20200312

Sentidiño. Por Pablo Mosquera

  Como vello sanitario, crente na sanidade pública universal, devoto dos nosos expertos-compañeiros en Saúde Pública, orgulloso do coñecemento e a experiencia que atesouran os nosos equipos de Asistencia Sanitaria Integrada e Integral, creo estamos no mellor lugar posible ante unha Pandemia. Este país noso nada ten que ver con aquel de 1918-1920, cando trala primeira gran guerra unha Pandemia de Gripe abordelou Europa. Sabemos máis. Somos mellores. Dispoñemos de extraordinarios recursos sanitarios.
  Centrándonos neste o noso fogar. A antiga provincia de Mondoñedo. O mar do norte. Temos un clima que permite gozar ao aire libre, evitando as aglomeracións. Precisamente, por esa natureza patrimonial, somos lugar de cita para os viaxeiros do lecer e a cultura. Aínda que a mala noticia é a suspensión, por forza maior epidemiolóxica, daqueles eventos costumbristas que reúnen xentes e fan mistura cultural, non é menos certo que temos unha marabillosa alternativa, gozar en soidade, connosco mesmo, de tantos lugares que son bálsamo para as nosas almas zaheridas polas preocupacións ou a fatiga física e mental.
  Coñécese perfectamente a Cadea Epidemiolóxica do axente causal da Pandemia. Estase traballando en anular ese Xenoma proteico que forma parte do "poder" infecto contaxioso do virus. Pero hai algo que como sempre é fundamental. Non debemos preguntarnos que pode facer o noso país por nós, debemos preguntarnos que podemos facer nós polo noso país.
  Na medida que sabemos como se comporta o virus. A importancia que temos cada un de nós/as como suxeitos sans susceptibles, fontes portadoras de virus, podemos, sabemos e debemos evitar movilidades que aumenten as condicións do contaxio. Pensemos que non só os enfermos son susceptibles. Tamén os sans, sen sabelo poden ser portadores. De aí a hixiene persoal que se debe estender a todos eses obxectos-fómites que son "superficies" sobre as que asenta o virus.
  Por desgraza, estas Pandemias son cíclicas. Dispáranse cada certo tempo. Constitúen un grave problema de saúde pública. Pero sobre todo provocan pánico, cunha ondada de anguria social moi superior á extensión do propio virus, dando lugar a tempestade de movementos que debemos controlar cada un desde nosa propia iniciativa. Non se poden colapsar, por medo, os recursos asistenciais. Entre outras razóns porque os colapsos de instalacións sanitarias son punto de contaxio por densidad de usuarios, e por impedir a atención a outros procesos graves que seguen o seu curso e presenza.
  Observo unha dicotomía no comportamento. Os epidemiólogos tratando de conter a expansión da Pandemia e buscando que acade o punto álxido de casos detectados, pois a partir de aí ira decaendo, o que sempre foi directamente proporcional ao éxito da Educación Sanitaria. Os cidadáns "acosados" por tanta noticia, ás veces moi desafortunadas, ao que se suma a desconfianza no sistema político que temen que se impoña aos expertos en Saúde Pública. E é que unha vez máis, fai falta menos política e máis sociedade.
  Para terminar: o meu orgullo mariñán con agradecemento para eses traballadores/as do SERGAS que se presentaron voluntarias para acudir a domicilios para realizar as probas pertinentes. A miña pública disposición como médico, a ser requirido para calquera función -débollo á sociedade- E unha licenza persoal. Os Mariñáns sempre fomos duros e traballadores...

1 comentario:

pancho dixo...

Excelente artigo dun profesional da medicina. Un pracer. Noraboa Pablo, e non che quepa dúbida de que en galego todo canto dis é moito máis entrañable.