20160427

Descomposición

A agregación da xente a movementos sociais constitúe un paso de composición social. A desagregación da xente dos movementos sociais constitúe un paso de descomposición social.
Quizais non está expresado dun xeito rigoroso, pero coido que si queda clara a idea básica.
E voltamos a Ribadeo. Hai tempo -uns vinte anos- teño entendido que figuraban nun listado de asociacións realizado para a Paco Lanza máis de cen. Non sei as que quedan agora funcionando, pero atreveríame a dicir que, aínda que dende aquela se crearon un bon carrado delas, as asociacións activas baixaron abondo. Mesmo no blog neste último medio ano teño dado nova de algunhas, como O Tesón -polo momento ata fin de ano se actividade social- ou o Formigueiro. Pasado pasado mañá, sábado, afronta unha unha máis a unha situación crítica. Trátase de Amadores da Música, con 28 anos ó lombo e unhas realizacións que están 'ó ouvido' tanto como á vista.
A primeira foto da banda, presentándose no 1992. Éramos máis novos, había xente que xa non está, e unha ilusión por riba de fronteiras.

Sábado, no salón de actos da casa do Mar, a partir das 20:30, unha nova proba do algodón para a sociedade ribadense. Sei que houbo algún movemento dende a anterior asemblea, tamén proposta para renovación da directiva, para que un grupo de persoas se faga cargo da dirección. O que non sei é se chegou a cristalizar (tamén houbo un tal movemento no caso de O Tesón e polo momento segue sen proposta definitiva). Outra sociedade que sería mágoa que se quedara ó garete, outra perda de conciencia social en Ribadeo.
É certo que hoxe hai outros xeitos de organización social que non teñen por que pasar por asociacións -aí está o 'grupo' "Por nuestro faro"  en defensa dunha illa Pancha común, sen ter unha estrutura asociativa e funcionando en defensa de intereses sociais comunais- pero non por elo deixa de ser unha desagregación social que deixen de existir asociacións como Amadores, ás que tanto individuos como o conxunto social temos que dar as grazas polo seu existir e actuar, con todas as luces e sombras que poidan ter tido ata o momento.
De pronto, sábado á noite saberemos algo máis. Esperemos non ter que quedarnos en Ribadeo coa historia da banda, ou da música, en troques de facer ambas cousas.

Ningún comentario: