20170620
ESCUDO DE ARMAS DA CAPELA DA VIRXE DO CAMIÑO DE RIBADEO (PARTICULARIDADES) Francisco José Campos Dorado
Facía o artigo do Escudo da Capela de San Lázaro e observaba por enésima vez o escudo da Virxe do Camiño (foto supra) cun "programa fotográfico de brillos e contrastes”, e ademais de ver a chave en pau (vertical) e as ondas de auga, Armas primitivas de Ribadeo explicadas desde sempre en tódolos relatorios, pareceume observar que ocupando parte do cantón sinistro do xefe, había unha cruz de Malta e algo máis ¿sería unha deformación da sombra de cando sacara a foto, ou realmente alí había unha cruz paté de Malta?. Sen agardar ó día seguinte fun a repetir as fotos para asegurarme de que alí estaba aquela cruz inédita. Efectivamente, nada máis acercarme á fachada de Levante da Capela da Virxe do Camiño, xa vin a cruz, a simple vista, e saqueille de novo unhas fotos ó escudo.
Chegado a casa, metín as fotos no ordenador e cal non sería a miña sorpresa, cando vexo que no campo do escudo, ademais da cruz de Malta (con menor baixo relevo que a chave), parece haber pegado o borde do flanco sinistro, un dragón en pau (vertical) coroado e de perfil, cuxa cabeza está en xefe mirando a destra e a cola rodeando a punta dando sensación de haber un dobre borde no flanco e na punta sinistra. Fixen un debuxo esquemático (v. infra), máis menos como están os mobles ou figuras, ou ao menos, como eu as vexo no escudo.
O campo do escudo ten unha pátina calcárea que imposibilita a apreciación detallada dos gravados, pero á destra do ollo da chave hai dúas ramas, que parecen demasiado grosas como para ser ondas de mar, tal como o resto das gravadas en talla miúda e máis fina. Dentro do ollo da chave aparece á destra un símbolo que semella unha “X”, no centro algo como un “2” e a sinistra unha “A”. Fixen fincapé nos trazos grosos das “ondas” da destra, que se aprecian a simple vista, pois son raras. ¿Que significa toda esta simboloxía?. Este escudo necesita para limpalo de mans moi expertas en restauración, non vale calquera, pois unha mala intervención destruiría os gravados e o seu significado.
Sinceramente, estou abraiado e asombrado, con este descubrimento, do que non se fala nada no Ribadeo Antigo de Francisco Lanza, nin nos Apuntes de Ribadeo de Méndez San Julian, e quero facelo público para que calquera poida velo e comprobalo por si mesmo, simplemente sacándolle unha boa fotografía e analizándoa. A cruz de Malta, como dixen, é fácil de ver, o dragón está algo máis esfumado pola erosión da intemperie, véndose ben a coroa, a cara e o seu lombo ou espiñazo, todo ó largo do flanco sinistro e a cola dando volta a punta do escudo, o que da sensación dun segundo borde ou boca do escudo.
Este escudo brasonado, coa integración destas novas figuras, lévanos a ampliación do significado das Armas de Ribadeo, que segundo Francisco Lanza (Ribadeo Antigo, páx. 5) a chave e as ondas, foron usadas de forma extra-oficial antes de 1699, para selar escritos que non afectaban os intereses do señorío dos Condes.
Pois ben. As armas deste escudo poderían haberse usado no século XVII como selo do Concello, como di Francisco Lanza, pero estas armas datan do século XII ou do XIII, pois son da época dos Cabaleiros Templarios, como a cruz paté de Malta nos revela. Xa dixéramos no artigo “Escudo de Ribadeo (I) (tamén en La Comarca del Eo 20-08-2016) que este escudo parecíanos un brasón eclesiástico, que representaba a Xurisdición Marítima do Porto de Ribadeo, cuxas alcabalas (imposto sobre permutas e ventas) era cobrado polo bispado.
Sabemos que os territorios de Señorío, podían ter dúas clases de donos diferentes: o Señor Xurisdicional encarnado nunha soa persoa, e o Señor Xurisdicional representado por unha Orde Militar (Apuntes de Nobiliaria y Nociones de Genealogía y Heráldica, Instituto Luís de Salazar y Castro –C.S.I.C.- Curso de Grado, 1960, páx.159). Ribadeo foi Señorío Abadengo desde Fernando II (1157-1188) polo tanto, suxeito á Xurisdición Eclesiástica, que estivo representada polo propio Bispo mentres estivo o Bispado Mindoniense en Ribadeo, primeiro co Bispo Rabinato desde 1182-1199 e logo co Bispo Paio II de Cebeira (1199-1218), pero agora, á vista das Armas do “novo” escudo, cabe a dúbida de se ¿o Bispo delegou o Señorío, e polo tanto o alfolí (almacén de sal e pósito) do Porto de Rivadeo, ao cargo da Orde dos Cabaleiros Templarios, que estivo activa en Europa e España entre 1129-1312?. Sabemos do asentamento dos cabaleiros Templarios en Ribadeo e dos Hospitalarios, pois hai bases documentais de elo (“Templarios na Vilavella” José María Rodríguez, tamén en La Comarca del Eo, Xullo-2016). Recordemos un pouco da súa Historia. As Ordes Monásticas Militares dos Templarios e a dos Hospitalarios foron sempre rivais, aínda que foran xemelgas para a custodia e coidado dos peregrinos que ían a Xerusalén, a Roma ou a Santiago de Compostela, e en algunhas ocasións cooperaran lealmente entre elas para combater os infieis en Terra Santa, como Ordes Militares que eran. En cambio no Camiño de Santiago ámbalas dúas, exercían máis como Ordes Monásticas que como Militares. Os Templarios xuraban votos monásticos de castidade, pobreza e obediencia, pero a súa misión era de carácter militar para custodia e garda dos peregrinos, polos incertos camiños de peregrinación, mentres que a primeira misión dos Hospitalarios era asistencial, coidar dos peregrinos enfermos, e para iso mantiñan lazaretos e albergues para eles. Facendo un paralelismo cun Estado actual, os Hospitalarios serían membros do Ministerio de Sanidade, e os Templarios do Ministerio de Defensa ou do Interior.
Polo que vamos sabendo, creo que se pode dicir sen temor a erro, que o escudo coas Armas de Ribadeo da Capela de San Lázaro e a Cruz da Capela de Ove pertencen a Orde dos Cruzados Hospitalarios, e a estrela do escudo de San Lázaro, é a Estrela Compostelán, como xa críamos no artigo do Escudo da Capela de San Lázaro (tamén en La Comarca del Eo, 10-Xuño-2017).
As accións dos Templarios como monxes guerreiros que combatían a morte ós pagáns, eran difíciles de encaixar coas normas da Igrexa, pero San Bernardo de Claraval (cisterciense) xustificou as súas accións como: “Eles poden librar combates do Señor, como soldados de Cristo... pois aceptar a morte por Cristo ou darlla os inimigos non é se non gloria, non delito...”. Estas xustificacións foron universalmente aceptadas pero como Ordes Monásticas mantiveron sempre unha certa ambigüidade, pois como relixiosos estaban á marxe da sociedade laica, e como militares tampouco encaixaban na Igrexa. Eran unha organización multinacional que se escapaba as xurisdicións civís e eclesiásticas ordinarias, polo que acabaron converténdose nun Estado dentro do Estado e nunha Igrexa dentro da Igrexa (Los Templarios y otros enigmas medievales, Juan Eslava Galán, Planeta DeAgostini, páx.16-17).
O Mestre do Temple residía na casa madre de Terra Santa, e unicamente se sometía ó Papa. Unha Bula papal de 1139, fíxoos completamente autónomos e independentes das xurisdicións episcopais, cunhas substanciosas vantaxes económicas creando unha infraestrutura comercial bancaria en Occidente que chegaba a Oriente. Como eran bos administradores, constituíron unha xestión autosuficiente e xeradora de excedentes que usaban para sufragar os gastos de tropas e castelos en Terra Santa. Quedaron facultados para construír as súas propias capelas (¿a da Virxe do Camiño?) e cemiterios, que moitas veces chocaba co monopolio episcopal que regulaba a vida das poboacións, pois os veciños recorrían a Orde do Temple para o seu auxilio espiritual e enterramento, o que elevou á protesta airada dos bispos, pois supoñía un recorte da súa autoridade e dos seus privilexios. A súa actividade económico bancaria parece ser que fixo á Orde do Temple inmensamente rica e cobizada a súa fortuna, pois os grandes armadores e comerciantes de Venecia, Xénova e Pisa, fixaron os ollos nos prometedores mercados que se abriron en Oriente, e por causa desta, a súa fortuna, foron aniquilados en 1312 polo Papa... Pero esa súa historia non a desenrolaremos aquí, aínda que nos preguntemos se esa sería a causa de esvaecerse (¿a golpe de cicel?) a cruz do seu emblema.
Volvendo os nosos escudos, cábenos pensar que o da Capela de San Lázaro pertencía a Orden dos Hospitalarios e a da Virxe do Camiño á dos Templarios. Miramos na Wikipedia as Ordes de Cabalería dos Cruzados, e vemos as cronoloxías da súa fundación, así como, observamos que as cruces dos Cabaleiros son semellantes, pero non iguais:
A orixe da Orde dos Cabaleiros Hospitalarios remóntase o ano 1084, cando uns comerciantes da cidade de Amalfi, no reino de Nápoles, decidiron fundar un hospital para peregrinos xunto á Igrexa do Santo Sepulcro de Xerusalén baixo a advocación de San Xoán Bautista. A proximidade deste templo fixo que a nova orde recibira o nome de Orde de San Xoán do Hospital de Xerusalén, tamén coñecida como Orde dos Irmáns Hospitalarios, Orde dos Cabaleiros Hospitalarios, Orde Hospitalaria ou Orde de Malta (1530).
A Orde dos Cabaleiros Templarios foi fundada en 1118 ou 1119 por nove cabaleiros franceses liderados por Hugo de Payns tras a Primeira Cruzada. O seu propósito orixinal era protexer as vidas dos cristiáns que peregrinaban a Xerusalén tras a súa conquista.
A Orde dos Cabaleiros Teutónicos ou Orde dos Teutónicos do Hospital Militar de Santa María de Xerusalén, é unha orde medieval de carácter relixioso-militar católica e mariana (con devoción a Virxe María) fundada en Palestina en 1190 durante a Terceira Cruzada na fortaleza de San Xoán de Acre, é en 1198 defínese como Orde Militar.
Tamén sabemos que a cruz paté de Malta que aparece no cantón sinistro do escudo da Virxe do Camiño, foi concesión do Papa Euxenio III en 1147 aos Cruzados Templarios, que neste caso é de cor vermella pois así correspondente ós cabaleiros españois, e sen lugar a dúbida, este brasón é unha gran distinción de privilexio para un cabaleiro, ou para unha vila, Señorío Abadengo como é Ribadeo, ou sexa, unha Xurisdición Real concedida a favor da xerarquía da Igrexa ou dun mosteiro, neste caso ¿a unha capelanía Templaria?
Por outro lado dicir que a Cruz da Igrexa de Ove, como puidemos comprobar agora, non é a da Orde do Temple como pensábamos nun principio, se non que é a da Orde dos Hospitalarios: en campo de sable unha cruz de Malta branca. Unha vez atopadas as diferenzas destas dúas cruces, vimos que había unha terceira Cruz da Orde dos Cabaleiros Teutónicos.
Revisando as antigüidades que podemos ver no Concello de Ribadeo, esta Cruz Teutónica parece ser a mesma que se atopa no lintel da porta principal da Igrexa de San Roque de Vilandriz na parroquia de Santa Eulalia de A Devesa, a 100 metros ó Este da Igrexa e cuxa inscrición, de momento, non fun capaz de ler, polo que queda para un próximo artigo.
Xa dixemos no artigo “Escudo da Capela de San Lázaro” (tamén en La Comarca del Eo, 10-Xuño-2017) que o paletón da chave da Virxe do Camiño, é moi particular, pois as gardas forman un oco coa figura dunha cruz cadrada (de brazos iguais) dando a entender que é unha “chave pontificia”, isto é, pertencente o poder do Papa, neste caso, representado baixo a xurisdición dun bispo, polo que se tivera esmaltes, debería ser de prata neste brasón da Virxe do Camiño. Así mesmo, as ondas serían intercaladas de azur e prata.
Pero ¿o dragón? ¿por qué hai no campo do escudo un dragón coroado? ¿que esmalte ou cor lle corresponde?. Sabemos que o dragón, é un animal fabuloso que desde moi antigo estaba consagrado a Minerva, para denotar que a verdadeira Sabedoría non dorme xamais (Ciencia del Blasón, D.Modesro Costa y Turell, 2ª edición, 1858, páx.116). Os dragóns son figuras quiméricas que normalmente se engaden os brasóns para realzar ás figuras ás quen miran ou abrazan. No Escudo de Armas da Casa dos Miranda de Conforto, hai dous preciosos dragóns esculpidos en pedra, un a cada lado do brasón das cinco doncelas dos Miranda.
Seguramente o esmalte que lle corresponde a este animal, “serpente con patas e alas, de gran fereza e voracidade”, é o seu propio cor: sinople (cor verde) ou sable (cor negro). Todo o escudo tería campo de azur, como o actual de Ribadeo.
Non cabe dúbida de que a Historia de Ribadeo necesita unha revisión a fondo, pois sendo como foi o mellor Porto Natural de Refuxio e Comercial do Cantábrico, desde tempo inmemorial, aquí ocorreron moitas cousas importantes que temos a obriga de descubrir. ¿Navegaban os Templarios de Ribadeo con “valiosas mercadorías” ou soamente se dedicaron a coidar da vida e da “facenda económica” dos peregrinos que viñan polo Camiño de Santiago? ¿Como é posible que atopemos as cruces das “tres” Ordes de Cabaleiros Cruzados en Ribadeo?
Publicado por
agremon
ás
6/20/2017 08:10:00 a.m.
Enviar por correo electrónicoBlogThis!Compartir en TwitterCompartir en FacebookCompartir en Pinterest
Etiquetas:
historia,
Pancho Campos
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario