Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta castelao. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta castelao. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20250129

Loktudi

     Loktudi (en Bretón) ou Loctudy (en Francés) é un concello da Bretaña irmanado con Ribadeo, situado ó sur de Quimper.

      Recollo as verbas de Anxo Martíns, actual presidente da Asociación de Irmandade, a quen agradezo me corrixira diversos aspectos que eu consideraba:

    A razón última da irmandade poderíamos situala nas seculares relacións entre Galiza e Bretaña, desde as históricas (substrato celta común, chegada de Bretóns ao noroeste peninsular fuxindo das invasións anglo-saxonas), similitudes musicais e culturais, interese mutuo polo coñecemento e a relación entre ambos países (Castelao, Cunqueiro, Manuel María…)…

    En base a iso fóronse xestando distintas irmandades entre concellos galegos e bretóns, chegando até máis de vinte, número que no noso país supera o de irmandades con calquera outro país.

    Como promotor deste, e doutros irmandamentos na Mariña de Lugo, figura Philippe Le Goff. Como froito dese traballo unha comisión de ribadenses, encabezada polo alcalde da época, Balbino Pérez Vacas, viaxou a Loktudi en 2005 para sentar as bases da relación. No 2006, un grupo de Loktudi, que nos visitaba por primeira vez, foi acollido por familias ribadenses. Durante esa visita foi asinada a carta de irmandamento entre ambas localidades. A relación quedou en estado de letargo por diversos motivos, sendo un dos principais a inexistencia de asociación de irmandade en Ribadeo (si a había en Loktudi)

    Coa creación da Asociación de Irmandade de Ribadeo en 2016, retómase ese mesmo ano a relación coa visita dun grupo de familias de Ribadeo a Loktudi, que entra nunha dinámica de intercambios anuais. Coincidindo coa visita do noso grupo á Loktudi en 2018, asinouse a carta de reafirmación de irmandade polos representantes das asociacións de Loktudi e de Ribadeo, pola alcaldesa de Loktudi e polo alcalde de Ribadeo na época, Fernando Suárez Barcia.

    Durante os anos 2020, 2021 e 2022 as visitas como grupo de familias quedaron interrompidas como consecuencia da Covid-19. No ano 2023 recuperouse esta actividade coa visita do grupo de Ribadeo a Loktudi, ao ano seguinte a visita correspóndelle ao grupo bretón, e este ano tócalle ao grupo galego viaxar á Bretaña.

    Como actividades ou feitos paralelos que teñen que ver con este irmandamento figuran exposicións como “A Bretaña que hai en nós: as cruces de Pedra na Bretaña de Castelao”, existencia do barco e da rúa Ribadeo en Loktudi, ou do miradoiro Loctudy/Loktudi (posición) en Ribadeo. O Concello de Ribadeo apoiou e apoia todas estas actividades.

    No capítulo de intercambios escolares, as dúas asociacións mostraron interese e mantiveron contactos con ese motivos. Felizmente, en 2023 un grupo de estudantes de francés no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo foi acollido por alumnado do instituto de Pont-l’Abbé/Pont-n’Abad (localidade a carón de Loktudi), para recibir eles ao grupo bretón en 2024.

    Noutra orde de cousas, Ribadeo ten mantido a principios de século  conexións diversas dos centros educativos ribadenses con outros franceses (comezando entre o IES Porta da Auga cun proxecto Comenius, Science Fairs Throughout Europe -SFTE- co Notre Dame de Bourgenay en Les Sables D'olonne (Vendée, a 350 km de Loktudi), e posterior a iso, Ribadeo foi porto da Regata Transgascogne, con saída en Port Bourgenay, perto de Les Sables. Peza común ós intercambios educativos e á irmandade foi Julia Gallego, unha das catro persoas asinantes da carta de irmandade no 2006, representando ao “Comité de Irmanamento Ribadeo-Loctudy”, nun momento en que non había asociación constituída (cousa que si tiñan os bretóns…)

    O caso é que está a seguir a facerse historia, a piques de reeditarse a viaxe anual de galegos a Loktudi, e por iso a asociación sacou o seguinte cartel anunciador:


20250125

Recuncho da lectura: A mancha na parede e outros relatos

 


 Recuncho da lectura: A mancha na parede e outros relatos

     A mancha na parede e outros relatos. Chemi Lombardero Rico. ISBN - . Eoditorial. Ribadeo 2024. 56 px.

    Libro que me foi agasallado, non está (ao menos, aínda) distribuído comercialmente.
    Non, non é unha continuación de 'A morte de Colasón' nin por suposto dun ensaio de Chemi, senón un conxunto heteroxéneo nas historias, homoxéneo no estilo, e autónomo en cada unha das breves historias que o constitúen. Lectura agradable, que podendo tomarse de corrido dunha sentada, aconsello ir desgranando unha a unha para adentrármonos nunha realidade que poida que sexa imaxinada e imaxinativa, si, pero tamén se sinte próxima e real.
    -- Nota posterior:
    O 15 de febreiro, Carlos Álvarez Lebredo saca na Comarca del Eo (nº 5472, p.4) o completo artigo que reproduzo a continuación sobre o libro:

Segundo libro de relatos de Chemi Lombardero

Un exercicio de estilo

Carlos Álvarez Lebredo

    Acaba de aparecer o libro ‘A mancha na parede e outros relatos’, segunda entrega de Chemi Lombardero neste subxénero narrativo que é o relato breve. Moi breve, neste caso concreto. Estes son doce contos aínda máis breves que os dez que conformaron en 2020 o libro ‘A morte de Colasón e outros relatos’. Flutúan entre as dúas e as tres páxinas e media de extensión.

    Para lograr tal concisión ―nuns relatos en prosa que necesariamente teñen que ter un desenvolvemento antes de conducir ao lector a un remate― Chemi Lombardero fai un esforzo de depuración léxica moi na liña do que postula, por exemplo, Augusto Monterroso no seu célebre Decálogo do escritor: “O que poidas dicir con cen palabras, dío con cen palabras; o que só con unha, con unha”: cuarto mandamento de Monterroso, case concomitante co destoutro mestre do conto Julio Ramón Ribeyro: “O conto debe ser directo, sen ornamentos nin digresións. Deixemos isto para a poesía”.

    Esta depuración léxica, orfebrería que traballa ben Lombardero, obrígao a “non contalo todo” nos seus brevísimos relatos. Falta neles unha información narrativa que el escamotea a mantenta e que debe encher cada lector coa súa actitude, madurez e experiencia lectora: velaí o interese destes relatos. Dan marxe, danlle un papel ao lector para que participe activamente como instancia imprescindible no “acto de lectura” para encher “os espazos de indeterminación do texto” (tecnicismos crítico-literarios ambos, acuñados polo crítico Wolfgang Iser), e non se limite a ser un mero lector pasivo. Este seu papel activo, que involucra moito máis aos lectores na proposta narrativa do autor, é o que tamén reclamou hai tempo Umberto Eco definíndoo como unha “cooperación interpretativa do texto narrativo”; sintetizouno nunha expresión que contén o título dunha das súas obras máis famosas: introducir o “Lector in fabula” (obra de 1979). Xa na súa anterior obra ‘Opera aperta’ (1962) postulaba que “se deixe ao lector a iniciativa interpretativa dos textos”. E este é un dos xogos que propón Chemi Lombardero nos seus relatos: suxerir pero non contar, deixar entrever interlocutores ocultos nos diálogos e tamén sobreentendidos varios que o lector se ve obrigado a encher para darlle sentido completo ao conto. Por poñer uns exemplos, os relatos “O final” ou sobre todo “A miña tía”, no que non lle queda outra ao lector que activarse porque o texto, en menos de dúas páxinas, di o que di. E máis nada.

    Contrasta o estilo breve e depurado destes relatos coa outra prosa pragmática ―case didáctica― á que nos ten acostumados este escritor nos seus libros de investigación e divulgación histórica: sobre a sociedade ribadense, os indianos, o porto comercial de Ribadeo, os fornos de cal, etc.

    A solución de brevidade pola que opta Lombardero nestes contos que comentamos non son senón o froito dun calculado traballo de depuración técnica e estilística. Un exercicio de estilo. Creo lembrar que hai bastantes anos este autor (e amigo) deixoume ver un relato del que, ao cabo do tempo, noto que era unha primeira versión do que agora é o conto titulado “A arribada”. Daquela primeira escritura, que creo que situaba o conto no porto de Luarca, queda agora un relato reelaborado, moito máis estilizado, sen localización concreta, reducido ao esencial e moito máis logrado. Chemi Lombardero, lector e admirador desde mozo ―cónstame― de mestres do relato curto como Dieste, Castelao ou Marcial Suárez, bebe nestas fontes ambientais e estilísticas (quen non, xaora) á hora de idear as súas historias ―literaria e inequivocamente orixinais― e transformalas nestes relatos tan breves. E apréciase nalgúns destes contos de Lombardero o mesmo gusto que o primeiro deles por rematar o relato cun final incerto, en certa medida misterioso, aberto (de novo, o papel activo do lector): “O furado”, “O recolledor de pecios”.

    A son destas consideracións técnicas cómpre engadir o coidada que está a lingua que emprega Lombardero, algo non moi habitual en moitos outros relatos contemporáneos que se publican a cotío e nos que parece máis importante chegar á meta como sexa (publicar) que coidar o vehículo que se conduce (a lingua).

    En canto ao substrato argumental, cómpre indicar que a maioría dos relatos bucean nun tempo pasado, escasamente precisado no texto. Hai poucas historias que poidamos cualificar de contemporáneas: nin en relación co autor nin, moito menos, co momento da escritura ou da edición. O motor argumental da maioría dos relatos é a memoria. Memoria do vivido hai tempo ou memoria do escoitado, cousa en absoluto cuestionable. Outra cousa sería que en vez da memoria fose a nostalxia quen movese a inspiración: disto estamos sobrados en recentes textos narrativos e xornalísticos de opinión, e os seus autores non acaban de caer na conta de que a nostalxia sempre é un erro. En narrativa tamén. Escapan a esta tendencia dous relatos que si podemos situar nun tempo da historia máis ou menos contemporáneo: “Foi a nai” e “A miña tía”, ambos reflexo de dous tipos de tensións intrafamiliares moi dos nosos tempos.

    Neste punto cómpre preguntarse: a perspectiva do narrador (dos narradores) é a perspectiva do autor real? É que o presente non inspira argumentos? Persoalmente, como lector respecto a opción de Lombardero. Pero agardo del unha terceira entrega de relatos menos dependentes do fío da memoria e nos que mostre un maior ‘aggiornamento’ creativo. É dicir, uns contos que emanen máis de realidades e miradas contemporáneas e que confronten mellor con acontecementos dos tempos presentes. Eis o “horizonte de expectativas” (terminoloxía proposta por Hans-Robert Jauss) que eu mesmo me impoño para futuras entregas narrativas de Chemi Lombardero. Certo é que, visto desde outra perspectiva, este recurso á memoria pasada permite ver nalgún dos relatos aspectos dun tempo que xa non volverá e que mesmo as xeracións máis novas descoñecen absolutamente, v. gr. o teléfono de cables e chavellas que manexan as telefonistas, que aparecen no conto “A fuxida”.

    Dentro deste potente magnetismo da memoria que ordena os argumentos dos relatos de ‘A mancha na parede…’ operan dous factores narrativos, que moi ben poderían ser previamente extranarrativos: a familia e a casa. (Cada lector pode tirar as súas conclusións e ter unha opinión ao respecto da expresiva fotografía que se inclúe na páxina 9). A familia (nai, tía e especialmente o pai) vertebran máis da metade dos contos; e tamén a ausencia física da familia, pero omnipresente no relato, como é o caso do neno protagonista do conto “O recolledor de pecios”, criado sen pai nin nai. Avó, pai e netos (ou avoa, nai e neta) son tres doas dun mesmo colar que aparecen simultaneamente engarzadas e presentes nos contos: “A arribada”, “Un home feliz”, “A miña tía”. No primeiro deles mesmo o fillo é un receptor inmanente do relato: o texto mostra ao pai narrador, que evoca ao avó, pero que se dirixe directamente ao fillo; este escoita e, ao mesmo tempo, o lector le. A casa é o lugar de transacción de afectos e desafectos, diálogos e tiranteces, noutro grupo de contos. Medio libro son relatos de interiores. De interiores físicos, queremos dicir: de casas, de domicilios. Porque de interiores das persoas… diso si que vai todo o libro e non defrauda.

    Sei por radio macuto ―polos arames das viñas, que din os usamericanos con esta axeitada frase que me parece visualmente acertada e moito máis expresiva cá outra― que case todos os relatos de ‘A mancha na parede…’ están baseados, sequera lonxanamente, en feitos reais que nalgún momento lle chegaron ao autor en forma de contos, anécdotas e mesmo brincadeiras. Non estaría mal que, dada a coñecida amenidade do autor nas súas charlas, ofrecese unha que relacionase os personaxes e as historias reais que hai detrás destes contos, o momento e contexto da súa recepción, o proceso de elaboración literaria e o seu resultado e conversión en artefactos narrativos que, en definitiva, é o que son. Podería suceder, por exemplo na próxina Feira do Libro de Ribadeo. Por suposto, permitindo a interacción cos lectores, que estariamos entre o público.

    Cómpre valorar, para finalizar, o apoio editoral que hai detrás deste libro e que vén da man de Eoditorial Publicaciones, empresa que desde Ribadeo anima o noso conveciño Antonio Andina. Nos últimos tempos permitiu tamén a aparición de obras como a voluminosa colectánea de ensaios sobre El Viejo Pancho, os poemas e novelas saudables de Lucía Ferro, a novela de Rosa Paz Rico ou os estudos climáticos de Antonio Gregorio: autores, autoras e temáticas estreitamente vencelladas á cultura ribadense.

--
    O pdf na Comarca.

20241125

Un izado de bandeira

    Hai uns días difundín a convocatoria do izado de bandeira na praza de San Miguel de Reinante, correspondente co que o ano anterior se fixera na Frouxeira e cos que se fixeron tano o pasado ano como este ou no anterior máis en diversos puntos de Galicia. Deixo agora aquí algunha cousa sobre o tema, enviadas por Pancho Campos e Enrique Fernández Rivas, a máis do comunicado de Via Galega despois do acto.





    Comunicado:

Máis de 170 localidades izaron hoxe a bandeira e 56 Concellos realizaron distintos actos, na acción promovida por Vía Galega, nos que a bandeira galega foi protagonista

Durante esta semana, a bandeira galega tivo presencia na rúa e pendurouse en vivendas e fiestras de toda Galiza. Está acción enmárcase nas campaña que VIA GALEGA vén desenvolvendo para divulgar e e popularizar os nosos símbolos nacionais, o himno e a bandeira.

Levamos tres anos facendo coincidir esta campaña, na que a bandeira galega é protagonista durante unha semana, co aniversario da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala que se celebrou en Lugo o 17 e 18 de novembro de 1918. Este ano cúmprense 106 anos daquela efeméride, na que asinaban un manifesto, entre outros, Castelao, Ramón Cabanillas, López Abente, Xaime Quintanilla, Losada Diéguez, Peña Novo, Vicente Risco, Antón Vilar Ponte, Victoriano Taibo, Anxel Casal, Ramón Villar Ponte e Xoán Vicente Viqueira que se proclamaban nacionalistas, afirmando: Tendo Galicia todas as características esenciais de nacionalidade, nós, nomeámonos, de hoxe para sempre nacionalistas galegos, xa que a verba rexionalismo non recolle todas as aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas.

Dando resposta a este chamamento de expresión da nosa condición nacional mediante a nosa bandeira, hoxe, 23 de novembro, máis de 170 localidades izaron a bandeira e 56 concellos realizaron distintos actos, nos que a bandeira galega foi protagonista. Nestes actos recitáronse poemas de Marica Campo (creados expresamente para está campaña), Manuel María, Ramón Cabanillas, Pousa Antelo, López Abente, Delgado Gurriarán alusivos todos eles a nosa bandeira.

Contouse ademais con diferentes actuación musicais e deuse lectura ao un manifesto referido á xestación e significado dos nosos símbolos, á relevancia e actualidade do manifesto nacionalista das Irmandades da Fala e ao dereito a exercermos e existirmos como pobo.

Para moitos destes actos contouse tamén co apoio dos concellos para a localización, a autorización e o apoio loxístico para colocar a bandeira e que siga ondeando no futuro. Temos, tamén, o compromiso doutros concellos que, por diferentes motivos, hoxe, non lle foi posíbel, mais que teñen a intención de colocala no futuro.

Entre os concellos que se izaron bandeiras e se realizaron actos están: A Coruña, Guarda, Allariz, Ames, A Mezquita, A Pobra de Brollón, A Pobra de Caramiñal, A Rúa, Arzúa, Barreiros, Bueu, Cangas, Cedeira, Compostela, Fene, Ferrol, Gondomar, Lugo, Maceda, Mazaricos, Moaña, Moeche, Muras, Muros, Narón, Ourense. Outes, Pontevedra, Pontecesures, Porto do Son, Redondela, Ribadavia, Samos, San Sadurniño, Santiso, Taboada, Teixeira, Teo, Tomiño, Tui, Val Miñor, Verea, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vigo, etc.

VÍA GALEGA móstrase moi satisfeita polo resultado da campaña de exposición e exhibición da nosa bandeira levada a cabo do 17 ao 23 de novembro. Unha resposta activa que supuxo que se contaran por miles as bandeiras que engalanaron o País e luciran nas fiestra e varandas.

VIA GALEGA continuará no empeño de que todos os concellos coloquen bandeiras galegas en lugares visíbeis e que permanezan no futuro. Pois, se para todos os países os seus símbolos son importantes, para unha nación como a galega, sen estado de seu e sometida durante séculos a un proceso de total asimilación, aínda cobran maior relevancia. Son o noso carné de identidade que amosan a nosa pertenza a unha nación. Os símbolos patrios únennos como galegas e galegos; fortalecen a nosa tan necesaria estima colectiva e afirman a nosa vontade de sermos donos do noso destino como pobo.

20241123

Tres actos

Tres actos

    Hoxe houbo perto a Ribadeo tres actos ós que quixera ter asistido por diferentes motivos. Non fun a ningún deles. Hai días así, nos que parece que a vida non chega nin de lonxe. Ó fin, coido que non é que o pareza, senón sinxelamente que a vida quédase curta, moi curta, por moito que nalgún momento poidamos querer dimitir dela e máis de un ou unha a curte de propio intento.

    Precisamente de vida trataba un dos actos. Da perda dunha vida, Do acompañamento dun cadáver nos seus últimos movementos sobre terra. Sei que estivo ben acompañado; eu só sería unha figura á beira no enterro.

    O segundo tamén trataba de vida, pero doutro xeito totalmente diferente: a concentración polo futuro de Alcoa (convocante: o comité de Alcoa. En baixo deixo algunha das fotos que me proporcionou Mati). Neste caso non era a miña intención tanto integrarme, como máis ben facerme partícipe do sentimento dun problema próximo socioeconómico. Non vou insistir máis no tema: quen vaia seguindo o blog sabe o que penso de Alcoa e o seu desenvlvemento, aínda coas dúbidas que poda ter e pese a que a estas alturas, unha falta de solucións non sexa solución.

    O terceiro tamén trataba de vida, pero doutro tipo: da vida das ideas e da compartición delas con outra xente. Cadaquén coa súa visión, si, que estou seguro que dentro desa 'outra xente' (polo que parece, unhas 150 persoas) habíaa con pensamentos ben diversos ós meus en relación ó acto. Refírome ó izado da bandeira galega (aquí, a convocatoria deste ano e en baixo, a nota de prensa posterior e unha foto que me chegou por outra vía), desta volta na praza de San Miguel de Reinante. Eu, que fuxo de simbolismos... 

    En fin, repito, a vida non chega. Comprobámolo a cada paso. Pero non estou fixo de que se tivésemos varias soubésemos xestionalas moito mellor.




Nota de prensa de Via Galega sobre o izado de bandeira:

Durante esta semana, a bandeira galega tivo presencia na rúa e pendurouse en vivendas e fiestras de toda Galiza. Está acción enmárcase nas campaña que VIA GALEGA vén desenvolvendo para divulgar e e popularizar os nosos símbolosnacionais, o himno e a bandeira.

Levamos tres anos facendo coincidir esta campaña, na que a bandeira galega é protagonista durante unha semana, co aniversario da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala que se celebrou en Lugo o 17 e 18 de novembro de 1918. Este ano cúmprense 106 anos daquela efeméride, na que asinaban un manifesto, entre outros, Castelao, Ramón Cabanillas, López Abente, Xaime Quintanilla, Losada Diéguez, Peña Novo, Vicente Risco, Antón Vilar Ponte, Victoriano Taibo, Anxel Casal, Ramón Villar Ponte e Xoán Vicente Viqueira que se proclamaban nacionalistas, afirmando: Tendo Galicia todas as características esenciais de nacionalidade, nós, nomeámonos, de hoxe para sempre nacionalistas galegos, xa que a verba rexionalismo non recolle todas as aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas.

Dando resposta a este chamamento de expresión da nosa condición nacional mediante a nosa bandeira, hoxe, 23 de novembro, máis de 170 localidades izaron a bandeira e 56 concellos realizaron distintos actos, nos que a bandeira galega foi protagonista. Nestes actos recitáronse poemas de Marica Campo (creados expresamente para está campaña), Manuel María, Ramón Cabanillas, Pousa Antelo, López Abente, Delgado Gurriarán alusivos todos eles a nosa bandeira.

Contouse ademais con diferentes actuación musicais e deuse lectura ao un manifesto referido á xestación e significado dos nosos símbolos, á relevancia e actualidade do manifesto nacionalista das Irmandades da Fala e ao dereito a exercermos e existirmos como pobo.

Para moitos destes actos contouse tamén co apoio dos concellos para a localización, a autorización e o apoio loxístico para colocar a bandeira e que siga ondeando no futuro. Temos, tamén, o compromiso doutros concellos que, por diferentes motivos, hoxe, non lle foi posíbel, mais que teñen a intención de colocala no futuro.

Entre os concellos que se izaron bandeiras e se realizaron actos están: A Coruña, Guarda, Allariz, Ames, A Mezquita, A Pobra de Brollón, A Pobra de Caramiñal, A Rúa, Arzúa, Barreiros, Bueu, Cangas, Cedeira, Compostela, Fene, Ferrol, Gondomar, Lugo, Maceda, Mazaricos, Moaña, Moeche, Muras, Muros, Narón, Ourense. Outes, Pontevedra, Pontecesures, Porto do Son, Redondela, Ribadavia, Samos, San Sadurniño, Santiso, Taboada, Teixeira, Teo, Tomiño, Tui, Val Miñor, Verea, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vigo, etc.

VÍA GALEGA móstrase moi satisfeita polo resultado da campaña de exposición e exhibición da nosa bandeira levada a cabo do 17 ao 23 de novembro. Unha resposta activa que supuxo que se contaran por miles as bandeiras que engalanaron o País e luciran nas fiestra e varandas.

VIA GALEGA continuará no empeño de que todos os concellos coloquen bandeiras galegas en lugares visíbeis e que permanezan no futuro. Pois, se para todos os países os seus símbolos son importantes, para unha nación como a galega, sen estado de seu e sometida durante séculos a un proceso de total asimilación, aínda cobran maior relevancia. Son o noso carné de identidade que amosan a nosa pertenza a unha nación. Os símbolos patrios únennos como galegas e galegos; fortalecen a nosa tan necesaria estima colectiva e afirman a nosa vontade de sermos donos do noso destino como pobo.

20241122

MANDA TRUCO... CO TRATO! María Luísa Mon Bellón

     Deixo en baixo unha publicación do pasado fin de semana na Comarca. Gustoume, pedínlla a autora e aquí está:

MANDA TRUCO... CO TRATO!

Por María Luísa Mon Bellón

    Que afección tan desmedida temos neste país noso de adoptar con agarimo todo o que vén de fóra con menoscabo do propio.

    Descoñecemos e deixamos que esmorezan as nosas tradicións para acollermos costumes que non son nosos, totalmente alleos á nosa cultura e que nos atraen con esaxerado entusiasmo.

    Remitámonos ao nº 5457 de “La Comarca del Eo”, de data 2 de novembro pasado, no que Acisa se gaba do grande éxito que estivo a ter unha das súas iniciativas que animou as crianzas de tres a nove anos a se disfrazaren de “monstruítos de Jalogüín” que se dedicaron a visitar diversas tendas do comercio local retando á clientela co famoso “¿Truco o trato?”.

    Parece ser que na idea colaborou tamén unha academia de inglés e ámbalas dúas entidades tiñan como obxectivo “que pasasen unhas horas diferentes” ao tempo de conciencialos dende a infancia como futuros compradores optando polos negocios locais.

    Manda truco, pero sentíndoo moito, non hai trato. Vai ser que non, polo menos para algúns de nós.

    Os irlandeses que exportaron a súa festividade estarán a se preguntar aínda hoxe polo motivo do seu éxito sen teren que poñer esforzo ningún en acadar que un pobo coma o noso esqueza que ten unha tradición de seu chamada Samaín.

    As multinacionais do consumismo xa se están encargando de que os pobos esquezan o que os identifica, de ergueren xenreira sobre daquilo no que foron criados, para formaren consumistas que respondan aos seus intereses.

    Porque, miñas donas e meus señores, o coñecemento e a cultura están pasando a mellor vida. A fase de aculturización que estamos vivindo é do máis agresiva e ninguén parece decatarse do moito que se está a perder polo camiño.

    Hai poucos días, de volta á casa e á anoitecida, polas Catro Calles da nosa vila pululaban numerosos grupos de nenos a nenas disfrazados de Halloween. Entraban nas tendas berrando dende as portas: --“¿TRUCO O TRATO?”. Só lles faltaba formular a pregunta en inglés (“Treat or trick?”) e a reconversión ao alleo sería total.

    Curioso é que, cando chega o tempo de Entroido, apenas se ve picarada ou adolescentes vestidos de mascaritas. O abandono do propio substituído polo de fóra é o que impera. Pero isto non é o peor. O máis triste é o descoñecemento, a desinformación e, en casos, o desprezo máis absoluto polo noso.

    A moda maniática de lles poñer nomes en inglés ás tendas é outra teima. A que público van dirixidas mensaxes coma “Bakery and coffee. Keep calm and eat chocolate”, “This is a bad place for a diet”? Que se pretende? Paletada, postureo, alleamento, que o público comprenda este código? Cando se nos anima a “Coffee to go”, traducido como “Llévame a casa” é sinxelo preguntarse onde aprendeu o idioma quen rotulou iso nun escaparate dun local comercial.

    Non vos riades, porque o conto é triste (Castelao dixit).

    Cando escoito un cativo ou cativiña contestarlle en galego a súa nai, volvo a cabeza sorprendida, como se estivese oíndo coreano. Algo xa tan pouco usual que custa traballo dixerir. Admitir que, en tan poucos anos, se conseguise este desapego polo noso dá moito que pensar. Dá mágoa e xenreira.

20240725

Nun día moi especial

Nun día moi especial


     Hoxe, cando esto escribo, é un día especial. 25 de xullo. Un día ó ano, proclamado aló polo 1979 Día Nacional de Galicia, no DOG nº 1, de 1 de xaneiro dese ano, en Decreto asinado polo Conselleiro de Cultura e o Presidente da Xunta. Na procura doutra cousa como documentación para unha publicación, pasei pola páxina web do Día Nacional de Galicia na Galipedia. E alí atopei, a máis doutras denominacións e algo de historia, dúas ligazóns ó Decreto da proclamación do 25 de xullo como Día Nacional de Galicia (*). Mais foi unha sorte que eu mesmo, hai dous anos, cargara na Galipedia unha imaxe da páxina do DOG co Decreto, pois ambas ligazóns, hoxe, non levan a ningún sitio válido. Pódese recoller pantallazos coa imaxe visible na Galipedia e os decepcionantes na web do DOG.

    En canto vin que das ligazóns na Galipedia non podía acceder ó contido no DOG, tomei os correspondentes pantallazos e decidín ir na procura do decreto no buscador do DOG. Alí, atopei unha ligazón ó pdf do Decreto. Pulso nela... e non funciona!: "O recurso solicitado non foi atopado. Está tratando de acceder a unha páxina que non existe."

    Tento facer a procura doutro xeito. Pero nin os sete DOG de 1979 que aparecen na web nin o único de 1978 están dispoñibles na web.

    Non sigo a mirar. Unha parte da historia de Galicia, a dos comezos da estruturación administrativa como Xunta de Galicia, hai que procurala nas bibliotecas e hemerotecas fisicas, non na rede. Mais non se escapa outro detalle. Na mesma páxina da Galipedia púxose no seu día, hai máis dunha década, outra ligazón, á páxina institucional do 25 de xullo, http://www.25dexullo.gal/ga/, (ou /gal, ou /gl, que con todas probei por se acaso...) ligazón que leva hoxe á páxina de portada da Xunta de Galicia (é dicir, séguese a pagar o dominio/enderezo, pero desvíase o resultado á portada da Xunta).

    Quedo atordado. As hipóteses que se me veñen á cabeza son demasiado negativas. Mañá, ou calquera outro día volverei tentar atopar na web institucional do DOG as mesmas páxinas. Algún día as atoparei. En papel, seguro que si.




* Unha cousa máis que atopei foi a referencia a que neste día entréganse as Medallas Castelao. Está sen actualizar a páxina, os últimos anos non se entregan este día...

20240208

Amando Suárez Couto, un renovador da imaxe. Celia Castro

    Adxunto un novo artigo de Celia Castro sobre Amando Suárez Couto, publicado na última revista de Croa. É accesible na ligazón anterior, e queda aquí en varios formatos.

    Texto web:

Amando Suárez Couto: un renouvador da imaxe

Celia Castro

1.Introdución:

No primeiro terzo do S. XX, houbo unha renouvación artística en Europa, que se estendéu tamén a España.

En Galicia concretamente unha xeneración de xoves artistas sería protagonista desto, en colaboración con movementos literarios. Revistas culturáis en España e América serían canles polos que a cultura e as novas ideias se transmitirían e propagarían. Fundaríanse sociedadades e asociacións culturáis, e os Centros Galegos sería auténticas arterias que aglutinarían aos artistas, e serían tamén lugares de acollida para eles e as súas familias nos momentos críticos. Castelao, Souto, Maside, Castro Gil, Camilo Díaz Baliño, Álvaro Cebreiro, Carlos Sobrino, e Amando Suárez Couto serán algúnhos dos nomes máis destacados.

Moitos deles pertencían ou estaban relacionados co Partido Galeguista, fundado en 1931 por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, dentro do cal había varias tendenzas, e eran fundadores ou cofundadores de revistas culturáis de vangarda, como Ronsel ou Céltiga ( editada en Bos Aires).

En contacto cos novos movementos artísticos europeos- especialmente en Alemania e Francia- moitos dos nosos artistas, algunhos deles residentes na capital de España, farán obras de gran calidade, que mostrarán a influencia destas vangardas.

No terreo da ilustración e o gravado isto é specialmente relevante, e nel destaca, xunto con Castelao, a figura do pintor ribadense Amando Suárez Couto, considerado pola crítica contemporánea un dos millores debuxantes europeos.

2.Amando Suárez Couto. A súa traxectoria. 

Lám. 1: Retrato de Suárez Couto. M. Fons. Debuxo a lápiz. Do libro El Arte Racial de Suárez Couto. Ed Ronsel. Lugo. 1925.

Amando Suárez Couto nacéu en Ribadeo o 4 de maio de 1894. Foi o maior dos seis fillos do matrimonio formado por Juan e Amadora. Nesta vila relizóu os seus primeiros estudos mostrando xa unha clara inclinación polo debuxo . Máis tarde os seus páis decidirían pasar os invernos en Madrid, sendo esto decisivo na súa formación. Alí asistíu ao colexio de los Santos Reyes, de orientación liberal, na liña da Institución libre de Enseñanza , baseada no krausismo. Matriculóuse na Escola de Artes e Industrias de Madrid, seguindo os consellos dos seus pais, que consideraban este centro, de orientación máis práctica, menos tradicional que a Escola de Bellas Artes de San Fernando, anclada nunhos principios máis clásicos. Alí tamén asistíu ao obradoiro do pintor Marceliano Santamaría.

Axina tomóu contacto cos importantes debuxantes e ilustradores do momento, como Manuel Bujados, Rafael Penagos ou Federico Ribas, que lle animaron a colaborar con diversas publicacións: La Esfera, Blanco y Negro, Por esos mundos, para as que faría debuxos. Tamén ilustróu novelas e contos de Saturnino Calleja, e fixo as suas primeiras incursións no mundo da publicidade, destacando os anuncios para a firma de perfumería Floralia.

É o seu un debuxo seguro, de trazo áxil e expresivo, de gran imaxinación e dinamismo, influenciado pola estética do momento, Modernismo, Art Decó….

Durante o verán trasládabase coa súa familia a Ribadeo, participando na vida local e tomando parte en diversas actividades. En 1913 fundóu con outros amigos ( Bustelo, Cuervo…) o Club Deportivo Ribadense, xermen do futuro Ribadeo F.C .Tamén desenrolaría unha importante faceta musical- que mantería ao longo de toda a súa vida- formando parte de rondallas nas que solía tocar o violín.

En 1921-ano no que fai varias ilustracións para o tomo de El naviero Más: Los Signos- no que tamen colabora ca portada Gregorio Vicente- emprendéu o seu primeiro viaxe a París- mais tarde (1924) faría outro- que lle servíu para tomar contacto coas vangardas artísticas europeas que confluían na capital de Francia, e tamén para enriquecer a súa obra, e decirse a mostrala ao público. Así, espuxo na capital de España, no Ateneo-1923- e no Centro de Galicia, participando tamén en mostras colectivas como a Terceira Exposición de Arte Galega (A Coruña -1923) e a do Ano Santo de 1926 (Santiago de Compostela) entre outras, e nas Galerías Layetanas de Barcelona.

Con todo, aínda que a súa arte é poderosamente imaxinativa, donde se ve un espirito máis xenuino é nos debuxos e cadros de tema galego que fai nesta época, e que seguirá facendo ao longo da súa vida.Trata temas populares da vida cotiá, paisaxes típicos, tipos do país, na liña de Castelao, de quen era amigo, esto e o seu contacto co galeguismo, fai que sexa considerado dentro dos Renovadores da arte galega, tendenza que agrupaba a unha serie de artistas ( Carlos Maside, Arturo Souto, Manuel Colmeiro, Alfonso.D. R, Castelao, Camilo Díaz Baliño…), que se baseaban nun forte sentimento de galeguidade, nutríndose tamén da arte de vangarda.

En 1925 Evaristo Correa Calderón publicóu en Lugo, na editorial Ronsel, El Arte Racial de Suárez Couto, con 16 reproduccións de cadros ao óleo e debuxos, no que fai unha semblanza do pintor, considerando que é o artista que millor plasma a alma galega. Entre as imaxes do libro está O mariñán do Eo, debuxo a plumiña que foi publicado por primeira vez en 1924, no número 4 da revista Ronsel. Nel representa a un xove mariñeiro de Ribadeo, na mariña lucense. Con poucos trazos consegue caracterizar ao personaxe, ao que representa con unha expresión concentrada, e a mirada perdida, ollando ao lonxe. Ao fondo a ría, na que se ve ao lonxe un chalano de vela latina.

Esta sintetización, sinxeleza de liñas e captación da fisonomía e carácter do personaxe será unha característica da súa obra durante toda a súa vida.

En 1927 colaboróu coa revista Céltiga, editada en Bos Aires, e co Almanaque Gallego dese mesmo ano(1),que reproduxo o seu óleo El cura de aldea- O crego-.

Lám. 2: O mariñán do Eo. Suárez Couto. Debuxo a plumiña. Revista Ronsel.Nº 4.p. 35.

Nestes tempos, o artista desenrolaba unha grande actividade, ás exposicións e publicacións en revistas súmanse as actividades de filantropía e colaboración social desenvolvidas principalmente en Ribadeo có seu irmán Carlos e outros amigos con inquedanzas: o coro Cantigas da Mariña, onde él mesmo tocaba a gaita, e deseñóu os traxes e os decorados axudado polo seu amigo Camilo Díaz Baliño; A Cabalgata de Reis, xunto con outros ribadenses como Gregorio Sanz ou Santiago Heydeck, co propósito fundamental de que os nenos con menos recursos recibiran agasallos. Suárez Couto colaboróu no deseño do vestiario e o atrezzo. En 1927 creóu, con Gregorio Sanz, Cisneros, Ponceliz, e outros, co asesoramento de Camilo Barcia Trelles, a Biblioteca Popular Circulante de Ribadeo- como moitas outras que se estaban a crear en España- para achegar así a lectura a todos os públicos.

Con Camilo Díaz Baliño compartiría en 1929 o encargo da Deputación de Lugo de facer uns cartéis para publicitar lugares da provincia. Suárez Couto fai o de Mondoñedo, mostrando unha vez máis as grandes dotes que tiña para a o debuxo, o deseño e a publicidade.

Lám.3: Cartel de Mondoñedo. Suárez-Couto .Tempera sobre cartón.1929.125,7x99,2cm.Museo Provincial de Lugo.

Trata o tema unha vista da estrada que conduce a Mondoñedo, que se ve ao fondo, facendo un acotamento do espazo, cun encadre case fotográfico tomado desde un punto de vista alto, centra así a ollada do espectador na estrada e no arbre que se ve no primeiro termo. A cor, con poucas sombras, feitas istas con pequenos trazos paralelos, está na liña dos modernos cartéis publicitarios, e tamén o tratamento da paisaxe con poucos elementos representativos. Mostra así Suárez Couto a súa habilidade para o deseño, habilidade que tendrá ocasión de mostrar ao longo da súa traxectoria.

En 1929 viaxóu de novo a París, tomando contacto coas vangardas artísticas. De alí viría contaxiado do que se estaba a facer na capital do Sena polos artistas de todo o mundo. Cubismo, surrealismo, expresionismo, influien na súa obra dando por resultado unha serie de cadros que exporá á súa volta en Madrid ( Xogadores de xadrez;Nena da guitarra; Caseta de Tiro;Mineiro), e sen embargo non gustan ao público madrileño, posiblemente por non ser comprendidos. Quizáis por isto abandona por un tempo a pintura, achegándose ao gravado. Entre as novas tendenzas da ilustración o gravado tiña un papel preferente, e dentro deste, a xilografía. Esto sucedía en todo o territorio nacional, e especialmente en Galicia. Era unha forma de achegamento a tempos pasados, e, os trazos ríxidos e claros na superficie da madeira eran moi propios para as imaxes dos libros. Así, en 1931, fixo as xilografías, en madeira de buxo, para o libro Ribadeo Antiguo escrito polo ribadense Francisco Lanza ( que emigraría ,a Arxentina ese mesmo ano) , e editado en Madrid coa axuda do seu irmán Carlos. Foi un proxecto financiado polos dous irmáns desinteresadamente. Dito libro é unha breve e documentada historia de Ribadeo, para a cal Amando fixo un gran traballo de búsqueda e investigación , relacionando cada ilustración co pasaxe histórico correspondente. Nos gravados que encabezan cada capítulo( 29), e os incipit ( iniciáis de comenzo de páxina), ilustracións do interior, e portada, o artista fai unhas imaxes claras, de liña rotunda, con sombreados feitos a base de pequenos trazos paralelos, e tendendo á bidimensionalidade, seguindo as liñas das xilografías medieváis.

Lám. 4: Ilustracións do libro Ribadeo Antigo. A.Suárez Couto Xilografía. Libro impreso en Madrid en 1931.

Nesta época montóu co seu irmán Luis unha granxa de polos na localidade madrileña de Vicálvaro, donde coñecéu ao doutor Julio Camino Galicia- irmán do poeta Luis Felipe e eminente psiquiatra-e á súa familia.E 1936 casóu con Margarita, filla maior do doutor. A Guerra Civil truncaría a súa vida e a súa carreira. Durante a contenda a súa granxa surteu de víveres a capital, polo que foi pechada tras gañar o bando franquista. Con todo mantivo aberta a fábrica ata 1945, producindo para consumo propio. En 1945 voltaría a Madrid, onde as condicións de vida eran difíciles, por iso tivo que sobrevivir dando clases particulares e facendo pequenos traballos artísticos. Traballaría no departamento publicitario da Metro Goldwin Mayer, facendo os cartéis publicitarios das súas películas, tarefa na que é encaixaba moi ben pola súa formación artística. O seu dominio da liña e a pureza da cor,intenso e sin apenas claroscuro, influirá na súa obra posterior, dándolle a ista un toque de modernidade. Esta actividade e a amizade co gravador galego Manuel Prieto Nespereira- con que compartía estudo- animóuno de novo a pintar e expoñer a súa obra. Así en 1945 exporía no Instituto Británico de Madrid e na sala Fortuni de Reus, participando tamén na mostra de Arte Taurina de Zaragoza Tamén ese mesmo ano enviou varias obras á Exposición Nacional de Bellas Artes: Dous cadros, Retrato de un músico, e Paisaje de la Mariña, e dous debuxos a plumiña: El médico y la muerte, e, Job.


Lám. 5: As tentacións de Xob. Amando Suárez Couto. Tinta sobre papel. 27x20cm. Colección particular. Fotografía tomada pola autora de copia do orixinal.

As tentacións de Xob é unha das plumiñas que realizóu entre 1920 e 1930. Esta técnica facilita a lixeireza do trazo que en Suárez Couto xa é por sí moi dinámico. É unha obra perta do simbolismo e chea de imaxinación, a sobrecarga de elementos e o horror vacui que presenta non lle restan encanto nin a fan escura. O corpo de Xob traza unha diagonal, que se contrapón coa que describe a figura do demo. Este, cun sorriso malévolo quitalle dramatismo á escea dándolle un sentido máis anecdótico. Veremos moitas veces na súa obra un detalle humorístico que atrae a atención do espectador dándolle vida á composición. O exacerbado detallismo e o emprego do claroscuro para resaltar os elementos máis relevantes fan desta plumiña un dos seus traballo máis representativos.

Esta estancia en Madrid sería para él especialmente fructífera, espoñendo en 1946 de forma individual na sala Macarrón de dita cidade, e facendo diversas actividades artísticas, entre elas traballos no campo da escenografía teatral. Destacan os decorados e deseño de traxes e atrezzo para unha obra baseada nos relatos de Calila e Dimna.

O seu gusto pola ilustración e o cartelismo reflictaranse tamén nos seus cadros ao óleo, nos que nunca se desprenderá deses contornos puros e esas formas gráciles tan de moda los anos trinta.

O retrato da sua dona Margarita Camino, unha obra chea de suavidade e delicadeza recordanos as modelos femininas de Penagos ou as mulleres estilizadas dos cartóns para tapices de Francisco de Goya.

Lám. 6: Margarita Camino. A. Suárez Couto. Óleo sobre lenzo. Colección particular.

É un retrato de unha gran elegancia, na liña dos pintores ingleses. O formato de tres cuartos suliña a esbeltez da modelo á que destaca sobre un fondo neutro, indefinido, coa ollada ensoñadora, perdida, nun punto que trascende ao cadro. O cromatismo, casi uniforme dalle unicidad e gracia ao conxunto.

En 1951 regresóu coa súa dona a Ribadeo, donde seguiu pintando e colaborando na vida cultural da vida, ata 1953 en que o falecimento de Margarita desencadeóulle unha profunda tristeza da que conseguíu repoñerse grazas a axuda dos seus parentes e amigos. Para animarse e sosterse económicamente comezóu a dar clases de debuxo no Instituto de Ribadeo e na Academia Santo Tomás de Aquino e volveu a pintar e a participar nas diversas actividades culturáis e de mecenácego, para él tan importantes.

Desta época son unha serie de cadros de paisaxes e escenas ribadenses. A miúdo repite temas tratados anteriormente, engadíndolles algún detalle novo, ou variando algo a composición. Amósanos un Ribadeo sereno, case bucólico, no que parece que a vida se detivo. Son cadros cheos de lirismo e sentimento, intemporáis, pero que tamén amosan a un artista de ollada sagaz e analítica. O tratamento da cor,intensa, brillante e as máis das veces uniforme pode ser reminiscencia do seu traballo na Metro Golwin Mayer, pero tamén pode ser a entrada nunha etapa serena e contemplativa, na que o entorno máis próximo lle serve de inspiración.

Pinta o que lle rodea, o entorno natural que ten perto, a ría, o mar, as rúas e a xente que transita por elas, mariñeiros, labregos, xente do pobo á que plasma con simpatía. Ás veces toma diferentes elementos da paisaxe, e combínaos á súa maneira, creando escearios que aínda que inspirados na realidade con responden exactamente a un lugar concreto.

Nestes anos participará en diversas actividades filantrópicas ribadenses:

En 1954 xunto con Carlos Álvarez e Fernández-Cid orgaizóu a Coral Polifónica Ribadense que se presentaría oficialmente nesta vila o 20 de xullo 1955. Participóu na creación da Biblioteca pública El Viejo Pancho, que se inauguróu oficialmente en 1957 e tamén deseñóu os espazos, o mobiliario, e pintóu in situ sobre táboa o enorme retrato do personaxe que lle da nome: El Viejo Pancho( D. José María Alonso y Trelles Jarén), ribadense de nacemento e groria nacional das letras en Uruguay.

Xunto co seu irmán Carlos, cara a 1958 creóu o grupo de gaiteiras Saudade, coñecido posteriormente como Meniñas da Saudade, que se presentaria en 1960, e que acadaría grandes éxitos nacionáis e internacionáis, ata a súa disolución en 1965. Á súa irmá Amadora seleccionóu ás pezas a interpretar, e compuxo ela mesma varias. Os traxes das intérpretes- moitos deles inspirados nos representados nas obras do pintor Dionisio Fierros- foron deseñados e confeccionados pola mesma Amadora e a súa sobriña Matilde García de Paredes. Todo elo, ademáis dos instrumentos musicáis, foi subvencionado polos irmáns Suárez Couto case íntegramente.

Tamén co seu irmán Carlos, e outros amigos creóu en 1962 a socidedade Amigos da Gaita Galega, para potenciar o folklore galego e a romeiría tradicional ao cercano monte de Santa Cruz. Neste monte decidiron levantar un monumento Ao Gaiteiro Galego, que lle encargaron ao escultor ourensán Antón Failde. Ata hoxe seguese a celebrar en agosto a romeiría de Santa Cruz (Xira) , na que se dan cita grupos folklóricos chegados de diversos lugares de Galicia.

Amando Suárez Couto falecéu en Ribadeo o 14 de outubro de 1981. Ata uns anos antes da súa morte seguiu pintando e debuxando con entusiasmo, deixando tras de sí un legado artístico e filantrópico que permanece, trascendendo no tempo.

3. Conclusión.

Con ese artigo quero render homenaxe ao artista Amando Suárez Couto, a quen tiven a honra de coñecer e de ter como profesor na Academia Santo Tomás de Aquino, de Ribadeo. Os seus dedos eran máxicos. Aínda que naquel tempo xa era un home de idade, baixo o seu lápiz xurdían toda serie de obxetos, paisaxes e figuras humanas cunha facilidade pasmosa. O seu trato cordial e a súa humildade fixeron del un dos nosos profesores máis queridos.

O tempo, que pon a cada un no seu lugar, fixo que nos fóramos enterando do seu papel na arte e na cultura galega. O primeiro terzo do S.XX, ata a Guerra Civil, foi un período de asimilación polos nosos artistas das correntes de vangarda trunfantes en Europa. Ademáis en campos nos que o debuxo e fundamental, como é o gravado e a ilustración, asistéuse a un auxe e a unha renouvación de formas como non voltaríamos a ver en España ata os anos 50. É importante coñecer o papel que xogaron estos autores na difusión e transformación da estética, que foi un punto de partida para as xeneracións posteriores. Ademáis a súa cercanía á terra, o seu amor polo cotián e polo entorno, foi, coa obra dos nosos literatos moi influinte na difusión e o coñecemento de Galicia.

4.Bibliografía:

- CASTRO FERNÁNDEZ, Celia.“Dos Pintores del Eo: Amando Suárez Couto y Benito Prieto Cosén”. En torno al Bimilenario del Eo (Coord J.MGómez Tabanera).( 2002) Foro Cultural del Noroeste. Oviedo.p.p. 611-618.

-CORREA CALDERÓN, Evaristo. El Arte Racial de Suárez Couto.(1925). Ed Ronsel. Lugo.

-PÉREZ RODRÍGUEZ, Mª.Antonia. “Amando Suárez Couto”Artistas Gallegos-Pintores- Regionalismo III. (1999). Nova Galicia Edicions-Vigo.p.p. 18-55.

1 Almanaque Galego foi unha publicación anual editada en Bos Aires entre 1898 e 1927. Maiormente o seu contido trataba sobre a cultura e a vida galegas. Os textos ían indistintamente en galego e castelán. As súas fotografías e ilustracións son obra maiormente de artistas galegos. Fernando álvarez de Sotomayor, Modesto Brocos, e Dionisio Fierros son algúns dos aristas cuxa obra aparece reproducida nas súas páxinas.

En pdf:

 

    jpg:







20231119

Unha... curiosidade ou atropelo?

Unha... curiosidade ou atropelo?

    O pasado sábado 18 de novembro houbo en varios puntos de Galicia un izado de bandeiras galegas, das deseñadas por Castelao. Por que ese modelo? Porque a xente convocadora así o decidiu. Entendo que foi por fuxir ó tempo da oficialidade actual e da estrela entendida como partidaria, pero o certo é que non o sei.

    O caso é que un deses lugares foi a Frouxeira. Un símbolo de resistencia, para min controvertido no seu significado e ó que se lle podería poñer algunha tacha. Pero o caso é que alí foi, por decisión da mesma xente, a xente de Vía Galega.

    O acto incluíu a lectura de varios poemas, dun manifesto, o izado da bandeira e a interpretación do himno. O día prestouse e o estar alí, só ou acompañado, con ou sen acto era unha gozada. Ata aquí, todo normal.

    O caso é que aproveitei esa mesma tarde do 18 para colgar unha referencia no meu blog, Ribadeando, co título ‘18 de novembro, izado na Frouxeira’ (https://www.ribadeando.com/2023/11/18-de-novembro-izado-na-frouxeira.html). A entrada incluía un vídeo coa bandeira ondeando e a interpretación do himno por un gaiteiro, que non sae en imaxe. Para incluír o vídeo na entrada, cargueino en Youtube, unha das marcas de Google/Alphabet, e ó pouco de publicar (vino despois, pero ten como hora de entrada as 16:43) decateime de que tiña un correo onde se especificaba o seguinte:

“Hola, Antonio Gregorio:

Se ha detectado contenido protegido por derechos de autor en tu vídeo "Izando a bandeira galega na Frouxeira". Esto no afectará a la visibilidad de tu vídeo, pero ya no podrás monetizarlo. El titular de los derechos de autor lo está monetizando o está recibiendo estadísticas sobre el contenido. Esto no es una falta por infracción de derechos de autor ni afecta a tu canal.

Contenido utilizado

HIMNO GALEGO Última actualización: 18 de noviembre de 2023

Propietarios del contenido: LatinAutorPerf

Tipo de contenido: Melody or lyrics

Impacto en el vídeo: Sin impacto hasta que te hagas creador que monetiza contenido”

    Como non ‘monetizo’ o blog, en principio, sin problema. Mais a cousa é que como se pode ver mesmo na Galipedia, nunha das ilustracións das entradas ‘Pascual Veiga’ ou ‘Eduardo Pondal’, ambos son os autores de música e letra, e pola data de falecemento de ambos, ambas están no dominio público. Outra cousa sería que o intérprete quixera reclamar dereitos pola interpretación.

    Mais, loxicamente, non vai do que me afecte ou non a min, senón á comunidade. Dado a cantidade de veces que se executa o himno, mesmo que se grava coa única misión de difundilo, unha nota así deixa como mínimo algo de estrañeza. Que alguén ou algo chamado ‘LatinAutorPerf’ (a negriña na cita do correo é miña) se atribúa dereitos sobre o himno comunitario non o vexo normal. Podería elucubrarse que dita entidade rexistrara o himno poñamos, en Colombia o mes pasado, que presentara os dereitos de rexistro ante Alphabet e que estean a rular así. Algo que pode ser moi diferente á realidade, mais que dende calquera punto de vista que o mire entendo máis un atropelo que unha curiosidade.

    Xa hai tempo, noutro dos produtos de Google/Alphabet, o Google Maps, custou longo que ría de Ribadeo deixara de aparecer co nome de ‘Ría de Ribambo’, e aínda non sei moi ben como sucedeu o cambio, que teño documentado. E non é o único caso semellante que me atopei. Por iso estou tentando difundir a historia para que quen teña posibilidade de facer un tratamento adecuado, sexa unha asociación, un medio, un partido, Deputación ou Xunta, ou o que sexa, tente aclarar que pasa e evitar que o himno sexa expropiado pouco a pouco como con outras cousas pasa e ten pasado.

20231118

18 de novembro, Izado na Frouxeira

    Nun sinxelo acto con vinte persoas presentes, tivo lugar hoxe ás 12 na Frouxeira o izado da bandeira galega deseñada por Castelao. Deixo fotos miñas (as primeiras) e de Dores Abel (as últimas) de varios momentos, un vídeo coa parte final, coa a bandeira ondeando e o himno tocado por Xoán Ramón Díaz e a nota de prensa de Vía Galega, organizadora do acto.

    Aínda que na nota de prensa non o dí, a bandeira quedará estable no lugar.

Anxo Martíns, dicindo unhas verbas ó comezdo do acto

A xente, agrupándose

A bandeira, ó vento





A MARIÑA IZOU HOXE NA FROUSEIRA A BANDEIRA GALEGA DENTRO DA ACCIÓN PROMOVIDA POLA 

PLATAFORMA VIA GALEGA.


Durante esta semana, a bandeira galega exhibiuse en varandas e fiestras de todo país. Está acción enmárcase na campaña que VIA GALEGA vén desenvolvendo para divulgar e propagar os nosos símbolos nacionais, o himno e a bandeira. Elixiuse esta semana, do 13 ao 18 de novembro, para conmemorar a efeméride da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala, que tivo lugar en Lugo o 17 e 18 de novembro de 1918. Cúmprense, por tanto, 105 anos daquela I Asemblea Nacionalista. Está é a razón porque hoxe, día 18 de novembro, realizamos actos expansivos, ás 12 da mañá, en diferentes localidades de toda Galiza.

A Mariña sumouse a esta conmemoración izando a bandeira galega no punto máis alto, e tamén simbólico, da nosa comarca, o monte da Frouseira, onde a história nos di que Pardo de Cela resistiu o asedio das tropas dos Reis Católicos. Ademais, recitáronse poemas alusivos á bandeira e á lingua como símbolos da nosa identidade. Tamén se leu un manifesto e se cantou o himno galego.

Este é o segundo ano que se leva a cabo este acto, coa pretensión de dar a coñecer os símbolos que nos definen como nación. Se para todos os países os seus símbolos son importantes, para unha nación como a galega, sen estado de seu e sometida durante séculos a un proceso de total asimilación, aínda cobran maior relevancia. Son a expresión da nosa existencia como pobo e do dereito a sermos libres. Os nosos símbolos nacionais únennos como galegos e galegas e fortalecen a nosa identidade colectiva en igualdade con todos os pobos do mundo.

A Frouseira, 18 de novembro de 2023.

Asdo.

Anxo Martíns Pérez.

Responsábel de Vía Galega na Mariña.