20200331

Saúde e liberdade. Pablo Mosquera

Saúde e liberdade

(dedicado a todos os meus pacientes... amigos/as)

   O obvio non sempre está presente. Carecer de algo supón darlle o seu xusto valor. Nun mundo globalizado, controlado, automatizado e case robotizado, as pequenas cousas vanse perdendo en recónditos espazos do noso cerebro. Agora, as carencias e as abundancias, as rupturas da cadea sociolaboral, déronnos todo o tempo do día para chegar a tal espazo, o dos recordos, onde gardamos os vellos valores da humanidade.
   Xogamos coa saúde. Hai quen tivo a tentación de converter tal espazo nunha mercadoría. "A saúde non ten prezo, pero cústanos un prezo inasumible". Esa foi a reflexión do capitalismo máis obsceno. Por esa perversa senda algúns chegan a negar ou xerarquizar o dereito á saúde, en función de cohortes de poboación, segundo a capacidade produtiva.
   Ademais, podo discutir nese foro economicista, a saúde que cura e coida é non só un dereito, tamén a contrapartida para a fiscalidade contribuínte, o aforro das clases populares, o espazo sociosanitario capaz de xerar riqueza e nichos de emprego, que devolven con fartura cada euro público gastado.
   Liberdade. Unha dama á que render as armas do cabaleiro, xunto á terra e a cultura. Pero tamén un espazo vital sen o que non paga a pena vivir, polo que paga a pena morrer. Que ninguén xogue con esa dama, que ninguén trate de encarcerala aproveitando a conxuntura. A liberdade é a primeira das conquistas para a humanidade. Non hai nada máis progresista que a liberdade. Ata podería falar de liberdades. Precisamente polos tempos que vivimos. Máis aló da retórica ou da lírica. E conste que pola miña propia singradura, estou adestrado a vivir sen liberdade...
   Estes días volvín a lembrar os catorce anos que pasei sen liberdade. Era o prezo para conquistar, dende a dignidade, as liberdades nun país vasco onde o concepto de liberdade tíñase pervertido, e non ser gudari e abertzale, supoñía condena a morte. Pero o que peor levaba non era o medo. Cheguei a superalo e non o volvín sentir. O que non logro superar é a falta de liberdade.
   Unha das razóns, que non a única para un galego necesitado de mar e vento, que me fixeron regresar ao norte do norte, foi reencontrarme coa liberdade. Esa que gozamos na nosa Mariña. A que non nos poden quitar mentres teñamos visión do horizonte mariño, audición para as mareas, pel para recibir as pingas de auga en suspensión que producen as ondas -rumbos- ao chocar cos cantís -salseiros- para converterse en areas de mica e caolín. Estes tesouros son nosos. Conteñen as tres damas que antes citei. E sen tales a vida carece de sentido. Ou simplemente, a vida é iso, pasear por un peirao, escoitar unha canción, bañarse nas augas Cantábricas, perfumarse co iodo, falar coas nosas xentes, na nosa ligua, dos nosos costumes, mentres saboreamos un viño do país, en compañía dos amigos. ¡Non é moito pedir!. Somos os máis ricos, precisamente por non necesitar tanto. Pero que ninguén nos quite ou nos administre a liberdade...

Ningún comentario: