20141024

Sen novidade na política ribadense (e V). Sen novidade?

Despois de comentar algunhas cousas sobre UPRi, PP e PSOE, nunha primeira parte, e logo sobre o BNG, na segunda, coido que hai que engadir unha última parte sobre o que xa se chama Ribadeo en común.
Unha nota antes de nada: coido que debo advertir que polo momento me atopo entre a xente que pretende sacar adiante a iniciativa, por se alguén cre que isto pode desvirtuar a miña opinión.
Ben, a cousa é que en Ribadeo, como noutras tantas partes, hai un desencanto non xa en relación ós partidos políticos en si, senón ó xeito en que se están a facer as cousas, sexa que sexa quen esteña no poder. Coido que coa premisa anterior, a casuística inicial pode ser totalmente diferente entre dous lugares diferentes. E Ribadeo, cun partido forte no concello pero minoritario tanto a nivel estatal como gallego, entre outras características, é evidente que non presenta rasgos moi comúns. Rasgos entre os que se inclúe unha dificultade engadida para chegar a unha posición importante no consistorio, unha traxectoria do equipo de goberno que coido se pode cualificar por riba do nivel medio dos equipos da democracia.
Entón, a primeira cousa sería o por que un conxunto de xente quere crear unha nova plataforma comunitaria e xa leva un manifesto constitutivo e avanza con seguridade cara á súa propia definición programática, metodolóxica ou comunicativa con vistas á presentación dun equipo ás eleccións. A resposta é polo alonxamento da política, políticos e partidos tradicionais da participación xeral efectiva. Quizais se debera engadir que despois de todo, a percepción dunha traxectoria mellor que a media da democracia tampouco significa moito no sentido de que é superable. Pero iso é aínda de cara ó futuro, como aspiración, mentres o xeito de facer política no sistema actual é algo palpable, no que as peticións da definición dun Ribadeo que queremos ou do sistema de participación cidadá quedan en dique seco ou desviadas sen máis.
Ribadeo en común ten ante si desafíos grandes antes de poder facer a presentación dunha candidatura, un camiño que recorrer con traballo. Se logra chegar á fase final co mesmo esprito que leva demostrado ata o momento, o mapa municipal quedará fortemente variado.
Ben, trátase do futuro, e máis aínda que nas catro entradas anteriores, dunha visión persoal onde se podería completar de xeito moito máis longo con outros datos e comentarios, e por definición, como calquera previsión, sen contar cos imprevistos. Ó fin, Ribadeo, tanto en xeral como en política en particular, construirémolo entre todos.
-
Outras: UPRi, PP, PSOE, BNG, Ribadeo en común.

Ningún comentario: