limitar temporalmente os cargos e, por suposto, unha persoa nunca debería aglutinar varios.
¿Qué destacaría da súa traxectoria política?
No ano 1991 tiven a sorte, promovido pola “executiva local” coordinada por Luisa Braña, de formar parte dun equipo de traballo que foi incorporando persoas a unha lista que no 1995 acadaron á Alcaldía e Ribadeo despois de 8 anos de goberno do BNG, despois de pasar catro anos pola oposición traballando arreo.
Foron momentos ilusionantes, onde unha mestura de xente con experiencia política e outros que éramos novatos, logramos aglutinar as diferentes sensibilidades que había dentro do Pp local, facer unha fronte común e así o entenderon os ribadenses.
A partir do 1995 e ata o 2003, contribuímos moi seriamente a facer de Ribadeo o auténtico centro neurálxico nunha ampla comarca que abarca parte da Mariña e do Occidente Asturiano.
A nivel persoal, foron oito anos que como Tenente de Alcalde e, fundamentalmente, desde o eido socio-cultural tratei de aportar o meu graíño de area para lograr un Ribadeo Mellor. Indubidablemente a construción dun Auditorio marcou un antes e un despois na política cultural do concello; permitiunos programas actividades musicais, teatrais,…, de primeira fila.
Alégrome moito que Ribadeo continúe a ser o referente cultural que foi sempre.
Recórdenos a súa traxectoria profesional.
Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e Máster en Desenvolvemento Local e Comarcal.
Fun Profesor do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo desde o 1988 ata o 2001, ano en que despois de aprobar unha oposición me incorporo como Xerente da Fundación Comarcal A Mariña Central á sede de Mondoñedo. Desde o 2011 traballo na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no edificio administrativo da Xunta de Galicia en A Coruña.
Facendo cábalas, ¿cómo cree que serán os resultados das vindeiras eleccións municipais?
Dado o aumento da corporación (ao parecer pasaremos de 13 a 17 concelleiros) e o número de listas electorais que se prevén, vaticinar uns resultados é moi difícil, posiblemente máis que ningunha vez.
O que teño claro é que a xente está moi cansa de que tódolos días aparezan casos de corrupción mentres a moitos cidadáns lles costa chegar a fin de mes. Algo ten que cambiar, tanto a nivel interno dos partidos como no propio sistema.
O que está a pasar na actualidade, vai a marcar o devir político do presente e do futuro.
A nivel local, o goberno actual parte con vantaxe; a Residencia de Maiores, o Pavillón Polideportivo, o PXOM,….., seguro que pesa á hora de decidir o sentido do voto.
De tódolos xeitos acadar unha maioría absoluta será moi difícil
Segundo vostede, ¿cómo evolucionou Ribadeo?
Ribadeo é na actualidade, a pesar dos efectos da crise, o centro de servizos máis salientable da Mariña e do Occidente Asturiano.
Temos un sector comercial moi competitivo, con locais de altísima calidade, ao nivel dunha cidade.
O sector hosteleiro (restaurantes, hoteis,….) mellorou o 300% e hoxe en día Ribadeo é un referente.
Loxicamente esta acádase coa comuñón do sector privado e lo público; Xunta, Deputación e Concello axudan pero o protagonismo de sector privado é fundamental.
¿Qué lle falta a Ribadeo?
Despois de ter en marcha a Residencia de Maiores e o PXOM, queda procurar encher o Polígono Industrial de empresas; faise necesario, baixo o meu punto de vista, un recinto municipal para desenvolver feiras e encontros empresariais durante todo o ano. Ribadeo está situado moi ben estratexicamente e moi ben comunicado.
Si se dota ao polígono dun recinto feiral e un viveiro de empresas, este sector recibiría un espaldarazo fundamental.
Na zona rural, temos que apostar polo saneamento; é moi custoso, pero tense que deseñar un plan a longo prazo que permita que nunha década, o Concello enteiro conte con saneamento.