20200322

Dos sons en illamento

Din que escribir pode ser relaxante. Tamén, que é unha válvula de escape. Ou sexa, que en situaciós como a actual pode ser moi convinte para gardar un equilibrio entre sentementos e expresión, un suavizante para o transcurso da vida nunha situación diferente á que estamos afeitos.
E ler. Nese caso, ademais, como substituto dese poder pasar os límites das paredes impostas, ou mesmo tamén substituto da conversa que se ten volto máis difícil nestes tempos: remedios telemáticos fan abondo ben a substitución do cara a cara físico da charla, pero fáltalles un algo a pesar de que xa levamos tempo co seu uso, e como tal, estamos afeitos e sacámoslles partido.
E, mentres escribo, oio os galos co seu quiquiriquí que a min paréceme máis ben un son parello ó cocoricó dos franceses (do que din as persoas, que os galos non falan francés que eu saiba), e tamén o son das gaivotas que pensan en parellas no seu niño e se comunican para coordinar a súa construción, e tamén outros paxariños piadores, que diría Rosalía.
A esta primeira hora da mañá, un can lonxe ladra, a saber a que, e a máquina varredora completa o fodo sonoro cun agora lonxano susurro. O mar ten que estar en calma, senón oiríase. E a autovía, despexada: o tráfico que se escoita é interno ó pobo, e tranquilo, dende a Guardia Civil na súa ronda destes días a algún coche solto que sempre me pregunto que fai (quen conduce, non o coche). Un son máis irrumpe en escea. Difícil de escoitar días atrás, pero prístino na súa máis lonxana posición, un avión que -aínda- surca o ceo dentro das nubes de algodón fino que hoxe tapan a caixa do Ribadeo que vexo.
Estou escribindo só de sons -e da súa falta- un domingo pola mañá... Ah! Un momento. Noto outro, esta volta, gorgoteo de pombas mentres o galo canta máis forte. Debe ser outro. Este si se parece máis a quiquiriquí o que di. Presto atención: baixiño, chegan varios tipos de chíos doutros paxaros, pero o meu coñecemento das aves polo son non chega a máis.
Pero, repito, chámame a atención que ma chamen os sons, só. E pregúntome eu mesmo se moitos outros domingos, a estas horas, non era parello. E si, e non. Si, a calma dos domingos pouco despois do mencer parécese. Pero aínda así, había máis movemento, sen contar o fondo aminorado da autovía. Parece como se os animais, ó sentilo, estiveran máis confiados e emitiran unha variedade maior de sons para deixarse sentir. Pode tamén que os aprecie eu máis, pero coido que non é iso, que os teño sentido de madrugada apreciándoos despois de noites ruidosas. E aí, a máis da calma, parte da diferencia. Entre son, ruído, impacto, calma, música, palabra...

Ningún comentario: