20141021

Apelando sobre as Catedrais

Dende hai uns días, o concello ten colgada a súa apelación ó Plan de Conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais - Augasantas (Ribadeo), e tamén que quería facer un pequeno comentario.
Pequeno, porque para quen teña lido o Plan, debera ser todo o máis unha liña introdutoria, e quen non o teña lido, posiblemente non sexa quen de encadrar un comentario máis longo. Vaia por diante que considero un bo exercicio sobre o funcionamento administrativo a lectura de ambos, sen que en ningún dos dous casos crea que son literatura destacable.
A apelación do concello ten dúas partes nidiamente separadas e de lonxitude semellante. A primeira, que preténdese valoración xeral, manifesta de novo a idea do equipo de goberno municipal de que debe dárselle outro tipo de protección, e nese sentido é case un mini plan, artellado de xeito abondo formal e que se ve completado con dous anexos, con datos xeomorfolóxicos e castrexos (5 páxinas das 16) que entendo deberan axudar a completar os que apoian o plan da Xunta. A segunda parte fai a crítica en si, a modo de valoración concreta, facendo fincapé non só en cousas que considera favorables do plan (algunha hai), ou faltas/erros/lagoas, senón tamén en que non desenvolve polo momento os aspectos económicos nin sociais. A continuación dos puntos que servirían de índice, e sen mediar cambio de estrutura, vai desenvolvéndoos, comezando pola cifra de visitantes, na que non di nada máis que o documento non se molla demasiado nin especifica unha carga diferencia segundo circunstancias (marea, por exemplo), e pasa a queixarse de que o traballo de campo foi escaso, dous días, para poder determinar nada.
O rexistro telemático de visitantes é atacado, pero non tanto por ser telemático, como por ter a base de resposta en Santiago, con todo o que iso pode implicar de ocntrol. E a dotación de infraestruturas da que está a falar o plan considérase insuficiente.
Para rematar, unha folla escasa de 'parte propositiva' que fai resume da primeira parte propoñendo a creación dun Parque Natural.

Ningún comentario: